Super User

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse con representantes da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia para abordar os retos desta industria na Comunidade

Vigo, 15 de novembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse con representantes da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), co obxectivo de avaliar estratexias de modernización e innovación no sector téxtil na Comunidade e abordar os seus retos de futuro.

A conselleira e os representantes de Cointega coincidiron na importancia de seguir apoiando esta industria estratéxica para Galicia que no ano 2023 constituíu o principal sector exportador da Comunidade cun 23,1 % das exportacións galegas. 

Neste contexto, o obxectivo é o de impulsar a competitividade e as novas oportunidades de negocio; e tamén buscar novas fórmulas para revitalizar a moda galega e visualizar a calidade dos seus produtos e o bo facer das empresas e traballadores e traballadoras vinculadas a esta industria.

No encontro, abordáronse ademais as necesidades que o sector ten para facer fronte aos futuros retos no eido da formación de directivos, retención de talento, modernización, dixitalización ou sustentabilidade.

Así mesmo, a titular de Economía e Industria, puxo en valor o compromiso da Xunta cos emprendedores e cas pemes galegas e resaltou o papel da Oficina Económica de Galicia que desde a súa posta en marcha en abril deste ano xa atendeu  máis de 10.000 consultas. Esta oficina actúa como punto centralizado de atención a empresas, persoas autónomas e emprendedores e ofrece un sistema de información, asesoramento e acompañamento personalizado e especializado.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no Modiña Lab, onde pon en valor a Oficina Económica de Galicia como punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais, que suma máis de 10.000 consultas atendidas ofrecendo unha nova forma de relacionarse co tecido empresarial galego
  • Destaca o compromiso do Goberno galego coa creación de oportunidades para emprendedores e pemes e pon de relevo a rede galega de bussines factories, que inclúe aceleradoras verticais no sector da automoción, aeroespacial, alimentación ou a nova aceleradora no ámbito da economía circular e as solucións ambientais

 

Ourense, 14 de novembro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no Modiña Lab, un evento centrado no mundo da moda e na súa relación co impulso da innovación e o emprendemento en Galicia e que se celebra no Centro da Innovación da Formación Profesional, Eduardo Barreiros, en Ourense.

Este foro reúne aos principais axentes do ecosistema galego de innovación para abordar estratexias de modernización e apoio á industria, especialmente na área téxtil. Un marco no que Toca Carús puxo  en valor a importancia de seguir promovendo a  innovación e a colaboración público-privada para impulsar a competitividade e novas oportunidades de negocio en Galicia.

Neste contexto, a directora do Igape resaltou o papel da nova Oficina Económica de Galicia como canle única destinada a reducir a burocracia administrativa, e que actúa como punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, facilitando información, asesoramento, acompañamento, apoio e acceso a financiamento; contando con persoal especializado de todas as áreas, entre elas a industrial.

Esta Oficina, que suma máis de 10.000 consultas atendidas desde a súa posta en marcha, ofrece así unha nova forma de relacionarse co tecido empresarial galego, permitindo reducir os tempos de tramitación tanto dos expedientes administrativos como dos pagos.

Así mesmo, durante a súa intervención, Toca Carús fixo fincapé no compromiso do Goberno galego coa creación de oportunidades para emprendedores e pemes destacando a importancia da rede galega de bussines factories na que destacan as aceleradoras verticais no sector da automoción (BFAuto), aeroespacial (BFAero), no sector da alimentación (BFFood) ou a nova aceleradora no ámbito da economía circular e as solución ambientais (BFClima Tech); e tamén VíaGalicia, emprendemento innovador  multisectorial, especialmente no ámbito das TIC, agroalimetario ou téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo.

  • A convocatoria da 8ª edición estará aberta ata o 10 de decembro ás 13:00 h
  • Esta aceleradora acolle todo tipo de iniciativas emprendedoras en calquera das fases na que se atope

 

ViaGalicia, a aceleradora de empresas e persoas emprendedoras que promoven a Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia, abre a convocatoria da 8ª edición ata o 10 de decembro de 2024 ás 13:00 horas.

Trátase dunha aceleradora de carácter xeralista para proxectos innovadores de calquera sector produtivo, cun programa conducido por un equipo de expertos, que combina formación, mentoring e financiación.

En ViaGalicia acollen todo tipo de iniciativas emprendedoras en calquera das súas fases. Se tes un proxecto innovador, invertible, acelerable e relevante, aquí tes o teu sitio.

Para consultar as bases e facer a inscrición, consulta a web www.viagalicia.gal

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con responsables da empresa galega de biotecnoloxía Batea Oncology, a quen ofreceu todo o apoio da Xunta a través da Oficina Económica de Galicia e a sociedade xestora de entidades de capital risco do Igape, Xesgalicia, para avanzar na loita contra o cancro.

Batea Oncology é unha spin-off biotecnolóxica que investiga e desenvolve novas tecnoloxías para o tratamento de enfermidades oncolóxicas. Concretamente, deseñou un dispositivo pioneiro denominado GlioHook para o tratamento do glioblastoma, que é o tumor cerebral máis común e para o que a penas existen opcións terapéuticas. A empresa vén de iniciar agora un programa de captación de recursos para comezar os estudos clínicos tal e como explicaron os seus responsables na xuntanza.  

Neste contexto, Lorenzana puxo á súa disposición os servizos da Oficina Económica de Galicia en materia de asesoramento para, desde aí, poder facer un seguimento máis personalizado e integral ao proxecto e estudar as posibles vías de financiamento ás que podería optar. Cómpre destacar que, desde a súa posta en marcha, esta oficina leva atendido máis de 10.300 consultas que, na maior parte dos casos se resolven no momento.

A conselleira tamén considerou clave o papel que pode desempeñar neste caso Xesgalicia, entidade dependente do Igape, que leva varios exercicios participando activamente en varios programas de financiamento ao emprendemento e a iniciativas empresariais de recente creación como é o caso de Batea Oncology.

  • O Goberno galego vén de resolver a última convocatoria dun programa que, desta volta, sumou 3 M€ para que 50 estudantes con titulacións universitarias de grao superior poidan formarse en diferentes destinos mundiais mellorando a súa empregabilidade e potenciando a competitividade do tecido produtivo galego
  • Os bolseiros colaboran na promoción exterior das empresas galegas desde mercados, entre outros, como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes
  • O programa reforza a capacitación para a internacionalización de capital humano e a promoción e contratación de recursos humanos altamente especializados

 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2024

A Xunta de Galicia segue a traballar no impulso da internacionalización do tecido produtivo galego como factor clave para a mellora da competitividade das empresas galegas. Neste marco, vén de resolverse a última convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, unha iniciativa que dende a súa posta en marcha xa permitiu a formación de preto de 400 mozas e mozos galegos en mercados internacionais.

Este ano, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, destinou 3 millóns de euros para que outros 50 titulados universitarios galegos menores de 35 anos poidan acceder a unha formación práctica en comercio exterior, orientada a mellorar as súas capacidades e incrementar a competitividade das pemes galegas.

O programa reforza así a capacitación para a internacionalización de capital humano e a promoción e contratación de recursos humanos altamente especializados, e segue a demostrar a súa eficacia permitindo desta volta aos bolseiros completar a súa formación en destinos estratéxicos no estranxeiro como Bogotá, Casablanca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapur, Tokio, Varsovia ou Yakarta.

Deste xeito, a iniciativa contribúe á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.

Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de 400 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia, datos aos que teremos que engadir os 50 novos titulados desta convocatoria que vén de resolvese.

A iniciativa compleméntase con outras accións promovidas pola Xunta, como o programa Foexga, que impulsa plans de misións comerciais en colaboración coas cámaras de comercio galegas; as liñas Galicia Exporta, para a execución de accións de promoción exterior; ou as axudas á contratación de xestores de internacionalización, orientadas a incrementar a presenza de profesionais especializados no sector exterior e a apoiar ás pemes galegas na súa expansión internacional.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, presenta no Parlamento as contas de 2025, que reflicten un aumento do 20% que permitirá “avanzar cara a unha Galicia máis competitiva, sostible e preparada para os desafíos globais”, reforzando as liñas de apoio á transformación dixital e tecnolóxica, o financiamento empresarial e a atracción de investimentos
  • A Oficina Económica de Galicia incrementa o seu orzamento, reforzándose así unha canle única para investidores e emprendedores que suma xa preto de 10.000 consultas, reducindo a burocracia e axilizando os procesos administrativos
  • Asígnanse máis de 33M€ a programas destinados á competitividade empresarial, entre os que destacan os programas destinados a seguir apostando pola dobre transformación dixital e sostible ou a II edición da liña de Atracción de Empresas
  • Lanzaranse novas liñas de apoio destinadas á xestión da innovación como a de “Tickets Innova 25”, o “Igape Innova” ou a centrada nas tecnoloxías de Intelixencia Artificial (IA) no tecido produtivo
  • Destínanse 152M€ para apoiar o financiamento de empresas, pemes e autónomos, un aumento do 45,4% respecto ao ano anterior para poñer en marcha novos instrumentos financeiros en coordinación con fondos de Xesgalicia, mobilizando o gasto empresarial e impulsando o crecemento económico en Galicia

 

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, presentou hoxe no Parlamento de Galicia os orzamentos do Instituto para 2025, que ascenden a 278M€. Un incremento do 20% respecto ao ano anterior que se traduce en máis recursos para impulsar un novo modelo de relacionarse co tecido empresarial galego, mellorando a competitividade, fortalecendo a súa presenza nos mercados internacionais, facilitando o acceso ao crédito e o impulso de novas iniciativas e potenciando a atracción de investimentos.

Neste marco, a Oficina Económica de Galicia reforza o seu orzamento ata acadar os 6,M€, un 8,8% máis que no 2024, na procura de ofrecerlle ás empresas galegas “unha canle única, clara e definida para o asesoramento e apoio”. Con máis de 10.000 consultas atendidas ata a data, a Oficina configúrase como unha nova forma de relacionarse co tecido produtivo máis áxil, máis próxima e máis sinxela.

Aposta pola competitividade

Para 2025, o Instituto asigna máis de 33M€ a programas destinados a apoiar a competitividade empresarial, entre os que destaca a segunda edición do programa de Atracción de Empresas, con 12M€ para proxectos significativos en xeración de riqueza e emprego. Ademais, destínanse 10M€ a proxectos de menor volume, orientados ás pemes galegas.

O Igape continúa apoiando a dobre transformación dixital e sostible, con case 5M€ destinados a diferentes programas. Entre eles, 3M€ para proxectos de transformación dixital e 1M€ para obradoiros multidisciplinares, e destínase outro millón de euros para programas de impulso á sostibilidade que priorizarán proxectos ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza).

E como parte do seu compromiso co emprendemento e a innovación, o Igape lanza unha nova edición da liña específica de apoio ás startups galegas, que conta cunha dotación de 1,5M€, co obxectivo de fomentar a creación de novos modelos de negocio e emprego.

Intelixencia Artificial e tecnoloxías avanzadas

“A competitividade conduce á innovación empresarial” proseguiu Toca Carús, resaltando o compromiso do Igape neste campo, materializado nunha nova área de innovación, que ten por obxectivo “promocionar o ecosistema de innovación empresarial de Galicia”.

Neste eido, lanzaranse novas liñas de apoio destinadas á xestión da innovación e ao deseño de produtos innovadores, como o programa “Ticket Innova 25”, que contará cun millón de euros para facilitar o acceso á certificación en innovación, ou a liña “Igape Innova”, con 4M€ para proxectos de investimento en innovación empresarial. Neste marco, o Igape asignará máis de 10M€ á implantación de tecnoloxías de Intelixencia Artificial, e 2,3M€ a un novidoso proxecto para o vindeiro ano, que é a creación de espazos colaborativos de datos.

Así mesmo, o Igape continuará apoiando o ecosistema de emprendemento en Galicia cunha dotación de 7M€ para a súa rede de business factories, que no 2025 expandirase con tres novas aceleradoras enfocadas en Saúde e Benestar, Industria do Deporte e Enerxías Renovables.

Rexistros históricos nas vendas ao exterior

A directora do Igape sinalou o compromiso coa saída ao exterior das empresas galegas que está a permitir acadar rexistros históricos nas vendas ao exterior. Sobre esta base, no 2025 o Igape destina 14M€ á internacionalización, un orzamento que permitirá dar continuidade a programas como o Galicia Exporta Empresas, o Galicia Exporta Organismos Intermedios e o Galicia Exporta Dixital. Ademais, en colaboración coas cámaras de comercio galegas, o Igape tamén renovará o Plan Foexga.

Como parte da estratexia de expansión, o Igape abrirá en 2025 novas antenas en mercados clave de América Latina e Asia, que se suman ás recentes aperturas en Xapón e Emiratos Árabes. Estas oficinas serán unha vía directa de apoio ás empresas galegas en mercados emerxentes, proporcionándolles un acompañamento especializado.

Un incremento do 45% en financiamento

Un amplo abano de liñas e actuacións que compleméntase cunha dotación moi relevante para facilitar o financiamento de pemes e autónomos, 152M€ en 2025, un 45,4% máis respecto ao ano anterior. Un incremento que permitirá poñer en marcha novos instrumentos financeiros en coordinación con fondos de Xesgalicia, co obxectivo de mobilizar o gasto empresarial e impulsar o crecemento económico de Galicia.

Destacan os préstamos directos, cunha partida de 50M€ para proxectos estratéxicos que favorezan a modernización tecnolóxica e teñan un impacto multiplicador na economía galega. Ademais, para as empresas beneficiarias de préstamos financiados por Xesgalicia ou fondos públicos nacionais, activarase unha nova liña de subvención de xuros, cun orzamento de 5M€, que permitirá bonificar ata 200M€ en préstamos, favorecendo así mellores condicións financeiras das empresas galegas.

E o Fondo de Transición Xusta contará con máis de 52M€, dirixidos a financiar proxectos de investimento en A Coruña que xeren emprego e diversifiquen a economía local, con préstamos parcialmente reembolsables que combinan subvencións a fondo perdido e préstamos, destinando 37M€ para grandes empresas e 14 M€ para pemes.

A maiores, o Igape destina 14M€ para continuar cos convenios con entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca (SGR), que permitirán mobilizar 150M€ en financiamento para pemes, facilitando o acceso ao crédito e reforzando a solvencia das pequenas e medianas empresas galegas.

Deste xeito, concluíu Toca Carús, “estas contas están deseñados para fortalecer o tecido produtivo galego, apoiar a transformación dixital e potenciar a nosa presenza no mercado global, convertendo Galicia nun referente industrial e económico”.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe a XXII edición do GaliciaTIC
  • Subliña que beneficiará especialmente ás pemes que son as que teñen máis dificultades para apostar polas tecnoloxías
  • Destaca que o sector das TIC en Galicia é “moi frutífero e dinámico en canto á súa evolución e perspectivas” e que Galicia é “a quinta rexión de España en número de empresas”
  • Apunta que o Igape destinará máis de 11M€ para dar entrada á intelixencia artificial nas empresas galegas

 

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe a creación dunha área específica de innovación no ámbito industrial, dotada con máis de 60M€ nos orzamentos de 2025, para fortalecer o tecido produtivo.

A conselleira inaugurou esta mañá a XXII edición do GaliciaTIC onde subliñou que esta nova área do Igape beneficiará especialmente ás pemes que, segundo explicou, “son as que teñen máis dificultades para apostar polas tecnoloxías”.

Nesta liña, a conselleira explicou que “temos que seguir apostando pola innovación industrial e a competividade, e seguir traballando co talento para poder reforzar o noso tecido industrial e tamén a súa internacionalización”, dixo.

Durante a súa intervención, Lorenzana puxo en valor que o sector TIC en Galicia é “moi frutífero e dinámico” en canto á súa evolución e perspectivas pois aporta case o 3% do PIB galego e subliñou que “no último ano Galicia incrementou o número de empresas nun 4,2% co que temos xa 4.170 empresas TIC e ocupamos o quinto lugar en España en número de compañías”, apuntou.

Aposta polo sector tecnolóxico

Por outra banda, Lorenzana explicou que “estamos intentando que se visualice a aposta clara por todo o sector tecnolóxico declarado xa pola Xunta como estratéxico” e neste sentido, lembrou que o Goberno galego está a traballar no Plan director do sector TIC “que esperamos aprobar no 2025 e que contará coas aportacións da cidadanía, das entidades e das empresas, co obxectivo de ver os retos que temos por diante e como podemos acompañar desde o Goberno de Galicia ás nosas empresas”, sinalou.

Ademais, o Igape destinará máis de 11M€ para dar entrada á intelixencia artificial nas empresas galegas, para investimento e desenvolvemento de tecnoloxías con intelixencia artificial, implantación da aplicación de servizos e relacións comerciais baseadas en intelixencia artificial, e talento e formación en intelixencia artificial.

Lorenzana tamén explicou que a Xunta ten previsto un proxecto piloto dun programa de espazos de datos “onde imos investir 2,3M€, e continuamos apostando polo emprendemento innovador coa creación de tres novas aceleradoras”, destacou.

Finalmente a conselleira sinalou que “é clave que acompañemos á medianas e pequenas empresas e fortalecer a industria das TIC en Galicia e destacou que neste sentido, o GaliciaTIC é un foro tecnolóxico que ofrece a oportunidade de continuar avanzando e explorando novas posibilidades e atopar  novas sinerxías empresariais”, dixo.

Formación no sector TIC

Pola súa banda, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participará na apertura da sesión da tarde deste foro, centrada no mercado laboral, na capacitación e na formación no sector TIC. Alí, destacará que o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, conta cunha ampla programación formativa tanto para persoas traballadoras como para desempregadas deste sector. Así, entre setembro de 2023 e decembro de 2024 a súa planificación inclúe a impartición dun total de 115 cursos cunha oferta de 2.308 prazas e 5.877 horas de formación. Tamén 102 seminarios técnicos.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no TOP 101 Recoñecementos ao Emprendemento con Impacto en España, unha iniciativa de Enisa e o Foro ADR que se está a levar a cabo estes días en Córdoba e que conta con cinco empresas galegas seleccionadas
  • Destaca a importancia deste tipo de encontros que permiten “fortalecer lazos, compartir coñecemento e promover o talento innovador galego no escenario nacional”

 

Córdoba, 5 de novembro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, acompañou en Córdoba ás empresas galegas H2Dron Energy, Uarx Space, Muutech Monitoring, 10 Mets e Innogando, seleccionadas polo Xurado Nacional para formar parte do TOP 101 Recoñecementos ao Emprendemento con Impacto en España, unha iniciativa de Enisa e o Foro ADR para destacar e apoiar ás empresas innovadoras de recente creación con impacto social e/ou medioambiental.

Neste marco, Toca Carús puxo en valor a importancia do emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”, destacando tamén a importancia deste tipo de encontros, que permiten resaltar o peso do ecosistema innovador galego.

Estas startups galegas, elixidas entre as máis innovadoras e con maior impacto do ecosistema emprendedor español, obtiveron o recoñecemento co selo TOP101 Spain Up Nation, beneficiándose dunha completa axenda de networking, sesións B2B con investidores ou formación específica para o desenvolvemento empresarial.

Na gala celebrada na tarde de onte no Palacio de Congresos de Córdoba, as empresas galegas presentaron os seus proxectos ante un xurado de expertos, que ademais escolleu a unha empresa de cada comunidade autónoma como embaixadora da marca “Spain Up Nation”. Neste recoñecemento exclusivo, Innogando foi seleccionada para representar a Galicia, sumándose á Estratexia España Nación Emprendedora como unha das 19 empresas que exemplifican o emprendemento con impacto no ámbito nacional.

Ademais, hoxe celébrase o Investor Day no Conservatorio de Música Músico Ziryab de Córdoba, onde as empresas galegas poderán explorar oportunidades de investimento, networking e desenvolvemento de negocios con representantes de entidades financeiras, business angels, aceleradoras e outros axentes clave do ecosistema emprendedor.

Estes recoñecementos ao emprendemento con impacto en España, apoiados tamén pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, supoñen, valorou a directora do Igape, unha “excelente oportunidade para fortalecer lazos, compartir coñecemento e promover o talento innovador galego no escenario nacional”.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración da xornada Benvido Futuro: Proxectando Galicia, un encontro para abordar os desafíos e oportunidades do futuro empresarial galego que se desenvolve no marco do programa Capacita Directivos
  • Subliña que este programa suma xa dez edicións con máis de 19.000 directivos galegos beneficiados, tanto na mellora de coñecementos técnicos como no impulso das súas habilidades de liderado, xestión do cambio ou comunicación
  • Avoga pola público-privada para impulsar a modernización e fortalecer o crecemento, e pon en valor o papel da Oficina Económica de Galicia como nova forma de actuar co tecido empresarial

 

A Coruña, 31 de outubro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou hoxe o evento Benvido Futuro: Proxectando Galicia, un encontro para abordar os desafíos e oportunidades do futuro empresarial galego, que se desenvolve no marco do programa Capacita Directivos e no que salientou a importancia da formación e o talento na transformación e a mellora competitiva do tecido produtivo de Galicia. 

Durante a súa intervención, a directora do Igape destacou que este programa suma xa dez edicións con máis de 19.000 directivos galegos beneficiados. Unha iniciativa que, como explicou, busca non só mellorar coñecementos técnicos, senón tamén potenciar outro tipo de habilidades como o liderado, a xestión do cambio ou a comunicación.

A xornada de hoxe enmárcase no ciclo Competitividade e Crecemento Empresarial de Galicia, un escenario no que Toca Carús puxo en valor a importancia da innovación, a sustentabilidade e a dixitalización como eixes transformadores da economía galega. 

“Galicia ten a oportunidade de liderar a adopción de novas tecnoloxías e de crear un futuro sostible e próspero. O camiño cara ao éxito empresarial pasa pola colaboración entre os sectores público e privado, unha cooperación que impulsa a modernización e fortalece o noso potencial de crecemento”, subliñou a directora.

Para que esta cooperación sexa exitosa, proseguiu Toca Carús, “resulta fundamental apostar por un modelo máis sostible, que promova a transición dixital e que favoreza a innovación no noso tecido empresarial”. 

Toca Carús destacou tamén o papel da Oficina Económica de Galicia como nova forma de actuar co tecido empresarial, facilitando a xestión de proxectos empresariais mediante a centralización de recursos e a simplificación de trámites. Esta oficina, expuxo, foi creada para ser o único interlocutor do tecido empresarial galego contribuíndo a un entorno máis favorable para o desenvolvemento de novas iniciativas.

Esta mesma tarde, a directora ten prevista a participación nun encontro de traballo organizado por Rede Activa, asociación para o desenvolvemento profesional e social, co obxectivo de dar a coñecer as principais liñas de actuación do Igape, poñendo en valor unha vez máis a Oficina Económica como porta de entrada para facilitar ás empresas e ás persoas autónomas ou emprendedoras a implantación, posta en marcha e desenvolvemento das súas iniciativas empresariais en Galicia. 

  • Destaca a traxectoria de ViniGalicia e Vía Romana, unha empresa familiar que aposta polo talento e por investir en Galicia
  • Pon de relevo a colaboración entre o Igape, a Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos, e as Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia para seguir potenciando a marca Galicia

 

Chantada (Lugo), 30 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta da Xunta polo crecemento e a internacionalización das empresas galegas.

Así o manifestou durante unha visita ás instalacións das empresas ViniGalicia e Vía Romana, onde puxo de relevo “o valor que teñen para a economía galega as empresas familiares” coma esta, e que “apostan por seguir crecendo, polo talento e polos investimentos na Comunidade Autónoma”, dixo.

Neste sentido, subliñou que “na Xunta temos que apostar por investir nestas empresas e que o financiamento que lle ofrecemos sexa o mellor”, subliñou.

Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor a “potente estratexia de internacionalización” que ten o Goberno galego que busca apoiar ás empresas, especialmente ás pemes; e fomentar a súa internacionalización dixital apoiándose en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.

Apoio ao sector vitivinícola

A conselleira de Economía e Industria, destacou especialmente o apoio da Xunta ás empresas que forman parte do sector vitivinícola co obxectivo de que estas gañen en competitividade.

Neste marco subliñou a colaboración que mantén o Igape coa Asociación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e coas Indicacións Xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga), en materia de promoción, formación e asesoramento dos viños de Galicia para o período 2023-2025. Segundo explicou, trátase de “seguir apostando pola marca Galicia e de potenciala en todos os nosos produtos”, dixo.