Super User

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, e a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participaron no Comité de Política Industrial que avalía, entre outras cuestións, a situación deste Fondo que suma 111 millóns de euros en Galicia e que ten previsto, nos vindeiros meses, a activación de distintas liñas.
  • Tamén se afondou no estado actual da coxeración, tendo en conta a incerteza regulatoria.
  • O encontro permitiu tamén avaliar o desenvolvemento da Axenda Industrial de Galicia 2025, que está a activar o Goberno galego na procura de impulsar a dobre transición dixital e sostible no tecido empresarial galego, con especial atención ás pequenas e medianas empresas.

O director do Igape, Fernando Guldrís, e a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, dependentes ambos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, participaron hoxe na reunión do Comité de Política Industrial -formado por representantes da Xunta, sindicatos, a Confederación de Empresarios de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras de Comercio e o Colexio de Enxeñeiros Industriais- onde se avaliou, entre outras cuestións, a situación do Fondo de Transición Xusta que está a promover o Goberno galego na procura de impulsar proxectos tractores nos que participen as pemes galegas.

O Fondo, dotado con 111 millóns de euros, busca xerar un impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición climática, que se corresponde coa provincia da Coruña, en concreto coas centrais de Meirama e das Pontes, prestando apoio aos territorios e aos traballadores afectados e promovendo unha transición socioeconómica equilibrada.

As pemes son as principais destinatarias, sendo o obxectivo identificar grandes proxectos que impulsen as iniciativas desas pequenas e medianas empresas para, de modo conxunto, conformar un plan de desenvolvemento territorial sostible.

Para acadar estes obxectivos, durante os próximos meses está prevista a posta en marcha de distintas liñas. Así, os representantes autonómicos subliñaron que Galicia é a comunidade que máis avanzada está nos trámites de desenvolvemento do Fondo.

Neste sentido, Paula Uría afondou tamén na situación actual da coxeración en Galicia, reiterando a necesidade de que o Goberno central estableza un novo marco regulatorio que garanta o futuro das plantas. Así, incidiu, un dos principais problemas que vive este sector é o da incerteza regulatoria, posto que moitas plantas están preto do final da súa vida útil e aínda non saben se o Goberno decretará unha extensión que lles permita recibir retribución á operación durante máis tempo.

A Axenda Industrial 2025

Durante a celebración do Comité, Fernando Guldrís expuxo tamén o estado de desenvolvemento da Axenda Industrial de Galicia 2025, que está a activar o Goberno galego na procura de impulsar a dobre transición dixital e sostible no tecido empresarial, con especial atención ás pequenas e medianas empresas.

A estratexia, detallou o director do Igape, supón un novo paso na adaptación da Axenda Industria 4.0, activada xa en 2015 na busca de impulsar a automatización da industria e a dixitalización, que tomou no 2019 o camiño do impulso a estratexias de negocio novas mediante a transformación dixital, e que agora céntrase en concretar a transición cara unha economía sostible.

Con estas metas, a nova Axenda Industrial estrutura as súas actuacións en catro eixos principais: a dobre transformación dixital e sostible, os axentes habilitadores, a aposta polo talento e liderado, e a industrialización sostible.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, visita as instalacións de Lacados Digoín, empresa especializada en lacados e recubrimentos especiais que ten impulsado un sistema modulable de tratamento e pintura co apoio do programa de dixitalización Industria 4.0 promovido pola Administración autonómica.
  • Lembra que está aberta unha nova convocatoria desta liña, que suma 5 M€ para a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas da súa cadea de valor.

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe no polígono de San Cibrao das Viñas as instalacións de Lacados Digoín, empresa especializada en lacados e recubrimentos especiais que ten impulsado un sistema modulable de tratamento e pintura co apoio do programa de dixitalización Industria 4.0 promovido pola Administración autonómica. Unha liña, afondou, que busca promover a transformación industrial das pemes galegas a través de proxectos de dixitalización.

Neste contexto, Guldrís lembrou que está aberto o prazo de presentación de solicitudes da nova convocatoria deste programa, que suma 5 M€ de orzamento, aspirando a apoiar este ano arredor de 200 novas iniciativas. Así, afondou o director do Igape, a liña facilita a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e conectividade da peme.
 

Esta é a oitava convocatoria do programa, que conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018, mobilizándose ata o de agora preto de 3 M€ na provincia de Ourense, impulsando a reactivación do tecido produtivo local a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

O programa de dixitalización Industria 4.0 cobre o 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, así como o 50 % dos gastos en colaboracións externas en ambos os casos.
  • Na terceira edición do programa, ao que a Administración autonómica destinou 2,5 millóns de euros, participaron máis de 7000 establecementos de toda Galicia.
  • O sector máis beneficiado pola iniciativa foi o téxtil, onde se mobilizaron un 38,7% das vendas; seguido do calzado, cun 14,5%.

A terceira edición do Bono Activa Comercio, á que a Xunta de Galicia destinou 2,5 millóns de euros, beneficiou a un total de 133.945 clientes, conseguindo mobilizar vendas por preto de 12,5 millóns de euros en menos de tres semanas.

O número de comercios que se adheriron á iniciativa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación chegou aos 7.058, a cifra máis alta das tres edicións. Os sectores máis beneficiados foron en primeiro lugar o téxtil, cun 38,7 % das vendas mobilizadas; seguido do calzado, cun 14,5 %; dos xoguetes, cun 10,2 %; as ópticas, cun 7 %; e as perruquerías, cun 6,24 %.

As provincias galegas nas que este programa supuxo un maior impacto económico foron Pontevedra e A Coruña, cun 38% e un 34% das vendas mobilizadas respectivamente. Así, en Pontevedra o importe total das vendas con desconto foi de preto de 4,7 millóns de euros, e na Coruña de máis de 4,2 millóns de euros. Na provincia de Ourense o programa contribuíu a mobilizar máis de 2 millóns de euros, e en Lugo preto de 1,5 millóns.

Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitou o número de usuarios que podían descargarse os bonos —un por persoa—, senón que unha vez que o importe total dos descontos realizados alcanzou os 2,5 millóns de euros os bonos descargados xa non se poden utilizar.

O importe dos bonos reducíase en función do valor da compra, ata un máximo de 30 euros en desconto por persoa. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros correspondíalle un desconto de 5 euros. A rebaixa era de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzaba os 15 euros.

  • Conde salienta o esforzo de Cristalerías Ramos y Ramos por dotarse de novo equipamento tecnolóxico para incrementar a súa competitividade e a súa capacidade de produción.

A Xunta de Galicia, a través do programa de incentivos rexionais, leva apoiado nove proxectos de empresas galegas que suman preto de 60M€, entre elas, Delta Vigo, Attica 21, Industrias Guerra ou Cristalerías Ramos y Ramos, que esta semana visitou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado do alcalde en funcións do Pereiro de Aguiar, Luis Menor.

Concretamente, Cristalerías Ramos y Ramos beneficiouse dunha axuda de 150.078 euros para un investimento de 1,3M€, co que adquiriu dúas liñas de maquinaria para a manufacturación do cristal co obxectivo de ampliar a capacidade de fabricación e mellorar o proceso de automatización.

Estes apoios dan continuidade ás axudas que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación outorgou a esta empresa a través de programas como Galicia Inviste ou Dixitalización Industria 4.0 e que desde 2014 suman ao redor de 450.000 euros para unha mobilización que supera os 2,5M€.

Dedicada á fabricación de climalit, Cristalería Ramos y Ramos conta con máis de 70 empregados, rolda os 8,7M€ en vendas e é a única en España cun robot que permite poñer automaticamente o perfil térmico flexible do dobre acristalamento.

Conde salientou o seu esforzo por innovar e por dotarse da última tecnoloxía para incrementar a súa competitividade. E tamén o retorno que isto lle está ocasionando, logo de que en 2019 ampliase en 2000 m² as súas instalacións no polígono do Pereiro de Aguiar e as equipase cunha nova liña automatizada. Un polígono, apuntou o vicepresidente, con máis de 80 empresas que xeran máis de 2000 empregos directos nun municipio que é Concello Emprendedor.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela no XIV Encontro da Rede Transnacional de Simplificación, destacando o papel desta entidade na promoción dun marco harmonizado a nivel de toda a UE.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela no XIV Encontro da DG Regio Rede Transnacional de Simplificación. Na súa intervención sinalou que Galicia se compromete a seguir avanzando na simplificación administrativa porque o obxectivo é facilitar a implantación de empresas e captar investimentos, especialmente  os proxectos que xurdan no ámbito da transición verde e dixital.

Conde, que salientou o papel de Rede Trasnacional sobre simplificación para promover un marco harmonizado a nivel de toda a Unión Europea, lembrou que a Xunta de Galicia ten sido pioneira en España coa súa Lei de simplificación administrativa e á hora de aplicar o modelo de custos simplificados (método alternativo para calcular os custos subvencionables).

Tal e como lembrou o vicepresidente primeiro, Galicia conta cun marco normativo que acurta á metade o tempo dos trámites de competencia autonómica e municipal (en Concellos Emprendedores) coa axuda de novas figuras administrativas, como é o caso dos proxectos industriais estratéxicos.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, inaugurou a xornada do ciclo Capacita Directivos Galicia con valor engadido, onde subliñou o compromiso do Goberno galego coa “transformación dixital e sustentable” do tecido produtivo da Comunidade.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na inauguración da xornada do ciclo Capacita Directivos Galicia con valor engadido, centrado desta volta no aproveitamento das materias primas e dos recursos naturais, onde avogou por unha xestión responsable destes na procura de impulsar cadeas de valor eficientes, innovadores e colaborativas. 

“Os recursos naturais desempeñan un papel fundamental nas cadeas de valor dos nosos sectores económicos, desde a obtención das materias primas ata a entrega final ao consumidor e o seu aproveitamento adecuado pode xerar un impacto significativo na creación de valor económico e social”, incidiu Guldrís.

Neste marco, o director do Igape subliñou o compromiso do Goberno galego coa “transformación dixital e sustentable” do tecido produtivo da Comunidade. Así, afondou, “Galicia ten moito que achegar”, desde o aproveitamento da biomasa forestal ata os diferentes usos que se fan do granito e da lousa, ou o saber artesán no emprego da cerámica. Materias e usos aos que se atende tamén na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que ten entre os seus retos o desenvolvemento dun modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación. 

Así mesmo, Guldrís puxo en valor a Axenda Industrial 2025 de Galicia, que aspira a que as empresas galegas reforcen a súa aposta pola dixitalización, aproveitando as oportunidades da sociedade dixital para cambiar os modelos de negocio. “Desde a colaboración público-privada, e poñendo o foco nas pequenas e medianas empresas, unha parte importante do noso traballo pasa por contribuír á modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e o rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos", afondou Guldrís.

O encontro celebrado hoxe desenvólvese no marco do programa Capacita Directivos, iniciativa promovida polo Igape que inclúe a organización de xornadas que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, suma seis edicións impulsando actividades formativas, tanto presenciais como en liña.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, visita en Nigrán as instalacións de Gaictech, empresa dedicada á fabricación de maquinaria para o sector conserveiro e do conxelado que implementou unha xestión integral dixital do seu proceso produtivo grazas ao programa de Dixitalización Industria 4.0.
  • Subliña que a nova convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, conta con 5M€ para apoiar a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor.
  • En réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos colectivos como individuais que busquen implantar solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos.

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Porto do Molle (Nigrán) as instalacións de Gaictech, empresa dedicada á fabricación de maquinaria para o sector conserveiro e do conxelado que implementou, grazas ao programa de Dixitalización Industria 4.0, unha xestión integral dixital do seu proceso produtivo, acadando unha maior eficiencia e control desde o pedido do cliente ata a subministración, pasando pola compra do material, o seu almacenamento e o corte láser do mesmo.

Neste marco, Guldrís sinalou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria desta liña de apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes se abre mañá, e coa que se aspira a facilitar a transformación industrial das pemes galegas con novas axudas que permitirán promover máis de 200 proxectos de dixitalización.

Cun orzamento de 5 millóns de euros, facilitarase a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e conectividade da peme.

Esta é a octava convocatoria do programa, que conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018, apuntou Guldrís, quen resaltou a súa importancia para impulsar a reactivación do tecido empresarial a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

En réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos colectivos como individuais que busquen implantar solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos. As axudas cobren o 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas, e nos dous casos o 50% dos custos de colaboracións externas.

Internacionalización

Guldrís salientou tamén a aposta de Gaictech pola internacionalización, ao contar con equipos en 45 países. Un compromiso co que tamén ten contado co apoio do Goberno galego, tanto a través do programa Galicia Exporta como de diversas accións comercias levadas a cabo no marco do plan Foexga.

“Gaictech é un exemplo inmellorable das vantaxes da innovación, da dixitalización e da procura de novos mercados. Un traballo que está a permitir que Galicia acade, nos últimos anos, cifras récord nas súas exportacións”, concluíu o director do Igape.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro en Ourense coa Asociación provincial de talleres de reparación de vehículos.
  • No mes de xuño lanzarase a nova convocatoria das axudas de dixitalización e Industria 4.0 do Instituto Galego de Promoción Económica.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, mantivo un encontro coa Asociación provincial de talleres de reparación de vehículos (Atave).

Na xuntanza, Conde salientou a importancia de que os talleres de reparación de vehículos aposten pola dixitalización e a formación para dar resposta aos avances que se están a producir no sector da automoción, en eidos como a electrificación, a automatización, a redución de emisións e a seguridade a bordo. Neste sentido, no mes de xuño lanzarase a nova convocatoria das axudas de dixitalización e Industria 4.0 do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que desde a súa posta en marcha levan mobilizados máis de 50 millóns de euros e suman máis de 1.000 solicitudes, e á que podería acollerse Atave.

A Asociación provincial de talleres de vehículos de Ourense conta con 400 empresas asociadas que supoñen o total de talleres da provincia. Tal e como trasladaron desde esta entidade na reunión celebrada esta tarde, o reto do sector pasa pola modernización das súas instalacións, a dixitalización, a adopción de medidas de aforro e eficiencia enerxética para reducir o custo da electricidade, así como a formación axustada ás necesidades concretas de postos de traballo. Nestes obxectivos está a traballar a Xunta de Galicia con todo o tecido empresarial, poñendo á súa disposición diferentes programas de apoio á medida das súas necesidades.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participa nunha mesa redonda celebrada no marco do encontro organizado pola Asociación Española de Business Angels (Aeban), onde pon en valor a importancia da Axenda na mellora competitiva do tecido produtivo de Galicia.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Santander nunha mesa redonda celebrada no marco do XI Congreso Nacional de Business Angels organizado por Aeban, na que puxo en valor o peso e a importancia da Axenda Financeira que vén promovendo o Goberno galego, e que está a mobilizar 400 M€ para facilitar o financiamento do tecido empresarial galego.

A Axenda, explicou Guldrís, configúrase como unha completa folla de ruta con medidas de apoio financeiro para o tecido empresarial galego. Así, a través dos distintos programas, propicia investimentos directos na procura de reforzar a solvencia financeira das empresas galegas, contribuíndo con iso á reactivación da economía galega e á mellora da competitividade do tecido produtivo. 

“Na Administración autonómica somos conscientes de que debemos axudar ás pemes e aos traballadores autónomos para darlle acceso ao crédito, na procura de que poidan gañar músculo, contribúan á xeración e ao mantemento do emprego, e desenvolvan proxectos que impulsen á reactivación económica e a competitividade dos nosos sectores estratéxicos”, afondou o director do Igape.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nos obradoiros de dixitalización promovidos por Asime e que afondaron, desta volta, no sector naval e nas posibilidades que ofrece a enerxía eólica offshore. Durante a súa intervención, Guldrís puxo en valor a importancia que ten a dixitalización como “factor determinante para o crecemento e a competitividade dos sectores chave da nosa economía”, e avanzou a próxima convocatoria dunha nova edición das axudas á Dixitalización Industria 4.0.

Un programa, lembrou Guldrís, que permite impulsar a transformación da industria tradicional cara a modelos tecnolóxicos avanzados, favorecendo modelos de negocio diferenciais baseados na innovación e na tecnoloxía. O director do Igape destacou que estas axudas levan mobilizados máis de 50 millóns de euros desde a súa posta en marcha, sumando máis de 1.000 solicitudes.
 
Neste sentido, Guldrís sinalou que o Goberno galego traballa no “coñecemento e a conciencia sobre as vantaxes e oportunidades que ofrece a dixitalización nos distintos ámbitos da industria galega”. Un obxectivo para o que tamén se impulsan obradoiros dixitais como os celebrados hoxe, que buscan promover a adopción de tecnoloxías dixitais e boas prácticas para incrementar a competitividade e fortalecer a capacidade de resposta ante os desafíos do mercado. 
 
“É importante destacar que estes obradoiros, promovidos por organismos intermedios, como é o caso de Asime, fináncianse ao 100 %. E os datos avalan a boa acollida desta iniciativa xa que, desde o ano 2018, apoiáronse máis de 100 obradoiros, o que supuxo un volume de axudas de 1.858.000 euros”, resaltou o director do Igape.
 
Deste xeito, os obradoiros configúranse como espazos de encontro que permiten o intercambio de experiencias e o establecemento de redes de colaboración entre os participantes. A través de ferramentas como os talleres de design thinking e a presentación de casos de éxito, facilitánse alianzas empresariais que impulsen a innovación, a transferencia de coñecemento e a xeración de proxectos colectivos. 

Neste sentido, este ciclo de obradoiros permitiu explorar tanto a relación entre o sector naval e conceptos como o xemelgo dixital, ciberseguridade, visión artificial e realidade aumentada, como a intersección entre a enerxía offshore e conceptos como a economía circular, o Internet das cousas (IoT), o Big Data e o Cloud computing.