Super User
A Xunta reivindica a moda galega como exemplo de creatividade, sustentabilidade e identidade territorial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Allariz na xornada Moda con propósito: sustentabilidade, deseño e territorio, onde puxo en valor o modelo galego de desenvolvemento baseado na innovación, o talento e o compromiso co entorno
- Destaca que Galicia é a comunidade líder en exportacións do sector téxtil en España, con máis de 7.900 millóns de euros e máis de 800 firmas vendendo nos cinco continentes
- Subliña o impulso á integración da sustentabilidade e o deseño responsable nas empresas galegas, acompañando o sector a través de programas como ASG, ReAcciona ou as Business Factory, que promoven a innovación, a economía verde, a competitividade e a internacionalización
Allariz (Ourense), 22 de outubro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Allariz na xornada Moda con propósito: sustentabilidade, deseño e territorio, un encontro organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia e o Clúster Galego da Moda e o Téxtil (Cointega) dentro do ciclo Xeografía empresarial: ruta para o futuro de Galicia.
Durante a súa intervención, Covadonga Toca destacou que Galicia é hoxe un referente internacional en moda e deseño grazas á combinación de tradición, innovación e sustentabilidade. “A moda galega non é só deseño, é identidade, comunidade e futuro”, afirmou, subliñando que o sector téxtil é un dos grandes piares da economía galega e o segundo en valor de exportacións, só por detrás da automoción.
A directora lembrou que as exportacións galegas de téxtil e moda superaron os 7.900 millóns de euros en 2024, o que representa preto dun terzo das exportacións españolas do sector, con máis de 800 empresas galegas presentes en mercados de Europa, América e Asia. “Exportar non é só vender fóra; é conectar co mundo desde o que somos”, engadiu.
Toca Carús salientou tamén o papel de Ourense e Allariz como berce do deseño galego, cunha tradición que soubo reinventarse apostando pola recuperación patrimonial, a moda de autor e o comercio local. “Allariz é hoxe un símbolo de como a sustentabilidade pode converterse nun motor de desenvolvemento económico e social”, afirmou.
A responsable do Igape fixo fincapé en que a sustentabilidade é xa unha vantaxe competitiva real para as empresas e explicou que o organismo autonómico está acompañando o sector neste camiño a través de diferentes programas. Entre eles, citou as axudas ASG, que permiten integrar criterios ambientais, sociais e de bo goberno na xestión empresarial; o programa ReAcciona, que impulsa plans de acción en economía circular, eficiencia enerxética ou impacto social; e as Business Factory, como BF ClimaTech, que apoian proxectos innovadores en sustentabilidade e economía verde.
Toca Carús salientou o deseño galego como marca de identidade e símbolo dunha moda ética, innovadora e creativa. Reivindicou un modelo con propósito que xere valor e emprego de calidade, proxectando ao exterior unha Galicia moderna e sostible, e reafirmou o compromiso da Xunta de apoiar o talento e a competitividade do sector.
Lorenzana avanza que a innovación será clave nos orzamentos do vindeiro ano, cunha nova edición da liña de axudas para intelixencia artificial nas empresas
- Apunta que a principal liña deste programa de apoios -para a creación de novos produtos ou servizos a través de IA- pechou o pasado mes de abril con récord de solicitudes, un total de 117, o que obrigou a duplicar o seu orzamento inicial de 5,5 a 10,8 M€
- Destaca que Galicia se consolida como o sexto polo de innovación e emprendemento de España, con 388 empresas tecnolóxicas e innovadoras, un 26 % máis que o ano anterior, das cales 229 son startups
- “Os proxectos empresariais que crecen, nacen ou se instalan en Galicia son outro plebiscito en favor da economía galega e un recoñecemento á nosa estabilidade política, social e institucional”, subliña
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a innovación seguirá sendo unha peza clave nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano, que van recoller unha nova edición do programa IA360, a primeira convocatoria de axudas en Galicia para introducir a intelixencia artificial nas empresas que resultou todo un éxito.
Lorenzana interveu hoxe na inauguración do I Gran Foro de Innovación e Emprendemento, onde apuntou que a principal liña deste programa de axudas -para a creación de novos produtos ou servizos a través de IA- pechou o pasado mes de abril con récord de solicitudes, un total de 117, o que obrigou a duplicar o seu orzamento inicial de 5,5 a 10,8 M€.
En total, precisou, resultaron beneficiados 82 proxectos empresariais cunha axuda media de 131.000 euros e unha mobilización de máis de 21,7 M€ de investimento total. O sector TIC concentra o 43 por cento das propostas, seguido do alimentario, a enxeñaría, a biotecnoloxía, a saúde, a enerxía ou a loxística. As outras dúas liñas deste paquete de axudas -para a implantación de solucións comerciais de IA e proxectos de xestión de datos, e para accións formativas- teñen aínda o prazo de solicitudes aberto ata o 31 de outubro.
A conselleira salientou que Galicia conta cun sistema de innovación e emprendemento cada vez máis dinámico. De feito, dixo, consolídase como o sexto polo de innovación e emprendemento de España, só por detrás de Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, País Vasco e Andalucía. Conta con 388 empresas tecnolóxicas e innovadoras, un 26 % máis que o ano anterior, das cales 229 son startups, o que supón un incremento do 44 % respecto a 2024. Estas compañías xeran preto de 2.900 empregos cualificados e superan os 290 millóns de euros de facturación anual.
Neste contexto, Lorenzana abondou en que “empresa e Administración non son dous equipos diferentes, senón un só”. E baixo esa premisa destacou o labor que desempeña a Oficina Económica de Galicia, con case 30.000 consultas en ano e medio de vida, “para poñerlle as cousas fáciles ás empresas”.
“Os proxectos empresariais que crecen, nacen ou se instalan en Galicia son outro plebiscito en favor da economía galega e un recoñecemento á nosa estabilidade política, social e institucional”, subliñou, para remarcar: “É certo que en Galicia aínda existen sectores minoritarios que, diante de calquera iniciativa industrial, reaccionan en contra. Aínda que fagan ruído no presente, pertencen ao pasado e teñen pouco sitio no futuro”.
Rueda destaca que a Xunta xa concedeu 42 axudas por un importe de 2,9 M€ para propietarios das vivendas afectadas pola vaga de lumes do verán
- Salienta a resolución doutras 10 achegas para negocios ou empresas afectadas por valor de 280.000 € e 36 para a recuperación de Tecores e espazos naturais protexidos
- Asegura que “o 80% das axudas para explotacións agrícolas ou forestais” estarán pagadas antes de que remate o ano
- Resalta a celeridade da tramitación e resolución da Xunta, fronte ao Goberno central que “nin sequera convocou” aínda as súas achegas para os afectados
Celanova (Ourense), 20 de outubro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Executivo autonómico xa concedeu 42 axudas a propietarios de vivendas afectadas pola vaga de incendios forestais por un importe de 2,9 millóns de euros. Delas, a gran maioría -37 – corresponden a inmobles situados na provincia de Ourense.
“Recibimos 137 solicitudes, 129 en Ourense e a maioría das xa concedidas foron para residencias habituais”, explicou o presidente que fixo un balance da resolución das principais axudas postas en marcha polo Executivo autonómico a finais de agosto para paliar os efectos da vaga de lumes.
No eido económico, Rueda indicou que a Xunta recibiu 22 peticións de axudas das que “xa se revolveron 10 por un importe de 280.000 euros”. Todas elas corresponden á provincia de Ourense. Do mesmo xeito, Ourense tamén concentrou a maioría de solicitudes para a recuperación dos Terreos Cinexéticamente Ordenados (Tecores). Das 59 peticións de axudas, 42 foron de propietarios de Ourense. Xa están resoltas 24 que permitiron aboar 180.000 euros aos beneficiarios.
En canto as axudas destinadas á reparación de danos en reservas da biosfera e espazos protexidos, a Xunta recibiu 12 solicitudes -oito na provincia de Ourense- das que xa se resolveron sete por un valor de 200.000 euros.
Por último, Rueda salientou que se “solicitaron 1.342 axudas agrícolas e 285 forestais” que, están na fase de comprobación. “O compromiso da Xunta é que antes que remate o ano estean pagadas canto menos o 80%”, indicou.
O presidente salientou que todos os departamento do Executivo autonómico están a traballar “coa máxima celeridade” para axilizar a tramitación e resolución das achegas dirixidas aos afectados polos lumes forestais. Unha premura que, lamentou, contrasta coa actitude do Goberno central que “nin sequera convocou” as axudas estatais para paliar os danos da vaga de incendios.
A Xunta destaca o papel do Contract como exemplo do talento e da capacidade industrial galega
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración da XV Semana Internacional Contract Galicia onde subliña que este sector representa “a nova Galicia industrial: creativa, sostible e aberta ao mundo”, con máis de 7.000 empregos e unha facturación que supera os 400 millóns de euros anuais
- Destaca o compromiso da Xunta coa internacionalización, a dixitalización e o crecemento das empresas galegas do contract, a través do acompañamento financeiro e da colaboración público-privada
Oleiros, 16 de outubro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración da XV Semana Internacional Contract Galicia, un encontro de referencia que cumpre quince edicións e que se consolida como escaparate da creatividade, a innovación e a capacidade industrial galega.
Durante a súa intervención, Toca destacou que o contract é “unha das mellores expresións da forma de ser e de facer da nosa industria”, un sector que combina talento, destreza e visión empresarial, e que “evolucionou desde os oficios tradicionais cara a unha industria moderna, global e altamente competitiva”. Neste sentido, lembrou que o ecosistema contract galego xera máis de 7.000 postos de traballo e supera os 400 millóns de euros de facturación anual, con presenza en máis dun centenar de países.
“Detrás de cada proxecto hai unha historia de colaboración, de esforzo e de confianza, e sobre todo de orgullo por facer as cousas ben, desde aquí, desde Galicia”, sinalou Toca, quen puxo en valor o carácter colaborativo e o espírito innovador das empresas do sector.
A responsable do Igape incidiu tamén na vocación internacional do contract galego, que “forma parte da historia de éxito exportadora de Galicia”, con empresas presentes en proxectos en Europa, América, Asia e Oriente Medio. “Nun contexto global complexo, Galicia segue a medrar, diversificando mercados e consolidando a súa presenza exterior”, afirmou.
Toca subliñou o compromiso da Xunta de Galicia co sector, a través do acompañamento ás empresas nos seus procesos de internacionalización, modernización e impulso competitivo. “Queremos que dispoñan de ferramentas de financiamento adaptadas, apoio na procura de novos mercados e asesoramento especializado para avanzar en dixitalización, sustentabilidade e innovación”, explicou.
Neste sentido, destacou que o contract galego é “un exemplo claro de como a colaboración público-privada pode transformar un sector”, grazas ao traballo conxunto entre empresas, clústeres e institucións para abrir novos canais de exportación, reforzar a presenza en feiras internacionais e visibilizar o talento galego en proxectos de gran envergadura.
Para rematar, Covadonga Toca celebrou o 15º aniversario da Semana Internacional Contract como “un fito que simboliza a cooperación, o crecemento conxunto e o traballo ben feito”. “O contract galego converte as ideas en proxectos, os espazos en oportunidades e o talento en crecemento para toda Galicia”, concluíu.
A Xunta destaca o talento galego como motor dunha economía innovadora, sostible e aberta ao mundo
- Toca subliñou que Galicia “é hoxe un territorio innovador e con visión de futuro”, no que as ideas se transforman en proxectos grazas á creatividade, á cooperación e ao espírito emprendedor
- Destacou que o Igape acompaña este esforzo con programas que impulsan a modernización tecnolóxica das pemes, apoian a posta en marcha de novas ideas e favorecen a súa internacionalización, consolidando Galicia como un lugar atractivo para innovar e emprender
A Coruña, 8 de outubro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración da xornada Conexión Maker Faire Galicia, celebrada na Cidade das TIC da Coruña, onde reivindicou o talento galego como motor dunha economía innovadora, sostible e aberta ao mundo. Neste sentido, destacou que Galicia “é hoxe un territorio innovador e con visión de futuro, no que as ideas se transforman en proxectos grazas á creatividade, á cooperación e ao espírito emprendedor”.
A directora do Igape puxo en valor a traxectoria da Maker Faire Galicia, que chega este ano á súa 11ª edición consolidándose como a maior feira maker do sur de Europa, con máis de 100.000 asistentes, 1.550 creadores de 15 países e 600 proxectos presentados. “O importante non son só as cifras, senón o que representan: a capacidade de Galicia para situarse na vangarda da innovación global e conectar o noso talento co mundo”, afirmou.
Durante a súa intervención, fixo referencia a algúns dos proxectos protagonistas desta edición, que mostran como a intelixencia artificial, a transferencia de enerxía en condicións extremas ou a agricultura sustentable con tecnoloxías de control avanzado xa forman parte do ecosistema galego. Exemplos que reflicten a capacidade de Galicia para xerar innovación aplicada a retos reais, dende o coidado do medio ambiente ata a eficiencia enerxética e alimentaria.
Subliñou tamén que Galicia conta cun ecosistema de innovación e emprendemento cada vez máis vivo, no que universidades, centros tecnolóxicos, clústeres, startups e empresas tradicionais colaboran cada vez máis entre si, xerando sinerxías que multiplican o impacto da innovación. Neste camiño, o Igape acompaña con programas que impulsan a modernización tecnolóxica das pemes, achegan a investigación ao tecido produtivo e apoian a posta en marcha de novas ideas.
Ademais, destacou a importancia da rede de aceleradoras especializadas, ás que se engadirán novas iniciativas centradas en saúde e enerxías renovables, así como o programa de axudas para startups, que financia os gastos iniciais para que ningún proxecto quede sen despegar. Xunto coa Oficina Económica de Galicia, que ofrece asesoramento personalizado a emprendedores e empresas, conforman unha infraestrutura clave para que o talento e as ideas innovadoras se transformen en motor colectivo de desenvolvemento.
Novo webinario da Antena do Igape en China | Últimas novidades 2025
A Xunta ofrece actualizacións da situación económica en distintos mercados mundiais a través de xornadas virtuais coas Antenas do Igape.
O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus produtos, neste caso, a China.
A Antena en China, o día 9 de outubro, informará sobre as últimas novidades sobre este país, a evolución deste mercado nos últimos meses e falarase especialmente do acceso a feiras e sectores estratéxicos.
Se tes interese neste mercado, tamén existe a posibilidade de programar unha reunión individual cos responsables da Antena do Igape en China, durante os días 13 e 14 de outubro.
Solicite a reunión ao realizar a súa inscrición.
🗓️ Día: 9 de outubro de 2025
⏰ Hora: 09:30-11:10 (ES) | 15:30-17:10 (CH)
💻 En liña
✍️ Inscricións
A Xunta subliña o papel de Gradiant como referente tecnolóxico en intelixencia artificial, emprendemento e innovación
- A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou as instalacións do centro vigués, onde puxo en valor o seu traballo na creación de spin-offs e na posta en marcha do primeiro fondo de investimento deep tech impulsado por un centro tecnolóxico en Europa
- Destaca que a capacidade de transformar coñecemento en proxectos empresariais innovadores “é un activo fundamental para Galicia, e o Igape está a acompañar estes procesos desde a súa nova área de Innovación”
Vigo, 2 de outubro de 2025
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións de Gradiant en Vigo, centro tecnolóxico galego especializado en solucións de telecomunicacións e tecnoloxías dixitais aplicadas á industria, con máis de 400 clientes e un forte crecemento en facturación e emprego nos últimos anos.
Durante a visita, Toca Carús puxo en valor a traxectoria de Gradiant como referente europeo en innovación dixital, destacando a súa aposta pola intelixencia artificial, a ciberseguridade, a análise de datos e as comunicacións avanzadas. Neste ámbito, lembrou que o Igape conta con novas liñas de apoio para proxectos baseados en IA, dirixidas a reforzar a competitividade do tecido empresarial galego.
A directora subliñou tamén a relevancia do emprendemento tecnolóxico que se xera arredor de Gradiant, que xa deu lugar a varias spin-offs de éxito internacional e que vén de lanzar TRL13, o primeiro fondo de investimento deep tech en Europa impulsado por un centro tecnolóxico español.
“A capacidade de transformar coñecemento en proxectos empresariais innovadores é un activo fundamental para Galicia, e o Igape está a acompañar estes procesos desde a súa nova área de Innovación”, sinalou.
Covadonga Toca concluíu destacando que “Galicia ten que seguir avanzando cara a unha economía innovadora, dixital e competitiva, e centros como Gradiant son aliados imprescindibles para facelo posible, combinando ciencia, tecnoloxía e emprendemento co apoio da Xunta”.
A Xunta destaca en Monforte o potencial do emprendemento rural como motor de innovación e cohesión territorial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración do encontro “Innovación con raíces: emprendemento que transforma o rural” onde reivindica esta aposta como fórmula para xerar emprego, fixar poboación e proxectar Galicia ao mundo
- Pon en valor o papel da Oficina Económica de Galicia, que no seu primeiro ano atendeu máis de 28.000 consultas, mantivo 1.350 reunións de asesoramento e acompañou 370 proxectos de especial relevancia.
- Subliña que programas como Conecta Lugo e Conecta Ourense achegan a pemes e autónomos información, asesoramento e acceso a axudas e sinala que a BFAero permitiu “situar a Lugo e Galicia na vangarda europea no eido dos drons e da mobilidade aérea avanzada”
- Lembra que o programa Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolveu a xornada de hoxe, leva case unha década de percorrido, con máis de 100 actividades e 20.000 participantes
Monforte de Lemos (Lugo), 1 de outubro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Monforte na inauguración do encontro Innovación con raíces: emprendemento que transforma o rural, onde defendeu o papel estratéxico do emprendemento rural como motor de innovación, cohesión territorial e proxección exterior. Neste sentido, sinalou que o rural galego “é talento, creatividade e futuro” e que, grazas á innovación, está a transformar as comarcas galegas en espazos capaces de xerar emprego, fixar poboación e abrir Galicia ao mundo.
Durante a súa intervención, a directora do Igape destacou iniciativas como a queixería Airas Moniz, en Chantada, ou a proposta A Túa Xanela, que exemplifican a “innovación con raíces” e evidencian que “o rural galego é, hoxe en día, un verdadeiro laboratorio de innovación, capaz de achegar solucións a grandes retos globais como a sustentabilidade, a transición ecolóxica ou a dixitalización”.
Toca Carús salientou que o labor do Igape vai máis alá de políticas ou programas, xa que supón unha nova maneira de entender a súa misión: estar preto do tecido empresarial, anticiparse ás súas necesidades, reducir barreiras e ofrecer respostas áxiles. Nese sentido, destacou a actividade da Oficina Económica de Galicia, que no seu primeiro ano atendeu máis de 28.000 consultas, mantivo 1.350 reunións de asesoramento e acompañou 370 proxectos de especial relevancia.
Tamén puxo en valor iniciativas como Conecta Lugo e Conecta Ourense, que achegan información, asesoramento e acceso a axudas en innovación, dixitalización, internacionalización ou sustentabilidade. Lembrou que toda a actividade do Igape apunta a un mesmo obxectivo: lograr que o investimento e a innovación cheguen a cada recuncho de Galicia, xerando emprego de calidade e fortalecendo a cohesión territorial. Exemplificou este compromiso coa BFAero, que situou a Lugo e Galicia na vangarda europea dos drons e da mobilidade aérea avanzada, así como coas Business Factories sectoriais, que conectan talento, industria e futuro.
Por último, destacou a importancia da capacitación empresarial a través do programa Capacita Directivos, que leva case unha década de percorrido con máis de 100 actividades e 20.000 participantes. Subliñou que o seu propósito é dotar ás persoas directivas de visión estratéxica e capacidade de liderado nunha contorna de cambios constantes, impulsados por pancas como a intelixencia artificial, o big data, a ciberseguridade, a automatización de procesos ou os xemelgos dixitais.
Lorenzana destaca que a rede de aceleradoras da Xunta deu apoio xa a máis de 830 proxectos e leva xerado máis de 1.400 empregos cualificados
- A BF Sport comeza o vindeiro luns, e ata o 19 de decembro, a súa fase de aceleración con seis startups seleccionadas dun total de 37 candidaturas que se presentaron ao inicio desta primeira convocatoria
- O obxectivo é fomentar a colaboración entre startups, federacións, clubes deportivos, empresas e investidores para impulsar novos proxectos de emprendemento na industria do deporte e levar ao mercado produtos e servizos innovadores cun alto compoñente tecnolóxico
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a rede de aceleradoras da Xunta de Galicia, á que se vén de sumar a nova BF Sport, deu apoio xa a máis de 830 proxectos innovadores e leva xerado máis de 1.400 empregos cualificados.
Lorenzana interveu hoxe na presentación oficial da Business Factory Sport (BFSport), a nova aceleradora galega para o sector do deporte e o benestar, que comeza o vindeiro luns, e ata o 19 de decembro, a súa fase de aceleración con seis startups seleccionadas dun total de 37 candidaturas que se presentaron ao inicio desta primeira convocatoria.
A conselleira explicou que a BF Sport, ao igual que en toda a rede de aceleradoras da Xunta, non só busca madurar e acompañar ás startups participantes, senón facilitarlles que poidan traballar coas empresas tractoras e outras entidades colaboradoras nun entorno real, de modo que se converten nos primeiros clientes, en validadores e aceleradores do seu proxecto de negocio.
O seu obxectivo, dixo, é fomentar a colaboración entre startups, federacións, clubes deportivos, empresas e investidores para impulsar novos proxectos de emprendemento na industria do deporte e levar ao mercado produtos e servizos innovadores cun alto compoñente tecnolóxico.
Nas tres convocatorias que vai ter esta aceleradora, salientou, a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destinará máis de 450.000 euros en axudas directas a proxectos en fase de aceleración, ademais de financiar o 80 por cento dos custos operativos do programa. Pola súa banda, Xesgalicia mobilizará ata 4,4 millóns de euros en financiamento para as fases de aceleración e consolidación.
Segundo apuntou, “falar de deporte é falar de saúde, pero tamén de xeración de riqueza e emprego; de economía”, concluíu.
A Xunta avoga polo fortalecemento das relacións comerciais con China como mercado estratéxico para impulsar a internacionalización das empresas galegas
- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración subliñou a relevancia do encontro como espazo de colaboración público-privada para fomentar novas oportunidades de internacionalización e cooperación en mercados estratéxicos
- Valorou tamén o papel das Cámaras de Comercio, ás que cualificou de pezas fundamentais no apoio e dinamización das empresas, tanto pola súa labor de asesoramento como pola súa contribución á internacionalización do tecido produtivo
- Pola súa parte, a conselleira de Economía e Industria puxo a Comunidade galega como exemplo de estabilidade financeira, seguridade xurídica e acompañamento institucional a través de ferramentas como a Oficina Económica de Galicia
- Destacou a Galicia como socio estratéxico para China en Europa polo emprazamento, unha economía que combina unha industria forte, tradición innovadora e persoal cualificado e pola previsibilidade
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025
Os conselleiros de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañados polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron esta mañá no foro empresarial Oportunidades de cooperación e investimento entre empresas galegas e chinesas, organizado por SW Spain coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia e da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
José González subliñou a relevancia deste encontro —no que tamén estivo presente o embaixador da República Popular China en España, Yao Jing— como un espazo de colaboración público-privada para fomentar novas oportunidades no ámbito da internacionalización e da cooperación en mercados estratéxicos. Un foro, dixo, que funciona en dobre sentido: apoiando ás compañías galegas no seu proceso de implantación en China e, á vez, favorecendo a chegada de investimento do país asiático a Galicia.
O titular de Emprego, Comercio e Emigración destacou que Galicia actúa como unha administración facilitadora para o seu tecido empresarial, comprometida coa simplificación de trámites, acompañando ás empresas nos retos que afrontan tanto no mercado laboral —como a cobertura de vacantes, a flexibilización da formación para o emprego ou a captación de talento— como no impulso da súa competitividade e no acceso a mercados internacionais, como o caso do chinés. Valorou tamén o papel das Cámaras de Comercio, ás que cualificou de pezas fundamentais no apoio e dinamización das empresas, tanto pola súa labor de asesoramento como pola súa contribución á internacionalización do tecido produtivo.
Galicia, unha rexión de equilibrio e solidez financeira
Pola súa parte, a conselleira de Economía e Industria destacou a Galicia como socio estratéxico para China en Europa pola ubicación atlántica que conecta directamente cos grandes portos europeos e con América Latina; por contar cunha economía que combina unha industria forte, tradición innovadora e un capital humano altamente cualificado e “pola nosa previsibilidade, algo moi valorado polos investidores internacionais”, asegurou.
Neste senso, María Jesús Lorenzana puxo en valor o equilibrio e estabilidade financeira que ofrece a Comunidade galega grazas a un tecido empresarial resiliente do que forman parte máis de 190 empresas que teñen unha presencia constante no mercado chinés; a institucións comprometidas como o Igape, e á posta en marcha de ferramentas como a Oficina Económica de Galicia para a simplificación de trámites e a centralización de servizos tanto para o empresariado galego como para os investidores estranxeiros ao ofrecerlles unha contorna áxil e eficaz. E, ao fío, apuntou que a porcentaxe de empresas exportadoras regulares creceu ata o 43 % do total o que da boa mostra da relación de confianza entre Galicia e China.