Super User
Aberto o prazo para que as empresas galegas se inscriban nos premios Top 101 Spain Up Nation ao mellor emprendemento innovador de España
A Rexión de Murcia acollerá o vindeiro 12 de novembro a gala de entrega da segunda edición dos Recoñecementos Top 101 Spain Up Nation ao emprendemento con impacto en España, organizados pola Asociación Española de Axencias de Desenvolvemento Rexional (Foro ADR) e a Empresa Nacional de Innovación (ENISA), en representación da marca Spain Up Nation. A presentación de candidaturas estará aberta ata o 12 de setembro a través da web destes premios Top 101 Spain Up Nation, onde tamén se atopan as bases da convocatoria.
O obxectivo deste recoñecemento é identificar, recoñecer e apoiar, desde o sector público, o emprendemento innovador e o crecemento empresarial de recente traxectoria no país. Neste sentido, poden participar empresas de calquera sector de actividade, creadas nos últimos cinco anos e cun alto compoñente de innovación, así como potencial de crecemento.
Ademais de distinguir e apoiar o emprendemento innovador, estes premios teñen como finalidade fomentar, compartir e difundir as claves da innovación para transformar proxectos e empresas en novos modelos de produción, distribución e consumo, máis competitivos, sostibles e exportables; dar visibilidade a empresas con valor engadido, innovadoras, tecnolóxicas e creativas, con potencial para competir no mercado global; e identificar aquelas empresas que, polo seu impacto social, económico e medioambiental, achegan valor á sociedade contribuíndo ao logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
O certame, que conta coa colaboración de todas as ADR de España, desenvolverase en dúas fases: unha rexional e outra nacional, onde se seleccionarán as empresas en función de distintos criterios. Na fase rexional, teranse en conta a capacidade e liderado do equipo emprendedor, o grao de innovación do modelo de negocio e o potencial de escalabilidade e capacidade de internacionalización. Así mesmo, avaliarase a viabilidade e a previsión económico-financeira da empresa e o seu impacto social, segundo a súa contribución aos ODS. Pola súa parte, na fase nacional, ademais dos criterios anteriores, realizarase unha avaliación do modelo de impacto social, de negocio e medioambiental integrado na empresa.
A Consellería de Empresa, Emprego e Economía Social da Rexión de Murcia, a través do Instituto de Fomento, será a encargada de organizar a gala final da segunda edición destes recoñecementos, que se celebrará o vindeiro 12 de novembro no Teatro Romea de Murcia. Nela reuniranse as 101 empresas TOP101, das cales, entre as que teñan maior capacidade de investir, terán a oportunidade de asistir e facer un pitch no Foro de investimento WaykUp, que tamén organiza o Instituto de Fomento nesas datas.
Proceso de selección
Para seleccionar as empresas que poderán optar aos recoñecementos Top101 Spain Up Nation, os Comités Rexionais que nomearán as Axencias de Desenvolvemento Rexional de cada comunidade ou cidade autónoma realizarán unha valoración inicial na que seleccionarán catro empresas finalistas cada un. De aí sairán ata un total de 76 empresas finalistas, que pasarán á fase nacional. As 25 restantes, ata conformar o TOP101 Spain Up Nation, serán seleccionadas con independencia do territorio no que se atope cada unha delas, por un Comité Nacional.
As empresas interesadas poden consultar as bases e presentar a súa candidatura a través da web oficial dos premios Top 101 Spain Up Nation.
O Igape impulsa a formación en inglés para profesionais a través do programa “EXPORT FOCUS - SPEAK TO THE WORLD”
O Igape pon en marcha o curso intensivo presencial “Export with Confidence”, unha iniciativa dirixida a profesionais dos ámbitos comercial, márketing e dirección empresarial que desexen perfeccionar o seu inglés nun entorno natural, inmersivo e orientado á exportación internacional.
O programa desenvolverase en dúas edicións: do 7 ao 10 de xullo e do 14 ao 17 de xullo, no Peares Centro de Inmersión Lingüística, e inclúe aloxamento en habitación individual e pensión completa. Está pensado para persoas cun nivel mínimo de inglés B2 (intermedio) e ofrece prazas limitadas a 8 participantes por curso, cun prazo de inscrición aberto ata esgotar prazas.
Entre os obxectivos do curso destacan:
- Aprender a presentar con soltura a empresa, produto ou servizo.
- Negociar, vender e comunicar en contextos profesionais de exportación.
- Adaptarse a diferentes estilos de comunicación en mercados internacionais.
- Desenvolver confianza, fluidez e naturalidade en inglés.
- Crear unha rede de contactos con outros profesionais.
A metodoloxía aposta polo inglés en todo momento, tamén nas comidas, e por un enfoque “learning by doing” a través de actividades prácticas, simulacións, traballo en grupo e feedback continuo e personalizado, nun entorno sen presións nin exames.
O curso estrutúrase en catro días con actividades como elevator pitch, networking, role-plays de situacións reais, negociacións e unha feira de exportación simulada. O equipo docente está formado por Augusto Soto e Jessica Pérez Barnes.
Para máis información e consultas técnicas ou académicas, as persoas interesadas poden contactar a través do correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
>>FOLLETO INFORMATIVO<<
A Xunta presenta na Rioxa a súa Estratexia en aeroespazo, seguridade e defensa e convida á industria a investir en Galicia e aproveitar as capacidades das empresas galegas
- A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e a directora do Igape, Covadonga Toca, participan nunha Xornada de Defensa e Tecnoloxías Duais en Logroño, promovida polo goberno rexional rioxano
- Margarita Ardao puxo en valor que a nova Iniciativa Estratéxica de Aeroespazo, Seguridade e Defensa constitúe unha oportunidade sen precedentes para desenvolver e fortalecer a presenza e competitividade de Galicia nestes sectores estratéxicos
- Pola súa banda, Toca Carús, quen interveu por videoconferencia, avanzou a posta en marcha dun novo servizo de asesoramento técnico especializado para acompañar proxectos de investimentos vencellados coa nova estratexia
A Rioxa, 27 de xuño de 2025
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca Carús, presentaron hoxe na Rioxa a nova Iniciativa Estratéxica en Aeroespazo, Seguridade e Defensa e convidaron á industria a investir en Galicia e aproveitar o potencial e capacidades das empresas galegas nestes sectores. Ambas participaron na Xornada de Defensa e Tecnoloxías Duais promovida polo Goberno da Rioxa.
A directora de estratexia industrial e solo empresarial relatou que Galicia acaba de lanzar esta nova Iniciativa Estratéxica co obxectivo de impulsar ás empresas destes sectores, atraer cara a estes segmentos de actividade empresas de outros eidos estratéxicos como o naval, a automoción, o metal ou as TIC, materializar novos investimentos industriais e facer da nosa rexión un territorio líder en capacidades para desenvolver tecnoloxía, fabricar e comercializar produtos e servizos de alto valor nestes sectores.
Ademais subliñou as oportunidades que supoñen o aeroespazo, a seguridade e a defensa na contorna xeopolítica actual e puxo en valor que son tres eidos conectados nos que Galicia xa conta con importantes capacidades e que presentan unhas perspectivas de crecemento superiores ao resto dos sectores de alta tecnoloxía. Ardao engadiu que “existe unha oportunidade sen precedentes para desenvolver e fortalecer a presenza de Galicia nestes sectores estratéxicos”.
A directora xeral manifestou tamén que a experiencia das empresas galegas nos eidos aeronáutico, aeroespacial, da seguridade e das emerxencias sitúaas nunha posición privilexiada para incrementar a súa competitividade desenvolvendo tecnoloxías de uso dual.
Na súa intervención destacou que coa nova Iniciativa agárdase apoiar a creación de ata cinco novos consorcios galegos, a participación de 40 entidades e 1.500 profesionais e a consolidación e crecemento das 140 empresas que actualmente forman parte do ecosistema, ademais da mobilización de investimentos públicos e privados próximos aos 900 M€ a partir dunha aportación da Xunta de Galicia de 183 M€.
Engadiu ademais que desde a Xunta de Galicia “apostamos por unha política industrial que xere emprego cualificado, capacidade de tracción sobre pemes e startups e que conecte Galicia cos grandes programas estratéxicos nacionais e europeos” nos eidos do aeroespazo, a seguridade e a defensa.
Pola súa banda, a directora do Igape, Covadonga Toca, quen participou por videoconferencia, salientou o papel destacado que está a desempeñar a Oficina Económica de Galicia como ferramenta para achegar a administración ao tecido empresarial. Trátase dun novo modelo de relación coas empresas, baseado nun asesoramento próximo e personalizado, que permite deseñar plans individuais de apoio e, ao mesmo tempo, simplificar os procesos e axilizar a posta en marcha de proxectos empresariais no noso territorio.
Neste contexto, Toca Carús adiantou que se está a ultimar a posta en marcha dun novo servizo de asesoramento técnico especializado, orientado a acompañar proxectos de investimento vencellados con esta nova estratexia en Aeroespazo, Seguridade e Defensa”. “Queremos unha administración que fale a linguaxe das empresas, que sexa capaz de anticipar os seus desafíos e que as acompañe no camiño”, resumiu a directora.
Lorenzana aposta por unha Galicia conectada que conte coas mellores redes e infraestruturas eléctricas e de telecomunicacións
- Subliña que as redes de telecomunicacións, ao igual que as de transporte de enerxía, son infraestruturas críticas, polo que volve advertir sobre a necesidade de que o Goberno as reforce para garantir a viabilidade dos proxectos industriais previstos en Galicia
O Grove (Pontevedra), 26 de xuño de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe o obxectivo de lograr unha Galicia conectada, que conte coas mellores redes e infraestruturas de transporte eléctrico e de telecomunicacións.
Lorenzana interveu hoxe na XXIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, onde se lle outorgou o premio como Socio de Honra á Corporación Hijos de Rivera; o de Mellor proxecto TIC con beneficios sociais da Amtega á aplicación The Mind Guardian, deseñada por atlanTTic e Samsung; e como enxeñeiro do ano a Alfonso Álvarez Villamarín, CEO de Cellnex España.
Na súa intervención, a conselleira sinalou que as redes de telecomunicacións, ao igual que as de transporte de enerxía, son infraestruturas críticas, polo que volveu advertir sobre a necesidade de que o Goberno as reforce para garantir a viabilidade dos proxectos industriais previstos en Galicia. “Convén actuar canto antes se queremos evitar máis incidentes na rede como sucedeu co apagamento e dar garantías ao sector industrial”, dixo.
Para as administracións, concluíu, a tecnoloxía é unha ferramenta clave para garantir o acceso a servizos públicos dixitais esenciais, como a sanidade, a educación ou a xustiza e, tamén, ante o reto da desburocratización. Para as empresas, engadiu, é unha aliada, por iso, por primeira vez, apuntou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) conta cunha área específica só para innovación empresarial dotada co 60 millóns de euros.
Martina Aneiros destaca a contribución do Programa Reacciona da Xunta a favor da competitividade de 13 empresas de Ferrolterra
- Esta convocatoria da Consellería de Economía e Industria conta cun orzamento de 2,8 M€ para este ano
- O prazo para solicitar estas subvencións remata o 15 de novembro
Narón (A Coruña), 26 de xuño de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou esta mañá a empresa Narontec Gestión, S.L. de Narón, unha das trece pequenas e medianas empresas de Ferrolterra beneficiarias do programa ReAcciona na convocatoria anterior, cun investimento total de case 73.000 € nestas comarcas por parte da Consellería de Economía e Industria para, a través dun catálogo de servizos, mellorar a competitividade empresarial.
No caso concreto desta empresa, Aneiros destacou que o servizo subvencionado consistiu na mellora da xestión financeira e, por outra banda, na análise do cumprimento normativo e riscos legais (Compliance).
A Xunta, a través do Instituto Económico de Galicia (Igape), ten aberta a nova edición deste ano ata o vindeiro 15 de novembro, cun orzamento de 2,8 M€ e subvencións de ata o 80%.
Martina Aneiros detallou que esta liña de apoios inclúe 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade das empresas, sinalando entre outros, os servizos de asesoramento para o relanzamento comercial, apoio a empresas emerxentes innovadoras, optimización dos procesos de produción e cadea loxística ou deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.
Desde que se puxo en marcha no ano 2012, este programa de asesoramento especializado leva beneficiado a máis de 2.000 empresas, con máis de 3.000 servizos prestados e un orzamento executado de 14 millóns de euros.
A Xunta salienta en Salamanca o compromiso de Galicia coa innovación e a transformación dixital nas políticas de desenvolvemento rexional
Salamanca, 25 de xuño de 2025
A directora do IGAPE, Covadonga Toca, participou no XXV Foro Anual das Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR), celebrado en Salamanca os días 24 e 25 de xuño, un punto de encontro fundamental para as ADRs e unha excelente plataforma para compartir experiencias, coñecementos e, nesta edición, iniciativas arredor da intelixencia artificial e da competitividade empresarial.
Durante o encontro, tamén se abordaron cuestións clave para o futuro das administracións públicas, como a aplicación da intelixencia artificial e a ciberseguridade na xestión pública, así como o papel das axencias na promoción da innovación, o emprendemento e a cooperación territorial.
"A nosa participación reflicte o compromiso da Xunta de Galicia coa cooperación interrexional e coa construción dunha economía máis innovadora, inclusiva e sustentable. Estes encontros permítennos coñecer as mellores prácticas doutras rexións, reforzar alianzas institucionais e seguir avanzando en políticas públicas eficaces e adaptadas ao novo contexto tecnolóxico", indicou a directora.
As empresas afectadas polos aranceis dos Estados Unidos xa poden solicitar desde mañá os préstamos de ata 1 millón de euros habilitados pola Xunta
- O DOG publica hoxe a modificación das bases que regula este instrumento financeiro, destinado a mitigar o impacto da nova política comercial estadounidense
- A nova modalidade ofrece préstamos para financiar circulante cun período de carencia de ata catro anos, o dobre do habitual
- A medida forma parte dun paquete de accións máis amplo que inclúe asesoramento internacional, unha oficina técnica e novos servizos de consultaría para facilitar a diversificación de mercados
Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia vén de activar unha nova modalidade de apoio financeiro para as empresas galegas afectadas pola imposición de aranceis adicionais por parte dos Estados Unidos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se modifica a convocatoria de préstamos directos para o financiamento empresarial, incluíndo unha nova liña dirixida especificamente a compensar os efectos da nova política arancelaria americana. Uns apoios que se poderán solicitar desde mañá xoves.
A medida, que forma parte dun paquete máis amplo de financiamento empresarial en Galicia, cun orzamento global de 50 millóns de euros, busca dotar de liquidez e marxe operativa ás empresas galegas cunha forte exposición comercial ao mercado estadounidense, facilitándolles a súa adaptación e a busca de mercados alternativos.
Así, os préstamos permitirán financiar capital circulante cun prazo de amortización de ata doce anos, incluíndo ata catro anos de carencia —o dobre do habitual—, cun importe que poderá acadar o millón de euros por empresa.
Deste xeito, Galicia responde con medidas concretas e anticipadas aos desafíos internacionais, buscando protexer a capacidade competitiva do seu tecido produtivo. A nova liña permitirá manter a actividade exportadora e o emprego, especialmente en sectores clave como o agroalimentario, a industria naval, a biotecnoloxía ou os materiais de construción.
Poderán acollerse a esta liña as empresas que teñan os seus centros de traballo maioritariamente situados en Galicia e que acrediten, durante o ano 2024, operacións comerciais con Estados Unidos por un importe igual ou superior a 100.000 euros ou ben que estas operacións superen o 10 % do total das súas vendas. A contía do préstamo concedido poderá chegar ata o volume total das exportacións e/ou importacións con EEUU dese ano.
Conxunto de medidas
Este instrumento financeiro complétase con outras actuacións impulsadas pola Xunta no marco do apoio á internacionalización. Entre elas, destacan o novo servizo de consultoría especializada en apertura de mercados dentro do programa Reacciona e a posta en marcha dunha oficina técnica de apoio dependente da Oficina Económica de Galicia, en colaboración coa Antena do Igape en Miami. Esta oficina está a prestar atención personalizada ás empresas afectadas, ofrecendo seguimento continuo da súa situación e asesoramento técnico adaptado.
A Xunta mantén un diálogo constante cos sectores máis expostos á nova política arancelaria, a través de encontros sectoriais que permiten identificar as súas necesidades e deseñar respostas eficaces..
Con esta nova liña de financiamento e o conxunto de medidas postas en marcha, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa defensa do tecido empresarial galego fronte aos retos do comercio internacional e coa consolidación da presenza exterior das empresas galegas.
A Xunta destina 10 M€ á nova convocatoria de axudas para apoiar proxectos de investimento empresarial
- O delegado territorial, Javier Arias, visitou dúas firmas asentadas no polígono monfortino que melloraron equipamentos e sistemas coa colaboración do Igape
Monforte de Lemos (Lugo), 20 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informou hoxe en Monforte de Lemos da nova convocatoria de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para incentivar proxectos de investimento empresarial, dotada con 10 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro.
Arias visitou dúas firmas asentadas no polígono do Reboredo que contaron co apoio do Igape para acometer actuacións que redundan na mellora da súa competitividade. Unha delas é Ramiro Vila SL, dedicada á fabricación de maquinaria de metal, que optou ao financiamento a través de dous programas. Un deles foi para instalar un sistema automatizado e dixitalizado de almacén, para dotarse de pontes grúa e para facer unha obra de acondicionamento na nave da empresa. O outro proxecto consistiu na incorporación de tecnoloxía robotizada, incluíndo un centro de mecanizado de cinco eixos.
Tamén acudiu a Instalaciones del Valle Monforte SL, pertencente ao sector da fontanería, que ampliou os seus servizos coa adquisición dun camión tractor de limpeza e aspiración de lodos.
Arias resaltou a “aposta destes negocios por aumentar a súa capacidade e xerar emprego e dinamismo económico na zona”. Apuntou que a Xunta “respalda ese esforzo” con liñas de axudas como a destinada a fomentar novos investimentos, tanto xerais como en equipamentos produtivos.
Referiuse aos principais detalles da actual convocatoria dese programa, dirixido a pequenas e medianas empresas. O importe do gasto subvencionable debe ser igual ou superior a 50.000 euros no caso dos investimentos xerais; e 25.000 euros nos proxectos de equipamento produtivo – ata un máximo de 800.000 de investimento en ambos casos-. A axuda deberá destinarse á creación dun establecemento ou á ampliación da capacidade dun xa existente.
Lorenzana anuncia que o vindeiro 25 de xuño sairá publicada no DOG a liña de préstamos para empresas afectadas polos aranceis
- Avanza que a Xunta xa está traballando na nova Estratexia de Internacionalización 2026-2030 tomando como base os “excelentes resultados” da actual, coa que Galicia se situou como a quinta comunidade autónoma máis exportadora de toda España
A Coruña, 20 de xuño de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que o vindeiro día 25 de xuño sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a liña de préstamos de ata 1 millón de euros que a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), pon á disposición das empresas afectadas pola política arancelaria dos EE.UU.
Así o avanzou hoxe no acto de inauguración do Consello Interterritorial de Internacionalización, que conforman o ICEX e as comunidades autónomas xunto coa CEOE e a Cámara de Comercio de España, e que este semestre presidiu Galicia. Alí, lembrou que se trata dun programa “facilitador”, con catro anos de carencia, 12 para a súa devolución e, ademais, cunha bonificación de cinco puntos sobre o interese de mercado; é dicir, pódese chegar a un 0 % de interese, indicou.
Na súa intervención, a conselleira lembrou a importancia que ten para Galicia desde o punto de vista económico a internacionalización do tecido empresarial. Ao respecto, avanzou que a Xunta xa está traballando na nova Estratexia de Internacionalización 2026-2030 tomando como base os “excelentes resultados” da actual, coa que Galicia se situou como a quinta comunidade autónoma máis exportadora de toda España.
Con respecto aos aranceis, sinalou que a afectación por sectores e empresas é dispar, polo que avogou por traballar segundo cada caso en particular, que é o que vén facendo a Xunta de Galicia durante o mes de maio nos diferentes encontros sectoriais que se celebraron entre a Oficina Económica do Igape e a súa antena de Miami. Neste contexto, adiantou que, “probablemente en setembro”, se lanzará un novo servizo de consultaría internacional especializada no marco do programa Reacciona para empresas.
Con todo, Lorenzana quixo remarcar que o comercio que ten actualmente Galicia con EE.UU. supón un 2,5 % do total das exportacións galegas, posto que o mercado fundamental é a UE. Non obstante, tamén puxo de relevo que en marzo as vendas ao país norteamericano rexistraron unha suba do 40 % en relación co mesmo mes do ano pasado, co cal, dixo, cómpre seguir vixiantes á evolución dos acontecementos.
A Xunta reivindica a conexión entre industria e emprendemento como eixo clave para o futuro da economía galega
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa hoxe na inauguración do Mindtech Startup Event 2025, onde destaca o papel das startups na transformación tecnolóxica da industria
- Defende a cooperación como modelo de éxito e lembra que a Xunta reforza o seu apoio ao ecosistema emprendedor con novas aceleradoras ou unha liña de axudas directas para cubrir o 100 % dos gastos das startups galegas nas súas primeiras fases
- Destaca o bo momento do sector metalúrxico galego, con máis de 60.000 empregos en 2024, un crecemento do 3 % e unha ocupación produtiva superior ao 90 %
Vigo, 18 de xuño de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na apertura do Mindtech Startup Event, un encontro que reúne a emprendedores, investidores, empresas tractoras e representantes institucionais no marco da feira industrial Mindtech en Vigo e no que puxo en valor a importancia da conexión entre industria e emprendemento para impulsar a competitividade da economía galega.
Toca Carús destacou a colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do Igape, e ASIME, unha alianza que se mantén desde 2019 e que deu lugar á consolidación do “Mindtech Startup Arena”, espazo expositivo que acolle aceleradoras, incubadoras e startups con alto contido tecnolóxico.
O Mindtech Startup Event céntrase nesta edición en cuestións clave para o crecemento das novas empresas tecnolóxicas: financiamento en fases temperás, escalado de proxectos, ecosistema emprendedor e as finais do concurso de startups en tres categorías: proxecto máis disruptivo, innovación en sistemas enerxéticos e ambientais, e procesos dixitais aplicados á industria.
Apoio integral ás startups galegas
Neste escenario, subliñou Toca Carús, a Xunta reafirma a súa aposta polo emprendemento innovador cun conxunto de instrumentos de apoio que abranguen desde as fases máis iniciais ata a expansión internacional. Entre eles, a directora do Igape destacou a liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros para cubrir o 100 % dos gastos das startups galegas nas súas primeiras fases, con achegas de ata 20.000 euros por proxecto.
Estas medidas, lembrou, compleméntanse coa rede de aceleradoras sectoriais Business Factory -BFAuto, BFFood, BFAero, BF Clima Tech-, que contarán este ano con novas incorporacións nos ámbitos da saúde, o deporte e as enerxías renovables. “Este modelo de acompañamento integral converte a Galicia nun territorio especialmente atractivo para emprender”, sinalou Toca, quen insistiu en que “o emprendemento non é só unha estratexia económica, senón tamén unha forma de construír comunidade e futuro”.
Industria metalúrxica e internacionalización
A directora do Igape referiuse tamén ao bo momento do sector metalúrxico galego, con máis de 60.000 empregos en 2024, un crecemento do 3 % e unha ocupación produtiva superior ao 90 %. Este sector, segundo explicou, está a gañar peso en ámbitos de alto valor como a defensa, a aeronáutica e a eólica mariña, o que obriga a fortalecer a conexión co sistema educativo e atraer novo talento.
En paralelo, a internacionalización segue a ser unha das grandes apostas da Xunta. En 2024, Galicia acadou unha cifra récord de exportacións por valor de 31.019 millóns de euros, cun crecemento interanual do 12 % en marzo de 2025. Toca destacou que os produtos exportados son de alto valor engadido —automoción, alimentación ou biotecnoloxía— e que os destinos se diversifican cada vez máis.