Super User

Un ano mais, a Xunta continúa ofrecendo actualizacións da situación económica en distintos mercados a través do Ciclo Webinar País coas Antenas do Igape en cada país. O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus productos, neste caso, a Marrocos.

A Antena Marrocos informará, o mércores 27 de abril, sobre a situación actual no mercado obxectivo, posibles oportunidades e as claves para impulsar ou mellorar as súas vendas no país, logo de unha etapa fortemente marcada polas restriccións da pandemia no comercio internacional.

Se está interesado, tamén terá a posibilidade de programar unha reunión individual co responsable da Antena Igape en destino, durante o día 27 (12:00 ás 14:00 e  16:00 ás 20:00) e dia 28 de Abril (10:00 ás 14:00 e 16:00 ás 20:00). Solicite a reunión ao realizar a súa inscripción.

  • Esta rede de apoio ao emprendemento que a Xunta leva desenvolvendo desde hai seis anos da man da Escola de Organización Industrial (EOI) celebra este ano a súa sexta convocatoria co dobre de espazos cos que botou a andar en 2016
  • O coworking de Ferrolterra é un dos que se celebra de xeito ininterrompido desde a primeira edición, o que permitiu a posta en marcha de 52 proxectos empresariais na comarca e a xeración de 87 empregos
  • A Xunta de Galicia traballa na Axenda de Emprendemento, que recollerá novos itinerarios e instrumentos de apoio a proxectos que leven o apelido innovador, dixital e sustentable

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe o espazo coworking que se desenvolve no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol onde puxo en valor esta iniciativa que a Xunta leva desenvolvendo desde hai seis anos da man da Escola de Organización Industrial (EOI).

Conde, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, explicou que esta rede de apoio ao emprendemento celebra este ano a súa sexta convocatoria co dobre de espazos cos que botou a andar en 2016.  De feito, o de Ferrolterra é un dos 11 novos coworking que este ano están activos por toda Galicia. Celébrase de xeito ininterrompido desde a primeira edición, o que permitiu ata o de agora a posta en marcha de 52 proxectos empresariais na comarca e a xeración de 87 empregos.

O vicepresidente económico, que departiu cos participantes nesta iniciativa, apuntou que máis da metade dos proxectos que pasaron polas diferentes edicións dos espazos coworking se consolidaron como empresas: en concreto, 384 que, á súa vez, permitiron a creación de 624 postos de traballo. Ademais, sinalou que máis da metade das persoas participantes, 489, foron mulleres.

Segundo adiantou, a Xunta traballa nunha Axenda de Emprendemento que recolla novos itinerarios e instrumentos de apoio a proxectos que leven o apelido innovador, dixital e sustentable. E, nese sentido, considerou moi positivo o impacto que está a ter esta iniciativa na comarca de Ferrolterra, tan necesitada de salvagardar o emprego industrial.

  • A Xunta inclúe esta medida dentro do Plan de Choque que aprobou para facer fronte ao actual contexto económico porque o Goberno central vén de poñer en marcha ese desconto sen facilitar un mecanismo de pagamento deses adiantos
  • É unha liña de reavais das catro que a Administración autonómica vai poñer en marcha por valor de 80M€ para facilitar liquidez a todas as empresas galegas, entre elas, as estacións de servizo
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, destaca a “predisposición e axilidade” tanto das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) como das entidades financeiras a formar parte desta colaboración e activar así esta iniciativa
 

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, avanzou hoxe que as estacións de servizo galegas teñen á súa disposición a liña de apoios que a Xunta puxo en marcha para que poidan facer fronte aos anticipos que están a desembolsar ao ter que rebaixar 20 céntimos no litro de combustible ao seus clientes.

Guldrís explicou que a Xunta inclúe esta medida dentro do Plan de Choque que aprobou para facer fronte ao actual contexto económico porque o Goberno central vén de poñer en marcha ese desconto sen facilitar un mecanismo de pagamento deses adiantos, o cal está a provocar ás gasolineiras un problema de liquidez. 

Segundo concretou, trátase dunha liña de reavais por 60M€ que ten como obxectivo  facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar a alza no prezo de determinadas materias primas como os combustibles. A contía dos préstamos oscila entre os 3.000 e os 300.000€, coa bonificación do 1,5% no tipo de xuro. 

No que se refire aos requisitos para acceder son: que o incremento do custo das materias primas estea por riba do 50% e o 20% no caso das gasolineiras; que o gasto en combustible e subministración enerxética supoña, como mínimo, o 25% da súa facturación do ano pasado; ou que se trate de empresas cunha exposición comercial nos mercados de Ucraína e Rusia.

Guldrís destacou a “predisposición e axilidade” tanto das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) como das entidades financeiras a formar parte desta colaboración e activar así esta iniciativa. De feito, en base a este convenio que a Xunta asinou esta mesma semana, vanse poder avalar, en total, operacións por un máximo de 80M€.

A contía restante (20M€) vai ser para outras tres liñas adicionais de reavais. Nunha delas, as estacións de servizo tamén se encontran entre as posibles empresas beneficiarias do chamado reaval funcionamento, que lles vai permitir acceder a pólizas de desconto de efectos, pólizas de crédito e instrumentos de circulante. No que respecta ás outras dúas, Guldrís explicou que están pensadas para apoiar investimentos produtivos, incluídos os de eficiencia enerxética, ou tamén para o acceso a avais de tipo técnico dos que adoitan ser necesarios para acceder a licitacións ou a distintos contratos comerciais.

O Director do Igape subliñou que a Xunta de Galicia pon en marcha estas catro liñas de avais complementarias, por 80M€ en total, para axudar aos sectores máis afectados pola suba do prezo da enerxía, os combustibles e a falta de materias primas; un problema que vén de hai meses agravado pola guerra en Ucraína. Faino, dixo, porque a actuación do Goberno está sendo insuficiente cando “ten moita marxe para, a través da fiscalidade, apoiar en maior medida o tecido produtivo e ser un apoio nun contexto de prezos enerxéticos que nos sitúan nunha contorna de pouca competitividade”, concluíu.

  • A iniciativa da Xunta de Galicia, na que participaron traballadores de empresas galegas de todos os sectores, englobou tanto cursos especializados como seminarios e webinarios con representantes de marketplaces como Alibaba ou Amazon
  • O programa formativo iniciouse en setembro de 2021 e prolongouse ata este mes de abril, achegando cada semana unha sesión temática en formato en liña e de 45 minutos de duración que permanecen dispoñibles na plataforma virtual do curso para a súa consulta
  • Os participantes afondaron nas bases do comercio electrónico como canle de acceso para novos mercados, e xa se está a traballar nun novo curso centrado nos fundamentos estratéxicos para a internacionalización dixital 

 A Xunta de Galicia ten facilitado a formación nos procesos de internacionalización dixital nos novos escenarios post-covid a máis de 400 profesionais de empresas galegas de diferentes sectores inscritos no curso Fórmat-e do Igape. 

O curso ofrecido pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que ven de concluír logo de impartirse 30 sesións en dez módulos, deseñouse para dar a coñecer as bases destes procesos de busca de novos mercados a través de ferramentas dixitais, permitindo aos participantes adquirir coñecementos e competencias sobre diversas materias. Entre estas, poden destacarse a elaboración de plans estratéxicos dixitais, a intelixencia competitiva, a contorna legal, o márketing dixital, comunicación e publicidade, modelos de distribución de e-commerce, operacións no negocio dixital, os mercados dixitais, a negociación internacional ou as xestións aduaneiras.

Estes coñecementos resultan un factor diferencial para gañar competitividade internacional e, ao mesmo tempo, sensibilizan ás empresas sobre a importancia do comercio electrónico nas súas estratexias de internacionalización. Ademais, o curso permitiu tamén afondar nos programas de axudas para impulsar a internacionalización, como o Galicia Exporta  Dixital, que ten nestes momentos aberta unha nova convocatoria. 

A iniciativa engloba tanto cursos especializados como seminarios e webinarios coa participación dalgún dos máis importantes marketplaces do mundo como Alibaba ou Amazon, co obxectivo de ofrecer formación empresarial para crecer no novo escenario marcado pola pandemia, que ten cambiado a forma de consumir a nivel mundial, cun incremento exponencial do comercio electrónico. 

O programa formativo iniciouse en setembro de 2021 e prolongouse ata este mes de abril. Cada semana tivo lugar unha sesión temática, en formato en liña e de 45 minutos de duración, que permanecen dispoñibles na plataforma virtual do curso para a súa consulta. 

As cifras de inscrición do programa -que contou con participantes de diversos sectores, desde o téxtil, á  enxeñaría, o  contract, o agroalimentario, o químico ou o turístico-, poñen de manifesto a boa acollida desta iniciativa por parte do tecido empresarial galego. 

Por este motivo xa se está a traballar nun novo curso que afondará nos fundamentos estratéxicos para a internacionalización dixital, facilitando competencias técnicas que permitan aos directivos das empresas xestionar de forma efectiva os seus procesos de internacionalización dixital.

A previsión é poder activalo no último trimestre do ano cunha estrutura similar á desenvolvida  no Fórmat-e, dirixido a directivos e profesionais de comercio exterior de empresas cun plan de internacionalización dixital, a través de dúas sesións semanais de curta duración de formato webinario co soporte dunha plataforma de e-learning.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou en Noia na iniciativa Camiño de futuro, onde avanzou a nova convocatoria do programa Talento Sénior, que prevé atraer a Galicia 14 profesionais de alta cualificación cunha experiencia mínima de cinco anos
  • A Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) poñen en marcha este programa, no que poderán inscribirse ata 30 empresas galegas
  • O obxectivo deste programa é que solucións innovadoras de calquera sector acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor prazo posible
  • As pemes seleccionadas accederán a itinerarios personalizados durante oito meses
  • O Goberno galego e a Tecnópole veñen desenvolvendo conxuntamente nos últimos anos varias iniciativas de aceleración, como Agrobiotech e Connect-19

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)— e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) poñen en marcha Galicia Avanza, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 18 de maio neste enlace.

A aceleradora Galicia Avanza desenvolverase nas instalacións de Tecnópole, no polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense). Ten como obxectivo que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional ademais de incrementar a atracción de financiamento externo, maximizando a captación de fondos públicos ou privados. Traballarase, ademais, na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas, entre outros aspectos.

Criterios de selección

Á hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase o potencial de internacionalización dos seus produtos ou servizos. Tamén se primará o seu grao de innovación, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior.

Itinerarios personalizados para cada empresa durante oito meses

Galicia Avanza ofrece un programa de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización e asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.

Durante os primerios dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes seis meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios e farán un seguimento deles. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de mentores experimentados e recibirán formación específica en internacionalización.

Experiencia en aceleración de empresas

Desde o ano 2015 a Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) veñen colaborando en diferentes iniciativas no ámbito da aceleración de empresas, como é o caso dos programas Agrobiotech e Connect-19. A esta experiencia en metodoloxías de aceleración da comercialización de produtos e servizos innovadores súmase o coñecemento que ten o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en materia de internacionalización de empresas para dar lugar ao programa Galicia Avanza.

Ademais de acoller esta aceleradora, Tecnópole é a sede dun dos 11 espazos coworking que a Xunta está a convocar por toda a xeografía galega para acompañar novas iniciativas empresariais na súa fase inicial ou de consolidación. Tamén dá acubillo a iniciativas formativas como a Aula Newton e un polígono virtual con diferentes servizos e produtos de dixitalización, que se porá en marcha grazas ao acordo asinado entre a Xunta, con AJE Ourense e Tecnópole. Este polígono virtual contempla a creación dunha plataforma dixital, hosting e dominio adaptados a cada usuario en función das súas necesidades, un espazo de traballo con solucións cloud e mesmo para ofrecer asesoramento e outras actuacións complementarias.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participa en Madrid na entrega do XV Premio Victoriano Reinoso, que a Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (Aegama) concede a Manuel Carrero López, presidente do Grupo Previsión Sanitaria Nacional
  • Salienta que a traxectoria profesional do homenaxeado é “un fiel reflexo da Galicia que nunca se rende e que sabe que para triunfar fai falta talento, pero tamén grandes doses de traballo e de enerxía”
  • Destaca que o presente “obriga á toma de decisións axeitadas” e subliña a importancia de medidas como o Plan Estratéxico de Galicia ata 2030, a Lei de simplificación administrativa ou os fondos europeos Next Generation
  • Lembra que nas últimas semanas a Xunta activou un plan de choque que inclúe medidas específicas tanto para as familias como para o rural, a pesca, o sector agropecuario ou a automoción

O director do Igape, Fernando Guldrís destacou hoxe a importancia do emprendemento no marco das políticas económicas que está a promover a Xunta e avogou por seguir  impulsando un ecosistema emprendedor “capaz de conxugar innovación, dixitalización e sostenibilidade”. 

Durante a súa intervención no “Startup Congress Galicia 2022”, en Vigo, Guldrís salientou que “todo o sacrificio e o esforzo que supón emprender ten no Goberno galego un firme respaldo, porque impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”. É por iso que defendeu a importancia de “tomar a creatividade e o talento como punto de partida e a tecnoloxía como ferramenta clave”.

O director do Igape salientou iniciativas como a rede galega de aceleradoras que inclúe as business factories dos sectores da alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutica (BFAero) ou a industria farmacéutica (BFMedicines); a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; a incubadora de alta tecnoloxía en biotecnoloxía (BioIncubaTech).

Esta aposta, lembrou, compleméntase con outros proxectos e liñas de apoio, como os espazos coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais de Galicia; ou os programas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 500 proxectos impulsados.

“Estamos a falar, en definitiva, dun amplo ecosistema onde poden ver a luz novas empresas e startups como as que nos tedes acompañado ao longo deste encontro”, subliñou Guldrís en referencia a un evento que reúne estes días as distintas aceleradoras galegas e a máis de medio millar de fondos de investimento na procura de facilitar o desenvolvemento de novos proxectos.

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou na Coruña a compañía Docuten, onde salientou a súa contribución á transformación dixital do tecido produtivo. A empresa, que ofrece solucións avanzadas para a xestión corporativa, conta co apoio das axudas ao financiamento de proxectos innovadores e o Galicia Exporta Dixital, cuxo prazo de solicitude remata o 30 de xuño.

As axudas achegadas a través da última convocatoria resolta do Galicia Exporta Empresas ascenden a case 6M€. O Goberno galego adaptou o programa ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico. Permanecen abertos os prazos de solicitude das axudas das novas convocatorias do Galicia Exporta Dixital, o Foexga, o Cheque Brexit e o programa de apoio á contratación de expertos en comercio exterior.