- A convocatoria está dotada con 40 M€ e busca conformar consorcios empresariais para o desenvolvemento de tecnoloxías duais vinculadas coa seguridade, a defensa e o aeroespazo
- Lorenzana explica que un elemento que distingue esta edición das anteriores é que incorpora como prioridade a fabricación en Galicia, o que significa “que cada investimento deixe detrás capacidade produtiva permanente, non só un titular”, di
- É unha licitación de Compra Pública Precomercial que “non naceu nun despacho”, subliña, senón logo dun diálogo estratéxico previo con 78 empresas do sector para identificar mellor retos e necesidades
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a adxudicación dos acordos de asociación, cuxa convocatoria permanece aberta ata o vindeiro 30 de setembro, realizarase priorizando a fabricación en Galicia.
Así o adiantou hoxe durante a súa intervención na xornada de presentación deste programa de Compra Pública Precomercial, dotado con 40 millóns de euros, co que a Xunta quere seleccionar novos socios estratéxicos e tecnolóxicos cos que desenvolver tecnoloxías duais -de uso civil e para o sector da seguridade e a defensa-, dentro da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda).
Lorenzana explicou que un elemento que distingue esta edición das anteriores é que incorpora como prioridade a fabricación en Galicia. Isto significa, dixo, “que o coñecemento quede no territorio; que as empresas galegas entren nas cadeas de subministración; que os nosos centros tecnolóxicos e de coñecemento traballen man a man con esas empresas; que o talento galego atope aquí a súa oportunidade; e que cada investimento deixe detrás capacidade produtiva permanente, non só un titular”.
“Queremos que cada euro público mobilizado teña un retorno produtivo real para Galicia -abondou-. Que consolide empresas, abra oportunidades ás pemes, cree emprego cualificado e reteña talento. Porque non nos conformamos con atraer tecnoloxía; queremos atraer industria”, aseverou.
Segundo apuntou, Galicia conta cun tecido empresarial extraordinariamente diverso: naval, automoción, metal, TIC, loxística, electrónica, fabricación avanzada. Sectores con capacidades xa probadas, dixo, que agora poden entrar nas novas cadeas de valor da seguridade, a defensa e o aeroespazo.
É unha licitación, ademais, que “non naceu nun despacho”, senón logo dun diálogo estratéxico previo con 78 empresas do sector, dixo. “Escoitámolas antes de deseñar o instrumento, identificamos con elas os retos tecnolóxicos reais desta industria e construímos unha convocatoria pensada desde esas necesidades, non ao revés”, subliñou.
Esta actuación é a primeira gran peza do Programa Ecosistema da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo, dotado con 183 millóns de euros, que aspira a mobilizar 900 millóns entre investimento público e privado; a crear máis de 500 empregos directos de alta cualificación; e a consolidar novas cadeas de valor en torno a estes tres sectores. Súmase ás axudas xa en marcha para investimentos en industria dual, á convocatoria para certificar as empresas galegas como provedoras do sector da defensa, e ao programa para formar aos profesionais que este sector vai necesitar.