Super User

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Vigo no panel sobre Presente e oportunidades da Intelixencia Artificial no marco do evento Galia Tech, onde salienta que a IA permitirá ás empresas galegas ser máis eficientes e diferenciarse nos mercados internacionais
  • Lembra que o Goberno galego está a promover programas de axudas como IA360, potenciando as Business Factories ou impulsando os hubs DIHGIGAL e DATAlife para achegar a tecnoloxía a pemes e autónomos
  • Destaca a aposta da Xunta pola formación e a retención de talento, na procura de que a transición cara á intelixencia artificial se traduza en emprego cualificado e estable

 

Vigo, 24 de setembro de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no panel “Presente e oportunidades da Intelixencia Artificial”, no marco do evento Galia Tech celebrado no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. No seu relatorio, subliñou que a intelixencia artificial “supón para Galicia unha panca de transformación” e que se trata dun factor estrutural de competitividade que marcará “a diferenza entre liderar ou quedar atrás”.

Toca explicou que no curto prazo a intelixencia artificial permitirá ás empresas galegas reducir custos, optimizar procesos produtivos e mellorar a súa capacidade de anticipación, mentres que no medio prazo abrirá novas oportunidades de internacionalización e diferenciación con produtos e servizos de maior valor engadido. Citou, entre outros, sectores como a industria, o agroalimentario, o naval, a automoción, a enerxía ou a saúde, nos que a intelixencia artificial xa está a ofrecer solucións concretas.

A responsable do Igape recoñeceu tamén que a adopción desta tecnoloxía segue a ser baixa, especialmente nas micropemes e nos autónomos, pero recalcou que “a responsabilidade da Xunta é derrubar barreiras e garantir que ninguén quede atrás”.

Neste sentido, destacou a importancia de apoiar as startups e o emprendemento innovador, que actúan como motor de transferencia tecnolóxica e dinamizadores do tecido produtivo. Toca lembrou que a Xunta de Galicia está a promover instrumentos clave como o programa de axudas para empresas IA360, as Business Factories sectoriais ou os hubs europeos DIHGIGAL e DATAlife, que achegan a tecnoloxía a pemes e autónomos, impulsan a creación de novas empresas e facilitan a súa conexión con investidores e mercados internacionais.

Finalmente, referiuse ao impacto da intelixencia artifical no mercado laboral, defendendo unha visión optimista baseada na formación, na atracción de talento e na creación de emprego cualificado. Segundo concluíu, a prioridade da Xunta é que a transición cara á intelixencia artificial “sexan unha historia de éxito compartido”, na que Galicia se consolide como referente europeo en innovación, sustentabilidade e talento.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Tokio coa Japan External Trade Organization (Jetro), o organismo oficial de Xapón para promover o comercio exterior
  • Lorenzana expón as vantaxes que ofrece Galicia a nivel de axilidade administrativa, acceso a solo industrial e política de abaratamento da enerxía “para que os investidores xaponeses atopen un mercado confiable e un Goberno estable que apoia as empresas”, di
  • “Constatamos que existe un marco de traballo común en torno ao obxectivo de fomentar o investimento estranxeiro directo, que para nós, para Galicia, é clave”, afirma
  • Apunta que Xapón, a cuarta economía mundial, pasou de ser o 31º destino das exportacións galegas en 2019 a ser o 29º no 2024 con 122 M€

 

Tokio (Xapón), 19 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe, por primeira vez fóra de España, a Oficina Económica de Galicia nun encontro que mantivo con membros da Japan External Trade Organization (Jetro), un organismo gubernamental que traballa para promover o comercio e o investimento mutuo entre Xapón e o resto de países.

Lorenzana explicou que a Xunta decidiu que a presentación internacional desta oficina se realizase en Asia porque este mercado “ten un valor estratéxico clave” para as empresas galegas. Así, precisou que as exportacións totais de Galicia ao continente asiático en 2024 acadaron os 1.075 M€ e, no primeiro semestre deste ano, xa rexistran un incremento do 5,3 % con respecto ao mesmo período do exercicio anterior. No caso concreto de Xapón, apuntou que en 2024 foron 122 M€ o valor do exportado desde Galicia a ese país que, nos primeiros seis meses de 2025, xa creceu un 30 % en relación ao pasado ano.

Neste contexto, indicou que a xuntanza coa Jetro serviu para expoñer as oportunidades que agora mesmo existen de investir en Galicia e todas as vantaxes que ofrece a Oficina Económica como “porta de entrada única” para todos os investidores que queiran establecerse na comunidade. Así, destacou a axilidade administrativa, o financiamento, o acceso a solo industrial, a política de abaratamento da enerxía e o binomio industria-enerxía, “para que os investidores xaponeses atopen en Galicia un mercado confiable e un Goberno estable que apoia as empresas”, subliñou.

“Constatamos que existe un marco de traballo común en torno ao obxectivo de fomentar o investimento estranxeiro directo, que para nós, para Galicia, é clave”, afirmou. Polo tanto, proseguiu, o obxectivo é “seguir establecendo contactos e fortalecendo as relacións institucionais e empresariais cun país e con todo o continente asiático que, estamos convencidos, pode ofrecer moitas posibilidades de crecemento e expansión para a economía galega”, dixo. 

Lorenzana apuntou que Xapón, a cuarta economía mundial, pasou de ser o 31º destino das exportacións galegas en 2019 a ser o 29º no 2024 con 122 M€ e un total de 155 empresas exportadoras das que case a metade, o 44,5 %, xa opera no país de forma regular. Segundo indicou, Xapón é un destino moi prometedor para a economía e as empresas galegas, especialmente, en sectores como a automoción -a súa tecnoloxía e compoñentes-, o alimentario ou a industria química, os que rexistran un maior índice de exportacións ao país nipón.

Do mesmo xeito, puxo en valor que xa son varias as empresas xaponesas instaladas en Galicia, de sectores diversos, entre as que destacan: Resonac (A Coruña), que vai producir grafito para baterías de coches eléctricos; Denso Sistemas Térmicos (Vigo), de compoñentes de automoción; NTT Data (A Coruña), especializada en tecnoloxías dixitais; Fujitsu, vinculada ao Centro de Supercomputación de Galicia en Santiago (Cesga); as pesqueiras Europacífico Alimentos del Mar (Vigo), de Nissui Corporation, e Wadayku Europe (O Porriño); Univergy Solar, que conta coa aprobación para crear unha estación pública de hidróxeno verde no porto de Vigo; Sojitz Corporation, que participa no proxecto de hidróxeno verde H2Pole en colaboración con Reganosa na Coruña; ou Toyota, a través dos modelos Proace da marca xaponesa que fabrica Stellantis Vigo.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu esta tarde a unha recepción institucional na Embaixada de España en Xapón
  • Na recepción participaron tamén empresas galegas establecidas no país, como Adolfo Domínguez, Coren ou Trison, e compañías xaponesas con sede en Galicia
  • Destaca que se consolida á alza a porcentaxe de empresas galegas con exportacións fixas a Xapón, que pasou do 38 % en 2024 ao 44,5 % no que vai de 2025 (69)

 

Tokio (Xapón), 18 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por seguir fortalecendo as relacións comerciais entre Galicia e Xapón; un destino, dixo, ao que cada vez exporta de forma regular unha porcentaxe maior de empresa galegas.

Lorenzana asistiu hoxe a unha recepción institucional na Embaixada de España en Xapón na que participaron, tamén, empresas galegas establecidas no país como Adolfo Domínguez, Coren ou Trison, e compañías xaponesas con sede en Galicia. A todas elas, a conselleira trasladoulles todo o apoio do Goberno galego para seguir estreitando as relacións económicas entre Galicia e Xapón e atopar novas oportunidades de negocio e expansión nese mercado.

A conselleira destacou que de xaneiro a xuño de 2025 foron 155 as empresas galegas que exportaron ao país nipón, cun 44,5 %, case a metade, que o fai xa de forma regular. Isto significa que se consolida á alza a porcentaxe de empresas galegas con exportacións fixas a Xapón, que pasou do 38 % en 2024 ao 44,5 % no que vai de 2025 (69).

Por sectores, o principal sector exportador é o da automoción, que en 2024 mobilizou 59,9 M€ e, ata xuño deste ano, 36,6 M €. É un sector que, entre 2019-2023 rexistrou un aumento do 613 %, o que o converte nun dos que acadou un maior crecemento. Síguelle o da alimentación, con 33,5 M€ en 2024 e 15,6 M€ nos seis primeiros meses deste ano. E, en terceira posición, está o sector das industrias químicas que, precisamente, rexistrou un pico exportador en 2024 (5,8 M€), un 68,1 % superior a 2023.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, concluíu a súa viaxe a Xapón cunha visita á Oficina Comercial de España no país e a Antena do Igape
  • “Todo proxecto con interese por instalarse en Galicia vai atopar ao outro lado unha Administración coa man tendida e disposta a ofrecer solucións e garantías”, apunta

 

Tokio (Xapón), 20 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, concluíu hoxe a súa viaxe a Xapón cunha visita á Oficina Comercial de España no país, onde ratificou o obxectivo da Xunta de facer de Galicia un polo de atracción de investimento industrial.

Nunha xuntanza co Conselleiro Económico e Comercial Xefe, Gonzalo Ramos, Lorenzana abordou a política económica e industrial que está a desenvolver Galicia, baseada, fundamentalmente, na desburocratización para atraer investimentos en áreas clave como as enerxías renovables.

Ao respecto puxo en valor a función da Oficina Económica de Galicia como un órgano interlocutor do Goberno galego coas empresas, tamén do eido internacional, encargado de seguir de cerca as necesidades do tecido empresarial e de prestar un servizo de asesoramento personalizado e integral.

Nese sentido, apuntou que “todo proxecto con interese por instalarse en Galicia vai atopar ao outro lado unha Administración coa man tendida e disposta a ofrecer solucións e garantías”, unha das premisas que quixo poñer de manifesto en cada unha das xuntanzas que mantivo durante a súa estadía en Xapón.

Finalmente, Lorenzana non quixo marchar de Xapón sen coñecer a Antena do Igape no país nipón, onde aproveitou para felicitar ao persoal polo bo traballo que están a realizar apoiando as iniciativas de internacionalización das empresas galegas.

  • Galicia estará presente neste evento durante a semana do 16 ao 21 de setembro con toda unha serie de actividades culturais e gastronómicas organizadas por Turismo de Galicia no Pavillón de España
  • A conselleira terá ocasión de reunirse con empresas de interese para Galicia como son Fujitsu Limited, Orix Corporation ou Inaba Foods

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, viaxará esta semana a Xapón, onde asistirá á celebración do Día de Honra de Galicia na Exposición Universal de Osaka 2025 e manterá, tamén, unha axenda con diversos encontros empresariais.

A Exposición Universal de Osaka 2025, que se celebra entre o 13 de abril e o 13 de outubro, está organizada pola Bureau International des Expositions (BIE) baixo o lema “Deseñar a sociedade do futuro e imaxinar a nosa vida de mañá”. Galicia estará presente durante a semana do 16 ao 21 de setembro con toda unha serie de actividades culturais e gastronómicas organizadas por Turismo de Galicia no Pavillón de España.

No plano económico, xa en Tokio, María Jesús Lorenzana terá ocasión de participar nun encontro organizado pola Embaixada de España en Xapón con empresas galegas establecidas no país e con compañías xaponesas con sede en Galicia. Durante a súa estadía, reunirase con representantes de Fujitsu Limited, Orix Corporation ou Inaba Foods, firmas de interese para Galicia. Ademais, tamén visitará a Oficina Comercial de España en Xapón, a Cámara de Comercio e Industria Española no país, e manterá un encontro coa Japan External Trade Organization (Jetro), unha organización gubernamental dedicada a promover o comercio internacional e o investimento con Xapón.

O obxectivo da viaxe é seguir estreitando as relacións comerciais e culturais que Galicia vén mantendo co país nipón, con cifras á alza non só a nivel turístico senón, tamén, de empresas galegas que xa exportan de forma regular a este mercado.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, expón no Parlamento de Galicia un modelo que busca facilitar o labor das empresas, unha xanela única que simplifica trámites, reduce burocracia e ofrece acompañamento en tempo real, situando ao tecido produtivo no centro da acción pública
  • Subliña que no seu primeiro ano de actividade a Oficina sumou máis de 26.800 consultas, das que o 84% foron resoltas no acto, celebrou preto de 1.300 reunións, e acompañou máis de 330 proxectos de especial relevancia
  • Avanza que se está a ultimar a habilitación dun punto permanente en Madrid e destaca a conexión coas antenas do Igape en China, México, Emiratos Árabes Unidos, Xapón e Marrocos e EE.UU., de especial relevancia no marco da nova política arancelaria
  • Resalta a incorporación de servizos innovadores como o climate proofing ou os Grupos de Traballo con Empresas, xunto co reforzo da colaboración bancaria para garantir financiamento adaptado a proxectos
  • Salienta que a Oficina está a impulsar proxectos tractores en sectores clave, xerando emprego cualificado e novas plantas, ao tempo que se facilita a implantación industrial en concellos pequenos para fixar poboación e garantir equilibrio territorial

Santiago, 11 de setembro de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta do traballo que está a desenvolver a Oficina Económica de Galicia, un instrumento que, como subliñou, é xa unha realidade consolidada que “representa unha nova forma de entender a relación entre a Administración e o noso tecido produtivo”.

Neste sentido, Toca Carús sinalou que a Oficina foi concibida como unha xanela única de atención centralizada, nacendo co obxectivo de desburocratizar, simplificar e acompañar ás empresas en tempo real, ofrecendo itinerarios completos que inclúen asesoramento técnico, análise de viabilidade, acceso a financiamento, coordinación administrativa e apoio á implantación final dos proxectos.

A directora do Igape destacou que, no seu primeiro ano de funcionamento, a Oficina atendeu máis de 26.800 consultas, das que o 84 % se resolveron no acto, e celebrou preto de 1.300 reunións de asesoramento empresarial. Así mesmo, a Oficina está a acompañar máis de 330 proxectos de especial relevancia. Deste xeito, afondou os datos confirman “unha administración próxima, áxil e útil, valorada polas empresas cunha nota media superior a 4,8 sobre 5”.

Durante a súa intervención, Toca Carús expuxo que a estrutura da Oficina baséase en cinco piares: un espazo físico diferenciado e accesible, a transformación tecnolóxica con ferramentas dixitais avanzadas, un equipo humano especializado, a coordinación interdepartamental e unha estratexia de comunicación clara e directa.

Todo isto, continuou a directora, compleméntase cunha rede de expertos externos en ámbitos como financiamento, enerxía, innovación ou sustentabilidade, e con programas como o Reacciona, que ofrecen apoio en competitividade, internacionalización e dixitalización.

Crecemento da Oficina

A directora do Igape salientou tamén o proceso de expansión da Oficina, que en vindeiras datas contará cun punto permanente en Madrid, situado na Casa de Galicia, pensado tanto para empresas galegas que operan na capital como para investidores interesados en proxectos no noso territorio. Ademais, reforzouse a conexión coa rede internacional de antenas do Igape en EE.UU., China, México, Emiratos Árabes Unidos, Xapón ou Marrocos, que facilitan contactos, identifican oportunidades e acompañan a internacionalización empresarial.

Neste contexto, Toca Carús puxo en valor o papel que está a xogar a Antena de Miami para “protexer ás empresas galegas” nun mercado marcado pola nova política arancelaria. Fronte a ela, lembrou, estase a despregar un paquete de medidas que inclúe asesoramento personalizado, axudas ás compañías máis expostas e o impulso á diversificación de mercados adaptando as estratexias de exportación.

Novos servizos

Outra das novidades, proseguiu a directora, é a incorporación de novos servizos especializados, como o climate proofing, que integra a adaptación ao cambio climático no deseño dos proxectos de infraestruturas, ou os Grupos de Traballo con Empresas, metodoloxía pioneira para coordinar proxectos de gran envergadura que requiren longa execución e atención continua. Así mesmo, e no ámbito financeiro, reforzouse a colaboración co sistema bancario para ofrecer financiamento adaptado.

O impacto desta estrutura vese xa no impulso a proxectos tractores en sectores como a automoción, o naval, a enerxía renovable, a economía circular, as TIC, a biotecnoloxía, o turismo ou o contract. Estes proxectos, salientou Toca Carús, “tradúcense en emprego cualificado, novas plantas produtivas e oportunidades para que a mocidade galega atope futuro aquí”. Ademais, grazas ás novas figuras de solo como as Zonas Industriais Rurais (ZIR) e as ZAPES, facilítase a implantación de industria en concellos pequenos, contribuíndo ao equilibrio territorial e á loita contra a despoboación.

“A Oficina Económica resolve, facilita e conecta; transmite unha mensaxe clara: a Xunta de Galicia está aquí para escoitar, apoiar e impulsar. Quen aposta por Galicia, sabe que Galicia aposta por el”, concluíu a directora do Igape.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Nigrán as instalacións de Vig-Sec Drone, unha startup especializada en servizos operativos con drons

Nigrán (Pontevedra), 7 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o papel das startups como un modelo viable, innovador e con futuro para Galicia, e subliñou o compromiso da Xunta para reforzar o seu apoio desde todos os ámbitos institucionais.

Lorenzana, visitou en Nigrán as instalacións da empresa Vig-Sec Drone, unha startup especializada en servizos operativos con drons, instrución de pilotos que requiren de capacidades especiais, e desenvolvemento de software para a xestión de operacións de apoio á seguridade e ás emerxencias. Durante a visita destacou que o Goberno galego está a traballar man a man co sector privado para facer realidade proxectos que transformen a industria galega.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou no concello lucense esta feira que combina música, obradoiros, xogos tradicionais e exposicións vinculadas á cultura do viño

O Saviñao (Lugo), 6 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada polo alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, animou hoxe a visitar esta fin de semana a VI Festa da Vendima, escaparate do sector vitivinícola e que combinará música, talleres, xogos tradicionais e exposicións vinculadas á cultura do viño.

Durante o sábado e o domingo, as persoas asistentes poderán participar en obradoiros de cata de uvas e viño, talleres de cociña en vivo, obradoiros de artesanía, e ademais, os máis pequenos poderán desfrutar de xogos tradicionais. A Fundación Artesanía de Galicia colabora por segundo ano consecutivo nesta festa a través de obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos.

  • O Goberno galego incrementou o orzamento deste programa de apoios ata os 19 millóns de euros que poderían poñer en circulación ao redor de 150M€
  • Ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 millón de euros para investimentos produtivos, circulante e tamén para pagamento ou reestruturación de débedas e o prazo para solicitalos permanecerá aberto ata o 30 de setembro

Chantada (Lugo), 6 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou esta mañá a boa acollida que, unha edición máis, está a ter a liña de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas Igape-Pemes, que leva recibidas no que vai de ano 1.578 solicitudes por un importe que supera os 241 millóns de euros. 

A titular de Economía e Industria avanzaba estes datos durante a súa visita ao establecemento de turismo rural Casas do Pincelo, emprazado na localidade de Chantada, na provincia de Lugo, e que resultou beneficiada cun apoio deste programa na convocatoria do ano 2024. Concretamente, para levar a cabo as labores de rehabilitación dun dos edificios que compoñen este complexo residencial, así como para a construción dunha nova edificación. 

María Jesús Lorenzana lembrou que o Goberno galego destina a esta iniciativa 19 millóns de euros para este ano, que posibilitará máis dun milleiro de operacións. Deste xeito, as axudas terán un impacto previsto en operacións financeiras que poderá alcanzar os 150 millóns de euros no ano 2025.  O prazo para solicitar os apoios remata o vindeiro 30 de setembro.

Con máis detalle, a conselleira explicou que a liña Igape-Pemes ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 millón de euros para investimentos produtivos, circulante e, tamén, para pagamento ou reestruturación de débedas. E afondou nas novidades da actual convocatoria entre as que destacou a flexibilización dos requisitos de xustificación ou a rebaixa do tipo de xuro máximos coa baixa do diferencial ao 1,80.

A liña Igape-Pemes leva beneficiados no período 2020-2024 a máis de 4.920 pemes e persoas autónomas galegas que puideron servirse dos créditos e impulsar a mobilización dun importe total de 389 millóns de euros.

  • Lembra que o programa permite a pemes e autónomos acceder a liñas de crédito en condicións máis vantaxosas, con tipos de xuro bonificados, e á obtención de avais sen custo algún

Cualedro (Ourense), 5 de setembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o apoio do Goberno galego a pemes e persoas autónomas a través do programa de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas Igape-Pemes. Unhas axudas que permitiron no ano 2024 que máis de 1.100 empresas galegas puidesen impulsar novos proxectos ou consolidar negocios que xa estaban en marcha.

Lorenzana visitou esta tarde a explotación gandeira de ovino e bobino O Castelo, emprazada no municipio ourensán de Cualedro, que o ano pasado resultou beneficiaria dun apoio para a construción dunha nave destinada a almacén de maquinaria agrícola e alimentación do gando a través desta liña de axudas.  

Neste marco, explicou que a Xunta mantén aberto o prazo para solicitar esta liña de axudas ata o 30 de setembro. Un programa que nesta edición incluíu unha serie de novidades para facilitar que persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas de Galicia poidan financiar os seus proxectos, entre elas a flexibilización dos requisitos de xustificación ou a rebaixa do tipo de xuro máximo, ao baixar o diferencial ata o 1,80, e mesmo a inclusión de operacións con tipo de interese fixo.

Finalmente, a conselleira de Economía e Industria lembrou que Igape-Pemes conta cun orzamento de  19 millóns de euros co que se prevé mobilizar preto de 150 millóns.