Super User

  • O presidente participou na 19ª edición da cena de gala da Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGA-CAT)
  • Destaca iniciativas como a Oficina Económica de Galicia ou o plan de aceleración e impulso de proxectos empresariais

 

Barcelona, 5 de xullo de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor as medidas que está tomando o Executivo autonómico para consolidar Galicia como o mellor lugar do mundo para vivir e para investir.

Así o explicou durante a 19a edición da cea de gala organizada pola Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGA-CAT), na que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.

Alí, trasladoulles as iniciativas que está impulsando Galicia para favorecer o investimento, como a Oficina Económica de Galicia, que funciona como unha canle única onde se centralizan todos os trámites entre a Administración autonómica e os empresarios; ou o plan de aceleración e impulso de proxectos empresariais. “Esa Galicia que algúns situaban hai anos no vagón de cola é agora unha locomotora, unha Galicia potente”, sinalou Rueda.

O presidente tamén puxo en valor outros avances sociais, como a gratuidade das escolas infantís 0-3 anos, que a partir de setembro se estenderá ás matrículas universitarias; ou o calendario de vacinas máis completo do mundo.

Valorou que todas estas medidas, xunto coas políticas de retorno, teñen contribuído a que Galicia deixase de ser unha terra de despedida para selo de benvidas. Neste sentido, destacou que a Estratexia Retorna ten como obxectivo fomentar a volta de 30.000 galegos ata 2026.

Títulos de Excelencia Galega 2024

No acto, a AEGA-CAT fixo entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2024, que recoñecen o talento de profesionais de distintos sectores. Nesta edición os galardoados foron a doutora en astrofísica Begoña Vila; o futbolista Francisco González Pérez “Fran”; o deseñador de moda Roberto Verino; o xornalista Jenaro Castro; o doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, Xosé Luis Barreiro Rivas; a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence; e a presidenta do grupo AMA, Ana Pastor.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura o II Foro de Sustentabilidade onde avoga por impulsar o binomio dixitalización – sustentabilidade para mellorar a competitividade do tecido empresarial
  • Lembra que o Goberno galego activou este ano unha nova liña de axudas para desenvolver proxectos centrados nos factores ASG nas pemes, outra convocatoria do programa de apoio á transformación dixital de empresas e autónomos, ou ten en marcha unha ampla rede de aceleradoras en “ámbitos clave” da economía galega
  • Destaca o compromiso da Xunta co talento e a formación, materializado en programas como o Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolve esta xornada e que ata o de agora ten permitido realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes

 

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou esta mañá o II Foro de Sustentabilidade organizado por APD en Santiago, un escenario no que destacou a importancia de seguir a traballar nunha industria que se sustente na propia sustentabilidade, na innovación e no talento para garantir o futuro.

“Non temos dúbida de que o esforzo que vimos realizando no impulso á transformación dixital, agora ten que ser un binomio dixitalización – sustentabilidade”, incidiu Toca Carús, que puxo de manifesto que, deste xeito, o tecido empresarial galego mellorará a súa competitividade de cara a afrontar os “retos decisivos” que ten por diante.

Entre estes a directora do Igape apuntou á propia aceleración da dixitalización, a promoción dun modelo enerxético sustentable, a potenciación do talento e da innovación, o impulso da economía circular ou o reforzo da internacionalización. Aspectos, afondou, nos que a Xunta vén traballando desde a cooperación público-privada promovendo distintas iniciativas.

Entre elas, Toca Carús destacou unha nova liña de axudas para desenvolver proxectos para a mellora dos factores ASG nas pemes, que conta cun orzamento dun millón de euros; outra convocatoria do programa de apoio á transformación dixital de empresas e autónomos, á que se destinaron este ano 5 millóns; ou a rede de aceleradoras en “ámbitos clave” da economía galega como a automoción (BFAuto), a alimentación (BFFood), a aeronáutica (BFAero), destacando a nova aceleradora BFClimaTech que atende á sustentabilidade ambiental como forma de garantir un crecemento sustentable a longo prazo.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nun evento no marco das actuacións do programa ONCE INNOVA, onde puxo en valor a importancia de impulsar iniciativas innovadoras que sexan quen de “construír un futuro máis sostible e equitativo”
  • Subliña a aposta do Goberno galego por unha innovación que actúa como motor de reforzo da modernización e diversificación da economía e polo fortalecemento dos ecosistemas de innovación en Galicia, para asegurar que sexan inclusivos e sostibles
  • Destaca a nova área de innovación empresarial do Igape, centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación

 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu hoxe a un evento centrado na innovación inclusiva levado a cabo en Santiago no marco das actuación do programa ONCE INNOVA, un escenario no que avogou por unha “innovación inclusiva e sostible” capaz de “reducir fendas e mellorar a calidade de vida das persoas”.

“A innovación ten o poder de transformar a vida das persoas. Ao aproveitar o seu potencial podemos construír un futuro máis sostible e equitativo para todos”, incidiu Toca Carús, resaltando as posibilidades que as novas tecnoloxías e a aposta pola vangarda ofrece de cara a “mellorar os servizos para a poboación e garantir que ninguén se quede atrás”.

A directora do Igape resaltou o “papel crucial” que a administración pública xoga no desenvolvemento desta innovación inclusiva, deseñando e implementando políticas públicas que promovan prácticas innovadoras e sostibles, financiando con liñas de apoio e incentivos fiscais este tipo de innovación, apostando pola formación e capacitación e regulando a participación de diferentes actores no ecosistema de innovación.

“Este é o compromiso da Xunta, que traballa nestes retos desde hai anos, apostando por un ecosistema concreto, capaz de conxugar a posta en marcha de novas iniciativas coa innovación para actuar como motor de reforzo da modernización e diversificación da economía de Galicia”, afondou Toca Carús.

Neste sentido, a directora do Igape destacou a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes; ViaGalicia, aceleradora de proxectos innovadores que acolle propostas de todos os sectores produtivo; ou a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech).

Por último, a directora do Igape resaltou tamén a nova área de innovación empresarial do Instituto, centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación. “Esta área responde á aposta decidida pola innovación e o talento, entendidos como elementos fundamentais para impulsar unha verdadeira transformación social, capaz de mellorar as nosas condicións de vida”, sinalou.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu á entrega do premio Peme do ano 2024 onde salientou a importancia de recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas e a súa capacidade para promover o desenvolvemento empresarial en Galicia
  • Animou ás pemes a traballar na procura de novos mercados e lembrou que nestes momentos está aberta a liña para a contratación de xestores de internacionalización, o programa de bolseiros ou o plan de misión comerciais Foexga
  • Destacou a posta en marcha, este ano, da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento

 

A Coruña, 26 de xuño de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu esta mañá na Coruña á entrega do premio Peme do ano 2024, un acto no que animou ao tecido empresarial galego a seguir apostando pola innovación e a internacionalización na procura de “adaptarse ás exixencias dos novos tempos e aos retos asociados co contexto que nos toca vivir”.

“Xa sexa en termos de internacionalización, de innovación e transformación dixital, de formación e emprego, ou de sustentabilidade, hai un tema común que vos une a todos, un eixo transversal que define e orienta a vosa actuación: a vontade por mellorar e crecer”, salientou Toca Carús, quen puxo en valor o papel fundamental que xogan as pemes, que representan máis do 99% do tecido empresarial.

Neste sentido, a directora do Igape salientou a importancia de recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas e a súa capacidade para promover o desenvolvemento empresarial en Galicia. Un traballo, resaltou, no que contan co apoio da Xunta na aposta pola “innovación e as novas tecnoloxías, pola dobre  transformación dixital e sostible, pola internacionalización e, como non, polo talento”.

“O noso traballo pasa por acompañarvos no voso camiñar diario”, proseguiu a directora do Igape, quen resaltou os programas que promove o Instituto para facilitar a internacionalización e a innovación das pemes.

Así, no primeiro eido, Toca Carús lembrou que nestes momentos está aberta a liña para a contratación de xestores de internacionalización, o programa de bolseiros ou o plan de misión comerciais Foexga. Estes programas, salientou, teñen contribuído aos rexistros históricos que están a acadar as exportacións galegas, que o ano pasado superaron por primeira vez a barreira dos 30.000 millóns.

Así mesmo, Toca Carus referiuse tamén á posta en marcha, este ano, da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.

“As pemes galegas sodes un exemplo de como a dedicación e o esforzo poden transformar unha rexión, impulsando non só a economía local, senón tamén mellorando a calidade de vida de todos os seus habitantes. Estou convencida de que a través dun maior esforzo en innovación, competitividade e internacionalización, e cos apoios necesarios, lograredes chegar onde vos propoñades”, concluíu.

  • O Diario Oficial de Galicia publica as bases dunha iniciativa dirixida a estudantes con titulacións universitarias de grao superior, que poderán formarse en diferentes destinos mundiais mellorando a súa empregabilidade e potenciando a competitividade do tecido produtivo galego
  • Desde a súa posta en marcha, o programa da Consellería de Economía e Industria beneficiou xa a 400 profesionais, que colaboraron na promoción exterior das empresas galegas desde mercados, entre outros, como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes
  • Cun orzamento de 3 millóns de euros, o programa formará a medio cento de titulados universitarios, reforzando a capacitación para a internacionalización e a promoción e contratación de recursos humanos altamente especializados por parte do tecido empresarial galego

 

Santiago, 21 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, que permite aos participantes adquirir competencias profesionais en mercados exteriores na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego. Desta volta, a iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, destina máis de 3 millóns de euros para fortalecer a especialización en comercio exterior de 50 mozas e mozos galegos.

A convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes iníciase mañá permanecendo aberto ata o 22 de xullo, vai dirixida a persoas menores de 35 anos, con titulación universitaria superior. O obxectivo é achegar formación práctica en internacionalización que se poderá levar a cabo no estranxeiro e ou en Galicia, en entidades e organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial.

Os países nos que os seleccionados completarán a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos, entre outros, Bogotá, Casablanca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapur, Tokio, Varsovia ou Yakarta.

Deste xeito, a iniciativa contribúe á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.

Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de 400 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabe, entre outros.

A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2021 - 2025 que está a promover a Xunta para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que durante o ano pasado acadaron rexistros históricos en exportacións, ao superar a barreira dos 30.000 millóns, e que este ano se manteñen en números similares durante o primeiro trimestre. 

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a I edición da Feira Ferrexpo, organizada por Ferrecal
  • Apunta que neste momento están en proceso de resolución as dúas liñas convocadas este ano para particulares (3,5M€): para a instalación de equipamentos de xeotermia, aerotermia e solar térmica, e para placas de enerxía fotovoltaica
  • Resalta os datos deste sector que en Galicia lidera Ferrecal: a subministración ao por maior de materiais para fontanería, calefacción e climatización

 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a primeira edición da feira Ferrexpo, organizada por Ferrecal, onde puxo de relevo os apoios que a Xunta destina a empresas e particulares para a instalación de equipamentos enerxéticos máis eficientes.

Segundo precisou, neste momento están en proceso de resolución as dúas liñas convocadas este ano para particulares (3,5M€). Por un lado, para a instalación de equipamentos de xeotermia, aerotermia e solar térmica (2M€), con axudas máximas de ata 10.000 euros para vivendas unifamiliares e de 40.000 para comunidades de propietarios. E, por outro, para placas de enerxía fotovoltaica (1,5M€), con ata 6.000 euros de subvención se se instalan baterías.

“Queremos continuar apoiando as empresas neste reto que teñen de transformarse, pero tamén aos fogares, para que cada vez sexa máis doado e economicamente máis barato poder acceder a estas novas tecnoloxías”, dixo Lorenzana, quen resaltou os datos do sector que en Galicia lidera Ferrecal: a subministración ao por maior de materiais para fontanería, calefacción e climatización.

Un sector de actividade, dixo, que ten moitos retos por diante derivados da transición enerxética e a sustentabilidade. E no cal Galicia está entre as seis comunidades autónomas en número de empresas (126); a maior parte, na provincia de Pontevedra (54); e ocupa o oitavo lugar en facturación (337M€), coa provincia da Coruña á cabeza.

Lorenzana concluíu eloxiando a iniciativa, que considerou aliñada co compromiso da Xunta por atraer empresas e facilitar as relacións comerciais a través da Oficina Económica de Galicia. Ademais, puxo de manifesto que participan 83 provedores do sector e se espera a visita de máis de 1.200 persoas, entre instaladores, especialistas, técnicos e responsables de produto.

  • O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron hoxe na presentación do evento en Santiago de Compostela
  • O Goberno galego apoia o evento que neste 2024 se distribuirá en distintas xornadas ao longo do ano: unha sobre emprendemento e innovación social, outra sobre oficios na que se porá de relevo a artesanía e unha terceira sobre industria

 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron hoxe en Santiago de Compostela na presentación da X Maker Faire Galicia, poñendo de relevo que este ano a cita se vai a desenvolver en tres xornadas diferentes ao longo do ano onde se porá de relevo a importancia da innovación dentro do emprendemento. 

Así, o secretario xeral referiuse en especial á xornada que terá lugar o próximo 29 de xuño, centrada na innovación social e no emprendemento, con relatorios, obradoiros e presentacións de case medio cento de proxectos. Tamén á que se celebrará o 8 de novembro coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia para abordar a innovación na artesanía e nos oficios, promovendo a aprendizaxe interxeracional e destacando a importancia de preservar o coñecemento.  

Na súa intervención, Pablo Fernandez destacou apoios da Xunta como a Rede de polos de emprendemento que conta con 13 centros activos na actualidade e que presta asesoramento continuado e gratuíto ás persoas emprendedoras en calquera fase na que se atope o seu proxecto, de principio a fin. Así, o persoal técnico desa Rede, segundo sinalou, encárgase de orientar á hora de emprender ou de afrontar cambios nos negocios, apostando pola innovación para asegurar o éxito das iniciativas. 

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais aludiu, dentro desa Rede de polos, ao Plan remuda que busca garantir a continuidade das empresas no seo do tecido produtivo galego, e no marco do que se vén de habilitar unha orde de axudas que persegue impulsar os procesos de remuda xeracional. Así, ata o 30 de outubro poden solicitarse achegas por un orzamento total de 1,5 millóns de euros destinadas a financiar parte dos gastos aboados en concepto de traspaso polas persoas que se fagan cargo dos negocios, facilitando a actividade.    

Pola súa banda, a directora do Igape, Covadonga Toca, destacou a importancia de potenciar as condicións axeitadas para que o tecido produtivo galego poida e saiba combinar talento e emprendemento con innovación aberta, así como facer da creatividade e o talento pancas do desenvolvemento industrial e económico de Galicia.

Na súa intervención, a directora sinalou que na xornada da industria, prevista para finais de ano, unha vez máis, arredor dun espazo de relatorios e doutro de exposición de proxectos, “achegarémonos ao principal obxectivo desta feira que é visibilizar ata onde nos pode levar a innovación e o talento”.

Por último, a directora tamén destacou a posta en marcha este ano da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento. Esta Oficina, explicou,  é unha nova variante dentro da batería de medidas de apoio ás empresas e emprendedores, que buscan dar un salto en innovación tecnolóxica e mellorar a competitividade empresarial no cambiante escenario actual.

A conselleira de Economía e Industria mantivo un encontro con responsables da entidade no que destacou o potencial biotecnolóxico galego e comprometeu o apoio da Xunta na súa industrialización a través da nova Oficina Económica de Galicia que xestiona o Igape

 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ratificou hoxe o compromiso da Xunta por continuar impulsando o sector da biotecnoloxía a través da coordinación e o traballo conxunto co Biopolo Sionlla-Polo Biotecnolóxico de Galicia. Facíao logo de manter un encontro con responsables da Asociación de Empresarios do Tambre, onde se asenta o polo, cos que abordou a posta en marcha de novas accións para incrementar a competitividade do sector a través da colaboración público-privada.

Lorenzana destacou o potencial de Galicia neste eido, “un sector en auxe polo que o Goberno galego leva apostando desde hai anos e que en Galicia xera máis de 5.000 empregos e representa o 1,8% do produto interior bruto galego”. Ademais, a conselleira de Economía e Industria avanzou que este apoio da Xunta ao sector biotecnolóxico continuará “aínda con máis forza se cabe, xa que agora contamos cun novo instrumento como é a Oficina Económica de Galicia que xestiona o Igape, que facilitará a industrialización do sector”.

Nesta liña, a conselleira lembrou que a nova Oficina Económica de Galicia constitúe un punto único de entrada a aquelas iniciativas empresariais e industriais que se queiran asentar ou medrar na comunidade. Un servizo que ofrece asesoramento, información e seguimento individualizado poñendo o foco no financiamento e na axuda que precisa o proxecto. Desde a súa entrada en funcionamento, no mes de abril, rexistrou máis de 1.900 consultas e preto de 200 citas de acompañamento a empresas galegas.

Finalmente, María Jesús Lorenzana reiterou a importancia de aproveitar o potencial biotecnolóxico de Galicia e máis concretamente do Biopolo Sionlla, “un exemplo de colaboración entre administración e empresa fundamental para atraer talento, fomentar a innovación e mellorar a competitividade do noso tecido empresarial”, concluíu.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a 3ª edición do Innovation Big Date onde pon en valor a nova área de innovación empresarial do Instituto centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación
  • Avoga por fomentar a “cultura da innovación” desenvolvendo tecnoloxías e estratexias innovadoras e apostando polo “talento e as persoas, clave e fundamento de todo”
  • Salienta o compromiso da Xunta coa formación, materializado en programas como o Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolve esta xornada e que ata o de agora ten permitido realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes

 

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou esta mañá a 3ª edición do Innovation Big Date, un marco no que destacou o papel da innovación na mellora competitiva do tecido produtivo, situándoa como “motor clave” para o crecemento empresarial.

“A innovación é un piar fundamental para as organizacións e, precisamente, na xornada de hoxe queremos poñer en valor a organización baseada nas persoas”, salientou Toca Carús en referencia a unha iniciativa que se desenvolve no marco do programa Capacita Directivos, que inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento.

O programa, xa consolidado, permitiu ata o de agora realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes, en presencial e en liña.

Neste marco, a directora do Igape resaltou a nova área de innovación empresarial do Instituto, centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación.

“Esta área será a responsable de toda a planificación e programación de iniciativas para o impulso á innovación empresarial”, incidiu.

Sobre esta base, Toca Carús avogou por fomentar a “cultura da innovación” desenvolvendo tecnoloxías e estratexias innovadoras e apostando polo “talento e as persoas, clave e fundamento de todo”.

Así, explicou a directora, “as persoas, os equipos directivos”, desempeñan “un papel esencial” na promoción e xestión da innovación dentro dunha compañía, apostando pola colaboración, desenvolvendo estratexias innovadoras e, sobre todo, “apostando polo talento”.

240618 DirectoraIGAPE Inauguracion IBD 1

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou esta mañá a empresa Quobis, unha das pemes que participou na primeira edición da aceleradora de internacionalización da innovación Galicia Avanza
  • Salienta que a través desta iniciativa a empresa recibiu asesoramento e apoio para incrementar a presenza internacional da súa plataforma Quobis Communication Platform en países de Latinoamérica como México e Colombia
  • Lembra que iniciativas como o Plan Foexga, para impulsar misións comerciais, ou os xestores de internacionalización, para a contratación de expertos neste campo, teñen aberto o período para presentar solicitudes

 

O Porriño (Pontevedra), 17 de xuño de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou esta mañá a empresa porriñesa Quobis, que ofrece desde 2006 servizos de consultoría de redes a operadores de telecomunicacións e grandes empresas, á que puxo como exemplo da importancia de apostar pola innovación e a procura de novos mercados no crecemento empresarial e na mellora competitiva do tecido produtivo.

Neste sentido, Toca Carús puido constatar os avances na internacionalización dun dos seus produtos innovadores que contou co apoio da aceleradora Galicia Avanza. A través desta iniciativa, expuxo a directora, a empresa recibiu asesoramento e apoio para incrementar a presenza internacional da súa plataforma Quobis Communication Platform en países de Latinoamérica como México e Colombia.

“Quobis é un claro exemplo do que a innovación e a internacionalización poden supoñer no desenvolvemento e na vida dunha compañía” salientou Toca Carús, subliñando que, nestes momentos, a empresa factura no exterior máis do 30% da súa produción.

Neste contexto, Toca Carús incidiu na importancia da saída ao exterior como parte do proceso de crecemento dunha empresa. Un itinerario que, como lembrou, a Xunta acompaña cada ano a través dun amplo abano de programas e actuacións das que Quobis tamén se ten beneficiado.

Entre esas liñas, a directora do Igape resaltou programas como o Plan Foexga, promovido en colaboración coas cámaras de comercio para impulsar misión comerciais internacionais, e que ten aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro mes de outubro; ou os xestores de internacionalización, liña aberta ata o 9 de xullo e que busca facilitar a contratación de expertos neste campo.