Super User

  • O presidente da Xunta reuniuse en Ferrol coas xuntas directivas de Aclunaga e Cluergal e representantes de Iberdrola e Windar.
  • Salienta o potencial inmenso de Galicia na eólica mariña, enxalza o papel de Ferrol para liderala e garante ao sector que terá un “apoio decidido, absoluto e claro” do Goberno galego.
  • Enmarca as axudas na planificación que fai a Xunta para un aproveitamento das enerxías renovables ordenado, sustentable e respectuoso cos recursos naturais e pesqueiros.

  • A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 1,3 millóns de euros a este programa co que se facilita a incorporación ao mercado laboral de profesionais con formación ou experiencia en comercio internacional co obxectivo de apoiar ao tecido empresarial na busca de novos mercados.
  • As axudas alcanzan ata o 90 % do custo da contratación, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50 % dos apoios.

As pequenas e medianas empresas galegas poden solicitar ata o 5 de xuño as axudas para a contratación de xestores de internacionalización, ás que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 1,3 millóns de euros, co obxectivo de facilitar a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais ou adquirir experiencia en comercio internacional ao tempo que se contribúe a mellorar as vendas no exterior do tecido empresarial galego.

Aquelas pemes que teñan o seu domicilio social e un centro de traballo en Galicia e que acrediten ter en marcha un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior poden presentar a súa solicitude na procura de obter tanto información sobre profesionais con formación especializada como apoio económico para a súa contratación.

A iniciativa contribúe así á captación profesional de expertos en internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os xestores achegando os seus coñecementos e experiencia.

As axudas poderán alcanzar ata o 90 % do custo de contratación, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50 % dos apoios. Así mesmo, os xestores, ademais de estar dados de alta como demandantes de emprego na data da contratación, deben contar con titulación universitaria, con titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional, ou cun certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.

Este programa enmárcanse na Estratexia de Internacionalización da Xunta de Galicia, unha de folla de ruta que busca facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados.

  • A iniciativa que botou a andar este luns suma xa preto de 6.000 comercios participantes, nos que se realizaron xa descontos por máis de 200.000 euros.
  • Os bonos, en formato QR, son de 30 euros por persoa e poderán utilizarse ata que o importe total dos descontos utilizados alcance os 2,5 millóns de euros que a Administración autonómica destina ao programa nesta convocatoria.

O programa do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia, que botou a andar, onte, 15 de maio, mobiliza xa preto dun millón de euros en vendas en día e medio de funcionamento. Así, na xornada do luns e na mañá do martes realizáronse descontos por máis de 200.000 euros, mentres que o número de comercios adheridos á iniciativa é de 5.972. Destes, 2138 son da provincia da Coruña, 854 de Lugo, 914 de Ourense e 2066 de Pontevedra.

As persoas consumidoras poden descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que poden continuar sumándose á iniciativa ata o 1 de setembro. A terceira edición deste programa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, contribuíndo así a dinamizar o sector e a implicar á cidadanía no impulso ao comercio de proximidade.

Os bonos teñen formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Ata o de agora, os descontos realizados superan os 200.000 euros.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión co alcalde, Luis Menor.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión co alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, para informar de que se acaba de aprobar -a través dunha ampliación de crédito da orde de mellora de infraestruturas dos parques empresariais- unha axuda para mellorar o vial de acceso noroeste ao polígono. A actuación contará cun apoio de 38.587,14 euros para un investimento total de 48.233,93 euros.

Conde agradeceu a colaboración e implicación deste municipio, que é Concello Emprendedor, para seguir aumentando a súa competitividade empresarial. Esta colaboración administrativa permite mellorar a oferta de solo para captar investimentos e para que as empresas xa instaladas poidan desenvolver a súa actividade con acceso a servizos e infraestruturas de calidade.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Boqueixón (A Coruña) unha librería participante nesta iniciativa, coa que se prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas.
  • A provincia da Coruña conta xa con 1479 negocios adheridos, mentres que en Lugo hai 608, en Ourense 679 e en Pontevedra 1402.
  • Os bonos, en formato QR, son de 30 euros por persoa e poderán utilizarse ata que o importe total dos descontos utilizados alcance os 2,5 millóns de euros que a Administración autonómica destina ao programa nesta convocatoria.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Lestedo (Boqueixón, A Coruña) a Librería Lino, un dos máis de 4000 establecementos galegos (en concreto, 4168) que se adheriron desde o pasado martes ao Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia.

Mediante esta iniciativa, a partir do próximo luns, 15 de maio, as persoas consumidoras poderán descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que poden continuar sumándose ata o 1 de setembro. Ata a data, participan no Bono Activa Comercio 1479 negocios da provincia da Coruña, mentres que en Lugo son 608, en Ourense 679 e en Pontevedra 1402 establecementos.

A terceira edición deste programa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, contribuíndo así a dinamizar o sector e a implicar á cidadanía no impulso ao comercio de proximidade, que tal e como subliñou Conde é clave para a economía das vilas e cidades, e permite tamén fixar poboación no rural.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou a empresa que, tras o incendio sufrido en 2019, ampliou as instalacións apostando pola sustentabilidade e as enerxías renovables.
  • A Estratexia naval galega 2022-2026 acompañará ao sector na súa transformación dixital e sustentable, apoiando tamén o talento, a formación e a diversificación.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou a importancia de contar con empresas comprometidas e con capacidade de adaptación como Astilleros Placeres.

O vicepresidente económico visitou eesta empresa familiar especializada en reparación e mantemento naval que, tras o incendio sufrido en 2019, recuperouse ampliando as instalacións e avanzando na súa transición enerxética e sustentable a través de apoios da Xunta de Galicia para proxectos de investimento empresarial, ReAcciona e a instalación de placas fotovoltaicas.

Conde referiuse aos retos que afronta a industria naval e a novidade que supoñen os fondos europeos no eido do investimento ofrecendo “oportunidades reais para que o sector se poida fortalecer e avanzar na súa diversificación”. Neste sentido, a Estratexia naval galega 2022-2026 acompañará ao sector na súa transformación dixital e sustentable, apoiando tamén o talento, a formación e a diversificación.

Por outra banda, a Administración galega ofrece desde esta semana dúas liñas dirixidas ás empresas galegas. Por unha banda, a convocatoria para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética e, por outra, a liña de préstamos e avais para autónomos e pemes co obxectivo de ofrecer liquidez e circulante para as súas operacións.

  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu en Vigo ao Consello Consultivo de Gradiant.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu ao Consello Consultivo de Gradiant, onde agradeceu a súa colaboración no Polo Aeroespacial e na nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e animou á entidade a que participe na elaboración da futura Lei de ciencia e innovación.

Conde destacou que Gradiant cumpre 15 anos con enerxía, vitalidade e ilusión. Segundo os datos do centro tecnolóxico, 2022 pechou con récord de ingresos -8,66M€, un 44% máis que no ano anterior-, de proxectos europeos activos -cun total de 20- e de cadro de persoal, con 142 profesionais de alta cualificación traballando na nova sede. Ademais, segundo explicaron desde Gradiant, a previsión de crecemento en 2023 é do 22%.

Neste contexto, Conde considerou que é unha boa noticia que Gradiant siga involucrándose en novos proxectos e referiuse á aposta do centro por desenvolver novas liñas de I+D vinculadas ás tecnoloxías cuánticas, tendo en conta que Vigo será sede do Vigo Quantum Communication Center, que está comunicado con Santiago a través dunha ligazón de comunicación cuántica de longa distancia baseado en fibra óptica.

O vicepresidente económico destacou a contribución de Gradiant para consolidar en Galicia un ecosistema de I+D+i forte, conectado e competitivo.

  • O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participa en Múnic no encontro Transport Logistic, a maior feira loxística de Europa.
  • Pon en valor fortalezas de Galicia como a experiencia en loxística de produtos refrixerados e conxelados, a existencia de portos áxiles ou a dispoñibilidade de chan empresarial adecuado para calquera tipo de empresa.

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participa hoxe en Múnic na feira Transport Logistic, encontro internacional de loxística, mobilidade, e xestión da cadea de subministración, onde puxo en valor o potencial de Galicia como nodo loxístico internacional.

Neste sentido, Guldrís resaltou o papel que a Comunidade aspira a ter no sector a nivel internacional, reivindicando Galicia como un “enclave estratéxico para fluxos de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico”. Un obxectivo para o que, segundo detallou, a rexión participa por primeira vez “na maior feira de loxística de Europa” cunha representación que, da man do Clúster da función loxística de Galicia, suma unha decena de empresas galegas de loxística e transporte.

Sobre esta base, o director do Igape indicou que o encontro ten permitido manter máis dun centenar de reunións para traballar no posicionamento de Galicia como nodo loxístico internacional. “A Xunta ten claro que, no ámbito internacional, a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, apuntou. 

O obxectivo é trasladar á comunidade loxística fortalezas de Galicia tales como a experiencia en loxística de produtos refrixerados e conxelados, sendo un dos principais exportadores de Europa; portos áxiles e seguros, dotados da protección natural das rías; e a dispoñibilidade de chan empresarial adecuado para novas implantacións empresariais.

  • Asegura que está en xogo o futuro de máis 80 empresas estratéxicas para a Comunidade que representan o 25 % do PIB industrial.
  • Demanda ao Goberno central que apoie a industria do mar rebaixando o IVE dos seus produtos e autorizando a entrada da conserva no Perte Agroalimentario.
  • Garante que a Lei de ordenación do litoral vai permitir a actividade económica na costa outorgando seguridade xurídica e respectando o medio ambiente.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclama ao Goberno central medidas que acheguen viabilidade e competitividade á industria galega vinculada á coxeración, da que dependen máis de 20.000 empregos. O titular do Goberno galego fixo esta demanda nunha visita hoxe as instalacións do Grupo Jealsa en Boiro, unha das empresas afectadas pola suba dos custos enerxéticos.

No encontro que mantivo o ano pasado co presidente do Goberno central, o presidente da Xunta xa tivo que insistir na necesidade de incluír a coxeración nos sistemas de produción enerxéticos da excepción ibérica. Pero agora, as empresas que empregan este sistema -que produce conxuntamente electricidade e calor- teñen que facer fronte tanto á suba do prezo do gas como á volatilidade do mercado de CO2, ás paradas e caídas de produción das plantas e ás incertezas no eido da regulación, tal e como teñen denunciado nas reunións que os afectados mantiveron cos representantes do Goberno galego.

O problema afecta a máis de 80 empresas de sectores estratéxicos para Galicia do eido da madeira, alimentación, papel, refino ou biocombustibles, que representan o 25% do PIB industrial. Segundo denuncian, a baixada da produción con coxeración no que vai de ano é de media un 40 % fronte ao 2022. De feito, prevén que, sen un novo marco retributivo estable para operar, nun par de meses, todas as plantas de coxeración en Galicia verán seriamente comprometido o seu futuro.

O que estas firmas demandan é que o Estado adopte medidas que acheguen viabilidade e competitividade ao sector da coxeración e que promova esta tecnoloxía, como fan países como Alemaña ou Italia, a través dunha nova metodoloxía para a actualización da retribución e a convocatoria das poxas para adxudicar 1.200 MW de coxeración. Alfonso Rueda subliñou que este sistema ten que seguir sendo competitivo “para garantir o futuro e a viabilidade de empresas que supoñen miles de postos de traballo, directos e indirectos”.

Alfonso Rueda resaltou que a industria do mar está chea de oportunidades, pero tamén de ameazas e, nese sentido, recordou a necesidade de que se rebaixe o IVE dos seus produtos: “Algo tan básico como a conserva ten que ter o mesmo tratamento fiscal que outros alimentos”, indicou. O presidente da Xunta recordou tamén que é necesario que o sector entre no Perte Agroalimentario para que se poida beneficiar das vantaxes que conleva, e advertiu sobre os riscos do tratado de libre comercio que a Unión Europea negocia con Tailandia. Ao seu entender, Bruxelas “debe ter en conta a diferenza de calidade que hai entre o que se fai aquí, que é excelente, e o que se fai noutras partes”, polo que pediu que se asine un acordo comercial que protexa á conserva galega para que poida operar nos mercados internacionais “en igualdade de condicións”.

Seguridade ás empresas que traballan na costa

Como exemplo do apoio que as Administracións teñen que dar ás industrias que son fundamentais para o desenvolvemento do seu territorio, o presidente da Xunta referiuse á Lei de ordenación do litoral de Galicia, coa que se busca, entre outros obxectivos, ofrecer seguridade ás empresas que precisan estar preto da costa e que son estratéxicas para o desenvolvemento da Comunidade. Deste xeito, a protección do medio ambiente faise compatible coa vida dos mariñeiros, das empresas e da sociedade galega en xeral, que non pode permanecer de costas ao mar. Alfonso Rueda subliñou que estas medidas son as que garanten que o sector da conserva “siga a ser marca Galicia por todo o mundo”.

O titular do Goberno galego puxo o exemplo dunha firma como Jealsa que, malia a súa expansión internacional, non esquece a súa orixe galega e que segue mirando polo porvir da súa terra. Cun importante investimento en I+D+i, a compañía traballa agora na posta en marcha dunha nova nave no lugar de Bodión (Boiro) e no desenvolvemento dun proxecto de economía circular coa creación dunha biorrefinería mariña que agarda conseguir fondos do Perte de descarbonización industrial.

  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, estivo esta mañá no Porriño nas instalacións da empresa Grupimar, un exemplo de aposta pola redución do consumo enerxético.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou esta mañá no Porriño da apertura de prazo de solicitude, a partir de mañá, da convocatoria para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética nas empresas galegas.

Cun orzamento de 7,5M€, o programa de apoios prevé axudas de ata 1M€ por proxecto con intensidades de entre o 35 e o 55% segundo o tamaño da empresa beneficiaria, correspondendo a máxima ás pequenas empresas. A principal novidade é que incorpora unha liña específica para iniciativas que reduzan as emisións de gases nun 30%. A convocatoria ten carácter bianual e as axudas concederanse por concorrencia non competitiva.

O conselleiro explicou esta liña de axudas nas instalacións de Grupimar, á que puxo como exemplo de empresa comprometida coa eficiencia enerxética pois, tal e como indicaron os seus responsables, utilizaron estas axudas para renovar a súa maquinaria e, por outra parte, benefícianse das enerxías renovables grazas á instalación de placas fotovoltaicas.

Conde destacou a traxectoria de Grupimar, que leva máis de tres décadas exportando o granito galego a todo o mundo con obras en Francia, Irlanda, Turquía ou Estados Unidos e contribuíndo ao liderado de Galicia neste sector.