Super User
Lorenzana apela a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar a industria en Galicia
- Apunta que, neste momento, a Xunta ten en tramitación 16 proxectos industriais estratéxicos que suman un investimento de 1.700 M€ e unha capacidade de xeración de 3.700 empregos en toda a comunidade
- Destaca a importancia de que exista unha “convicción colectiva” das capacidades que ten a industria galega e de que “Galicia pode ocupar unha posición de liderado desde o punto de vista económico”
Vigo, 4 de xuño de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a seriedade, a capacidade produtiva e o talento que leva demostrado a industria galega e apelou a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar o futuro industrial de Galicia.
“A realidade demostra que estamos competindo de verdade, de ti a ti, cos territorios máis avanzados de Europa e que somos quen de xerar aquí valor industrial de primeiro nivel”, dixo. Polo tanto, proseguiu, “é importante que non nos deixemos contaminar por unha corrente que ten afluentes en organizacións sindicais ou ambientais e que ten unha única misión que é derrocar Galicia, acabar co seu desenvolvemento industrial”.
Lorenzana interveu hoxe nun xantar coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia, que serviu como acto inaugural do programa Capacita Directivos, organizado polo Instituto Económico de Galicia (Igape), onde destacou a importancia de que exista unha “convicción colectiva” das capacidades que ten a industria galega e de que “Galicia pode ocupar unha posición de liderado desde o punto de vista económico”.
Neste contexto, apuntou que, neste momento, a Xunta ten en tramitación 16 proxectos industriais estratéxicos que suman un investimento de 1.700 millóns de euros e unha capacidade de xeración de 3.700 empregos en toda a comunidade. Entre eles, mencionou o aprobado máis recentemente: o complexo industrial que Saic prevé implantar na comarca de Ferrolterra.
“De conseguir lograr que frutifique, ten unhas dimensións impresionantes non só para a comarca na que se vai instalar, que é unha zona que precisa unha diversificación industrial, senón para todo o sector industrial vigués e, en particular, para as empresas da cadea de valor da automoción”, asegurou.
Segundo dixo, “Saic chega aquí cun compromiso, como non pode ser doutra maneira, e así se lle está exixindo, de contratación e de compra en local, co cal os nosos provedores van ter unha oportunidade enorme; primeiro, de estabilizar a súa produción; e, tamén, de ofrecer e de establecer alianzas comerciais con esta empresa que ten, ademais, moitas liñas de negocio”, engadiu.
Sobre o programa Capacita Directivos, que impulsa desde hai máis dunha década o Instituto Económico de Galicia (Igape), indicou que leva desenvolvido máis de 100 actividades formativas con máis de 20.000 asistentes. É unha iniciativa, dixo, que responde á necesidade de entender que “as empresas non cambian cando cambia a tecnoloxía, senón cando cambian as decisións”.
Rueda anuncia que a Xunta declara Proxecto Industrial Estratéxico o desenvolvemento inicial do complexo industrial de fabricación de automóbiles SAIC, co fin de crear máis de 2.000 empregos en Ferrol
- A compañía chinesa escolle Galicia fronte a outras localizacións analizadas para a súa expansión ao mercado europeo pola capacidade industrial galega, a sólida base manufactureira e a capacidade para facilitar unha rápida implantación
- Salienta que a iniciativa prevé a creación dunha instalación industrial no Porto Exterior de Ferrol, que podería xerar 2.000 empregos e impulsar a implantación de provedores nun polo industrial e loxístico nas Pontes con 300 postos de traballo
- Para atraer este investimento, a Xunta mantivo un intenso traballo con SAIC, con múltiples reunións celebradas ao longo dos últimos meses
- Rueda destaca que a previsión é “iniciar as obras en 2027“ que o complexo “estea operativo no 2028”
- A conselleira de Economía resalta que a Xunta asigna o “Proxecto SAIC” a unha unidade da Oficina Económica de Galicia que liderará o acompañamento, seguimento e coordinación de todos os trámites vinculados ao proxecto industrial
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello declarou hoxe Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) o desenvolvemento inicial do complexo industrial da empresa de fabricación de vehículos chinesa SAIC en Galicia. O PIE inclúe a posta en marcha dunha zona industrial no porto exterior de Ferrol, que suporía a creación inicial de 1.000 postos de traballo directos e doutros tantos indirectos, e dun centro industrial e loxístico nas Pontes de García Rodríguez que permitirá a creación de 300 empregos. “Vai ser o primeiro proxecto industrial da multinacional en Europa”, salientou.
Na súa intervención, explicou que, desde o primeiro momento no que a empresa mostrou interese por Galicia -outubro de 2025-, o Goberno galego desenvolveu un intenso proceso de diálogo coa multinacional para coñecer as súas necesidades de implantación mediante reunións de traballo que culminaron coa solicitude formal de SAIC para iniciar a tramitación do que sería o seu primeiro proxecto industrial en Europa. “Celebráronse moitas reunións entre a empresa e a Xunta”, indicou Rueda, quen salientou que un dos motivos polos que SAIC elixe Galicia “é a ampla tradición, punteira, que temos no sector da automoción, tanto na fabricación de vehículos como de compoñentes”.
Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou “a gran oportunidade económica e industrial para Ferrolterra” e o conxunto da comunidade, logo do compromiso da compañía chinesa de que gran parte dos compoñentes para os seus vehículos “serán de fabricación local”.
Lorenzana agradeceu o traballo desenvolvido tanto polo Igape, a través da Oficina Económica de Galicia, como pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, en colaboración cos responsables de SAIC.
No relativo aos trámites realizados, Lorenzana destacou que en marzo, tras un intenso traballo, a Xunta de Galicia considerou que o proxecto de investimento presentado por SAIC estaba “suficientemente maduro” para ser remitido ao Goberno central, autoridade competente para autorizar o investimento estranxeiro directo en España, ante o que a compañía xa realizou a correspondente notificación para a súa aprobación. Neste sentido, a conselleira sinalou que a cooperación foi do máis alto nivel nas tres reunións de alto nivel celebradas en Madrid con representantes da multinacional e do Goberno central.
Un gran hub industrial e loxístico
En relación coas características do complexo industrial que SAIC prevé establecer en Galicia, a conselleira precisou que se desenvolvería nunha parte das instalacións do Porto Exterior de Ferrol. Isto sen prexuízo de que —segundo recolle a propia compañía na súa solicitude de PIE— a intención a medio e longo prazo da firma chinesa sería converter a comarca de Ferrolterra e As Pontes nun hub industrial e loxístico, no caso de que finalmente se materialice a totalidade do proxecto. Este incluiría tecnoloxías avanzadas de fabricación e procesos clave, así como a produción local dunha elevada proporción de compoñentes en cumprimento da normativa obrigatoria da Unión Europea. Procurarase maximizar a subministración local de compoñentes sempre que sexa economicamente viable, ben mediante fabricación propia nas instalacións ou a través de provedores radicados no territorio.
As novas empresas que se queiran implantar na área de influencia desta multinacional poderían facelo en zonas da comarca, como a área empresarial de Mandiá, cuxa tramitación iniciou xa a Xunta de Galicia, así como na zona industrial das Pontes.
A operación suporá a presenza en Galicia do primeiro centro industrial e loxístico de SAIC na Unión Europea, con Ferrol e As Pontes como eixes principais do proxecto. Por outra banda, o PIE presentado pola empresa implicaría para o porto ferrolán un movemento loxístico extraordinario que dará vida a unhas instalacións aínda en desenvolvemento.
Na súa intervención, Lorenzana explicou que, para que o proxecto poida executarse, deberán completarse dous procedementos adicionais xunto coa tramitación do proxecto industrial estratéxico: por unha banda, a compañía deberá obter previamente, ou cando menos de maneira simultánea, as concesións das parcelas que pretende ocupar no Porto Exterior de Ferrol; e, por outra, ao tratarse dunha empresa non europea, deberá obter obrigatoriamente a autorización de investimento estranxeiro directo (FDI polas súas siglas en inglés) do Goberno central, outorgada polo Consello de Ministros. Polo tanto, a viabilidade do proxecto continúa condicionada á obtención dos permisos e autorizacións necesarios, á realización de avaliacións económicas favorables e á existencia de apoio público.
En todo caso, a Xunta de Galicia continuará —precisou— liderando todo o proceso e mantendo unha estreita colaboración con Portos do Estado, as administracións locais e o Goberno central para que o proxecto poida culminar con éxito. Con este obxectivo, o Consello da Xunta asignou o “Proxecto SAIC” a unha unidade da Oficina Económica de Galicia, que liderará o apoio, seguimento e coordinación de todos os procedementos vinculados a este investimento. A unidade contará cun enxeñeiro adscrito ao proxecto e cun xurista especializado en investimento empresarial, entre outros perfís técnicos. Ademais de impulsar a tramitación do PIE, coordinará as actuacións cos concellos de Ferrol e As Pontes, coa autoridade portuaria e co Goberno central, co fin de garantir a coherencia de todos os procedementos e facilitar o complexo proceso administrativo que a empresa deberá afrontar a partir de agora.
Trátase de dar un paso máis no liderado da Xunta a nivel nacional no que se refire á desburocratización e axilización de trámites, unha política económica clave do Goberno galego para o crecemento e a atracción empresarial.
Prazos, investimento e emprego estimado
Sobre os prazos de execución, a conselleira afirmou que a intención de SAIC, segundo recolle o proxecto, suporá que a finais de 2026 debería dispor dos permisos e autorizacións necesarios para comezar a construción da primeira fase da planta de Ferrol. “A previsión sería iniciar as obras en 2027 e que a fábrica estea operativa en 2028”, indicou Rueda.
Por último, María Jesús Lorenzana engadiu que, durante as reunións de traballo mantidas coa empresa, a Xunta ofreceu a SAIC a totalidade das zonas industriais de Galicia capaces de acoller un proxecto destas características, tanto na zona sur da comunidade -terreos na Plisan e loxísticos a través do Porto de Vigo- como diversas localizacións na zona norte, coa loxística a través dos portos da Coruña e Ferrol. Tras múltiples visitas, e baseándose na análise de apoio público e viabilidade económica, os responsables chineses teñen a intención de elixir o eixe Ferrolterra e As Pontes para implantar o seu complexo industrial en Europa porque consideraron que era opción que mellor se axustaba ás súas necesidades.
O presidente salientou que o investimento total previsto inicialmente ascende arredor de 200 millóns de euros, ao que haberá que engadir as correspondentes taxas portuarias polo uso industrial e loxístico das parcelas no porto exterior de Ferrol. O proxecto inclúe dúas fases que, unha vez completadas, permitirían que a planta acadase unha produción anual de 120.000 vehículos.
Dos 1.000 empregos directos previstos, aproximadamente a metade corresponderían a operacións loxísticas e a outra metade a actividades produtivas, , abranguendo unha unha ampla variedade de perfís profesionais, entre eles enxeñeiros, operarios de montaxe, persoal loxístico, estibadores, condutores de camión, así como persoal de limpeza e seguridade, entre outros.
A Xunta destaca o transporte e a loxística como sectores clave para o crecemento económico e exportador de Galicia
- A directora do Igape salienta na Asemblea Xeral de Apetamcor a capacidade de adaptación dun sector estratéxico que afronta os retos da situación internacional apostando pola innovación, a eficiencia e a competitividade
- Galicia mantivo en 2025 o dinamismo exportador dos últimos anos, con cifras próximas ao récord histórico e consolidándose como a quinta comunidade autónoma exportadora de España
Santiago, 30 de maio de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura da Asemblea xeral de Apetamcor, onde puxo en valor o papel fundamental que desempeñan o transporte e a loxística no desenvolvemento económico de Galicia e na competitividade das empresas galegas. Durante a súa intervención destacou tamén a traxectoria da asociación, que cumpre máis de 30 anos representando e defendendo os intereses dos autónomos e das pequenas e medianas empresas do transporte por estrada.
No acto subliñou que, malia o actual contexto internacional marcado pola incerteza xeopolítica, a volatilidade dos prezos dos combustibles e o incremento dos custos operativos, Galicia conta cun sector do transporte forte, profesionalizado e con capacidade para adaptarse aos novos desafíos. Neste sentido, Toca Carús salientou que o transporte, a loxística, o almacenamento e a distribución representan xa máis do 4 % do PIB galego e constitúen unha actividade estratéxica para o conxunto da economía.
A directora do Igape destacou tamén as oportunidades asociadas á transformación do sector, especialmente en ámbitos como a dixitalización das frotas, a eficiencia enerxética, a renovación de vehículos, a trazabilidade ou a intermodalidade. Ademais, lembrou que Galicia acadou en 2024 un récord histórico de exportacións, superando os 31.000 millóns de euros, mantendo en 2025 cifras moi semellantes que consolidan a Comunidade como a quinta autonomía exportadora de España.
Por último, Covadonga Toca reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co sector do transporte e da loxística nun momento clave para afrontar os retos e aproveitar as oportunidades da súa transformación. Neste sentido, destacou o diálogo permanente cos seus representantes e animou ás empresas a aproveitar os instrumentos de apoio e os recursos dispoñibles para reforzar a súa competitividade.
A Xunta salienta en Corvus Belli o potencial da industria creativa galega para competir nos mercados internacionais
- A directora do Igape, Covadonga Toca, pon en valor o exemplo dunha empresa que exporta o 90 % das súas vendas e comercializa os seus produtos en máis de 60 países
- Destaca o apoio á innovación e á apertura de novos mercados como eixes da competitividade empresarial
Bueu (Pontevedra), 3 de xuño de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe en Bueu as instalacións de Corvus Belli, unha das empresas galegas de referencia no ámbito dos xogos de mesa, os wargames e as miniaturas de alta precisión, onde destacou a capacidade do tecido empresarial galego para crear produtos innovadores e competir con éxito nos mercados internacionais.
Durante a visita, Toca Carús puxo en valor a traxectoria dunha compañía que este mes celebra o seu 25 aniversario e que, desde Galicia, conseguiu consolidarse como unha marca recoñecida a nivel mundial, comercializando os seus produtos en máis de 60 países e destinando ao exterior arredor do 90 % das súas vendas.
A directora do Igape subliñou que casos como o de Corvus Belli evidencian o potencial das empresas galegas para desenvolver proxectos de alto valor engadido baseados na creatividade, o talento e a innovación, xerando emprego cualificado e creando marcas propias con proxección global desde Galicia.
Neste sentido, lembrou o apoio prestado polo Igape á compañía a través de distintos programas orientados á internacionalización e á mellora da competitividade, facilitando a súa presenza en feiras internacionais de referencia, accións de promoción exterior e iniciativas para reforzar a protección da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.
Corvus Belli, fundada en 2001 e con preto de 60 profesionais no seu cadro de persoal, converteuse nun referente internacional grazas ao desenvolvemento de universos propios como Infinity ou Warcrow. A empresa mantén unha firme aposta pola innovación, a dixitalización e o crecemento internacional como piares da súa estratexia de futuro.
Lorenzana asiste en Bergondo á inauguración das novas instalacións de Inusual Comunicación Innovadora
Bergondo (A Coruña), 27 de maio de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á inauguración das novas instalacións de Inusual Comunicación Innovadora no polígono de Bergondo, onde avogou por promover activamente a innovación para crear un ecosistema industrial atractivo para captar novas empresas e atraer e reter talento.
Lorenzana puxo en valor os máis de 20 anos de traxectoria da empresa, con proxectos por todo o mundo, e apuntou que foi beneficiaria da liña de axudas da Xunta para atracción de empresas, aberta ata o vindeiro 30 de setembro cun orzamento de 30 millóns de euros e que leva rexistradas xa 75 solicitudes.
Lorenzana apela a reducir tempos e burocracia na administración porque “os investimentos non esperan”
- Non poñer facilidades, di “é elixir que esa oportunidade marche a outro lugar. E Galicia non pode permitirse iso"
- Destaca a importancia de garantir “enerxía accesible, estable e con infraestrutura suficiente” porque, se non, “non hai industria posible”
- “Tan malo é o negacionismo industrial de determinadas organizacións como a crítica lixeira, sen base algunha, inventada ou desinformada, que non recoñece os avances logrados, quizáis por ignorancia, quizáis por descoñecemento”, subliña
- “O que nos falta non son recursos, o que nos falta é ambición colectiva, crernos que podemos xogar en primeira división, deixar de mirar como outros toman posicións e empezar a tomar as nosas”, di
A Coruña, 27 de maio de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a necesidade de reducir tempos e burocracia na administración porque “os investimentos non esperan, compiten entre territorios”. “Non facilitalo é elixir que esa oportunidade marche a outro lugar. E Galicia non pode permitirse iso", manifestou.
Nun almorzo empresarial organizado pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Lorenzana insistiu en que o contexto actual exixe “velocidade, capacidade de atracción de investimentos e administracións que non sexan un obstáculo”, dixo, para apelar á necesidade de saber “crear condicións, acompañar, dar certezas e reducir tempos”. “Temos que entender que, cando unha empresa decide investir, o tempo non é un detalle administrativo, é unha variable estratéxica”, engadiu.
Destacou, así, á importancia de garantir “enerxía accesible, estable e con infraestrutura suficiente” porque, se non, “non hai industria posible”. A día de hoxe, proseguiu, “España non está preparada para atender o numerosísimo grupo de proxectos industriais súper consumidores de enerxía que están querendo instalarse no noso territorio, -dixo-. E o que é peor, a rede de transporte non está capacitada para evacuar toda a enerxía que imos ser quen de producir coas renovables”.
Ao respecto, sinalou que Galicia está ben posicionada, pero censurou que no contexto actual a transición enerxética se converta nun dogma. “Europa non pode gañar a batalla do clima perdendo a súa base industrial, -dixo-. E Galicia non pode aceptar un modelo de transición que a deixe fóra de xogo”.
En relación tamén coa enerxía, apuntou que Galicia ten 18 das 34 materias primas críticas que a Unión Europea identificou como prioritarias e vén de presentar un plan mineiro que supón a posta en valor duns 7.000 millóns de euros en recursos naturais. “Se algo pode parar eses proxectos non vai ser nin a falta de exixencia ambiental por parte da Xunta nin a falta das mellores técnicas dispoñibles por parte dos promotores, senón que pode ser a desinformación ou a mala información á cidadanía”. Neste contexto, salientou a necesidade de dar a coñecer, entre outras cousas, que os proxectos van ter que repercutir na poboación unha parte dos seus beneficios, porque de non ser así, “non van saír”, asegurou. “Esa é a única forma de loitar contra esa corrente ideolóxica instalada en partidos e organizacións”.
Entre outras das condicións que as administracións deben garantir para captar investimentos, referiuse ao solo industrial “rápido, accesible e flexible nas condicións de adquisición”. Segundo precisou, neste momento a Xunta ten en marcha, en distintas fases de tramitación, 12 millóns de metros cadrados de solo público empresarial de cara ao 2030, cun investimento de 440 millóns de euros; 4 millóns na provincia da Coruña. “É máis que o total que leva desenvolvido Xestur desde os anos 80 cando se creou”, destacou.
Lorenzana concluíu destacando, finalmente, a importancia de dar acompañamento ás empresas que queren investir; algo que a Xunta fai a través da Oficina Económica de Galicia. Neste contexto, indicou que a Administración autonómica ten xa 15 Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE) en tramitación (12 na provincia da Coruña), en ámbitos como o hidróxeno verde, a descarbonización, a economía circular, os centros de datos, a automoción ou a defensa. Case 1.500 millóns de euros de investimento potencial e máis de 1.400 empregos directos.
“Tan malo é o negacionismo industrial de determinadas organizacións como a crítica lixeira, sen base algunha, inventada ou desinformada, que non recoñece os avances logrados, quizáis por ignorancia, quizáis por descoñecemento”, aseverou. “O que nos falta non son recursos, o que nos falta é ambición colectiva, crernos que podemos xogar en primeira división, deixar de mirar como outros toman posicións e empezar a tomar as nosas”, dixo.
A Xunta crea tres novas Business Factory especializadas en biotecnoloxía, saúde e enerxía que impulsarán arredor de 70 novos proxectos entre 2026 e 2028
- Rueda salienta que a rede de aceleradoras impulsada polo Goberno autonómico consolida Galicia como a sexta comunidade con máis empresas innovadoras de España
- Galicia conta con 375 startups e proxectos cunha taxa de éxito do 95 % e con máis de 1.400 empregos de alta cualificación
- Na Comunidade xa hai un total de 534 empresas tech con 20,8 millóns de euros de investimento captado no último ano
- As futuras Business Factory, xunto coa primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, reforzan a aposta do Goberno galego por incrementar a competitividade do tecido produtivo
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha de tres novas aceleradoras empresariais en “tres ámbitos estratéxicos”: biotecnoloxía, enerxía e saúde; co obxectivo de “impulsar arredor de non menos de 70 novos proxectos ata 2028”.
Trátase da Business Factory BioTrack (BF BioTrack), centrada no sector biotecnolóxico; Business Factory Energy (BFE), especializada en enerxías renovables; e Business Factory Health&Care (BFHC), orientada aos ámbitos sanitario e sociosanitario.
O éxito da rede de Business Factory impulsada pola Xunta sitúa a Galicia na sexta posición no ranking nacional de empresas innovadoras de España. Así o recolle un informe do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) presentado hoxe no Consello da Xunta onde se autorizou a posta en marcha de tres novas aceleradoras dentro da aposta do Goberno galego pola competitividade tecnolóxica.
O estudo tamén subliña que a experiencia acumulada polas aceleradoras galegas desde a posta en marcha da primeira BF no ano 2016 confirman o impacto económico deste modelo. As Business Factory impulsaron 375 startups e proxectos innovadores, cunha taxa de supervivencia empresarial do 95 %, moi superior á media habitual do emprendemento, e contribuíron á xeración de máis de 1.400 empregos cualificados. Ademais, están a contribuír a consolidar un ecosistema emprendedor máis sólido, competitivo e conectado coa industria e a xeración de novas capacidades tecnolóxicas e industriais en sectores estratéxicos para Galicia.
Biotecnoloxía, renovables e saúde
As futuras Business Factory reforzan a aposta do Goberno galego por converter a innovación no centro do desenvolvemento da Comunidade e enmárcanse na primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, que, unha vez posta en marcha, mobilizará máis de 400 millóns de euros para que esta sexa unha práctica cotiá do tecido empresarial galego e non unha excepción. Este investimento permitirá atraer talento e proxectos tractores, crear espazos de experimentación, activar innovación e permitirá incorporar ao tecido produtivo máis tradicional os novos avances tecnolóxicos como a IA.
As novas BF nacen co obxectivo de acelerar empresas con alto potencial de crecemento en ámbitos chamados a desempeñar un papel clave na transformación económica, tecnolóxica e industrial de Galicia nos vindeiros anos. A través dun modelo de aceleración especializado, as startups participantes accederán a acompañamento estratéxico, mentorización, conexión co mercado, validación industrial e acceso a financiamento, favorecendo así a súa consolidación e capacidade de escalado internacional.
A BF BioTrack estará enfocada ás ciencias da vida, biotecnoloxía, bioindustria e tecnoloxías aplicadas á saúde e ao sector agroalimentario, impulsando proxectos con alto compoñente científico e capacidade de transferencia ao mercado, reforzando o posicionamento de Galicia como ecosistema emerxente en enxeñería avanzada.
Pola súa banda, BF Health&Care centrarase en proxectos innovadores relacionados coa saúde dixital, as tecnoloxías médicas, os coidados avanzados e a atención sociosanitaria, contribuíndo á modernización do ecosistema sanitario galego e á creación de solucións innovadoras orientadas á mellora da calidade de vida das persoas.
No ámbito enerxético, BF Energy impulsará iniciativas vinculadas ás enerxías renovables, á transición enerxética, ao almacenamento, á eficiencia enerxética e ás tecnoloxías industriais sustentables. O seu obxectivo é favorecer a conexión das startups co tecido industrial e coa cadea de valor enerxética galega.
Participación dos clústeres
As tres aceleradoras desenvolveranse en colaboración cos principais clústeres sectoriais galegos —Bioga, Clúster Saúde de Galicia, Asime e Cluergal— e contarán tamén coa participación de XesGalicia, reforzando un modelo de colaboración público-privada orientado a acelerar empresas innovadoras, captar talento e conectar o emprendemento cos grandes retos industriais de Galicia.
Para a posta en marcha destas tres novas aceleradoras mobilizaranse ata 14 millóns de euros “entre o que aporte a Xunta de Galicia e o que aporten os proxectos privados”: o Igape destinará máis de 5 millóns para gastos de xestión, coordinación, asesoramento e formación dos programas; os clústeres colaboradores achegarán conxuntamente en torno a 850.000 euros; e, de xeito complementario, XesGalicia poderá apoiar financeiramente os proxectos seleccionados que superen o correspondente proceso de análise de investimentos. Este apoio financeiro poderá ir desde 50.000 ata 250.000 euros por proxecto, en función da fase de desenvolvemento na que se atope cada iniciativa empresarial, cunha capacidade máxima de investimento de ata 8 millóns de euros.
Coa incorporación destas novas iniciativas, Galicia reforza unha rede pioneira de Business Factory impulsada pola Xunta que xa integra sete aceleradoras xa consolidadas como BFAuto, BFAero, BFFood, BFClimaTech, BFSport, ViaGalicia e Galicia Avanza. O seu éxito aválano as cifras e tamén nun contexto determinado onde Europa vive unha carreira global por atraer startups tecnolóxicas. Así, a Comisión Europea situou o impulso ás startups e scaleups –empresas que xa superaron a fase inicial de startup- como prioridade para reforzar a competitividade e a autonomía tecnolóxica. Neste contexto, Galicia consolídase como un dos ecosistemas emprendedores máis dinámicos do Estado.
Segundo o informe Empresas Tech e Innovadoras de Galicia 2026, a Comunidade conta na actualidade con 534 empresas tecnolóxicas e innovadoras (264 startups, 29 scaleups e 229 pemes), máis de 5.700 empregos xerados e unha facturación superior aos 556 millóns de euros anuais.
A rede de Business Factory representa así unha política industrial moderna baseada na innovación, na especialización intelixente e na colaboración público-privada. Un modelo pensado non só para crear startups, senón para acompañalas no seu crecemento e consolidación, transformando innovación en empresas viables, emprego cualificado e novas capacidades industriais para Galicia.
Galicia Avanza
O Consello da Xunta tamén autorizou esta mañá a sinatura dun novo convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Sociedade Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) para desenvolver as convocatorias 2026 e 2027 da aceleradora Galicia Avanza, un programa pioneiro “centrado no apoio ás pemes para promover a súa internacionalización”. O investimento total supera os 1,19 millóns de euros.
A iniciativa está dirixida a empresas e startups consolidadas que dispoñen de produtos validados e capacidade para escalar internacionalmente, pero que precisan apoio especializado para profesionalizar a súa presenza exterior. Para iso, Galicia Avanza ofrece un itinerario práctico e personalizado de acompañamento, mentorización e asesoramento especializado que combina capacitación transversal, apoio técnico e accións de aceleración adaptadas ás necesidades concretas de cada empresa participante.
Cada convocatoria contará cun máximo de 15 pemes beneficiarias e desenvolverase ao longo dun período de entre oito e doce meses. O programa permitiralles ás empresas validar o potencial das súas solucións innovadoras, mellorar a súa estratexia comercial e reforzar tanto as súas capacidades organizativas como o acceso ao financiamento, investidores e novos socios internacionais. Ademais, inclúe accións específicas de visibilización das empresas participantes e de creación de sinerxías entre o ecosistema innovador galego.
Cómpre salientar que Galicia Avanza se ten consolidado nos últimos anos como unha ferramenta clave para acelerar a validación, o posicionamento e a comercialización internacional da innovación galega.
Xornada País desde a Antena da Xunta de Galicia en Estados Unidos | Conectar, crecer e facer negocio nun mercado prioritario
A Xunta vén ofrecendo actualizacións da situación económica en distintos mercados mundiais a través de Xornadas País coas Antenas da Xunta de Galicia. O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus produtos, neste caso, a Estados Unidos.
A Antena en Estados Unidos, o día 27 de maio, xunto con representantes institucionais e expertos con ampla experiencia no mercado estadounidense, compartirán a súa visión sobre as oportunidades de negocio, o acceso ao sistema financeiro, a implantación empresarial e as claves para operar con éxito nos Estados Unidos.
Se está interesado, tamén terá a posibilidade de programar unha reunión individual co responsable da Antena en Estados Unidos durante os días 28 e 29 de maio. Solicite a reunión ao realizar a súa inscrición.
Día: 27 de maio | Hora: 16:00-17:00 | Modalidade: Online
✍️ Inscricións
A Xunta destaca o potencial de Xapón como mercado estratéxico para impulsar a internacionalización das empresas galegas
- A directora do Igape, Covadonga Toca, subliña que Galicia pechou 2025 con cifras históricas de exportacións e cun sector exterior cada vez máis diversificado e tecnolóxico
- Salienta que a Antena do Igape no país asiático, activa desde 2024, xa impulsou accións con empresas e clústeres galegos de sectores como alimentación, automoción, tecnoloxía, industria ou saúde
- Resalta que no 2025 un total de 253 empresas galegas exportaron ao mercado xaponés por valor de 151,6 millóns de euros, preto dun 25% máis que no ano anterior
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe o crecente interese das empresas galegas polo mercado xaponés e puxo en valor o papel que está a desempeñar a Antena do Igape en Xapón para facilitar a entrada das compañías galegas nun dos mercados máis sofisticados e esixentes do mundo. Fíxoo durante a inauguración da xornada Claves para acceder ao mercado xaponés: oportunidades para as empresas galegas, celebrada esta mañá en Santiago de Compostela.
Durante a súa intervención, Toca Carús sinalou que Galicia chega a este escenario “cun sector exterior cada vez máis sólido, diversificado e competitivo”, lembrando que a comunidade pechou 2024 con cifras récord de exportacións e que 2025 confirmou esa fortaleza internacional. Neste sentido, incidiu en que as empresas galegas “exportan cada vez con máis valor engadido, máis capacidade tecnolóxica e maior diversificación de mercados”, nun contexto internacional marcado pola incerteza xeopolítica e polos cambios nas cadeas globais de subministración.
A directora do Igape subliñou tamén que a internacionalización “xa non é unha política complementaria, senón unha ferramenta estratéxica para o crecemento empresarial”, motivo polo que a Xunta está a mobilizar este ano máis de 13 millóns de euros en programas de apoio á exportación e promoción exterior. Un apoio que inclúe accións vinculadas á participación en feiras internacionais, misións comerciais, prospección de mercados, implantación exterior ou marketing internacional e dixitalización.
O papel das Antenas do Igape
Neste marco, Toca puxo o foco no traballo das antenas do Igape, creadas para acompañar ás empresas galegas na súa entrada en mercados estratéxicos e reducir as barreiras de acceso internacional. Así, destacou que estas oficinas permiten ofrecer acompañamento práctico, contactos directos e coñecemento local ás empresas interesadas en abrir novas oportunidades de negocio no exterior.
A Antena do Igape en Xapón, activa desde abril de 2024, xa impulsou accións vinculadas a feiras internacionais como Foodex Japan, Mindtech, Stonegal ou Conxemar, ademais de misións inversas e encontros con entidades como Asime, Clusaga ou representantes do sector vitivinícola galego. Segundo explicou a directora, xa se xestionaron preto de trinta solicitudes de servizo de empresas galegas interesadas no mercado nipón.
Os datos, apuntou, avalan esta evolución. En 2025, un total de 253 empresas galegas exportaron a Xapón por valor de 151,6 millóns de euros, o que supón un incremento próximo ao 25 %. A automoción concentra máis do 60 % das exportacións galegas ao país asiático, aínda que tamén destacan sectores como o agroalimentario, o químico, a tecnoloxía, a saúde, a industria ou as solucións dixitais. “Xapón valora especialmente aspectos nos que Galicia destaca, como a calidade, a especialización, a capacidade industrial, a fiabilidade e as relacións a longo prazo”, concluíu Toca.
A Xunta destaca o papel de Galicia como destino estable e competitivo para a industria do futuro
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no encontro de rexións Advanced Factories 2026 onde comparte mesa con responsables de industria doutras comunidades autónomas neste foro estatal de referencia
- No evento, Galicia foi recoñecida, xunto a outros territorios industriais, polo seu papel na última década impulsando unha industria máis intelixente, sostible e conectada
L’Hospitalet de Llobregat (Barcelona), 06 de maio de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá no encontro de rexións Advanced Factories 2026, unha das principais citas europeas sobre industria avanzada que se está a celebrar estes días na localidade barcelonesa de L´Hospitalet de Llobregat. No marco deste foro, interveu na mesa Rexións industriais en transformación: evolución e competitividade, xunto a responsables doutras comunidades autónomas.
A directora do Igape destacou a solidez da base industrial galega, cun ecosistema innovador en expansión e forte capacidade exportadora. Neste contexto, subliñou o papel das políticas públicas no acompañamento ás empresas e na mellora da súa competitividade, así como a importancia de facilitar o acceso ao financiamento e impulsar a internacionalización.
Así mesmo, Galicia preséntase como un destino fiable para o investimento industrial, grazas á estabilidade institucional, a seguridade xurídica e a colaboración público-privada, factores clave para atraer e consolidar proxectos empresariais a longo prazo.
No marco do encontro, Galicia foi recoñecida, xunto a outros territorios industriais, polo seu papel na última década impulsando unha industria máis intelixente, sostible e conectada. Finalmente, Toca subliñou como prioridade “industrializar a innovación” para trasladar os avances tecnolóxicos ao conxunto do tecido empresarial, especialmente ás pemes.