Super User

  • Rueda salienta que os datos “avalan as políticas da Xunta” para atraer novos investimentos e facer medrar as empresas xa asentadas en Galicia
  • Un informe sobre as políticas industriais de 2023-2025 revela que o sector representa o 16,4% do total de emprego e pechou 2025 co maior crecemento interanual do índice de produción industrial
  • Tamén sinala que o Valor Engadido Bruto (VAB) industrial rexistrou un incremento do 5,2%, alcanzando cifras récord
  • Os plans directores de nove sectores industriais, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, e un amplo abano de axudas, favorecen a atracción de empresas e a mellora da competitividade do noso tecido empresarial
  • O presidente destaca que Galicia conta con 4 Proxectos industriais estratéxicos (PIE) aprobados e outros 14 declarados

Santiago de Compostela, 3 marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe os datos dun informe sobre as políticas industriais aplicadas polo Goberno galego no período 2023-2025 que revelan que “o emprego industrial bate récords en Galicia con 192.300 traballadores” e o sector “medra por riba da media española”. “Os datos avalan o éxito das políticas da Xunta”, asegurou, na aposta por atraer novos proxectos industriais estratéxicos á comunidade.

Con máis de 192.300 persoas ocupadas na industria e un crecemento do Índice de Produción Industrial (IPI) dun 6,5% interanual en decembro de 2025, fronte ao 2,8% do conxunto do Estado, Galicia estase a converter no principal polo de atracción industrial do norte peninsular. O documento pon de relevo a importante contribución da estrutura industrial galega ao PIB rexional e á creación de emprego grazas a sectores como a automoción, construción naval, o sector metalmecánico, a industria forestal, a alimentaria ou a das TIC, entre outros.

Segundo se desprende do informe, a Xunta está a levar a cabo importantes iniciativas co obxectivo de incrementar a actividade industrial na comunidade autónoma, como motor da súa economía. Esta planificación aséntase nunha estratexia que ten nos plans directores dos distintos sectores da Comunidade e no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais os seus piares fundamentais.

O resultado destas políticas, indicou Rueda, sitúan Galicia “como a terceira comunidade autónoma con maior crecemento interanual do Índice de produción industrial (IPI)” a decembro do 2025, cun incremento do 6,5 %, fronte a unha subida media estatal do 2,8%. Isto fai que a nosa comunidade peche o ano 2025 superando en case 4 puntos o ritmo de crecemento da produción industrial de España, que se sitúa no 2,8 %. Deste xeito, Galicia acada un índice do 96,72, superando o índice estatal que acada un 95,377.

O informe tamén sinala que a industria galega xa representa o 16,4% do total da poboación ocupada en Galicia, porcentaxe que supera en case tres puntos a media estatal, que acada un 13,5%. Así as cousas, a nosa comunidade pechou 2025 cunha media de 192.300 persoas ocupadas na industria e incrementando a cifra nun 4,9% con respecto ao dato de 2024 e volvendo marcar un récord histórico de ocupación. A estes datos cómpre sumar o Valor Engadido Bruto (VAB) industrial, que rexistrou un incremento do 5,2% e alcanza deste xeito cifras récord, ao tempo que se reforza o peso estrutural do sector na economía galega.

Os plans directores

Unha das bases da estratexia industrial da Xunta aséntase nos plans directores, follas de ruta dos distintos sectores clave da Comunidade galega que xorden da necesidade de analizar, detectar oportunidades e deseñar accións de apoio co fin de promover o desenvolvemento da actividade industrial no sector específico que corresponda. Na actualidade téñense declarado nove sectores estratéxicos polo Consello da Xunta: automoción, construción naval, loxística industrial, metalmecánico, TIC, industria forestal, industria alimentaria, téxtil e confección e industria da construción.

Tal e como explicou o presidente, “os dous primeiros sectores -automoción e naval- xa contan co plan aprobado”, mentres que os sete restantes están en diferentes graos de tramitación, prevéndose a aprobación dos plans directores dos sectores industriais forestal-madeira e industria das TIC no próximo trimestre.

O impulso a proxectos industriais

Outro instrumento da política industrial autonómica para que Galicia ocupe un lugar destacado na creación de riqueza e emprego é o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, que inclúe unha serie de medidas dirixidas a facilitar a implantación de novos proxectos industriais, así como a ampliación dos existentes.

Neste marco, Galicia conta con figuras de axilización administrativa que permiten reducir os prazos de tramitación dos proxectos industriais, ben sexan novos ou ampliacións. Entre estas, cómpre salientar a figura dos Proxectos industriais estratéxicos (PIE), instrumento fundamental para a axilización de iniciativas empresariais nas que se estime que teñen tal carácter estratéxico pola súa función no desenvolvemento, implantación ou execución da política industrial autonómica e a súa incidencia económica ou social.

Así, na actualidade, tal e como explicou Rueda, “hai 14 Proxectos industriais estratéxicos declarados” como  a planta de xeración, almacenamento e distribución de hidróxeno verde en Arteixo, promovida por AccionaPlug; a factoría de biometano impulsada por Norbiogas Biometanol no polígono industrial de Curtis; a nova planta de produtos do mar conxelados de Congalsa, na Pobra do Caramiñal (A Coruña) ou a ampliación da fábrica de Urovesa en Valga, entre outros. Ademais, explicou que outros catro xa teñen o PIE aprobado definitivamente mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia: o centro de procesamento de datos impulsado pola empresa Galicia Green Data Center no concello coruñés de Curtis, a planta de produción de metanol verde de Triskelion en Mugardos, a de manipulado e envasado de peixe de Stolt Sea Farm en Rianxo e a de fabricación de carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones S.A.U. (Xeal) no municipio de Dumbría.

Apoios económicos ao investimento

De maneira paralela, o Goberno galego, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), desenvolve distintas liñas de axudas que permiten atraer empresas a Galicia e mellorar a competitividade das existentes. Entre o amplo abano de apoios, cómpre subliñar as axudas para atracción de empresas a Galicia, cuxo obxectivo é o de estimular a posta en marcha de grandes proxectos de investimento empresarial en Galicia, coa finalidade principal de potenciar a actividade económica e o mantemento e creación de emprego, así como atraer novas iniciativas empresariais a Galicia, sen renunciar ao crecemento e mellora das empresas existentes nin á creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Os apoios diríxense ás pequenas e medianas empresas dos sectores de actividade máis importantes para Galicia, pola súa función decisiva na creación de emprego e por constituír un factor de estabilidade social e de desenvolvemento económico, así como polas especiais dificultades para acceder ao capital e ao financiamento. O pasado 16 de xaneiro publicouse a terceira convocatoria destas axudas, que permanecerá aberta ata o 30 de setembro. Desde a súa posta en marcha no ano 2024, apoiáronse 50 proxectos por importe de máis de 40,1 millóns de euros que mobilizarán un investimento superior aos 135 millóns de euros.

A colaboración público-privada, a simplificación administrativa ou as políticas de solo industrial, coa creación de novas figuras para reducir trámites e abaratar prezos, tamén forman parte da política industrial da Xunta.

O vindeiro mércores 25 de marzo, Vigo acollerá o Dayone Innovation Summit Galicia, un encontro de referencia para o emprendemento e a innovación que se celebra no marco da 19ª edición dos Premios EmprendeXXI.

O evento, impulsado por CaixaBank e Enisa (Empresa Nacional de Innovación), entidade dependente do Ministerio de Industria e Turismo, terá lugar na Galería A3 do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO) e reunirá startups innovadoras, investidores e axentes clave do ecosistema emprendedor galego.

O Dayone Innovation Summit Galicia consolídase como unha plataforma para visibilizar o talento emerxente da comunidade autónoma. A xornada incluirá os pitches das startups finalistas ante un xurado especializado, unha mesa redonda con gañadores de edicións anteriores baixo o título "PEXXI, unha ventá de oportunidade" e a entrega do Premio EmprendeXXI Galicia, que recoñece proxectos de base tecnolóxica con alto potencial de crecemento e proxección internacional.

As cinco startups finalistas desta edición son Albor Biotech, Batea Oncology, Birdmind, Ronnach Technologies e Vancubic, seleccionadas pola súa capacidade innovadora, o seu compoñente tecnolóxico e as súas posibilidades de escala no mercado global.

>>INSCRÍBETE AO EVENTO<< 

>>DESCARGA O PROGRAMA<<

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no XIX Premio Victoriano Reinoso, onde destacou que “o talento que nace na nosa terra pode competir ao máximo nivel en calquera lugar do mundo”
  • Subliña o papel de AEGAMA como “embaixadores de esa Galicia Calidade en Madrid”, creando redes, abrindo oportunidades e fortalecendo os lazos entre Galicia e os profesionais que desenvolven a súa actividade fóra da Comunidade
  • O galardoado, Manuel Leyes, foi recoñecido pola súa traxectoria internacional no ámbito da cirurxía ortopédica e a medicina deportiva

Madrid, 24 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia puxo hoxe en valor o talento galego e a súa capacidade de proxección exterior no marco do XIX Premio Victoriano Reinoso, organizado por AEGAMA na capital do Estado. A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou no acto, onde destacou a importancia de recoñecer as traxectorias profesionais que representan a excelencia galega máis aló das nosas fronteiras.

Durante a súa intervención, Toca Carús sinalou que este premio se converteu “nunha oportunidade para reunirnos, para poñer en valor o que representamos, e para recoñecer o talento galego estea onde estea”, subliñando o valor destes encontros para reforzar os vínculos entre Galicia e os profesionais que desenvolven a súa actividade fóra da Comunidade.

Neste marco, a directora do Igape felicitou a AEGAMA polo seu labor de cohesión do empresariado galego en Madrid, asegurando que “o que facedes non é só crear rede profesional; creades comunidade. E iso, cando un está fóra da súa terra, ten un valor enorme”. Neste sentido, destacou a importancia de manter vivos os lazos con Galicia, xerar oportunidades e proxectar a identidade galega en contornos profesionais de alta esixencia.

No acto foi recoñecida a traxectoria de Manuel Leyes, referente internacional en cirurxía ortopédica e traumatoloxía, especialmente no ámbito da cirurxía de xeonllo e da medicina deportiva. Toca Carús salientou que o premiado representa “traballo ben feito, rigor e paixón pola súa profesión”, poñendo en valor a combinación de coñecemento, innovación e dedicación constante que caracterizan a súa carreira.

A responsable do Igape subliñou que o seu éxito “recórdanos algo que en Galicia sabemos ben: que o talento que nace na nosa terra pode competir ao máximo nivel en calquera lugar do mundo”, incidindo na capacidade da Comunidade para formar profesionais que destacan nos contornos máis esixentes.

Durante a súa intervención, vinculou tamén esta proxección exterior coa marca Galicia Calidade, que definiu como “unha marca que identifica produtos, servizos e tamén valores: representa compromiso, rigor, confianza e ambición; representa, en definitiva, a calidade coa que Galicia quere presentarse ao mundo”.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración do Infoday da VIII Edición desta aceleradora, onde puxo en valor o crecemento do ecosistema innovador galego e o modelo de colaboración público-privada da Rede de Business Factories
  • Destaca que a aceleradora leva apoiados 92 proxectos desde 2019, impulsando 68 empresas, máis de 250 empregos cualificados e mobilizando máis de 6 millóns de euros en investimento
  • Subliña que o Goberno galego avanza na futura Estratexia de Innovación Empresarial 2026-2028 para “industrializar a innovación” e reforzar a competitividade do tecido produtivo galego

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta coa innovación como eixo estratéxico de competitividade durante a inauguración do Infoday da VIII Edición da aceleradora Business Factory Food (BFFood), un programa integrado na Rede Galega de Business Factories que impulsa a modernización do sector agroalimentario a través da tecnoloxía e do emprendemento innovador.

Neste marco, Toca Carús asegurou que Galicia vive “un momento especialmente favorable para a innovación”, cun ecosistema “diverso, equilibrado e en crecemento, onde a innovación xa non se concentra nun único sector nin nun único territorio, senón que se estende por toda a Comunidade”.

Durante a súa intervención puxo en valor o avance do sistema galego de innovación, salientando o aumento do esforzo en I+D, a maior implicación das empresas e a evolución positiva do ecosistema tecnolóxico. Tamén subliñou a importancia da colaboración empresarial e o dinamismo crecente de Galicia como referente innovador no conxunto do país.

Así mesmo, explicou que a estratexia da Xunta se basea na especialización sectorial, na colaboración público-privada e na conexión co mercado, co obxectivo de construír un sistema de innovación sólido, coordinado e orientado a resultados. Neste contexto, sinalou a Rede Galega de Business Factories como un exemplo deste modelo, ao facilitar a conexión entre talento emprendedor, industria, mercado e financiamento.

Innovación aplicada ao sector agroalimentario

No caso concreto de BFFood, lembrou que desde a súa posta en marcha en 2019 apoiou 92 proxectos, impulsou 68 empresas distintas, xerou máis de 250 empregos cualificados e mobilizou máis de 6 millóns de euros de investimento.

Máis alá das cifras, destacou que a aceleradora representa “a modernización do sector agroalimentario galego a través da tecnoloxía”, con startups que desenvolven solucións en ámbitos como a automatización, a dixitalización, a biotecnoloxía, as novas proteínas, a valorización de subprodutos ou a loxística intelixente.

Estratexia 2026-2028: escalar e competir

Durante o acto, a responsable do Igape lembrou tamén que a Xunta está a impulsar a futura Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, cunha folla de ruta orientada a situar a innovación como “unha capacidade estrutural do noso tecido produtivo, non como algo puntual ou accesorio”.

A nova planificación priorizará unha maior intensidade tecnolóxica nas empresas, unha conexión máis estreita entre coñecemento e industria e unha maior escalabilidade e internacionalización dos proxectos innovadores, garantindo ademais que a innovación “se transfira, se adopte, se escale e chegue ao mercado”.

  • “Esa conexión é esencial para reducir distancias, xerar confianza e acelerar a transferencia de coñecemento cara ao mercado. Sen ese diálogo, a innovación non chega; con el, convértese en resultados”, subliña
  • Asegura que o obxectivo da Xunta é “que máis proxectos científicos se convertan en empresas; que máis empresas incorporen tecnoloxía avanzada; e que Galicia siga avanzando cara a unha economía máis innovadora, máis produtiva e máis resiliente”

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que cando a ciencia, a empresa e o investimento van da man, o retorno é claro: máis competitividade, máis emprego cualificado e máis futuro para Galicia.

“Esa conexión é esencial para reducir distancias, xerar confianza e acelerar a transferencia de coñecemento cara ao mercado. Sen ese diálogo, a innovación non chega; con el, convértese en resultados”, afirmou durante a súa intervención no III Encontro Investir en ciencia si é rendible, celebrada no CiTIUS, que puxo como exemplo do potencial que ten a investigación aplicada cando está orientada a resolver retos reais.

Neste contexto, Lorenzana destacou que a Xunta traballa para crear unha contorna favorable ao investimento en innovación, apoiando a creación e o crecemento de empresas de base tecnolóxica, impulsando a colaboración público-privada e facilitando que o coñecemento xerado nos centros de investigación chegue á industria e ao mercado.

“A ciencia e a tecnoloxía son hoxe un factor determinante para que as empresas poidan diferenciarse, internacionalizarse e crecer de forma sostible”, dixo, para subliñar que o obxectivo da Xunta é “que máis proxectos científicos se convertan en empresas; que máis empresas incorporen tecnoloxía avanzada; e que Galicia siga avanzando cara a unha economía máis innovadora, máis produtiva e máis resiliente”.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración da xornada “Axudas e instrumentos de apoio para as empresas”, organizada pola Asociación de Empresarios SEARA
  • Lembra que Goberno galego ten activas neste 2026 liñas de apoio por máis de 280 M€ para reforzar a competitividade, a innovación, a internacionalización e o financiamento empresarial
  • Destaca a nova convocatoria do Fondo de Transición Xusta, dotada con máis de 100 M€, para impulsar a reindustrialización nas zonas afectadas polo peche das térmicas

As Pontes (A Coruña), 10 de febreiro de 2026

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, participou esta mañá na inauguración da xornada informativa “Axudas e instrumentos de apoio para as empresas”, celebrada nas instalacións da Asociación de Empresarios SEARA, no Polígono Industrial de Penapurreira, en As Pontes, xunto co alcalde de As Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, onde presentou ás empresas da comarca o conxunto de apoios que a Xunta de Galicia ten en marcha para este ano.

Durante a súa intervención, Toca explicou que o Igape ten activadas para 2026 a maior parte das súas liñas de apoio, cun “paquete histórico” de máis de 280 millóns de euros, orientado a reforzar a competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, a internacionalización e o acceso a financiamento. Subliñou que se trata dunha estratexia pensada para ofrecer certeza e planificación ás empresas nun contexto económico esixente, marcado pola transformación dixital, a transición tecnolóxica e a competencia global.

No eido da innovación, a directora do Igape destacou a posta en marcha de novos instrumentos específicos para impulsar a transformación tecnolóxica da industria, así como a continuidade de programas consolidados de apoio á aplicación da intelixencia artificial, á mellora de procesos e á incorporación da innovación nas pemes. En paralelo, lembrou que a internacionalización segue a ser un piar clave da acción do organismo, con liñas que apoian a saída ao exterior, a promoción internacional e a participación en feiras e misións comerciais.

Toca Carús puxo tamén o foco no papel do financiamento público como ferramenta para acompañar o crecemento empresarial, a través de préstamos, liñas de crédito e instrumentos financeiros adaptados ás distintas fases do ciclo de vida das empresas, desde a creación ata a expansión.

Fondo de Transición Xusta

No marco da xornada, a directora do Igape salientou de maneira específica as dúas novas liñas de axuda vinculadas ao Fondo de Transición Xusta, recentemente publicadas e que se suman a este amplo paquete de apoios. Neste sentido, indicou, destínanse máis de 100 millóns de euros a dous programas dirixidos a impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das centrais térmicas de As Pontes e Meirama.

Así, por unha banda, destacou a apertura da liña de 80 millóns de euros destinada a apoiar grandes proxectos industriais de descarbonización e renovación produtiva, con capacidade tractora para transformar o tecido económico, modernizar procesos e xerar actividade sostible a medio e longo prazo e, por outra, informou da nova convocatoria de préstamos parcialmente reembolsables para pemes, dotada con 22 millóns de euros, dirixida ás empresas da provincia da Coruña.

Ambas convocatorias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa do Fondo de Transición Xusta 2021-2027, contan cun prazo de solicitude de tres meses, co obxectivo de facilitar o acceso das empresas aos apoios e ao financiamento previsto.

A directora do Igape concluíu sinalando que estas xornadas informativas permiten achegar as políticas públicas ás empresas, resolver dúbidas e orientar os proxectos empresariais cara aos instrumentos máis axeitados, “especialmente en comarcas como As Pontes, chamadas a xogar un papel protagonista na nova etapa industrial de Galicia”.

  • A directora de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou esta mañá na presentación do Observatorio da Industria de construcións, estruturas metálicas e cerramentos impulsado por Asime co apoio do Igape

Vigo, 4 de febreiro do 2026

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, avanzou esta mañá o inicio dos traballos de elaboración do Plan director da industria metalmecánica, un dos nove sectores industriais declarados estratéxicos polo Goberno galego e “columna vertebral do tecido industrial galego” segundo subliñou.

Ardao participou en Vigo na presentación do Observatorio da industria de construcións, estruturas metálicas e cerramentos, impulsado pola Asociación de Industria do metal e Tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime) co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), onde apuntou que esta nova ferramenta “poderá axudar a determinar as necesidades sectoriais participando, non só na fase de elaboración do plan, senón tamén no seu seguimento e avaliación posterior”.

A directora xeral lembrou que o Goberno galego está a desenvolver unha estratexia de política industrial dirixida a facilitar o proceso de transformación das industrias galegas. No marco desta nova política industrial declaráronse 9 sectores como estratéxicos: o metalmecánico, a automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, a industria das TIC, o da loxística industrial, a industria da alimentación, o sector téxtil e confección, e a industria da construción. Cadanseu sector vai contar co seu plan director como instrumento para mellorar a competitividade e xerar emprego de calidade.

Na actualidade, están aprobados os planes directores dos sectores da automoción e do naval, mentres que a industria forestal-madeira e a industria das TIC presentaron os anteproxectos ante o Consello da Xunta o pasado mes de xaneiro. No caso da metalmecánica, Ardao lembrou que no marco do convenio asinado con Asime arrancarán os traballos dun plan que incorporará medidas dirixidas a impulsar a modernización e a produtividade, mediante a dixitalización dos procesos e a implantación de novos modelos de produción máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou o potencial de Galicia para situarse á vangarda da tecnoloxía e a innovación. Con este obxectivo, dixo, o seu departamento fixo da innovación empresarial un dos eixos centrais de acción con 47 millóns de euros en axudas dentro do orzamento do Igape para 2026 que xa están abertas a solicitudes.

Lorenzana reuniuse estes días con directivos de Binarial, empresa innovadora de base tecnolóxica e capital 100 % galego dedicada ao desenvolvemento de robótica propia, solucións de automatización e aplicacións de intelixencia artificial de uso industrial. A firma, con sede no Milladoiro (Ames, A Coruña), foi unha das beneficiarias da liña de axudas a startups do Igape nos últimos dous anos.

  • Estes préstamos bonificados de tres a 15 anos pódense solicitar ata o 30 de setembro por importe de entre 3.000 e 1 M€ para investimentos produtivos ou circulante
  • Lorenzana cualifica Panificadora Mencer como “un exemplo de empresa que realiza unha función social moi importante por canto axuda á inserción laboral das persoas con discapacidade”

Bergondo (A Coruña), 31 de xaneiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o apoio financeiro que a Xunta presta este ano ás empresas galegas cunha liña de axudas de acceso ao crédito que está aberta a solicitudes neste momento por importe de 19 M€.

Acompañada da directora do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, Lorenzana visitou hoxe a Panificadora Mencer, un Centro Especial de Emprego que botou a andar hai 12 anos, no que traballan máis de trinta persoas das cales máis do 95 por cento ten algún grao de discapacidade.

Panificadora Mencer, da que a conselleira dixo que é “un exemplo de empresa que realiza unha función social moi importante por canto axuda á inserción laboral das persoas con discapacidade”, foi beneficiaria desta liña de apoios da Xunta. Unha liña de apoios que está entre as que publicou o Igape a inicios de ano por importe total de case 181 millóns de euros e que xa teñen os prazos de solicitude abertos.

A liña de acceso ao crédito está aberta ata o 30 de setembro e ofrece préstamos bonificados de tres a 15 anos para investimentos produtivos ou circulante (terreos, instalacións, equipos, investigación, propiedade intelectual, capital corrente, etc.). O importe é de entre 3.000 e 1 M€. Tamén poden destinarse ao pagamento ou reestruturación de débedas. Con respecto aos préstamos para garantías fronte a terceiros, o importe tamén é entre 3.000 e 1 M€ a un ano.

“Empresas e autónomos xa poden solicitar as principais liñas de axuda que a Xunta (a través do Igape) ten este ano á súa disposición, para financiamento, internacionalización, competitividade ou innovación e dixitalización, que é onde están os maiores retos das empresas neste momento”, concluíu.

  • O delegado territorial da provincia, Javier Arias, explicou que se impulsan proxectos de expansión das pemes cunha axuda media do 30% do investimento subvencionable

Lugo, 30 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia destinou nos últimos meses 2.096.000 euros a 19 pequenas e medianas empresas lucenses para apoiar os seus proxectos de expansión a través do programa “Galicia Inviste”, que xestiona o Instituto Galego de Promoción Económica.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe en Muxa (Lugo) as instalacións de Servizos Agrícolas Castedo, unha das beneficiarias que alcanzou a porcentaxe máxima da axuda para pequenas empresas, fixada con carácter xeral no 35%. Mediante este proxecto, ampliou a súa capacidade de prestación de servizos para explotacións agrícolas e gandeiras coa adquisición dun tractor, unha cisterna, unha rotoempacadora encintadora e unha sementadora.

Arias sinalou que no conxunto da provincia a media dos apoios alcanza o 30% do investimento subvencionable, que superou os 7 millóns de euros -sendo o límite xeral para as medianas empresas do 25%-.

Esta medida financia tanto a creación de novos establecementos como a ampliación dos existentes, desde a adquisición de edificacións ata obras de nova construción, rehabilitación e reformas, a incorporación de maquinaria e mobiliario, ou aplicacións informáticas, entre outros bens.

No municipio de Lugo resultaron beneficiarias sete empresas, que suman achegas por importe de 792.800 euros; rexístranse tamén dúas en Ribadeo e outras tantas en Sarria, e as demais están situadas en Barreiros, Becerreá, Cervo, Guitiriz, Láncara, Pantón, Pol e Rábade.

Javier Arias sinalou que este programa está orientado ás pequenas e medianas empresas “pola súa función decisiva na creación de emprego e polas especiais dificultades que teñen para acceder ao capital e ao financiamento fronte ás grandes corporacións”. Contempla un orzamento total de 10 millóns de euros para o desenvolvemento dos proxectos, que en todo caso deberán estar rematados como máximo en marzo do 2028.

O delegado territorial lembrou que o Igape convoca diversas liñas de axuda para incrementar a competitividade do tecido produtivo galego. Así, vén de abrir o prazo de solicitudes do programa “Galicia Exporta Empresas”, e desde o comezo do ano ten en marcha xa 13 programas que suman máis de 180 millóns de euros de orzamento.