Super User
Xunta de Galicia e Fundación CEL amplian a súa colaboración para impulsar a aceleradora BFaero
- Avanzaron na sinatura dunha addenda ao convenio actual por importe dun millón de euros para atender novas necesidades e poñer en marcha unha análise Sandbox aproveitando as infraestruturas existentes en Rozas
- A Fundación CEL amosou o seu interese por traballar na creación dun Centro de Servicios de Fabricación Avanzada que permitiría a creación de equipamentos compartidos e de alto valor tecnolóxico para dar unha resposta máis flexible ás necesidades deste ecosistema.
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024
A Xunta de Galicia e a Fundación CEL Iniciativas por Lugo celebraron esta mañá o recoñecemento outorgado a pasada semana á Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, como a mellor aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos.
No encontro mantido no día de hoxe entre a directora do Igape, Covadonga Toca, e o presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla, ambos coincidiron en que este recoñecemento pon en valor o labor desenvolvido por ambas institucións, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.
Así mesmo, Toca e García aproveitaron a reunión para abordar as liñas de traballo para os vindeiros meses. Concretamente, Toca avanzou que a Consellería de Economía e Industria asinará unha addenda no marco do convenio de colaboración entre Xunta e a Fundación para impulsar a aceleradora BFAero por importe dun millón de euros para atender novas necesidades, nomeadamente para contribuír ao apoio das probas experimentais; así como para a posta en marcha dunha análise Sandbox aproveitando os equipamentos existentes en Rozas. Esta iniciativa aproveitaría as sinerxías e complementariedades destas infraestruturas para crear un entorno controlado onde as empresas poidan probar novas tecnoloxías e solucións nun marco regulatorio flexible.
Pola súa banda, García Santalla trasladou á directora do Igape o interese da entidade que preside por traballar na creación dun Centro de Servizos de Fabricación Avanzada (CFSA) que permitiría a creación dunhas infraestruturas compartidas e de alto valor tecnolóxico para dar unha resposta máis flexible ás necesidades do dito ecosistema.
Cómpre lembrar que as os CSFA ofrecen unha serie de vantaxes como a redución de custos e o aumento da accesibilidade para as empresas; a flexibilidade para responder a necesidades específicas e a personalización de servizos e a adaptación a diferentes proxectos; así como o apoio na procura de novas solucións e produtos tecnolóxicos, entre outros.
A Xunta salienta en Ceuta a importancia da innovación e as novas tecnoloxías para seguir colaborando na mellora do tecido produtivo
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nun encontro organizado polo Foro ADR na procura de que as axencias de desenvolvemento rexional optimicen os servizos e apoios que prestan a empresas e emprendedores para impulsar a súa competitividade
Ceuta, 25 de abril de 2024
A directora de Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no XVIII Encontro de Direccións Xerais, celebrado en Ceuta no marco das actividades organizadas polo Foro ADR, e que permitiu poñer en valor a importancia da innovación e as novas tecnoloxías na mellora da competitividade do tecido produtivo.
Este tipo de encontros permite ás Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se atopa o Igape, traballar e concretar os seus modelos de futuro, optimizando os servizos e apoios que prestan ás empresas e aos emprendedores. Desta volta, as sesións de traballo centráronse en campos como a innovación, o emprendemento de base tecnolóxica, o impulso do talento ou o fomento das novas tecnoloxías na procura de contribuír a que as axencias de desenvolvemento presten un servizo público de calidade a empresas e persoas emprendedoras.
A asociación celebra dúas veces ao ano estes encontros de directores, que se configuran como un ámbito de reflexión no que analizar os principais programas de actuación, a contorna económica e empresarial ou o benchmarking entre axencias, e onde se expoñen posicións comúns da Asociación. Durante o encontro puxéronse en valor as principais actuacións e conclusións dos grupos de traballo nos que participan os membros das distintas axencias, tanto o grupo orientado cara aos temas de dixitalización e industria, como o grupo de traballo sobre Estratexias de Especialización Intelixente e o Grupo de Traballo de Emprendemento.
Por último, por parte de PROCESA, axencia de desenvolvemento de Ceuta, presentouse o proxecto “El Ángulo” un espazo de innovación aberta que ten como obxectivo impulsar o talento, a transformación dixital, apoiar o emprendemento e a formación tecnolóxica para a creación e o enriquecemento do tecido empresarial, e representantes da Fundación COTEC, presentaron o Informe sobre Soberanía Tecnolóxica. O papel estratéxico da Propiedade Industrial e Intelectual.
Lorenzana traslada aos traballadores de Madera Fiber o labor que está realizando a Xunta para buscarlle viabilidade á compañía
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada pola directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo hoxe unha reunión no Porriño con representantes do comité de empresa, o alcalde deste municipio pontevedrés e a administración concursal
O Porriño (Pontevedra), 23 de abril de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada pola directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, mantivo hoxe no Porriño unha reunión de seguimento co comité de empresa de Madera Fiber, o alcalde da localidade e a administración concursal, na que se lles trasladou aos traballadores e traballadoras o labor que está realizando a Xunta para buscarlle viabilidade á compañía.
Neste sentido, informóuselles de que, dentro do proceso de busca de empresas que poidan facerse cargo da actividade da fábrica, desde o Igape envióuselle documentación e propostas a un total de 13 compañías de ámbitos como a automoción, o contract, o sector funerario ou o naval. Ata a data a metade amosaron a súa negativa, mentres que o resto están valorando a proposta.
Na xuntanza o administrador concursal aproveitou para explicar os seguintes pasos que se van dar en caso de non atopar unha empresa que queira facilitar a continuidade da planta. Así, procederíase á liquidación, na que se podería activar a busca dun comprador industrial para os activos físicos, como son a nave e a maquinaria.
A Xunta avanza na elaboración do plan director do sector TIC
- Lorenzana convida a Ineo a facer as súas achegas a este plan, que estivo en fase de consulta pública ata o pasado 8 de abril
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Asociación de Empresas de Tecnoloxía (Ineo), con quen abordou os traballos que a Xunta vén realizando para elaborar o plan director do sector TIC.
Na xuntanza, Lorenzana informou de que este plan estivo en fase de consulta pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta desde o pasado 18 de marzo ata o 8 de abril para recoller as achegas da cidadanía e das organizacións e entidades vinculadas a este sector.
O sector TIC foi declarado estratéxico polo Consello da Xunta, xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, a loxística industrial e o sector forestal-madeira. Isto implica que van dispoñer de cadanseu plan director que recolla medidas e mecanismos para impulsar a súa competitividade e posicionamento no actual contexto de transformación dixital e enerxética.
Na elaboración de cada plan participará o sector privado, representantes dos traballadores e o resto de axentes implicados, polo que Lorenzana convidou a Ineo a facer as súas achegas. Posteriormente, antes da aprobación de cada plan, será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.
Os plans directores, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta, aos que se suma a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, co seu servizo de asesoramento técnico e administrativo para empresas, do cal a conselleira tamén deu conta na reunión.
Lorenzana apela a aproveitar a boa marcha da economía galega para impulsar o desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia
- Ratifica o compromiso da Xunta co acompañamento ao tecido empresarial, con instrumentos como a Oficina Económica de Galicia dependente do Igape ou os plans directores por sectores
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por aproveitar a boa marcha da economía galega para seguir incrementando o peso da industria no PIB autonómico e dar pulo ao desenvolvemento enerxético de Galicia.
Lorenzana interveu hoxe na presentación do Plan estratéxico 2024-2027 da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción. Alí, puxo de manifesto que Galicia está recuperando as cifras de crecemento anteriores á pandemia, tanto en termos de PIB -cunha suba de máis de catro puntos-, como de paro –que descende máis de nove puntos-, ou de emprego industrial, ao tempo que segue marcando récords en exportacións.
“Partimos dunha boa situación para facer moitas cousas a partir do momento en que estamos”, aseverou, aludindo aos retos económicos que hai aínda por diante, como conseguir que o peso da industria no PIB alcance o 20 por cento, ou estabilizar o binomio industria e enerxía, dados os recursos naturais dos que Galicia dispón. “Todo o desenvolvemento enerxético xera moito valor na industria”, dixo ao respecto.
Nesta liña, fixo referencia ás medidas que está a poñer en práctica a Xunta de Galicia entre as que destacou os plans directores para os sectores estratéxicos (automoción, metalmecánico, naval, forestal-madeira, TIC e loxística industrial). “É moi relevante coñecer onde estamos desde o punto de vista territorial, das infraestruturas que se van realizar, da loxística, do talento, da formación das persoas. Se non sabemos iso tampouco imos ser capaces de deseñar políticas públicas adecuadas ás necesidades dos sectores da economía galega”, abondou.
Referiuse, tamén, á Oficina Económica de Galicia como un “soporte personalizado” para as empresas desde o Igape, que se completa coa estratexia de aceleración industrial que a Xunta puxo en marcha e que garante para os proxectos estratéxicos con máis de 800.000 euros de investimento unha tramitación en menos dun ano.
Así mesmo, lembrou que, na nova estrutura da Xunta de Galicia, as competencias relativas a solo empresarial vaian estar concentradas a partir de agora na Consellería de Economía e Industria. “É importante que nesa visión global e nesa planificación industrial e enerxética de Galicia teñamos capacidade tamén para coñecer o solo que existe e desenvolvelo onde sexa necesario”, manifestou.
Con respecto ao sector da construción puxo de relevo o seu peso, que achega o 5,7 por cento do PIB autonómico. E salientou, tamén, que é unha industria extensa que en Galicia abrangue diversas actividades e que afronta retos como a sustentabilidade, a eficiencia enerxética, a economía circular, a dixitalización e a formación.
A conselleira de Economía e Industria concluíu destacando o traballo que está a realizar o Clúster da Construción para que todo o sector funcione como un ecosistema, e apelando á colaboración público-privada. “Nós non entendemos o mundo empresarial se non é falando coas empresas”, apostilou.
A Xunta mantén un encontro cunha delegación do Brasil para explorar vías de negocio e oportunidades de colaboración
- A directora do Igape, Covadonga Toca, encabeza a reunión de traballo con representantes do Sebrae (Serviço Brasileiro de Apoio às Micro e Pequenas Empresas) no que afondan sobre posibilidades de investimento e mecanismos de apoio a pemes
- Amosan o seu interese na aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización da comunidade, así como polas ferramentas de financiamento de proxectos e especialmente dos servizos que ofrece o Igape
- Nos últimos dous anos Galicia ten exportado ao Brasil preto de 170 millóns, facendo deste un dos principais mercados de América no que as vendas ao exterior da comunidade se refire
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024.- A directora do Igape, Covadonga Toca, vén de participar nun encontro de traballo con representantes do Sebrae -Serviço Brasileiro de Apoio às Micro e Pequenas Empresas- na procura de explorar vías de negocio e oportunidades de colaboración co país suramericano.
Neste sentido, a reunión permitiu afondar tanto nas posibilidades de investimento como nos mecanismos de apoio a pemes e autónomos que cada ano promove o Igape, amosando a delegación brasileira un especial interese na aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización de Galicia.
A directora do Igape agradeceu a Sebrae este mostra de interese e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos, tal e como está a facer Galicia nos mencionados ámbitos.
Neste sentido, Toca Carús detallou que o Igape conta con diferentes programas para pemes e autónomos entre os que destacou, no ámbito da internacionalización, as liñas Galicia Exporta, tanto para empresas como para organismos intermedios, para promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos; ou a liña de xestores de internacionalización, para facilitar a contratación profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior.
Salientou tamén o papel das antenas do Igape en México, EEUU (Miami), Marrocos, China e Emiratos Árabes, cuxo obxectivo, explicou Toca, é “potenciar as relacións comercias e incrementar as exportacións das empresas galegas a estes mercados, de cara a identificar oportunidades de negocio, atender a demanda de información e ofrecer servizos de apoio á internacionalización”.
Así mesmo, a directora do Igape lembrou tamén outras liñas de actuación, como a nova edición do programa ReAcciona, que permitirá apoiar a posta en marcha de proxectos centrados na mellora da competitividade das pemes galegas, facilitándolles o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos ou, no eido do emprendemento innovador, a primeira liña específica de apoio ás startups galegas e a rede de business factories, nos ámbitos da automoción, a alimentación ou o aeroespacial.
O encontro permitiu afondar neste tipo de ferramentas e reforzar a xa importante relación comercial entre ambas rexións, que se materializa, nos dous últimos anos, en preto de 170 millóns exportados ao Brasil por parte das empresas galegas, facendo deste un dos principais mercados de América no que as vendas ao exterior da comunidade se refire.
Ao remate da xuntanza, acordouse continuar analizando os temas intercambiados de cara a poder establecer no curto prazo algún acordo de cooperación en asuntos de interese recíproco, que permita estreitar as relacións bilaterais e incrementar as oportunidades das empresas dos dous territorios na súa expansión internacional.
Lorenzana resalta a compañía Gabadi como exemplo da capacidade da industria auxiliar do naval galego
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, destaca a aposta pola innovación e a internacionalización da empresa naronesa, que cumpre 35 anos de actividade
- Lembra que o Goberno galego está a elaborar o Plan director do sector naval, que vai ser imprescindible para coñecer a situación actual e os retos de futuro desta industria estratéxica para a economía galega
Narón (A Coruña), 5 de abril de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Narón as instalacións de Gabadi, sinalando que esta compañía é un exemplo da capacidade que está a demostrar a industria auxiliar do naval galego. Así, Lorenzana destacou a aposta desta compañía pola innovación, a internacionalización e os investimentos, apuntando que isto deixa de manifesto que “Galicia vai no bo camiño no sector naval, que xunto coa automoción suma o 20 % do emprego industrial na Comunidade”.
A conselleira subliñou que a reunión celebrada hoxe permitiu coñecer de preto os proxectos cos que conta a empresa e presentarlles os diferentes apoios que a Xunta pon a disposición do tecido empresarial, como a Oficina Económica de Galicia. Neste sentido, a conselleira lembrou que a que a Xunta de Galicia está a elaborar o Plan director do sector naval, dentro da nova estratexia industrial.
Lorenzana sinalou que esta ferramenta vai ser “imprescindible para coñecer a situación actual e os retos de futuro que ten este sector”, e para continuar acompañándoos a través de diferentes instrumentos no ámbito financeiro, na internacionalización ou na cualificación das persoas traballadoras.
O naval é unha das industrias declaradas estratéxicas polo Consello da Xunta, xunto coa metalmecánica, a automoción, o sector forestal-madeira, a industria das TIC e a loxística industrial, das que tamén se están a elaborar plans directores. Os distintos plans contarán con medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento.
A Xunta pon en valor a importancia do programa Re-acciona para seguir impulsando a competitividade das pemes de Ourense
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración do obradoiro organizado xunto á Confederación Empresarial de Ourense para dar a coñecer este programa ao tecido empresarial
- Lembra que os interesados xa poden presentar as súas solicitudes para optar a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira, ou a optimización dos procesos de produción
- Subliña que o Re-acciona incorpora desta volta apoios a empresas emerxentes innovadoras, análises do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), a captación e xestión do talento e a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza
- Resalta que, desde a súa posta en marcha no ano 2012, o programa promoveu o desenvolvemento de máis de 2700 servizos que permitiron mellorar a competitividade de preto de 2000 empresas galegas, mobilizando 13,7M€
Ourense, 4 de abril de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na inauguración dun obradoiro de presentación do programa Re-acciona, organizado xunto á Confederación Empresarial de Ourense (CEO), e no que puxo en valor as posibilidades desta iniciativa para seguir impulsando a competitividade das pemes da provincia.
Neste marco, Covadonga Toca lembrou que a Xunta, a través do Instituto Económico de Galicia (Igape), abriu esta mesma semana, o pasado día 1 de abril, o prazo de presentación de solicitudes do Re-acciona, que permanecerá activo ata o próximo 15 de novembro ofrecendo a pemes e autónomos diferentes ferramentas e servizos avanzados para ser máis competitivos.
“Ourense, como o resto de Galicia, ten que diferenciarse pola calidade dos seus produtos, e para acadar esta meta necesitamos máis innovación, máis formación e máis internacionalización”, expuxo a directora do Igape, quen salientou as potencialidades do Re-acciona para que as pemes “reinventen os negocios e fagan fronte aos novos retos do mercado".
Para acadar este obxectivo, afondou, o programa suma este ano máis de 3,2M€ que suporán a mobilización de máis de 4M€, promovendo servizos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira ou a optimización dos procesos de produción. Así mesmo, tamén se levarán a cabo iniciativas no eido da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos.
Entre as principais novidades deste exercicio, o programa incorpora a prestación de servizos en catro novos eidos de actuación: o apoio a empresas emerxentes innovadoras, a análise do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), o captación e xestión do talento ou a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza.
“Programas como o Re-acciona axudan ás pemes e aos autónomos a incorporar novas estratexias e solucións tecnolóxicas aos seus negocios, acelerando os procesos para ser máis competitivos”, destacou a directora do Igape.
Ata 13 servizos
O Re-acciona ofrece ás pemes galegas ata 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade empresarial, debendo as empresas que queiran optar a estas axudas ter un mínimo de 3 persoas traballadoras.
As actuacións levadas a cabo no marco do Re-acciona desenvólvense por un axente colaborador, que está á disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.
Covadonga Toca salientou que, desde a súa posta en marcha no 2012, o Re-acciona promoveu xa o desenvolvemento de máis de 2700 servizos que permitiron mellorar a competitividade de preto de 2000 empresas galegas, mobilizando 13,7M€.
Lorenzana ve en Torres Golán e TMC Cancela dous exemplos do esforzo do tecido empresarial galego por innovar e internacionalizarse
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou esta mañá en Tordoia estas dúas compañías
- Lembra que a política económica da Xunta ten como prioridade acompañar o tecido empresarial a través da desburocratización e de medidas como a Oficina Económica de Galicia ou o plan de aceleración de proxectos industriais
Tordoia (A Coruña), 3 de abril de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou esta mañá en Tordoia as compañías Torres Golán e TMC Cancela, que puxo como exemplo do esforzo que o tecido empresarial galego está realizando por innovar e internacionalizarse.
Así, Torres Golán é líder na fabricación e distribución de sistemas de PVC para empresas e profesionais con presenza en España, norte de África e Portugal. Mentres que TMC Cancela é a terceira firma europea na fabricación de trituradoras agrícolas e está presente en máis de 50 países.
Lorenzana destacou que se trata de dúas empresas que demostran “como no rural galego hai industria, creando emprego e riqueza e apostando pola innovación”. A conselleira explicou que o esforzo de empresas como estas está contribuíndo ao récord exportador de Galicia -que en 2023 superou por primeira vez os 30.000 M€- ou á suba do PIB galego que foi do 1,8 %.
A titular de Economía lembrou que a política económica da Xunta ten como prioridade acompañar ao tecido empresarial para atender as súas necesidades e axudalo ante os novos retos económicos. Neste sentido, destacan iniciativas como a Oficina Económica de Galicia, que ofrece servizos de asesoramento personalizado ás empresas “para que continúen crecendo e consolidándose na nosa Comunidade autónoma”; a aposta pola desburocratización dos trámites administrativos para facilitar a implantación de proxectos; ou o plan de aceleración de proxectos industriais.
Novo WEBINARIO PAÍS dende a ANTENA IGAPE en CHINA
Novo WEBINARIO PAÍS dende a ANTENA IGAPE en CHINA - Market Update & Oportunidades de Negocio 2024
A Xunta ven a ofrecer actualizacións da situación económica en distintos mercados mundiais a través do Ciclo Webinario País coas Antenas Empresariais do Igape.
O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus productos, neste caso, a China. Un mercado moi regulado e que require o coñecemento de numerosas certificacións. Como ven a ser o caso da nova regulación para as importacións de carnes de vacún.
A Antena Empresarial do Igape en China, o xoves 11 de abril, informará sobre a situación actual no mercado chinés, cun enfoque específico ao sector agroalimentario, contarase coa participación da IXP Ternera Gallega, ante posibles oportunidades e claves para impulsar ou mellorar as súas vendas en China.
Se está interesado, tamén terá a posibilidade de programar unha reunión individual co responsable da Antena Empresarial do Igape en China, durante os días 12 de abril e 15 de abril.
Solicite a reunión ao realizar a súa inscripción.
Día: Xoves, 11 de abril de 2024
Hora: 09:30-11:00 horas ESP/ 15:30-17:00 horas CHINA