Lorenzana destaca que as exportacións galegas a Francia representan case o 20 % do total das vendas ao exterior

Luns, 10 Febreiro 2025 20:05
  • Destaca que no 2023 as exportacións ao país galo acadaron preto de 5.300 millóns de euros
  • Insiste en que Galicia é un “territorio atractivo” que ofrece estabilidade, certezas e un entorno favorable para o desenvolvemento empresarial
  • Destaca que a prioridade da Xunta é seguir potenciando esta relación económica

Madrid, 10 de febreiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que as exportacións galegas a Francia representaron no ano 2023 case o 20 % do total das vendas ao exterior.

Lorenzana, que participou no Encontro entre a Comunidade franco-española e a súa relación coa Universidade -foro organizado pola Universidade Politécnica de Madrid-, destacou que Francia é un investidor chave e un socio estratéxico co que Galicia comparte unha relación comercial sólida e “mostra disto é que as exportacións ao país galo acadaron preto de 5.300 millóns de euros”, dixo. Na súa intervención, a conselleira puxo en valor que Galicia é un territorio atractivo para o investimento estranxeiro porque “ofrecemos estabilidade, certezas e un entorno favorable para o desenvolvemento empresarial”, subliñou.

Neste sentido, sinalou que o Goberno galego aposta por unha economía aberta e competitiva que exporta calidade, innovación, talento e valor engadido. Segundo explicou, Francia é un aliado fundamental na vocación internacional que ten a economía galega, unha relación que se sustenta en sectores estratéxicos que “definen o noso modelo industrial e produtivo” apuntou.  

Así, fixo alusión á automoción que “é o motor das nosas exportacións”, con máis de 2.000 millóns de euros vendidos a Francia o ano pasado; e aos sectores téxtil ou agroalimentario, “que reforzan aínda máis a nosa presenza no país galo”, sinalou.

Así mesmo, explicou que a prioridade da Xunta é fortalecer os lazos con Francia e seguir potenciando as relacións pois “cremos na cooperación e na competividade”, subliñou.

  • A Xunta subliña o elevado interese das pemes polas axudas á transformación dixital do Igape con preto de 400 solicitudes rexistradas
    Ler máis
  • A Xunta destaca o papel da iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo para impulsar as capacidades industriais de Galicia neste sector
    Ler máis
  • Lorenzana lembra que as empresas aínda poden sumarse aos acordos de asociación para impulsar grandes proxectos industriais en seguridade, a defensa e o aeroespazo en Galicia
    Ler máis