Super User

Xa está en marcha a terceira edición dos Recoñecementos Top 101 Spain Up Nation, a iniciativa que distingue o emprendemento con impacto en España e que impulsan conxuntamente o Foro ADR (Asociación Española de Axencias de Desenvolvemento Rexional) e ENISA, en representación da marca Spain Up Nation. As empresas teñen ata o 11 de setembro para presentar a súa candidatura a través da web oficial dos premios, onde está dispoñible o formulario de inscrición xunto coas bases completas.

Que empresas poden presentarse

A convocatoria diríxese a pemes con personalidade xurídica, sede social e domicilio fiscal en España, lideradas polas súas persoas fundadoras e con maioría do seu emprego no país. En canto á antigüidade, admítense empresas constituídas a partir do 1 de xaneiro de 2021 (é dicir, de até cinco anos), agás nos sectores de biotecnoloxía, enerxía, industria ou outros ligados ao avance tecnolóxico, onde o prazo se amplía ata empresas creadas a partir do 1 de xaneiro de 2019. Tamén poden optar ao recoñecemento aquelas que xa conten cunha certificación de startup en vigor.

Outros requisitos inclúen non estar cotizada en bolsa, non superar os cinco millóns de euros de ingresos anuais desde a creación da empresa, e estar ao corrente de pagamentos coa Seguridade Social e coas facendas estatal e autonómica. Pola contra, quedan fóra desta edición as empresas que xa recibiron o galardón TOP101 en 2024 ou 2025.

Que se valora

O proceso busca premiar proxectos innovadores, viables e cun impacto real (económico, social ou medioambiental) e con capacidade de crecer e xerar emprego. Máis aló do sector ao que pertenzan, interesan especialmente aquelas iniciativas que aportan solucións novas, melloran procesos ou modelos de negocio, e contribúen aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Como funciona o proceso de selección

A avaliación das candidaturas faise en dúas fases. Primeiro, en cada comunidade ou cidade autónoma, un Comité Rexional, nomeado polas respectivas Axencias de Desenvolvemento, analiza todas as solicitudes recibidas tendo en conta o liderado do equipo promotor, o grao de innovación do modelo de negocio, o potencial de crecemento e internacionalización, a solidez económico-financeira e a contribución aos ODS. As catro empresas mellor valoradas de cada territorio obteñen pase directo ao recoñecemento final, o que suma un máximo de 76 empresas. Cómpre sinalar que as empresas con certificación de startup quedan exentas da valoración da innovación e da escalabilidade do modelo de negocio nesta fase, asignándoselles directamente a puntuación máxima neses dous apartados.

A continuación, un Comité Nacional, composto polas distintas ADR e por ENISA, selecciona as empresas restantes ata completar as 101, incorporando ademais unha avaliación máis ampla do impacto social, de negocio e medioambiental de cada candidatura.

A gala, en Logroño

As 101 empresas recoñecidas coñeceranse na gala final, que terá lugar o 18 de novembro no Palacio de Congresos Riojaforum, en Logroño. Ao día seguinte, o 19 de novembro, desenvolverase unha xornada de networking con sesións B2B entre as empresas premiadas e investidores e organismos de ámbito nacional. Entre os beneficios para as empresas recoñecidas figuran o selo TOP101 Spain Up Nation, formación adaptada ás súas necesidades e a aprobación directa do grao de innovación para a certificación de startups por parte de ENISA.

As empresas interesadas poden ampliar toda esta información e tramitar a súa candidatura, exclusivamente en liña, a través da web oficial dos premios Top 101 Spain Up Nation.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visita as instalacións de Cogaltra en Narón, onde salienta o impacto dos Centros de Fabricación Avanzada para achegar ás empresas capacidades tecnolóxicas estratéxicas sen necesidade de grandes investimentos propios
  • Subliña que proxectos como Cogaltra contribúen a completar cadeas de valor industriais e a consolidar Galicia como un territorio máis competitivo e innovador
  • Pon en valor que a rede de infraestruturas colaborativas impulsada pola Xunta mobiliza máis de 40 millóns de euros en investimentos estratéxicos para a modernización empresarial galega

Narón (A Coruña), 19 de xuño de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións de Cogaltra (Compañía Galega de Tratamentos Térmicos), en Narón, onde puxo en valor o papel das infraestruturas colaborativas impulsadas pola Xunta para fortalecer a competitividade do tecido produtivo galego, favorecer a innovación empresarial e completar cadeas de valor estratéxicas para a industria galega.

Durante a visita, Toca Carús destacou que Cogaltra constitúe “un exemplo claro de como a colaboración público-privada permite incorporar a Galicia capacidades industriais avanzadas que antes non existían no noso territorio”, contribuíndo a reducir dependencias externas, mellorar a competitividade das empresas e xerar novas oportunidades de desenvolvemento industrial.

A infraestrutura, promovida no marco do programa de Centros de Fabricación Avanzada impulsado pola Consellería de Economía e Industria, iniciou a súa actividade industrial en 2023 tras executar un investimento superior aos 2,6 millóns de euros para crear a primeira instalación de Galicia especializada en tratamentos térmicos avanzados de aceiros mediante tecnoloxía de baleiro.

Grazas a esta capacidade, expuxo a directora, sectores como o naval, a automoción, as enerxías renovables, a siderurxia ou a fabricación de maquinaria poden realizar estes procesos en Galicia, evitando desprazamentos a outras comunidades autónomas ou ao estranxeiro. Neste sentido, salientou que a instalación permite reducir custos loxísticos, acurtar prazos de fabricación, mellorar o control dos procesos produtivos e facilitar o desenvolvemento de proxectos industriais de alto valor engadido.

Infraestruturas abertas para impulsar a innovación

Durante a visita, Covadonga Toca lembrou que Cogaltra forma parte da rede de Centros de Fabricación Avanzada, Centros Dixitais e Infraestruturas Colaborativas impulsadas pola Xunta para facilitar ás empresas galegas o acceso a servizos tecnolóxicos avanzados sen asumir individualmente os elevados custos asociados a este tipo de equipamentos.

Ao abeiro destas convocatorias, a Administración autonómica apoiou xa 14 proxectos estratéxicos en toda Galicia que mobilizan máis de 40 millóns de euros de investimento e contan con máis de 28 millóns de euros en axudas públicas.

Neste contexto, a directora do Igape lembrou que a Xunta mantén aberta ata o próximo 22 de xuño a nova convocatoria do programa de Infraestruturas Colaborativas de Apoio Industrial, dotada con 10 millóns de euros. A iniciativa permitirá financiar ata o 80 % do investimento de proxectos destinados a crear espazos e servizos compartidos que melloren a competitividade e a modernización do tecido empresarial galego.

Toca Carús concluíu sinalando que actuacións como a desenvolvida por Cogaltra exemplifican a aposta da Xunta por unha industria máis innovadora, competitiva e preparada para afrontar os retos da transformación tecnolóxica, reforzando ao mesmo tempo o posicionamento de Galicia como territorio industrial de referencia.

Nova convocatoria das Bolsas Igape Internacional 2026. Tes de prazo ata o 7 de agosto de 2026 para solicitar a túa bolsa.

Este é un programa que busca formar especialistas no ámbito da internacionalización empresarial a través de formación práctica nas Oficinas Comerciais e Económicas, tanto no estranxeiro como en Galicia.

Os mozos e mozas realizarán labores de investigación de mercados, estudos de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras:

  • Duración: ata 2 anos
  • Destinos en 25 países
  • Alta empregabilidade

A convocatoria vai dirixida a persoas menores de 35 anos, con titulación universitaria superior, e achegará formación práctica en internacionalización que se poderá levar a cabo no estranxeiro e ou en Galicia, en entidades e organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial.

Os países en que os seleccionados completarán a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos, entre outros, Bogotá, Casablanca, Chicago, Dusseldorf, Johannesburgo, Nueva York, Lima, México, Miami, Estambul, Oslo, Ottawa, Roma, Tokio, Buenos Aires, etc

A iniciativa contribúe así á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos cales colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.

Máis información

  • “É un gran logro colectivo, síntoma de que aquí se están a facer as cousas ben”, indicou tras salientar a “estabilidade institucional” que ofrece Galicia
  • Destaca a aposta da Xunta por “aproveitar o potencial” da comunidade en enerxías verdes
  • Recorda que o próximo Xacobeo 2027 será un evento histórico e constituirá “o mellor escaparate de Galicia cara o mundo”

A Coruña, 16 de xuño de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe por construír unha Galicia competitiva e industrial, un camiño no que chamou a atención sobre a importancia de proxectos como a multinacional chinesa SAIC, que acaba de elixir á comunidade como a súa base en Europa. “É un gran logro colectivo e un síntoma de que aquí se están a facer as cousas ben”, indicou durante a súa participación no V Foro Económico La Galicia que viene, organizado por El Español, Quincemil, Treintayseis e Invertia.

A aposta da empresa automobilística chinesa suporá un investimento de 200 millóns de euros e a creación de 2.300 empregos nunha primeira fase. A medio prazo, permitirá converter a comarca de Ferrolterra nun hub industrial e loxístico de primeira orde. Rueda precisou que, detrás deste investimento, hai un traballo moi intenso e que só é posible grazas aos esforzos previos dun territorio que ofrece “estabilidade institucional e bo clima entre administracións”.

Rueda destacou tamén a aposta que está a realizar a Xunta por “aproveitar o potencial de Galicia” no eido das enerxías. “Temos fontes de enerxía que serán o petróleo do futuro como a auga, o vento, os minerais...”, indicou o presidente para salientar que é fundamental producir enerxía “para abastecer ás industrias” xa existentes na comunidade e atraer novos proxectos.

Ademais, na súa intervención, Rueda lembrou que Galicia está a consolidarse como un referente en I+D e que o Goberno apoia medidas para “atraer inversión e reter talento”. Todo co obxectivo de construír unha Galicia máis competitiva e líder en diferentes eidos, pero sen renunciar a manter “o alto nivel dos servizos públicos” como a educación, a sanidade ou as políticas sociais.

Por último, fixo referencia ao próximo Xacobeo, que se celebrará o próximo ano. Ademais da afluencia récord de visitantes que se espera, e do seu impacto económico, Rueda chamou a atención sobre que o evento servirá tamén para que o mundo enteiro poida coñecer a capacidade, talento e potencial da comunidade autónoma. “Será o gran escaparate de Galicia cara o mundo, marca país e da Galicia Calidade”, indicou.

  • Asegura que Galicia precisa “talento directivo e empresas preparadas para competir nun contorno cada vez máis exixente, máis tecnolóxico e máis cambiante”
  • Aposta por “xerar un boca a boca de que en Galicia existe unha Administración sólida, rápida e que acompaña a empresa”

Lalín (Pontevedra), 10 de xuño de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por promover o talento e o liderado feminino por ser un  factor de competitividade e de sustentabilidade económica. “A igualdade non é só unha cuestión de xustiza social, é algo que o empresariado ten que ver como necesario para o crecemento e o fortalecemento da propia empresa”, asegurou.

Na clausura do VIII Foro Empresarial Empresarias Galicia, Lorenzana sinalou que atraer e reter talento feminino e que este se incorpore nas distintas capas da organización ata o liderado “é unha decisión estratéxica”. “Ten que ir máis alá das políticas formais de igualdade”, recoñeceu.

Segundo dixo, no contexto actual, Galicia precisa “talento directivo e empresas preparadas para competir nun contorno cada vez máis exixente, máis tecnolóxico e máis cambiante”. “Agora as economías que resisten son as que producen, as que teñen base tecnolóxica, as que manteñen capacidade industrial propia”, abondou. “A competencia é brutal”.

Así, defendeu que o papel das administracións debe ser o de acompañar. “Non substituír as empresas nas súas decisións, nin impoñer desde un despacho que sectores teñen futuro e cales non. E, desde logo, non converter os trámites en barreiras cando deberían ser solucións”, asegurou.

Nesta liña, indicou que a política económica e industrial da Xunta descansa sobre a enerxía e os recursos naturais; o acceso a solo industrial de xeito áxil, rápido e competitivo dentro da aposta “sen precedentes” que está a facer o Goberno galego; e o acompañamento aos proxectos empresariais a Través da Oficina Económica de Galicia. “Xerar un boca a boca de que en Galicia existe unha Administración sólida, rápida e que acompaña á empresa”, dixo.

No eido da enerxía, Lorenzana quixo poñer de manifesto o seu convencemento de que se van levantar as suspensións dos parques eólicos paralizados, que suman tantos megavatios como os que están actualmente en funcionamento, precisou. E tamén volveu reivindicar unha reforma do sistema eléctrico “na que se invistan todos os recursos en reforzar unha rede de transporte que agora mesmo non está á altura da electrificación da economía e dos consumos”.

Lorenzana estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández López, da directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, da directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, e da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño.

  • A directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, visitou as instalacións de Castrosúa, unha compañía con máis de sete décadas de traxectoria e liderado no sector da carrozaría para autobuses
  • Destaca a capacidade da empresa para combinar innovación tecnolóxica, vehículo eléctrico e produción á medida, adaptándose ás necesidades de cada cliente

Santiago, 12 de xuño de 2026

A directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, visitou hoxe as instalacións de Castrosua, compañía compostelá con máis de sete décadas de traxectoria e referente nacional no sector da carrozaría para autobuses. Durante a visita, puxo en valor a contribución da empresa ao fortalecemento do tecido industrial galego e o compromiso da Administración autonómica no acompañamento ás empresas galegas nos seus procesos de crecemento, transformación tecnolóxica e apertura a novos mercados

A directora salientou tamén a aposta da compañía pola mobilidade sostible e o desenvolvemento de novas solucións para o transporte colectivo. A empresa mantén unha firme aposta polo vehículo eléctrico e pola incorporación de tecnoloxías avanzadas aos seus procesos e produtos, respondendo así aos retos derivados da transición cara a unha mobilidade máis eficiente e respectuosa co medio ambiente.

Rodríguez destacou ademais a capacidade de Castrosua para ofrecer solucións adaptadas ás necesidades específicas de cada operador e cliente, combinando deseño, tecnoloxía e produción á medida. Un modelo que lle permitiu consolidarse como unha das empresas de referencia do sector a nivel nacional e reforzar a súa posición nun mercado cada vez máis competitivo.

Neste sentido, salientou a aposta decidida do Goberno galego pola innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e o desenvolvemento tecnolóxico como piares fundamentais para mellorar a competitividade das empresas galegas e afrontar con garantías os retos da nova mobilidade e da transición industrial.

  • A directora do Igape destacou o peso estratéxico do sector TIC, que representa o 2,5 % do PIB galego, xera máis de 23.000 empregos e conta con máis de 3.100 empresas
  • O Goberno galego avanza na elaboración do Plan Director da Industria TIC, que contará coa participación activa do sector para reforzar o ecosistema tecnolóxico e impulsar o crecemento, a innovación e o talento

Vigo, 5 de xuño de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura da Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), onde puxo en valor a súa contribución ao fortalecemento do ecosistema tecnolóxico galego e destacou o papel estratéxico que desempeña o sector TIC na transformación e na competitividade da economía da Comunidade.

Durante a súa intervención, Toca lembrou o peso estratéxico do sector TIC, que representa o 2,5 % do PIB galego, xera máis de 23.000 empregos e conta con máis de 3.100 empresas. Neste contexto, subliñou a importancia de seguir avanzando no novo Plan Director da Industria TIC, unha folla de ruta que se está a elaborar coa participación activa do sector e que busca impulsar o crecemento, a innovación, o talento e a transformación dixital da economía galega.

A directora xeral salientou tamén a relevancia das distintas liñas de apoio impulsadas pola Xunta para acompañar ao sector nos seus procesos de innovación, crecemento e transformación dixital. Entre elas, destacou o apoio prestado polo Igape á elaboración do Plan Estratéxico de Ineo, os obradoiros sobre aplicacións prácticas de intelixencia artificial organizados recentemente pola asociación e outras iniciativas destinadas a reforzar a competitividade e a capacidade innovadora das empresas galegas.

Por último, Toca reafirmou o compromiso da Xunta co impulso á innovación, á dixitalización e á competitividade do tecido empresarial galego. Neste sentido, destacou a futura Estratexia Galega de Innovación Empresarial como a folla de ruta para fortalecer a capacidade innovadora das empresas, así como instrumentos como a próxima convocatoria de axudas para a transformación dixital, os programas de internacionalización ou os préstamos para proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación, destinados a facilitar o crecemento empresarial e a transformación do coñecemento en novos produtos, servizos e solucións innovadoras.

  • Apunta que, neste momento, a Xunta ten en tramitación 16 proxectos industriais estratéxicos que suman un investimento de 1.700 M€ e unha capacidade de xeración de 3.700 empregos en toda a comunidade
  • Destaca a importancia de que exista unha “convicción colectiva” das capacidades que ten a industria galega e de que “Galicia pode ocupar unha posición de liderado desde o punto de vista económico”

Vigo, 4 de xuño de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a seriedade, a capacidade produtiva e o talento que leva demostrado a industria galega e apelou a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar o futuro industrial de Galicia.

“A realidade demostra que estamos competindo de verdade, de ti a ti, cos territorios máis avanzados de Europa e que somos quen de xerar aquí valor industrial de primeiro nivel”, dixo. Polo tanto, proseguiu, “é importante que non nos deixemos contaminar por unha corrente que ten afluentes en organizacións sindicais ou ambientais e que ten unha única misión que é derrocar Galicia, acabar co seu desenvolvemento industrial”.

Lorenzana interveu hoxe nun xantar coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia, que serviu como acto inaugural do programa Capacita Directivos, organizado polo Instituto Económico de Galicia (Igape), onde destacou a importancia de que exista unha “convicción colectiva” das capacidades que ten a industria galega e de que “Galicia pode ocupar unha posición de liderado desde o punto de vista económico”. 

Neste contexto, apuntou que, neste momento, a Xunta ten en tramitación 16 proxectos industriais estratéxicos que suman un investimento de 1.700 millóns de euros e unha capacidade de xeración de 3.700 empregos en toda a comunidade. Entre eles, mencionou o aprobado máis recentemente: o complexo industrial que Saic prevé implantar na comarca de Ferrolterra. 

“De conseguir lograr que frutifique, ten unhas dimensións impresionantes non só para a comarca na que se vai instalar, que é unha zona que precisa unha diversificación industrial, senón para todo o sector industrial vigués e, en particular, para as empresas da cadea de valor da automoción”, asegurou.

Segundo dixo, “Saic chega aquí cun compromiso, como non pode ser doutra maneira, e así se lle está exixindo, de contratación e de compra en local, co cal os nosos provedores van ter unha oportunidade enorme; primeiro, de estabilizar a súa produción; e, tamén, de ofrecer e de establecer alianzas comerciais con esta empresa que ten, ademais, moitas liñas de negocio”, engadiu.

Sobre o programa Capacita Directivos, que impulsa desde hai máis dunha década o Instituto Económico de Galicia (Igape), indicou que leva desenvolvido máis de 100 actividades formativas con máis de 20.000 asistentes. É unha iniciativa, dixo, que responde á necesidade de entender que “as empresas non cambian cando cambia a tecnoloxía, senón cando cambian as decisións”.

  • A compañía chinesa escolle Galicia fronte a outras localizacións analizadas para a súa expansión ao mercado europeo pola capacidade industrial galega, a sólida base manufactureira e a capacidade para facilitar unha rápida implantación
  • Salienta que a iniciativa prevé a creación dunha instalación industrial no Porto Exterior de Ferrol, que podería xerar 2.000 empregos e impulsar a implantación de provedores nun polo industrial e loxístico nas Pontes con 300 postos de traballo
  • Para atraer este investimento, a Xunta mantivo un intenso traballo con SAIC, con múltiples reunións celebradas ao longo dos últimos meses
  • Rueda destaca que a previsión é “iniciar as obras en 2027“ que o complexo “estea operativo no 2028”
  • A conselleira de Economía resalta que a Xunta asigna o “Proxecto SAIC” a unha unidade da Oficina Económica de Galicia que liderará o acompañamento, seguimento e coordinación de todos os trámites vinculados ao proxecto industrial

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello declarou hoxe Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) o desenvolvemento inicial do complexo industrial da empresa de fabricación de vehículos chinesa SAIC en Galicia. O PIE inclúe a posta en marcha dunha zona industrial no porto exterior de Ferrol, que suporía a creación inicial de 1.000 postos de traballo directos e doutros tantos indirectos, e dun centro industrial e loxístico nas Pontes de García Rodríguez que permitirá a creación de 300 empregos. “Vai ser o primeiro proxecto industrial da multinacional en Europa”, salientou.

Na súa intervención, explicou que, desde o primeiro momento no que a empresa mostrou interese por Galicia -outubro de 2025-, o Goberno galego desenvolveu un intenso proceso de diálogo coa multinacional para coñecer as súas necesidades de implantación mediante reunións de traballo que culminaron coa solicitude formal de SAIC para iniciar a tramitación do que sería o seu primeiro proxecto industrial en Europa. “Celebráronse moitas reunións entre a empresa e a Xunta”, indicou Rueda, quen salientou que un dos motivos polos que SAIC elixe Galicia “é a ampla tradición, punteira, que temos no sector da automoción, tanto na fabricación de vehículos como de compoñentes”.

Pola súa banda, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou “a gran oportunidade económica e industrial para Ferrolterra” e o conxunto da comunidade, logo do compromiso da compañía chinesa de que gran parte dos compoñentes para os seus vehículos “serán de fabricación local”.

Lorenzana agradeceu o traballo desenvolvido tanto polo Igape, a través da Oficina Económica de Galicia, como pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, en colaboración cos responsables de SAIC.

No relativo aos trámites realizados, Lorenzana destacou que en marzo, tras un intenso traballo, a Xunta de Galicia considerou que o proxecto de investimento presentado por SAIC estaba “suficientemente maduro” para ser remitido ao Goberno central, autoridade competente para autorizar o investimento estranxeiro directo en España, ante o que a compañía xa realizou a correspondente notificación para a súa aprobación. Neste sentido, a conselleira sinalou que a cooperación foi do máis alto nivel nas tres reunións de alto nivel celebradas en Madrid con representantes da multinacional e do Goberno central.

Un gran hub industrial e loxístico

En relación coas características do complexo industrial que SAIC prevé establecer en Galicia, a conselleira precisou que se desenvolvería nunha parte das instalacións do Porto Exterior de Ferrol. Isto sen prexuízo de que —segundo recolle a propia compañía na súa solicitude de PIE— a intención a medio e longo prazo da firma chinesa sería converter a comarca de Ferrolterra e As Pontes nun hub industrial e loxístico, no caso de que finalmente se materialice a totalidade do proxecto. Este incluiría tecnoloxías avanzadas de fabricación e procesos clave, así como a produción local dunha elevada proporción de compoñentes en cumprimento da normativa obrigatoria da Unión Europea. Procurarase maximizar a subministración local de compoñentes sempre que sexa economicamente viable, ben mediante fabricación propia nas instalacións ou a través de provedores radicados no territorio.

As novas empresas que se queiran implantar na área de influencia desta multinacional poderían facelo en zonas da comarca, como a área empresarial de Mandiá, cuxa tramitación iniciou xa a Xunta de Galicia, así como na zona industrial das Pontes.

A operación suporá a presenza en Galicia do primeiro centro industrial e loxístico de SAIC na Unión Europea, con Ferrol e As Pontes como eixes principais do proxecto. Por outra banda, o PIE presentado pola empresa implicaría para o porto ferrolán un movemento loxístico extraordinario que dará vida a unhas instalacións aínda en desenvolvemento.

Na súa intervención, Lorenzana explicou que, para que o proxecto poida executarse, deberán completarse dous procedementos adicionais xunto coa tramitación do proxecto industrial estratéxico: por unha banda, a compañía deberá obter previamente, ou cando menos de maneira simultánea, as concesións das parcelas que pretende ocupar no Porto Exterior de Ferrol; e, por outra, ao tratarse dunha empresa non europea, deberá obter obrigatoriamente a autorización de investimento estranxeiro directo (FDI polas súas siglas en inglés) do Goberno central, outorgada polo Consello de Ministros. Polo tanto, a viabilidade do proxecto continúa condicionada á obtención dos permisos e autorizacións necesarios, á realización de avaliacións económicas favorables e á existencia de apoio público.

En todo caso, a Xunta de Galicia continuará —precisou— liderando todo o proceso e mantendo unha estreita colaboración con Portos do Estado, as administracións locais e o Goberno central para que o proxecto poida culminar con éxito. Con este obxectivo, o Consello da Xunta asignou o “Proxecto SAIC” a unha unidade da Oficina Económica de Galicia, que liderará o apoio, seguimento e coordinación de todos os procedementos vinculados a este investimento. A unidade contará cun enxeñeiro adscrito ao proxecto e cun xurista especializado en investimento empresarial, entre outros perfís técnicos. Ademais de impulsar a tramitación do PIE, coordinará as actuacións cos concellos de Ferrol e As Pontes, coa autoridade portuaria e co Goberno central, co fin de garantir a coherencia de todos os procedementos e facilitar o complexo proceso administrativo que a empresa deberá afrontar a partir de agora.

Trátase de dar un paso máis no liderado da Xunta a nivel nacional no que se refire á desburocratización e axilización de trámites, unha política económica clave do Goberno galego para o crecemento e a atracción empresarial.

Prazos, investimento e emprego estimado

Sobre os prazos de execución, a conselleira afirmou que a intención de SAIC, segundo recolle o proxecto, suporá que a finais de 2026 debería dispor dos permisos e autorizacións necesarios para comezar a construción da primeira fase da planta de Ferrol. “A previsión sería iniciar as obras en 2027 e que a fábrica estea operativa en 2028”, indicou Rueda.

Por último, María Jesús Lorenzana engadiu que, durante as reunións de traballo mantidas coa empresa, a Xunta ofreceu a SAIC a totalidade das zonas industriais de Galicia capaces de acoller un proxecto destas características, tanto na zona sur da comunidade -terreos na Plisan e loxísticos a través do Porto de Vigo- como diversas localizacións na zona norte, coa loxística a través dos portos da Coruña e Ferrol. Tras múltiples visitas, e baseándose na análise de apoio público e viabilidade económica, os responsables chineses teñen a intención de elixir o eixe Ferrolterra e As Pontes para implantar o seu complexo industrial en Europa porque consideraron que era opción que mellor se axustaba ás súas necesidades.

O presidente salientou que o investimento total previsto inicialmente ascende arredor de 200 millóns de euros, ao que haberá que engadir as correspondentes taxas portuarias polo uso industrial e loxístico das parcelas no porto exterior de Ferrol. O proxecto inclúe dúas fases que, unha vez completadas, permitirían que a planta acadase unha produción anual de 120.000 vehículos.

Dos 1.000 empregos directos previstos, aproximadamente a metade corresponderían a operacións loxísticas e a outra metade a actividades produtivas, , abranguendo unha unha ampla variedade de perfís profesionais, entre eles enxeñeiros, operarios de montaxe, persoal loxístico, estibadores, condutores de camión, así como persoal de limpeza e seguridade, entre outros.

  • A directora do Igape salienta na Asemblea Xeral de Apetamcor a capacidade de adaptación dun sector estratéxico que afronta os retos da situación internacional apostando pola innovación, a eficiencia e a competitividade
  • Galicia mantivo en 2025 o dinamismo exportador dos últimos anos, con cifras próximas ao récord histórico e consolidándose como a quinta comunidade autónoma exportadora de España

Santiago, 30 de maio de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na clausura da Asemblea xeral de Apetamcor, onde puxo en valor o papel fundamental que desempeñan o transporte e a loxística no desenvolvemento económico de Galicia e na competitividade das empresas galegas. Durante a súa intervención destacou tamén a traxectoria da asociación, que cumpre máis de 30 anos representando e defendendo os intereses dos autónomos e das pequenas e medianas empresas do transporte por estrada.

No acto subliñou que, malia o actual contexto internacional marcado pola incerteza xeopolítica, a volatilidade dos prezos dos combustibles e o incremento dos custos operativos, Galicia conta cun sector do transporte forte, profesionalizado e con capacidade para adaptarse aos novos desafíos. Neste sentido, Toca Carús salientou que o transporte, a loxística, o almacenamento e a distribución representan xa máis do 4 % do PIB galego e constitúen unha actividade estratéxica para o conxunto da economía.

A directora do Igape destacou tamén as oportunidades asociadas á transformación do sector, especialmente en ámbitos como a dixitalización das frotas, a eficiencia enerxética, a renovación de vehículos, a trazabilidade ou a intermodalidade. Ademais, lembrou que Galicia acadou en 2024 un récord histórico de exportacións, superando os 31.000 millóns de euros, mantendo en 2025 cifras moi semellantes que consolidan a Comunidade como a quinta autonomía exportadora de España.

Por último, Covadonga Toca reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co sector do transporte e da loxística nun momento clave para afrontar os retos e aproveitar as oportunidades da súa transformación. Neste sentido, destacou o diálogo permanente cos seus representantes e animou ás empresas a aproveitar os instrumentos de apoio e os recursos dispoñibles para reforzar a súa competitividade.