Super User
A Xunta reafirma en Xapón o seu obxectivo de facer de Galicia un polo de atracción de investimento industrial
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, concluíu a súa viaxe a Xapón cunha visita á Oficina Comercial de España no país e a Antena do Igape
- “Todo proxecto con interese por instalarse en Galicia vai atopar ao outro lado unha Administración coa man tendida e disposta a ofrecer solucións e garantías”, apunta
Tokio (Xapón), 20 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, concluíu hoxe a súa viaxe a Xapón cunha visita á Oficina Comercial de España no país, onde ratificou o obxectivo da Xunta de facer de Galicia un polo de atracción de investimento industrial.
Nunha xuntanza co Conselleiro Económico e Comercial Xefe, Gonzalo Ramos, Lorenzana abordou a política económica e industrial que está a desenvolver Galicia, baseada, fundamentalmente, na desburocratización para atraer investimentos en áreas clave como as enerxías renovables.
Ao respecto puxo en valor a función da Oficina Económica de Galicia como un órgano interlocutor do Goberno galego coas empresas, tamén do eido internacional, encargado de seguir de cerca as necesidades do tecido empresarial e de prestar un servizo de asesoramento personalizado e integral.
Nese sentido, apuntou que “todo proxecto con interese por instalarse en Galicia vai atopar ao outro lado unha Administración coa man tendida e disposta a ofrecer solucións e garantías”, unha das premisas que quixo poñer de manifesto en cada unha das xuntanzas que mantivo durante a súa estadía en Xapón.
Finalmente, Lorenzana non quixo marchar de Xapón sen coñecer a Antena do Igape no país nipón, onde aproveitou para felicitar ao persoal polo bo traballo que están a realizar apoiando as iniciativas de internacionalización das empresas galegas.
Lorenzana viaxará esta semana a Xapón para celebrar o Día de Galicia na Expo de Osaka 2025 e manter diversos encontros empresariais cos que afianzar as relacións económicas co país
- Galicia estará presente neste evento durante a semana do 16 ao 21 de setembro con toda unha serie de actividades culturais e gastronómicas organizadas por Turismo de Galicia no Pavillón de España
- A conselleira terá ocasión de reunirse con empresas de interese para Galicia como son Fujitsu Limited, Orix Corporation ou Inaba Foods
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, viaxará esta semana a Xapón, onde asistirá á celebración do Día de Honra de Galicia na Exposición Universal de Osaka 2025 e manterá, tamén, unha axenda con diversos encontros empresariais.
A Exposición Universal de Osaka 2025, que se celebra entre o 13 de abril e o 13 de outubro, está organizada pola Bureau International des Expositions (BIE) baixo o lema “Deseñar a sociedade do futuro e imaxinar a nosa vida de mañá”. Galicia estará presente durante a semana do 16 ao 21 de setembro con toda unha serie de actividades culturais e gastronómicas organizadas por Turismo de Galicia no Pavillón de España.
No plano económico, xa en Tokio, María Jesús Lorenzana terá ocasión de participar nun encontro organizado pola Embaixada de España en Xapón con empresas galegas establecidas no país e con compañías xaponesas con sede en Galicia. Durante a súa estadía, reunirase con representantes de Fujitsu Limited, Orix Corporation ou Inaba Foods, firmas de interese para Galicia. Ademais, tamén visitará a Oficina Comercial de España en Xapón, a Cámara de Comercio e Industria Española no país, e manterá un encontro coa Japan External Trade Organization (Jetro), unha organización gubernamental dedicada a promover o comercio internacional e o investimento con Xapón.
O obxectivo da viaxe é seguir estreitando as relacións comerciais e culturais que Galicia vén mantendo co país nipón, con cifras á alza non só a nivel turístico senón, tamén, de empresas galegas que xa exportan de forma regular a este mercado.
A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia como “nova forma de relacionarse co tecido empresarial” e motor para atraer investimento e acelerar proxectos industriais
- A directora do Igape, Covadonga Toca, expón no Parlamento de Galicia un modelo que busca facilitar o labor das empresas, unha xanela única que simplifica trámites, reduce burocracia e ofrece acompañamento en tempo real, situando ao tecido produtivo no centro da acción pública
- Subliña que no seu primeiro ano de actividade a Oficina sumou máis de 26.800 consultas, das que o 84% foron resoltas no acto, celebrou preto de 1.300 reunións, e acompañou máis de 330 proxectos de especial relevancia
- Avanza que se está a ultimar a habilitación dun punto permanente en Madrid e destaca a conexión coas antenas do Igape en China, México, Emiratos Árabes Unidos, Xapón e Marrocos e EE.UU., de especial relevancia no marco da nova política arancelaria
- Resalta a incorporación de servizos innovadores como o climate proofing ou os Grupos de Traballo con Empresas, xunto co reforzo da colaboración bancaria para garantir financiamento adaptado a proxectos
- Salienta que a Oficina está a impulsar proxectos tractores en sectores clave, xerando emprego cualificado e novas plantas, ao tempo que se facilita a implantación industrial en concellos pequenos para fixar poboación e garantir equilibrio territorial
Santiago, 11 de setembro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta do traballo que está a desenvolver a Oficina Económica de Galicia, un instrumento que, como subliñou, é xa unha realidade consolidada que “representa unha nova forma de entender a relación entre a Administración e o noso tecido produtivo”.
Neste sentido, Toca Carús sinalou que a Oficina foi concibida como unha xanela única de atención centralizada, nacendo co obxectivo de desburocratizar, simplificar e acompañar ás empresas en tempo real, ofrecendo itinerarios completos que inclúen asesoramento técnico, análise de viabilidade, acceso a financiamento, coordinación administrativa e apoio á implantación final dos proxectos.
A directora do Igape destacou que, no seu primeiro ano de funcionamento, a Oficina atendeu máis de 26.800 consultas, das que o 84 % se resolveron no acto, e celebrou preto de 1.300 reunións de asesoramento empresarial. Así mesmo, a Oficina está a acompañar máis de 330 proxectos de especial relevancia. Deste xeito, afondou os datos confirman “unha administración próxima, áxil e útil, valorada polas empresas cunha nota media superior a 4,8 sobre 5”.
Durante a súa intervención, Toca Carús expuxo que a estrutura da Oficina baséase en cinco piares: un espazo físico diferenciado e accesible, a transformación tecnolóxica con ferramentas dixitais avanzadas, un equipo humano especializado, a coordinación interdepartamental e unha estratexia de comunicación clara e directa.
Todo isto, continuou a directora, compleméntase cunha rede de expertos externos en ámbitos como financiamento, enerxía, innovación ou sustentabilidade, e con programas como o Reacciona, que ofrecen apoio en competitividade, internacionalización e dixitalización.
Crecemento da Oficina
A directora do Igape salientou tamén o proceso de expansión da Oficina, que en vindeiras datas contará cun punto permanente en Madrid, situado na Casa de Galicia, pensado tanto para empresas galegas que operan na capital como para investidores interesados en proxectos no noso territorio. Ademais, reforzouse a conexión coa rede internacional de antenas do Igape en EE.UU., China, México, Emiratos Árabes Unidos, Xapón ou Marrocos, que facilitan contactos, identifican oportunidades e acompañan a internacionalización empresarial.
Neste contexto, Toca Carús puxo en valor o papel que está a xogar a Antena de Miami para “protexer ás empresas galegas” nun mercado marcado pola nova política arancelaria. Fronte a ela, lembrou, estase a despregar un paquete de medidas que inclúe asesoramento personalizado, axudas ás compañías máis expostas e o impulso á diversificación de mercados adaptando as estratexias de exportación.
Novos servizos
Outra das novidades, proseguiu a directora, é a incorporación de novos servizos especializados, como o climate proofing, que integra a adaptación ao cambio climático no deseño dos proxectos de infraestruturas, ou os Grupos de Traballo con Empresas, metodoloxía pioneira para coordinar proxectos de gran envergadura que requiren longa execución e atención continua. Así mesmo, e no ámbito financeiro, reforzouse a colaboración co sistema bancario para ofrecer financiamento adaptado.
O impacto desta estrutura vese xa no impulso a proxectos tractores en sectores como a automoción, o naval, a enerxía renovable, a economía circular, as TIC, a biotecnoloxía, o turismo ou o contract. Estes proxectos, salientou Toca Carús, “tradúcense en emprego cualificado, novas plantas produtivas e oportunidades para que a mocidade galega atope futuro aquí”. Ademais, grazas ás novas figuras de solo como as Zonas Industriais Rurais (ZIR) e as ZAPES, facilítase a implantación de industria en concellos pequenos, contribuíndo ao equilibrio territorial e á loita contra a despoboación.
“A Oficina Económica resolve, facilita e conecta; transmite unha mensaxe clara: a Xunta de Galicia está aquí para escoitar, apoiar e impulsar. Quen aposta por Galicia, sabe que Galicia aposta por el”, concluíu a directora do Igape.
Lorenzana pon en valor o papel das startups como un modelo viable, innovador e con futuro para Galicia
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Nigrán as instalacións de Vig-Sec Drone, unha startup especializada en servizos operativos con drons
Nigrán (Pontevedra), 7 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o papel das startups como un modelo viable, innovador e con futuro para Galicia, e subliñou o compromiso da Xunta para reforzar o seu apoio desde todos os ámbitos institucionais.
Lorenzana, visitou en Nigrán as instalacións da empresa Vig-Sec Drone, unha startup especializada en servizos operativos con drons, instrución de pilotos que requiren de capacidades especiais, e desenvolvemento de software para a xestión de operacións de apoio á seguridade e ás emerxencias. Durante a visita destacou que o Goberno galego está a traballar man a man co sector privado para facer realidade proxectos que transformen a industria galega.
Lorenzana anima a visitar a VI Festa da vendima do Saviñao, escaparate do sector vitivinícola
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou no concello lucense esta feira que combina música, obradoiros, xogos tradicionais e exposicións vinculadas á cultura do viño
O Saviñao (Lugo), 6 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada polo alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, animou hoxe a visitar esta fin de semana a VI Festa da Vendima, escaparate do sector vitivinícola e que combinará música, talleres, xogos tradicionais e exposicións vinculadas á cultura do viño.
Durante o sábado e o domingo, as persoas asistentes poderán participar en obradoiros de cata de uvas e viño, talleres de cociña en vivo, obradoiros de artesanía, e ademais, os máis pequenos poderán desfrutar de xogos tradicionais. A Fundación Artesanía de Galicia colabora por segundo ano consecutivo nesta festa a través de obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos.
A Xunta destaca a boa acollida un ano máis da liña Igape-pemes que leva recibidas máis de 1.500 solicitudes de autónomos e microempresas
- O Goberno galego incrementou o orzamento deste programa de apoios ata os 19 millóns de euros que poderían poñer en circulación ao redor de 150M€
- Ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 millón de euros para investimentos produtivos, circulante e tamén para pagamento ou reestruturación de débedas e o prazo para solicitalos permanecerá aberto ata o 30 de setembro
Chantada (Lugo), 6 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou esta mañá a boa acollida que, unha edición máis, está a ter a liña de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas Igape-Pemes, que leva recibidas no que vai de ano 1.578 solicitudes por un importe que supera os 241 millóns de euros.
A titular de Economía e Industria avanzaba estes datos durante a súa visita ao establecemento de turismo rural Casas do Pincelo, emprazado na localidade de Chantada, na provincia de Lugo, e que resultou beneficiada cun apoio deste programa na convocatoria do ano 2024. Concretamente, para levar a cabo as labores de rehabilitación dun dos edificios que compoñen este complexo residencial, así como para a construción dunha nova edificación.
María Jesús Lorenzana lembrou que o Goberno galego destina a esta iniciativa 19 millóns de euros para este ano, que posibilitará máis dun milleiro de operacións. Deste xeito, as axudas terán un impacto previsto en operacións financeiras que poderá alcanzar os 150 millóns de euros no ano 2025. O prazo para solicitar os apoios remata o vindeiro 30 de setembro.
Con máis detalle, a conselleira explicou que a liña Igape-Pemes ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 millón de euros para investimentos produtivos, circulante e, tamén, para pagamento ou reestruturación de débedas. E afondou nas novidades da actual convocatoria entre as que destacou a flexibilización dos requisitos de xustificación ou a rebaixa do tipo de xuro máximos coa baixa do diferencial ao 1,80.
A liña Igape-Pemes leva beneficiados no período 2020-2024 a máis de 4.920 pemes e persoas autónomas galegas que puideron servirse dos créditos e impulsar a mobilización dun importe total de 389 millóns de euros.
Lorenzana destaca o apoio do Igape ao crecemento do tecido empresarial galego a través da liña Igape-Pemes
- Lembra que o programa permite a pemes e autónomos acceder a liñas de crédito en condicións máis vantaxosas, con tipos de xuro bonificados, e á obtención de avais sen custo algún
Cualedro (Ourense), 5 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o apoio do Goberno galego a pemes e persoas autónomas a través do programa de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas Igape-Pemes. Unhas axudas que permitiron no ano 2024 que máis de 1.100 empresas galegas puidesen impulsar novos proxectos ou consolidar negocios que xa estaban en marcha.
Lorenzana visitou esta tarde a explotación gandeira de ovino e bobino O Castelo, emprazada no municipio ourensán de Cualedro, que o ano pasado resultou beneficiaria dun apoio para a construción dunha nave destinada a almacén de maquinaria agrícola e alimentación do gando a través desta liña de axudas.
Neste marco, explicou que a Xunta mantén aberto o prazo para solicitar esta liña de axudas ata o 30 de setembro. Un programa que nesta edición incluíu unha serie de novidades para facilitar que persoas autónomas, microempresas e pequenas empresas de Galicia poidan financiar os seus proxectos, entre elas a flexibilización dos requisitos de xustificación ou a rebaixa do tipo de xuro máximo, ao baixar o diferencial ata o 1,80, e mesmo a inclusión de operacións con tipo de interese fixo.
Finalmente, a conselleira de Economía e Industria lembrou que Igape-Pemes conta cun orzamento de 19 millóns de euros co que se prevé mobilizar preto de 150 millóns.
Lorenzana reafirma o apoio da Xunta ao sector da automoción no seu tránsito cara a modernización e a sustentabilidade
- O Goberno galego destina máis de 230 millóns de euros á industria do automóbil no período 2024-2027
- A conselleira destaca que o obxectivo é apoiar a todas as empresas na reconversión e a electrificación dos vehículos
- Anuncia ademais, que a Xunta está a piques de finalizar os trámites para poder comezar a urbanización da ampliación do polígono de San Cibrao da Viñas
San Cibrao das Viñas (Ourense), 5 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reafirmou hoxe o apoio da Xunta ao sector da automoción no seu tránsito cara a modernización e a sustentabilidade.
Lorenzana visitou esta mañá no polígono industrial de San Cibrao das Viñas as instalacións do grupo empresarial formado por AMG Metalmecánica Gallega, Aníbal Blanco Logistics &Transportes e AMMI Technologies. Alí explicou que, a compañía matriz, foi beneficiaria das axudas extraordinarias á industria da automoción postas en marcha polo Goberno galego no ano 2024 “para apoiar a todas as empresas na reconversión e a electrificación dos vehículos”, dixo.
Neste marco, a Xunta destina máis de 230 millóns de euros ao sector da automoción no período 2024-2027 no marco do Plan director e tamén do programa extraordinario de axudas dirixidas a esta industria para acompañalo no proceso de transición á mobilidade eléctrica.
A titular de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, tamén puxo en valor o impacto positivo que ten para a Comunidade o traballo desenvolto por este grupo de empresas ourensás que contan cun forte compoñente industrial, tecnolóxico e exportador.
Avances no parque empresarial de San Cibrao
Lorenzana aproveitou ademais, para anunciar que “estamos a piques de finalizar xa os tramites” para poder comezar a urbanización da ampliación do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, “que é moi importante para todas as empresas que estades aquí para que poidades continuar crecendo e tendo solo industrial dispoñible”, afirmou.
A Xunta tende a man aos concellos afectados polos incendios para responder ás súas necesidades coa máxima axilidade a través das axudas para a reconstrución
- As achegas do Goberno galego están exentas de tributación e as persoas beneficiarias poden solicitar na maioría das liñas anticipos do 100%
- A Administración autonómica comprométese a reducir a burocracia na tramitación das solicitudes e tamén a axilizar os pagos
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado por membros do Goberno galego mantivo hoxe un encontro con alcaldes e alcaldesas de concellos afectados pola vaga de lumes deste verán para abordar as liñas de axudas que a Xunta vén de poñer en marcha para dar resposta aos danos provocados polos lumes.
Nunha intervención posterior ao encontro, o conselleiro de Presidencia Xustiza e Deportes, Diego Calvo, trasladou o “ton construtivo” da reunión, na que os representantes do Executivo autonómico detallaron as distintas liñas das axudas para a reconstrución das zonas afectadas polo lume aprobadas o pasado venres nun Consello da Xunta extraordinario en Ourense e publicadas ao día seguinte no Diario Oficial de Galicia (DOG). As axudas aprobadas e trasladadas hoxe aos rexedores e rexedoras inclúen indemnizacións por danos persoais; apoios para compensar os gastos das entidades locais, de empresas e tamén de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, así como medidas destinadas á rehabilitación e reconstrución de vivendas ou á recuperación de infraestruturas en espazos protexidos e hábitats cinexéticos.
Así, o conselleiro lembrou que desde o luns os damnificados xa teñen abertas todas estas liñas de axudas e tamén están abertas as 16 oficinas próximas ás zonas afectadas. Ademais, teñen á súa disposición atención telefónica a través do teléfono de atención e información á cidadanía, que se viu reforzado.
A reunión de hoxe foi “unha primeira toma de contacto” para expoñer as distintas ordes ás que se pode optar, coñecer as demandas dos concellos e atender as súas dúbidas. “Se durante a extinción a prioridade era protexer ás persoas e ás vivendas, unha vez extinguidos os últimos focos agora toca seguir ao lado dos concellos para axudarlles na reconstrución”, incidiu o responsable da Consellería de Presidencia.
A Xunta está a traballar arreo para resolver todas as solicitudes co compromiso de que “se reduza a burocracia na súa tramitación” e tamén se axilicen os pagos. Cómpre aclarar que as achegas do Goberno galego están exentas de tributación e, segundo lembrou Diego Calvo, os beneficiarios poden solicitar anticipos do 100% na maior parte das liñas de axudas. Nesta liña, matizou que no caso dos apoios contemplados para os gastos das entidades locais derivados das súas actuacións como consecuencia dos incendios, así como polos danos ocasionados en bens de titularidade municipal, é preciso avaliar previamente os custos e xustificalos para habilitar os correspondentes convenios de colaboración.
Por outra parte, Diego Calvo engadiu que, á marxe das axudas, a Xunta, a través de Augas de Galicia, xa traballa para paliar os posibles efectos dos arrastres provocados polas choivas ou as escorrentías nos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, a única das catro da comunidade que é de competencia autonómica. Neste senso, estanse a levar a cabo medidas para evitar que as cinzas cheguen aos ríos. A maiores, na reunión tamén se explicaron os traballos que xa se están realizando desde Medio Rural para estudar o terreo afectado e posteriormente realizar accións de prevención da erosión e restauración.
A Xunta apoia a competitividade das empresas galegas cunha xornada sobre as oportunidades de cooperación estratéxica en Europa no sector da seguridade, a defensa e o aeroespazo
- Celebrarase o venres, 5 de setembro, en Santiago de Compostela, en colaboración coa Empresa Común SESAR e no marco das actuacións da nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia promove unha xornada de traballo para dar a coñecer as oportunidades que ofrecen as convocatorias da Empresa Común SESAR ás empresas e centros de coñecemento galegos, un evento no que tamén se detallarán á industria as principais liñas de traballo da nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo.
A xornada, que terá lugar o venres, 5 de setembro, no Palacio del Carmen de Santiago de Compostela baixo o título Cooperación estratéxica para un Ceo Europeo Dixital, enmárcase nas actuacións da nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo impulsada polo Goberno galego para desenvolver e fortalecer a presenza de Galicia nestes sectores, promovendo a longo prazo o crecemento empresarial e a actividade industrial no territorio e creando oportunidades profesionais para a mocidade.
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao lembra os principais obxectivos da nova Iniciativa Estratéxica: impulsar o crecemento das empresas que forman parte do ecosistema galego de seguridade, defensa e aeroespazo e amplialo coa incorporación de novas empresas procedentes doutros sectores estratéxicos; materializar novos investimentos industriais; reforzar as capacidades produtivas territoriais de Galicia, incluíndo o acceso a capital, a infraestruturas e a persoas traballadoras cualificadas; e liderar novas políticas industriais a nivel nacional, consolidando o posicionamento da Xunta como goberno emprendedor e exemplar no impulso da colaboración público-privada. E, ao fío, invitou a todas aquelas persoas e empresas interesadas en coñecer máis polo miúdo as oportunidades que ofrece o sector a que asistan ás xornadas do venres.
No encontro participarán como poñentes José Antonio Calvo Fresno, asesor de relacións con stakeholders e asuntos corporativos de SESAR; Juan Francisco Reyes Sánchez, representante español en SRG Clean Aviation e SESAR; e Farrah Lisa Meghazi, Subdirectora Xeral de Promoción Industrial e Solo Empresarial. Ademais, no evento haberá espazo para un diálogo coas empresas, co obxectivo de promover a cooperación e a xeración de oportunidades entre axentes do sector.
A Empresa Común SESAR 3 (SESAR 3 JU) é unha asociación institucional público-privada da Unión Europea, creada en 2021 coa misión de acelerar, a través da investigación e a innovación, a posta en marcha da iniciativa de Ceo Europeo Dixital, que busca modernizar a xestión do tráfico aéreo en Europa.
Lanza periodicamente convocatorias de proxectos de investigación e innovación no marco de Horizonte Europa, dirixidas a universidades, centros tecnolóxicos, empresas e organizacións do sector aeronáutico, co fin de financiar solucións que impulsen a transición ecolóxica e dixital do transporte aéreo europeo.