A partir das 9:00 h do 3 de xullo de 2025 ábrese o prazo de solicitude de servizos de Interim Management para as empresas galegas. O prazo permanecerá aberto ata as 14:00 h do luns 4 de agosto.
As solicitudes deberán ser presentadas telematicamente a través do procedemento IG309.2025.1 - SERVIZOS DE INTERIM MANAGEMENT PARA AS EMPRESAS GALEGAS, accesible a través da oficina virtual do IGAPE.
En que consiste?
O Interim Management consiste na incorporación temporal de profesionais altamente cualificados e con experiencia comprobada para xestionar situacións excepcionais nun tempo determinado e con obxectivos concretos, como reestruturacións empresariais, procesos de transformación, substitución temporal dun directivo, desenvolvemento de novos negocios ou mercados, expansión internacional, xestión de crises, etc. Estes expertos aportan unha visión externa, neutral e orientada a resultados, que lle permite á empresa implementar cambios en prazos máis curtos e con maior efectividade.
O valor do Interim Management radica na súa capacidade para ofrecer solucións áxiles e adaptadas ás necesidades específicas da empresa, reducindo riscos e optimizando recursos. Ademais, o seu enfoque temporal con prazo reducido e determinado, permite ás empresas manter o control dos seus custos, mentres se benefician de coñecementos estratéxicos que fortalecen a súa posición competitiva no mercado.
En definitiva, o Interim Management non só brinda soporte en situacións críticas, senón que tamén impulsa o crecemento e a innovación nas empresas, axudándoas a superar os seus desafíos con éxito e a prepararse para un futuro sostible.
Características básicas dos servizos prestados
- Asumirán unha misión executiva concreta
- Durante un período de tempo determinado
- Con obxectivos previamente definidos
Os servizos asignado de Interim Management, garantirán os recursos necesarios, en particular:
- Profesionais cualificados para a xestión das empresas seleccionadas
- Capacidade para a supervisión dos procesos
Custo do servizo
Cada servizo de Interim Management asignado terá unha duración de 6 meses, cunha dedicación á empresa de 20 horas semanais por parte do Manager asignado.
Estipúlase un custo de 30.000 € por servizo especializado, do que o IGAPE asume o 75 % (22.500 €) e a empresa beneficiaria o 25 % (7.500 €), mais o IVE do custo total se fose de aplicación.
Condicións necesarias para a convocatoria de empresas participantes no proxecto piloto
Esixiranse ás empresas solicitantes as seguintes declaracións:
- Que non incorre en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Que non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
- Que non ten percibido outras subvencións que de xeito acumulado coa prevista neste proxecto piloto superen o 100% do custo para a realización da actividade.
- Que non percibiu axudas en réxime de minimis nos dous últimos anos mais o que vai do presente ano que, acumuladas á axuda para o servizo de Interim Management, superen os 300.000 €.
AIME e APD deberán recadar das empresas, unha vez seleccionadas e antes de iniciar os servizos a seguinte documentación, que será remitida ao Igape:
- Escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, e modificacións posteriores destes.
- Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
- Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.
- Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
- Certificado da AEAT de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE).
Criterios de selección das empresas obxecto do servizo piloto de Interim Management
1. Obxectivo do servizo solicitado. Serán prioritarios, por este orde os seguintes servizos:
- Abordar unha ameaza importante de insolvencia ou quebra empresarial.
- Xestión dun cambio organizativo importante.
- Desenvolvemento de novos negocios ou novos mercados.
- Profesionalización dunha startup.
- Substitución temporal dun cargo directivo.
- Outras situacións empresariais propicias para a intervención de IM.
2. Tamaño da empresa. Pola tipoloxía do servizo a prestar, serán prioritarias segundo o seu tamaño, polo seguinte orde de prelación:
- As medianas empresas.
- As pequenas empresas.
- As grandes empresas.
- As microempresas e autónomos.
3. Actividade. As actividades empresariais priorizaranse do seguinte xeito:
- Actividades industriais.
- Actividades de servizos.
Solicitudes
A través do enlace facilitado na oficina virtual do IGAPE, os solicitantes deberán cubrir os datos no formulario de solicitude.
Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:
- As solicitudes subscribiranse directamente polas persoas interesadas ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.
- Ter en vigor un certificado dixital dos validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado (http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC).
Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificado dixital, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.