Lorenzana anuncia que a partir do 29 de xullo xa se poderán solicitar as axudas por valor de 45 M€ para empresas do sector da automoción

Martes, 21 Xullo 2026 18:35
  • O programa estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha
  • As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co clúster, poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas
  • Lorenzana asegura que a industria galega está nun momento moi bo, pero “precisa do acompañamento e da colaboración da Administración”

Tui (Pontevedra), 21 de xullo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou esta mañá que a partir do vindeiro 29 de xullo abre o prazo para solicitar o terceiro paquete de axudas extraordinarias aprobado pola Xunta para o sector da automoción cun orzamento de 45 millóns de euros, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.

Así o anunciou nunha visita ás instalacións de Valver -no polígono industrial de Areas, en Tui- que considerou unha empresa “punteira” que forma parte da “extraordinaria cadea de valor” do sector da automoción en Galicia, dixo, con máis de 40 anos de antigüidade e que destaca polo seu grado de innovación e internacionalización.

“Continuamos nesa aposta por un sector clave dentro da industria galega, e con esa estratexia de industrialización coa que pretendemos ir aumentando, pouco a pouco, a achega que fai a industria á economía galega, que está nun momento moi bo, pero que precisa de acompañamento e da colaboración da Administración coas empresas”, indicou Lorenzana.

O programa estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha. A primeira, para proxectos de desenvolvemento experimental e de innovación en organización e procesos; a segunda, para actuacións en materia de protección do ambiente e descarbonización; e, a terceira, dirixida ás pemes para facilitar a súa adaptación á mobilidade verde, descarbonizada e conectada.

As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co Clúster da Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas. Todos os proxectos deberán contar cun investimento subvencionable mínimo de 100.000 euros. Ademais, para facilitar a execución das actuacións, prevese un pagamento anticipado do 80 por cento da subvención, que se tramitará de oficio e sen necesidade de constituír garantías.

Poderán alcanzar o 50 por cento nos proxectos de desenvolvemento e innovación e o 32,5 por cento nos investimentos de protección ambiental e descarbonización, en función do tamaño da empresa. No caso das pemes, subvencionarase ata o 50 por cento dos gastos de consultaría asociados aos proxectos de transformación e modernización produtiva.

Esta nova convocatoria enmárcase na estratexia que a Xunta vén desenvolvendo para consolidar Galicia como un dos principais polos da automoción en Europa e acompañar este sector industrial nun momento decisivo marcado pola electrificación e a descarbonización.

Neste contexto, a previsión é chegar a mobilizar máis de 230 millóns de euros a través do Plan director da automoción de Galicia 2025-2027, dotado con 134,1 millóns de euros, e do Programa extraordinario de apoio á descarbonización e á transición ao vehículo eléctrico iniciado en 2024.

  • Rueda destaca o Grupo Cándido Hermida como un referente do prestixio internacional de Galicia no sector contract
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia que a partir do 29 de xullo xa se poderán solicitar as axudas por valor de 45 M€ para empresas do sector da automoción
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia que o vindeiro 28 de xullo se convocarán as axudas para financiar ás adegas galegas a adquisición de uva, cun orzamento de 2 M€
    Ler máis