- A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura o Startup Day da 8ª edición dunha aceleradora que ten impulsado ata o de agora 92 empresas das que preto do 70 % seguen activas, xerando arredor de 500 postos de traballo e máis 45 millóns de euros de facturación
- Destaca que o talento emprendedor “non só xera innovación, senón que tamén contribúe activamente ao crecemento económico de Galicia”
- Pon en valor outras iniciativas como a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes ou a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech)
- Avanza que a Xunta está a traballar para activar novas aceleradoras neste ano 2025 en ámbitos como a saúde e o benestar, a industria do deporte e as enerxías renovables
Nigrán (Pontevedra), 19 de marzo de 2025
A Xunta de Galicia reafirma a súa aposta pola innovación e o emprendemento coa consolidación de ViaGalicia como unha das aceleradoras de referencia no ecosistema empresarial galego. Así o destacou hoxe a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, durante a inauguración no Startup Day da 8ª edición de ViaGalicia, un evento clave que reúne emprendedores, inversores e axentes do ecosistema de innovación da comunidade.
A aceleradora, promovida pola Xunta en colaboración coa Zona Franca de Vigo, leva impulsadas ata o momento 92 empresas, das que preto do 70 % seguen activas, xerando máis de 500 postos de traballo directos e superando os 45 millóns de euros de facturación acumulada. Estes datos, subliñou Toca Carús, confirman que ViaGalicia é unha ferramenta fundamental para converter ideas innovadoras do talento galego en proxectos empresariais sólidos e competitivos.
A directora do Igape subliñou a importancia de consolidar Galicia como un territorio favorable ao emprendemento, cunha aposta clara por políticas que fomenten a creación de novas empresas, faciliten o acceso ao financiamento e impulsen a internacionalización das startups galegas.
O Startup Day de ViaGalicia é unha xornada clave dentro do proceso de aceleración, xa que permite ás startups presentar os seus proxectos ante un comité de expertos, investidores e representantes institucionais. Nesta edición, as iniciativas seleccionadas contarán cun programa de formación intensivo, acceso a mentorización especializada e posibilidade de optar a financiamento para o seu desenvolvemento.
A aposta polo emprendemento
Ademais de ViaGalicia, explicou Toca Carús, a Xunta de Galicia conta con outras iniciativas para fortalecer o ecosistema emprendedor e impulsar a competitividade das empresas galegas. Entre elas, resaltou a rede galega de business factories, que agrupa aceleradoras especializadas en sectores estratéxicos para Galicia, como BFFood, dedicada á innovación na industria alimentaria; BFAuto, que impulsa proxectos no sector da automoción; BFAero, centrada en innovación aeronáutica; Clima Tech, especializada en proxectos de economía circular e sustentabilidade.
“E xa estamos a traballar para poñer en marcha novas aceleradoras neste ano 2025 en ámbitos como a saúde e o benestar, a industria do deporte e as enerxías renovables”, afondou Toca Carús, poñendo en valor o compromiso da Xunta co desenvolvemento do talento emprendedor galego e a creación dun ecosistema empresarial dinámico, innovador e competitivo.