- O delegado territorial da Xunta en Lugo participou na inauguración da xornada “Capacita Directivos 2026” sobre sustentabilidade e competitividade, organizada por Nordés Club Empresarial co apoio do Igape
Lugo, 27 de outubro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na inauguración da xornada “Capacita directivos 2026” sobre transición ecolóxica e competitividade territorial, organizada por Nordés Club Empresarial e impulsada polo Goberno galego a través do Igape; tamén interveu o director da área de Competitividade deste organismo, Norberto Rey.
No encontro empresarial, que tivo lugar nas instalacións do grupo Lence no Ceao, Villares explicou algunhas das medidas que se están a adoptar en Galicia para avanzar nunha transición ecolóxica equilibrada, gradual e compatible co fortalecemento dos sectores produtivos. “A transición ecolóxica é un dos motores fundamentais de transformación económica e social, e adiantarse supón unha vantaxe competitiva para as empresas”, apuntou.
Neste sentido, referiuse aos compromisos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, que inspiran diversa normativa europea, estatal e autonómica, entre elas a Lei do Clima de Galicia que entrou en vigor este ano. A Comunidade aspira a lograr a neutralidade climática no 2040 e a reducir no ano 2030 o 75% das emisións de gases de efecto invernadoiro respecto a 1990.
Villares sinalou a necesidade de impulsar os cambios necesarios no sector privado, ao tempo que se implementan tamén nas instalacións e servizos públicos. O Instituto Enerxético de Galego (Inega) desenvolve plans de apoio para o tecido económico, mesmo algúns específicos para actividades de especial relevancia.
Así, conta cun programa para favorecer equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria, que este ano destinou 407.000 euros a 36 explotacións da provincia de Lugo.
Igualmente, ata o 7 de decembro está aberto o prazo para que as empresas turísticas poidan solicitar axudas para medidas de mellora da eficiencia enerxética; o orzamento da convocatoria ascende a 9 millóns de euros. No 2025 beneficiou a 38 establecementos de hostalería e aloxamento da provincia de Lugo, aos que achegou un investimento global de 3,7 millóns de euros.