- Este programa ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 M€ para investimentos produtivos, circulante e, tamén, para pagamento ou reestruturación de débedas
- Entre 2020 e 2024, mobilizou 389 M€ e resultaron beneficiadas 4.926 pemes e autónomos, especialmente, do sector do comercio, seguido da industria, a hostalería e o turismo
Sanxenxo (Pontevedra), 10 de maio de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que a liña de préstamos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para favorecer o acceso ao crédito das pemes ascende este ano ata os 19 millóns de euros e permanece aberta ata o vindeiro 30 de setembro.
Lorenzana visitou hoxe en Sanxenxo as instalacións do ximnasio Growgym, beneficiario deste programa de apoios no que colaboran as sociedades de garantía recíproca e entidades financeiras, e que ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 millón de euros para investimentos produtivos, circulante e, tamén, para pagamento ou reestruturación de débedas.
Segundo dixo, a principal novidade deste ano é que se aumenta a dotación orzamentaria, que pasa dos 17,5 millóns de euros do pasado ano aos 19 millóns de euros desta convocatoria para poder conceder operacións de financiamento por importe superior aos 150 millóns. De feito, ata o momento, hai xa 874 solicitudes rexistradas que están en proceso de resolución e un importe solicitado que suma 146,7 millóns de euros, o cal demostra a boa acollida que esta liña de apoios ten sempre entre as pequenas e medianas empresas, sinalou.
Entre 2020 e 2024, precisou a modo de balance, o importe mobilizado foi de 389 millóns de euros; o orzamento que destinou o Igape acadou os 30,6 millóns de euros; e resultaron beneficiadas 4.926 pemes e autónomos, especialmente, do sector do comercio, seguido da industria, a hostalería e o turismo. Por provincias Pontevedra foi a segunda desde onde se recibiron máis solicitudes (34,9 por cento); A Coruña, a primeira (46,78 por cento); seguidas de Lugo (10,26 por cento) e Ourense (7,99 por cento).
É, en termos xerais, concluíu, unha liña de apoios moi competitiva, especialmente, se temos en conta o contexto de tipos de xuro tan elevados que dos últimos meses.