Super User

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou as instalacións de Setga no polígono da Reigosa, nas que esta empresa especializada en iluminación está a instalar un novo sistema para a xestión de edificios co apoio da Administración autonómica.
  • Subliña que este tipo de actuacións permiten avanzar en novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.
  • O programa impulsou ata o de agora unha ducia de iniciativas centradas na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.
  • En próximas datas publicarase a segunda edición desta liña de axudas, cun importe de 1,5 millóns para 2023.

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as novas instalacións que a empresa Setga está a construír no polígono da Reigosa (Ponte Caldelas), onde destacou a aposta da Administración autonómica por novos modelos produtivos baseados na economía circular. “Estamos nunha época de cambios onde as empresas deben apostar por un novo paradigma sustentado na dixitalización e na sustentabilidade”, salientou Guldrís, poñendo en valor neste marco o papel que xogan a innovación, a loxística e a economía circular.

O director do Igape sinalou que Setga “é un bo exemplo” deste compromiso, o que lle está a permitir impulsar estas novas instalacións da Reigosa a través da liña de apoio á economía circular, activada por primeira vez o ano pasado na procura de mellorar a competitividade empresarial impulsando novos procesos e un consumo máis eficiente.
 

Neste sentido, a compañía, experta en solucións lumínicas, está a avanzar na nave onde vai instalar un novidoso sistema para xestión de edificios. A infraestrutura, en fase avanzada, permitirá achegar solucións innovadoras de economía circular.

Guldrís sinalou que o programa permitiu ata o de agora impulsar unha ducia de iniciativas apoiando proxectos, entre outros, centrados na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.
 
Para a súa selección, os proxectos debían cumprir distintos obxectivos, entre os que destacan, entre outros, a redución do consumo de recursos no proceso produtivo, a facilidade para a súa reemprego ou reciclaxe, a creación de cadeas de valor máis curtas, ou a implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reparación dos produtos.
 
En próximas datas publicarase a segunda edición desta liña de axudas impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación centrada na implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular, cun importe de 1,5 millóns para 2023.
 
No tocante á innovación, o director do Igape lembrou tamén que nestes momentos está aberto o prazo de presentación de solicitudes para os obradoiros de dixitalización, sostibilidade e loxística avanzada, que promoven proxectos de colaboración máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía.
 

Estes obradoiros, sinalou, acadan a súa quinta convocatoria e configúranse por primeira vez como espazos multidisciplinares de dixitalización, sostibilidade e loxística avanzada, reforzando deste xeito o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sostible dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación en Ferrol desta iniciativa, que se desenvolve en colaboración con Pymar.
  • Aposta por que o naval galego traballe conxuntamente desde o punto de vista industrial e tecnolóxico, e impulsando proxectos de innovación vinculados coa dixitalización e a sustentabilidade, ademais da diversificación.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe na presentación en Ferrol da oficina Conecta Naval que a Xunta impulsa esta iniciativa co obxectivo de posicionar Galicia e poñer de relevo o papel que merece a industria galega do naval no reparto dos fondos europeos Next Generation.

Conde destacou que se busca que toda a cadea de valor traballe de forma conectada, colaborando entre si e contando co apoio da Xunta e de Pymar para o desenvolvemento de proxectos que poidan optar aos fondos do Perte naval. Así, apostou por que o naval galego traballe conxuntamente desde o punto de vista industrial e tecnolóxico, e impulsando proxectos de innovación vinculados coa dixitalización e a sustentabilidade, ademais da diversificación en eidos como o da eólica mariña.

O vicepresidente económico lembrou que hai moito tempo que se está a traballar nestes ámbitos, a través por exemplo de Cesena e Navantia, e tamén no eido da formación e na captación e retención de talento cualificado co obxectivo de impulsar a competitividade do sector. Neste contexto, apuntou que agora existe a posibilidade de reforzar e consolidar ese liderado a través dos investimentos que se poidan vincular ao Perte do naval.

Ata o vindeiro 28 de febreiro está aberto o prazo para presentar candidaturas a esta convocatoria. O obxectivo é que Galicia como comunidade autonómica con máis empresas do sector (preto de 300 en todos os segmentos de actividade) teña un papel significativo.

Tal e como subliñou Conde na reunión, á que asistiron entre outras entidades Aclunaga e Asime, a través de Conecta Naval búscase que as empresas independentemente do seu tamaño teñan a oportunidade de incorporarse a algún dos proxectos primarios que se están traballando por parte de Pymar e a partir de aí que teñan ese soporte tamén da Xunta de Galicia.

  • Salienta que as políticas da Xunta ofrecen “estabilidade e seguridade” ao sector, o que permiten impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego.
  • Destaca que máis de 2.000 firmas galegas xa exportan os seus produtos a América Latina e anima a seguir este camiño de colaboración: “Isto sen dúbida, débese ao bo traballo dos empresarios”, salientou.
  • A Xunta conta con diferentes iniciativas para impulsar a presenza das empresas no exterior como a Estratexia de Internacionalización 2021-2025 que contempla diferentes liñas de axudas.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou esta mañá que os bos indicadores económicos de Galicia, como o novo récord histórico de exportacións en 2022 ou a previsión de crecemento dun 3,6 %, acreditan o potencial da Comunidade para reforzar os lazos comerciais con Iberoamérica. Ademais, destacou que o Goberno galego aposta por políticas que dean “estabilidade e seguridade” ao tecido empresarial, o que redunda nunha maior internacionalización do sector.

Durante un almorzo organizado polo Consello Empresarial Alianza por Iberoamérica (CEAPI) e o Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, Rueda subliñou que, desde a pandemia, a economía galega está a presentar un mellor comportamento que a española no seu conxunto. Nesta liña, destacou a suba dun 2,5 % do PIB durante o último trimestre do 2022; os máis de 27.400 millóns de euros acadados en exportacións ata novembro -e que xa superan o total de 2021-; ou que Galicia sexa a terceira Comunidade con menor ratio de débeda por habitante e a segunda que paga con máis axilidade as súas facturas.

Rueda subliñou que xa hai máis de 2.000 empresas galegas que exportan os seus produtos a Iberoamérica e agradeceu o papel crucial que as asociacións de empresarios de orixe galega ou o propio CEAPI desempeñan no impulso e mellora das relacións comerciais coa Comunidade. “Isto, sen dúbida, débese ao bo traballo dos empresarios”, asegurou.

Neste senso, animou a seguir polo camiño da colaboración, que facilitou que América Latina destaque como un mercado fundamental para Galicia, sobre todo en sectores estratéxicos como o da automoción, o téxtil, ou o da maquinaria e aparatos mecánicos, sen esquecer outros nos que Galicia é líder e nos que as relacións comerciais cos países iberoamericanos son estreitas e estables no tempo, como son os combustibles, a pesca e a conserva.

De feito, as relacións con América Latina son claves para a reactivación da economía galega. Tal e como recolle o Instituto Galego de Estatística, as exportacións aos países iberoamericanos suman nos primeiros once meses do 2022 un total de 1.011 millóns de euros, un 17,8% máis que no mesmo período do 2021.

A Xunta puxo en marcha hai dous anos a Estratexia de Internacionalización 2021-2025 para impulsar a presenza das empresas galegas no exterior, con especial atención a América Latina. Neste contexto, a Administración autonómica conta coas oficinas do Igape no exterior para facilitar consultas ou organizar feiras e misións comerciais e diferentes liñas de axudas á exportación mediante Galicia Exporta e Galicia Exporta Organismos Intermedios.

Cumio polas infraestruturas

O presidente aproveitou este encontro con empresarios para recordar o cumio que se vai celebrar este venres en Santiago de Compostela para reivindicar as infraestruturas que o noroeste peninsular precisa para ser competitivo, e no que Alfonso Rueda recibirá o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, e o de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco. O mandatario galego agradeceulles aos seus homólogos o seu talante negociador á marxe de cores políticas e remarcou a mensaxe que se quere transmitir desde a Xunta: “Que poñemos os intereses de Galicia por riba de calquera interese político”, subliñou. 

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación do acordo mediante o cal a multinacional colaborará, entre outros aspectos, na posta en marcha dun máster dual en Información Geoespacial.
  • O Polo Aeroespacial de Galicia, no que colaboran 10 empresas e centros de coñecemento da área de Vigo, supón unha mobilización de case 330M€, cifra á que hai que sumar os 164 millóns de euros mobilizados desde 2015.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe que o convenio entre Telespazio e a Universidade de Vigo é un exemplo das simbioses que xera o Polo Aeroespacial entre as empresas tractoras da industria aeronáutica e toda a cadea de valor do sector en Galicia.

Conde asistiu en Vigo á presentación desta colaboración, mediante a cal a multinacional, que xunto con Airbus e Babcock é socio tecnolóxico da Xunta na Civil UAVs Initiative, colaborará coa Universidade no desenvolvemento de proxectos de investigación, dará apoio a investigadores e estudantes, e participará na posta en marcha dun máster dual en Información Geoespacial, que vai ser un título propio da Universidade de Vigo.

O vicepresidente económico da Xunta de Galicia agradeceu a aposta de Telespazio polo ecosistema galego de I+D+i, e en concreto pola Universidade de Vigo, que lidera en Galicia a investigación no campo da industria aeroespacial, subliñando que este acordo pon unha semente para o futuro desenvolvemento do sector en Galicia e a súa consolidación.

O Polo Aeroespacial de Galicia, no que colaboran 10 empresas e centros de coñecemento da área de Vigo, supón neste momento unha mobilización de case 330 millóns de euros, que poderían alcanzar os 540 millóns de euros coas achegas que puidesen chegar dos fondos europeos e o Perte do sector. É unha cifra á que hai que sumar os 164 millóns de euros mobilizados desde 2015.

Na súa intervención, Conde subliñou a gran aposta que está facendo Galicia pola industria aeroespacial. Segundo os datos do Consorcio Aeronáutico Galego, o sector, que vén mantendo unha liña de crecemento ininterrompido, conta con máis de 1.500 empregos vinculados entre directos e indirectos.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou Alfonsín Digital, empresa de Bertamiráns especializada no sector audiovisual que, grazas ao programa Galicia Inviste, implementou a tecnoloxía HDR Dolby Vision.
  • Salienta que este programa ten permitido ata o de agora mobilizar máis de 42M€ na provincia da Coruña impulsando proxectos como a implantación de novos establecementos ou os cambios nos procesos de produción.
  • Lembra que está aberto o prazo de presentación de solicitudes das axudas para impulsar obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada.

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Bertamiráns (Ames) as instalacións da empresa Alfonsín Digital, onde puxo en valor a importancia que ten para a mellora competitiva das pemes locais programas como Galicia Inviste, que permiten afondar tanto na diversificación de proxectos como na aposta pola innovación de cara a mellorar a competitividade empresarial.

Neste sentido, expuxo Guldrís, Alfonsín Dixital “é un bo exemplo” das posibilidades que ofrecen esta e outras liñas impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape. “Neste caso concreto, o programa permitiu a implementación da tecnoloxía HDR Dolby Vision, o que fai desta empresa especializada no sector audiovisual unhas das poucas que ofrece este sistema en España, e a única en Galicia”, subliñou.

Ata o de agora, segundo informou o director do Igape, este programa ten permitido mobilizar máis de 42M€ na provincia da Coruña, impulsando proxectos de mellora como a implantación de novos establecementos, a diversificación ou os cambios nos procesos de produción. Así, nesta provincia aprobáronse desde o 2018 e ata o de agora máis de 115 proxectos no marco do Galicia Inviste, que suman un importe conxunto superior aos 10,5M€.

Sobre esta base, o director do Igape lembrou que o Galicia Inviste ofreceu o ano pasado, por primeira vez, a posibilidade de solicitar conxuntamente axudas e préstamos para o financiamento de proxectos, na procura de potenciar o mantemento e creación de emprego, a innovación e o impulso de novas iniciativas empresarias.
 
Neste marco, a liña promoveu durante o último exercicio tres grandes grupos de actuación: un centrado nos proxectos de investimento empresarial, outro que atendeu a iniciativas de mellora do sector de aloxamento, e o último que puxo o foco en investimentos en equipamento produtivo.
 
“Con iniciativas coma esta reforzamos o noso compromiso co tecido empresarial, en particular coas pequenas e medianas empresas e cos autónomos, na procura de facilitar o aceso a axudas e financiamento que precisan para realizar os seus investimentos e potenciar así o xeración de emprego, a innovación e a posta en marcha de proxectos empresariais”, resaltou Guldrís.
 
Precisamente no tocante á innovación, o director do Igape lembrou que nestes momentos está aberto o prazo de presentación de solicitudes para os obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada, que promoven proxectos de colaboración cara aos retos principais da economía.
 
Estes obradoiros, sinalou, acadan a súa quinta convocatoria e configúranse por primeira vez como espazos multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada, reforzando deste xeito o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sostible dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.
  • A Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) danlle continuidade a este programa, do que se beneficiaron xa 30 empresas no 2022.
  • O obxectivo deste programa é que solucións innovadoras de calquera sector acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor prazo posible.
  • As pemes seleccionadas accederán a un programa integral de apoio á internacionalización de oito meses de duración.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)— e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) convocan a segunda edición de Galicia Avanza, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 28 de febreiro a través da páxina web https://www.tecnopole.es/galiciaavanza/

O obxectivo do programa de aceleración, xestionado e coordinado por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional ademais de abrirse a novos mercados ou acceder a novos segmentos de clientes. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como en avanzar na senda da innovación ou incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.

Criterios de selección

Á hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior. Ademais, como novidade nesta edición incentivarase a participación de empresas que non teñan axudas previas da Axencia Galega de Innovación (Gain) e de Tecnópole e a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal.

Itinerarios personalizados para cada empresa

Galicia Avanza ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de aceleración entre abril de 2023 e xaneiro de 2024 con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización, asesoramento e capacitación e formación comercial e técnica ao longo do programa.

Durante os primerios dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios, a empresa levará a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e farase un seguimento deles. Estes servizos teñen a consideración de subvencións en especie, suxeita a mínimis. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de mentores expertos en diferentes materias e recibirán formación transversal en temáticas relacionadas coas necesidades detectadas nos diagnósticos.

Na primeira edición deste programa, recibíronse 42 solicitudes de participación das que foron seleccionadas 30 de sectores moi diversos como o turismo, o alimentario, a biotecnoloxía, a saúde, a enerxía, o TIC, a automoción ou o aeroespacial.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde destacou o papel que as sociedades de garantía recíproca desempeñan na xestión de solicitudes da liña de reavais do Goberno galego.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión coa directiva de Sogarpo na sede que esta sociedade de garantía recíproca ten en Vigo.

O obxectivo do encontro era presentalles, de primeira man, a Axenda financeira da Xunta de Galicia, que este ano porá un total de 140M€ a disposición do tecido produtivo galego.

Deste xeito, a Axenda contará con instrumentos para o reforzo do capital e fondos propios da empresa, a través de XesGalicia; incluirá varias liñas de préstamos a través tanto de XesGalicia como de Igape; así como os programas de avais directos e reavais en colaboración coas SGRs e as entidades financeiras, con especial atención aos que garanten operacións a pemes afectadas polas consecuencias económicas da invasión a Ucraína.

Neste sentido, Conde puxo en valor o traballo realizado polas SGRs, como é o caso de Sogarpo, na xestión deste tipo de solicitudes e explicou que durante o ano 2020, esta sociedade recibiu o 40% de reavais Covid que se pediron en Galicia. Ademais, nos dez primeiros meses de 2022 outorgou avais a preto de 400 empresas por 33,3M€, un importe comparable a exercicios completos tanto previos como posteriores á pandemia. Isto permitiu consolidar 5249 postos de traballo, segundo as cifras da propia Sogarpo.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá o polígono do Morelle en Sarria, onde se mobilizaron preto de 150.000 euros en obras viarias.
  • Pon en valor a colaboración institucional para captar novos investimentos cara ao tecido industrial.
  • Estes apoios súmanse aos 3,5M€ dirixidos á posta en marcha de novos viveiros industriais e de reforzo nas redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, destinando en total 5,6M€ este ano á mellora e modernización dos polígonos.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o polígono do Morelle en Sarria, onde mantivo un encontro con empresarios da zona e visitou as diferentes melloras realizadas en obras viarias neste parque empresarial, nas que o Concello de Sarria mobilizou preto de 150.000 euros co apoio da Administración autonómica.

Durante a visita, o responsable de Economía, Industria e Innovación puxo en valor a colaboración institucional para captar novos investimentos cara ao tecido industrial galego. Neste eido, a Xunta destina este ano 5,6 millóns de euros en axudas para a mellora e modernización dos parques empresariais, e dentro destes apoios, ata o 2 de febreiro está aberto o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos, á que a Administración autonómica destina un total de 2,1M€. Esta liña ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións co obxectivo de modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover o emprego local.

Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como se é Concello Emprendedor.

Xunto con estas axudas, o Goberno galego seguirá executando en 2023 os apoios concedidos a maiores -por importe de 3,5M€- para a posta en marcha de sete viveiros industriais e para o reforzo e extensión das redes de distribución de tres polígonos.

  • Conde tamén visitou dous establecementos comerciais, Ginzo Hombre-Mujer e ¡Hola! Ola, onde destacou as cifras do Bono Activa Comercio no concello de Ribadeo, con 105 establecemento adheridos e un investimento mobilizado de máis de 192.000 euros.
  • Informa de que está aberta a primeira convocatoria do fondo tecnolóxico para o comercio, xestionado pola Xunta, que destina 2,7M€ en axudas para fomentar o emprego de novas tecnoloxías no sector.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, ratificou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia co sector do comercio, que definiu como vital para a dinamización económica das vilas e cidades galegas e que este ano vai contar cun investimento público de 24M€.

Conde mantivo esta tarde unha xuntanza con representantes da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) de Ribadeo, a quen trasladou o recoñecemento da Administración autonómica na súa tarefa de promover o comercio local.

Con eles, avaliou o impacto das principais liñas de apoio que a Xunta puxo en marcha para impulsar a modernización do comercio de proximidade en Galicia e para incentivar a demanda, como se busca con campañas como o Bono Activa Comercio, que se desenvolveu no último trimestre do pasado ano.

O vicepresidente tivo ocasión de visitar dous establecementos da localidade, Ginzo Hombre-Mujer e ¡Hola! Ola, onde puxo en valor as cifras acadadas con esta iniciativa no concello de Ribadeo, con 105 establecemento adheridos e un investimento mobilizado de máis de 192.000 euros.

Xunto con isto, tamén informou de que, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, está aberta a primeira convocatoria do fondo tecnolóxico para o comercio, xestionado pola Xunta, que destina 2,7M€ en axudas para fomentar o emprego de novas tecnoloxías no sector: autónomos, pemes e asociacións de comerciantes.  

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Viveiro as instalacións de RegalXunqueira, onde subliñou a importancia do sector artesán na dinamización cultural e económica.
  • Este obradoiro vende as súas pezas en tendas especializadas e galerías de toda España, parte de Europa, América e Asia.
  • A marca Artesanía de Galicia, que engloba a 789 obradoiros que realizan 88 actividades artesanais diferentes, é recoñecida a nivel nacional e internacional como sinal de calidade.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións de RegalXunqueira, do artesán ceramista Alfonso Otero Regal, onde destacou que a traxectoria deste obradoiro é un exemplo do papel vertebrador da Artesanía de Galicia, e a importancia do sector artesán na dinamización cultural e económica.

Regal Cerámica, cuxa traxectoria se iniciou na década dos 70 e que celebrou en 2022 os 40 anos como obradoiro,  vende as súas pezas en tendas especializadas e galerías de toda España, parte de Europa, América e Asia. A empresa ten participado en diferentes programas da Xunta de Galicia para impulsar a dixitalización e a modernización, o fomento da comercialización, ou a formación de aprendices.

Ademais, o complexo cultural e museístico RegalXunqueira, que hoxe coñeceu Francisco Conde, consolidouse como un referente para a cerámica en Galicia, tanto na súa aplicación utilitaria como na súa vertente artística.

Durante a visita, o vicepresidente primeiro apuntou que a marca Artesanía de Galicia, que engloba a 789 obradoiros que realizan 88 actividades artesanais diferentes, é recoñecida a nivel nacional e internacional como sinal de calidade, representando a innovación e a tradición que van da man no sector artesán galego.