A Xunta reforza o apoio ás empresas galegas para acceder ao mercado dos Emiratos Árabes Unidos

Mércores, 07 Mai 2025 09:58
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na xornada “Emiratos Árabes Unidos: Economía e oportunidades de negocio en Oriente Medio para as empresas galegas”, onde pon en valor o papel da Antena do Igape en Dubai para “abrir portas nun mercado clave para a innovación e a diversificación industrial”
  • Esta oficina xa ten xestionado arredor de 25 solicitudes de servizo en sectores como a alimentación, a saúde, as TIC, a industria ou a defensa, ademais de manter contacto directo con clústers como o da Saúde, Naval, da Pedra, TIC ou Conxemar
  • Máis de 100 empresas galegas exportaron a Emiratos Árabes Unidos no 2024 por un valor de 74,6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025

A Xunta de Galicia reafirma a súa aposta pola internacionalización como motor de crecemento para o tecido empresarial galego a través dun impulso renovado á súa presenza no Golfo Pérsico coa Antena Empresarial do Igape en Emiratos Árabes Unidos. A oficina, situada en Dubái e operativa desde febreiro de 2024, ofrece servizos gratuítos e personalizados ás empresas galegas que desexan acceder a esta rexión estratéxica.

Durante a xornada “Emiratos Árabes Unidos:  Economía e oportunidades de negocio en Oriente Medio para as empresas galegas”, celebrada este martes en Santiago, a directora do Igape, Covadonga Toca, destacou a importancia desta iniciativa. “A Antena do Igape en Dubái permite abrir portas nun mercado clave para a innovación, a diversificación industrial e a sustentabilidade, posicionando a Galicia como socio fiable nun contexto económico emerxente”, subliñou.

Neste sentido, a antena xa ten xestionado arredor de 25 solicitudes de servizo en sectores clave como a alimentación, a saúde, as TIC, a industria ou a defensa, ademais de manter contacto directo con clústers como o da Saúde, Naval, da Pedra, TIC ou Conxemar.

A rede de Antenas do Igape constitúe unha ferramenta fundamental da política de internacionalización da Xunta, que vai máis alá das liñas de axuda económicas. Estas oficinas funcionan como delegacións avanzadas do Goberno galego no exterior, ofrecendo acompañamento inicial, asesoramento sectorial, elaboración de axendas comerciais, seguimento de contactos e apoio á implantación de empresas galegas en mercados clave.

A día de hoxe, a rede está presente en destinos estratéxicos como Estados Unidos, México, China, Xapón, Marrocos e Emiratos Árabes Unidos, cubrindo un mercado potencial de máis de 2.000 millóns de consumidores. Esta presenza permite ao Igape dispoñer de información en tempo real sobre a evolución dos mercados e adaptar a súa estratexia ás particularidades de cada país, facilitando así a toma de decisións por parte das empresas galegas.

No caso concreto da oficina en Dubái, o obxectivo é identificar oportunidades de negocio, resolver dúbidas, facilitar contactos e apoiar a implantación de empresas galegas nun mercado que medra a un ritmo superior ao 5% anual. Emiratos Árabes Unidos estase a consolidar como un polo económico en áreas como a innovación, a diversificación industrial, as infraestruturas, o turismo e a sustentabilidade.

A antena actúa tamén como ponte de acceso ao conxunto da rexión do Golfo, con actuación en países como Arabia Saudita, Irán, Baréin, Kuwait, Omán ou Qatar. Trátase dun mercado conxunto de máis de 147 millóns de habitantes e unha capacidade de importación superior aos 100.000 millóns de euros. Só no 2024, Galicia exportou a Emiratos Árabes Unidos por un valor de 74,6 millóns de euros, por riba dos 68,8 millóns do ano anterior.

  • A Xunta mobiliza máis de 186 M€ en axudas empresariais a través do maior paquete de apoios anticipados na historia do Igape
    Ler máis
  • A Xunta asina un acordo de colaboración coa Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo para impulsar o crecemento do sector en Galicia
    Ler máis
  • Rueda avalía as inversións da Xunta na cidade e provincia de Lugo en áreas como a educación, a vivenda ou o saneamento
    Ler máis