Super User
A Xunta activa unha nova liña de axudas para promover a colaboración empresarial en proxectos que fomenten a dixitalización, a sustentabilidade e unha función loxística máis avanzada
- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de obradoiros, que suma 600.000 euros para promover espazos de colaboración co obxectivo de capacitar ás empresas na preparación de proxectos avanzados cara aos principais retos económicos.
- Os apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, cobren o 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por proxecto, cun límite máximo de 60.000 euros por entidade beneficiaria.
- Os obradoiros actuarán como xeradores de proxectos que poderán presentarse ás diferentes axudas nestes eidos, dirixidos especialmente a iniciativas colaborativas, levando á realidade as solucións comúns ideadas.
- O Goberno galego promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada impulsados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación co obxectivo de crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía.
Estes obradoiros, que acadan a súa quinta convocatoria, configúranse por primeira vez como espazos multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada, reforzando deste xeito o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sostible dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.
Cun orzamento de 600.000 euros, poden ser beneficiarios destes obradoiros os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos “hubs” de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.
O obxectivo é que os obradoiros actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas exploran solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada, así como oportunidades de hibridación intersectorial.
Os apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes abre mañá e será dun mes, concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 60.000 euros. Deste xeito, prevese que se poidan apoiar arredor de 30 novos obradoiros.
Esta é a quinta convocatoria dun programa que promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización cun investimento de máis de 2,3 millóns de euros, contribuíndo así para impulsar a reactivación do tecido empresarial de Galicia a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.
A Xunta destaca que o proxecto Efifactory de Borgwarner e CTAG demostra o efecto multiplicador da suma de industria e coñecemento
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Vigo na presentación de resultados desta iniciativa impulsada dentro do programa de Fábrica Intelixente da Axencia Galega de Innovación.
- Cun investimento público-privado de 2,5 millóns de euros, centrouse en ámbitos como a xestión intelixente de operacións, a automatización avanzada, a loxística 4.0 ou a eficiencia enerxética.
- Resalta a aposta por Galicia de Borgwarner, que vai desenvolver un segundo centro técnico en Vigo ao que se destinarán 12 millóns de euros, contando cun apoio da Administración autonómica de 5 millóns de euros.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá en Vigo que o programa Efifactory, que forma parte do programa Fábrica Intelixente da Xunta de Galicia, demostra que a suma da industria e o coñecemento ten un efecto multiplicador. Conde agradeceu o traballo desenvolto polos técnicos e investigadores do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e Borgwarner, e subliñou a aposta desta compañía por Galicia, lembrando que vai desenvolver un segundo centro técnico en Vigo ao que se destinarán 12 millóns de euros, contando cun apoio da Axencia Galega de Innovación de 5 millóns de euros.
O responsable de Economía, Industria e Innovación apuntou que Efifactory responde á visión industrial e de innovación que ten Borgwarner e a todo o coñecemento que o CTAG foi acumulando, así como ao obxectivo de Galicia no eido da innovación, que é a diferenciación tecnolóxica. Sinalou que este proxecto lle está permitindo á planta de Borgwarner ser máis competitiva e posicionarse dentro do grupo.
Tal e como subliñou Conde, Efifactory enmárcase na aposta pola descarbonización, a automatización de procesos e no vehículo do futuro: eléctrico, autónomo e conectado. Cun investimento público-privado de 2,5 millóns de euros, a iniciativa centrouse en ámbitos como a xestión intelixente de operacións, a automatización avanzada, a loxística 4.0 ou a eficiencia enerxética.
A Xunta apoia a contratación de 15 doutorandos industriais para que desenvolvan a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos
- A Vicepresidencia primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades invisten preto de 1,9M€ nesta segunda edición do programa de Doutoramento Industrial.
- Dos quince doutorandos, 12 serán contratados por empresas e tres por centros tecnolóxicos.
- Ademais de potenciar a captación de talento e a creación de emprego de calidade, este programa promove a transferencia de coñecemento das universidades ao tecido produtivo e fomenta a realización de proxectos de investigación industrial en empresas.
- Na primeira edición contratáranse outros 15 doutorandos cun investimento público de 1,85M€.
A Xunta de Galicia vén de resolver a segunda edición do programa de Doutoramento Industrial, unha convocatoria conxunta da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que permite a contratación de 15 doutorandos por parte de empresas e centros tecnolóxicos e de innovación para a realización da súa tese nunha contorna empresarial, dos cales oito son homes e sete mulleres.
Cunha axuda total de 1.864.000 euros, a iniciativa, cuxa resolución se prevé publicar mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), permitirá a contratación de 15 estudantes de doutoramento do sistema universitario galego para que desenvolvan a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos galegos no periodo 2022-2026. En concreto, 12 persoas doutorandas realizarán a súa tese en empresas e tres en centros tecnolóxicos en áreas de coñecemento como as ciencias, as ciencias da saúde, a enxeñaría, a química, a nanotecnoloxía ou a biotecnoloxía.
O persoal investigador contratado debe estar inscrito nun programa de doutoramento dunha universidade galega e ter un director de tese vencellado a este programa. Ademais, o proxecto de investigación no que se sustente a tese de doutoramento deberá orientarse a resolver as necesidades e problemas da empresa ou centro de innovación e tecnoloxía que o acolla, favorecendo así a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento, así como a captación de talento e a incorporación de persoal investigador á contorna empresarial.
As axudas cobren os custos de contratación e os gastos relacionados co proxecto, tanto na universidade como na empresa, así como apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.
Este programa enmárcase na aposta da Xunta polo talento e o emprego de calidade no ámbito da I+D+i e trata de posicionar a Galicia como rexión atractiva para o desenvolvemento da carreira investigadora. Entre os obxectivos deste programa atópanse promover a mobilidade, a colaboración e a transferencia de coñecemento, potenciar a formación de mozos e mozas investigadores, posibilitar a súa incorporación ás empresas e centros tecnolóxicos, así como fortalecer a vinculación entre o tecido produtivo e as universidades galegas.
A primeira edición do programa xa permitiu a contratación doutros 15 estudantes de doutoramento. Esta iniciativa súmase ás medidas que o Goberno galego está poñendo en marcha co obxectivo de apoiar o talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Oportunius, Talento Sénior, Principia, Investigo, Ignicia e os programas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral.
A Xunta de Galicia destinará 2,4 M€ a fomentar a sustentabilidade no sector dos recursos naturais
- A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación convocará cinco liñas de axudas para avanzar na mellora ambiental e laboral, así como para promover a eficiencia enerxética e a certificación das empresas desta industria.
- Os apoios publicaranse nas próximas semanas e tramitaranse por orde de entrada da solicitude.
A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co desenvolvemento dunha minaría sostible e segura e este ano convocará cinco liñas de axudas destinadas á actividade industrial vinculada aos recursos naturais. Reservará un total de 2,4M€ a estes apoios que amplían o seu ámbito de actuacións con respecto á edición anterior.
Así, unha das liñas apoiará os investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico das zonas onde se desenvolve a actividade mineira e, en especial, mediante a redución de emisións de po e ruído. A principal novidade é que se estende a investimentos para a protección do medio ambiente na zona da actividade mineira. Outras dúas liñas impulsarán investimentos para mellorar as condicións das persoas traballadoras, en especial na redución da exposición ao po e o ruído: unha dirixirase ao sector mineiro en xeral e inclúe, como novidade, investimentos tamén en redución das vibracións e medidas de seguridade, hixiene industrial e ergonomía; e a outra ao da rocha ornamental. A intensidade da axuda será como máximo do 60% para as pequenas empresas, 50% para medianas e 40% para grandes, cun máximo de 100.000 euros na primeira e segunda liña, e 50.000 para a terceira.
Por último, apoiaranse os procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 Sistema de Xestión mineira sustentable e UNE 22470: 2019 Sistema de Xestión mineiro, mineirometalúrxica e metalúrxica sustentable, que acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sostible nas empresas deste sector e que permitirá a Galicia avanzar no seu obxectivo de converterse na Comunidade cun maior número de compañías mineiras certificadas neste eido. A axuda máxima será de 3000 euros.
A Xunta impulsa máis de 220 plans de internacionalización de pemes galegas en preto de medio centenar de países
- O Diario Oficial de Galicia recolle a resolución da última convocatoria do Galicia Exporta Empresas que facilita actuacións como a participación en accións de promoción internacional, a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior ou a xestión de acordos comerciais internacionais.
- Destacan entre os destinos dos plans apoiados mercados como Alemaña, Italia, Colombia, Estados Unidos, México, Emiratos Árabes Unidos, Reino Unido ou Xapón.
- As empresas beneficiarias pertencen a sectores como a alimentación, as TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, o naval e a construción.
- A Administración autonómica segue a reforzar así a colaboración co tecido empresarial galego, que está a acadar rexistros históricos de exportacións, rozando os 25.000M€ exportados nos primeiros dez meses de 2022.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución dunha nova convocatoria do programa Galicia Exporta Empresas, unha das liñas de apoio á presenza exterior das compañías galegas que a Administración autonómica ten en marcha. A través dela promoveranse desta volta máis de 220 plans de internacionalización de pemes galegas en preto de medio centenar de países.
Os plans apoiados facilitan, entre outras iniciativas, a participación en accións de promoción internacional, campañas en medios no estranxeiro, a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior ou a xestión de acordos comerciais internacionais. O conxunto dos apoios supón unha mobilización de máis de 5M€ e cobren o 70% dos custos dos plans de internacionalización, cunha achega máxima por solicitude e compañía de ata 91.000 euros.
Por sectores produtivos, destacan as empresas beneficiarias do ámbito da alimentación, as TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, o naval ou a construción. En canto aos principais países de destino elixidos, atópanse Alemaña, Francia, Italia, Colombia, Estados Unidos, México, Emiratos Árabes Unidos, Reino Unido ou Xapón. Así mesmo, os plans de internacionalización permitirán chegar a outros mercados como Islandia, Tailandia, Costa Rica, Libia ou Singapur.
Na procura de impulsar a internacionalización do tecido produtivo galego, permitindo ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización, a Vicepresidencia primeira, a través do Igape, activou tamén o Galicia Exporta Organismos Intermedios, que busca apoiar iniciativas colectivas coordinadas por agrupacións empresariais, e o Galicia Exporta Dixital, que permite ás empresas apostar por ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.
A través do Galicia Exporta Organismos Intermedios promovéronse, na última convocatoria, 185 proxectos correspondentes a misións directas ou visitas a feiras no estranxeiro, a participacións como expositores en feiras internacionais (24,5%) ou a misións inversas desde o estranxeiro de importadores, distribuidores, medios de comunicación e outros prescritores. E, pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital aprobou preto de 180 proxectos cun investimento inducido de 7,7M€.
A aposta pola internacionalización
Todos estes programas enmárcanse na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, a folla de ruta que busca facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados.
Neste sentido, as vendas ao exterior están a acadar rexistros históricos, rozando xa nos primeiros dez meses de 2022 os 25.000M€ exportados, o que supón un incremento do 20,6% con respecto ao mesmo período de 2021. Deste xeito, e a falta de coñecer os datos dos dous últimos meses de 2022, Galicia superará o récord acadado no total de 2021, cando se exportaron preto de 25.270M€.
Para seguir contribuíndo a estas cifras, a Xunta destinará este ano máis de 20 millóns de euros a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.
A Xunta abre o prazo de solicitude para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais
- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a nova convocatoria, dotada con 2,1 millóns de euros para que os concellos poidan impulsar a competitividade dos seus polígonos.
- As axudas son de concorrencia competitiva -tendo prioridade os Concellos Emprendedores- e terán unha intensidade do 80 % para mellora de iluminación, depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias ou instalacións de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos de subministración de gas ou hidróxeno verde.
- Estes apoios súmanse aos 3,5 M€ dirixidos á posta en marcha de novos viveiros industriais e de reforzo nas redes de distribución eléctrica dos parques empresariais.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova convocatoria de axudas para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos, á que a Xunta destina un total de 2,1 M€. Esta liña, cuxo prazo de solicitude comeza mañá e permanecerá aberto durante un mes, ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións co obxectivo de modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover o emprego local.
Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.
As axudas teñen unha intensidade do 80 % ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25 % da axuda concedida. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como se é Concello Emprendedor.
Esta liña contribúe a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia, polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.
Xunto con estas axudas, o Goberno galego seguirá executando en 2023 os apoios concedidos a maiores -por importe de 3,5 M€- para a posta en marcha de sete viveiros industriais e para o reforzo e extensión das redes de distribución de tres polígonos.
Xunta e Pymar colaboran para posicionar a candidatura galega no reparto dos fondos europeos ao Perte Naval
- Conde explica que o que se fai é activar unha xanela única que permitirá a comunicación directa coas empresas á hora de xestionar as iniciativas que se vaian presentando desde Galicia para optar a estas axudas.
- Lembra que Galicia xa deixou constancia en máis dunha ocasión de que a asignación orzamentaria para este Perte non é suficiente parta os retos que afronta o sector.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, presentou hoxe a iniciativa Conecta Naval, que a Xunta de Galicia pon en marcha en colaboración con Pymar para posicionar a candidatura galega no reparto dos fondos europeos ao Perte do sector.
O obxectivo, subliñou, é que Galicia, como comunidade autónoma con máis empresas neste sector —preto de 300 en todos os segmentos de actividade— teña neste Perte un papel significativo e o protagonismo que lle corresponde no reparto dos fondos.
Con todo, Conde lembrou que Galicia xa deixou constancia en máis dunha ocasión de que a asignación orzamentaria para este Perte non é suficiente porque é a menor de todos os convocados ata o de agora. A convocatoria do Perte Naval acaba de ser publicada o pasado 23 de decembro logo de máis de nove meses de espera desde que o Goberno o aprobou no Consello de Ministros do pasado 15 de marzo. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o vindeiro 18 de xaneiro ata o 28 de febreiro.
Conde destaca o papel clave de Reganosa no despregamento do hidróxeno verde en Galicia
- Lembra que a compañía promove dous proxectos estratéxicos en Galicia como son as dúas plantas de hidróxeno verde que vai desenvolver nas Pontes e en Cerceda; a primeira xunto con EDP e, a segunda, con Naturgy e Repsol.
- Agradece, tanto a Reganosa como á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a súa participación na Alianza industrial galega do hidróxeno verde.
- Reclama ao Goberno que Galicia poida formar parte da rede de hidrodutos que unirá España co resto de Europa mediante a conexión Guitiriz -Zamora.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o papel clave que está a desempeñar Reganosa no despregamento en Galicia de novas fontes de enerxía como o hidróxeno verde.
O vicepresidente económico agradeceu, tanto a Reganosa como á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a súa participación na Alianza industrial galega do hidróxeno verde que a Xunta puxo en marcha xunto con todos os axentes do sector para impulsar a cadea do hidróxeno en Galicia. Nese sentido, lembrou que Reganosa promove dúas plantas de hidróxeno verde nas Pontes e en Cerceda. A primeira xunto con EDP declarada pola Xunta como Proxecto Industrial Estratéxico; e, a segunda, con Naturgy e Repsol, que conta coa declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria, no marco das medidas de axilización administrativa que está a desenvolver o Goberno galego.
Conde resalta o éxito do Bono Activa Comercio que xa mobilizou máis de 12 M€ en compras nos establecementos de proximidade de Galicia
- Anima a utilizar o bono na semana que queda de vixencia facendo as compras de Nadal no comercio local.
- Na cidade de Pontevedra participan un total de 234 comercios, nos que xa se mobilizaron vendas por preto de 570.000 euros.
- Avanza que nos orzamentos do vindeiro ano o Goberno galego destinará 24 M€ a medidas para impulsar a innovación e a dixitalización do sector.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, resaltou o éxito do Bono Activa Comercio que xa mobilizou este ano 12 millóns de euros en compras nos establecementos de proximidade de Galicia. Conde, nun percorrido que fixo por comercios adheridos a este programa na cidade de Pontevedra, animou a utilizar o bono na semana que queda de vixencia facendo as compras de Nadal no comercio local.
O responsable de Economía, Industria e Innovación recordou que o comercio local é sempre “unha aposta segura” porque ofrece como “marca da casa” calidade, orixinalidade e un trato máis personalizado e familiar. Por iso, no seu apoio aos establecementos de proximidade, o Goberno galego puxo en marcha o ano pasado o Bono Activa Comercio con descontos de 30 euros para os beneficiarios. E no 2022, coa finalidade de axudar os comerciantes a recuperar a normalidade tras a pandemia sanitaria, a Xunta lanzou unha nova edición que, como recordou Conde, “está a ser todo un éxito”.
A iniciativa tivo unha aceptación sen precedentes cando, nada máis saír a convocatoria no mes de outubro, esgotáronse en tres días os bonos dispoñibles. Desde a súa posta en marcha foron máis de 166.000 os galegos que os descargaron para facer as súas compras nos máis de 6300 comercios adheridos en toda Galicia, de tal maneira que o 60% dos concellos galegos contan con algún establecemento asociado. Na cidade de Pontevedra participan un total de 234 comercios, nos que xa se mobilizaron vendas por preto de 570.000 euros
O Goberno galego continuará na súa política de apoio ao comercio local porque, como indicou Conde, “é o que dá vida ás nosas rúas” e xera riqueza na contorna, e con esa intención, os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano destinarán 24 millóns de euros a medidas para impulsar a innovación e a dixitalización do sector.
No seu percorrido polos comercios da cidade de Pontevedra adheridos ao programa, no que visitou os establecementos Mission Surf Shop, a xoguetería Din & Don, Florentino e a librería Cronopios, o vicepresidente primeiro animou a aproveitar os días de Nadal para facer as compras típicas destas datas e mercar os agasallos nos comercios de proximidade apostando “polo noso” e polo produto diferenciado, de confianza e de calidade. Ademais, apuntou as vantaxes para os clientes que fan uso do bono, con importantes descontos nas súas compras ata finais de ano, cando remata a súa vixencia.
A Xunta e a Asociación Empresarial Seara colaboran para que As Pontes atope na transición enerxética un futuro de oportunidades para a industria
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde nun encontro na sede desta organización, no que destacou que os tres proxectos industriais estratéxicos declarados en Galicia ata este momento teñen todos a súa base na contorna.
- Trátase da planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables; a factoría de pneumáticos de Sentury e o proxecto Triskelion para a xeración de metanol, sumando máis de 860 millóns de euros.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou esta tarde a colaboración coa Asociación Empresarial Seara para que As Pontes atope na transición enerxética un futuro de oportunidades para a industria.