Super User
A Xunta convoca 100 M€ dos Fondos de Transición Xusta para impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das Pontes e Meirama
- O DOG publica hoxe as novas convocatorias destinadas a atraer grandes proxectos tractores e ao apoio de pequenas e medianas empresas na provincia da Coruña
- “Non estamos aquí para falar de peches, senón de aperturas, de novos proxectos nestas comarcas”, dixo Lorenzana
- Corgos sinala que os fondos europeos son un dos principais motores do desenvolvemento económico de Galicia
As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), 30 de xaneiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe a convocatoria das novas liñas de axuda que mobilizarán máis de 100 millóns de euros do Fondo de Transición Xusta para atraer grandes proxectos industriais e apoiar ás pemes na provincia da Coruña, tal e como sae hoxe publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG). O obxectivo, remarcou, pasa por impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama.
Así o destacou durante a xornada Fondos para unha transición xusta: Oportunidades de futuro, na que tamén participou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e onde reafirmou o compromiso do Goberno galego coa reactivación económica deses concellos pero tamén dos territorios limítrofes (comarcas de Ferrolterra, Eume e Ordes, así como os concellos de Laracha, Carral, Ortigueira, Cerdido e Mañón). Os proxectos subvencionables deberán localizarse nalgún destes lugares.
A conselleira destacou que mañá abrirá o prazo para a liña de axudas para a cal a Xunta destina 80 M€ co obxectivo de financiar proxectos de descarbonización e renovación industrial de compañías tractoras, con capacidade para transformar o tecido produtivo, modernizar os procesos industriais e xerar actividade económica sustentable a medio e longo prazo.
Pola súa banda, a Xunta destina outros 22 millóns de euros a unha nova edición de préstamos parcialmente reembolsables para pemes da provincia da Coruña que poderán solicitarse a partir do vindeiro 9 de febreiro.
O prazo de presentación de solicitudes é de tres meses en ambos os casos, co obxectivo de facilitar ás empresas o acceso ás axudas e ao financiamento previsto nestas liñas de apoios cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa do Fondo de transición xusta 2021-2027.
Loitar contra “o non por sistema”
“Non estamos aquí para falar de peches, senón de aperturas, de novos proxectos nestas comarcas”, dixo Lorenzana, quen tivo palabras de agradecemento a todos os traballadores que “foron quen de converter estas dúas comarcas e todas as áreas de influencia nunhas zonas industriais de primeiro nivel en toda España”.
“Agardo que estas axudas, xunto con todo o traballo que estamos facendo os propios empresarios, os traballadores e a administración, consigan que esta zona de Galicia, absolutamente industrial, continúe séndoo”, proseguiu, para apuntar: “Se tivésemos organizado este proceso de transición nas Pontes con esa colaboración que se espera da administracións, sen dúbida algunha, houbera sido bastante máis xusta”.
Neste contexto, Lorenzana apelou a “loitar contra o non por sistema”. “Non pode ser que cada vez que se propoña unha iniciativa empresarial, industrial ou enerxética, haxa xente disposta a dicir que non sen nin sequera saber de que vai esa iniciativa”, subliñou. “Iso fai que Galicia perda oportunidades e que as gañen outros territorios. Galicia non está no pasado”, remarcou.
A Xunta e os interlocutores sociais máis representativos de Galicia (UGT, CCOO, Asime e a Confederación de Empresarios da Coruña) asinaron o Plan de Actuacións Integral (PAI) As Pontes-Meirama 2025-2028, para a recualificación profesional, mellora da empregabilidade e a reinserción ao mercado laboral das persoas traballadoras afectadas polos peches das centrais. Dentro deste plan, destaca o proxecto Activa Verde, orientado a atender a 900 participantes con programas de orientación, formación en enerxías renovables e apoio á recolocación.
A importancia dos fondos europeos
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou a importancia da Unión Europea na realidade empresarial de Galicia. “Galicia é Europa”, aseverou, “e os fondos europeos son un dos principais motores do noso desenvolvemento económico”. Trátase de investimentos reais que permiten “innovar, medrar, modernizar procesos, apostar pola transición verde, internacionalizarse e xerar emprego de calidade. En definitiva, concluíu Corgos, “son ferramentas clave para que o tecido produtivo galego avance.”
Miguel Corgos encargouse de moderar a mesa Experiencias reais: os fondos europeos activan oportunidades para as empresas, na que tres empresarios expuxeron o que o apoio dos fondos supón na súa realidade e o seu impacto no crecemento dos seus negocios, na súa competitividade e no territorio.
Lorenzana lembra que ata o vindeiro 17 de marzo as empresas galegas xa poden solicitar as axudas da Xunta para intelixencia artificial
- Galigrain foi unha das empresas beneficiarias o pasado ano desta liña de apoios da Xunta, coa que está a implantar un sistema de planificación de almacenamento baseado en intelixencia artificial
- Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 10 M€ e forma parte do paquete de axudas que o Igape publicou de forma anticipada a inicios de ano e que suman en total preto de 181 M€
A Coruña, 27 de xaneiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apuntou hoxe que ata o vindeiro 17 de marzo as empresas galegas xa poden solicitar as axudas da Xunta para incorporar a intelixencia artificial para a mellora dos seus procesos industriais e a comercialización de novos produtos ou servizos.
Así o destacou nunha visita que realizou está mañá ás instalacións de Galigrain, do Grupo Nogar, acompañada da directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, e do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández.
Galigrain foi unha das empresas beneficiarias o pasado ano desta liña de apoios da Xunta, coa que está a implantar un sistema de planificación de almacenamento baseado en intelixencia artificial que lle vai reportar importantes aforros nos tempos e nos custos enerxéticos, así como unha mellor optimización dos espazos.
Lorenzana precisou que esta nova convocatoria da liña para intelixencia artificial conta cun orzamento de 10 millóns de euros e forma parte do paquete de apoios que o Igape publicou de forma anticipada a inicios de ano e que suman en total preto de 181 millóns de euros. Ofrece axudas máximas de ata 100.000 e 500.000 euros.
“Cremos que realmente é importante, sobre todo para as pemes, que o teñen máis complicado, que coñezan este programa para que, pouco a pouco, vaian automatizándose e modernizándose”, dixo. “Son apoios clave para que a longo e medio prazo as empresas poidan sobrevivir e ir gañando tamaño”, abondou.
Lorenzana avanza que o vindeiro Consello da Xunta aprobará o borrador do plan director do sector TIC, cun orzamento estimado de 60 M€
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da empresa Sixtema, especializada en solucións dixitais
- Sinala que o TIC “leva aumentando moitísimo o seu peso na economía galega” e desde 2020 rexistrou un crecemento en Galicia do 21 por cento, o cal supuxo a entrada de 4.000 novos profesionais
- Destaca a Estratexia de Innovación que está preparando a Xunta de Galicia co obxectivo de que, sobre todo, as pemes vaian incorporando a tecnoloxía nos seus procesos produtivos
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, adiantou hoxe que o vindeiro Consello da Xunta aprobará o borrador do plan director do sector TIC, que vai contar cun orzamento estimado de 60 millóns de euros para os próximos dous anos.
Lorenzana, acompañada da directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, visitou hoxe en Santiago as instalacións da empresa Sixtema, “unha boísima mostra do que significa o sector TIC para a nosa comunidade autónoma”, dixo. Un sector, precisou, que “leva aumentando moitísimo o seu peso na economía galega” e “xa se pode considerar un sector industrial propiamente dito”. Desde 2020 rexistrou un crecemento en Galicia do 21 por cento, o cal supuxo a entrada de 4.000 novos profesionais, lembrou.
“Son traballadores e expertos en tecnoloxías que están facendo que a innovación estea penetrando de maneira moi significativa xa nas empresas galegas”, salientou, para destacar a Estratexia de Innovación que está preparando a Xunta de Galicia con este mesmo obxectivo: que, sobre todo, as pemes “vaian incorporando a tecnoloxía nos seus procesos produtivos, na súa forma de comercializar e de facer o produto, de organizarse”; para o cal, empresas como Sixtema son fundamentais, subliñou.
Ao respecto, indicou que dentro do paquete de axudas do Igape que se publicou no DOG a inicios de ano (181 M€), as primeiras liñas que xa teñen aberto o seu prazo de solicitude son as de innovación: Igape Innova (4 M€), Industria Innova (30 M€) e a que tan boa acollida tivo o ano pasado para intelixencia artificial, IA 360 (10 M€).
Rueda inaugura en Madrid a primeira sede da Oficina Económica de Galicia fóra da comunidade autónoma
- Destaca que este novo punto de atención prestará asesoramento ás empresas galegas que traballan en Madrid, e tamén servirá para captar novos investimentos
- Recorda que a Oficina botou a andar en 2024 co obxectivo de simplificar, desburocratizar e ofrecer orientación permanente e personalizada a empresarios e emprendedores
- Pon en valor a Galicia como un bo lugar para investir pola súa estabilidade, boa situación económica e pola súa aposta por impulsar e acompañar á iniciativa privada
Madrid, 22 de xaneiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe en Madrid a primeira sede da Oficina Económica de Galicia que abre fóra da comunidade autónoma. Este novo punto de atención servirá tanto para prestar asesoramento ás empresas galegas que están radicadas na capital de España, como para captar novos investimentos.
Así o sinalou esta tarde durante a presentación deste novo servizo, acto no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Considerou que a súa apertura contribuirá á expansión económica e comercial da comunidade, dado o importante número de empresas de orixe galego que traballan en Madrid e o dinamismo dos axentes económicos da cidade.
A Oficina Económica de Galicia é un novo servizo que botou a andar en 2024 co obxectivo de simplificar e desburocratizar a atención a empresarios e emprendedores, concentrando nunha mesma canle de atención todos os recursos de diferentes consellerías e organismos da Xunta. Ademais, a través dela ofrécese asesoramento e orientación personalizada para garantir a boa marcha dos proxectos, tanto dos que botan a andar como dos que buscan ampliarse ou internacionalizarse.
A partir de agora, estes servizos prestaranse tamén na oficina de Madrid -situada nas dependencias da Casa de Galicia-, que ademais traballará para dar visibilidade ao potencial económico da comunidade autónoma. Neste sentido, Rueda fixo fincapé en que Galicia é un bo lugar para investir pola súa estabilidade política, por contar cunha administración autonómica que ofrece garantías á iniciativa privada e pola boa marcha da súa economía, coas cifras do paro en mínimos históricos e as exportacións batendo récords, entre outros datos positivos.
Lorenzana destaca o labor de acompañamento que a Xunta ofrece ás empresas galegas para garantir o mantemento da actividade e o emprego
- En 2024 Surco Interiors adquiriu a Maderas Iglesias, especializada agora na fabricación de parqué e derivados e onde traballan actualmente máis de 60 persoas, máis da metade, mulleres
- É un exemplo, di, de como a colaboración entre a empresa e a Administración autonómica “permitiu que o emprego e, sobre todo, o valor engadido desta industria permanecese nesta comarca”
O Porriño (Pontevedra), 20 de xaneiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada pola directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe o labor de acompañamento que a Xunta ofrece ás empresas galegas a través da Oficina Económica de Galicia cando se trata de garantir o mantemento da actividade e o emprego.
Lorenzana visitou hoxe no Porriño (Pontevedra) as instalacións de Surco Interiors, que en 2024 adquiriu a antiga Maderas Iglesias, especializada na fabricación de parqué e derivados e onde traballan actualmente máis de 60 persoas, máis da metade, mulleres, indicou. Un exemplo, dixo, de como a colaboración entre a propia empresa e a Administración autonómica “permitiu que o emprego e, sobre todo, o valor engadido desta industria permanecese nesta comarca”.
En concreto, o apoio da Xunta concedéuselle a través da liña de préstamos para investimentos estratéxicos e a de atracción de empresas, precisou Lorenzana, quen aproveitou para lembrar que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado venres a maior parte das axudas que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) vai poñer á disposición das empresas este ano 2026, que suman 181 millóns de euros.
A conselleira referiuse a Surco Interiors como parte da cadea monte-industria en Galicia que considerou “clave” para a economía galega. Segundo lembrou, a Xunta vén de aprobar -no Consello do pasado luns- o borrador do Plan director para o sector forestal, para afondar nos obxectivos de modernización desta industria, na automatización, no peche das cadeas de valor, no uso da madeira e na formación do persoal.
A cadea monte-industria galega supón arredor do 1,7 % do PIB de Galicia. A súa facturación anual supera os 2.400 millóns de euros e conta con máis de 13.600 persoas ocupadas.
Lorenzana anuncia que desde o vindeiro 22 de xaneiro xa se poderán solicitar as axudas da Xunta para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións
- O plan Renova o teu Vehículo incrementa nesta edición o seu orzamento ata os 3,5 millóns de euros, coa previsión de contribuír á venda en Galicia de 1.600 automóbiles eficientes con axudas de ata 4.000 euros que ascenden aos 4.600 se se trata de familias numerosas
- Destaca que se trata dunha iniciativa que conta co recoñecemento de Faconauto, que o pasado mes de marzo outorgou á Xunta de Galicia o seu “Premio Compromiso” polo impacto social deste programa
Pontevedra, 17 de xaneiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a partir do vindeiro xoves 22 de xaneiro, e ata o 30 de setembro, xa se van poder solicitar as axudas da Xunta para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións.
Lorenzana, acompañada do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e de representantes de Faconauto, informou hoxe no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra de que o plan Renova o teu Vehículo incrementa nesta edición o seu orzamento ata os 3,5 millóns de euros, coa previsión de contribuír á venda en Galicia de 1.600 automóbiles eficientes con axudas de ata 4.000 euros que ascenden aos 4.600 se se trata de familias numerosas.
A conselleira quixo poñer en valor que se trata dunha iniciativa que conta co recoñecemento da federación de concesionarios en España (Faconauto), que o pasado mes de marzo outorgou á Xunta de Galicia o seu “Premio Compromiso” polo impacto social deste programa.
Lembrou, nese sentido, que unha das principais vantaxes do Renova o teu Vehículo con respecto ao Moves estatal é que é “menos burocrático” porque a Administración autonómica fai o pagamento da axuda directamente ao establecemento de venda, sen que o beneficiario teña que desembolsala previamente. Ademais, os apoios danse en función das emisións e non do tipo de motor.
“Reiteramos en múltiples ocasións que se copie o plan de Galicia” recoñeceu, porque, segundo dixo, facilita á cidadanía a adquisición do vehículo, é máis sinxelo e para os concesionarios é, tamén, un incentivo para que poidan aumentar as súas vendas. “É o que estamos buscando: que en toda a cadea de valor vaiamos fomentando o vehículo moito menos contaminante”, concluíu.
A convocatoria
Este programa subvenciona a adquisición de vehículos novos, turismos ou furgonetas, que cumpran unhas determinadas características de emisións e que teñan un custo inferior ou igual a 42.000 euros (Impostos incluídos). Esta contía amplíase ata os 47.000 euros (impostos incluídos) para vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 km en modo eléctrico, e en 6.000 euros adicionais cando se trate dun vehículo adaptado para a utilización de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas.
Para poder acceder a estas axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, será requisito imprescindible que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, que deberá ter unha antigüidade de, polo menos, dez anos se se trata dun turismo ou de 5 anos se é unha furgoneta. Un particular poderá adquirir un único vehículo e, no caso de ser autónomo ou empresa, ata un máximo de 10 unidades.
Agárdase que estes apoios favorezan a mobilización directa de 37 millóns de euros, así como un aforro enerxético anual equivalente preto de 350.000 litros de gasóleo.
Esta convocatoria da Xunta complementa o programa estatal MOVES III 2025, con axudas para vehículos eléctricos e infraestrutura de recarga. A Administración autonómica vén de ampliar os fondos en 14 millóns de euros coa previsión de dar resposta a todas as solicitudes recibidas en 2025.
A Xunta pon en marcha un paquete de axudas histórico de máis de 180 M€ para as empresas galegas
- Lorenzana explica que é a segunda vez que se publica a inicios de ano a maior parte do catálogo de axudas do Igape “para que o empresariado saiba con que vai poder contar e poida organizar os seus investimentos e actividades de forma acompasada a estes acompañamentos”
- Salienta que entre as primeiras axudas que xa mañá mesmo abren o seu prazo de presentación de solicitudes figuran o programa Industria Innova (30 M€), o Igape Innova (4 M€) ou as de intelixencia artificial (IA 360)
Ponte Caldelas (Pontevedra), 16 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia activou hoxe, coa publicación no Diario Oficial de Galicia, 13 das principais liñas de axuda do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) previstas para 2026, que suman máis de 180 millóns de euros e configuran un dos maiores paquetes de apoio empresarial anticipados postos en marcha pola Administración autonómica.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, deu conta hoxe da publicación destas axudas nunha visita á conserveira Orbe, en Ponte Caldelas, “absolutamente internacionalizada”, dixo, e cunha importante aposta pola innovación e comprometida coa responsabilidade social empresarial.
Na visita, Lorenzana explicou que é a segunda vez que a Xunta publica a inicios de ano a maior parte do catálogo de axudas do Igape “para que o empresariado saiba con que vai poder contar e poida organizar os seus investimentos e actividades de forma acompasada con estes acompañamentos”, indicou.
Segundo dixo, entre as primeiras axudas que xa mañá mesmo abren o seu prazo de presentación de solicitudes figuran unha das que é novidade este ano: o programa Industria Innova (30 M€), para apoiar proxectos de investigación industrial nas empresas galegas.
Xunto con esta, mañá tamén estará xa dispoñible outras das liñas de apoio que tivo moi boa acollida o pasado ano e que se reformula, desta vez, para ampliala ao sector industrial. Trátase da liña IA 360, para incentivar o uso desta ferramenta nos procesos industriais e no deseño e comercialización de novos produtos ou servizos (10 M€). Ademais, tamén mañá se abre o prazo de solicitudes para outro dos programas de innovación que é o Igape Innova (4 M€).
Con respecto ao importe, a liña de préstamos directos –aberta a partir do 26 de xaneiro–, é a que leva asociada máis orzamento (62 M€). De feito, o financiamento, segue a ser unha peza clave da acción do Igape. Por outra banda, outra das ordes que dispoñen de maior orzamento é a de atracción de empresas (33,5 M€), que abre o prazo de presentación de solicitudes o 28 de xaneiro.
A todas estas hai que sumar, por exemplo, as axudas a startups (1,5 M€), o Tícket Innova (1 M€), e outras xa consolidadas en internacionalización como o Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,7 M€), o Programa Foexga (2,3 M€) e o Galicia Exporta Empresas (9 M€).
A Xunta destaca o papel da Business Factory Sport como motor de innovación, emprendemento e emprego no ámbito do deporte e o benestar
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración do ‘Startup Day Incubación’ desta aceleradora, onde puxo en valor o ecosistema galego de innovación e o modelo de apoio ao emprendemento impulsado pola Xunta
- Subliña que esta iniciativa ofrece acompañamento integral aos proxectos emprendedores, con mentorización especializada e apoio financeiro
- Destaca que a Business Factory Sport intégrase na rede galega de aceleradoras sectoriais, un modelo baseado na colaboración público-privada que xa ten impulsado máis de 830 proxectos innovadores, xerando máis de 1.400 empregos cualificados
- Lembra que o esforzo galego en I+D se sitúa xa arredor do 1,3 % do PIB e que Galicia se consolidou como o sexto ecosistema máis dinámico do Estado, con máis de 400 empresas tecnolóxicas e preto de 3.000 empregos xerados
Vigo, 15 de xaneiro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na inauguración do ‘Startup Day Incubación’ da Bussiner Factory Sport (BFSport), onde puxo en valor o papel desta aceleradora como ferramenta estratéxica para impulsar o emprendemento innovador no ámbito do deporte e do benestar.
Durante o acto, celebrado no Real Club Náutico de Vigo, Toca Carús destacou que Galicia vive “un momento especialmente favorable para a innovación”, cun ecosistema “diverso, equilibrado e en crecemento”, no que a innovación se estende a todo o territorio e a múltiples sectores.
Neste sentido, lembrou que o esforzo galego en I+D se sitúa xa arredor do 1,3 % do PIB e que Galicia se consolidou como o sexto ecosistema máis dinámico do Estado, con máis de 400 empresas tecnolóxicas, preto de 3.000 empregos xerados e unha facturación superior aos 290 millóns de euros.
A directora do Igape subliñou que estes resultados responden a unha estratexia clara da Xunta baseada “na colaboración público-privada, na especialización por sectores e no acompañamento continuo aos emprendedores e ás empresas”, unha visión da que nace precisamente a Business Factory Sport.
Neste contexto, Toca Carús puxo en valor o deporte e o benestar como un sector estratéxico, con capacidade para xerar innovación, industria e emprego de calidade. “Son saúde, tecnoloxía, industria e economía, pero tamén unha oportunidade real para crear empresas innovadoras, con vocación de crecemento e internacionalización”, afirmou.
O modelo galego
A Business Factory Sport intégrase no modelo galego de Business Factories, unha rede de aceleradoras sectoriais que converteu Galicia nun referente en innovación aplicada e colaboración público-privada, con iniciativas consolidadas en ámbitos como a automoción (BFAuto), o aeroespacial (BFAero), o agroalimentario (BFFood), a sustentabilidade (BF ClimaTech) ou o emprendemento transversal (VíaGalicia).
Toca Carús destacou tamén o respaldo financeiro e operativo que ofrece o programa aos proxectos participantes. Desde o Igape, a Xunta cofinancia o 80 % dos custos operativos da aceleradora, permitindo aos equipos centrarse no desenvolvemento do produto, a validación do modelo de negocio e a súa saída ao mercado. A este apoio súmase o papel de XesGalicia, que reforza o acompañamento financeiro nas fases posteriores de crecemento e consolidación.
En referencia aos proxectos presentados durante a xornada, sinalou que son “unha moi boa mostra deste enfoque e deste ecosistema”, con iniciativas orientadas ao mercado, cun forte compoñente innovador e ambición de crecer desde Galicia.
A responsable do Igape concluíu lembrando que a Business Factory Sport é “unha aposta a longo prazo por Galicia: polo noso talento, pola innovación e polo futuro do deporte e do benestar na nosa terra”.
A Xunta mobiliza máis de 100 M€ dos fondos de transición xusta para atraer grandes proxectos industriais e apoiar ás pemes na provincia da Coruña
- Rueda resalta os 80 M€ para unha nova liña de axudas que busca promover grandes proxectos industriais vinculados á descarbonización e á transformación do tecido produtivo
- Destaca que os apoios están dirixidos a proxectos “cun investimento mínimo de 10 M€” e cada un poderá recibir “ata un máximo de 30 M€”
- De xeito complementario, actívase unha liña de 22 M€ en préstamos combinados con subvencións a fondo perdido para pemes
- Estes préstamos permitirán apoiar a creación de novos establecementos, a diversificación da produción, a transformación de procesos e a ampliación da capacidade produtiva, combinando subvencións e financiamento directo
Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello acordou na súa reunión semanal “mobilizar máis de 100 millóns de euros do Programa do fondo de transición xusta para atraer grandes proxectos industriais e apoiar ás pemes na provincia da Coruña". O obxectivo é poñer en marcha unha batería de medidas para impulsar unha transición económica equilibrada nos territorios máis afectados polo peche de explotacións mineiras e centrais térmicas de carbón.
En concreto, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, destina 80 millóns de euros a unha nova liña de axudas dirixida ao financiamento de proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras, con capacidade para transformar o tecido produtivo, modernizar os procesos industriais e xerar actividade económica sustentable a medio e longo prazo.
Tal e como explicou o presidente, os proxectos subvencionables deberán localizarse nas comarcas de Ordes, onde se situaba a central de Meirama, Eume, onde se emprazaba a central térmica das Pontes, e Ferrol, así como “nos concellos da Laracha, Carral, Ortigueira, Cerdido e Mañón”, ao tratarse das zonas directamente afectadas polo proceso de transición enerxética.
“Van dirixidas a proxectos que impliquen un investimento mínimo de 10 millóns de euros e poderán recibir ata 30 millóns” por empresa e proxecto, indicou o presidente, quen explicou que se valorarán especialmente que as iniciativas contribúan de maneira significativa á diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro, ao avance cara á neutralidade climática e á creación de emprego estable e de calidade no territorio. Neste sentido, os proxectos deberán supoñer a creación neta de postos de traballo indefinidos, reforzando así o impacto social positivo das actuacións financiadas.
As axudas están orientadas tanto a proxectos de investimento rexional como a proxectos de protección do ambiente, incluída a descarbonización, de acordo coa normativa europea vixente.
Préstamos con axudas a fondo perdido
De xeito complementario, Rueda anunciou que a Xunta “destina 22 millóns de euros a unha nova edición de préstamos parcialmente reembolsables para pequenas e medianas empresas” na provincia da Coruña.
Esta liña permitirá apoiar actuacións orientadas á creación de novos establecementos, á ampliación da capacidade produtiva, á diversificación da produción ou á transformación fundamental dos procesos produtivos existentes.
Neste caso, o investimento mínimo é de 60.000 euros e poderá executarse en toda a provincias. Os proxectos deberán manter o emprego existente e crear novos postos de traballo, contribuíndo así á consolidación do tecido empresarial, á xeración de actividade económica e á fixación de poboación no territorio.
O conxunto destas actuacións supón un importe total de 102 millóns de euros no inicio do ano 2026 no marco dos Fondos de transición xusta, reafirmando o compromiso da Xunta de Galicia cunha transición xusta, que compatibilice os obxectivos climáticos coa reindustrialización, coa competitividade empresarial e coa creación de oportunidades de emprego de calidade.
As dúas convocatorias publicaranse no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 14 de xaneiro e contarán cun prazo de presentación de solicitudes de tres meses en ambos os casos, co obxectivo de facilitar ás empresas o acceso ás axudas e ao financiamento previsto nestas liñas de apoios cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa do Fondo de transición xusta 2021-2027.
Rueda pon en valor o papel de empresas como Delta Vigo á hora de innovar e consolidar a I+G+i, a investigación feita en Galicia
- Salienta que esta empresa contribúe a facer da comunidade un referente no sector aeroespacial e da defensa
- Destaca a aposta deste grupo familiar que representa “a vangarda empresarial que innova para facer Galicia Calidade”
- Recorda que Galicia aprobou no verán a primeira Iniciativa estratéxica de seguridade, defensa e aeroespazo de Galicia que contará cun investimento público de 183 M€ ata 2030
Nigrán (Pontevedra), 30 de decembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o papel de empresas como Delta Vigo á hora de apostar pola innovación e consolidar a I+G+i, é dicir, a investigación feita en Galicia. “Todo o que están a facer as universidades, os centros de excelencia e empresas punteiras como Delta investindo en innovación e investigación é o futuro”, indicou para asegurar que “cada vez se fai máis I+G+i da que queremos presumir e tamén potenciar”.
Así o sinalou esta mañá tras unha reunión co equipo directivo do grupo na que lle presentaron os seus futuros proxectos, e logo de visitar as obras da nova planta que están construíndo en Nigrán. Alí, acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, eloxiou a traxectoria desta empresa familiar con capital 100% español. “É de agradecer -sinalou- que unha empresa que exporta o 90% dos produtos a todo o mundo, produtos de tanta complexidade e calidade, manteña esa raíz galega” e aposte por seguir medrando desde Galicia.
Rueda fixo especial fincapé na aposta de Delta Vigo pola I+G+i, a innovación galega, e cualificou ao grupo como un representante da marca Galicia Calidade pola súa relevancia a nivel económico e produtivo, así como pola súa presenza internacional. “Grazas por formar parte da vangarda empresarial que innova para facer Galicia Calidade”, indicou.
O presidente asegurou que compañías como esta contribúen a situar a Galicia como un referente no sector aeroespacial e da defensa. Rueda salientou a importancia de estar preparados "en algo tan punteiro” coma “a tecnoloxía de navegación aérea, o ferrocarril do futuro ou a defensa” pola “enorme vantaxe” que supón para os territorios no actual contexto global.
Durante a súa intervención, reafirmou o compromiso da Xunta con todas as empresas que xeran riqueza e emprego en Galicia, ás que a administración autonómica apoia a través de diferentes recursos e liñas de financiamento.
Neste marco de colaboración inscribiu, entre outras medidas, a primeira Iniciativa estratéxica de seguridade, defensa e aeroespazo de Galicia que se aprobou este verán. Contará cun investimento público de 183 millóns de euros ata 2030, o que permitirá mobilizar 900 millóns de euros.