A Xunta reforza as relacións empresariais con México para impulsar novas oportunidades de investimentos

Mércores, 16 Setembro 2026 16:30
  • En 2025 as exportacións galegas a este país acadaron os 324 millóns de euros
  • Automoción, téxtil, agroalimentación, e metalmecánica concentran boa parte das vendas galegas neste mercado
  • Lorenzana ratifica o compromiso do Goberno galego con dar apoio ao tecido empresarial para expandirse no exterior e atraer novas liñas de negocio

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, analizou hoxe en Santiago as relacións comerciais e empresariais entre Galicia e México nun encontro co novo cónsul honorario Alfonso Pereira e cos responsables da Antena do Igape neste país. Na reunión tamén se abordaron posibles novas vías de colaboración económica e oportunidades de investimento para ambas dúas economías.

México é un mercado moi interesante para Galicia. Así, as exportacións galegas acadaron o ano pasado os 324 millóns de euros, nas que destacan produtos dos sectores da automoción, téxtil, agroalimentario e metalmecánico, fundamentalmente. No que respecta ao número de empresas que exportan os seus produtos a ese país, ascendeu a 409 no 2025.

Lorenzana expuxo ao cónsul honorario os principais obxectivos da política económica e industrial da Xunta, que busca afianzar a internacionalización da economía galega promovendo tanto as exportacións como, tamén, o investimento exterior na comunidade.

Neste contexto, presentoulle o labor que vén facendo a Oficina Económica de Galicia como interlocutora á hora de identificar proxectos de interese para a industria galega e de darlles todo o asesoramento e o acompañamento administrativo necesario para a súa implantación.

Finalmente, a conselleira de Economía e Industria ratificou o compromiso do Goberno galego con dar apoio ao tecido empresarial para expandirse no mercado exterior e ampliar a súa capacidade exportadora, toda vez que as exportacións da Comunidade rozaron o ano pasado os 31.000 millóns de euros.

  • A Xunta reforza as relacións empresariais con México para impulsar novas oportunidades de investimentos
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a Xunta vai adxudicar os grandes proxectos industriais de seguridade, defensa e aerospazo priorizando a fabricación en Galicia
    Ler máis
  • A Xunta mantén aberta a liña de préstamos de 2 M€ para facilitar ás adegas galegas a compra de uva nesta campaña
    Ler máis