A Xunta promove o talento directivo a través dun proxecto pioneiro de Interim Management orientado ás pemes galegas

Xoves, 17 Xullo 2025 13:21
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou no encontro empresarial Talento que transforma: Interim Management para os retos reais das pemes galegas, no que presentou esta iniciativa destinada a incorporar directivos expertos de forma temporal
  • A Xunta financiará ata o 75 % do custo do servizo, cun máximo de 200.000 euros en axudas directas, para apoiar procesos de cambio, crecemento ou reorganización
  • Destaca que o proxecto enmárcase nunha estratexia máis ampla que aposta polo talento como motor da transformación económica e pola colaboración público-privada

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou esta mañá en Santiago no encontro empresarial Talento que transforma: Interim Management para os retos reais das pemes galegas, no que presentou o novo proxecto piloto da Xunta de Galicia para facilitar que as pemes en etapas clave da súa evolución poidan contar co asesoramento de directivos experimentados.

A través deste programa, desenvolvido polo Igape en colaboración coa Asociación de Interim Management de España (AIME) e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD), as pequenas e medianas empresas poderán incorporar, durante seis meses e con dedicación parcial, profesionais de alta dirección que lideren retos concretos e impulsen procesos de transformación, expansión ou reorganización interna.

O Goberno galego, expuxo Toca Carús, asumirá ata o 75  % do custo do servizo, cun límite de 200.000 euros en axudas directas, mentres que as empresas asumirán o 25  % restante. As solicitudes deberán presentarse telematicamente a través da oficina virtual do Igape ata o 4 de agosto.

Durante a súa intervención, a directora do Igape salientou que “o acceso ao talento non pode ser un luxo, senón unha panca de transformación accesible para todo o tecido empresarial”. Destacou ademais que o interim management permite incorporar liderado estratéxico de maneira flexible e eficaz, sen incrementar a estrutura fixa das organizacións.

A Xunta enmarca esta iniciativa nunha aposta máis ampla por profesionalizar a xestión empresarial, fortalecer a competitividade e consolidar un modelo económico baseado na innovación, o liderado e a sustentabilidade. “Queremos que as nosas pemes poidan avanzar con seguridade e apoio, minimizando riscos e garantindo decisións áxiles e eficaces”, asegurou Toca.

A xornada, que reuniu a representantes empresariais, profesionais da dirección e entidades colaboradoras, serviu tamén para visibilizar exemplos de éxito e debater sobre o papel do liderado estratéxico na evolución das empresas. A directora do Igape concluíu sinalando que “só con empresas ben dirixidas Galicia poderá seguir medrando de forma sostible e xerando oportunidades para todos”.

 

>>MÁIS INFORMACIÓN SOBRE O PROCEDEMENTO<<

>>FAQS<<

  • A Xunta salienta en Corvus Belli o potencial da industria creativa galega para competir nos mercados internacionais
    Ler máis
  • Lorenzana asiste en Bergondo á inauguración das novas instalacións de Inusual Comunicación Innovadora
    Ler máis
  • Lorenzana apela a reducir tempos e burocracia na administración porque “os investimentos non esperan”
    Ler máis