Super User
A Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña exploran novas vías de colaboración para contribuír ao desenvolvemento industrial do porto exterior
- A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e a directora do Instituto Económico de Galicia (Igape), Covadonga Toca, mantiveron hoxe un encontro co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado
- Na xuntanza, púxose de manifesto a disposición da Administración autonómica a colaborar a través de diferentes instrumentos de apoio no proxecto de desenvolvemento previsto para o Porto da Coruña, que busca promover a vertente enerxética, industrial e loxística do porto exterior e unha maior especialización dos tráficos comerciais na dársena interior
A Coruña, 30 de agosto de 2024
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e a directora do Instituto Económico de Galicia (Igape), Covadonga Toca, mantiveron hoxe un encontro co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, con quen abordaron diversas liñas de colaboración entre a Xunta e a entidade portuaria, que vén de licitar o seu plan estratéxico para os vindeiros catro anos.
Na xuntanza, púxose de manifesto a disposición da Administración autonómica a colaborar a través de diferentes instrumentos de apoio no plan de desenvolvemento previsto para o Porto da Coruña, que busca promover a vertente enerxética, industrial e loxística do porto exterior -a través do proxecto Green Port- e unha maior especialización dos tráficos comerciais na dársena interior.
Tendo en conta estes obxectivos, a responsable do Igape, Covadonga Toca, explicou o traballo que vén facendo estes meses a Oficina Económica de Galicia en termos de asesoramento empresarial, para contribuír á implantación de novos proxectos de investimento en Galicia.
Na mesma liña, e sabendo o interese da Autoridade Portuaria da Coruña por seguir captando cara ao porto exterior novos proxectos industriais vinculados coas enerxías renovables e a eólica mariña, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, expuxo o traballo que vén facendo a Xunta de Galicia por desburocratizar a tramitación de proxectos industriais a través do Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais.
Ao respecto, explicou que a declaración como proxecto industrial estratéxico ofrece, entre outros beneficios, a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos-, mantendo as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais.
Concretamente, na provincia da Coruña, xa contan con esta distinción o centro de produción de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes, onde tamén vai ir instalada a fábrica de pneumáticos de Sentury Tire, e a planta de biofibra reciclada de Ence. Tamén a planta de metanol verde en Mugardos de Forestal del Atlántico; a de hidróxeno renovable de Naturgy, Repsol e Reganosa en Cerceda; a planta de envasado e manipulación de peixe proxectada por Stolt Sea Farm en Rianxo, e a de extracción de cobre nos concellos do Pino e Touro promovida por Cobre San Rafael.
O presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, informoulles, así mesmo, da situación dos traslados dos tráficos do porto interior a Punta Langosteira, con especial referencia á terminal de Repsol e á próxima entrada en servicio da conexión ferroviaria, ademais das novas instalacións que están a habilitar o grupo Nogar, TMGA e Pérez Torres, que inclúen a ampliación dos seus almacéns e a incorporación de circuítos pechados para as descargas de graneis.
Fernández Prado, agradeceu o apoio que vén prestando a Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento industrial do que é un dos principais centros loxísticos de Galicia.
Máis de medio cento de empresas galegas participarán a vindeira semana na feira do sector naval de Hamburgo grazas ao apoio da Xunta
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañará a delegación galega na visita, xunto a representantes de Asime, do Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e da Cámara de Comercio de Vigo
- Trátase da feira máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebrará do tres ao seis de setembro
- A visita ofrece unha oportunidade ás empresas galegas participantes de coñecer as últimas tendencias no sector, establecer vías de negocio e explorar ámbitos de cooperación comercial e tecnolóxica
Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2024
Máis de medio cento de empresas galegas, acompañadas pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e por representantes de Asime, do Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e da Cámara de Comercio de Vigo, participarán a vindeira semana na feira do sector naval SMM Hamburgo 2024 (Alemaña), que terá lugar do tres o seis de setembro.
Trátase da 31ª edición da feira máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebra cada dous anos por estas datas e atrae unha multitude de empresas e entidades do sector procedentes de todo o mundo. Desde a súa fundación en 1963, consolidouse como unha plataforma de referencia para a presentación das últimas innovacións e os produtos máis recentes da industria naval e os estaleiros.
A visita, promovida pola Xunta a través do Instituto Económico de Galicia (Igape) e os seus programas de axuda á internacionalización, ofrece unha oportunidade ás empresas galegas participantes de coñecer as últimas tendencias no sector, establecer vías de negocio e explorar ámbitos de cooperación comercial e tecnolóxica.
En concreto, esta edición congregará máis de 2.200 expositores de 67 países e estímase unha afluencia de máis de 50.000 visitantes profesionais. A delegación galega compóñena un total de 54 empresas que representan o 37 por cento da presenza española na feira. Delas, 24 contan cun expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga.
A edición deste ano está enfocada ao impacto da dixitalización e as enerxías renovables no sector marítimo; en concreto, a automatización, a economía circular, os sistemas alternativos de propulsión, a redución de emisións, a economía circular e os novos materiais e seguridade.
Durante os seus dous días de estancia, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, que encabeza a delegación galega acompañada da directora do Igape, Covadonga Toca, terá ocasión de reunirse co Conselleiro Económico e Comercial Xefe da Oficina Económica e Comercial en Düsseldorf da Embaixada de España en Alemaña. Ademais, manterá unha reunión de traballo coas empresas participantes e terá ocasión de visitar os diferentes expositores procedentes de Galicia.
A Xunta lembra que as startups galegas aínda poden solicitar as axudas para impulsar proxectos emprendedores innovadores
- A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu ao encontro sobre emprendemento ‘Meetup na Praia’ que busca facilita o intercambio de valor entre os asistentes, promovendo a aprendizaxe e a innovación
- Subliña que este programa específico de apoio para startups abriuse por primeira vez en xaneiro e conta cun orzamento de 1,5M€
Nigrán (Pontevedra), 28 de agosto de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, lembrou hoxe que as startups galegas aínda poden solicitar as axudas da Xunta destinadas a impulsar proxectos emprendedores e innovadores emerxentes.
O Goberno galego abriu o pasado mes de xaneiro este primeiro programa específico de apoio que conta cun orzamento de 1,5M€ e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.
Covadonga Toca asistiu hoxe ao encontro sobre emprendemento ‘Meetup na praia’ onde tamén puxo en valor o programa ReAcciona do Igape, dotado este ano con mais de 3,2M€, e que ofrece a pemes e autónomos diferentes ferramentas e servizos avanzados para ser máis competitivos.
Meetup na praia
Este evento organizado polo Igape, dá comezo hoxe ás 20,00h e está deseñado para aquelas persoas emprendedoras e empresarias que buscan medrar, intercambiar ideas e crear sinerxias no seo dun formato innovador de networking na praia.
Durante o encontro, a directora do Igape subliñou que estes eventos están pensados para facilitar o intercambio de valor entre os asistentes, promovendo a aprendizaxe colectiva e a colaboración. Neste sentido animou a todos os emprendedores e emprendedoras, así como ás empresas galegas a impulsar os seus proxectos e sinalou que esta iniciativa “promete ser unha excelente oportunidade para conectar con outros profesionais, compartir coñecementos e descubrir novas oportunidades de crecemento.”
Preto dun cento de mozos e mozas optan ás 50 prazas do programa de bolseiros de internacionalización da Xunta para facilitar ás pemes galegas a saída a novos mercados
- O Goberno galego destina 3M€ a unha convocatoria dirixida a estudantes con titulacións universitarias de grao superior, que agora poderán formarse en diferentes destinos mundiais mellorando a súa empregabilidade
- Desde a súa posta en marcha, o programa da Consellería de Economía e Industria beneficiou xa a 450 profesionais, que colaboraron na promoción exterior das empresas galegas desde mercados, entre outros, como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes
- O programa reforza a capacitación para a internacionalización de capital humano e contribúe á boa marcha das exportacións galegas, que tras un histórico 2023 seguen a mellorar este ano as súas cifras
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2024
A Xunta de Galicia ten en marcha unha nova convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, que permitirá a contratación de medio cento de mozos e mozas galegos que poderán adquirir competencias profesionais en mercados exteriores na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego.
Desta volta, a iniciativa, impulsada a través do Igape pola Consellería de Economía e Industria, recibiu preto dun centenar de solicitudes. Pero para facerse coa bolsa, os candidatos deberán de superar un proceso selectivo consistente nunha proba de idiomas (para aqueles que non achegaron previamente o correspondente certificado) e unha entrevista persoal.
O Igape destina máis de 3 millóns de euros a este programa cuxo obxectivo pasa por fortalecer a especialización en comercio exterior facilitando a contratación destas persoas, menores de 35 anos, con titulación universitaria superior, que adquirirán formación práctica en internacionalización que se poderá levar a cabo no estranxeiro e ou en Galicia, en entidades e organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial. A duración da bolsa establécese nun máximo de 11 meses coa posibilidade de prorrogala por igual período de tempo.
Os países nos que o persoal seleccionado completará a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos, entre outros, Bogotá, Casablanca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapur ou Toquio.
A iniciativa contribúe así á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.
A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.
Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de 450 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes, entre moitos outros.
A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2021 - 2025 que está a promover a Xunta para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que durante o ano pasado acadaron rexistros históricos en exportacións, ao superar a barreira dos 30.000 millóns, e que este ano están a mellorar estes datos durante os primeiros seis meses do ano.
Neste sentido, no primeiro semestre de 2024 as empresas galegas suman vendas no exterior por riba dos 15.500 millóns de euros, unha cifra que supón un incremento do 3,5% con respecto ao mesmo período dese histórico 2023.
A Xunta destina preto de 200.000€ para a mellora de tres viveiros industriais da provincia de Ourense
- O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, visitou hoxe o viveiro empresarial de A Veiga, un dos beneficiarios desta liña de axudas da Administración galega
- O Goberno autonómico achegou máis de 5M€ desde 2016 para a posta en marcha destes equipamentos
A Veiga (Ourense), 22 de agosto de 2024
Tres viveiros industriais ourensás poderán mellorar as súas instalacións grazas á liña de apoios convocada pola Consellería de Economía e Industria para a creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas destes espazos en parques empresariais da Comunidade galega. Así o explicou hoxe o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, durante a visita ao viveiro de A Veiga (Ourense), un dos 3 beneficiarios na provincia da convocatoria deste ano, xunto co de Vilamarín e O Carballiño.
Nesta liña, Vázquez lembrou que este ano a Xunta destinou 1,5M€ a esta orde de axudas que, como novidade, incorporou a posibilidade de levar a cabo actuacións de dotación ou reforma de equipamentos e infraestruturas nos viveiros industriais que actualmente están en funcionamento. No caso de A Veiga, contará cunha achega de 75.000 € para levar a cabo traballos de mellora, o mesmo importe que recibirá O Carballiño, mentres que no de Vilamarín serán algo máis de 43.000€. En total, estes tres municipios ourensás recibirán preto de 200.000€.
O secretario xeral de Industria explicou que a convocatoria deste ano contemplaba outras novidades como a ampliación ata os 48 meses do período de acollemento dos negocios ou a posibilidade de incorporación doutras empresas non industriais que xustifiquen a súa relación dentro da cadea de valor dunha actividade industrial.
As subvencións desta liña de axudas permiten achegar ata o 80% do investimento elixible, cun máximo de 240.000€ no caso da creación de viveiros e de 75.000€ para a realización de melloras ou dotación de equipamento e infraestruturas. Os beneficiarios poden recibir anticipos de ata un 25 % da axuda concedida. Deste xeito, desde o ano 2016, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 5M€ para a posta en marcha deste recurso o que está a permitir que Galicia conte con 22 viveiros industriais.
Lorenzana destaca o labor de Datalife como indispensable para achegar a tecnoloxía dixital ao sector biotecnolóxico galego
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes de Datalife
- Na reunión deuse conta dos proxectos que leva desenvolvido ata o de agora, enfocados, fundamentalmente á prestación de servizos de intelixencia artificial e robótica para a produción ecolóxica e sustentable no sector agroalimentario
- Considera que é unha peza clave para identificar retos tecnolóxicos nas área da saúde, a economía circular, e os novos produtos, e dotar estes sectores das ferramentas necesarias para afrontalos
Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou como indispensable o labor que realiza o hub de innovación dixital Datalife á hora de achegar a tecnoloxía dixital a toda a cadea de valor do sector biotecnolóxico de Galicia.
Lorenzana mantivo un encontro con representantes desta entidade, que reúne unha vintena de asociados de diferentes sectores, entre empresas, centros tecnolóxicos, universidades e cinco clústers empresariais, como é o caso do Clúster Saúde de Galicia, Anfaco-Cecopesca, Bioga, o Clúster TIC e o de Madeira e Deseño de Galicia.
As cadeas de valor nas que traballa son a de agro-mar alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira e a de saúde-coidados. En total, abrangue un ámbito de 52.350 empresas, co obxectivo de acelerar a súa transformación dixital e optimizar toda a súa infraestrutura de procesamento de datos a través da Intelixencia Artificial e o Big Data.
Na reunión deuse conta dos proxectos que leva desenvolvido ata o de agora, enfocados, fundamentalmente á prestación de servizos de intelixencia artificial e robótica para a produción ecolóxica e sustentable no sector agroalimentario.
Datalife, segundo destacou a conselleira, é unha peza clave para identificar retos tecnolóxicos nas área da saúde, a economía circular, e os novos produtos a partir de biorrecursos e dotar estes sectores das ferramentas necesarias para afrontalos.
Rueda resalta o papel dos emprendedores na creación de riqueza e emprego de calidade
- Lembra o compromiso do Goberno galego coas iniciativas empresariais, con ferramentas como a Oficina Económica de Galicia para facilitar e reducir os trámites
Ames (A Coruña), 31 de xullo de 2024.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel dos emprendedores á hora de xerar emprego de calidade na comunidade, subliñando que estes son “os que crean riqueza e os que de verdade lle dan valor engadido ás ideas que teñen”. Durante unha visita ás instalacións de D3 Applied Tech -firma de Ames que elabora solucións tecnolóxicas para embarcacións de competición, o sector aeroespacial, as enerxías renovables, a industria ou o eido naval- lembrou o compromiso da Xunta coas iniciativas empresariais. Así, recordou que a través da Oficina Económica de Galicia “intentaremos acompañar os proxectos para que todo sexa áxil e para que a burocracia non sexa un problema”, achegando tamén axudas puntuais para “despois multiplicar todas as oportunidades”.
Acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente salientou a firme aposta da Xunta por reter o talento innovador e atraer investimentos. Neste eido, a Administración autonómica conta con medidas para fomentar a posta en marcha de proxectos, como a Rede de Polos de Emprendemento –14 centros espallados por toda a comunidade nos que os emprendedores reciben orientación e asesoramente durante todo o proceso–; unha liña de axudas para os gastos de lanzamentos das startups –1,5 millóns de euros na convocatoria deste 2024–; ou unha rede de aceleradoras desde as que se aposta por dar pulo a proxectos innovadores mediante a colaboración público-privada, entre outras iniciativas.
Por outra banda, o Goberno autonómico traballa desde hai anos para reducir e axilizar os trámites que teñen que realizar as empresas á hora de poñer en marcha un negocio. Para iso, ademais da Oficina Económica de Galicia, que actúa como única canle para facilitar os trámites que teñen que realizar os empresarios, existen diferentes liñas de axudas para fomentar a innovación no tecido produtivo ou promover investimentos para renovar e modernizar o seu equipamento.
A Xunta destina 3 M€ a investimentos en equipamento empresarial que promovan a innovación e a mellora competitiva das empresas galegas
- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a base reguladora e a convocatoria das axudas que buscan impulsar a modernización tecnolóxica e a capacidade competitiva do tecido empresarial galego
- As axudas, en concorrencia non competitiva, ascenden ao 40% dos custos ata un máximo de 300.000 euros, e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de outubro
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024
A Xunta destina 3 M€ a investimentos en equipamento empresarial que promovan a innovación e a mellora competitiva das empresas galegas. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria deste programa de investimento en equipamento empresarial que procura promover iniciativas que melloren a innovación e a competitividade das empresas galegas.
O obxectivo é potenciar o mantemento e a creación de emprego, a innovación e o impulso de novos proxectos empresarias a través de apoios que facilitan a adquisición de equipamento para as empresas.
Neste marco, entre as principais novidades destaca o feito de que poden optar a esta liña empresas de todas as actividades económicas, agás as excluídas pola regulamentación comunitaria. Así mesmo, e para reforzar os investimentos inmediatos sen prexudicar a liquidez e a solvencia das empresas, contémplase un anticipo do 100 % da axuda, estando tamén prevista a exención de garantías.
Os apoios, en concorrencia non competitiva, ascenden ao 40% dos custos ata un máximo de 300.000 euros. O obxectivo é facilitar a modernización tecnolóxica e a capacidade competitiva das empresas galegas reducindo parcialmente os seus custos de investimento recentes neste mesmo exercicio 2024.
Neste sentido, admitiranse gastos e investimentos executados dende o 1 de xaneiro de 2024 e ata o vindeiro 10 de decembro, e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de outubro.
Os conceptos de investimento subvencionable inclúen tanto a compra de maquinaria ou bens de equipamento como os programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware). Deste xeito, a Xunta pretende dar resposta coordinada ás necesidades financeiras das empresas, facilitando a mellora da súa competitividade.
Lorenzana pon en valor o traballo da empresa Antea Group para avanzar na súa internacionalización e na da economía galega
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha reunión co director xeral de Antea Group
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co director xeral da empresa galega Antea Group, Fernando Illanes, a quen lle agradeceu o traballo que están a levar a cabo para avanzar na súa internacionalización e na da economía galega.
Esta consultaría, con sede central en A Coruña, é pioneira e líder no desenvolvemento integral de proxectos de enxeñería, infraestruturas de transporte, xestión de mobilidade, auga e medio ambiente, e no desenvolvemento territorial, urbano e edificación.
Durante a xuntanza, tamén se abordou a planificación do solo industrial, competencia agora da Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección xeral de Estratexia industrial e solo empresarial e as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento.
Por outra banda, María Jesús Lorenzana lembrou a recente activación da gratuidade durante os oito primeiros anos do dereito de superficie nas parcelas de natureza empresarial titularidade da Xunta de Galicia a través de Xestur. Serán máis de medio millón de metros cadrados de solo industrial que se porán a disposición do empresariado galego e que permitirá facilitar o asentamento en solo galego de novas industrias capaces de xerar riqueza e emprego na Comunidade.
Deste xeito, esta nova medida permitirá a concesión de solo empresarial a custo cero durante os oito primeiros anos para novas actividades económicas no réxime de dereito de superficie, o que vai facilitar a implantación de novas empresas na Comunidade Autónoma.
A conselleira explicou que con esta medida, o Goberno galego avanza na nova estratexia de política industrial que busca, fundamentalmente, impulsar novos sectores industriais estratéxicos; detectar e integrar novas cadeas de valor; promocionar a formación, a atracción de talento e o emprego de calidade e mellorar a competitividade da industria galega a través da innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a internacionalización.
A Xunta destaca a importancia de que pemes e autónomos accedan ao crédito nas condicións máis vantaxosas
- A directora do Igape, Covadonga Toca, visita Codeor, unha empresa familiar especializada na fabricación de calzado para uso laboral e que vén de beneficiarse da liña de acceso ao crédito, que este ano ampliou o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial
- Salienta que a convocatoria abriuse en xaneiro coa previsión de poñer en circulación ata 80M€ recibíndose xa solicitudes por importe superior a esa cifra
- Lembra que a liña complementa ao programa de préstamos directos, que mellora tamén as condicións de acceso ao crédito e que ven de ampliar o seu orzamento ante o importante número de solicitudes xa recibidas
Pereiro de Aguiar (Ourense), 24 de xullo de 2024.- A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións da empresa Codeor, compañía familiar galega especializada na fabricación de calzado para uso laboral, onde puxo en valor a importancia de facilitar o acceso ao crédito ao tecido empresarial galego nas condicións máis vantaxosas.
“No escenario actual, marcado pola suba de tipos de xuro durante o último exercicio, facilitar financiamento a pemes e autónomos nas mellores condicións posibles resulta fundamental para a mellora competitiva do noso tecido empresarial”, salientou Toca Carús, que indicou que precisamente Codeor vén de beneficiarse da liña de acceso ao crédito que cada ano promove a Consellería de Economía e Industria a través do Igape.
Este programa, explicou, que se desenvolve a través dun convenio coas entidades de crédito e as Sociedades de Garantía Recíproca, vén de ampliar o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial galego. En concreto, achéganse 5,8M€ máis, que se suman aos 12M€ previstos inicialmente, na procura de que os beneficiarios soliciten tanto a bonificación do tipo de xuro dun préstamo como a obtención do aval sen custo algún.
Toca Carús lembrou que a convocatoria, aberta no mes de xaneiro, prevía poñer en circulación ata 80M€, recibíndose xa solicitudes por importe superior a esa cifra. Agora, e con este incremento, se prevé chegar ata aos 120M€ en operacións nas que pemes e autónomos poden financiar investimento e circulante, ou refinanciar préstamos anteriores que se materializasen en condicións menos vantaxosas.
Deste xeito, e como incidiu a directora do Igape, a Consellería de Economía e Industria facilita o acceso a préstamos ao tecido empresarial galego, principalmente a pemes e autónomos ao ser estes os que sofren maiores dificultades para acadar o financiamento adecuado ás súas necesidades.
Toca Carús indicou que desde o 2020 aprobáronse xa, no marco deste programa, preto de 3.500 solicitudes, moitas delas vencelladas ao programa Reaval Covid posto en marcha no contexto da pandemia, formalizándose operacións por valor de máis de 227 millóns.
Así mesmo, esta liña complementa ao programa de préstamos directos, cuxo obxectivo vencéllase tamén á mellora das condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda, e que ven de ampliar ata os 50M€ o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial galego.