Super User

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, subliña que Galicia conta xa con máis de 40 empresas aeroespaciais, 1.700 empregos directos e unha facturación superior aos 165 millóns de euros
  • Salienta a posta en marcha da Iniciativa Estratéxica en Aeroespazo, Seguridade e Defensa (IESDA), que prevé mobilizar preto de 900 millóns de euros en investimento
  • Destaca o papel clave das pemes para consolidar e ampliar a cadea de valor, así como a necesidade de transformar a innovación en actividade industrial
  • Pon en valor o Observatorio da Industria Aeroespacial de Galicia como ferramenta para anticipar retos e oportunidades do sector

Vigo, 14 de abril de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na clausura da Asemblea Xeral Ordinaria do Consorcio Aeroespacial Galego (CAG), onde puxo en valor o crecemento experimentado polo sector nos últimos anos e reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co seu impulso como un dos eixos estratéxicos da economía galega.

Durante a súa intervención, Toca destacou a evolución “extraordinaria” da industria aeroespacial en Galicia, que pasou de contar cunha presenza moi limitada hai apenas quince anos a integrar hoxe máis de 40 empresas activas, con participación en proxectos internacionais de enxeñaría, fabricación avanzada e desenvolvemento tecnolóxico. Este ecosistema xera xa máis de 1.700 empregos directos e supera os 165 millóns de euros de facturación, con previsións de crecemento a curto prazo.

No actual contexto xeopolítico e tecnolóxico, Toca subliñou que os sectores aeroespacial, de seguridade e defensa están chamados a desempeñar un papel central nas políticas europeas e nacionais, nun escenario que cualificou de “cambio estrutural”.

Neste marco, lembrou a posta en marcha da Iniciativa Estratéxica en Aeroespazo, Seguridade e Defensa (IESDA) 2025-2030, impulsada pola Xunta de Galicia co obxectivo de converter estes ámbitos nunha panca clave de crecemento económico. A estratexia prevé mobilizar preto de 900 millóns de euros en investimento nos vindeiros anos e céntrase en impulsar o crecemento empresarial, atraer investimentos e reforzar as capacidades tecnolóxicas e produtivas do territorio.

Ademais, avanzou que esta iniciativa xa está en execución, con actuacións como o desenvolvemento de proxectos estratéxicos, o apoio a certificacións en defensa, ou programas de formación especializada.

Coñecemento e visión estratéxica para o sector

A directora do Igape tamén destacou o papel do Observatorio da Industria Aeroespacial de Galicia, impulsado en colaboración co CAG, como ferramenta clave para analizar a evolución do sector, identificar oportunidades e facilitar información estratéxica ás empresas para a toma de decisións. Segundo indicou, este instrumento permitirá consolidar a Galicia non só como referente industrial, senón tamén como xerador de coñecemento e visión estratéxica no ámbito aeroespacial.

A directora do Igape destacou que o principal reto do sector pasa por “converter a innovación en industria”, transformando o coñecemento xerado en produtos, procesos e solucións con impacto real no mercado. Para iso, lembrou que o Igape traballa cunha visión integral que inclúe o acceso a financiamento, o apoio á industrialización, o impulso á internacionalización e o acompañamento das pemes nos seus procesos de transformación e escalado.

  • UARX Space é única en España, e está entre as cinco de todo o mundo, en fabricar este tipo de sistemas capaces de manobrar no espazo
  • OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration) nas súas siglas en inglés, é un vehículo de transferencia orbital deseñado para transportar satélites pequenos e medianos a diferentes órbitas e facilitar, así, que cheguen ao seu destino final
  • Lorenzana quixo manifestar o “orgullo inmenso” de toda Galicia por este fito que vai conseguir UARX Space, unha empresa “con moitísimas posibilidades de crecemento dentro do momento económico e industrial actual”

Nigrán (Pontevedra), 7 de abril de 2026

A marca Galicia Calidade viaxará ao espazo no primeiro vehículo de transferencia orbital deseñado en España pola empresa galega UARX Space, e que se lanzará nos vindeiros meses desde a base aérea de Vandenberg, en California.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións desta empresa en Porto do Molle, en Nigrán (Pontevedra), que é única en España e está entre as cinco de todo o mundo en fabricar este tipo de sistemas propios capaces de manobrar no espazo.

OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration) nas súas siglas en inglés, é un vehículo de transferencia orbital deseñado para transportar satélites pequenos e medianos a diferentes órbitas e facilitar, así, que cheguen ao seu destino final. Permitirá a inxección de satélites en órbitas terrestres non tradicionais, ao redor da lúa e en traxectorias ao espazo profundo.

Lorenzana quixo manifestar o “orgullo inmenso” de toda Galicia por este fito que vai conseguir UARX Space, unha empresa “con moitísimas posibilidades de crecemento dentro do momento económico e industrial actual”, dixo. “Seguiremos acompañándoa -subliñou-, porque, dentro da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo é unha das empresas que ten maior potencialidade na comunidade autónoma”, concluíu.

  • Neste programa, financiado polo Igape, levan participado máis dun cento de empresas en catro edicións

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, adiantou hoxe que a Xunta traballa nunha nova edición da aceleradora de internacionalización Galicia Avanza que vai contar cun orzamento de 1,17 millóns de euros.

Así o anunciou nunha visita a Bodegas Lodeiros, unha das trinta empresas participantes na última convocatoria deste programa financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que se desenvolve no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas (Ourense).

Segundo indicou, a súa participación en Galicia Avanza non só lle vai permitir consolidar as súas exportacións a Portugal e República Dominicana, senón chegar a mercados gourmet de Alemaña, Reino Unido, Suíza, Países Baixos, EE.UU e Latinoamérica; en especial, México.

Entre a trintena de empresas participantes nesta cuarta edición, a maioría pertencía ao sector agroalimentario e de produtos ecolóxicos (11 empresas); ao da enxeñaría e o desenvolvemento tecnolóxico (8 empresas); ao da industria de fabricación (5 empresas); á industria téxtil e de moda (4 empresas) e aos servizos profesionais (2 empresas). A maior parte delas (13) da provincia de Pontevedra; 7 de Ourense e da Coruña e 3 de Lugo. En total, levan participado nesta aceleradora 111 empresas nas súas catro edicións.

Lorenzana asegurou na visita que o programa é unha forma de contribuír a ampliar a base exportadora da economía galega e destacou o feito de que cada vez sexan máis empresas as que chegan ao mercado internacional porque o obxectivo está en manter as cifras tan boas de exportacións que Galicia leva rexistrando estes últimos anos, por riba dos 30.000 millón de euros.

Baiona (Pontevedra), 28 de marzo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o Hotel Boutique Faro Silleiro para poñer en valor a liña de préstamos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para favorecer o acceso ao crédito das pemes, que permanece aberta ata o vindeiro 30 de setembro.

Trátase dun programa de apoios no que colaboran as sociedades de garantía recíproca e entidades financeiras, e que ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 millón de euros para investimentos produtivos, circulante (terreos, instalacións técnicas, maquinaria, mobiliario, I+D, propiedade intelectual, capital corrente,...) e, tamén, para pagamento ou reestruturación de débedas.

  • A directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, participa na inauguración da 19ª edición dos Premios EmprendeXXI, onde pon en valor o ecosistema galego de apoio ás startups e á innovación empresarial
  • Galicia consolida unha estratexia pública de apoio ao emprendemento innovador, baseada en financiamento, acompañamento e internacionalización, e reforza un modelo colaborativo que conecta talento, empresas e oportunidades de crecemento

Vigo, 25 de marzo de 2026

A Xunta de Galicia reafirmou hoxe en Vigo o seu compromiso co impulso do emprendemento innovador como unha das principais palancas de transformación económica, no marco da inauguración da 19ª edición dos Premios EmprendeXXI, celebrada no Museo de Arte Contemporánea. No acto participou a directora xeral de XesGalicia, Raquel Rodríguez, quen destacou a evolución do tecido emprendedor galego nos últimos anos e o seu crecente impacto no desenvolvemento económico da comunidade.

Durante a súa intervención, Rodríguez subliñou que Galicia conta xa cun ecosistema emprendedor “que está funcionando”, froito dunha estratexia sostida no tempo impulsada pola Xunta a través da Consellería de Economía e Industria e do Igape. Neste sentido, puxo en valor a existencia de instrumentos de apoio que acompañan ás empresas desde as súas fases iniciais ata a súa consolidación no mercado, combinando financiamento, programas de aceleración, internacionalización e colaboración empresarial .

A directora de XesGalicia incidiu tamén no papel que desempeña esta entidade pública dentro deste ecosistema, actuando como socio financeiro nos momentos clave de crecemento das empresas. Así, destacou que, máis alá do investimento, XesGalicia achega “acompañamento, confianza e visión a longo prazo”, contribuíndo a que os proxectos empresariais poidan consolidarse e escalar con garantías .

Finalmente, Rodríguez resaltou o talento dos proxectos finalistas desta edición, sinalando que representan “un reflexo moi potente do momento que vive Galicia”, cun tecido empresarial innovador, diversificado e con vocación internacional. Ademais, destacou a importancia de iniciativas como os Premios EmprendeXXI —impulsados por CaixaBank e Enisa— para recoñecer, visibilizar e impulsar o talento emprendedor, xerando referentes e fortalecendo o ecosistema empresarial galego.

  • Salienta que para que “Galicia medre ben” é preciso “un tecido económico comprometido” co medio ambiente, o bo goberno e o impulso das novas tecnoloxías
  • Destaca a boa marcha da economía galega, co paro na cifra máis baixa desde 2007 e cun volume exportador que a situou ao rematar o 2025 entre as primeiras de España
  • Resalta o incremento de investimentos en Galicia ao ofrecer un marco de estabilidade
  • Avanza que o Goberno galego traballa nun paquete de medidas para paliar os efectos económicos do conflito do Oriente Medio

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe pola colaboración público-privada entre empresas e administracións á hora de fomentar un crecemento económico de Galicia sustentable e respectuoso co contorno e o territorio. “Galicia pode crecer e crecer ben. Isto depende de todos, pero moi especialmente de ter un tecido económico comprometido”, indicou durante a presentación da sexta edición do Atlas galego da empresa comprometida, que promove anualmente Economía Digital.

Na súa intervención, Rueda fixo tamén mención aos efectos que está tendo na economía o conflito en Oriente Medio. Referiuse a que o Goberno galego está facendo un seguimento coas empresas máis afectadas e avanzou que a Xunta xa traballa en elaborar o seu propio abano de iniciativas para apoiar os diferentes sectores, tendo en conta os problemas que poden ter as empresas co capital circulante e as inversións feitas previamente así como o parón que haberá “nas relacións comerciais, a loxística ou envío de produtos".

En canto ás medidas do Goberno central, destacou que, ao pivotar estas sobre impostos cedidos total ou parcialmente ás comunidades autónomas, isto implica que “Galicia aportará máis de 120 millóns de euros nestes tres meses” para aplicar estas medidas.

Empresas máis comprometidas

Rueda valorou a importancia do Atlas hoxe presentado, unha ferramenta de diagnose, que avalía entre un gran número de empresas galegas valores como o bo goberno, o medio ambiente, a relación coa contorna, as persoas ou o uso da intelixencia artificial. En concreto, este ano participaron no estudo 80 empresas, cunha facturación conxunta superior aos 56.000 millóns de euros, o que representa case o 70% do PIB galego. O presidente salientou que cada vez sexan máis as empresas que buscan compaxinar os beneficios económicos con outros obxectivos “que deixan pegada na terra”.

Nesta liña, o titular do Executivo autonómico valorou a resiliencia e competitividade das empresas galegas, así como o seu compromiso co territorio. Salientou o importante papel que xogan na boa marcha económica da comunidade. Así, entre outros datos, lembrou que a economía galega medrou un 2,6% o pasado ano; que o paro se sitúa na cifra máis baixa desde 2007; e que o seu volume exportador rozou en 2025 os 31.000 millóns de euros, o que a situou entre as cinco comunidades autónomas máis exportadoras.

Apoio ás empresas para fomentar investimentos

“Cada vez máis, confíase en Galicia para investir”, resaltou o presidente da Xunta que apuntou que parte destes bos datos débense tamén á estabilidade de Galicia e as políticas de apoio ás empresas. Entre outras medidas, sinalou que o Executivo autonómico traballa na simplificación e axilización administrativa, a través de iniciativas como a Oficina Económica de Galicia; e que o apoio á innovación é unha prioridade estratéxica.

  • “Nun momento e nun sector en que tanto se fala de deslocalizacións, é moi positivo reivindicar o modelo contrario: o dunha empresa que non só produce, senón que constrúe; que xera industria, emprego e riqueza aquí”, di

O Porriño (Pontevedra), 20 de marzo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Oficina Económica de Galicia vai colaborar con EspazoCoop, a entidade que agrupa as cooperativas galegas, para promover o desenvolvemento e axilizar a implantación na Comunidade de iniciativas empresariais de carácter cooperativo.

Lorenzana visitou hoxe no Porriño as instalacións da empresa Maier Ferrolplast, a primeira sociedade cooperativa mixta que se fundou en Galicia e a maior cooperativa industrial, onde se formalizou a sinatura deste acordo de colaboración. Segundo establece, EspazoCoop e a Oficina Económica de Galicia  van traballar da man e de xeito coordinado, de modo que poidan complementar os seus servizos de apoio e asesoramento ás persoas emprendedoras.

A Oficina Económica de Galicia do Igape comprométese, polo tanto, a atender as consultas e proporcionar asesoramento e acompañamento a emprendedores, cooperativas e outras entidades do sector que conforman o ámbito do acordo. E, pola súa banda, EspazoCoop derivará á oficina do Igape calquera proxecto que precise dunha atención  que vaia máis aló dos apoios ou servizos que ofrece. Ambas as dúas manteranse en contacto permanente co fin de visibilizar o cooperativismo como fórmula de autoemprego e de emprendemento empresarial.

Na súa intervención, Lorenzana gabou o exemplo de Maier Ferroplast que, segundo dixo, dentro do sector da automoción, “non é só unha planta de produción, é un proxecto de persoas”; unha empresa onde é posible combinar o arraigo local cunha visión global e competitiva, afirmou. “Nun momento e nun sector en que tanto se fala de deslocalizacións, é moi positivo reivindicar o modelo contrario: o dunha empresa que non só produce, senón que constrúe; que xera industria, emprego e riqueza aquí”, concluíu.

  • A iniciativa está promovida por Seafood Legacy e é un proxecto estratéxico para consolidar o liderado da acuicultura galega
  • A sinatura, na que participaron a Xunta de Galicia, a través do Igape e XesGalicia, o Instituto de Crédito Oficial (ICO), o Banco Santander e Abanca, tivo lugar esta mañá
  • A Xunta destaca aposta de Seafood Legacy pola industria en Galicia e a confianza depositada no Goberno galego

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) acolleu hoxe en Santiago a sinatura do acordo de financiamento de Seafood Legacy Spain S.L. para o desenvolvemento dun proxecto estratéxico de acuicultura sostible en Burela (Lugo), baseado en sistemas avanzados de recirculación de auga (RAS). A iniciativa, que o Igape apoia cun préstamo de 5 millóns de euros, impulsa a posta en marcha da primeira planta de cría de salmón da comunidade galega, que ocupará unha parcela de preto de 20.000 m² no porto burelense e que se estima que creará en torno a un cento de postos de traballo directos e indirectos.

A sinatura foi realizada coas entidades financeiras colaboradoras (Banco Santander e Abanca) e o ICO. Así, a Consellería de Economía e Industria achega 8,5 millóns de euros despois da realizada por Xesgalicia (3,5 M€). En total, a Xunta destina 33,5 millóns de euros dos que a Consellería do Mar achega 25 millóns cofinanciados co Fondo Europeo de Pesca e Acuicultura (Fempa).

A acuicultura consolídase como un dos sectores con maior potencial de futuro para Galicia, tanto polo seu arraigo na economía do mar como pola súa capacidade para integrar innovación, tecnoloxía e sustentabilidade. Neste contexto, o proxecto promovido por Seafood Legacy é unha iniciativa de relevancia para avanzar na modernización do sector e reforzar o posicionamento da Comunidade como referente internacional.

O investimento, por importe de máis de 100 millóns de euros, reflicte a decidida aposta de Seafood Legacy Spain por Galicia, aproveitando o seu coñecemento, o seu ecosistema industrial e o seu liderado no ámbito mariño. O proxecto oriéntase a desenvolver unha acuicultura moderna, eficiente e de alto valor engadido, aliñada cos retos globais de sustentabilidade e seguridade alimentaria.

A sinatura do acordo supón un fito clave para a posta en marcha da iniciativa e permitirá avanzar na construción dunha instalación que terá un impacto moi significativo na economía da comarca da Mariña lucense, coa xeración de emprego e a dinamización do tecido produtivo.

O acordo de financiamento foi posible grazas á colaboración da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a través do Igape e XesGalicia, xunto co Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as entidades financeiras Banco Santander e Abanca, nun exemplo de implicación conxunta das institucións públicas e privadas.

A futura instalación empregará tecnoloxía RAS, que permite optimizar o uso da auga, mellorar a bioseguridade e reducir significativamente o impacto ambiental fronte aos modelos tradicionais de acuicultura. Unha vez operativa, a planta contribuirá ao fortalecemento do sector acuícola galego, ao desenvolvemento económico rexional e á consolidación dun modelo produtivo máis innovador e sostible.

Con este proxecto, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso co impulso de sectores estratéxicos como a acuicultura, promovendo iniciativas que combinan innovación, sustentabilidade e xeración de emprego, e contribuíndo a consolidar Galicia como un referente europeo na economía do mar.

  • Avoga pola prudencia e por agardar a que se coñezan as medidas que o Goberno vai aprobar no Consello de Ministros extraordinario do vindeiro venres
  • Informa de que estes días mantivo contactos co secretario de Estado de Industria, Jordi García, a quen agradeceu que teña “a mellor das disposicións” para colaborar

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta vai trasladar ao Goberno os puntos críticos que se detecten na mesa de apoio loxístico activada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facer seguimento das empresas galegas que operan en Oriente Medio.

Nunha visita ás instalacións da empresa Papelera de Brandía, en Santiago de Compostela, Lorenzana avogou pola prudencia e por agardar a que se coñezan as medidas que o Goberno vai aprobar no Consello de Ministros extraordinario do vindeiro venres.

Ao respecto, a conselleira informou de que estes días mantivo contactos co secretario de Estado de Industria, Jordi García, a quen agradeceu que teña “a mellor das disposicións” para colaborar en “paliar algo que de momento é conxuntural pero que xa está afectando moito desde o punto de vista dos custos loxísticos ou enerxéticos”.

“No que quedamos é en que, tras ver o que se aprobe no Consello de Ministros, se hai algún punto crítico dalgún sector produtivo ou dalgunha empresa en Galicia trasladarémolo”, dixo. Avanzou, así, que a finais desta mesma semana estarán os datos que se solicitaron na mesa de apoio loxístico convocada o pasado 10 de marzo, desde onde se están a monitorizar todos os sectores afectados en Galicia para coñecer de primeira man o efecto do conflito en Oriente medio na súa actividade exportadora.

Con todo, Lorenzana subliñou que as medidas de apoio teñen que adoptarse a nivel nacional porque “non é un tema de ningunha comunidade autónoma” senón de España e do bloque comercial europeo.

Papelera de Brandía

Con respecto á visita a Papelera de Brandía, a conselleira salientou que se trata dunha empresa familiar das máis lonxevas de Galicia que traballa con recursos naturais, que incorpora moita tecnoloxía e innovación nos seus procesos e que está moi internacionalizada porque exporta a países de todo o mundo.

É unha empresa, dixo, que encarna os obxectivos que a Xunta persegue coa Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 aprobada a finais do pasado ano e coa  Estratexia de Internacionalización, fundamentais, dixo nun contexto xeopolítico tan complicado onde tamén salientou que a política industrial debe ir ligada á enerxética.

  • “O Goberno galego vai seguir apoiando o desenvolvemento industrial, porque apoialo é apoiar o crecemento da comunidade” insistiu
  • Defende a política industrial e económica da Xunta coa posta en marcha da Oficina Económica do Igape, o Plan de aceleración industrial coa figura dos proxectos industriais estratéxicos e a estratexia de aproveitamento dos recursos naturais

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe a necesidade de desterrar o negacionismo industrial de Galicia “porque pode chegar a escorrentar investimentos na nosa comunidade”. “Por moita seguridade e estabilidade que ofreza o Goberno galego, se cada proxecto que chega se recorre e se suspende, pode provocar que os empresarios marchen a outro territorio onde sexa máis sinxelo investir e haxa menos conflitividade”, advertiu Lorenzana ao tempo que lanzou unha mensaxe de optimismo. “Con toda a prudencia que temos que ter no momento actual, de moitísima sensibilidade polas dificultades e as sorpresas que nos están dando os mercados internacionais, Galicia é un bo lugar para investir”.

Lorenzana, acompañada da directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou na presentación do Informe de Conxuntura Económica 2025 de Galicia, onde asegurou que o Goberno galego acertou cando apostou por impulsar unha política industrial baseada na desburocratización e no abaratamento da enerxía. “Temos que ser cautos pero os últimos datos a nivel de exportacións nos consolidan no quinto posto e o crecemento do emprego industrial nas últimas EPAs é francamente bo e moi por riba do Estado”, destacaba a conselleira.

Neste punto, abondou nos piares nos que se asenta a política industrial e económica da Xunta de Galicia: a eliminación da burocracia a través da posta en marcha da Oficina Económica do Igape, que conta cunha área de innovación empresarial “porque a transferencia de coñecemento é clave”; un plan de aceleración industrial que ten unha figura básica como son os proxectos industriais estratéxicos (PIEs), que na actualidade alcanzan a cifra de 15 entre os que xa están aprobados e os que están en tramitación. E, finalmente, se referiu á estratexia vinculada ao aproveitamento respectuoso dos recursos naturais a través da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que busca conciliar o seu aproveitamento coa xeración de riqueza no territorio.

Sen embargo, a titular de Economía do Goberno galego lamentou “que por un lado esteamos falando de descarbonización, onde Galicia xa está por riba dos obxectivos fixados no PNIEC para esta década, e sen embargo non esteamos poñendo o investimento suficiente na rede de transporte eléctrica para garantir a evacuación e o subministro da enerxía eléctrica”.

Finalmente, María Jesús Lorenzana gabou a  calidade do informe, que definiu como “claro, completo e cunha visión moi estratéxica da realidade da comunidade”, ao tempo que insistiu en que “Galicia ten todo para liderar un desenvolvemento económico de primeiro nivel”.