Super User

  • A conselleira lembra que o obxectivo do programa é xerar cadeas de valor e conectar empresas tractoras con outras de menor tamaño que se poidan beneficiar de recursos de alto valor engadido
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria deste ano, na que se concederon axudas a tres firmas que recibirán ata o 60 % do investimento previsto

A Coruña, 23 de decembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou esta mañá  “o importante esforzo que está a facer a industria galega para innovar e posicionarse como empresas modernas e tecnoloxicamente avanzadas”. “Un traballo que conta co apoio da Xunta para potenciar un sector que en Galicia é moi potente e que vai permitir aumentar a competitividade do noso tecido empresarial”, insistiu.

A conselleira visitou hoxe no Centro de servizos avanzados da Cidade das TIC na Coruña, unha das tres empresas beneficiarias do Programa Infraestructuras estratéxicas abertas, que impulsa o Igape e cuxa resolución sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. Trátase de Orange Espagne, S.A.U. (Grupo MasOrange), responsable do Proxecto AI4B: Intelixencia artificial para empresas, que recibirá unha achega de 1,3 millóns de euros para poñer en marcha unha plataforma de intelixencia artificial dirixida ao mercado B2B.

Lorenzana lembrou que esta orde de axudas está dirixida a grandes empresas galegas para que fomenten un ecosistema produtivo máis moderno, colaborativo e competitivo do que se poidan beneficiar pemes e emprendedores “que son quen ten maior dificultade para incorporar esa innovación nos seus procesos produtivos, nos seus produtos, na súa organización e tamén nos seus servizos”, indicou ao tempo que destacou a proposta de Orange ao combinar dous elementos esenciais: o acompañamento ás empresas tecnolóxicas para que poidan desenvolver solucións innovadoras e a posta a disposición do empresariado galego destes produtos punteiros.

María Jesús Lorenzana subliñou o traballo que tanto o tecido empresarial como as administracións están a realizar no reto de avanzar na innovación industrial. Un esforzo que se traduce en cifras “tal e como estamos vendo en Galicia, que segundo datos do INE, disparou o seu gasto en innovación empresarial un 30 %, ata os 1.073 M€, o que nos sitúa como unha das comunidades con maior crecemento”. Lorenzana tamén se referiu ao incremento no peso que a Comunidade galega ten no investimento en innovación en España “no que alcanzamos xa o 4,6 % do total nacional”.

Ademais de Orange Espagne S.A.U. resultaron beneficiarias da convocatoria deste ano as firmas Alén Space e o Real Club Celta de Vigo. En total, o Goberno galego concederá preto de 4 millóns de euros para impulsar a posta en marcha de tres novos centros avanzados de uso compartido e aberto en Galicia.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, e o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participaron hoxe na VI Xornada de Responsabilidade Social Empresarial do Foro Empresa Pontevedra
  • Covadonga Toca subliña que a sustentabilidade, a boa gobernanza, a innovación e a intelixencia artificial son claves para fortalecer o tecido empresarial e impulsar novos modelos de crecemento
  • Aposta por achegar a innovación e a IA ás pemes para mellorar procesos, orientar investimentos, impulsar proxectos tractores e favorecer a creación de novas actividades económicas

Pontevedra, 12 de decembro de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na VI Xornada de Responsabilidade Social Empresarial do Foro Empresa Pontevedra, un marco no que destacou o papel central da responsabilidade social empresarial (RSE) como verdadeiro motor de transformación económica, competitividade e desenvolvemento sostible en Galicia.

Durante a súa intervención, destacou que a xornada aborda temas decisivos para o futuro económico da comarca e de Galicia —sustentabilidade, gobernanza, economía verde e azul, economía circular, dixitalización, intelixencia artificial e emprendemento— e que todos eles están conectados polo fío común da responsabilidade social empresarial.

A directora explicou que o Igape seguirá traballando para que pemes e autónomos poidan incorporar a innovación, a dixitalización e a intelixencia artificial dun modo accesible e útil, e destacou que ferramentas como o Observatorio Económico da Área e da Ría de Pontevedra, promovido polo Foro Empresa, serán clave para orientar investimentos, mellorar procesos e impulsar proxectos con maior base analítica.

Subliñou que a información territorial e sectorial que xeran estas ferramentas permitirá ao Igape acompañar as empresas con maior precisión, axudándoas a identificar oportunidades reais, definir investimentos con máis criterio e impulsar novas actividades económicas alí onde exista potencial de crecemento. Ademais, destacou o papel da Oficina Económica de Galicia como punto de apoio transversal para facilitar e acompañar calquera iniciativa empresarial ou proxecto estratéxico, simplificando procesos e acelerando tramitacións.

Toca rematou reiterando que “a Xunta continuará acompañando, impulsando e facilitando unha transformación baseada en datos, innovación e sustentabilidade, para construír un tecido empresarial máis competitivo e preparado para o futuro”.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, que participou na mesa sobre Economía verde: modelos de xestión agroforestal e de bioeconomía nas áreas rurais de Pontevedra, puxo en valor a importancia do sector forestal-madeira, os recursos forestais dispoñibles na área e as posibilidades de transformación industrial e xeración de valor de produtos como a madeira -pola súa capacidade de fixar carbono-, a biomasa e outros recursos como froitos e servizos.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no encontro empresarial “Voces que inspiran”, onde puxo en valor a alianza entre administración, empresas e cidadanía como clave para afrontar os retos económicos do vindeiro ano
  • Subliña que Galicia está a consolidar o seu avance en innovación, internacionalización, sustentabilidade e IA, cun tecido empresarial “máis preparado, resolutivo e orientado ao futuro”
  • A xornada, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia, reuniu a directivas referentes dos sectores industrial, tecnolóxico, financeiro e xurídico para analizar os desafíos de 2025 e as oportunidades estratéxicas de 2026

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia salientou hoxe que a colaboración entre sector público, empresarial e social, xunto co impulso das políticas de innovación e competitividade, serán factores clave para o crecemento económico do vindeiro ano. Así o apuntou a directora do Igape, Covadonga Toca, no Keynote Empresarial “Voces que inspiran”, organizado pola CEG en Santiago co patrocinio de ABANCA, un encontro destinado a compartir experiencias e visión estratéxica entre líderes empresariais galegas.

Toca destacou que Galicia pecha 2025 cun ecosistema económico máis sólido, froito do compromiso conxunto entre administración, empresas e cidadanía. Subliñou que o ano foi decisivo para a transformación industrial e tecnolóxica, grazas ao avance da automatización, da dixitalización e das enerxías renovables, así como á importancia do binomio industria-enerxía para atraer novos proxectos.

Sinalou tamén o papel central do talento, destacando o esforzo das empresas na formación continua, na captación de perfís cualificados e na implantación de modelos de traballo máis flexibles. A isto súmase a crecente integración da intelixencia artificial nos procesos produtivos e de xestión, que xa está favorecendo a innovación e a optimización empresarial.

A directora do Igape puxo en valor a fortaleza da internacionalización, que mantivo a súa tendencia expansiva en 2025, e o avance en sustentabilidade e cumprimento ASG, factores que contribúen a mellorar tanto a eficiencia como a reputación das organizacións.

Cinco directivas analizan os retos e oportunidades

O encontro contou coa participación de cinco voces destacadas do ámbito empresarial galego —Sara Rodríguez (Hermasa), Olalla Cuiña (Inasus–Metaldeza–Eliper), Mercedes Toscano (Minimelis), Carmen Costas (Executivas de Galicia) e Isabel Álvarez (DPI Estratexia)— quen abordaron cuestións como a innovación, a IA, a sustentabilidade, a organización do traballo e os retos de futuro.

Toca Carús resaltou a traxectoria destas profesionais e afirmou que representan un tecido empresarial innovador, con visión global e un firme compromiso co desenvolvemento económico de Galicia.

  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes aposta por incrementar as exportacións galegas no territorio
  • A conselleira do Mar destaca o interese do país emiratí polas boas prácticas do sector pesqueiro galego e a nosa cadea mar-industria

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu hoxe o embaixador dos Emiratos Árabes Unidos en España, Saleh Ahmad Alsuwaidi. No encontro abordouse a importancia de fortalecer as relacións comerciais entre ambos os territorios, co obxectivo de incrementar a exportación dos produtos galegos.

Nesa liña, cómpre lembrar que a Xunta abriu unha Antena do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) o ano pasado en Dubai para prestar asesoramento, elaborar axendas comerciais e facilitar a implantación de empresas galegas, entre outras funcións. En 2024 máis dun cento de compañías de Galicia exportaron aos Emiratos Árabes Unidos, por un valor de 74,6 millóns de euros.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, tamén recibiu ao embaixador emiratí, e destacou o coñecemento que amosou o representante diplomático polas boas prácticas do sector pesqueiro galego e da nosa cadea mar-industria. O embaixador trasladoulle á conselleira o interese da ministra de Seguridade Alimentaria de visitar Galicia para coñecer, en persoa, o traballo dos nosos sectores do mar, e de explorar vías de investimento. Galicia participará o vindeiro ano cun stand propio de empresas galegas nas dúas feiras de produtos do mar que se celebran nos Emiratos Árabes Unidos.

  • O delegado territorial, Javier Arias, participou na clausura dun foro Conecta Lugo sobre industrialización e sostibilidade, no que compartiron a súa experiencia representantes dos ámbitos da empresa, a ciencia e a Administración

Lugo, 25 de novembro de 2025

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe a aposta do tecido industrial lucense “por avanzar cara un modelo moderno e sostible”, un desafío no que “seguirán contando coa colaboración da Xunta a través dunha ampla batería de axudas e programas orientados a apoiar a modernización, a dixitalización, a internacionalización, a innovación e a transición verde”.

Arias participou na clausura do foro Conecta Lugo sobre industrialización sostible, impulsado pola Xunta a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e pola Confederación de Empresarios lucense (CEL). A xornada serviu para intercambiar información e experiencias entre representantes dos ámbitos científico, da industria e da administración. Unha das relatoras foi a divulgadora científica Deborah García Bello.

O delegado subliñou que o modelo industrial lucense “combina sectores tradicionais moi sólidos con novas iniciativas baseadas na tecnoloxía, a eficiencia enerxética e a innovación”. Destacou como retos de futuro “seguir modernizando a nosa industria,  atraer novos investimentos, consolidar empresas que xa xeran emprego e riqueza e manter a colaboración entre todos os axentes do territorio”, uns obxectivos nos que “o empresariado atopará o acompañamento da Xunta”.

Reforzo dos apoios

Para iso, apuntou que se reforzarán os servizos da Oficina Económica de Galicia e potenciarase a rede de Polos de Emprendemento, co fin de axudar a empresas e emprendedores de todo o territorio.

Tamén seguirá en marcha o programa Conecta Lugo, con novas xornadas por toda a provincia “para ofrecer ás pemes apoio, orientación e oportunidades, tanto nas zonas urbanas como no rural”, dixo Arias.  Puxo tamén en valor o impulso da Xunta ao Campus Terra e destacou a importancia de seguir colaborando en accións que favorezan a transferencia de coñecemento dende a universidade en beneficio da innovación empresarial.

No mesmo sentido, indicou que o Goberno galego seguirá impulsando o desenvolvemento de solo industrial, con investimentos como os que está a realizar no polígono das Gándaras, ao que leva destinado 60 millóns de euros. Esta área industrial conta con máis de 130 empresas asentadas, e xa está formalizado e contrato de   redacción do proxecto de urbanización das fases VI y VII-B, que suman 352.153 metros cadrados. Ademais, están en marcha as obras das fases IV, V e VII-A, cunha superficie de 243.487 m2.

Por último, Arias lamentou que as medidas da Xunta para propiciar a industria e o emprego na provincia “contrastan coa acción do Goberno central, que con decisións como a de deixar a Lugo fóra dos plans de mellora da rede eléctrica non só lastra un proxecto concreto, senón que frea calquera iniciativa industrial no noso territorio”, concluíu.

  • Avanza que a previsión é que as obras de urbanización, licitadas por 11,2 millóns de euros, comecen a mediados do próximo ano para que os máis de 300.000 m² de superficie ampliada, distribuídos en 42 parcelas, estean á disposición das empresas en 2028

Lalín (Pontevedra) 22 de novembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que A Xunta vén de autorizar a licitación das obras de urbanización da cuarta fase do polígono industrial Lalín 2000, que vai permitir ampliar a súa superficie en case un 60 por cento cun investimento total de máis de 22 millóns de euros.

Lorenzana, xunto co secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na IX Xuntanza Empresarial Aedeza. Alí avanzou que a previsión é que as obras, licitadas por 11,2 millóns de euros, comecen a mediados do próximo ano para que os máis de 300.000 m² de superficie ampliada, distribuídos en 42 parcelas, estean á disposición das empresas en 2028.

“Cando se trata de poñer máis solo industrial á disposición do tecido empresarial, que é no que estamos traballando a fondo na Xunta, é fundamental que todas as administracións rememos na mesma dirección”, dixo, para agradecer a disposición a colaborar amosada polo Concello de Lalín.

Segundo recoñeceu, “é unha obra histórica para Lalín e a Xunta non podía fallar; máis ben, fixemos todo o posible para acelerar ao máximo este proceso e que a cuarta fase se puidese facer toda dunha vez”, engadiu.

Na súa intervención ante as empresas premiadas nesta edición, Lorenzana tamén sinalou que a Xunta quere estar “ao lado de quen fai crecer as nosas vilas e cidades”, que  os pequenos empresarios que cada día se poñen á fronte do seu negocio, dixo. “Non se trata só de desenvolver políticas de captación de investimento industrial e grandes proxectos empresariais; trátase, tamén, de estar ao carón dos autónomos e das pequenas e medianas empresas, que son a columna vertebral do noso tecido produtivo”, asegurou.

Lorenzana indicou que a innovación, a internacionalización, a sustentabilidade, están na axenda de todo proxecto empresarial por pequeno ou grande que sexa. E, nese sentido, concluíu que a Xunta traballa para poñer á súa disposición as liñas de apoio axeitadas e os servizos da Oficina Económica de Galicia, no Igape, para calquera consulta que queiran trasladar.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración da xornada “Conecta Empresas” onde puxo en valor que Galicia está a “afianzar unha cultura colaborativa cada vez máis sólida”
  • Destaca o avance da Comunidade no seu ecosistema innovador, cunha estrutura en crecemento que suma máis de 400 empresas tecnolóxicas, preto de 3.000 empregos cualificados e unha facturación que supera os 290 millóns de euros
  • Lembrou que este progreso responde á aposta sostida da Xunta por reforzar a innovación, a dixitalización, a internacionalización e a sustentabilidade do tecido empresarial

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na apertura da xornada Conecta Empresas, onde puxo en valor a importancia de impulsar espazos que faciliten a conexión, o diálogo e a xeración de proxectos innovadores entre empresas tractoras e iniciativas emprendedoras emerxentes.

Toca Carús destacou que Galicia está a consolidar unha cultura colaborativa na que as empresas tractoras achegan experiencia, mentres que as startups engaden creatividade, axilidade e novas visións tecnolóxicas. Agradeceu tamén o labor de Startup Galicia por fortalecer a comunidade innovadora, así como o compromiso das empresas e das startups participantes, que permiten activar novas oportunidades de innovación aberta.

A directora lembrou que o avance de Galicia na innovación está avalado por indicadores sólidos. O Regional Innovation Scoreboard da Comisión Europea sitúa Galicia como a sexta comunidade española en innovación, próxima ao grupo de rexións consideradas fortes, e destaca a base universitaria, o nivel de formación superior, a conectividade dixital e o progreso en sustentabilidade ambiental.

Así mesmo, o informe Empresas Tech e Innovadoras de El Referente, actualizado a outubro de 2025, confirma que Galicia continúa sendo un dos ecosistemas máis dinámicos do Estado, con máis de 400 empresas tecnolóxicas, case 3.000 empregos cualificados e unha facturación superior aos 290 millóns de euros.

Toca Carús insistiu en que este avance é froito dunha estratexia sostida da Xunta, apoiada en iniciativas como o programa IA360 —con máis de 15 millóns de euros para impulsar intelixencia artificial e tecnoloxías avanzadas nas pemes—, a rede de Antenas do Igape no exterior, que acompaña ás empresas na súa internacionalización, ou a rede de Business Factories, que ofrecen ás startups un entorno estable para testar solucións, captar clientes e atraer investimento.

Ademais, destacou o papel da Oficina Económica de Galicia, que centraliza información e asesoramento para que ningún proxecto quede sen apoio. A directora concluíu animando ás empresas e startups a seguir xerando sinerxías: “En Galicia estamos a construír unha verdadeira cultura compartida de innovación, na que cada axente cumpre un papel esencial para avanzar como territorio competitivo e innovador”.

  • Galicia presentou ante autoridades da cidade de Chongquing e grandes corporacións industriais o potencial dos seus principais sectores estratéxicos para abrir novas vías de cooperación
  • A misión, integrada por representantes dos ámbitos máis diversos, desde automoción ata loxística ou a industria agrolimentaria, reforza a presenza económica e institucional de Galicia neste país, un dos mercados máis relevantes para o investimento

Chongqing (China), 19 de novembro de 2025

Galicia deu hoxe un novo impulso á súa presenza internacional ao participar na segunda xornada de traballo do Encontro de Empresas Europeas de Fabricación Avanzada, unha iniciativa organizada polo Grupo CITIC e polo Goberno Municipal de Chongqing. A continuidade da misión, iniciada onte, permitiu fortalecer as relacións institucionais e avanzar en contactos clave con responsables políticos, grandes grupos industriais e representantes de diferentes países.

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou que esta misión responde ao obxectivo de presentar unha Galicia moderna, competitiva e aberta ao investimento internacional, ao tempo que puxo en valor a importancia de CITIC Group, investidor destacado en Galicia e aliado estratéxico para impulsar novos proxectos. Subliñou tamén o peso económico de Chongqing, unha das principais municipalidades de China e un referente industrial de primeiro nivel. Ademais, salientou o papel da Antena do Igape en China, que está a acompañar a delegación e que constitúe un apoio clave para facilitar contactos, identificar oportunidades e reforzar a presenza das empresas galegas no mercado asiático.

No transcurso da xornada, a delegación galega expuxo o potencial dos sectores estratéxicos que viaxan neste encontro, que representan algunhas das actividades máis dinámicas e exportadoras da economía galega. Trátase do sector agroalimentario, recoñecido internacionalmente pola súa calidade; o metalmecánico, esencial para o naval, a automoción, a eólica mariña e o aeroespazo; e o sector da automoción, sustentado por un dos principais centros industriais de Europa e un ecosistema tecnolóxico punteiro. Tamén participaron representantes dos ámbitos da saúde e biotecnoloxía, loxística e transporte, e da tecnoloxía audiovisual e dixital, que reflicten a crecente especialización e capacidade innovadora do tecido empresarial galego.

A directora do Igape subliñou que “estes sectores non só reflicten a diversidade e a forza industrial de Galicia, senón tamén a súa capacidade para competir globalmente e establecer alianzas de alto valor engadido”. Abondou, así mesmo, en que encontros coma este “permiten presentar Galicia ante investidores e institucións chinesas como un territorio estable, innovador e con capacidade para atraer proxectos industriais, tecnolóxicos e loxísticos de gran impacto”.

A participación galega nesta segunda xornada reforza así a estratexia de internacionalización da comunidade, consolidando relacións con China e abrindo novas vías para acordos empresariais, transferencia tecnolóxica e cooperación bilateral. Galicia sitúase, deste modo, como un socio fiable e atractivo para impulsar novos proxectos nun dos mercados máis dinámicos e estratéxicos do mundo.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nun encontro institucional co Goberno de Chongqing e con CITIC Group para explorar vías de colaboración económica e tecnolóxica
  • A misión institucional reforza o posicionamento da Comunidade como un territorio atractivo para o investimento e para establecer novas oportunidades de colaboración con China
  • Galicia conta na cidade, unha das máis grandes do país, cun espazo propio para captar e impulsar relacións comerciais

Chongqing (China), 18 de novembro de 2025

Galicia deu hoxe un paso máis no fortalecemento das súas relacións económicas con China no marco do Encontro de Empresas Europeas de Fabricación Avanzada organizado na cidade de Chongqing. A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou o interese mutuo por abrir novas vías de cooperación en sectores de alto valor engadido e por impulsar iniciativas que xeren oportunidades de negocio tanto en Galicia como en China.

Esta iniciativa de intercambio económico e comercial, organizada polo Grupo CITIC e polo Goberno Municipal de Chongqing, reúne durante varios días a autoridades locais, directivos de empresas e representantes empresariais internacionais. O programa de traballo inclúe conferencias, encontros de negocio e conta cun espazo específico dedicado a Galicia, cunha zona de exposición e sesións de matchmaking para impulsar novas colaboracións empresariais.

Na súa intervención, a directora puxo en valor a fortaleza do tecido produtivo galego, sustentado en sectores estratéxicos que combinan tradición e innovación: “Galicia destaca polo seu sector agroalimentario, pola automoción —cun ecosistema industrial e tecnolóxico de referencia en Europa—, e pola moda e o téxtil, cunha forte proxección internacional”. Tamén salientou o peso da industria naval, o crecemento do sector TIC, a capacidade internacional da industria contract, así como o avance da biotecnoloxía e do aeroespazo. Ademais, lembrou que o turismo continúa a ser un dos grandes motores económicos de Galicia, cunha oferta cada vez máis orientada á calidade e á sustentabilidade.

A directora destacou tamén o valor da presenza empresarial galega nesta misión, que integra compañías e entidades representativas dos principais sectores. Grazas a este enfoque colaborativo, Galicia ofrece unha imaxe coordinada e sólida no exterior, fortalecendo a súa capacidade para atraer investimento, abrir novos mercados e promover alianzas estratéxicas. Segundo sinalou, este tipo de encontros contribúe a situar Galicia no mapa internacional como un territorio innovador, competitivo e cunha clara vocación de cooperación económica e tecnolóxica.

Durante o encontro, Galicia expuxo tamén as súas vantaxes como destino de investimento: estabilidade institucional, infraestrutura loxística avanzada, conectividade internacional, máis de 100 polígonos industriais e parques tecnolóxicos, así como unha rede de centros tecnolóxicos e universidades punteiras en ámbitos como a automoción, a biotecnoloxía, a dixitalización ou a intelixencia artificial.

Gran centro económico e potencia industrial

A directora subliñou que “Galicia quere actuar como socio estratéxico para o desenvolvemento de proxectos conxuntos, reforzando a colaboración entre empresas galegas e chinesas e promovendo un marco de cooperación baseado na innovación, no investimento e no crecemento sustentable”.

Chongqing, unha das cidades máis grandes de China, é unha potencia industrial e un dos centros económicos máis importantes de Asia. A urbe lidera sectores como os vehículos de nova enerxía e a electrónica avanzada, chegando a representar case a metade da produción mundial de ordenadores portátiles.

  • Subliña que o vindeiro ano o Igape vai destinar case 50 M€ a cinco programas de axuda neste ámbito

Sada (A Coruña), 10 de novembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe de manifesto a aposta da Xunta por que as pequenas e medianas empresas en Galicia incorporen pouco a pouco a tecnoloxía aos seus procesos produtivos.

Lorenzana visitou hoxe en Sada (A Coruña) as instalacións da empresa tecnolóxica Trison, dedicada á dixitalización de espazos; unha compañía “ultramoderna” con tecnoloxía “cen por cento galega”, dixo, que considerou un exemplo do liderado innovador e do talento que alberga o tecido empresarial galego.

Con 19 delegacións propias en 14 países, engadiu, é unha empresa “absolutamente internacionalizada”, cunha carteira media de 5.000 proxectos anuais; o máis recente, a pantalla vertical instalada na torre Entel de Santiago de Chile. Segundo apuntou, traballa, ademais, da man das marcas máis prestixiosas e en sectores que van desde o retail, con Inditex, ata a automoción, o transporte ou o fútbol.

Neste contexto, Lorenzana destacou que o vindeiro ano, a Xunta vai destinar case 50 millóns de euros a cinco programas de apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para, por exemplo, fomentar unha oferta tecnolóxica propia de Galicia; atraer talento directivo ás empresas que axude a executar proxectos de innovación; e para captar e consolidar aquelas iniciativas que se presentaron a convocatorias europeas ou nacionais que, superando os criterios técnicos de avaliación, non foron seleccionados por esgotamento orzamentario.