Os Orzamentos de Economía e Industria crecen ata os 480 M€ para crear máis solo industrial e consolidar as oportunidades da innovación e do sector da defensa

Venres, 23 Outubro 2026 16:53
  • Xestur bate un récord histórico ao incrementarse un 36 por cento o seu presuposto e situarse nos 45,66 M€
  • Será novidade o programa Galicia Industria 360, que ofrecerá naves preparadas para reducir os prazos de implantación de novas empresas
  • A Iesda cuadriplica os apios ás empresas: pasan de 1,93 M€ a 7,25 M€; e destina 12,13 M€ a incentivar o desenvolvemento tecnolóxico
  • O orzamento para innovación do Igape (46 M€) enfocaranse en potenciar a innovación industrializada para fomentar a fabricación de produtos e servizos tecnolóxicos en Galicia e a súa comercialización
  • No ámbito enerxético (Inega), destinaranse 40,54 M€ a apoiar os investimentos de empresas, entidades e familias e a impulsar o autoconsumo e o almacenamento
  • Mantense a aposta pola construción en madeira na Xera, coa rehabilitación do Pazo de Lourizán como principal actuación (6M€)

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que os Orzamento do seu departamento para o vindeiro exercicio crecen ata os 479,39 millóns de euros, un 5,47 por cento máis con respecto aos actuais, para crear máis solo industrial e consolidar as oportunidades da innovación e do sector da defensa.

Lorenzana presentou hoxe no Parlamento as contas da consellería para 2027, onde precisou que, sen os fondos MRR, o aumento sitúase arredor do 8 por cento. Ademais, sen contar persoal nin operacións financeiras, o gasto medra un 3,93 por cento, de 322,9 a 335,6 millóns.

Orzamento récord en Xestur e programa Galicia Industria 360

En 2027, segundo explicou, a Consellería de Economía e Industria vai continuar priorizando a creación de solo empresarial, co obxectivo de desenvolver case 12 millóns de metros cadrados ata o ano 2030. Para iso, o orzamento de Xestur bate un récord histórico ao incrementarse un 36 por cento e situarse nos 45,66 millóns de euros. En paralelo, tamén se vai duplicar a dotación da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial dedicada ao financiamento desta sociedade, que pasa de 10 a 20 millóns de euros.

A medida máis importante nesta área vai ser o programa Galicia Industria 360, que ofrecerá solucións integrais ás necesidades da industria, con naves preparadas para reducir os prazos de implantación de novas empresas. Xunto con isto, vanse reforzar, tamén, as axudas aos concellos para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais, que soben un 61,44 por cento, ata os 4,78 millóns de euros; e para planeamento.

Defensa, Seguridade e Aeroespazo

Por outra banda, mantense a aposta pola diversificación industrial, e as principais actuacións recollidas na Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aerospazo (Iesda) para o 2027 van contar con 19,45 millóns de euros, un 50 por cento máis, entre desenvolvemento tecnolóxico, convenios e apoios ás empresas, que case se cuadriplican: pasan de 1,93 millóns en 2026 a 7,25 millóns. Ademais, 12,13 millóns corresponden ás actuacións estratéxicas de desenvolvemento tecnolóxico.

Industrializar a innovación

No que respecta ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) contará con 291,92 millóns de euros. Sen contar persoal, os seu orzamento medra un 3,9 por cento. Unha boa parte dese crecemento destínase ao financiamento empresarial, que sobe un 11 por cento: máis de 140 millóns de euros en instrumentos financeiros. Neste eido, convocarase unha nova liña IFIS do Fondo de Transición Xusta con 26,4 millóns de euros, para dar soporte e impulso á provincia da Coruña.

Xunto ao financiamento, reforzaranse as axudas ao investimento e á competitividade con 62 millóns de euros. Destaca a liña de Atracción de empresas, que contará con 22,3 millóns en 2027. E a Oficina Económica de Galicia disporá de 1,03 millóns de euros específicos para asistencia especializada, e para a actividade da oficina en Madrid, inaugurada este ano.

En relación á área de innovación do Igape, o orzamento roldará os 46 millóns de euros e combina programas xa iniciados e novas actuacións da Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, que ten como principal obxectivo industrializar a innovación para fomentar a fabricación de produtos e servizos tecnolóxicos en Galicia e a súa comercialización. Xunto con isto, a área de internacionalización contará con 18,57 millóns de euros.

Neste punto destaca o apoio da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, que contará con 1 millón de euros en total para aceleración de proxectos e plans directores da política industrial, ademais dun reforzo do persoal. 

Autoconsumo e almacenamento de renovables

A política enerxética tamén ten un papel destacado nos orzamentos do vindeiro ano para facilitar a eficiencia, o aproveitamento das renovables e ao abaratamento dos procesos produtivos. O Inega contará con 51,73 millóns de euros, dos que destinará 40,54 millóns a apoiar os investimentos de empresas, entidades e familias. Así, mantéñense os apoios ao autoconsumo e ao almacenamento, ás renovables térmicas e á eficiencia enerxética empresarial. E, tamén, o Plan Renova o teu Vehículo, con 2,5 millóns de euros, entre outros.

No ámbito mineiro, as axudas á sustentabilidade dos recursos naturais alcanzan preto de tres millóns de euros, un 19,54 por cento máis, para apoiar os investimentos das empresas. A restauración de antigos espazos mineiros contará cun millón de euros de fondos propios, un 18,84 por cento máis, e con outros 157.600 euros para estudos e traballos técnicos de restauración ambiental e seguridade. Neste eido, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais refórzase con dez persoas máis para o control e a tramitación dos novos concursos mineiros.

A madeira na construción e Lourizán

E, por último, no que respecta á Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), contará con arredor de 33 millóns de euros. Sen contar persoal, os seus recursos medran un 37,38 por cento. Este reforzo destínase principalmente á rehabilitación de Lourizán (6 M€), ás axudas á construción en madeira e ás actuacións de mellora e transformación de produtos forestais. Como novidade, crearase unha nova oficina de apoio á construción con madeira, en colaboración co CIS Madeira e coa Fundación Arume, con 120.000 euros en 2027.

“Atraer un investimento non empeza o día no que unha empresa anuncia a súa chegada. Empeza moito antes: cando hai solo dispoñible, cando o financiamento está a punto, cando a Administración responde a tempo. Iso é o que fan estes orzamentos: preparar Galicia para que, cando chegue a oportunidade, estea en condicións de aproveitala”, concluíu Lorenzana.

  • Lorenzana preside a toma de posesión do novo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Isaac Rosón
    Ler máis
  • Villares sinala que Galicia avanza nunha transición ecolóxica xusta e compatible co fortalecemento dos sectores produtivos
    Ler máis
  • Os Orzamentos de Economía e Industria crecen ata os 480 M€ para crear máis solo industrial e consolidar as oportunidades da innovación e do sector da defensa
    Ler máis