Super User
A Xunta destaca en Vigo o papel do emprendemento innovador como motor de crecemento económico en Galicia
- A directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, participa na inauguración da 19ª edición dos Premios EmprendeXXI, onde pon en valor o ecosistema galego de apoio ás startups e á innovación empresarial
- Galicia consolida unha estratexia pública de apoio ao emprendemento innovador, baseada en financiamento, acompañamento e internacionalización, e reforza un modelo colaborativo que conecta talento, empresas e oportunidades de crecemento
Vigo, 25 de marzo de 2026
A Xunta de Galicia reafirmou hoxe en Vigo o seu compromiso co impulso do emprendemento innovador como unha das principais palancas de transformación económica, no marco da inauguración da 19ª edición dos Premios EmprendeXXI, celebrada no Museo de Arte Contemporánea. No acto participou a directora xeral de XesGalicia, Raquel Rodríguez, quen destacou a evolución do tecido emprendedor galego nos últimos anos e o seu crecente impacto no desenvolvemento económico da comunidade.
Durante a súa intervención, Rodríguez subliñou que Galicia conta xa cun ecosistema emprendedor “que está funcionando”, froito dunha estratexia sostida no tempo impulsada pola Xunta a través da Consellería de Economía e Industria e do Igape. Neste sentido, puxo en valor a existencia de instrumentos de apoio que acompañan ás empresas desde as súas fases iniciais ata a súa consolidación no mercado, combinando financiamento, programas de aceleración, internacionalización e colaboración empresarial .
A directora de XesGalicia incidiu tamén no papel que desempeña esta entidade pública dentro deste ecosistema, actuando como socio financeiro nos momentos clave de crecemento das empresas. Así, destacou que, máis alá do investimento, XesGalicia achega “acompañamento, confianza e visión a longo prazo”, contribuíndo a que os proxectos empresariais poidan consolidarse e escalar con garantías .
Finalmente, Rodríguez resaltou o talento dos proxectos finalistas desta edición, sinalando que representan “un reflexo moi potente do momento que vive Galicia”, cun tecido empresarial innovador, diversificado e con vocación internacional. Ademais, destacou a importancia de iniciativas como os Premios EmprendeXXI —impulsados por CaixaBank e Enisa— para recoñecer, visibilizar e impulsar o talento emprendedor, xerando referentes e fortalecendo o ecosistema empresarial galego.
Rueda aposta pola colaboración público-privada para fomentar un crecemento sustentable e respectuoso co territorio
- Salienta que para que “Galicia medre ben” é preciso “un tecido económico comprometido” co medio ambiente, o bo goberno e o impulso das novas tecnoloxías
- Destaca a boa marcha da economía galega, co paro na cifra máis baixa desde 2007 e cun volume exportador que a situou ao rematar o 2025 entre as primeiras de España
- Resalta o incremento de investimentos en Galicia ao ofrecer un marco de estabilidade
- Avanza que o Goberno galego traballa nun paquete de medidas para paliar os efectos económicos do conflito do Oriente Medio
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou hoxe pola colaboración público-privada entre empresas e administracións á hora de fomentar un crecemento económico de Galicia sustentable e respectuoso co contorno e o territorio. “Galicia pode crecer e crecer ben. Isto depende de todos, pero moi especialmente de ter un tecido económico comprometido”, indicou durante a presentación da sexta edición do Atlas galego da empresa comprometida, que promove anualmente Economía Digital.
Na súa intervención, Rueda fixo tamén mención aos efectos que está tendo na economía o conflito en Oriente Medio. Referiuse a que o Goberno galego está facendo un seguimento coas empresas máis afectadas e avanzou que a Xunta xa traballa en elaborar o seu propio abano de iniciativas para apoiar os diferentes sectores, tendo en conta os problemas que poden ter as empresas co capital circulante e as inversións feitas previamente así como o parón que haberá “nas relacións comerciais, a loxística ou envío de produtos".
En canto ás medidas do Goberno central, destacou que, ao pivotar estas sobre impostos cedidos total ou parcialmente ás comunidades autónomas, isto implica que “Galicia aportará máis de 120 millóns de euros nestes tres meses” para aplicar estas medidas.
Empresas máis comprometidas
Rueda valorou a importancia do Atlas hoxe presentado, unha ferramenta de diagnose, que avalía entre un gran número de empresas galegas valores como o bo goberno, o medio ambiente, a relación coa contorna, as persoas ou o uso da intelixencia artificial. En concreto, este ano participaron no estudo 80 empresas, cunha facturación conxunta superior aos 56.000 millóns de euros, o que representa case o 70% do PIB galego. O presidente salientou que cada vez sexan máis as empresas que buscan compaxinar os beneficios económicos con outros obxectivos “que deixan pegada na terra”.
Nesta liña, o titular do Executivo autonómico valorou a resiliencia e competitividade das empresas galegas, así como o seu compromiso co territorio. Salientou o importante papel que xogan na boa marcha económica da comunidade. Así, entre outros datos, lembrou que a economía galega medrou un 2,6% o pasado ano; que o paro se sitúa na cifra máis baixa desde 2007; e que o seu volume exportador rozou en 2025 os 31.000 millóns de euros, o que a situou entre as cinco comunidades autónomas máis exportadoras.
Apoio ás empresas para fomentar investimentos
“Cada vez máis, confíase en Galicia para investir”, resaltou o presidente da Xunta que apuntou que parte destes bos datos débense tamén á estabilidade de Galicia e as políticas de apoio ás empresas. Entre outras medidas, sinalou que o Executivo autonómico traballa na simplificación e axilización administrativa, a través de iniciativas como a Oficina Económica de Galicia; e que o apoio á innovación é unha prioridade estratéxica.
A Oficina Económica de Galicia colaborará con Espazocoop para promover a implantación de empresas cooperativas na Comunidade
- “Nun momento e nun sector en que tanto se fala de deslocalizacións, é moi positivo reivindicar o modelo contrario: o dunha empresa que non só produce, senón que constrúe; que xera industria, emprego e riqueza aquí”, di
O Porriño (Pontevedra), 20 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Oficina Económica de Galicia vai colaborar con EspazoCoop, a entidade que agrupa as cooperativas galegas, para promover o desenvolvemento e axilizar a implantación na Comunidade de iniciativas empresariais de carácter cooperativo.
Lorenzana visitou hoxe no Porriño as instalacións da empresa Maier Ferrolplast, a primeira sociedade cooperativa mixta que se fundou en Galicia e a maior cooperativa industrial, onde se formalizou a sinatura deste acordo de colaboración. Segundo establece, EspazoCoop e a Oficina Económica de Galicia van traballar da man e de xeito coordinado, de modo que poidan complementar os seus servizos de apoio e asesoramento ás persoas emprendedoras.
A Oficina Económica de Galicia do Igape comprométese, polo tanto, a atender as consultas e proporcionar asesoramento e acompañamento a emprendedores, cooperativas e outras entidades do sector que conforman o ámbito do acordo. E, pola súa banda, EspazoCoop derivará á oficina do Igape calquera proxecto que precise dunha atención que vaia máis aló dos apoios ou servizos que ofrece. Ambas as dúas manteranse en contacto permanente co fin de visibilizar o cooperativismo como fórmula de autoemprego e de emprendemento empresarial.
Na súa intervención, Lorenzana gabou o exemplo de Maier Ferroplast que, segundo dixo, dentro do sector da automoción, “non é só unha planta de produción, é un proxecto de persoas”; unha empresa onde é posible combinar o arraigo local cunha visión global e competitiva, afirmou. “Nun momento e nun sector en que tanto se fala de deslocalizacións, é moi positivo reivindicar o modelo contrario: o dunha empresa que non só produce, senón que constrúe; que xera industria, emprego e riqueza aquí”, concluíu.
A Xunta formaliza o acordo de financiamento para a construción da primeira planta de cría de salmón que se levantará en Galicia
- A iniciativa está promovida por Seafood Legacy e é un proxecto estratéxico para consolidar o liderado da acuicultura galega
- A sinatura, na que participaron a Xunta de Galicia, a través do Igape e XesGalicia, o Instituto de Crédito Oficial (ICO), o Banco Santander e Abanca, tivo lugar esta mañá
- A Xunta destaca aposta de Seafood Legacy pola industria en Galicia e a confianza depositada no Goberno galego
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) acolleu hoxe en Santiago a sinatura do acordo de financiamento de Seafood Legacy Spain S.L. para o desenvolvemento dun proxecto estratéxico de acuicultura sostible en Burela (Lugo), baseado en sistemas avanzados de recirculación de auga (RAS). A iniciativa, que o Igape apoia cun préstamo de 5 millóns de euros, impulsa a posta en marcha da primeira planta de cría de salmón da comunidade galega, que ocupará unha parcela de preto de 20.000 m² no porto burelense e que se estima que creará en torno a un cento de postos de traballo directos e indirectos.
A sinatura foi realizada coas entidades financeiras colaboradoras (Banco Santander e Abanca) e o ICO. Así, a Consellería de Economía e Industria achega 8,5 millóns de euros despois da realizada por Xesgalicia (3,5 M€). En total, a Xunta destina 33,5 millóns de euros dos que a Consellería do Mar achega 25 millóns cofinanciados co Fondo Europeo de Pesca e Acuicultura (Fempa).
A acuicultura consolídase como un dos sectores con maior potencial de futuro para Galicia, tanto polo seu arraigo na economía do mar como pola súa capacidade para integrar innovación, tecnoloxía e sustentabilidade. Neste contexto, o proxecto promovido por Seafood Legacy é unha iniciativa de relevancia para avanzar na modernización do sector e reforzar o posicionamento da Comunidade como referente internacional.
O investimento, por importe de máis de 100 millóns de euros, reflicte a decidida aposta de Seafood Legacy Spain por Galicia, aproveitando o seu coñecemento, o seu ecosistema industrial e o seu liderado no ámbito mariño. O proxecto oriéntase a desenvolver unha acuicultura moderna, eficiente e de alto valor engadido, aliñada cos retos globais de sustentabilidade e seguridade alimentaria.
A sinatura do acordo supón un fito clave para a posta en marcha da iniciativa e permitirá avanzar na construción dunha instalación que terá un impacto moi significativo na economía da comarca da Mariña lucense, coa xeración de emprego e a dinamización do tecido produtivo.
O acordo de financiamento foi posible grazas á colaboración da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, a través do Igape e XesGalicia, xunto co Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as entidades financeiras Banco Santander e Abanca, nun exemplo de implicación conxunta das institucións públicas e privadas.
A futura instalación empregará tecnoloxía RAS, que permite optimizar o uso da auga, mellorar a bioseguridade e reducir significativamente o impacto ambiental fronte aos modelos tradicionais de acuicultura. Unha vez operativa, a planta contribuirá ao fortalecemento do sector acuícola galego, ao desenvolvemento económico rexional e á consolidación dun modelo produtivo máis innovador e sostible.
Con este proxecto, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso co impulso de sectores estratéxicos como a acuicultura, promovendo iniciativas que combinan innovación, sustentabilidade e xeración de emprego, e contribuíndo a consolidar Galicia como un referente europeo na economía do mar.
Lorenzana avanza que a Xunta trasladará ao Goberno os puntos críticos que se detecten na mesa de apoio loxístico ás empresas que operan en oriente medio
- Avoga pola prudencia e por agardar a que se coñezan as medidas que o Goberno vai aprobar no Consello de Ministros extraordinario do vindeiro venres
- Informa de que estes días mantivo contactos co secretario de Estado de Industria, Jordi García, a quen agradeceu que teña “a mellor das disposicións” para colaborar
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta vai trasladar ao Goberno os puntos críticos que se detecten na mesa de apoio loxístico activada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para facer seguimento das empresas galegas que operan en Oriente Medio.
Nunha visita ás instalacións da empresa Papelera de Brandía, en Santiago de Compostela, Lorenzana avogou pola prudencia e por agardar a que se coñezan as medidas que o Goberno vai aprobar no Consello de Ministros extraordinario do vindeiro venres.
Ao respecto, a conselleira informou de que estes días mantivo contactos co secretario de Estado de Industria, Jordi García, a quen agradeceu que teña “a mellor das disposicións” para colaborar en “paliar algo que de momento é conxuntural pero que xa está afectando moito desde o punto de vista dos custos loxísticos ou enerxéticos”.
“No que quedamos é en que, tras ver o que se aprobe no Consello de Ministros, se hai algún punto crítico dalgún sector produtivo ou dalgunha empresa en Galicia trasladarémolo”, dixo. Avanzou, así, que a finais desta mesma semana estarán os datos que se solicitaron na mesa de apoio loxístico convocada o pasado 10 de marzo, desde onde se están a monitorizar todos os sectores afectados en Galicia para coñecer de primeira man o efecto do conflito en Oriente medio na súa actividade exportadora.
Con todo, Lorenzana subliñou que as medidas de apoio teñen que adoptarse a nivel nacional porque “non é un tema de ningunha comunidade autónoma” senón de España e do bloque comercial europeo.
Papelera de Brandía
Con respecto á visita a Papelera de Brandía, a conselleira salientou que se trata dunha empresa familiar das máis lonxevas de Galicia que traballa con recursos naturais, que incorpora moita tecnoloxía e innovación nos seus procesos e que está moi internacionalizada porque exporta a países de todo o mundo.
É unha empresa, dixo, que encarna os obxectivos que a Xunta persegue coa Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 aprobada a finais do pasado ano e coa Estratexia de Internacionalización, fundamentais, dixo nun contexto xeopolítico tan complicado onde tamén salientou que a política industrial debe ir ligada á enerxética.
Lorenzana advirte dos perigos do negacionismo industrial e reclama máis política de país e menos trabas para que Galicia poida seguir medrando
- “O Goberno galego vai seguir apoiando o desenvolvemento industrial, porque apoialo é apoiar o crecemento da comunidade” insistiu
- Defende a política industrial e económica da Xunta coa posta en marcha da Oficina Económica do Igape, o Plan de aceleración industrial coa figura dos proxectos industriais estratéxicos e a estratexia de aproveitamento dos recursos naturais
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe a necesidade de desterrar o negacionismo industrial de Galicia “porque pode chegar a escorrentar investimentos na nosa comunidade”. “Por moita seguridade e estabilidade que ofreza o Goberno galego, se cada proxecto que chega se recorre e se suspende, pode provocar que os empresarios marchen a outro territorio onde sexa máis sinxelo investir e haxa menos conflitividade”, advertiu Lorenzana ao tempo que lanzou unha mensaxe de optimismo. “Con toda a prudencia que temos que ter no momento actual, de moitísima sensibilidade polas dificultades e as sorpresas que nos están dando os mercados internacionais, Galicia é un bo lugar para investir”.
Lorenzana, acompañada da directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou na presentación do Informe de Conxuntura Económica 2025 de Galicia, onde asegurou que o Goberno galego acertou cando apostou por impulsar unha política industrial baseada na desburocratización e no abaratamento da enerxía. “Temos que ser cautos pero os últimos datos a nivel de exportacións nos consolidan no quinto posto e o crecemento do emprego industrial nas últimas EPAs é francamente bo e moi por riba do Estado”, destacaba a conselleira.
Neste punto, abondou nos piares nos que se asenta a política industrial e económica da Xunta de Galicia: a eliminación da burocracia a través da posta en marcha da Oficina Económica do Igape, que conta cunha área de innovación empresarial “porque a transferencia de coñecemento é clave”; un plan de aceleración industrial que ten unha figura básica como son os proxectos industriais estratéxicos (PIEs), que na actualidade alcanzan a cifra de 15 entre os que xa están aprobados e os que están en tramitación. E, finalmente, se referiu á estratexia vinculada ao aproveitamento respectuoso dos recursos naturais a través da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que busca conciliar o seu aproveitamento coa xeración de riqueza no territorio.
Sen embargo, a titular de Economía do Goberno galego lamentou “que por un lado esteamos falando de descarbonización, onde Galicia xa está por riba dos obxectivos fixados no PNIEC para esta década, e sen embargo non esteamos poñendo o investimento suficiente na rede de transporte eléctrica para garantir a evacuación e o subministro da enerxía eléctrica”.
Finalmente, María Jesús Lorenzana gabou a calidade do informe, que definiu como “claro, completo e cunha visión moi estratéxica da realidade da comunidade”, ao tempo que insistiu en que “Galicia ten todo para liderar un desenvolvemento económico de primeiro nivel”.
A Xunta solicita ao Goberno central unha reunión urxente para abordar coas comunidades autónomas o impacto económico do conflito en Oriente Medio
- Así o reclamou hoxe a conselleira de Economía e Industria, logo de que se celebrase esta mañá a reunión da Mesa de Apoio Loxístico á Empresa convocada polo Igape e na que participaron os principais clústeres de Galicia
- O Igape vai facer unha toma de datos e monitorizar a situación dos sectores
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou hoxe unha reunión urxente co ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, para abordar coas comunidades autónomas o impacto económico que está a ter o conflito en Oriente Medio e poñer en común problemáticas e posibles apios ás empresas exportadoras.
“Cremos que o ministro debería estar xa convocando ás comunidades autónomas para coñecer de primeira man como están os sectores en cada territorio e, tamén, para propoñer as primeiras medidas”, dixo Lorenzana en declaracións aos medios, onde recoñeceu que, aínda que é cedo para saber a medio prazo cales poden ser as consecuencias, a principal preocupación está na suba dos custos loxísticos que están asumindo as empresas, así como os prezos dos carburantes.
A conselleira fixo estas declaracións logo de que se celebrase esta mañá a reunión da Mesa de Apoio Loxístico á Empresa convocada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e na que participaron representantes dos clústers da automoción (Ceaga), da Función Loxística de Galicia, do sector téxtil (Cointega), da industria metalúrxica (Asime), do sector alimentario (Clusaga) e o Clúster do Granito.
Segundo explicou, a partir de agora, a Xunta vai facer unha toma de datos durante quince días e vai monitorizar a situación dos distintos sectores para volver convocar outra xuntanza. Mentes, insistiu, é “crucial” que o Goberno se reúna coas comunidades autónomas e expoña cales son as súas propostas, tendo en conta que España “forma parte, conversa e decide no bloque comercial único que é a UE”.
A reunión da Mesa de apoio loxístico
Durante o encontro púxose de manifesto que a situación internacional está a provocar reaxustes nas rutas marítimas, incrementos nos fretes e a aplicación de recargos vinculados ao contexto internacional, factores que están a encarecer o transporte internacional mesmo en rutas afastadas da zona do conflito. Tamén se advertiu dun aumento da conxestión portuaria e da necesidade de reforzar os stocks, ante posibles incumprimentos nos prazos de entrega por parte das navieiras.
Desde o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), advertiuse da preocupación pola volatilidade dos prezos e polo encarecemento da enerxía, mentres que Ceaga, o Clúster da Automoción de Galicia, indicou que polo momento non se detecta un impacto directo na cadea de subministración, aínda que existe incerteza pola evolución do contexto internacional.
Pola súa banda, Cointega, o Clúster Téxtil Moda Galicia, destacou a relevancia de Oriente Medio para o sector e a posibilidade de que o conflito xere sobrecustos loxísticos ou alteracións nas cadeas de aprovisionamento. Así mesmo, Asime e o Clúster do Granito advertiron do impacto do incremento dos custos enerxéticos e das materias primas, así como das posibles repercusións nos proxectos internacionais e nas operacións comerciais na rexión.
Na xuntanza tamén se compartiu información trasladada polo director da antena do Igape en Dubai, que achegou datos directos sobre a evolución da situación económica e empresarial na rexión. A antena do Igape continúa ademais plenamente operativa e realiza un seguimento continuo da actividade empresarial na zona.
O Igape organiza unha Xornada País sobre Marrocos para impulsar a internacionalización das empresas galegas
- O evento, que se celebrará o vindeiro 23 de marzo no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, reunirá empresas con experiencia no mercado africano e contará coa participación da Antena do IGAPE en Marrocos.
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) celebrará o vindeiro 23 de marzo a Xornada País Marrocos, un encontro dedicado a explorar as oportunidades de negocio que ofrecen Marrocos e o continente africano para as empresas galegas. O acto terá lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, en horario de 9:30 a 11:00 horas.
A xornada, enmarcada no programa de Xornadas País que impulsa o Igape, ten como obxectivo achegar ás empresas galegas a realidade económica e comercial de Marrocos, un mercado de crecente interese estratéxico e con importantes perspectivas de expansión para o tecido empresarial de Galicia.
Programa da xornada
A sesión arrancará ás 9:30 h cunha benvida institucional a cargo dun representante da Xunta de Galicia. A continuación, a partir das 9:40 h, desenvolverase o bloque principal de contidos, articulado arredor de tres eixes temáticos:
- “Boas prácticas nos negocios en Marrocos e África”
- “Experiencia de mercado: que nos ofrece África?”
- “Próximas accións comerciais en África”
Os relatores desta sesión serán David Garay, director da Antena do IGAPE en Marrocos; Xoán Martínez, CEO de Kaleido Logistics; e Paula Conde, COO de Regalsa Facility Services, dúas compañías cunha presenza sólida no mercado marroquí e africano. A xornada concluíra cun espazo de Café Networking a partir das 11:00 h.
Reunións B2B coa Antena de Marrocos
Como valor engadido, as persoas participantes terán a posibilidade de concertar reunións individuais coa Antena Empresarial da Xunta en Marrocos os días 23 e 24 de marzo, co obxectivo de presentar directamente os seus produtos e servizos e recibir asesoramento personalizado sobre o mercado marroquí. Estas reunións deben solicitarse no momento da inscrición.
>>INSCRÍBETE AO EVENTO<<
>>DESCARGA O PROGRAMA<<
Martina Aneiros ratifica o apoio da Xunta as empresas a través das axudas IA360 para a innovación empresarial dotadas de 10 M€
- Este programa do Igape ten por obxecto potenciar a innovación empresarial a través do desenvolvemento e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor
- O prazo para esta convocatoria dirixida a pemes e grandes empresas continúa aberto ata o 16 de marzo
Ferrol, 5 de marzo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, ratificou esta mañá o apoio do Goberno galego ás empresas galegas a través da nova convocatoria de axudas IA360 para a innovación empresarial do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que está dotada de 10 M€ e cuxo prazo de solicitude remata o 16 de marzo. A responsable autonómica informou destes apoios durante a visita efectuada esta mañá á empresa STGO, beneficiaria dunha axuda de 127.000 € no marco deste programa na súa pasada edición, que deixou en Ferrolterra un total de case 610.000 € en achegas a 6 empresas.
Durante a visita, Aneiros lembrou que o obxectivo das axudas é o de potenciar a innovación empresarial a través do desenvolvemento e a aplicación da intelixencia artificial (IA) no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, financiando actividades integradas en proxectos desta índole. Ademais apuntou que, con estas achegas, as empresas poderán costear custos de persoal, de material e de subcontratación, entre outros.
Esta convocatoria, dotada de 10 M€ ata 2027, está dirixida a pemes e grandes empresas galegas, así como ás que teñen un centro de traballo permanente constituído na comunidade. As axudas están distribuídas en dos liñas cun orzamento de 5 M€ cada unha. A liña A contempla a financiación de actividades de desenvolvemento de produtos ou servizos baseados na IA para a mellora de procesos industriais e a comercialización de novos produtos. Esta ten un importe mínimo subvencionable de 150.000€. A liña B, por outra banda, está adicada á adquisición e implantación de solucións baseadas na intelixencia artificial para a mellora da produtividade empresarial, e conta cun mínimo subvencionable de 30.000€.
A delegada territorial valorou o proxecto posto en marcha por STGO centrado no uso de robots cuadrúpedos en entornos industriais. Con este proxecto a empresa traballa diferentes obxectivos, como a xestión de datos , a eficiencia operativa e ata a seguridade laboral, reducindo a exposición física do persoal técnico a áreas de risco.
Lorenzana destaca a boa saúde do naval galego, que concentra preto dun terzo da contratación nacional
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe o bo momento que atravesa o sector naval galego, cunha ocupación produtiva que xa ronda de media o 80% e concentra aproximadamente un terzo da contratación nacional. Lorenzana destacou estes datos nunha reunión de traballo mantida esta tarde en San Caetano co director xeral de Astilleros Freire, Marcos Freire. A conselleira aproveitou para felicitalo polo novo contrato asinado coas Forzas Aramadas suecas para a construción de catro buques destinados a misións de apoio naval.