- Desde a apertura do prazo, o 5 de agosto, xa se rexistraron máis dunha decena de solicitudes por unha operación financeira total de 3,62 M€
- Nas tres edicións convocadas ata o de agora (2023-2025), lévanse acollido a estes apoios 119 adegas, con máis de 41,7 millóns de euros de financiamento mobilizado e 2,1 millóns de euros en préstamos concedidos
- Lorenzana define as adegas Santiago Roma como unha empresa familiar con case trinta anos de historia que prima a calidade e os métodos artesanais para obter un viño de autor que leva recibido numerosos galardóns
Ribadumia (Pontevedra), 12 de setembro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, lembrou hoxe que ata o vindeiro 16 de decembro vai estar aberta a liña de préstamos da Xunta para financiar ás adegas galegas a adquisición de uva nesta campaña, cun orzamento de 2 millóns de euros.
Nunha visita ás adegas Santiago Roma, Lorenzana explicou que, xa iniciada a tempada de vendima, o que se busca con estes apoios é darlles liquidez e acceso a financiamento en condicións máis vantaxosas posto que a Xunta subvenciona os xuros e as comisións das operacións de préstamos formalizadas para a adquisición da uva.
A liña de apoios 2026 pode solicitarse desde o pasado 5 de agosto e o seu obxectivo é axudar ás adegas galegas a afrontar un dos momentos de maior esforzo financeiro do ano, posto que lles facilita adquirir a colleita de uva e efectuar o pagamento aos viticultores nos prazos establecidos.
Nas tres edicións convocadas ata o de agora (2023-2025), lévanse acollido a estes apoios 119 adegas, con máis de 41,7 millóns de euros de financiamento mobilizado e 2,1 millóns de euros en préstamos concedidos. Pola súa banda, no que vai desta edición, xa se rexistraron unha decena de solicitudes por unha operación financeira total de 3,62 millóns de euros.
A conselleira referiuse ás adegas Santiago Roma como unha empresa familiar con case trinta anos de historia que prima a calidade e os métodos artesanais para obter un viño de autor que leva recibido numerosos galardóns.
As cinco Denominacións de Orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei) e as cinco Indicacións Xeográficas Protexidas intégranas 13.400 viticultores e 479 adegas, cun valor económico do viño comercializado superior aos 200 millóns de euros. A vendima de 2025 finalizou con case 76 millóns de uva recollidos, e foi a terceira máis abundante desde que hai rexistros (tras as de 2011 e 2023).
Neste contexto, o obxectivo desta liña de financiamento é contribuír á competitividade dun sector estratéxico para a economía e o medio rural que é dos que mellor representa os valores da marca Galicia Calidade, concluíu.