Super User
Lorenzana sinala que o contract abre oportunidades de incorporar a madeira ao deseño, á arquitectura e a novas solucións construtivas
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que o contract abre oportunidades de incorporar a madeira ao deseño, á arquitectura e a novas solucións construtivas. “Pode actuar como unha ponte entre o recurso forestal e o mercado”, asegurou.
Lorenzana clausurou hoxe a XVI Semana Internacional Contract Galicia, acompañada do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, e alí lembrou a aposta da Xunta por fomentar a construción industrializada en madeira que, segundo dixo, “amplía a maneira de entender o contract”.
A conselleira destacou a vocación internacional deste sector que, en Galicia, abrangue preto de 200 empresas, máis de 7.000 postos de traballo e unha facturación de ata 700 millóns de euros. “O noso desafío é conectar mellor todas as nosas capacidades e situar as empresas galegas non só como provedoras, senón como socias estratéxicas dos grandes proxectos internacionais”, asegurou.
Neste contexto fixo referencia aos últimos datos de exportacións da comunidade autónoma que, ata agosto deste ano, creceron un 1,5 por cento, ata os 20.546,3 millóns de euros. Galicia concentra o 7,8 por cento das exportacións de toda España e ocupa a sexta posición entre comunidades, moi preto do País Vasco.
O reto, proseguiu, consiste agora en “ampliar esa base empresarial, reforzar a nosa posición nos principais destinos europeos e acceder a novas oportunidades comerciais noutros mercados”. E, para iso, lembrou que a Xunta presentará proximamente a nova Estratexia de Internacionalización, que se vai sumar á Estratexia de Innovación Empresarial aprobada esta mesma semana con máis de 400 millóns de euros de investimento.
A Xunta explora en China novas oportunidades de colaboración empresarial en sectores estratéxicos para Galicia
Tianjin (China), 22 de outubro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro cos responsables económicos do distrito de Hexi, un dos principais distritos empresariais da cidade chinesa de Tianjin, co obxectivo de explorar novas oportunidades de colaboración económica e empresarial entre Galicia e China e favorecer o desenvolvemento de novos contactos e proxectos conxuntos.
Durante a reunión, celebrada no marco dunha visita institucional e comercial ao país asiático, abordáronse as posibilidades de cooperación en catro sectores nos que Hexi conta cunha destacada actividade empresarial: a loxística, o aeroespacial, a biotecnoloxía e a saúde e as novas tecnoloxías. Trátase de ámbitos nos que Galicia tamén dispón de capacidades empresariais, industriais e tecnolóxicas que poden facilitar novas vías de colaboración.
Neste contexto, Toca Carús puxo en valor a fortaleza e a diversidade do tecido empresarial galego, a súa experiencia nos mercados internacionais e a capacidade para desenvolver proxectos innovadores en sectores de alto valor engadido. Así mesmo, destacou as sinerxías e os intereses comúns existentes entre ambos os territorios, que ofrecen oportunidades para impulsar novas relacións comerciais, compartir coñecemento e explorar posibles investimentos.
Tras o encontro, quedou aberta a posibilidade de organizar futuras visitas de empresas galegas a Tianjin, así como dunha delegación de Hexi e Tianjin a Galicia, co fin de coñecer de primeira man as capacidades empresariais de ambos os territorios e identificar oportunidades concretas de cooperación.
A directora do Igape destacou a importancia destes contactos para seguir reforzando a proxección internacional de Galicia e abrir novas oportunidades de negocio para as empresas galegas. Neste sentido, lembrou o papel da Antena do Igape en China como instrumento para facilitar contactos, identificar oportunidades e acompañar o tecido empresarial na súa actividade neste mercado.
Lorenzana destaca o compromiso do grupo J. Rilo coa economía circular e a eficiencia na industria
Ferrol, 9 de outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a experiencia do Grupo J. Rilo na valorización de residuos e na prestación de servizos vinculados á construción e á maquinaria constitúe un exemplo de como a industria pode avanzar da man do respecto polo medio ambiente e da eficiencia dos recursos.
Fronte retos tan importantes como a transición ecolóxica, a economía circular ou a modernización da industria, considerou especialmente relevante o labor desenvolvido por empresas coma esta, que apostan pola innovación e pola sustentabilidade, recoñeceu Lorenzana nunha visita ás instalacións desta firma con case 60 anos de traxectoria.
Segundo dixo, como empresa familiar que é, o Grupo Rilo -que conforman tres compañías: Recinor, Prosema e Rilo Maquinaria-, ten o dobre obxectivo de conxugar a continuidade xeracional e a capacidade para conservar a identidade propia, coa incorporación de novas visións e novas formas de xestión.
A Xunta reivindica o talento e a innovación aplicada como motores para reforzar a competitividade da industria galega
- A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a Xornada da Industria no marco da Maker Faire Galicia 2026, onde pon en valor a capacidade do encontro para conectar talento, coñecemento e empresa
- Subliña a importancia de transformar as ideas e o coñecemento en solucións concretas que permitan ás empresas innovar, medrar e competir
- Gaba o talento galego que desenvolve a súa actividade dentro e fóra da Comunidade, contribuíndo á proxección do ecosistema innovador e á creación de novas oportunidades
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou hoxe a Xornada da Industria da Maker Faire Galicia 2026, onde destacou o talento, o coñecemento e a innovación aplicada como elementos clave para reforzar a competitividade do tecido empresarial galego. Durante a súa intervención na Casa das Máquinas de Santiago, puxo en valor a capacidade deste encontro para conectar investigadores, emprendedores, profesionais e empresas, favorecendo novas oportunidades de colaboración.
Neste sentido, salientou a traxectoria dunha iniciativa que suma xa máis de 100.000 asistentes, participantes de máis de 15 países, 1.550 makers e 600 proxectos, contribuíndo a dar visibilidade ao talento e ás novas ideas. Destacou especialmente a presenza de profesionais galegos que desenvolven a súa actividade dentro e fóra de Galicia, mantendo a súa vinculación coa Comunidade e contribuíndo á proxección do ecosistema innovador galego.
A xornada aborda ámbitos como a intelixencia artificial, a biotecnoloxía, a neurotecnoloxía ou a computación cuántica, ademais de dar visibilidade a novas iniciativas a través do tradicional pitch de proxectos.
Innovación ao servizo das empresas
Neste contexto, Toca Carús subliñou que a Xunta traballa para facilitar que o coñecemento se transforme en innovación aplicada e chegue ás empresas en forma de solucións que melloren a súa competitividade.
Finalmente, lembrou que a innovación debe estar ao alcance de empresas de todos os tamaños e sectores, reafirmando o compromiso do Igape de acompañalas para converter ideas e coñecemento en proxectos capaces de xerar actividade e novas oportunidades.
Lorenzana e o Clúster Audiovisual Galego abordan os retos do sector no ámbito da innovación
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en San Caetano un encontro con representantes do Clúster Audiovisual Galego (CLAG) para abordar os retos aos que se terá que afrontar este sector nos vindeiros anos no ámbito da innovación e da internacionalización.
Lorenzana puxo en valor que o clúster, integrado xa por arredor de 60 empresas e entidades, é clave para impulsar a competitividade desta industria e consolidar a súa posición a través da cooperación empresarial. Ademais, na actualidade subliñou que o CLAG busca conectar industria audiovisual, tecnoloxía, investigación e formación co obxectivo de fomentar a captación de investimentos e reforzar o tecido industrial de Galicia.
A Xunta impulsa novas oportunidades para as empresas galegas en Emiratos Árabes Unidos, onde as exportacións medraron un 6.6% en 2025
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración da Xornada País Emiratos Árabes Unidos, onde destaca que 279 empresas galegas exportaron ao país o pasado ano, cunhas vendas que alcanzaron os 79,6 millóns de euros
- Subliña o papel da Antena do Igape en Emiratos Árabes Unidos, que ofrece asesoramento, apoio comercial e contactos empresariais para facilitar o acceso a unha rexión de preto de 150 millóns de habitantes
- Avanza que a rede de Antenas, presente xa en seis mercados internacionais, ampliarase proximamente con novas aperturas en Brasil e Arxentina
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe as oportunidades que ofrece Emiratos Árabes Unidos para avanzar na diversificación dos mercados das empresas galegas, nun país que se consolidou como un dos principais centros comerciais, loxísticos e financeiros de Oriente Medio e como plataforma de acceso ao conxunto da rexión.
Durante a inauguración da Xornada País Emiratos Árabes Unidos, celebrada na Cidade da Cultura, Toca Carús puxo en valor a evolución das relacións comerciais con este mercado. En 2025, un total de 279 empresas galegas exportaron a Emiratos, das que 97 o fixeron de maneira regular. As vendas alcanzaron os 79,6 millóns de euros, un 6,6% máis que no exercicio anterior, e acumulan un crecemento próximo ao 40% nos últimos seis anos.
A directora do Igape sinalou que o téxtil e a alimentación concentran máis do 42% das exportacións galegas a Emiratos, ao tempo que existen posibilidades de crecemento noutros ámbitos como o metalmecánico, a automoción, a madeira ou o sector químico.
Neste contexto, salientou o papel da Antena do Igape en Emiratos Árabes Unidos como ferramenta para facilitar a entrada das compañías galegas neste mercado. Desde a súa posta en marcha, vén prestando servizos de información, asesoramento e apoio comercial a empresas de sectores como a alimentación, o téxtil, a saúde, as TIC, a industria, a enxeñaría ou a defensa, ademais de acompañar compañías en feiras e promover contactos empresariais.
A cobertura da Antena, afondou, esténdese tamén a Arabia Saudita, Irán, Baréin, Kuwait, Omán e Qatar, configurando unha área de preto de 150 millóns de habitantes que recibiu exportacións galegas por valor de 224 millóns de euros en 2025.
Acompañamento á internacionalización
Toca Carús incidiu no compromiso da Xunta por acompañar as empresas durante todo o seu proceso de internacionalización, desde a selección dos mercados ata a súa entrada e posterior consolidación, combinando asesoramento, formación e axudas ás accións comerciais.
Neste marco, destacou a rede de Antenas, actualmente presente en Estados Unidos, México, Marrocos, China, Xapón e Emiratos Árabes Unidos, que permite cubrir un mercado potencial superior aos 2.000 millóns de consumidores. A esta rede incorporaranse proximamente Brasil e Arxentina.
A directora do Igape lembrou tamén a boa evolución do comercio exterior galego, con máis de 30.000 millóns de euros en exportacións en 2025 por terceiro ano consecutivo e cun novo incremento do 0,9% entre xaneiro e xullo deste ano.
Rueda destaca o apoio da Xunta ao tecido produtivo garantindo un marco de estabilidade e medidas para mellorar a súa competitividade
- Salienta a fiabilidade política e económica que ofrece Galicia aos investidores
- O Goberno galego aposta por facilitar o acceso a solo industrial ou reducir os trámites de proxectos estratéxicos para atraer iniciativas empresariais
- O novo Plan de benestar laboral busca incidir na prevención para reducir o risco de incapacidades temporais e reforzar o apoio ao traballador durante a baixa e tras a súa reincorporación
A Coruña, 1 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego co tecido produtivo da comunidade, garantindo un marco de estabilidade e a través de diferentes medidas de apoio ante algúns dos principais desafíos das empresas hoxe en día, como mellorar a súa competitividade.
Durante a inauguración da xornada Empresa hoy. Tres desafíos de la empresa española: competitividad, marco legal estable y absentismo laboral, organizada por Nueva Mutua Sanitaria na Coruña, Rueda sinalou que os tres retos “están de absoluta actualidade” e que a este respecto é preciso “debater, escoitar, reflexionar e chegar a conclusións eficaces”. Ademais, lembrou que as empresas son as que xeran riqueza e emprego de calidade nun territorio e que, por iso, a Xunta conta con diferentes liñas de apoio tanto para atraer novos investimentos á comunidade como para axudar as empresas xa instaladas en Galicia a medrar ou diversificarse sen saír da terra. Así, afirmou que “Galicia Calidade tamén é un funcionamento eficaz das nosas empresas, economía e emprendedores”.
Nesta liña, o presidente afirmou que “un país competitivo é un país que avanza”, destacando medidas como a posta a disposición das empresas de solo industrial -o último concurso de venda de parcelas saldouse coa maior adxudicación da década: 90 terreos para 44 empresas-; figuras legais que permiten reducir os prazos para poñer en marcha proxectos estratéxicos sen perder garantías xurídicas ou a Oficina Económica de Galicia -na que calquera emprendedor pode informarse e recibir asesoramento-.
Tamén á hora de mellorar a competitividade dunha empresa, Rueda salientou a importancia de apostar pola innovación, de “reter e atraer talento” e de axudar na “cobertura de vacantes”.
Ademais, o titular do Executivo galego lembrou que Galicia ofrece estabilidade política e económica, tamén coa aprobación anual dos orzamentos, que o “1 de xaneiro estarán en vigor”, o que fai da comunidade un marco de fiabilidade que atrae investimentos “sendo esixentes e dando seguridade xurídica”.
Plan integral
O presidente da Xunta sinalou que o absentismo laboral “é unha cuestión que hai que abordar, sen demagoxias” e resaltou que o Goberno autonómico vén de aprobar o Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, dotado de 45 millóns de euros para poñer en marcha 37 medidas.
O obxectivo é incidir na mellora das condicións laborais nos postos de traballo para reducir o número de incapacidades temporais, reforzar o apoio ao traballador de baixa durante o proceso e facilitar a súa recuperación e retorno ao emprego.
O Plan, aprobado no último Consello da Xunta, inclúe medidas centradas na prevención como a posta en marcha da Estratexia Galega do Benestar ou servizos de atención musculoesquelética e de saúde mental para o persoal de pemes, microempresas e autónomos. O mandatario galego salientou que as pequenas compañías tamén contarán con axudas para contratar substitutos no caso de que as baixas se prolonguen no tempo e os traballadores que o desexen contarán cunha persoa que os acompañará ao seu regreso ao posto de traballo para facilitar a súa volta e evitar recaídas.
En paralelo, a Xunta seguirá reforzando a atención sanitaria das persoas en baixa e axilizando trámites que se producen durante o proceso de incapacidade laboral.
Galicia mantén en 2026 a tendencia positiva das súas exportacións, cun incremento interanual do 0,9 % ata xullo
- A directora do Igape, Covadonga Toca, destaca en Madrid que Galicia pechou 2025 superando por terceiro ano consecutivo os 30.000 M€ en exportacións
- Salienta o acompañamento ás empresas en todo o proceso de internacionalización, con apoios para acceder a novos mercados, Antenas no exterior, aceleración e formación de talento
- Incide na importancia de combinar a consolidación nos principais destinos europeos coa apertura de novas oportunidades en América, Asia, o norte de África e Oriente Medio
Madrid, 1 de outubro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe en Madrid a evolución positiva das exportacións galegas, que entre xaneiro e xullo de 2026 alcanzaron os 18.409,8 millóns de euros, cun incremento interanual do 0,9 %, mantendo así rexistros superiores aos do mesmo período do ano anterior.
Toca Carús participou no encontro Internacionalización e competitividade empresarial, celebrado na Casa de Galicia en Madrid, onde puxo en valor a fortaleza da base exportadora galega e a súa diversificación sectorial. Neste contexto, lembrou que Galicia pechou 2025 cunhas exportacións de 30.938,9 millóns de euros, superando por terceiro ano consecutivo os 30.000 millóns, e con 2.839 empresas exportadoras regulares.
A directora do Igape sinalou que o obxectivo é seguir ampliando a base de empresas exportadoras e favorecer unha presenza máis estable nos mercados internacionais, acompañándoas desde o diagnóstico inicial ata o acceso e consolidación en novos destinos.
Apoio adaptado a cada empresa
Toca Carús destacou o papel da Oficina Económica de Galicia como porta de entrada para orientar as empresas e conectalas cos recursos máis adecuados. Entre eles, programas como Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios ou Foexga, que apoian accións de promoción exterior, prospección de mercados, participación en feiras e misións empresariais.
A este acompañamento súmase a rede de Antenas do Igape, que ofrece apoio directo ás empresas nos mercados de destino. Actualmente está presente en Estados Unidos, México, Marrocos, Xapón, China e Emiratos Árabes Unidos, coa previsión de ampliarse a Brasil e Arxentina.
Toca Carús puxo tamén en valor Galicia Avanza, a aceleradora de internacionalización pola que xa pasaron 111 empresas nas súas catro edicións, e o programa de bolseiros do Igape, que permitiu formar máis de 400 profesionais con experiencia en máis de 70 países.
Finalmente, incidiu na importancia de combinar a consolidación nos principais mercados europeos —a UE concentrou o 70,3 % das exportacións galegas en 2025— coa apertura de novas oportunidades en América, Asia, o norte de África e Oriente Medio.
A Xunta destaca o potencial do comercio electrónico para impulsar a competitividade e abrir novos mercados
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa en Pontevedra na inauguración da quinta edición de Ecommerce Days, o principal encontro anual do sector en Galicia
- Pon en valor as oportunidades que ofrecen a intelixencia artificial, a dixitalización e os novos canais de venda para mellorar procesos, chegar a novos clientes e favorecer a internacionalización das pemes
Pontevedra, 1 de outubro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe o potencial do comercio electrónico e das novas ferramentas dixitais para reforzar a competitividade das empresas galegas, mellorar a súa relación cos clientes e facilitar o acceso a novos mercados.
Durante a inauguración da quinta edición de Ecommerce Days, que se celebra no Pazo da Cultura de Pontevedra, Toca Carús puxo en valor a evolución dun encontro que desde a súa posta en marcha en 2022 reuniu xa a máis de 700 asistentes e 80 relatores, consolidándose como a principal cita anual do comercio electrónico en Galicia.
Neste contexto, a directora salientou que o ecommerce vai hoxe moito máis alá da venda por internet e está cada vez máis vinculado á tecnoloxía, aos datos, ao coñecemento do cliente, ao marketing e á apertura de novos mercados. Unha transformación que, segundo apuntou, obriga as empresas non só a coñecer as novas ferramentas, senón a identificar aquelas que poden achegar valor real ao seu negocio.
Así, Toca Carús referiuse especialmente á intelixencia artificial e á necesidade de avanzar desde o coñecemento das súas posibilidades cara á súa aplicación práctica nas empresas. Deste xeito, incidiu no seu potencial para coñecer mellor os clientes, personalizar ofertas, analizar datos, automatizar tarefas ou facer máis eficientes os procesos.
Nesta liña, explicou que a orientación que impulsa a Xunta a través do Igape pasa por favorecer que a innovación e a tecnoloxía se traduzan en resultados concretos para o tecido empresarial, contribuíndo a vender mellor, aforrar tempo, mellorar a toma de decisións e xerar novas oportunidades de negocio.
Porta de entrada a novos mercados
A directora do Igape destacou tamén a capacidade do comercio electrónico para facilitar a internacionalización das pemes galegas. Os canais dixitais, explicou, permiten ás empresas testar mercados, chegar a novos clientes, acceder a marketplaces e construír unha marca no exterior con maiores posibilidades que hai apenas uns anos.
Por este motivo, subliñou a crecente conexión entre dixitalización, innovación e internacionalización, tres ámbitos que forman parte dunha mesma estratexia de crecemento empresarial. Así, unha empresa que incorpora eficazmente as ferramentas dixitais está mellor preparada para competir fóra, do mesmo xeito que unha compañía que aspira a crecer internacionalmente necesita unha estratexia dixital cada vez máis sólida.
Finalmente, a directora puxo en valor o papel do Clúster do Ecommerce Galego e de encontros como Ecommerce Days para conectar empresas, compartir experiencias e coñecemento e favorecer novas colaboracións. Neste sentido, reafirmou a vontade da Xunta e do Igape de seguir traballando en contacto directo co tecido empresarial para adaptar os instrumentos de apoio ás súas necesidades e aos novos retos do mercado.
O Igape organiza unha xornada sobre as oportunidades actuais das empresas galegas nos Emiratos Árabes Unidos
A Xunta vén ofrecendo actualizacións da situación económica en distintos mercados mundiais a través de Xornadas País coas Antenas da Xunta de Galicia. O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus produtos, neste caso, a Emiratos Árabes Unidos.
A Antena en EAU, o día 8 de outubro, ofrecerá unha visión actualizada das oportunidades para as empresas galegas e das claves prácticas para operar nun contexto condicionado polas tensións xeopolíticas, os cambios nas rutas loxísticas e a necesidade de reforzar a seguridade das operacións. Se está interesado, tamén terá a posibilidade de programar unha reunión individual co responsable da Antena en Emiratos Árabes Unidos durante o día 8 de outubro.
Solicite a reunión ao realizar a súa inscrición.
Día: 8 de outubro de 2026 | Hora: 09:30-14:30 | Modalidade: Presencial no Edificio Fontán da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela)
✍️ Inscricións