Super User

  • A Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 1,5 M€ a este programa que cobre a totalidade dos gastos de lanzamento e consolidación de proxectos de emprendedores innovadores, ata un máximo de 20.000 euros
  • O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro e a adxudicación será por concorrencia non competitiva

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2024

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, abre mañá martes, 2 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes do primeiro programa específico de apoio a startups galegas, ao que se destina 1,5 millóns de euros co obxectivo de impulsar proxectos de emprendedores innovadores.

Para isto, os beneficiarios obterán o 100% dos gastos que xustifiquen para a posta en marcha ou o afianzamento das startups, cun máximo de 20.000 euros por iniciativa. Serán subvencionables os gastos ou investimentos nos que incorra a startup desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data da solicitude de axuda.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro de 2024 ás 14 horas, agás que antes desa data se esgote o orzamento dispoñible. A adxudicación será por concorrencia non competitiva, polo que as axudas se resolverán por orde de rexistro de entrada da solicitude. A orde publicouse no DOG o pasado 1 de decembro, para así facilitar aos beneficiarios a preparación dos proxectos ao tratarse dun programa novo.

As startups galegas teñen tamén á súa disposición as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), ou aeronáutica (BFAero); a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; e outras iniciativas como ViaGalicia.

Vigo, 18 de decembro de 2023
 

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asistiu en Vigo a un almorzo organizado pola Asociación Clúster de Empresas de Enxeñaría, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos de Galicia (Ageinco), onde lles trasladou o esforzo que a Xunta está realizando para ser unha administración facilitadora da actividade empresarial.

Neste sentido, referiuse ás medidas que se están adoptando para conseguir unha redución de órganos e trámites que permita unha interlocución fluída e áxil entre o tecido e a administración. É o caso da Oficina Económica de Galicia, que actuará como xanela única con persoal especializado; o Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais ,que inclúe accións de acompañamento e asesoramento; ou a adaptación do modelo de proxectos industriais estratéxicos que se estende aos de menor tamaño -a partir de 2 M€ e 25 empregos-.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou no acto homenaxe ás empresas que cumpren 25 anos na Asociación, onde destacou a importancia de apostar pola cooperación público-privada para impulsar o desenvolvemento industrial e económico de Galicia
  • Lembra que o Goberno galego ultima a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, unha canle que servirá de punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais
  • Subliña a importancia do Polo Biotecnolóxico de Galicia, que está a permitir industrializar un sector en auxe na Comunidade a través da investigación e o asentamento e nacemento de novas empresas
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023
 

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no acto de homenaxe organizado pola Asociación Empresarial do Tambre ás empresas que suman 25 anos como membros da mesma. Un marco no que destacou a importancia de seguir a impulsar a cooperación público-privada para promover o desenvolvemento industrial e económico de Galicia.

 “As distintas administracións debemos apoiar, acompañar e poñer ao dispor das empresas as ferramentas necesarias para identificar novas oportunidades para o avance da nosa industria”, apuntou Toca, quen puxo ás empresas homenaxeadas como “exemplo claro” do espírito da industria galega.

Esta ducia de compañías -Almacenes Moure, Alugal, Asociación Provincial de Talleres, Bricosa Santiago, Carpintería Illobra, Comercial Gobertel, Cotelga, Fademga, Inturasa Pérez Rumbao, Neumáticos Tino Santiago, Talleres Uzalvi, Tamesa Santiago-, expuxo a directora, contribúen de modo decisivo na comarca á “creación de emprego, a xerar oportunidades laborais e a garantir a competitividade”.

Neste marco, e na procura de facilitar o desempeño do tecido empresarial, a directora lembrou que o Goberno galego está a ultimar a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, unha canle que servirá de punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, e que contará con persoal especializado en todas as áreas.

Así mesmo, referiuse tamén ao Polo Biotecnolóxico de Galicia - Sionlla Biotech, que está a facilitar xa tanto o asentamento como o nacemento de novas empresas. “Estamos a falar dun proxecto que permitirá industrializar un sector en auxe en Galicia, onde concentrar todo un ecosistema que axude, facilite e fomente a investigación biotecnolóxica”, afondou.

Este é un exemplo desa colaboración público-privada, na que participa a Asociación de empresarios do Tambre, a Cámara de Santiago, a Universidade e o Concello, e que conta co apoio da Xunta a través do programa de axudas para Centros de Fabricación Avanzada, que xa ten promovido por toda Galicia 6 proxectos cun orzamento que acada os 16 M€, entre eles o Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas que vai albergar Sionlla Biotech.

Madrid, 12 de decembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Madrid no encontro Los almuerzos de Aegama, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid.

Durante a súa intervención, Lorenzana destacou que a Xunta traballa para converter Galicia nun polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación. Neste eido, destacou a próxima posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, que funcionará como única canle de interlocución coa empresa, e lembrou tamén que se vai acometer un plan de aceleración de proxectos industriais, de tal xeito que se rebaixan as condicións para seren declarados estratéxicos.

  • A convocatoria de obradoiros do Igape conta con 650.000 euros para promover espazos de colaboración co obxectivo de capacitar ás empresas na preparación de iniciativas que respondan aos principais retos da economía
  • Os apoios cobren o 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por proxecto, cun límite máximo de 75.000 euros por entidade beneficiaria
  • O Goberno galego promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización cun importe total de axuda de máis de 2,1 millóns de euros, contando con máis de 1.250 asistentes

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2023

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, vén de activar a través do Igape unha nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada co obxectivo de crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía. Estes obradoiros, que acadan a súa sétima convocatoria, configúranse como espazos multidisciplinares que reforzan o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sustentable dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.

Cun orzamento de 650.000 euros, poden ser beneficiarios destes obradoiros os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos hubs de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.  

O obxectivo é que os obradoiros actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas exploran solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada, así como oportunidades de hibridación intersectorial.

Os apoios concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 75.000 euros. De cara a facilitar a planificación e preparación dos proxectos por parte dos organismos intermedios, o prazo de presentación de solicitudes abrirá o próximo 2 de xaneiro de 2024 e será dun mes, ata o 2 de febreiro.

Esta é a sétima convocatoria dun programa que promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización, cun importe total de axuda de máis de 2,1 millóns de euros e contando con máis de 1.250 asistentes, contribuíndo así a impulsar a reactivación do tecido empresarial de Galicia a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co socio fundador da empresa Hermanos Huang, Chenglong Huang
  • Na xuntanza, Lorenzana puxo de manifesto o compromiso da Administración autonómica coa axilidade administrativa e coa redución de prazos e trámites burocráticos para facilitar a actividade empresarial e a implantación de novos proxectos
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2023
 

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co socio fundador da empresa Hermanos Huang, Chenglong Huang, con que avaliou as posibilidades de investimento que ofrece Galicia.

Na xuntanza, Lorenzana puxo de manifesto o compromiso da Administración autonómica coa axilidade administrativa e coa redución de prazos e trámites burocráticos para facilitar a actividade empresarial e a implantación de novos proxectos. Nese contexto, expuxo as vantaxes que suporá para calquera proxecto con interese por instalar na comunidade contar cos servizos da Oficina Económica Galicia. Unha xanela única dependente do Instituto Económico de Galicia (Igape), con persoal especializado onde atopar asesoramento técnico, económico e administrativo.

Con respecto á redución dos tempos de tramitación, explicou que en Galicia daranse maiores garantías ás persoas promotoras ao fixarse un prazo máximo de tramitación dun ano desde a entrega da documentación técnica ata a súa aprobación; coa posibilidade de exixir responsabilidade patrimonial da Administración polos custos incorridos derivados de eventuais retrasos.

Apuntou, tamén, que as iniciativas que superen o investimento de 800.000 euros e que teñan incidencia no tecido industrial quedarán incluídas nun plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos. Ademais, estenderase a figura dos Proxectos industriais estratéxicos a outros que, aínda que sexan de menor envergadura, teñan tamén un marcado carácter estratéxico desde un punto de vista de creación de emprego e mellora das cadeas de valor; concretamente, para os que superen os 2M€ de investimento e 25 empregos entre directos e indirectos.

No que levamos de ano, de xaneiro a setembro, as exportacións galegas a China creceron un 10,5 por cento con respecto ao mesmo período do ano anterior.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, participaron na mesa redonda ‘Instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial’, onde destacou que a nova Oficina Económica de Galicia permitirá reducir ata nun 50% os tempos de tramitación dos expedientes administrativos
  • Lembra que o próximo ano o Igape destinará 111M€ para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por Xesgalicia, permitirán mobilizar o gasto empresarial
  • Subliña o compromiso coa internacionalización, cunha nova liña para impulsar a promoción no exterior e a exportación de produtos e servizos así como a implantación noutros mercados

Ourense, 1 de decembro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, acompañada da directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, participou esta mañá na mesa redonda Instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial, desenvolvida en Ourense no marco de Futurgal 2023. Un escenario no que Toca Carús puxo en valor algunha das liñas principais de actuación do Instituto de cara ao ano que vén, entre as que destacou a nova Oficina Económica de Galicia, que permitirá reducir a burocracia administrativa na procura de atraer novos investimentos cara a Comunidade. 

Esta Oficina, expuxo a directora, configúrase como unha canle única que actuará como punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, facilitando información, asesoramento, acompañamento, apoio e acceso a financiamento, con persoal especializado. O obxectivo é reducir ata nun 50% os tempos de tramitación tanto dos expedientes administrativos como dos pagos. 

Esta aposta compleméntase con varios programas encamiñados á mellora da competitividade do tecido productivo. Un eido no que, como incidiu, se centrarán gran parte das liñas de actuación do próximo exercicio e que sumará preto de 80 M€ do total do orzamento do Igape. Para iso, habilitaranse distintas ferramentas, entre as que destaca a nova liña de incentivos e apoios para á atracción e implementación de empresas, con 30 M€ en tres anos en proxectos significativos, tanto por volume de investimento como por creación neta de emprego.   

Acceso ao financiamento

Así mesmo, as contas prevén tamén máis de 111 M€ para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por Xesgalicia, permitirán mobilizar o gasto empresarial.

 

Neste sentido, a directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, destacou a aposta do organismo por financiar o emprendemento. “O financiamento ás novas iniciativas empresariais de recente creación volve ser, no curto prazo, un dos nosos grandes obxectivos, para o que ampliamos a nosa colaboración en novos programas de impulso ao emprendedor. Ademais, seguimos poñendo ao dispor das empresas galegas, ou daquelas que desexen desenvolver unha actividade económica en Galicia, fondos especialmente orientados ao apoio á modernización do tecido produtivo”, afondou.  

Un traballo que se complementa, desde o Igape, con outras actuacións entre as que destacan máis de 34 M€ en préstamos para investimentos estratéxicos, que por primeira vez terán en conta tamén ás grandes empresas e do que se espera alcanzar un forte efecto multiplicador na economía galega e a modernización tecnolóxica do tecido produtivo.  

Covadonga Toca resaltou, tamén, que o orzamento do Igape manterá o compromiso coa internacionalización, na procura de seguir contribuíndo ao “mellor ciclo exportador da historia de Galicia”. Entre as actuacións, destaca unha nova liña de apoio á internacionalización de empresas para impulsar a promoción no exterior e a exportación de produtos e servizos así como a implantación noutros mercados. 

Unha novidade que se complementa con outras liñas que xa veñen desenvolvendo, como o Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, que sumarán preto de 5 M€ para seguir promovendo plans de promoción internacional e accións de internacionalización dixital.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Vigo nunha xornada organizada por Ceaga de cara a avanzar na elaboración do Plan de competitividade do ecosistema de automoción e mobilidade de Galicia 2030
  • O encontro de traballo conta co apoio da Xunta no marco da liña de axudas de Obradoiros, espazos de encontro entre empresas nos que explorar solucións e vías de cooperación que dean lugar a novos proxectos
  • Avanza que o Consellería de Economía, Industria e Innovación está a ultimar unha nova convocatoria do programa
  • Lembra que, desde a súa posta en marcha no 2018, a Xunta ten destinado a esta liña preto de 2,2M€ para impulsar 125 talleres que sumaron máis de 1.250 asistentes
Vigo, 1 de decembro de 2023
 

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Vigo nunha xornada organizada xunto a Ceaga de cara a avanzar na elaboración do Plan de competitividade do ecosistema de automoción e mobilidade de Galicia 2030.

O encontro de traballo, no que tamén participaron o secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, conta co apoio da Xunta, a través do Igape, no marco da liña de axudas de Obradoiros destinada a promover a colaboración entre empresas para desenvolver proxectos que aposten pola dixitalización, a sostibilidade e a loxísitica avanzada.

“Estes obradoiros, como ben amosa a xornada de hoxe, son espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a iniciativas de implementación de ferramentas colaborativas sectoriais”, afondou Toca Carús, quen avanzou que a Consellería de Economía, Industria e Innovación está a ultimar unha nova convocatoria do programa.  

Ata o de agora, expuxo a directora do Igape, a Xunta ten destinado, desde a súa posta en marcha no 2018, preto de 2,2M€ a esta liña, promovendo ata 125 talleres que sumaron máis de 1.250 asistentes.  

Neste contexto, Toca Carús avogou por manter e reforzar a colaboración público-privada, da que puxo como exemplo aos clústeres galegos como Ceaga, na procura de seguir contribuíndo a mellora competitiva do tecido empresarial galego, en particular do sector da automoción. Unha industria, defendeu, “estratéxica” ao representar o 14% do PIB da Comunidade e xerar arredor de 30.000 empregos de forma directa e indirecta.   

“Apostamos desde hai anos por unha política de colaboración e apoio ás agrupacións industriais, porque consideramos que son o instrumento idóneo para chegar ás empresas, especialmente nas accións de cooperación”, afondou a directora do Igape.  

Nesta liña, apuntou que o Instituto ten un amplo abano de ferramentas, desde as axudas para a posta en marcha de novas agrupacións industriais -agrupacións industriais emerxentes-, ata os apoios para o desenvolvemento dos seus plans de acción, gastos de funcionamento, ou tamén axudas para facilitarlles o acceso e achegamento aos ámbitos internacionais.

  • Apunta que a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), puxo en marcha unha convocatoria de axudas directas para incentivar modelos de negocio circulares entre as empresas galegas
  • Asegura que a Cátedra Epifanio Campo vén demostrar que en Galicia hai moito talento para alumear novas propostas e solucións innovadoras que transferir á industria
  • Sinala que o futuro decreto que regula a carreira investigadora vai converter Galicia na primeira comunidade en regular as condicións de traballo do persoal investigador a cargo da Administración autonómica

Ferrol, 30 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe o traballo que vén desenvolvendo a Xunta para conseguir que a economía circular forme parte da cultura empresarial en Galicia.

Durante a súa intervención na entrega dos II Premios de Investigación Epifanio Campo, que promove a Universidade da Coruña, destacou o tándem formado por esta institución xunto co Grupo Rodonita como impulsores desta cátedra: “Desde a Xunta cremos que o modelo no que traballa o Goberno galego co mundo empresarial e a universidade é o adecuado: traballar sempre desde a colaboración e o diálogo e, como neste caso, por que exista unha transferencia de tecnoloxía e coñecemento á sociedade e ao tecido produtivo”, subliñou a conselleira.

Lorenzana salientou que a sustentabilidade é hoxe un obxectivo transversal a todos os campos de actividade e, en particular, ao das empresas e a industria, nun modelo económico que tende aos cero residuos e cero emisións.

Neste contexto, apuntou que a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), puxo en marcha unha convocatoria de axudas directas para incentivar modelos de negocio circulares entre as empresas galegas, e que pemes e autónomos poidan desenvolver procesos e consumos máis eficientes, aforrar en recursos e enerxía e aproveitar mellor os residuos.

A titular de Economía, Industria e Innovación tamén sinalou que a circularidade está entre as prioridades dos proxectos que optan aos fondos europeos. En concreto, o de Altri, para a produción de fibras téxtiles a partir de celulosa de madeira, e o que promoven Repsol, Naturgy e Reganosa en Meirama, para xerar biocombustible a partir de residuos gandeiros.

Lorenzana concluíu asegurando que a Cátedra Epifanio Campo vén demostrar que en Galicia hai moito talento para alumear novas propostas e solucións innovadoras que transferir á industria. E, nese sentido, referiuse ao futuro decreto que regula a carreira investigadora, que vai converter Galicia na primeira comunidade en regular as condicións de traballo do persoal investigador a cargo da Administración autonómica.

 
 
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou en Culleredo as instalacións do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), onde puxo en valor a importancia desta infraestrutura pola súa “transversalidade” e pola “aposta decidida” pola sustentabilidade das empresas
  • Subliña a importancia da economía circular e de que empresas e administracións traballen de xeito conxunto neste eido para “sensibilizar, formar e informar”
  • A convocatoria deste ano do programa de Economía Circular promovido pola Consellería de Economía, Industria e Innovación está a permitir o impulso de dez iniciativas que buscan mellorar a competitividade das pemes fomentando procesos e consumos máis eficientes

Culleredo (A Coruña), 29 de novembro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou en Culleredo as instalacións do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), onde destacou a importancia da colaboración público-privada de cara a promover o crecemento económico e consolidar a competitividade do tecido empresarial galego. “A cooperación entre empresas e administración é moi importante e permite mudar comportamentos para que Galicia se faga cada vez máis grande”, incidiu.

Toca Carús puxo ao centro tecnolóxico como exemplo dese traballo conxunto; unha infraestrutura que, como explicou, destaca tanto pola súa “transversalidade” como pola “aposta decidida” pola sustentabilidade das empresas.

Así, o centro atende a tres áreas de investigación principais: materiais avanzados, onde traballan a contorna das madeiras, dos plásticos, da construción sustentable e das baterías; a liña centrada en eco biotecnoloxías, que atende ao tratamento da auga e dos residuos; e a industria dixital, centrada no sector TIC.

Desde a súa posta en marcha o CETIM atende en todos os seus proxectos á sustentabilidade, con especial fincapé no eido da economía circular. Un campo “fundamental”, indicou a directora do Igape, no que empresas e administracións deben traballar de xeito conxunto para “sensibilizar, formar e informar”.

Cómpre lembrar que a Consellería de Economía, Industria e Innovación activou este ano unha nova convocatoria da liña de Economía Circular que está a permitir o impulso de dez iniciativas que buscan mellorar a competitividade das pemes promovendo procesos e consumos máis eficientes. A través deste programa achéganse axudas directas para facilitar os investimentos das pemes e autónomos de cara á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular, o que se traduce nun aforro de recursos e enerxía e favorecerá o reemprego dos refugallos.

O conxunto destes apoios mobilizan preto de 750.000 euros este ano, contribuíndo as iniciativas a promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.