Super User
Lorenzana destaca a aposta da Xunta por poñer a empresa e o desenvolvemento enerxético no centro da política económica
- Apunta que proba disto é que o Igape ten o orzamento máis alto dos últimos anos -crece un 20%, ata os 278M€-; e o 50% -152M€, un incremento do 45,4%- vai destinado a instrumentos de financiamento adaptados ás necesidades das empresas
- Destaca que a Lei de recursos naturais de Galicia busca xerar retornos no territorio con instrumentos como Recursos de Galicia ou a nova comercializadora de enerxía, que favorecerán a democratización dos contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) para a pequena e mediana empresa
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a aposta da Xunta por poñer a empresa e o desenvolvemento enerxético e industrial de Galicia no centro da súa política económica.
Así o manifestou hoxe durante a súa intervención na inauguración do encontro El Mundo que viene, organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD). “Estamos plantexando unha política económica moi vinculada á atracción de empresas, a aumentar o peso industrial que ten a nosa comunidade, e ligada ao aproveitamento dos nosos recursos naturais e ao desenvolvemento enerxético de Galicia”, dixo.
Lorenzana apuntou que proba disto é que o Instituto Económico de Galicia (Igape) ten o orzamento máis alto dos últimos anos -crece un 20%, ata os 278M€-; e o 50% dese orzamento -152M€, un incremento do 45,4%- engadiu, vai destinado a instrumentos de financiamento adaptados ás necesidades das empresas, con prazos máximos de amortización de ata 12 anos, tipos de xuro ao 0% e importes de ata 5M€.
Nesta liña, sinalou a vontade de potenciar o papel de Xesgalicia, que está a ter un efecto mobilizador moi importante tanto nas operacións de financiación como de capitalización, con saldos para investimentos de 140M€ para 2025. Tamén puxo de relevo a boa acollida da Oficina Económica de Galicia, que leva atendidas máis de 9.500 consultas desde abril e á que se destinan 6,2M€ no orzamentos. E, en terceiro lugar, apuntou á nova área de innovación do Igape que leva dúas liñas propias para empresas: o programa Igape Innova (4M€) para o desenvolvemento de produtos e servizos; e o Ticket Innova (1M€), para pemes de sectores tradicionais e menos innovadores.
Xunto con isto tamén lembrou a creación na Lei de medidas fiscais e administrativas de novas figuras de ordenación de solo industrial como son as Zapes (Zonas de aceleración de proxectos empresariais e solo), ás que se destinan 2,5M€. “Todo isto co obxectivo de posicionar Galicia como un destino atractivo e diferenciado para o investimento”, subliñou, sabendo que “Galicia ten unha posición privilexiada no contexto actual polos seus recursos naturais. E isto é unha cuestión que é clave en toda a nosa política económica porque temos claro que estamos nun momento en que podemos estar ben posicionados dentro de Europa”, afirmou.
Ao respecto mencionou a Lei de recursos naturais, que busca xerar retornos no territorio e arredor da cal se crearon a sociedade Recursos de Galicia e unha comercializadora de enerxía que favorecerán a democratización dos contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) para a pequena e mediana empresa.
“Por primeira vez podemos dicir que Galicia está posicionada en todas as cuestións que se nos está dicindo que son clave para que Europa despegue”, asegurou, aludindo ao Informe Draghi. “Temos que loitar por ser especialmente pulcros co medio ambiente, organizar o desenvolvemento industrial e enerxético naquelas zonas onde existan menos afeccións industriais, traballar moito cos sistemas loxísticos e, con esta visión e en colaboración coas restantes administracións, coa Universidade e cos centros tecnolóxicos, cremos que Galicia pode posicionarse nos próximos anos”, enfatizou.
Lorenzana concluíu remarcando a importancia do talento e do traballo a prol do benestar laboral das persoas.
Lorenzana salienta que coa repotenciación reducirase nun 80 % o número de aeroxeradores máis antigos, pasando de 3.000 a 600 en oito anos
- Explica que uns 100 parques que contan cuns 3.000 aeroxeradores de máis de 25 anos veranse obrigados a repotenciarse
- Os orzamentos da Consellería para 2025 soben un 7,6 por cento, ata os 374,4 M€ para actuacións en materia enerxética, de solo industrial e atracción de empresas
- Informa da creación do Polo de innovación de enerxías renovables mariñas e almacenamento enerxético de Galicia, que terá o seu epicentro no CIS Ferrol
- Destaca a creación das Zapes (Zonas de aceleración de proxectos empresariais e solo), ás que se destinan 2,5 M€; e das ZIR (Zonas industriais rurais), para o territorio menos poboado con potencial empresarial
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que, tras un prazo de moratoria de 18 meses para o inicio da tramitación das tarefas de repotenciación, reduciranse nun 80 % o número de aeroxeradores máis antigos en Galicia, pasando de 3.000 a 600 en oito anos.
Na súa comparecencia para explicar os orzamentos da Consellería de Economía e Industria para 2025, que soben un 7,6 %, ata os 374,4 M€, Lorenzana explicou que 100 parques que contan cuns 3.000 aeroxeradores de máis de 25 anos veranse obrigados a repotenciarse. Será, dixo, en virtude do establecido na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos, que conta con previsións legais transitorias para comezar a aplicar xa os principios básicos do novo Plan eólico, para o que se destinan nas contas do vindeiro ano 780.000 euros dun montante total de 1,2 M€ para outras ferramentas de apoio industrial.
No eido enerxético, a conselleira tamén apuntou que se vai crear o Polo de innovación de enerxías renovables mariñas e almacenamento enerxético de Galicia, que terá o seu epicentro no CIS Ferrol. Nace co obxectivo de potenciar a cadea de valor e a investigación asociada ao sector. E como principais actuacións recolle o desenvolvemento dunha nova zona experimental para eólica mariña -se o Goberno se decide por fin a apoiar a iniciativa-; o impulso da que xa existe en Punta Langosteira; e a implantación dunha Business Factory de enerxías renovables no CIS Ferrol, cunha dotación de 800.000 euros.
Novas figuras de ordenamento do solo industrial
En materia de solo industrial, apuntou que Xestur manexará un orzamento de 33,45 M€ para actuacións en 25 parques. En concreto, 18,3 M€ irán destinados a urbanizar solo industrial que estará terminado no ano 2025. Será, entre outros, nos polígonos de Arteixo (Morás) (2,7 M€), As Gándaras (Lugo) (4,7 M€), San Cibrao das Viñas (Ourense) (7,3 M€), ou a Plataforma loxística industrial en Salvaterra e As Neves (Plisan) (3,5 M€).
En ámbitos de menor tamaño, o obxectivo será que a iniciativa privada desenvolva solo empresarial en localizacións onde exista unha demanda real. Para atender estas necesidades crearanse as Zapes (Zonas de aceleración de proxectos empresariais e solo), ás que se destinan 2,5 M€. Propoñen unha tramitación simultánea e máis áxil da ordenación de solo e de proxectos empresariais, naqueles casos nos que o ámbito territorial vaia incluír, como mínimo, un proxecto industrial estratéxico e nos que, ademais, exista un remanente de solo empresarial para futuras ampliacións e novas industrias que se queiran implantar. Prevese tamén que estas áreas acollan instalacións de aproveitamento de fontes de enerxía renovables e almacenamento enerxético.
Outra das figuras serán as Zonas industriais rurais (ZIR), para o territorio menos poboado con potencial empresarial. Están pensadas para actividades industriais de menor envergadura con necesidades de solo (superficie máxima de cinco hectáreas). Aplícase a concellos de menos de 20.000 habitantes. É unha demanda de moitos municipios rurais, que non requiren grandes superficies de áreas empresariais, pero si unhas zonas nas que pequenas empresas ou talleres se poidan implantar. Xunto con isto, os orzamentos tamén recollen unha partida de 2 M€ para a modernización das estacións de servizo do rural, a través dunha liña de axudas para a súa dixitalización.
Medra o orzamento do Igape
No que respecta ao orzamento do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Lorenzana destacou que se reactiva con 278 M€ de orzamento e unha suba do 20 %. Así, a Oficina Económica de Galicia contará no ano 2025 cun investimento de máis de 6,2 M€, un 8,8 % máis que en 2024, entre outras cousas, para poñer en marcha o novo sistema de xestión de axudas SPIGA (Sistema de Procedementos do Igape).
Tamén se activará unha novidosa liña de subsidiación de xuros nos préstamos públicos concedidos ao amparo dos instrumentos financeiros Next Generation, así como dos préstamos concedidos por Xesgalicia, dotada con 5 M€ e coa a previsión de activar 200. Os apoios do Igape ás empresas en materia de financiamento pasan de 104 M€ en 2024 a 152 M€, un incremento do 45,4 %, o orzamento máis alto dos últimos cinco anos. Destaca, ademais, a creación dunha nova área de innovación empresarial co obxecto de potenciar o ecosistema de innovación empresarial de Galicia. Neste eido, destinaranse 4 M€ a unha nova liña de axudas (Igape Innova) ou 1 M€ ao novo programa Ticket Innova. A rede de aceleradoras contará con 7 M€, con tres novas: saúde e benestar, industria do deporte e enerxías renovables.
Concellos mineiros
No ámbito da minería, Lorenzana anunciou un incremento das partidas para a colaboración cos concellos, que acadará unha contía que pasa dos 60.000 aos 310.000 euros para dar pulo á figura dos municipios mineiros. Ademais, destinaranse 3,1 M€ para a recuperación ambiental e restauración de sete emprazamentos mineiros; entre eles, o de Monteneme, en Carballo e Malpica, onde hai unha previsión orzamentaria superior aos 1,6 M€. E tamén se consignan 700.000 euros para o cumprimento da Axenda de impulso á minería sustentable de Galicia 2030.
No que se refire ao Inega, destacou a suba de 5 M€ nos orzamentos e a continuidade de convocatorias de axuda como o Bono Enerxía Peme. Pola súa banda, a Axencia da Industria Forestal de Galicia (Xera), dixo, seguirá impulsando no ano 2025, con 1,6 M€, a construción en madeira. Tamén se destinarán 2 M€ á elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia e 1,4 M€ á rehabilitación do Pazo de Lourizán.
A delegada territorial de Ferrol destaca o labor do IGAPE nas políticas de acción exterior da Xunta durante as xornadas ‘Ferrol no mundo do S.XXI’
Martina Aneiros participou esta mañá no campus industrial na apertura destas xornadas centradas nas relacións entre a Unión Europea, China e Iberoamérica, organizadas polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi)
Ferrol, 25 de outubro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, interveu esta mañá na apertura da segunda edición das xornadas Ferrol no mundo do S.XXI: China, Unión Europea e Iberoamérica no diálogo Oriente-Occidente, organizadas polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), en colaboración co campus industrial de Ferrol e Casa Asia.
A delegada territorial avogou pola creación de espazos de encontro e diálogo como estas xornadas co obxectivo de “compartir ideas, analizar tendencias globais e, sobre todo, buscar solucións conxuntas aos retos que se presentan”. Neste sentido puxo o foco nas empresas como “actores directos da acción exterior” e destacou a rede de antenas empresarias tecidas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), como exemplo das políticas da Xunta orientadas a abrir camiños para o tecido económica galego nos países de destino.
Na súa intervención, Aneiros tamén puxo en valor a visión cara ao exterior que sempre tivo Ferrol auspiciada “polo seu carácter naval e portuario, a súa vocación industrial e a súa apertura ao Atlántico” e incidiu na importancia que cobra esa visión no contexto actual, onde “as interconexións globais que estamos a vivir esíxennos entender as dinámicas e os equilibrios entre as grandes rexións do mundo”.
Por último, concluíu agradecendo ao Igadi a celebración desta iniciativa e destacando o seu esforzo por promover a reflexión sobre temas internacionais desde unha perspectiva galega.
Lorenzana subliña o apoio da Xunta ao tecido produtivo para facilitar o crecemento das empresas en Galicia
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse esta mañá co alcalde do concello de Boiro, José Ramón Romero
- Apunta que un dos obxectivos da Xunta é que as empresas teñan máis facilidades de acceso ao solo empresarial
- Destaca que os orzamentos da Consellería de Economía e Industria para 2025 recollen a creación de novas figuras de aceleración da ordenación de solo industrial que permitirían reducir dunha media de dez anos a menos de dous para que as empresas poidan comezar a súa construción
- A conselleira lembra que ademais, a Xunta pon solo empresarial gratuíto a disposición do tecido empresarial durante os primeiros oito anos
Boiro (A Coruña), 26 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe o apoio da Xunta ao tecido produtivo para facilitar o crecemento das empresas en Galicia.
Lorenzana, que mantivo un encontro coa alcalde do concello de Boiro, José Ramón Romero, para analizar as necesidades de solo deste municipio, destacou que un dos obxectivos da política industrial do Goberno galego é que as empresas teñan máis facilidades de acceso ao solo industrial e promover o crecemento das empresas xa implantadas en Galicia.
Neste sentido, apuntou que o proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2025 recolle a creación de novas figuras de aceleración da ordenación de solo empresarial, como as Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo, que permitirán, segundo explicou, simultanear a tramitación urbanística coa dos proxectos, de xeito que se pasaría dunha media de dez anos a menos de dous anos para que as empresas poidan comezar a súa construción.
María Jesús Lorenzana lembrou que estas novas figuras de ordenación súmanse á medida xa anunciada, de poñer solo industrial gratuíto á disposición das empresas durante os primeiros oitos anos, unha medida pioneira que permitirá ao tecido empresarial acceder a máis de 500.000 m². Esta medida impacta no orzamento de Xestur por valor de 5M€.
Finalmente a titular de Economía e Industria explicou que con estas actuacións a Xunta dá un paso máis na súa estratexia de política industrial que busca impulsar novos sectores industriais estratéxicos, detectar e integrar novas cadeas de valor, promocionar a formación, atracción de talento e o emprego de calidade, e mellorar a competitividade da industria galega.
A Xunta fomenta o emprendemento e a mellora da competitividade das pemes lucenses
- O delegado territorial, Javier Arias, visitou en Lugo as instalacións de LMB Twice, beneficiaria de distintos apoios do Goberno galego para impulsar a súa actividade
- Destacou o papel da nova Oficina Económica de Galicia, onde as empresas poden atopar un plan de seguimento personalizado para os seus proxectos
Lugo, 23 de outubro de 2024
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou hoxe que a Xunta ten en marcha distintos programas para incentivar o emprendemento, consolidar proxectos empresariais e mellorar a competitividade das pemes lucenses.
Arias visitou no polígono do Ceao as instalacións de LMB Twice, adicada á fabricación mecánica. A empresa, que deseña e desenvolve pezas metálicas de alta precisión, foi creada no ano 2022 e conta na actualidade cunhas 24 persoas traballadoras.
A firma acolleuse ás convocatorias da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para apoiar iniciativas emprendedoras e para contratar a mozos e mozas na súa primeira experiencia laboral. Esta última medida ten por obxecto favorecer a inserción profesional das persoas novas mediante contratos de formación, e permitiulles realizar tres contratos de traballo. As achegas totais suman uns 72.000 euros.
Tamén contaron co respaldo do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa concesión de 81.600 euros que lles facilitaron incorporar aos seus procesos de produción un software informático e dúas novas máquinas – un centro de mecanizado e unha entalladora -. Estes incentivos corresponden a dúas ordes, unha delas orientada a fomentar a dixitalización das pemes e a outra a promover investimentos que permitan abordar novos proxectos, diversificar produtos e mellorar as liñas de produción.
Arias afirmou que este “é un bo exemplo das posibilidades que ofrecen os programas da Xunta para apoiar ás pemes e autónomos e potenciar así a xeración de emprego e a actividade económica na Comunidade”.
Destacou o papel da nova Oficina Económica de Galicia, onde as empresas poden atopar asesoramento e contar cun plan de seguimento personalizado para os seus proxectos. Dende a súa posta en marcha en abril, leva atendidas preto de 9.500 consultas.
A Xunta sitúa o Contract Galego como “sinónimo de calidade e innovación”
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración da XIV Semana Internacional Contract Galicia onde puxo en valor a importancia e o peso dun sector cunha facturación conxunta de máis de 1.000 millóns, que ten presenza en 100 países e cuxas empresas realizaron xa máis de 10.000 proxectos construtivos en 600 cidades de todo o mundo
- Salienta a importancia da cooperación público-privada, que se materializará no impulso dun Clúster Contract
- Di que xornadas como esta, que se celebran desde 2011, actúan como punto de encontro para empresas e prescritores internacionais e que nesta edición suman preto dun cento de empresas galegas e máis de 160 reunións individuais xa axendadas
Oleiros (A Coruña), 23 de outubro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración da XIV Semana Internacional Contract Galicia, un espazo no que destacou a crecente importancia dun sector que actúa hoxe como “sinónimo de calidade e innovación”.
“O contract galego soubo destacar pola súa calidade, diferenciación e competitividade, características que son froito dun esforzo constante en innovación”, subliñou Toca Carús. Un factor clave que permitiu este desenvolvemento foi o uso de novos materiais sostibles, respondendo así ás esixencias actuais do mercado global que busca cada vez máis solucións que respecten o medio ambiente”.
Neste marco, a directora do Igape subliñou a relevancia dunha industria cunha facturación conxunta de máis de 1.000 millóns, que ten presenza en 100 países e cuxas empresas realizaron xa máis de 10.000 proxectos construtivos en 600 cidades de todo o mundo.
Sobre esta base, Toca Carús avogou por seguir avanzando no impulso da cooperación público-privada, que se materializará no impulso do Clúster Contract de Galicia ou na promoción de accións en mercados exteriores clave, especialmente en Latinoamérica, Estados Unidos e Europa, entre as que destacan as misións comerciais a México, Perú, Colombia ou a próxima visita a unha das principais feiras da construción do mundo, Batimat París 2024.
“Pero, precisamente, un piar fundamental da nosa estratexia é esta Semana Internacional Contract Galicia, que este ano celebra a súa XIV edición”, proseguiu a directora, quen lembrou que desde 2011 estas xornadas convertéronse nun punto de encontro para empresas galegas e prescritores internacionais, fomentando o networking e as oportunidades de negocio.
Proba diso, afondou, é que nesta edición participarán preto de 100 empresas galegas, e téñense axendado xa 164 reunións individuais entre os prescritores invitados e as empresas galegas participantes.
As xornadas, explicou Toca Carús, céntranse este ano no estudo das claves dos principais mercados internacionais, o deseño na hostalería de luxo e as experiencias empresariais en Europa, contando para isto coa presenza de profesionais internacionais de renome provenientes de distintas compañías.
O obxectivo, sinalou a directora do Igape, é ofrecerlles un espazo para a promoción e para establecer futuros proxectos de negocio que lles permitan seguir expandíndose no mercado internacional. “Algo no que Galicia alcanzaba o ano pasado unha cifra récord, superando por primeira vez os 30.000 millóns en exportacións, tendencia que este ano queremos manter”, concluíu.
Lorenzana anuncia que xunta e empresas impulsarán o Clúster Contract de Galicia para reforzar o liderado deste sector a nivel global
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou as instalacións da empresa Aluman en Arteixo no marco da Semana Internacional do Contract que organiza o Igape
- Explica que este clúster permitirá seguir creando sinerxías entre deseño, industria e tecnoloxía; impulsar a sustentabilidade; e promover a innovación en deseños de espazos e experiencias
- Subliña que o contract galego destaca pola súa calidade, diferenciación e competitividade
Arteixo (A Coruña), 22 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que Xunta e empresas impulsarán o Clúster Contract de Galicia que reunirá a toda a cadea de valor do sector e reforzará o seu liderado a nivel global.
Lorenzana visitou hoxe as instalacións da empresa Aluman en Arteixo no marco da Semana Internacional do Contract que organiza cada ano o Igape, á que puxo como “exemplo de diversificación e internacionalización”.
Durante a visita, a conselleira explicou que a creación deste clúster permitirá “seguir creando sinerxías entre deseño, industria e tecnoloxía; impulsar a sustentabilidade; e promover a innovación en deseño de espazos e experiencias”.
Neste sentido, a titular de Economía e Industria apuntou que o contract galego, do que forman máis dun cento de empresas, destaca pola súa calidade, diferenciación e competitividade, unhas características “que son froito dun esforzo constante en innovación”, dixo.
Ademais, tamén puxo en valor o seu espírito de cooperación pois “as empresas do sector non traballan soas, colaboran entre si e con nós, coa Administración, a través dos distintos clústers e centros tecnolóxicos”, subliñou.
Finalmente, María Jesús Lorenzana, explicou que esta aposta pola colaboración público-privada, na que se enmarca a creación do novo clúster do contract, permite o desenvolvemento de importantes proxectos de I+D que manteñen ao sector á vangarda da innovación.
A 8ª edición de ViaGalicia preséntase en Lugo o 23 de outubro ás 11:30h
- A 8ª edición da aceleradora de empresas ViaGalicia preséntase en Lugo o vindeiro 23 de outubro,
- Presenta o teu proxecto ata o 8 de novembro de 2024 ás 13:00 horas.
A aceleradora de empresas e emprendedores promovida pola Xunta de Galicia e Zona Franca de Vigo preséntase en Lugo o vindeiro día 23 de outubro, no Edificio Cactus, no Campus Terra, ás 11:30 horas. Para asistir a esta presentación, haberá que confirmar asistencia por medio do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Se tes un proxecto ou idea de negocio e queres desenvolvelo, ou se tes unha startup e queres impulsar o seu crecemento e mellorar as súas métricas, participa en ViaGalicia.
Queres coñecer máis detalles? En breve presentarase o Programa en Pontevedra, Nigrán, Santiago, Lugo, A Coruña e Vigo.
BASES + INSCRIPCIONES en > www.viagalicia.gal
A Oficina Económica de Galicia recibe a visita dos alumnos de 2º de Bacharelato do Colexio Maristas Cristo-Rey da Coruña
Santiago, 17 de outubro de 2024
Un grupo duns 30 estudantes de 2º de Bacharelato do Colexio Maristas Cristo-Rey da Coruña, da rama de Ciencias Sociais con Economía, visitaron hoxe as instalacións do Igape co obxectivo de coñecer esta institución e as actividades que leva a cabo no seu papel de apoio ao tecido produtivo de Galicia.
No marco da visita, os alumnos tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento e as instalacións da Oficina Económica de Galicia, na que os responsables do Igape puxeron de relevo que “se trata dunha nova forma de conectar coas empresas e as persoas emprendedoras para facilitar a implantación e o desenvolvemento das súas iniciativas empresariais, fomentando a desburocratización e o acompañamento na procura de facilitar unha administración amigable”.
A través deste tipo de iniciativas, o Goberno galego promove o achegamento da comunidade educativa ás diferentes institucións da administración. De feito, o grupo de escolares visitou tamén esta mañá o Parlamento de Galicia.
A Xunta aboga pola innovación e a desburocratización para mellorar a competitividade e abrir oportunidades de negocio ao tecido empresarial galego
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa en Gijón no XXIV Foro ADR onde pon en valor a aposta do Goberno galego por facilitar a innovación e a modernización a través de iniciativas como os Centros de Fabricación Avanzada, os Centros Dixitais ou a rede galega de business factories
- Destaca a posta en marcha, este ano, da nova Oficina Económica de Galicia, que nos seus primeiros seis meses está a impulsar unha nova forma de conectar co tecido empresarial galego sumando xa máis de 8.000 consultas atendidas
Gijón, 17 de outubro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá no XXIV Foro ADR, organización que reúne ás Axencias de Desenvolvemento Rexional españolas, onde puxo en valor a aposta da Xunta de Galicia tanto pola innovación e a dixitalización como pola proximidade e simplificación dos trámites administrativos na procura de seguir a mellorar a competitividade do tecido empresarial galego abrindo novas oportunidades de negocio.
Este foro, que se vén celebrando desde hai máis de dúas décadas, permite ás Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se encontra o Igape, traballar e concretar os seus modelos de futuro, optimizando os servizos e apoios que prestan as empresas e aos emprendedores.
Desta volta, as sesións de traballo centráronse, entre outros temas, na dixitalización, a economía circular ou o financiamento cara á innovación. Un marco no que Toca Carús presentou algunhas das prácticas que cada ano promove a Consellería de Economía e Industria a través do Igape.
Neste marco, a directora puxo en valor os Centros de Fabricación Avanzada, que están a permitir promover proxectos en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo ou o agroalimentario, liña que, como afondou, se complementa co programa de Centros Dixitais, que, vén de abrir unha nova convocatoria con 8M€ para mellorar a dixitalización do tecido empresarial e modernizar a industria galega a través de novos proxectos de creación deste tipo de infraestruturas.
Así mesmo, Toca Carús incidiu na importancia de apoiar a creación e aceleración de empresas innovadoras para diversificar o tecido empresarial e modernizar e dixitalizar os sectores máis tradicionais de Galicia.
Neste contexto, como explicou, o Goberno galego ten posto en marcha a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes; ou conta coa a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech).
Así mesmo, a directora referiuse tamén á posta en marcha, este ano, da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para promover a desburocratización, facilitando a entrada das empresas á administración, a información, o asesoramento e o acompañamento.
Nos seus primeiros seis meses de funcionamento, a Oficina está a impulsar unha nova forma de conectar co tecido empresarial galego sumando xa máis de 8.000 consultas atendidas. A través dela achégase un asesoramento personalizado e un plan individual de apoios ás empresas, ao tempo que se simplifica o camiño e se axilizan os trámites para a posta en marcha de proxectos empresarias en Galicia.