Super User

Xa foi aprobada a Orde PCM/825/2023, de 20 de xullo, pola que se regulan os criterios e o procedemento de certificación de empresas emerxentes que dan acceso aos beneficios e especialidades recoñecidas na Lei 28/2022, de 21 de decembro, de Fomento do ecosistema das empresas emerxentes.

¿Estás interesado en iniciar o proceso de certificación?

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou esta mañá as instalacións do Grupo Itelsis, en Santiago, que ten levado a cabo distintos plans de internacionalización nos últimos anos contando co apoio do Goberno galego.
  • Pon en valor liñas como ás do Galicia Exporta, que contarán cunha nova convocatoria no último trimestre e que promoven accións como a creación de tendas en liña, campañas en medios no estranxeiro, a participación en accións de promoción internacional ou a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior.
  • A Xunta segue a reforzar a colaboración co tecido empresarial galego, que mantén no que levamos de ano rexistros históricos no que ás vendas ao exterior se refire, sumando nos cinco primeiros meses máis de 12.300 millóns, un 6,1% máis que no mesmo período do ano pasado.

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións do Grupo Itelsis, en Santiago de Compostela, onde puxo en valor a importancia da internacionalización do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e autónomos, no actual contexto económico como clave para mellorar a súa competitividade.  

Neste sentido, Toca adiantou que no último trimestre a Consellería de Economía, Industria e Innovación lanzará unha nova convocatoria dos programas Galicia Exporta, que facilitan o impulso da internacionalización do tecido produtivo, permitindo ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.  

“Itelsis é un bo exemplo da colaboración co tecido empresarial que permite ás empresas galegas reforzar a súa aposta na procura de novos mercados”, salientou a directora do Igape, quen apuntou que nos últimos anos o grupo tense beneficiado de ata catro convocatorias do Galicia Exporta Empresas levando a cabo distintos plans de internacionalización. 

Toca sinalou que o obxectivo do programa -que se complementa co Galicia Exporta Organismos Intermedios para iniciativas colectivas coordinados por agrupacións empresariais, e co Galicia Exporta Dixital na promoción de ferramentas innovadoras - é impulsar tanto actividades de difusión como accións de prospección internacional. 

Neste marco, a directora do Igape apuntou que a nova convocatoria facilitará, un ano máis, a promoción de plans de internacionalización que inclúen, entre outras accións, a creación de tendas en liña, campañas en medios no estranxeiro, a participación en accións de promoción internacional ou a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior. 

Desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, téñense apoiado preto de 1.500 plans de promoción internacional, cunha axuda total ata a data de 30,9M€. Cifras que, como expuxo a directora, dan “boa conta” da importancia da colaboración da Xunta co tecido empresarial galego neste eido, que se enmarca no contexto da Estratexia de Internacionalización que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. 

Unha cooperación que, como sinalou a directora do Igape, está a permitir manter as cifras históricas acadadas xa o ano pasado, cando as exportacións galegas rozaron os 30.000 millóns. Neste 2023, mantéñense estes rexistros récord, sumando nos cinco primeiros meses máis de 12.300 millóns, un 6,1% máis que no mesmo período do exercicio pasado. 

A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo recentemente un encontro con representantes da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (Crusoe) e do Cluster TIC e Audiovisual no que avaliaron, entre outros aspectos, os proxectos que están a desenvolver no eido do emprendemento e a innovación. Neste marco, durante a xuntanza Toca Carús puxo en valor a importancia da aposta polo talento como motor da economía do coñecemento, da economía verde e dixital. 

Durante a reunión, os responsables de Crusoe trasladaron á directora do Igape as iniciativas que se están levando a cabo desde a Conferencia en materia de patrimonio cultural dixital e a posibilidade dunha aceleradora de startups neste campo.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023.-

A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo hoxe un encontro co equipo directivo de INEO e coa súa nova presidenta, Lourdes Guerra, no que se avaliou a importancia das TIC na innovación e o papel da entidade para facer de Galicia un referente do sector TIC e impulsar a cultura innovadora.

Na reunión púxose de manifesto a necesidade de seguir apostando pola colaboración institucional nesta nova etapa, co obxectivo de apoiar a todas as empresas que forman a asociación para continuar mellorando nos procesos que definen a súa actividade, como son a innovación, formación, internacionalización ou o emprendemento e o traslado e aplicación do coñecemento do sector a toda a sociedade.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro de traballo coa asociación no que subliñou que accións como a ruta marítima co Porto de Miami na que se está a traballar e a participación en eventos como a Feira Transport Logistic de Múnic permiten reforzar o papel de Galicia como nodo loxístico internacional

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro de traballo con representantes do Clúster da Función Loxística de Galicia de cara a avaliar e avanzar en novas accións para contribuír á eficiencia do sector, con especial atención á innovación e á internacionalización das empresas que forman parte da súa cadea de valor.

O encontro permitiu afondar no traballo feito durante o último ano, así como sentar as bases sobre as que seguir avanzando. Neste sentido, Toca Carús subliñou a relevancia da formación e da internacionalización como eidos sobre os que continuar impulsando a competitividade do sector. Durante o encontro, que supuxo a primeira toma de contacto da nova directora co clúster loxístico, avaliáronse tamén as accións que se veñen impulsando nos últimos meses, entre as que destaca a ruta comercial directa co Porto de Miami na que se está a traballar. A directora do Igape lembrou que este Porto xa ten relación coas autoridades portuarias de Vigo, A Coruña e Ferrol, polo que a ruta potenciará tanto á loxística de frío e a sustentabilidade dos portos da Comunidade como a situación de Florida como hub loxístico.

Así mesmo,  destacouse a participación en maio na  Feira Transport Logistic de Múnic, que contribuíu á posta en valor do potencial de Galicia como nodo loxístico internacional. “A Xunta ten claro que a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, apuntou Covadonga Toca. Por último, outro dos temas tratados no encontro foi a importancia de saír ao exterior cunha marca única, Galicia Logistics, que busca potenciar o papel que a Comunidade galega pode ter na loxística internacional, reivindicándoa como un “enclave estratéxico para fluxos de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico”.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago de Compostela no encontro ‘Líderes que deixan pegada’, organizado por APD, onde puxo en valor os procesos de transformación tecnolóxica e a cultura da sustentabilidade
  • Resalta o liderado de Galicia acompañando o traballo das empresas, que se traduce na “estabilidade institucional” e nos “bos índices de crecemento” que teñen permitido recuperar os niveis de PIB prepandemia e bater o récord de exportacións  

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no encontro organizado por APD Líderes que deixan pegada, un marco no que destacou a importancia do talento e o liderado para impulsar a competitividade e camiñar cara a unha economía sustentable.

Neste marco, Toca, que felicitou a APD por esta iniciativa posta en marcha o ano pasado no marco do seu 20º Aniversario da zona noroeste, sinalou que desde o Goberno galego se está a acompañar todo o traballo do tecido empresarial neste eido para facilitar o seu liderado. Un liderado que se traduce na “estabilidade institucional” e nos “bos índices  de crecemento” que teñen permitido recuperar os niveis de PIB prepandemia e bater o récord histórico de exportacións  

A directora do Igape avogou por impulsar a colaboración público-privada e por reforzar a simplificación administrativa, ao tempo que animou aos asistentes a seguir traballando na transición cara a unha economía sustentable.

“O obxectivo é acompañar á tecnoloxía e á Intelixencia Artificial, con persoas e con líderes”, incidiu Toca, quen sinalou que “o talento é o motor que move a economía do coñecemento, a economía verde e dixital”. “Sen talento non hai innovación e sen innovación non hai transformación”, concluíu.

  • Asinado no transcurso dunha viaxe a China levada a cabo estes días por representantes do Igape, dá continuidade ao impulsado no 2018, que fixo de Galicia a primeira Comunidade autónoma en contar cun memorando destas características cunha das cámaras de comercio máis importantes do país que agrupa máis de 10.000 empresas
  • O obxectivo é promover o aumento do comercio e o investimento entre a industria de maquinaria e electrónica de ambos os dous países
  • As dúas partes comprométense a organizar misións comerciais, potenciar a cooperación comercial bilateral a través do intercambio de información comercial e servizos de consultaría mutuos, ou á elaboración dunha listaxe de provedores recomendados e dun calendario coas principais feiras comerciais internacionais que se celebran nos dous países
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2023
 

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, vén de asinar un novo acordo de colaboración coa Cámara de Comercio para a importación e exportación de maquinaria e produtos electrónicos de China que busca afianzar as relacións comerciais entre Galicia e o país asiático.

Este memorando, asinado no transcurso dunha viaxe a China que levaron a cabo representantes do Igape, reforza o interese recíproco tanto de Galicia como de China por dar novos pasos para consolidar as relacións bilaterais entre ambas as dúas economías. De feito, China foi en 2022 o primeiro destino en Asia das exportacións galegas, e un dos máis importantes fóra de Europa, experimentando un incremento do 6,7 % con respecto ao ano anterior ata acadar os 223 M€.

O acordo dá continuidade ao asinado no 2018, que fixo de Galicia a primeira Comunidade autónoma en contar cun memorando destas características cunha das cámaras de comercio máis importantes do país que agrupa máis de 10.000 empresas.

O memorando recolle unha serie de compromisos que se renovan para promover o aumento do comercio e o investimento entre a industria de maquinaria e electrónica dos dous países.

Así, ambas as dúas partes comprométense a organizar misións comerciais, potenciar a cooperación comercial bilateral a través do intercambio de información comercial e servizos de consultaría mutuos, ou á elaboración dunha listaxe de provedores recomendados e dun calendario coas principais feiras comerciais internacionais que se celebran nos dous países.

 

Investimentos en Galicia

O acordo configúrase como unha oportunidade tanto para que as empresas galegas poidan abrir os seus mercados como para recibir novos investimentos cara a Galicia. Neste sentido, a viaxe levada a cabo polos representantes do Igape permitiu tamén avanzar nos grandes proxectos de investimento previstos en Galicia por parte de empresas chinesas, como é o caso da factoría de pneumáticos de Sentury que se prevé poñer en marcha nas Pontes.

Así mesmo, a viaxe facilitou o seguimento doutras posibles iniciativas, como a da empresa BYD, que está analizando un forte investimento na súa primeira fábrica de vehículos eléctricos en Europa, e a empresa Tsingshan que busca a implantación dunha fábrica de baterías para impulsar vehículos eléctricos.

A viaxe é froito das relacións impulsadas estes últimos anos pola Consellería de Economía, Industria e Innovación e incluíu, ademais, distintas reunións con outras empresas de automoción chinesas coas que se vén mantendo o contacto, así como coa empresa Bright Foods, matriz de Conservas Albo.

 
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou na xornada ‘Tomando o pulso ao mercado de traballo’, celebrada en Santiago de Compostela
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no evento InnoBar, encontro entre startups e investidores que busca identificar necesidades e inquietudes dos emprendedores galegos potenciando o ecosistema da innovación en Galicia.
  • Lembra que o Goberno galego ten en marcha unha completa Axenda Startups con diferentes liñas e actuacións na procura de fomentar un emprendemento innovador capaz de seguir reactivando a economía, xerar emprego e mellorar a competitividade.

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en InnoBar, un encontro celebrado en Santiago e centrado na innovación, no que tomaron parte representantes de Startups e investidores e no que puxo en valor a importancia do emprendemento innovador como chave do futuro económico de Galicia.

O evento, organizado en colaboración coa Fundación Madri+D, impulsou a súa primeira xuntanza na capital o pasado mes de novembro, tomando parte no mesmo diversas startups e emprendedores galegos. Esta tarde abordouse en Galicia unha segunda xornada que reuniu arredor de cen persoas e que contou coa presenza, entre outros, de Eduardo Díaz, jefe del área de emprendedores de la Fundación Madri+D.

Neste marco, a directora do Igape puxo en valor a importancia deste tipo de encontros, que permiten, nun  espazo distendido, potenciar o ecosistema innovador galego promovendo a colaboración entre emprendedores e posibles investidores. “InnoBar é unha boa experiencia innovadora, que permite recibir charlas inspiradoras, compartir coñecemento e facer networking”, expuxo Toca.

Sobre esta base, a directora do Igape lembrou que o Goberno galego ten en marcha unha completa Axenda Startups con diferentes liñas e actuacións na procura de fomentar un emprendemento innovador capaz de seguir reactivando a economía, xerar emprego e mellorar a competitividade.

  • Destaca que a tarefa da Administración autonómica vai seguir sendo ofrecer certezas, estabilidade e confianza.
  • Avoga por dar a máxima axilidade administrativa aos proxectos que conforman a Axenda Industrial de Galicia.
  • Apunta que, ata maio, se crearon en Galicia máis de 1.800 empresas, 773 na provincia da Coruña.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, comprometeu hoxe todo o apoio da Xunta para seguir impulsando en Galicia a competitividade de pemes, micropemes e autónomos, ao tempo que se asentan no territorio os grandes proxectos de investimento previstos no marco dos fondos Next Generation.

Así o manifestou hoxe durante a clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios da Coruña, onde avogou por dar a máxima axilidade administrativa aos proxectos que conforman a Axenda Industrial de Galicia, relacionados coa economía circular, a xeración de hidróxeno verde e os biocombustibles ou coa mobilidade sustentable, e lideradas por empresas como Sentury, Resonac, Reganosa, EDP, Repsol ou Naturgy, entre outras.

Durante a súa intervención, Lorenzana salientou que “en Galicia cremos que hai outra forma de facer as cousas”, sinalando que “as empresas sodes parte da solución”. Neste sentido, avogou pola colaboración público-privada, lembrando que “a economía, a industria, os proxectos, o emprego, os fan as empresas”, avogando pola colaboración público-privada”.

 

Lorenzana apuntou que a tarefa da Administración autonómica vai seguir sendo ofrecer certezas, estabilidade e confianza ao tecido empresarial. E, ao respecto, puxo de relevo que Galicia xa recuperou o PIB prepandemia antes que a media de España. Que vén de rexistrar o mellor cuadrimestre da historia en exportacións (con máis de 9.676 millóns de euros, que é un 6,4% máis que entre xaneiro e abril do ano pasado). Tamén a mellor cifra nun mes de maio nos últimos 14 anos en número de afiliados á Seguridade Social (1.059.085 persoas). E que ata maio, se crearon en Galicia máis de 1.800 empresas, 773 na provincia da Coruña.

A conselleira concluíu recoñecendo que o que contribúe a estes datos é o talento e a capacidade de adaptación das empresas galegas nun contexto tan complexo como o actual.