Super User

Desde o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) lanzamos unha nova formación a través do Campus Online Fórmate Internacional: IA aplicada a procesos de internacionalización de empresas. Este curso está deseñado para axudar ás empresas galegas a integrar ferramentas de intelixencia artificial xenerativa nos seus procesos, co obxectivo de aumentar a produtividade e mellorar a competitividade nos mercados internacionais.

Detalles do curso

  • Duración: Do 22 de abril ao 8 de xullo de 2025
  • Modalidade: Formación online interactiva
  • Horario: Martes, de 9:00 a 10:30 horas (12 sesións semanais)
  • Carga lectiva: 18 horas
  • Dirixido a: directivos e mandos intermedios de todas as áreas funcionais e sectores empresariais

Obxectivos principais

Os participantes obterán unha visión completa sobre o papel da IA xenerativa nos procesos empresariais e aprenderán a utilizar ferramentas avanzadas para optimizar tarefas clave. Ao finalizar o curso, serán capaces de aplicar os fundamentos básicos da IA no seu día a día e explorar solucións máis complexas con apoio especializado.

Programa formativo

O curso inclúe módulos prácticos impartidos por expertos recoñecidos, como:

  • Fundamentos da Intelixencia Artificial: Historia, evolución e impacto nos negocios.
  • Estado da arte da IA xenerativa: Tecnoloxías actuais, plataformas e modelos.
  • Ferramentas de produtividade: Automatización do correo electrónico e respostas automáticas.
  • Casos de uso en áreas clave: Comercial, financeira, loxística e recursos humanos.
  • Xeración de contidos e presentacións: Uso da IA para márketing, traducións e creación visual profesional.

Ademais, os participantes terán acceso a unha plataforma interactiva con clases en directo, gravacións e unha biblioteca de contidos didácticos.

Podes consultar máis información e inscribirte a través da páxina formateinternacional.igape.es.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025

No marco do 24º programa anual de visitantes da Fundación Consejo España - Estados Unidos, o Igape recibiu a un grupo de profesionais norteamericanos que ocupan postos de relevancia no ámbito empresarial e no sector público. Este programa ten como obxectivo estreitar os lazos entre ambos países e promover oportunidades de colaboración.

Durante a súa visita, os profesionais foron recibidos na sede do Igape, onde se lles presentou unha panorámica sobre Galicia, os seus sectores estratéxicos e as oportunidades de investimento que ofrece a rexión. Esta iniciativa busca favorecer o intercambio de coñecementos, promover a cooperación e crear novas vías de colaboración entre os dous países.

Este tipo de encontros busca fomentar entornos de colaboración de apoio ao crecemento económico e a innovación. A visita subliña, ademais, o compromiso da Xunta de Galicia por fortalecer os lazos internacionais e consolidar a súa posición como unha rexión atractiva para os negocios e a cooperación global.

  • O Igape e a entidade asinan un acordo que, entre outras cuestións, asegura a avaliación das operacións nun prazo máximo de sete días e que se dea prioridade aos sectores estratéxicos e ás zonas rurais

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), acaba de asinar un acordo con Sabadell Gallego para facilitar o acceso a financiamento a pemes, autónomos, emprendedores e grandes empresas galegas, especialmente a aquelas que reciben asesoramento da Oficina Económica de Galicia.

O acordo establece unha liña específica de financiamento por importe de ata 300 millóns de euros destinada a proxectos empresariais novos ou en expansión. Ademais, inclúe a creación dun circuíto de coordinación directa entre os equipos de riscos de ambas entidades, que permitirá avaliar as operacións nun prazo máximo de sete días hábiles desde a recepción da documentación.

Deste xeito, o convenio reforza o novo modelo de acompañamento que vén impulsando a Consellería de Economía e Industria, especialmente a través da Oficina Económica de Galicia, facilitando un trato máis próximo, máis áxil e centrado nas necesidades reais do tecido produtivo galego.

Prioridade para sectores clave e zonas rurais

O novo convenio, que foi asinado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e polo director xeral do Sabadell Gallego, Pablo Junceda, contempla a prioridade na tramitación de proxectos procedentes de sectores estratéxicos como o mar-industria, o agroalimentario, o das utilities ou o emprendemento innovador, así como proxectos situados en zonas rurais ou economicamente desfavorecidas.

Tamén se pon o foco nas startups e empresas tecnolóxicas, que poderán acceder ao programa BStartup de Banco Sabadell, con oficinas especializadas en Galicia e opcións de investimento directo a través do programa BStartup 10.

Este acordo reforza o papel da Oficina Económica de Galicia, integrada no Igape, como punto de contacto único para empresas e persoas emprendedoras. Ata o momento, e desde a súa posta en marcha hai un ano, a Oficina ten xestionado preto de 19.000 consultas, cun tempo medio de resposta inferior ás 24 horas no 85 % dos casos. 

Ademais, este 2025 prevese a apertura dunha sede en Madrid de Oficina Económica de Galicia na Casa de Galicia co obxectivo de reforzar a captación de investimento nacional e internacional cara a Comunidade.

  • A directora do Igape participa no Galicia Sportech Congress de Pontevedra, onde lembra que a rede de aceleradoras do Goberno galego leva apoiados máis de 830 proxectos e contribuído á creación de máis de 1.400 empregos cualificados
  • Subliña que “Galicia aposta por un modelo baseado no talento, a colaboración público-privada e a especialización” para consolidarse como referente en innovación

Pontevedra, 2 de abril de 2025

A Xunta de Galicia reforza a súa aposta polo emprendemento innovador coa creación de tres novas aceleradoras especializadas en sectores clave para o desenvolvemento económico e social: o deporte, a saúde e o benestar, e as enerxías renovables. Así o avanzou hoxe a directora do Igape, Covadonga Toca, no marco do Galicia Sportech Congress, onde salientou que estas iniciativas buscan conectar startups con empresas tractoras e centros tecnolóxicos, favorecendo a transferencia de coñecemento e a xeración de novas oportunidades de negocio.

A nova estratexia de aceleración empresarial estrutúrase seguindo a metodoloxía das Business Factories, xa implantada con éxito en ámbitos como a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), o agroalimentario (BFFood) ou a economía circular (BFClimaTech). O obxectivo é consolidar ecosistemas de innovación altamente especializados, que faciliten a conexión entre o talento emprendedor e o tecido produtivo galego.

Durante a súa intervención, a directora do Igape destacou que estas novas aceleradoras contribuirán a fortalecer o posicionamento de Galicia como un polo de referencia en innovación. “Estamos construíndo un ecosistema máis robusto, interconectado e especializado, no que as startups poidan validar solucións innovadoras en colaboración directa coas empresas”, indicou.

Ata a data, a rede galega de aceleradoras leva apoiados máis de 830 proxectos emprendedores e facilitado a creación de máis de 1.400 empregos cualificados. Con esta nova expansión, a Xunta reafirma o seu compromiso cunha Galicia máis sustentable, competitiva e conectada ao futuro.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na reunión do grupo de boas prácticas do Consello Interterritorial Internacionalización do ICEX e intervén na mesa redonda "Competitividade industrial: como financiar o futuro", no marco do evento Wake Up Spain
  • Presenta a Oficina Económica de Galicia como exemplo de nova gobernanza orientada á empresa e destaca as ferramentas da Xunta para atraer investimentos e axilizar proxectos estratéxicos

Madrid, 31 de marzo de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, representou hoxe á Xunta de Galicia na reunión do grupo de traballo de boas prácticas do Consello Interterritorial de Internacionalización do ICEX. Un encontro ao a que asistiu antes de participar na mesa redonda “Competitividade industrial: como financiar o futuro?”, celebrada no marco do foro económico Wake Up Spain, en Madrid.

Durante ambas intervencións, Toca Carús expuxo as liñas mestras da Oficina Económica de Galicia, un novo modelo de relación co tecido empresarial que pon á empresa no centro das políticas públicas e que simplifica e axiliza os procesos para emprender, medrar e investir en Galicia.

A Oficina Económica de Galicia, expuxo, en funcionamento desde abril de 2024, ofrece un plan individualizado de apoios e asesoramento especializado para cada proxecto, mediante un equipo de 100 asesores expertos nas áreas de industria, enerxía, innovación, financiamento e sustentabilidade.

Desde a súa posta en marcha, lembrou a directora, xa atendeu máis de 18.700 consultas e prestou asesoramento directo a 865 iniciativas empresariais, das cales 193 foron cualificadas como de especial relevancia.

Así mesmo, Toca Carús destacou tamén as medidas da Xunta para atraer investimentos e activar proxectos industriais estratéxicos, como a declaración de Proxectos de Interese Autonómico (PIA) ou Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE), que permiten reducir á metade os prazos administrativos, adxudicar solo empresarial de forma directa e conceder subvencións sen concorrencia competitiva.

Na súa intervención en Wake Up Spain, a directora do Igape reivindicou a coordinación institucional e a planificación proactiva como elementos clave para acadar unha Galicia máis competitiva, sostible e atractiva para o investimento nacional e internacional. “En Galicia temos claro que o futuro industrial pasa pola colaboración público-privada, a anticipación ás necesidades do tecido produtivo e unha tramitación áxil e eficiente. A Oficina Económica é o espello desa nova visión”, subliñou.

  • Covadonga Toca interveu hoxe na Xornada de intelixencia artificial para a construción, organizada polo clúster do sector en Galicia que, segundo dixo, é unha industria que representa o 5,7 % do PIB autonómico, confórmana case 12.730 empresas e dá emprego a máis de 133.000 persoas traballadoras
  • Apunta que desde este mesmo luns e ata o vindeiro 14 de abril estará aberta no portal de transparencia unha consulta pública aos interesados en participar na redacción do anteproxecto do plan director do sector

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2025

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, destacou hoxe que a intelixencia artificial abre un campo de oportunidades para a industrialización do sector da construción.

Covadonga Toca interveu hoxe na Xornada de intelixencia artificial para a construción, organizada polo clúster do sector en Galicia que, segundo dixo, é unha industria que representa o 5,7 % do PIB autonómico, confórmana case 12.730 empresas e dá emprego a máis de 133.000 persoas traballadoras.

A directora do Igape apuntou que o pasado 17 de febreiro a Xunta declarou a construción sector estratéxico. É un dos nove -xunto coa automoción, o naval, as TIC, o sector metalmecánico, o forestal-madeira, a loxística, a alimentación e o téxtil- aos que se lles outorgou esta condición polo seu peso na economía galega e con vistas a que cada un deles dispoña do seu respectivo plan director. De feito, estes nove sectores industriais representan máis do 85% do emprego industrial total de Galicia.

Segundo indicou, desde este mesmo luns e ata o vindeiro 14 de abril, estará aberta no portal de transparencia unha consulta pública aos interesados en participar na redacción do anteproxecto deste plan, para o cal a colaboración do Clúster da Construción, dixo, vai ser clave á hora de dar resposta a retos como a industrialización do sector e o uso de ferramentas dixitais.

Covadonga Toca lembrou que o emprego da intelixencia artificial por parte dos sectores produtivos é imparabable. E, neste contexto, remarcou que este ano, por primeira vez, a Xunta, a través do Igape, convocou en xaneiro un paquete de apoios por importe de 10,3 M€ para fomentar o uso desta tecnoloxía nas empresas, con subvencións que oscilan entre o millón de euros e os 60.000 euros.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na presentación oficial do proxecto Digital Cologistics Factoría de innovación de retos loxísticos, iniciativa que ten por obxectivo dixitalizar e facer máis sustentable o sistema loxístico da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal
  • Destaca que entre os retos formulados figuran a xestión remota de enchufes en terminais de contedores, a creación de xemelgos dixitais para maquinaria portuaria, a automatización do control de temperatura en envíos sensibles ou a aplicación de IA á loxística farmacéutica
  • Lembra que o Igape ten convocadas axudas por valor de máis de 172 millóns de euros destinadas a financiamento de empresas, mellora da competitividade, transformación tecnolóxica, atracción de novos investimentos e dixitalización e sustentabilidade

Vigo, 27 de marzo de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na presentación oficial do proxecto ‘Digital Cologistics Factoría de innovación de retos loxísticos’, onde puxo en valor esta iniciativa como unha aposta pola loxística innovadora que busca transformar retos empresariais en solucións reais. “Este proxecto exemplifica á perfección a Galicia que queremos construír: unha Galicia conectada, colaborativa, cunha loxística intelixente e un ecosistema innovador cada vez máis forte”, afirmou.

Neste sentido, a Factoría de Innovación de Retos Loxísticos intégrase no proxecto europeo Digital Cologistics, co obxectivo de dixitalizar e facer máis sustentable o sistema loxístico da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A iniciativa, explicou Toca Carús, ofrece un espazo único para que empresas tractoras presenten desafíos reais nos seus procesos e que poidan ser resoltos mediante proxectos innovadores.

Entre os retos formulados destacan a xestión remota de enchufes en terminais de contedores, a creación de xemelgos dixitais para maquinaria portuaria, a automatización do control de temperatura en envíos sensibles, a aplicación de IA á loxística farmacéutica ou o cálculo automatizado da pegada de carbono en operacións Ro-Ro. A factoría apoiará 15 proxectos seleccionados, aos que ofrecerá mentorización, formación, espazos colaborativos e oportunidades de financiamento.

Apoios da Xunta

No marco da presentación, Covadonga Toca lembrou que, nos dous primeiros meses de 2025, o Igape convocou axudas por valor de máis de 172 millóns de euros destinadas a financiamento de empresas, mellora da competitividade, transformación tecnolóxica, atracción de novos investimentos e dixitalización e sustentabilidade.

Ademais, lembrou Toca Carús, a Xunta está a elaborar, en colaboración co Clúster da Función Loxística, o Plan Director da Loxística de Galicia, que servirá como folla de ruta para consolidar un modelo loxístico eficiente, verde, dixital e preparado para os desafíos do comercio global.

A directora do Igape concluíu a súa intervención destacando a importancia da loxística como motor da internacionalización e puxo como exemplo os máis de 31.000 millóns de euros exportados por Galicia en 2024, unha “cifra récord que só é posible grazas a unha infraestrutura loxística moderna, eficaz e profesional”.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión de traballo cunha delegación estadounidense desprazada a Galicia e con responsables da Asociación de Industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime)
  • Lorenzana lembrou que o Goberno galego acaba de por en marcha un observatorio de vixilancia a través da antena do Igape no país norteamericano para facer un seguimento das políticas comerciais, asesorar as empresas galegas e ofrecer apoio técnico e información estratéxica para que poidan adaptarse aos novos escenarios

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou esta mañá o traballo do Goberno galego para minimizar as repercusións do novo contexto internacional no tecido empresarial galego do que gabou a súa capacidade para afrontar os cambios con éxito. Unha situación que Lorenzana analizou no transcurso da reunión de traballo que mantivo cunha delegación norteamericana formada por representantes da embaixada e de sete estados do país estadounidense (Ohio, Virginia, Carolina del Norte, Carolina del Sur, Texas, Indiana e Pensilvania) e na que tamén estiveron presentes membros da Asociación de Industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime), entidade promotora da visita.

Lorenzana explicou que o encontro serviu para estreitar os lazos comerciais con EEUU e abordar o impulso a novas fórmulas de colaboración entre o país norteamericano e as empresas galegas. De feito, na reunión apuntáronse, entre outras cuestións, as diferentes oportunidades de negocio nun país que para Galicia ten un enorme potencial investidor en áreas tan diversas como a construción, o sector das enerxías renovables, o aeroespacial ou a industria alimentaria.

Galicia é a quinta comunidade autónoma máis exportadora de España ao país estadounidense. No último ano, un milleiro de empresas galegas, das que 350 o fixeron de forma regular, exportaron produtos por un importe de 800 millóns de euros, o que representa o 2,6 % do total de exportacións de Galicia.

Aínda así, e malia que  a previsión é que o efecto de posibles aranceis sexa limitado na economía galega, a conselleira de Economía e Industria indicou que a Xunta está a manter unha estratexia activa para asegurar que as empresas galegas manteñan a súa competitividade a través do fomento da innovación, a internacionalización e a promoción dos seus produtos.  E tamén coa posta en marcha dun observatorio de vixilancia a través da antena que o Igape ten nos EEUU co obxecto de facer un seguimento das políticas comerciais, asesorar as empresas galegas e ofrecer apoio técnico e información estratéxica para que poidan adaptarse aos novos escenarios

  • Defende a eliminación de obstáculos burocráticos para a axilización dos proxectos económicos
  • No último ano, a Oficina Económica atendeu preto de 19.000 consultas e asesorou 193 proxectos de especial relevancia

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego coa simplificación administrativa para así fortalecer o desenvolvemento empresarial, tamén nos proxectos de emprendedores e de pequenas e medianas empresas.

Durante a súa intervención no aniversario da posta en marcha da Oficina Económica do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), creada hai un ano co obxectivo de reducir a tramitación burocrática das empresas na súa relación coa Administración, Rueda afirmou que a Oficina “supuxo un salto cualitativo” ao ofrecer a empresas e inversores “unha canle privilexiada” e “rápida” para tratar as súas iniciativas.

Segundo sinalou o presidente, a Oficina “chamou a atención” fora de Galicia e forma parte da aposta da Xunta por facer á nosa comunidade un lugar “atractivo e competitivo” para aproveitar as oportunidades retendo e atraendo investimentos, e onde van atopar criterios “esixentes” pero tamén “facilidades” e “seguridade xurídica”.

Neste sentido, o Goberno galego emprendeu dúas liñas de acción para facilitar a redución de trámites: por unha banda, a dixitalización dos procesos para descentralizar a presentación de documentos, obter respostas e asesoramento en tempo real e gañar en eficiencia e transparencia; e, por outra banda, axudas directas a emprendedores, autónomos e pemes para crear un entorno máis favorable á implantación de novas industrias.

Dende a súa posta en marcha, a Oficina Económica do IGAPE atendeu preto de 19.000 consultas, mantivo 865 reunións con empresas, asesorou 193 proxectos de especial relevancia e resolveu máis do 85% das consultas realizadas no mesmo momento.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no evento "Diálogos Inspiradores: Tecnoloxía, Innovación e Economía Social" onde destaca os instrumentos públicos que impulsan o emprendemento tecnolóxico con impacto social, a través de financiamento, asesoramento e acompañamento integral
  • Lembra que o Instituto activou este ano máis de 172 millóns de euros en axudas destinadas á innovación, dixitalización e modernización do tecido produtivo galego, das que poden beneficiarse tamén cooperativas tecnolóxicas e entidades da economía social
  • Destaca o papel dos clústeres como ponte entre o coñecemento xerado nas universidades e a súa aplicación na industria

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago no foro “Diálogos Inspiradores”, un espazo de reflexión sobre o papel da tecnoloxía con impacto social no marco da economía social e cooperativa. No seu relatorio, puxo en valor o papel das startups cooperativas como modelo viable, innovador e con futuro para Galicia, e subliñou o compromiso da Xunta por reforzar o seu apoio desde todos os ámbitos institucionais.

“Queremos que os emprendedores coñezan que existen alternativas reais ao modelo empresarial tradicional, como é o cooperativismo, que combina viabilidade económica con propósito social”, asegurou. Neste sentido, destacou que, en 2025, o Igape activa máis de 172 millóns en axudas destinadas á innovación, dixitalización e modernización do tecido produtivo, das que poden beneficiarse tamén cooperativas tecnolóxicas e entidades da economía social.

A maiores, Toca Carús puxo o foco na Oficina Económica de Galicia, que definiu como “moito máis cunha fiestra única”. Así, detallou, este servizo, que ofrece unha nova forma de relacionarse co tecido empresarial, suma máis de 18.000 consultas atendidas desde a súa posta en marcha, ofrecendo acompañamento integral con máis de 100 profesionais especializados en financiamento, fiscalidade, emprendemento ou tramitación administrativa.

Durante a súa intervención, a directora do Igape defendeu que a cooperación público-privada é clave para construír unha economía tecnolóxica máis sostible, inclusiva e conectada co territorio. “Desde a Xunta traballamos man a man co sector privado para facer realidade proxectos que transformen a industria galega”, afirmou.

Neste sentido, destacou o papel dos clústeres empresariais como ponte entre o coñecemento xerado nas universidades e a súa aplicación na industria e salientou tamén o apoio aos clústeres emerxentes, en ámbitos como a saúde, a economía circular, as tecnoloxías mariñas ou a moda sustentable. “Estes espazos son especialmente útiles para as cooperativas, porque permiten achegar innovación e tecnoloxía a entidades que, pola súa dimensión, non sempre poden acceder a ela de forma individual”, explicou.

Aceleradoras, formación e modelo cooperativo

A directora do Igape lembrou que Galicia conta cunha rede de aceleradoras na que tamén se apoian proxectos cooperativos. Entre elas, destacou ViaGalicia, e salientou o modelo das Business Factories (BF), aceleradoras verticais por sectores (alimentación, automoción, aeronáutica, economía circular...), que se ampliarán en 2025 a novos ámbitos como a saúde, o deporte e as enerxías renovables.

Toca Carús concluíu sinalando que “a Galicia emprendedora que queremos é tamén unha Galicia cooperativa, verde, dixital e centrada nas persoas”: “Desde o Igape seguiremos acompañando, financiando e visibilizando proxectos que demostren que se pode innovar con propósito e compartir valor desde o primeiro día”.