Super User
A Xunta salienta nun encontro con reitores universitarios a aposta polo talento como motor da economía verde e dixital
A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo recentemente un encontro con representantes da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (Crusoe) e do Cluster TIC e Audiovisual no que avaliaron, entre outros aspectos, os proxectos que están a desenvolver no eido do emprendemento e a innovación. Neste marco, durante a xuntanza Toca Carús puxo en valor a importancia da aposta polo talento como motor da economía do coñecemento, da economía verde e dixital.
A Xunta avalía con INEO a importancia das TIC na innovación como garantía da mellora competitiva e do crecemento económico
Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023.-
A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo hoxe un encontro co equipo directivo de INEO e coa súa nova presidenta, Lourdes Guerra, no que se avaliou a importancia das TIC na innovación e o papel da entidade para facer de Galicia un referente do sector TIC e impulsar a cultura innovadora.
Na reunión púxose de manifesto a necesidade de seguir apostando pola colaboración institucional nesta nova etapa, co obxectivo de apoiar a todas as empresas que forman a asociación para continuar mellorando nos procesos que definen a súa actividade, como son a innovación, formación, internacionalización ou o emprendemento e o traslado e aplicación do coñecemento do sector a toda a sociedade.
A Xunta avalía co Clúster da Función Loxística de Galicia vías para impulsar a innovación e a internacionalización das súas empresas
- A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro de traballo coa asociación no que subliñou que accións como a ruta marítima co Porto de Miami na que se está a traballar e a participación en eventos como a Feira Transport Logistic de Múnic permiten reforzar o papel de Galicia como nodo loxístico internacional
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023
A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro de traballo con representantes do Clúster da Función Loxística de Galicia de cara a avaliar e avanzar en novas accións para contribuír á eficiencia do sector, con especial atención á innovación e á internacionalización das empresas que forman parte da súa cadea de valor.
O encontro permitiu afondar no traballo feito durante o último ano, así como sentar as bases sobre as que seguir avanzando. Neste sentido, Toca Carús subliñou a relevancia da formación e da internacionalización como eidos sobre os que continuar impulsando a competitividade do sector. Durante o encontro, que supuxo a primeira toma de contacto da nova directora co clúster loxístico, avaliáronse tamén as accións que se veñen impulsando nos últimos meses, entre as que destaca a ruta comercial directa co Porto de Miami na que se está a traballar. A directora do Igape lembrou que este Porto xa ten relación coas autoridades portuarias de Vigo, A Coruña e Ferrol, polo que a ruta potenciará tanto á loxística de frío e a sustentabilidade dos portos da Comunidade como a situación de Florida como hub loxístico.
Así mesmo, destacouse a participación en maio na Feira Transport Logistic de Múnic, que contribuíu á posta en valor do potencial de Galicia como nodo loxístico internacional. “A Xunta ten claro que a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, apuntou Covadonga Toca. Por último, outro dos temas tratados no encontro foi a importancia de saír ao exterior cunha marca única, Galicia Logistics, que busca potenciar o papel que a Comunidade galega pode ter na loxística internacional, reivindicándoa como un “enclave estratéxico para fluxos de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico”.
A Xunta salienta a importancia do talento e o liderado para impulsar a competitividade e camiñar cara a unha economía sustentable
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago de Compostela no encontro ‘Líderes que deixan pegada’, organizado por APD, onde puxo en valor os procesos de transformación tecnolóxica e a cultura da sustentabilidade
- Resalta o liderado de Galicia acompañando o traballo das empresas, que se traduce na “estabilidade institucional” e nos “bos índices de crecemento” que teñen permitido recuperar os niveis de PIB prepandemia e bater o récord de exportacións
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no encontro organizado por APD Líderes que deixan pegada, un marco no que destacou a importancia do talento e o liderado para impulsar a competitividade e camiñar cara a unha economía sustentable.
Neste marco, Toca, que felicitou a APD por esta iniciativa posta en marcha o ano pasado no marco do seu 20º Aniversario da zona noroeste, sinalou que desde o Goberno galego se está a acompañar todo o traballo do tecido empresarial neste eido para facilitar o seu liderado. Un liderado que se traduce na “estabilidade institucional” e nos “bos índices de crecemento” que teñen permitido recuperar os niveis de PIB prepandemia e bater o récord histórico de exportacións
A directora do Igape avogou por impulsar a colaboración público-privada e por reforzar a simplificación administrativa, ao tempo que animou aos asistentes a seguir traballando na transición cara a unha economía sustentable.
“O obxectivo é acompañar á tecnoloxía e á Intelixencia Artificial, con persoas e con líderes”, incidiu Toca, quen sinalou que “o talento é o motor que move a economía do coñecemento, a economía verde e dixital”. “Sen talento non hai innovación e sen innovación non hai transformación”, concluíu.
Galicia reforza as relacións comerciais con China cun novo acordo coa Cámara de Comercio e Industria do país asiático
- Asinado no transcurso dunha viaxe a China levada a cabo estes días por representantes do Igape, dá continuidade ao impulsado no 2018, que fixo de Galicia a primeira Comunidade autónoma en contar cun memorando destas características cunha das cámaras de comercio máis importantes do país que agrupa máis de 10.000 empresas
- O obxectivo é promover o aumento do comercio e o investimento entre a industria de maquinaria e electrónica de ambos os dous países
- As dúas partes comprométense a organizar misións comerciais, potenciar a cooperación comercial bilateral a través do intercambio de información comercial e servizos de consultaría mutuos, ou á elaboración dunha listaxe de provedores recomendados e dun calendario coas principais feiras comerciais internacionais que se celebran nos dous países
A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, vén de asinar un novo acordo de colaboración coa Cámara de Comercio para a importación e exportación de maquinaria e produtos electrónicos de China que busca afianzar as relacións comerciais entre Galicia e o país asiático.
Este memorando, asinado no transcurso dunha viaxe a China que levaron a cabo representantes do Igape, reforza o interese recíproco tanto de Galicia como de China por dar novos pasos para consolidar as relacións bilaterais entre ambas as dúas economías. De feito, China foi en 2022 o primeiro destino en Asia das exportacións galegas, e un dos máis importantes fóra de Europa, experimentando un incremento do 6,7 % con respecto ao ano anterior ata acadar os 223 M€.
O acordo dá continuidade ao asinado no 2018, que fixo de Galicia a primeira Comunidade autónoma en contar cun memorando destas características cunha das cámaras de comercio máis importantes do país que agrupa máis de 10.000 empresas.
O memorando recolle unha serie de compromisos que se renovan para promover o aumento do comercio e o investimento entre a industria de maquinaria e electrónica dos dous países.
Así, ambas as dúas partes comprométense a organizar misións comerciais, potenciar a cooperación comercial bilateral a través do intercambio de información comercial e servizos de consultaría mutuos, ou á elaboración dunha listaxe de provedores recomendados e dun calendario coas principais feiras comerciais internacionais que se celebran nos dous países.
Investimentos en Galicia
O acordo configúrase como unha oportunidade tanto para que as empresas galegas poidan abrir os seus mercados como para recibir novos investimentos cara a Galicia. Neste sentido, a viaxe levada a cabo polos representantes do Igape permitiu tamén avanzar nos grandes proxectos de investimento previstos en Galicia por parte de empresas chinesas, como é o caso da factoría de pneumáticos de Sentury que se prevé poñer en marcha nas Pontes.
Así mesmo, a viaxe facilitou o seguimento doutras posibles iniciativas, como a da empresa BYD, que está analizando un forte investimento na súa primeira fábrica de vehículos eléctricos en Europa, e a empresa Tsingshan que busca a implantación dunha fábrica de baterías para impulsar vehículos eléctricos.
A viaxe é froito das relacións impulsadas estes últimos anos pola Consellería de Economía, Industria e Innovación e incluíu, ademais, distintas reunións con outras empresas de automoción chinesas coas que se vén mantendo o contacto, así como coa empresa Bright Foods, matriz de Conservas Albo.
A Xunta ve no talento e a innovación unha vantaxe competitiva no actual escenario económico
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou na xornada ‘Tomando o pulso ao mercado de traballo’, celebrada en Santiago de Compostela
A Xunta resalta a importancia do emprendemento innovador como chave no futuro económico de Galicia
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no evento InnoBar, encontro entre startups e investidores que busca identificar necesidades e inquietudes dos emprendedores galegos potenciando o ecosistema da innovación en Galicia.
- Lembra que o Goberno galego ten en marcha unha completa Axenda Startups con diferentes liñas e actuacións na procura de fomentar un emprendemento innovador capaz de seguir reactivando a economía, xerar emprego e mellorar a competitividade.
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en InnoBar, un encontro celebrado en Santiago e centrado na innovación, no que tomaron parte representantes de Startups e investidores e no que puxo en valor a importancia do emprendemento innovador como chave do futuro económico de Galicia.
O evento, organizado en colaboración coa Fundación Madri+D, impulsou a súa primeira xuntanza na capital o pasado mes de novembro, tomando parte no mesmo diversas startups e emprendedores galegos. Esta tarde abordouse en Galicia unha segunda xornada que reuniu arredor de cen persoas e que contou coa presenza, entre outros, de Eduardo Díaz, jefe del área de emprendedores de la Fundación Madri+D.
Neste marco, a directora do Igape puxo en valor a importancia deste tipo de encontros, que permiten, nun espazo distendido, potenciar o ecosistema innovador galego promovendo a colaboración entre emprendedores e posibles investidores. “InnoBar é unha boa experiencia innovadora, que permite recibir charlas inspiradoras, compartir coñecemento e facer networking”, expuxo Toca.
Sobre esta base, a directora do Igape lembrou que o Goberno galego ten en marcha unha completa Axenda Startups con diferentes liñas e actuacións na procura de fomentar un emprendemento innovador capaz de seguir reactivando a economía, xerar emprego e mellorar a competitividade.
Lorenzana compromete o apoio da Xunta para impulsar a competitividade de pemes e autónomos
- Destaca que a tarefa da Administración autonómica vai seguir sendo ofrecer certezas, estabilidade e confianza.
- Avoga por dar a máxima axilidade administrativa aos proxectos que conforman a Axenda Industrial de Galicia.
- Apunta que, ata maio, se crearon en Galicia máis de 1.800 empresas, 773 na provincia da Coruña.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, comprometeu hoxe todo o apoio da Xunta para seguir impulsando en Galicia a competitividade de pemes, micropemes e autónomos, ao tempo que se asentan no territorio os grandes proxectos de investimento previstos no marco dos fondos Next Generation.
Así o manifestou hoxe durante a clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios da Coruña, onde avogou por dar a máxima axilidade administrativa aos proxectos que conforman a Axenda Industrial de Galicia, relacionados coa economía circular, a xeración de hidróxeno verde e os biocombustibles ou coa mobilidade sustentable, e lideradas por empresas como Sentury, Resonac, Reganosa, EDP, Repsol ou Naturgy, entre outras.
Durante a súa intervención, Lorenzana salientou que “en Galicia cremos que hai outra forma de facer as cousas”, sinalando que “as empresas sodes parte da solución”. Neste sentido, avogou pola colaboración público-privada, lembrando que “a economía, a industria, os proxectos, o emprego, os fan as empresas”, avogando pola colaboración público-privada”.
Lorenzana apuntou que a tarefa da Administración autonómica vai seguir sendo ofrecer certezas, estabilidade e confianza ao tecido empresarial. E, ao respecto, puxo de relevo que Galicia xa recuperou o PIB prepandemia antes que a media de España. Que vén de rexistrar o mellor cuadrimestre da historia en exportacións (con máis de 9.676 millóns de euros, que é un 6,4% máis que entre xaneiro e abril do ano pasado). Tamén a mellor cifra nun mes de maio nos últimos 14 anos en número de afiliados á Seguridade Social (1.059.085 persoas). E que ata maio, se crearon en Galicia máis de 1.800 empresas, 773 na provincia da Coruña.
A conselleira concluíu recoñecendo que o que contribúe a estes datos é o talento e a capacidade de adaptación das empresas galegas nun contexto tan complexo como o actual.
Lorenzana destaca a aposta da Xunta por ofrecer a máxima axilidade administrativa para captar novos investimentos empresariais
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, sinalou hoxe nun coloquio organizado por APD en Vigo que a Administración autonómica vai seguir traballando para eliminar trabas burocráticas e achegar un clima favorable en termos de fiscalidade, enerxía e tamén no plano laboral.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Vigo nun coloquio organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), no cal destacou a aposta da Xunta de Galicia por ofrecer a máxima axilidade administrativa para captar novos investimentos empresariais. Así, sinalou que a Administración autonómica vai seguir traballando para eliminar trabas burocráticas e achegar un clima favorable en termos de fiscalidade, enerxía, e tamén no plano laboral.
Lorenzana recoñeceu que as administracións “non poden ser un estorbo” para o tecido empresarial e iso, dixo “implica axilidade administrativa desde todos os puntos de vista e coñecer cales son as súas necesidades e como se pode traballar de xeito coordinado para que os proxectos saian adiante. “Estamos dando ritmo a un traballo xa iniciado para converter Galicia nun foco de atracción de investimentos, vinculando, tamén, a enerxía á industria”, tal e como recolle a futura Lei de de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
“Temos que trasladar unha mensaxe á sociedade de que podemos traballar coa enerxía que temos en Galicia, que iso vai repercutir no benestar de todos”, dixo, e mentres tanto, engadiu, conseguir que iso teña impacto no prezo enerxético que afronta a industria e contribúa a captar investimento exterior. Ao mesmo tempo, Lorenzana avogou por “dar coherencia” ao traballo que fai o Igape e a Sociedade Impulsa, xunto coa Secretaría Xeral de Industria, “que naceu coa finalidade de ser quen de coordinar todos os proxectos industrias e empresarias e ser o nexo de unión”.
A conselleira tamén considerou clave o talento, “atraer e reter ás persoas”, dixo. E, con respecto aos fondos Next Generation, recoñeceu que “sería unha auténtica traxedia” que non chegasen a Galicia, polo que, concluíu: “imos ser incansables en reclamalo”.
Rueda sitúa o tecido empresarial galego como exemplo de xeración de riqueza e respecto ambiental
- Garante o compromiso da Xunta para “pór os medios” para acompañar as empresas no seu desenvolvemento e creación de postos de traballo dun xeito sustentable.
- Salienta a “enorme oportunidade” que ten Galicia nas enerxías renovables ao contar cunha “situación punteira” con respecto a outras moitas zonas de Europa.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, erixiu hoxe o tecido empresarial galego como exemplo de xeración de riqueza mantendo intacto o compromiso co respecto ambiental, tal e como considerou que queda acreditado en casos como o de Genesal Energy, que acaba de poñer en marcha a primeira fachada fotovoltaica integral de Galicia nas súas instalacións no concello coruñés de Bergondo, evitando así a emisión de 20 toneladas de dióxido de carbono.
“É un signo de compromiso medioambiental” gabou Rueda sobre estas instalacións, ao tempo que salientou “o talento, a perseveranza, a investigación e os investimentos en i+D+i” desta empresa, á que cualificou de “punteira e forte”. Ademais, tamén puxo en valor que, a través da súa actividade económica, non só exporta produtos galegos a todo mundo, senón tamén talento sen esquecer a preservación e protección da contorna.
Ante esta implicación do tecido empresarial galego na xeración de riqueza e no respecto ambiental, o mandatario galego defendeu que as Administracións “deben preguntarse que deben facer para botar unha man”. Por este motivo, garantiu o compromiso da Xunta en “pór os medios” para acompañar as empresas no seu desenvolvemento e creación de postos de traballo dun xeito sustentable.
A enorme oportunidade de Galicia nas enerxías renovables
Neste senso, fixo fincapé en que as enerxías renovables “chegan para quedarse” e advertiu que Galicia ten “unha enorme oportunidade” neste sector, xa que apuntou que a comunidade galega conta con elementos que a colocan “nunha situación punteira” con respecto a outras moitas zonas de Europa.
Fronte a esta situación de desenvolvemento das enerxías renovables, defendeu que as Administracións teñen que estar “convencidas” en apoiar e darlle pulo a iniciativas empresarias neste eido, “e a de Galicia o está”, aseverou para concluír a súa intervención.