Super User

  • Subliña que as redes de telecomunicacións, ao igual que as de transporte de enerxía, son infraestruturas críticas, polo que volve advertir sobre a necesidade de que o Goberno as reforce para garantir a viabilidade dos proxectos industriais previstos en Galicia

O Grove (Pontevedra), 26 de xuño de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe o obxectivo de lograr unha Galicia conectada, que conte coas mellores redes e infraestruturas de transporte eléctrico e de telecomunicacións.

Lorenzana interveu hoxe na XXIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, onde se lle outorgou o premio como Socio de Honra á Corporación Hijos de Rivera; o de Mellor proxecto TIC con beneficios sociais da Amtega á aplicación The Mind Guardian, deseñada por atlanTTic e Samsung; e como enxeñeiro do ano a Alfonso Álvarez Villamarín, CEO de Cellnex España.

Na súa intervención, a conselleira sinalou que as redes de telecomunicacións, ao igual que as de transporte de enerxía, son infraestruturas críticas, polo que volveu advertir sobre a necesidade de que o Goberno as reforce para garantir a viabilidade dos proxectos industriais previstos en Galicia. “Convén actuar canto antes se queremos evitar máis incidentes na rede como sucedeu co apagamento e dar garantías ao sector industrial”, dixo.

Para as administracións, concluíu, a tecnoloxía é unha ferramenta clave para garantir o acceso a servizos públicos dixitais esenciais, como a sanidade, a educación ou a xustiza e, tamén, ante o reto da desburocratización. Para as empresas, engadiu, é unha aliada, por iso, por primeira vez, apuntou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) conta cunha área específica só para innovación empresarial dotada co 60 millóns de euros.

  • Esta convocatoria da Consellería de Economía e Industria conta cun orzamento de 2,8 M€ para este ano
  • O prazo para solicitar estas subvencións remata o 15 de novembro

Narón (A Coruña), 26 de xuño de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou esta mañá a empresa Narontec Gestión, S.L. de Narón, unha das  trece pequenas e medianas empresas de Ferrolterra beneficiarias do programa ReAcciona na convocatoria anterior, cun investimento total de case 73.000 € nestas comarcas por parte da Consellería de Economía e Industria para, a través dun catálogo de servizos, mellorar a competitividade empresarial.

No caso concreto desta empresa, Aneiros destacou que o servizo subvencionado consistiu na mellora da xestión financeira e, por outra banda, na análise do cumprimento normativo e riscos legais (Compliance).

A Xunta, a través do Instituto Económico de Galicia (Igape), ten aberta a nova edición deste ano ata o vindeiro 15 de novembro, cun orzamento de 2,8 M€ e subvencións de ata o 80%.

Martina Aneiros detallou que esta liña de apoios inclúe 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade das empresas, sinalando entre outros, os servizos de asesoramento para o relanzamento comercial, apoio a empresas emerxentes innovadoras, optimización dos procesos de produción e cadea loxística ou deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.

Desde que se puxo en marcha no ano 2012, este programa de asesoramento especializado leva beneficiado a máis de 2.000 empresas, con máis de 3.000 servizos prestados e un orzamento executado de 14 millóns de euros.

Salamanca, 25 de xuño de 2025

A directora do IGAPE, Covadonga Toca, participou no XXV Foro Anual das Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR), celebrado en Salamanca os días 24 e 25 de xuño, un punto de encontro fundamental para as ADRs e unha excelente plataforma para compartir experiencias, coñecementos e, nesta edición, iniciativas arredor da intelixencia artificial e da competitividade empresarial.

Durante o encontro, tamén se abordaron cuestións clave para o futuro das administracións públicas, como a aplicación da intelixencia artificial e a ciberseguridade na xestión pública, así como o papel das axencias na promoción da innovación, o emprendemento e a cooperación territorial.

"A nosa participación reflicte o compromiso da Xunta de Galicia coa cooperación interrexional e coa construción dunha economía máis innovadora, inclusiva e sustentable. Estes encontros permítennos coñecer as mellores prácticas doutras rexións, reforzar alianzas institucionais e seguir avanzando en políticas públicas eficaces e adaptadas ao novo contexto tecnolóxico", indicou a directora.

  • O DOG publica hoxe a modificación das bases que regula este instrumento financeiro, destinado a mitigar o impacto da nova política comercial estadounidense
  • A nova modalidade ofrece préstamos para financiar circulante cun período de carencia de ata catro anos, o dobre do habitual
  • A medida forma parte dun paquete de accións máis amplo que inclúe asesoramento internacional, unha oficina técnica e novos servizos de consultaría para facilitar a diversificación de mercados

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia vén de activar unha nova modalidade de apoio financeiro para as empresas galegas afectadas pola imposición de aranceis adicionais por parte dos Estados Unidos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se modifica a convocatoria de préstamos directos para o financiamento empresarial, incluíndo unha nova liña dirixida especificamente a compensar os efectos da nova política arancelaria americana. Uns apoios que se poderán solicitar desde mañá xoves.

A medida, que forma parte dun paquete máis amplo de financiamento empresarial en Galicia, cun orzamento global de 50 millóns de euros, busca dotar de liquidez e marxe operativa ás empresas galegas cunha forte exposición comercial ao mercado estadounidense, facilitándolles a súa adaptación e a busca de mercados alternativos.

Así, os préstamos permitirán financiar capital circulante cun prazo de amortización de ata doce anos, incluíndo ata catro anos de carencia —o dobre do habitual—, cun importe que poderá acadar o millón de euros por empresa.

Deste xeito, Galicia responde con medidas concretas e anticipadas aos desafíos internacionais, buscando protexer a capacidade competitiva do seu tecido produtivo. A nova liña permitirá manter a actividade exportadora e o emprego, especialmente en sectores clave como o agroalimentario, a industria naval, a biotecnoloxía ou os materiais de construción.

Poderán acollerse a esta liña as empresas que teñan os seus centros de traballo maioritariamente situados en Galicia e que acrediten, durante o ano 2024, operacións comerciais con Estados Unidos por un importe igual ou superior a 100.000 euros ou ben que estas operacións superen o 10 % do total das súas vendas. A contía do préstamo concedido poderá chegar ata o volume total das exportacións e/ou importacións con EEUU dese ano.

Conxunto de medidas

Este instrumento financeiro complétase con outras actuacións impulsadas pola Xunta no marco do apoio á internacionalización. Entre elas, destacan o novo servizo de consultoría especializada en apertura de mercados dentro do programa Reacciona e a posta en marcha dunha oficina técnica de apoio dependente da Oficina Económica de Galicia, en colaboración coa Antena do Igape en Miami. Esta oficina está a prestar atención personalizada ás empresas afectadas, ofrecendo seguimento continuo da súa situación e asesoramento técnico adaptado.

A Xunta mantén un diálogo constante cos sectores máis expostos á nova política arancelaria, a través de encontros sectoriais que permiten identificar as súas necesidades e deseñar respostas eficaces..

Con esta nova liña de financiamento e o conxunto de medidas postas en marcha, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa defensa do tecido empresarial galego fronte aos retos do comercio internacional e coa consolidación da presenza exterior das empresas galegas.

  • O delegado territorial, Javier Arias, visitou dúas firmas asentadas no polígono monfortino que melloraron equipamentos e sistemas coa colaboración do Igape

Monforte de Lemos (Lugo), 20 de xuño de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informou hoxe en Monforte de Lemos da nova convocatoria de axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para incentivar proxectos de investimento empresarial, dotada con 10 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro.

Arias visitou dúas firmas asentadas no polígono do Reboredo que contaron co apoio do Igape para acometer actuacións que redundan na mellora da súa competitividade. Unha delas é Ramiro Vila SL, dedicada á fabricación de maquinaria de metal, que optou ao financiamento a través de dous programas. Un deles foi para instalar un sistema automatizado e dixitalizado de almacén, para dotarse de pontes grúa e para facer unha obra de acondicionamento na nave da empresa. O outro proxecto consistiu na incorporación de tecnoloxía robotizada, incluíndo un centro de mecanizado de cinco eixos.

Tamén acudiu a Instalaciones del Valle Monforte SL, pertencente ao sector da fontanería, que ampliou os seus servizos coa adquisición dun camión tractor de limpeza e aspiración de lodos.

Arias resaltou a “aposta destes negocios por aumentar a súa capacidade e xerar emprego e dinamismo económico na zona”. Apuntou que a Xunta “respalda ese esforzo” con liñas de axudas como a destinada a fomentar novos investimentos, tanto xerais como en equipamentos produtivos.

Referiuse aos principais detalles da actual convocatoria dese programa, dirixido a pequenas e medianas empresas. O importe do gasto subvencionable debe ser igual ou superior a 50.000 euros no caso dos investimentos xerais; e 25.000 euros nos proxectos de equipamento produtivo – ata un máximo de 800.000 de investimento en ambos casos-. A axuda deberá destinarse á creación dun establecemento ou á ampliación da capacidade dun xa existente.

  • Avanza que a Xunta xa está traballando na nova Estratexia de Internacionalización 2026-2030 tomando como base os “excelentes resultados” da actual, coa que Galicia se situou como a quinta comunidade autónoma máis exportadora de toda España

A Coruña, 20 de xuño de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que o vindeiro día 25 de xuño sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a liña de préstamos de ata 1 millón de euros que a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), pon á disposición das empresas afectadas pola política arancelaria dos EE.UU.

Así o avanzou hoxe no acto de inauguración do Consello Interterritorial de Internacionalización, que conforman o ICEX e as comunidades autónomas xunto coa CEOE e a Cámara de Comercio de España, e que este semestre presidiu Galicia. Alí, lembrou que se trata dun programa “facilitador”, con catro anos de carencia, 12 para a súa devolución e, ademais, cunha bonificación de cinco puntos sobre o interese de mercado; é dicir, pódese chegar a un 0 % de interese, indicou.

Na súa intervención, a conselleira lembrou a importancia que ten para Galicia desde o punto de vista económico a internacionalización do tecido empresarial. Ao respecto, avanzou que a Xunta xa está traballando na nova Estratexia de Internacionalización 2026-2030 tomando como base os “excelentes resultados” da actual, coa que Galicia se situou como a quinta comunidade autónoma máis exportadora de toda España.

Con respecto aos aranceis, sinalou que a afectación por sectores e empresas é dispar, polo que avogou por traballar segundo cada caso en particular, que é o que vén facendo a Xunta de Galicia durante o mes de maio nos diferentes encontros sectoriais que se celebraron entre a Oficina Económica do Igape e a súa antena de Miami. Neste contexto, adiantou que, “probablemente en setembro”, se lanzará un novo servizo de consultaría internacional especializada no marco do programa Reacciona para empresas.

Con todo, Lorenzana quixo remarcar que o comercio que ten actualmente Galicia con EE.UU. supón un 2,5 % do total das exportacións galegas, posto que o mercado fundamental é a UE. Non obstante, tamén puxo de relevo que en marzo as vendas ao país norteamericano rexistraron unha suba do 40 % en relación co mesmo mes do ano pasado, co cal, dixo, cómpre seguir vixiantes á evolución dos acontecementos.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa hoxe na inauguración do Mindtech Startup Event 2025, onde destaca o papel das startups na transformación tecnolóxica da industria
  • Defende a cooperación como modelo de éxito e lembra que a Xunta reforza o seu apoio ao ecosistema emprendedor con novas aceleradoras ou unha liña de axudas directas para cubrir o 100 % dos gastos das startups galegas nas súas primeiras fases
  • Destaca o bo momento do sector metalúrxico galego, con máis de 60.000 empregos en 2024, un crecemento do 3 % e unha ocupación produtiva superior ao 90 %

Vigo, 18 de xuño de 2025

 A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na apertura do Mindtech Startup Event, un encontro que reúne a emprendedores, investidores, empresas tractoras e representantes institucionais no marco da feira industrial Mindtech en Vigo e no que puxo en valor a importancia da conexión entre industria e emprendemento para impulsar a competitividade da economía galega.

Toca Carús destacou a colaboración entre a Xunta de Galicia, a través do Igape, e ASIME, unha alianza que se mantén desde 2019 e que deu lugar á consolidación do “Mindtech Startup Arena”, espazo expositivo que acolle aceleradoras, incubadoras e startups con alto contido tecnolóxico.

O Mindtech Startup Event céntrase nesta edición en cuestións clave para o crecemento das novas empresas tecnolóxicas: financiamento en fases temperás, escalado de proxectos, ecosistema emprendedor e as finais do concurso de startups en tres categorías: proxecto máis disruptivo, innovación en sistemas enerxéticos e ambientais, e procesos dixitais aplicados á industria.

Apoio integral ás startups galegas

Neste escenario, subliñou Toca Carús, a Xunta reafirma a súa aposta polo emprendemento innovador cun conxunto de instrumentos de apoio que abranguen desde as fases máis iniciais ata a expansión internacional. Entre eles, a directora do Igape destacou a liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros para cubrir o 100 % dos gastos das startups galegas nas súas primeiras fases, con achegas de ata 20.000 euros por proxecto.

Estas medidas, lembrou, compleméntanse coa rede de aceleradoras sectoriais Business Factory -BFAuto, BFFood, BFAero, BF Clima Tech-, que contarán este ano con novas incorporacións nos ámbitos da saúde, o deporte e as enerxías renovables. “Este modelo de acompañamento integral converte a Galicia nun territorio especialmente atractivo para emprender”, sinalou Toca, quen insistiu en que “o emprendemento non é só unha estratexia económica, senón tamén unha forma de construír comunidade e futuro”.

Industria metalúrxica e internacionalización

A directora do Igape referiuse tamén ao bo momento do sector metalúrxico galego, con máis de 60.000 empregos en 2024, un crecemento do 3 % e unha ocupación produtiva superior ao 90 %. Este sector, segundo explicou, está a gañar peso en ámbitos de alto valor como a defensa, a aeronáutica e a eólica mariña, o que obriga a fortalecer a conexión co sistema educativo e atraer novo talento.

En paralelo, a internacionalización segue a ser unha das grandes apostas da Xunta. En 2024, Galicia acadou unha cifra récord de exportacións por valor de 31.019 millóns de euros, cun crecemento interanual do 12 % en marzo de 2025. Toca destacou que os produtos exportados son de alto valor engadido —automoción, alimentación ou biotecnoloxía— e que os destinos se diversifican cada vez máis.

  • Os créditos permitirán financiar circulante a longo prazo, cun período de carencia de ata catro anos, o dobre do habitual, para reforzar a posición das exportadoras galegas ante as novas barreiras comerciais
  • Sinala que o obxectivo é compensar os efectos da nova política arancelaria e facilitarlles ás empresas galegas o acceso a mercados alternativos sen perder capacidade competitiva
  • Destaca que a medida forma parte dun paquete de accións máis amplo, que inclúe asesoramento internacional, unha oficina técnica e novos servizos de consultoría para facilitar a diversificación de mercados

Santiago de Compostela, 16 de xuño 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a activación da liña de préstamos de ata 1 M€ por empresa, cun prazo de ata doce anos e unha carencia de catro, “o dobre do habitual”, para apoiar as compañías galegas afectadas polos arenceis dos Estados Unidos.

A nova modalidade intégrase na liña de financiamento empresarial en Galicia, cun orzamento global de 50 millóns de euros, e está deseñada para mitigar o impacto da política arancelaria estadounidense, reforzar a presenza internacional das empresas galegas e impulsar a súa capacidade competitiva fronte ás novas barreiras comerciais.

O Goberno galego calcula que o volume de préstamos solicitado ao abeiro desta liña poderá acadar os 10 millóns de euros durante o exercicio 2025, tendo en conta o peso das operacións comerciais cos EE.UU. en 2024. A liña está dirixida a empresas con centros de traballo maioritariamente en Galicia, que acrediten un volume mínimo de operacións comerciais cos Estados Unidos igual ou superior a 100.000 euros, ou ben que superen o 10% das súas vendas neste mercado.

O titular do Executivo galego sinalou que a posta en marcha deste instrumento financeiro compleméntase cun conxunto máis amplo de actuacións impulsadas pola Xunta no ámbito da internacionalización. Así, a conselleira de Economía e Industria, Mª Jesús Lorenzana, detallou que dentro do programa Reacciona, activarase un novo servizo de consultoría especializada en apertura de mercados, destinado a acompañar as empresas na súa estratexia de diversificación.

Ademais, xa está operativa unha oficina técnica de apoio, dependente da Oficina Económica de Galicia e en colaboración coa Antena do Igape en Miami, que ofrece atención personalizada e seguimento continuo da situación.

Lorenzana sinalou que desde o pasado mes de abril, a Xunta mantén un diálogo activo cos sectores económicos máis expostos á nova política arancelaria, con encontros sectoriais que abarcaron desde o agroalimentario ao naval, pasando pola biotecnoloxía, a loxística, o metalmecánico ou os materiais de construción. Esta interlocución directa co tecido produtivo galego está a permitir identificar as necesidades reais das empresas e adaptar as respostas institucionais aos retos do contexto internacional “nun momento de incertezas”

Así, a conselleira apuntou a que “é clave ter unha resposta coordinada desde o primeiro momento” e que con esta nova liña de préstamos e o resto de medidas postas en marcha, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co tecido empresarial galego e coa súa internacionalización, na procura de acadar novos mercados e seguir medrando e gañando competitividade.

O presidente lembrou que o Goberno estadounidense ten previsto aplicar aos países da Unión Europea un incremento do 50% ás taxas dos produtos importados a partir do vindeiro 9 de xullo.

  • A convocatoria deste ano, que o Instituto Económico de Galicia (Igape) ten aberta ata o vindeiro 30 de setembro, pasa dos 17,5 millóns de euros do orzamento que tivo en 2024 ata os 19 millóns de euros
  • Entre 2020 e 2024, o importe mobilizado foi de 389 millóns de euros e resultaron beneficiadas 4.926 pemes e autónomos, especialmente, do sector do comercio, seguido da industria, a hostalería e o turismo

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 13 de xuño de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a boa acollida que está a ter a liña de préstamos da Xunta para pemes e autónomos que, nos seus primeiros cinco meses desde que se convocou, contabiliza preto de 874 solicitudes por importe próximo aos 150 millóns de euros.

Lorenzana visitou hoxe en Vilagarcía de Arousa as instalacións da empresa Automoción La Junquera, dedicada á venda e reparación de vehículos industriais, beneficiaria deste programa de apoios no que colaboran as sociedades de garantía recíproca e entidades financeiras. Son préstamos avalados de entre 3.000 e 1 millón de euros para investimentos produtivos, circulante e, tamén, para pagamento ou reestruturación de débedas, dixo.

A convocatoria deste ano, que o Instituto Económico de Galicia (Igape) ten aberta ata o vindeiro 30 de setembro, pasa dos 17,5 millóns de euros do orzamento que tivo en 2024 ata os 19 millóns de euros, para poder conceder operacións de financiamento por importe superior aos 150 millóns, lembrou Lorenzana.

Entre 2020 e 2024, o importe mobilizado foi de 389 millóns de euros, o orzamento que destinou o Igape acadou os 30,6 millóns de euros e resultaron beneficiadas 4.926 pemes e autónomos; especialmente, do sector do comercio, seguido da industria, a hostalería e o turismo. Por provincias, Pontevedra foi a segunda desde onde se recibiron máis solicitudes (34,9 por cento); A Coruña, a primeira (46,78 por cento); seguidas de Lugo (10,26 por cento) e Ourense (7,99 por cento).

A conselleira concluíu animando ás pemes que así o precisen a solicitar esta liña de acceso a financiamento, pensada para fomentar os investimentos do tecido empresarial dotándoos de circulante para apoiar a súa actividade produtiva e de negocio.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nunha nova xornada do programa Capacita Directivos centrada na economía amarela e a transformación dixital
  • Pon en valor a aposta do Goberno galego por impulsar o desenvolvemento de competencias estratéxicas para afrontar os retos das TIC, a intelixencia artificial, o Big Data ou a ciberseguridade
  • Destaca que o programa Capacita Directivos ten desenvolvido xa máis dun cento de actividades, superando os 20.000 asistentes e consolidándose como unha ferramenta clave para fortalecer o tecido empresarial galego

A Coruña, 12 de xuño de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá nunha nova xornada do programa Capacita Directivos, centrada na denominada economía amarela: un novo modelo produtivo impulsado polo coñecemento, a innovación e a transformación dixital.

No marco deste foro, organizado en colaboración con Nordés Club Empresarial, Toca Carús reiterou o compromiso da Xunta coa modernización do tecido empresarial a través da formación estratéxica de persoas directivas e a creación dun ecosistema dixital competitivo, seguro e sostible.

Segundo destacou a directora do Igape, “a economía amarela non é unha opción futura, senón o contexto no que xa operan as nosas empresas”. Por iso, subliñou a importancia de xornadas como esta para promover o talento e formar liderados capaces de integrar tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial, o Big Data ou a ciberseguridade na toma de decisións empresariais.

Durante a súa intervención, Toca Carús sinalou que a economía amarela representa “unha transformación estrutural na maneira de crear, distribuír e capturar valor”, onde o activo principal é o coñecemento aplicado e a capacidade de innovación das persoas.

Neste novo paradigma, segundo expuxo, Galicia dispón de elementos clave para consolidarse como referente: talento, pemes dinámicas, clústeres especializados e unha identidade territorial forte. “Temos a oportunidade de incorporar innovación sen perder arraigo, e de xerar crecemento sen renunciar á cohesión territorial”, indicou.

A directora do Igape tamén fixo fincapé na necesidade de superar a dixitalización superficial e apostar por unha integración profunda das tecnoloxías nos procesos de negocio. “A IA, o Big Data ou a ciberseguridade deben formar parte do núcleo estratéxico das empresas, e non ser departamentos illados”, incidiu.

Máis de 100 actividades e 20.000 asistentes

O programa Capacita Directivos leva case unha década contribuíndo á profesionalización das empresas galegas. Con máis de 100 accións formativas desenvoltas e máis de 20.000 asistentes acumulados, a iniciativa consolídase como unha das principais ferramentas da Xunta para fomentar a transformación dixital desde a dirección empresarial.

Por último, Toca Carús salientou tamén o papel da Oficina Económica de Galicia como “punto único de entrada para emprendedores, pemes e investidores”, que xa acompañou máis de 300 proxectos e recibiu máis de 22.600 consultas desde a súa creación hai un ano. “Se queremos que Galicia lidere a transformación dixital, temos que deseñala entre todos”, concluíu a directora do Igape, reforzando a aposta da Xunta por unha economía dixital sostible, segura e baseada nas persoas.