A Xunta aposta por conectar innovación, industria e internacionalización para reforzar a competitividade das empresas galegas

Venres, 06 Novembro 2026 17:14
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na Coruña no encontro “Looking at the Future”, organizado por Club Cámara Noroeste, onde destacou a importancia de transformar o potencial industrial de Galicia en novas oportunidades de crecemento empresarial
  • Salienta que a Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, dotada con máis de 400 millóns de euros, busca converter o coñecemento e a tecnoloxía en actividade produtiva, emprego e maior valor engadido
  • Pon en valor a aposta do Igape por un modelo de acompañamento máis próximo e personalizado, que conecte os instrumentos de investimento, financiamento, innovación e internacionalización para dar resposta ás necesidades das empresas

A Coruña, 6 de novembro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe a aposta da Xunta por conectar a capacidade industrial de Galicia coa innovación, a internacionalización e a captación de investimentos para reforzar a competitividade das empresas galegas. Así o sinalou durante a súa participación no encontro “Looking at the Future”, organizado por Club Cámara Noroeste na Coruña, onde puxo en valor a sólida base industrial da comunidade e a importancia de aproveitar as novas tecnoloxías para avanzar cara a actividades de maior valor engadido.

Neste sentido, Toca Carús lembrou que Galicia alcanzou en 2025 un valor engadido bruto industrial de 12.300 millóns de euros, o máximo da serie histórica, mentres que as exportacións se situaron nos 30.939 millóns, superando por terceiro ano consecutivo a barreira dos 30.000 millóns.

Sobre esta base, a directora do Igape destacou a Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, recentemente aprobada pola Xunta e dotada con máis de 400 millóns de euros, que ten como obxectivo estender a innovación a máis empresas e conseguir que se traduza en maior produtividade, novos produtos, procesos máis eficientes e oportunidades de crecemento.

No ámbito da internacionalización, incidiu na súa importancia como unha das grandes pancas de crecemento empresarial, destacando a necesidade de ampliar a base exportadora, diversificar mercados e reforzar a presenza das empresas galegas no exterior. Neste sentido, puxo en valor a rede de Antenas do Igape, actualmente presente en seis mercados estratéxicos, e a súa próxima ampliación a Brasil e Arxentina para aproveitar as oportunidades de negocio que ofrece Mercosur.

Acompañamento empresarial máis próximo e integral

Así mesmo, a directora salientou a evolución do Igape cara a un modelo de acompañamento empresarial máis personalizado e proactivo, que permita anticipar as necesidades das compañías e ofrecer respostas adaptadas a cada proxecto.

Neste sentido, salientou o papel da Oficina Económica de Galicia, que desde a súa posta en marcha atendeu máis de 47.700 consultas, mantivo máis de 2.400 reunións con empresas e acompañou máis de 530 proxectos de especial relevancia.

Ademais, Toca Carús lembrou que o Igape contará en 2027 cun orzamento superior aos 280 millóns de euros para seguir impulsando o investimento, a innovación, o financiamento e a internacionalización das empresas galegas.

  • A Xunta aposta por conectar innovación, industria e internacionalización para reforzar a competitividade das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana preside a toma de posesión do novo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Isaac Rosón
    Ler máis
  • Villares sinala que Galicia avanza nunha transición ecolóxica xusta e compatible co fortalecemento dos sectores produtivos
    Ler máis