- A directora do Igape, Covadonga Toca, e o xerente de Xestur, Diego Toja, participaron en Santiago no Foro sobre o Solo Industrial en Galicia, onde subliñaron a necesidade de contar con espazos empresariais axeitados para favorecer a implantación de novos proxectos
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, e o xerente de Xestur, Diego Toja, participaron hoxe no Foro sobre o Solo Industrial en Galicia, organizado polo Club Financeiro de Santiago, onde destacaron a importancia de dispoñer de solo industrial preparado e dunha administración áxil para reforzar a capacidade de Galicia de atraer novos investimentos e favorecer o crecemento das empresas xa implantadas na comunidade.
Durante a súa intervención, Toca Carús subliñou que o solo empresarial constitúe unha ferramenta fundamental de competitividade e desenvolvemento económico, especialmente para impulsar grandes proxectos tractores capaces de xerar emprego e dinamizar a actividade nas comarcas. Neste sentido, puxo en valor as fortalezas de Galicia como destino investidor, cunha base industrial consolidada, sectores estratéxicos competitivos, vocación internacional e unha posición atlántica que facilita a conexión cos principais mercados.
Toca Carús apelou á colaboración entre as distintas administracións e entidades responsables do desenvolvemento do solo empresarial para conectar a oferta dispoñible coas necesidades do tecido produtivo, reafirmando o compromiso do Goberno galego de seguir traballando da man das empresas para converter as oportunidades de investimento en novos proxectos, actividade económica e emprego para Galicia.
Pola súa banda, o xerente de Xestur, Diego Toja, puxo en valor os resultados do concurso público deste ano, ao tempo que lembrou o impulso de novas actuacións para incrementar a oferta de solo empresarial, entre as que citou as ampliacións de Lalín, actualmente en obras, o novo parque empresarial de Ribeira, o desenvolvemento estratéxico de Mandiá, en Ferrol, ou a recente aprobación inicial da ampliación da Sionlla, en Santiago.
Finalmente, incidiu en que o obxectivo de Xestur non é unicamente poñer máis solo empresarial no mercado, senón conseguir que este se transforme en novos proxectos industriais, investimentos e postos de traballo.