Super User

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou un convenio de colaboración co concello de Ferrol e coa Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (Cofer)
  • O convenio busca que Cofer, e tamén o Concello de Ferrol, sexan o enlace da Xunta á hora de identificar posibles proxectos que impulsar desde a Oficina Económica do Igape
  • Enxalza o valor da colaboración público-privada e subliña o compromiso do Goberno galego coa reindustrialización destas comarcas da man do tecido empresarial
  • Alcalde e conselleira abordaron nun encontro posterior á sinatura do convenio a posibilidade de converter Ferrol nun polo industrial vinculado ás novas tecnoloxías no ámbito das enerxías mariñas

 

Ferrol, 25 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta da Xunta de Galicia polo desenvolvemento económico e industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así o trasladou hoxe tras a sinatura dun convenio de colaboración co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e co presidente da Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (Cofer), Cristobal Dobarro.

Segundo explicou, o que se busca é que Cofer, e tamén o Concello de Ferrol, sexan o enlace da Xunta á hora de identificar posibles proxectos que trasladar á Oficina Económica do Igape. É dicir, co apoio do Concello, a Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal pasa a ser unha entidade colaboradora  da Oficina Económica para vehiculizar iniciativas empresariais susceptibles de implantarse en toda esta área. Neste senso, Lorenzana lembrou que a nova Oficina Económica de Galicia nace co obxectivo de desburocratizar as relacións coa Administración e en posibilitar unha tramitación áxil ao tecido empresarial.

Neste marco, a conselleira enxalzou o valor da colaboración público-privada cando se trata de impulsar o crecemento e a competitividade da economía e da industria galegas e, en concreto, subliñou o compromiso do Goberno galego coa reindustrialización destas comarcas.

O convenio asinado hoxe ten entre os seus obxectivos, mellorar a produtividade, a competitividade e a internacionalización das pemes locais; identificar as iniciativas empresariais que favorezan a promoción industrial, así  como aquelas que poidan ser derivadas á Oficina Económica de Galicia e contribuír á súa posta en marcha. Tamén a realización de estudos relacionados co contexto económico e social das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e cos fondos europeos.

Tal e como explicou Lorenzana, trátase de que todas as Administracións vaian da man e traballen en colaboración co tecido empresarial para a reactivación económica destas comarcas nun contexto no que se están a abrir moitas oportunidades en material industrial da man da industria de compoñentes de enerxías renovables e o traballo conxunto coa Autoridade Portuaria.

Principais actuacións

Algunhas das actuacións recollidas neste convenio son as accións para a difusión e sensibilización sobre todo tipo de axudas e apoios para incentivar o desenvolvemento do tecido empresarial e industrial desta zona; a realización de xornadas e actividades sobre o novo marco de fondos europeos de apoio á recuperación para impulsar proxectos no territorio; ou as actuacións de promoción da actividade económica en Ferrol, Eume e Ortegal.

Ademais, tamén se elaborarán estudos relativos á estrutura empresarial por sectores, á dimensión das empresas asentadas nestas comarcas, as necesidades de relevo xeracional, a identificación de novos proxectos empresariais, eliminación de barreiras á competitividade económica, as posibilidades de negocio da industria eólica mariña ou o seguimento e propostas de actuación de impacto do Pacto de Estado por Ferrol.

Encontro co alcalde

Logo da sinatura deste convenio, Lorenzana mantivo un encontro co alcalde, José Manuel Rey Varela, con quen abordou a posibilidade de que Ferrol se especialice como un polo industrial vinculado ás novas tecnoloxías no ámbito das enerxías mariñas. Nesta liña, a titular de Economía e Industria subliñou a apostado Goberno da Xunta co desenvolvemento deste sector pero garantindo sempre a súa compatibilidade cos recursos pesqueiros, o medio mariño e o medio ambiente. 

Santiago, 24 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Lalín, Xosé Crespo, con quen abordou as necesidades de solo industrial e desenvolvemento urbanístico do concello.

Este encontro enmárcase na rolda de contactos que Lorenzana está a manter cos distintos rexedores locais toda vez que a Consellería acaba de asumir as competencias en materia de solo industrial, a través da Dirección xeral de Estratexia industrial e solo empresarial.

Na reunión tamén se avaliaron as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento.

Ademais dos servizos de atención personalizada ás empresas que ofrece a Oficina Económica de Galicia, Lorenzana tamén expuxo ante Crespo o programa de axudas da Xunta para polígonos industriais. Trátase dunha primeira liña para a mellora de infraestruturas, dotada de 3,5 M€; outra, en proceso de resolución, para a creación de viveiros industriais, con 1,5M€ de orzamento; e, en terceiro lugar, para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, que conta cun crédito de 4,7 M€.

A conselleira puxo en valor as funcións da nova Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, que inclúe na planificación industrial e enerxética a capacidade, tamén, para xestionar o solo empresarial que existe en Galicia e desenvolvelo onde sexa necesario.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou nun encontro empresarial organizado pola Fundación e Centro Tecnolóxico Soermar, en Navalia
  • Salienta que este sector, xunto co da automoción, van ser os dous que van contar cun plan director dentro dos primeiros cen días de Goberno
  • “E moi importante que este ano teñamos un plan director do naval funcionando; é fundamental atopar esas vías de financiamento para toda a innovación que precisan os estaleiros de Galicia”, remarca

 

Vigo, 23 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ofreceu hoxe todo o apoio da Xunta para traballar conxuntamente fronte a tres retos fundamentais para o sector naval en Galicia, como son a mellora competitiva, a transformación tecnolóxica e a diversificación de mercados.

Así o trasladou hoxe durante a súa intervención nun encontro empresarial organizado en Navalia pola Fundación e Centro Tecnolóxico Soermar, onde salientou que o Goberno galego ten unha meta nesta lexislatura que é aumentar o peso da industria no PIB, para o cal o naval vai ter “moitísimo que achegar”, dixo.

Con este obxectivo, Lorenzana explicou que este sector, xunto co da automoción, van ser os dous que van contar cun plan director dentro dos primeiros cen días de Goberno. “E moi importante que este ano teñamos un plan director do naval funcionando; é fundamental atopar esas vías de financiamento para toda a innovación que precisan os estaleiros de Galicia e para que continuedes estando no primeiro nivel do mundo”, subliñou.

A conselleira puxo de manifesto a resistencia do sector naval en Galicia que “conseguiu sobrevivir a múltiples variacións do mercado, conseguiu diversificarse, seguir reinventándose, innovando e, actualmente, emprega entre empregos directos e indirectos máis de 20.000 persoas en Galicia, e isto ten que seguir crecendo”, apostilou.

Para concluír, a Lorenzana puxo de relevo as cifras récord acadadas nesta novena edición de Navalia, con  522 expositores, un 22 por cento máis que en 2022, e 75 países presentes.

  • O presidente da Xunta asiste á clausura da XXIV Asemblea xeral da Asociación Galega de Empresa Familiar
  • Resalta a súa importancia “por volume, por calidade das actividades desenvolvidas e por tradición”
  • Representan ao 92% do tecido empresarial asentado en Galicia e son responsables do 86% do emprego privado na comunidade
  • Asegura que é obriga das administracións “coidar” deste tecido produtivo porque “se eles medran, medra Galicia”
  • A Xunta facilita a implantación de novos investimentos reducindo a burocracia e poñendo a disposición dos empresarios solo industrial a prezos bonificados
  • Galicia é a comunidade cun tratamento fiscal máis vantaxoso para a transmisión interxeracional de empresas
  • O presidente demanda aos empresarios apoio a proxectos tractores e un “fronte común” na defensa das melloras de infraestruturas coma o Corredor Atlántico

 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a contribución das empresas familiares á hora de “mover a economía galega” e facer avanzar a comunidade. “Sodes unha parte fundamental da economía por volume, por calidade das actividades que desenvolvedes, por tradición e pola estruturación de Galicia”, indicou durante a clausura da XXIV Asemblea xeral da Asociación Galega da Empresa Familiar que se celebrou en Santiago. 

Este tipo de compañías -unhas 80.000 en toda a comunidade- representan ao 92% do tecido empresarial asentado en Galicia e o 86% do emprego privado (447.000 persoas). “Seguide sendo grandes e medrando porque se medrades, medra Galicia”, indicou para asegurar que o obxectivo da administración é “apoiar e coidar” sempre este tipo de iniciativas empresariais.

Durante o acto, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o presidente lembrou que a Xunta leva anos traballando para atraer novos investimentos industriais á Comunidade e garantir que as empresas galegas aposten por medrar na súa terra. Entre elas está a redución ao máximo a burocracia para poñer en marcha un proxecto -coa nova Oficina Económica de Galicia; a posta a disposición dos empresarios de solo industrial a prezos bonificados -ademais do compromiso para os cen días de Goberno de habilitar solo industrial a coste cero durante os oito primeiros anos de actividade- ou que Galicia sexa a comunidade co tratamento fiscal máis vantaxoso, cunha redución do 99% de base impoñible para a transmisión interxeracional de empresas. 

Nesta liña, Rueda salientou que a Xunta “é a primeira administración en asumir de oficio a responsabilidade patrimonial polos retrasos na tramitación” correspondente para desenvolver proxectos industriais. 

Por último, o presidente pediu ao tecido empresarial o apoio e defensa da chegada de proxectos tractores “que van traer moita máis riqueza” a Galicia así como facer “un fronte común” á hora de reclamar melloras en infraestruturas claves para o tecido produtivo coma o Corredor Atlántico.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a xornada ‘20 Temas estratéxicos para o futuro de Galicia’, onde destaca o papel das “persoas, clave e fundamento de todo”, para consolidar unha industria galega competitiva nun mercado global a través de “liñas estratéxica que fortalezan un crecemento intelixente e sostible”
  • O encontro celébrase no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu ata o de agora realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes, en presencial e en liña
  • Destaca que a Xunta promove, a través de distintos programas e actuacións, a innovación e a transformación dixital das pemes galegas e a procura de novos mercados, ao tempo que achega financiamento no actual contexto económico
  • Pon en valor a aposta pola nova Oficina Económica de Galicia como canle única de entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento

 

Vigo, 22 de maio de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá en Vigo na xornada ‘20 Temas estratéxicos para o futuro de Galicia’, onde destacou a importancia do talento como “gran activo” das empresas galegas e como “motor que move a economía do coñecemento, a economía verde e dixital, a economía do futuro”.

“As persoas son a clave e o fundamento de todo. A medida que a automatización, as novas tecnoloxías, a intelixencia artificial, continúan transformando a economía, o talento humano vólvese aínda máis esencial para desenvolver, implementar e xestionar estas tecnoloxías de maneira ética e efectiva”, afondou Toca Carús nunha xornada que se celebrou no marco do programa Capacita Directivos.

Esta iniciativa, lembrou a directora do Igape, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, permitiu ata o de agora realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes, en presencial e en liña.

Desta volta, os participantes afondaron, entre outras, nas industrias da moda, da biotecnoloxía, nas TIC, no sector alimentario, nas enerxías renovables, na industria aeronáutica e aeroespacial, na loxística, no turismo, na industria do envellecemento activo, ou na mobilidade avanzada e sostible.   

“O talento, as persoas, en definitiva, son a clave para poder reflexionar sobre o presente mirando cara ao futuro, con dous obxectivos: axudar a consolidar unha industria galega competitiva nun mercado global, e afondar en liñas estratéxicas que fortalezan un crecemento intelixente e sostible”, afondou a directora do Igape.

Neste marco, lembrou que os distintos programas e actuacións que o goberno galego impulsa cada ano teñen como eixos de actuación a innovación e a transformación dixital das pemes galegas e a procura de novos mercados, ao tempo que achegan financiamento no actual contexto económico.

Sobre esta base, Toca Carús puxo en valor a importancia da nova Oficina Económica de Galicia como canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.

“A Oficina é unha nova variante dentro desa batería de medidas de apoio ás empresas, xa sexan startups ou pemes, que buscades dar un salto en innovación tecnolóxica: automatizando e axilizando os procesos internos; e mellorando a competitividade empresarial no cambiante escenario actual”, concluíu.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza con representantes do Clúster Saúde de Galicia
  • Ambas entidades asinaron un convenio de colaboración a principios deste ano para impulsar a cadea de valor do sector biotecnolóxico sanitario

 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro coa directiva do Clúster Saúde de Galicia con quen abordou, entre outro asuntos, o labor conxunto que a Xunta vén realizando con esta entidade para impulsar a transferencia de coñecemento entre as empresas do sector.

Xunta e Clúster Saúde de Galicia asinaron un convenio a principios deste ano que contempla a realización de diversas actuacións para potenciar a innovación e a transferencia de coñecemento entre as empresas do ámbito biotecnolóxico sanitario e demais entidades vinculadas, como universidades, centros tecnolóxicos, startups, etc. O obxectivo é ampliar os servizos que o clúster presta ao conxunto do ecosistema biotech en Galicia en materia de innovación, para mellorar o posicionamento internacional da Comunidade como biorrexión.

O texto prevé, entre outros, a prestación de servizos innovadores para financiar actuacións de demostración, especialmente entre pemes e investigadores, e a validación de produtos nos living labs de Galicia. En definitiva, reforzar o papel do Clúster Saúde de Galicia na dinamización e seguimento do subsector biotecnolóxico aplicado á saúde, para o cal o convenio contempla a realización de diversas campañas de comunicación e difusión das capacidades do ecosistema, así como das oportunidades de transferencia e colaboración entre os seus axentes.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024.- O martes, 4 de xuño ás 9:30 horas, celebramos a xornada presencial Marrocos, economía e oportunidades de negocio en África.

O evento, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, vailles permitir ás empresas galegas coñecer a evolución e as perspectivas de crecemento do continente veciño.

Ademais, as compañías que o desexen van ter a oportunidade de programar unha reunión individual coa Antena da Xunta en Marrocos para presentarlle os seus produtos e servizos. Estas reunións serán os días 4 e 5 de xuño. 

As empresas interesadas nestes encontros deben indicalo no formulario que aparece deseguido:

RESERVAR PRAZA

 

  • Subliña que o plan director que a Xunta está elaborando para o sector é un plan a varios anos que pretende dirixir a estratexia público-privada na automoción en Galicia
  • Explica que o obxectivo da nova liña de axudas que se vai aprobar é facilitar que poidan reducir os custos e competir mellor nas adxudicacións

 

Redondela (Pontevedra), 16 de maio de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe o traballo que está a facer a Xunta por impulsar a competitividade das empresas provedoras da industria da automoción en Galicia a través das axudas que van acompañar o plan director que se está a elaborar para este sector.

Nunha visita á planta de OP Mobility, especializada na fabricación de compoñentes e módulos exteriores de automóbiles, Lorenzana explicou que se trata dun plan a varios anos que pretende dirixir a estratexia público-privada na automoción en Galicia. Un sector, engadiu que “está nun momento de cambio e de dificultades derivado da competencia polos custos de produción”, dixo.

Segundo explicou, vai ir acompañado de distintos apoios económicos, entre eles, a nova liña de axudas dirixida ás empresas da industria auxiliar que se vai aprobar proximamente e que, segundo precisou, xunto coa factoría de Stellantis en Vigo, dan emprego a un total de 25.000 persoas. “O que pretendemos é facilitar a compra de investimentos, a eficiencia enerxética das empresas e así conseguir que poidan reducir os custos e  competir mellor nas adxudicacións”, explicou.

Sobre OP Mobility, unha das maiores provedoras de Stellantis en Galicia, destacou que conta con cinco plantas en España e dá emprego a máis de 5.700 persoas, arredor de 540 na factoría de Redondela.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nun almorzo-coloquio co director de conxuntura e economía internacional de FUNCAS no que pon en valor a “boa marcha” da economía galega, en particular no que se refire á internacionalización, que está a mellorar este ano os rexistros históricos acadados no 2023
  • Subliña a importancia de “manter o impulso das exportacións galegas” a través de actuacións como os programas de bolseiros e xestores de internacionalización, as liñas Galicia Exporta, as antenas do Igape ou o Plan Foexga
  • Destaca a necesidade de “atraer investimentos produtivos”, eido no que resalta a nova Oficina Económica de Galicia, que se configura como “punto de contacto de información e entrada para iniciativas empresarias e proxectos industrias”

 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024.- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá nun almorzo-coloquio co director de conxuntura e economía internacional de FUNCAS, Raymond Torres, que se celebrou coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e no que avogou por “manter e reforzar” a cooperación público-privada na procura de que o tecido empresarial galego sexa aínda máis competitivo.

Esta colaboración, unida ao esforzo de todos os axentes implicados, expuxo Toca Carús, está permitir a “boa marcha” da economía galega, tal e como amosan algún dos principais indicadores económicos.

Neste sentido, a directora do Igape subliñou que o PIB en Galicia medrou un 4,3% con respecto aos datos anteriores a pandemia, fronte ao crecemento do 2,9% do conxunto do Estado; que a Comunidade concluíu abril coa cifra máis baixa de parados desde que hai rexistros; ou que vén de bater, no último ano, o seu récord exportador superando, por primeira vez na historia, os 30.000 millóns de euros en vendas ao exterior.

Un escenario, salientou Toca Carús, que permite a Galicia partir dunha “boa situación” para afrontar os retos económicos que se presentan, entre os que citou a importancia de conseguir que o peso da industria no PIB alcance o 20%, ou estabilizar o binomio industria e enerxía, atendendo aos recursos naturais dos que se dispoñen.

Sobre esta base, a directora do Igape incidiu na aposta pola internacionalización, xa que a procura de novos mercados permite “consolidar o crecemento” dunha empresa e ofrece “novas oportunidades que redundan nunha maior riqueza e emprego”.

Así mesmo, explicou a directora, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, activou este exercicio novas convocatoria dos programas de bolseiros e xestores de internacionalización, das liñas Galicia Exporta, do Plan Foexga -en colaboración coas Cámaras de Comercio para impulsar novas misións comerciais-, ademais de abrir dúas novas antenas, en Emiratos Árabes e Xapón.

Neste contexto, Toca Carús sinalou tamén como “factor determinante” do crecemento económico a importancia de “atraer investimentos produtivos”, eido no que resaltou a nova Oficina Económica de Galicia, que se configura como “punto de contacto de información e entrada para iniciativas empresarias e proxectos industrias”.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou esta tarde as xornadas O Encontro de Sober. Diálogos rural-industria
  • Subliña que industria e medio rural son perfectamente compatibles e, máis que nunca, complementarios, porque a industria que se basea en fontes renovables ten que asentarse alí onde está a materia prima
  • Salienta que a aposta da Xunta a través da Lei de recursos naturais e da sociedade RDG vai ser o de promover os beneficios asociados á implantación en Galicia de calquera proxecto industrial a través de fontes renovables

 

Sober (Lugo), 10 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe as posibilidades que ofrece o medio rural para o desenvolvemento dunha industria verde e sustentable, que aproveita de forma responsable os recursos naturais e contribúe a xerar emprego e fixar poboación.

Na clausura das xornadas O Encontro de Sober. Diálogos rural-industria, Lorenzana subliñou que industria e medio rural son perfectamente compatibles e, máis que nunca, complementarios, porque a industria que se basea en fontes renovables ten que asentarse alí onde está a materia prima.

A conselleira de Economía e Industria salientou que esa vai ser a aposta da Xunta, a través da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia: facer un mellor aproveitamento dos recursos naturais buscando beneficios asociados á implantación na Comunidade de calquera proxecto industrial a través de fontes renovables. 

Segundo dixo, trátase de incentivar que, deses proxectos se deriven postos de traballo, se fomente a industria local, e un prezo eléctrico competitivo para as empresas e accesible para os fogares. E, para iso, o labor da sociedade Recursos de Galicia (RDG) vai se fundamental, engadiu.

Desta sociedade, ademais da Xunta (32%), forman parte unha trintena de empresas que sosteñen más de 21.000 empregos directos e achegan anualmente ao PIB autonómico máis de 10.500 M€ (14% do total). A súa función, segundo explicou, é apoiar proxectos centrados, fundamentalmente, na produción de enerxía renovable, a explotación de dereitos e concesións mineiras e aqueles que requiren a utilización de auga e outros recursos naturais.

Son proxectos, polo tanto, que van ter unha clara incidencia no medio rural. E, nese sentido, reiterou que, ao igual que se está a facer co de Altri en Palas de Rei, chegado o caso todos van ser sometidos a unha tramitación ambiental absolutamente garantista e só serán autorizados se cumpren con todos os parámetros medioambientais e legais que marca a normativa. 

Ao respecto, Lorenzana reiterou que a Xunta vai poñer todos os medios ao seu alcance para que Galicia non perda o tren da reindustrialización; entre eles, a Oficina Económica do Igape e o Plan de aceleración de proxectos industriais para garantir acompañamento personalizado ás empresas e a máxima axilidade administrativa nos trámites. Pero, concluíu remarcando que isto nunca vai supoñer reducir garantías medioambientais nin seguridade xurídica.