Super User
Lorenzana aposta por seguir impulsando a modernización e a diversificación no sector naval
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes de Aclunaga para avaliar conxuntamente os retos e necesidades desta industria
- Sinala que o papel do clúster vai ser indispensable na redacción do Plan director do sector naval que vai elaborar a Xunta de Galicia
- Reclama ao Goberno central que saque unha nova convocatoria do Perte para este sector
A Xunta avoga pola cooperación público-privada para aproveitar ao máximo as oportunidades do ecosistema innovador galego
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, onde subliñou a importancia de acompañar aos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, aposta polo talento e fomento da cultura da internacionalización
- Resalta a posta en marcha este ano da primeira liña específica de apoio ás startups galegas así como outras opcións de apoio habilitadas a través de Xesgalicia
- Pon en valor os centros dixitais e os centros de fabricación avanzada, que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores e do que é exemplo a Cidade das TIC
- Destaca a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento
A Coruña, 27 de febreiro de 2024
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou esta mañá na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, onde avogou por potenciar a cooperación público-privada na procura de seguir a aproveitar ao máximo todas as oportunidades que ofrece o ecosistema innovador galego.
“Debemos acompañar aos nosos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, apostar polo talento e fomentar a cultura da internacionalización”, afondou Toca, quen neste último campo lembrou que as exportacións galegas están acadando “datos históricos e configurando o mellor ciclo exportador da nosa terra”.
Nesta tarefa conxunta, proseguiu a directora, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, habilita un ano máis distintas ferramentas e programas de apoio entre os que destacou a “continua aposta” polas startups. Un compromiso que este exercicio inclúe a primeira liña específica de apoio ás startups galegas.
A directora detallou que a nova liña cobre o 100% dos gastos, entre 10.000 e 20.000 euros, nos que incorran os emprendedores innovadores no lanzamento e consolidación temperá dos seus proxectos.
E todo isto, afondou a directora do Igape, sen esquecer “as últimas apostas que temos en marcha desde a Xunta” como son os centros dixitais e os centros de fabricación avanzada, que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores e do que temos “un exemplo inmellorable nesta Cidade das TIC que hoxe nos acolle”.
“Por parte da Xunta de Galicia sempre nos van a atopar na tarefa de acompañar ás nosas empresas e de promocionar a colaboración público-privada, porque é o noso papel e cremos nos beneficios dese traballo en equipo”, sinalou Toca, quen, neste escenario, puxo en valor a posta en marcha este ano da nova Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.
Unha oficina que se complementa con apoios como a nova liña de incentivos para á atracción e de empresas, que suma 30 millóns en tres anos, os préstamos directos do Igape, con outros 30 millóns para achegar financiamento, ou unha ampla batería de liñas e axudas para promover a internacionalización.
“As nosas empresas, teñen a importante responsabilidade de dar resposta ás necesidades e demandas do noso tecido produtivo e da cidadanía. E entre todos, desde a colaboración público-privada, temos a obriga de proporcionarlles o apoio e os recursos necesarios para que os seus proxectos teñan a capacidade de crecer e ter éxito”, concluíu a directora do Igape.
A Xunta salienta a importancia da colaboración coas entidades de crédito para achegar financiamento a pemes e autónomos nas condicións máis vantaxosas
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa, na inauguración da nova oficina de Afigal en Carballo, “exemplo de proximidade, de saber estar sobre o terreo, atendendo as necesidades dunha parte fundamental do noso tecido produtivo”
- Destaca que a cooperación con esta Sociedade de Garantía Recíproca ten permitido, nos últimos 5 anos, canalizar máis de 125 M€ en préstamos que chegaron a 2.100 empresas, o 17% delas da Costa da Morte
- Resalta o esforzo da Xunta por facilitar o acceso ao crédito, con máis de 111 millóns este ano que inclúen unha nova convocatoria dos préstamos directos
Carballo (A Coruña), 23 de febreiro de 2024
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración da nova sede de Afigal SGR, en Carballo, onde salientou a importancia da colaboración coas entidades de crédito de cara a achegar financiamento a pemes e autónomos nas condicións máis vantaxosas.
“Esta nova oficina na Costa da Morte, en Carballo, é un exemplo más de proximidade, de saber estar sobre o terreo, atendendo as necesidades desa parte fundamental do noso tecido produtivo”, aseverou Toca Carús, quen subliñou que a posibilidade de acceder a financiamento permite “mellorar as condicións e as oportunidades de futuro” do tecido empresarial e “reforzar o seu bo facer e a súa responsabilidade”.
Neste contexto, a directora do Igape puxo en valor a importancia da cooperación con Afigal, instrumentada a través dun convenio anual que, nos últimos 5 anos, ten permitido canalizar máis de 125 millóns de euros en préstamos que chegaron a 2.100 empresas, o 17% delas da Costa da Morte.
Só este ano, afondou Toca Carús, xa están en curso 142 operacións con Afigal, que buscan seguir apoiando o acceso ao financiamento das pemes, con axudas en forma de garantía e subvención de gastos financeiros.
Un esforzo conxunto que, segundo detallou a directora do Igape, enmárcase nunha liña máis ampla que inclúe ao resto de Sociedades de Garantía Recíproca e que este ano suma preto de 12 millóns de euros que porán en circulación 80 M€ nun milleiro de operación de pemes e autónomos.
Esta liña, proseguiu Toca Carús, é parte do paquete de actuacións que, en materia de financiamento dispón este 2024 o Igape. “Estamos a falar de máis de 111 millóns de euros para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por Xesgalicia, serven para mobilizar o gasto empresarial”, detallou antes de destacar a nova convocatoria de préstamos directos do Igape, con 30 millóns de euros destinados a investimentos estratéxicos, actuacións de asociacións e centros tecnolóxicos ou mesmo ao financiamento de proxectos de implantación empresarial no exterior.
“Desde a Xunta temos diferentes instrumentos axeitados para atender as necesidades de financiamento e investimento das nosas pemes e autónomos. Temos que estar preto das nosas empresas e desde a colaboración, proporcionarlles os apoios e recursos necesarios para que teñan a capacidade de crecer e ter éxito”, concluíu.
Rueda destaca que a Xunta apoia cinco novos proxectos de infraestruturas compartidas e centros dixitais que suman máis de 10 M€
- Resalta que se trata de instalacións “con aparellos e tecnoloxía complexa” que estarán á disposición das pequenas empresas e autónomos de toda Galicia
- Isto permitiralles acceder a produtos e servizos avanzados a prezos competitivos
- Salienta que os novos centros estarán centrados na produción audiovisual, as tecnoloxías satelitais, os servizos avanzados de datos, a mellora da conectividade ou a produción, monitorización e análise de vídeo
- Na actualidade estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada en sectores tan diversos como as TIC, o biotecnolóxico, a loxística, o turismo, o agroalimentario ou a saúde e deporte cun investimento total de 26,6 M€
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai apoiar o desenvolvemento de cinco novos proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido ao abeiro das liñas de axudas para Centros de Fabricación Avanzada e de Centros Dixitais. A previsión é investir 10 millóns de euros nestas instalacións que estarán a disposición do tecido produtivo, dos que a Xunta achega máis de 8 millóns. O obxectivo é seguir impulsando a modernización e dixitalización da industria galega.
Tal e como explicou Rueda, trátase de instalacións con “aparellos e tecnoloxía complexa” que estarán instaladas nunha “empresa principal” pero a disposición dos pequenos e medianos empresarios de toda a comunidade. O obxectivo é achegar estes servizos e produtos aos autónomos e pemes a prezos competitivos. Servizos que, doutro xeito, “non poderían permitirse” polo investimento que supón contar con eles na súa propia empresa de forma continuada.
Así, e a través de ambos programas, promoveranse actuacións en eidos diferentes como a produción audiovisual avanzada, as tecnoloxías satelitais, os servizos avanzados de datos, a mellora da conectividade ou a produción, monitorización e análise de vídeo.
No caso dos centros de fabricación avanzada, realizaranse tres novas iniciativas. A primeira deles céntrase na posta en marcha dun centro de produción audiovisual avanzada na Cidade das TIC da Coruña. “Un espazo que contará con dous novidosos estudos de rodaxe e servizos de última xeración”, á disposición da industria audiovisual galega, indicou Rueda.
O segundo dos proxectos propón a creación dun centro na área de Vigo en que se “realizarán probas de certificación e desenvolvemento de compoñentes de satélites nunha contorna similar á do espazo”, e con todas as medidas de seguridade necesarias. Deste xeito, ofreceranse dous servizos: a certificación de tecnoloxías satelitais e probas para o desenvolvemento de tecnoloxías de propulsión eléctricas.
A terceira iniciativa configúrase como unha instalación complementaria ao Laboratorio de Intelixencia Artificial da Cidade das TIC, ofrecendo servizos de demostración, prototipado e lanzamento de proxectos para a implantación de produtos e servizos relacionados coa propia intelixencia artificial.
Centros dixitais
Estas actuacións compleméntase cos proxectos da liña de centros dixitais, no marco do programa do Fondo de Transición Xusta, e que presta especial atención á mellora da dixitalización do tecido empresarial e á modernización da industria galega a través da creación deste tipo de infraestruturas nos lugares identificados como zonas de transición xusta que, no caso de Galicia, se corresponde coa provincia da Coruña.
Neste eido, tal e como explicou o presidente, os novos proxectos permitirán, dun lado, a posta en marcha do primeiro punto neutro de conectividade en Galicia, que se localizará en Santiago, que mellorará a experiencia dixital en todo o territorio, impulsando a transformación da Comunidade con especial atención a tres ámbitos: mundo rural, sectores emerxentes e pemes; e doutro, a posta en marcha, na Cidade das TIC, dun centro dixital de monitorización, produción remota e análise de vídeo.
A finalidade destas dúas liñas é o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, a modernización e desenvolvemento da base industrial, e a mellora da dixitalización dos procesos empresariais. En definitiva, perséguese a promoción das infraestruturas axeitadas como factor determinante para mellorar a competitividade das pemes galegas, apostando por un modelo de crecemento intelixente, sustentable e innovador.
Neste sentido, cómpre lembrar que na actualidade estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada en sectores tan diversos como as TIC, o turismo, a saúde, a loxística, o biotecnolóxico, a loxística, o agroalimentario ou o deporte. En total, suman investimentos por máis de 26,6 M€ cunha axuda de 18,6 M€.
A Xunta aposta pola internacionalización e a captación de investimentos para impulsar o crecemento empresarial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron en Santiago na xornada Investir en ciencia si é rendible: impacto e retorno
- A directora do Igape sitúa a busca de novos mercados como “parte do ciclo de vida dunha empresa” ao permitir consolidar o seu crecemento e aproveitar novas oportunidades e resalta que Galicia pechou 2023 cun novo récord exportador ao superar, por primeira vez, a barreira dos 30.000 millóns
- Destaca a importancia da Oficina Económica de Galicia na captación de investimentos, ao permitir facilitar información, asesoramento e acompañamento no impulso de novas iniciativas nunha única canle
- Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación subliñou a aposta do Goberno galego por fortalecer o ecosistema galego de I+D+i, focalizar os esforzos en tecnoloxías disruptivas (os vehículos aéreos non tripulados, as tecnoloxías cuánticas e a biotecnoloxía) e impulsar novos instrumentos de apoio
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron hoxe na xornada Investir en ciencia si é rendible: impacto e retorno. Na súa intervención, a directora do Igape puxo en valor a importancia da aposta pola internacionalización e a captación de investimentos para facilitar o crecemento empresarial. Neste sentido, Toca avogou pola cooperación público-privada para acompañar a emprendedores e empresarios no seu desenvolvemento. Un itinerario, expuxo, no que se debe apostar tamén pola saída ao exterior como “parte do ciclo de vida dunha empresa”, toda vez que a procura de novos mercados permite consolidar o seu crecemento e aproveitar novas oportunidades.
Para acadar estas metas, a directora do Igape lembrou que a Estratexia de Internacionalización da Xunta inclúe distintas ferramentas e liñas para colaborar co tecido empresarial neste eido. Un traballo conxunto, afondou, que ten permitido pechar o 2023 cun novo récord exportador ao superarse, por primeira vez na historia, a barreira dos 30.000 millóns en vendas ao exterior.
“Esta aposta pola internacionalización configúrase como unha vía de dobre sentido”, afondou Toca Carús, sinalando que “resulta imprescindible que esa apertura e as condicións do noso mercado atraian investimentos produtivos e sensibles aos principais vectores de crecemento futuro: a innovación e dixitalización e a sustentabilidade”.
Neste contexto, a directora do Igape resaltou a posta en marcha este ano da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento. Esta Oficina, explicou, é unha nova variante dentro da batería de medidas de apoio ás empresas, que buscan dar un salto en innovación tecnolóxica, automatizando e axilizando os procesos internos e mellorando a competitividade empresarial no cambiante escenario actual.
Unha aposta, expuxo a directora do Igape, que se está a complementar con outras iniciativas como os Centros de Fabricación Avanzada ou a nova liña de Centros de Dixitais, que facilitan a creación de infraestruturas compartidas para as empresas galegas; ou como a aposta polas startups, coa activación da primeira liña específica de apoio a este tipo de compañías como da nova business factory ambiental (Clima – Tech).
“Dixitalización, internacionalización, apoio financeiro, transición ecolóxica ou a aposta polo talento son algunhas das bases do noso traballo. Un marco no que buscamos contribuír a impulsar un crecemento sólido e de longo alcance para crear cadeas de valor no tecido produtivo”, concluíu Toca.
Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou na súa intervención que a Xunta de Galicia realizou un cambio na última década na política de I+D+i orientado a mudar as estruturas de gobernanza coa creación da Comisión Interdepartamental de I+D+i, fortalecer o ecosistema galego de I+D+i, focalizar os esforzos en tecnoloxías disruptivas (os vehículos aéreos non tripulados, as tecnoloxías cuánticas e a biotecnoloxía) e impulsar novos instrumentos de apoio, como o programa de Misións ou a Compra Pública de Innovación. Este esforzo materializouse en resultados como un incremento do 80% no investimento en I+D+i da Xunta de Galicia desde 2019 ou o maior investimento de toda a serie histórica en I+D segundo datos do INE referidos a 2022.
Por último, a directora de Gain fixo mención a parte ao programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, pola súa contribución á transformación do modelo económico de Galicia, a través da creación de spin-offs e acordos coa industria, a captación de investimento público-privado dos proxectos impulsados e a creación de más de 100 empregos altamente cualificados.
A aceleradora Galicia Avanza mellora a presenza no exterior dos produtos e servizos de trinta empresas innovadoras galegas
- As directoras da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e do Igape, Covadonga Toca, participaron hoxe na presentación dos resultados da segunda edición desta iniciativa da Xunta e Tecnópole
- Son 12 pemes de Pontevedra, 11 da Coruña, 4 de Lugo e 3 de Ourense que durante os dez meses de duración do programa contaron co apoio de expertos que deseñaron itinerarios personalizados para cada unha das firmas participantes
- Durante o evento anunciouse a posta en marcha da terceira edición do programa, na que poderán participar outras 30 pemes galegas innovadoras
San Cibrao das Viñas (Ourense), 21 de febreiro de 2024
As trinta pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica participantes na segunda edición da aceleradora para a internacionalización Galicia Avanza presentaron esta mañá en Tecnópole os logros acadados ao longo dos dez meses que durou o programa. Esta iniciativa púxose en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Desde entón, 60 pemes das catro provincias galegas participaron no programa.
A directora de Gain, Patricia Argerey, inaugurou o encontro, ao que tamén asistiron a directora xeral do Igape, Covadonga Toca, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa. Na súa intervención, Patricia Argerey puxo de relevo o éxito do programa que “contribúe a facer máis rendible o investimento en innovación, apoiando ás nosas pemes a traspasar fronteiras e conquistar mercados internacionais” e apuntou que entronca cunha das prioridades da política de I+D+i da Xunta de Galicia que é a internacionalización do ecosistema galego de innovación e, por ende, o reforzo da Marca Galicia a nivel internacional no ámbito da innovación e a I+D.
Pola súa banda, Covadonga Toca destacou que a través desta aceleradora, así como do resto de ferramentas á disposición das empresas, “ofrecemos ao tecido empresarial galego as mellores condicións para que sigan a facer da internacionalización un dos grandes motores de crecemento económico”. A economía galega progresa no seu obxectivo de consolidación de mercados no exterior, apuntou a directora, o que está permitindo acadar rexistros históricos en exportacións. “As cifras falan moi ben do tecido empresarial galego e da estabilidade e a confianza que achegamos desde Galicia”, incidiu, destacando que Galicia ven de acadar un novo récord en vendas ao exterior no ano 2023, situándose por primeira vez por riba da fronteira dos 30.000 M€.
Un impulso á internacionalización da innovación en Galicia
No transcurso do acto, destinado a promover a internacionalización da innovación, déronse cita empresas de todos os sectores, con presenza en mercados exteriores ou con potencial de exportar os seus produtos e servizos. O director de Tecnópole, Javier Taibo, presentou os resultados desta segunda convocatoria, na que se impulsou a internacionalización de 30 pemes das catro provincias galegas: 12 de Pontevedra, 11 da Coruña, 4 de Lugo e 3 de Ourense. Pertencen a sectores produtivos diversos, dedicadas na súa maioría á enxeñaría e ás TIC, ademais do sector agroalimentario, consultoría, formación, venda ao por maior e ao por menor, retail, hixiene e acción social.
No marco desta convocatoria, detectáronse un total de 67 mercados de interese para as pemes participantes: o 55 % en Europa, principalmente en Alemaña, Francia e Portugal; o 21 % en Latinoamérica, sobre todo en México, Arxentina e Chile; e o 24 % restante nos Estados Unidos e en diversos países de África e Asia. Ademais, rexistráronse 18 marcas en diferentes países e unha patente.
O valor global das actuacións levadas a cabo ascendeu aos 575.447,71 euros, cun apoio medio por empresa de 19.181,59 euros. Durante os dez meses de duración desta segunda edición do programa Galicia Avanza realizouse unha prospección de mercados de interese para cada unha das pemes participantes, protección de patentes e marcas nos países de destino, elaboración e desenvolvemento de plans de márketing, análise de clientes potenciais e establecemento de axendas comerciais, adaptación das páxinas web das empresas ao mercado internacional de destino, ademais da realización ou adaptación de soportes comerciais. Así mesmo, nos casos nos que foi necesario, adaptáronse os produtos aos mercados de destino, elaboráronse contratos, creáronse ferramentas para facilitar as vendas…, entre outros servizos.
O evento incluíu tamén a presentación de casos de éxito en internacionalización de empresas de referencia; un espazo expositivo das 30 firmas participantes no Programa Galicia Avanza e reunións bilaterais. Durante o evento anunciouse a posta en marcha da terceira edición de Galicia Avanza, na que poderán participar outras 30 pemes galegas innovadoras. O prazo de solicitude abrirase ao longo deste mes e as empresas interesadas disporán dun prazo amplo para presentarse á nova convocatoria.
A Xunta pon en valor a importancia do talento e a innovación como eixos vertebradores da competitividade empresarial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nunha xornada de formación e titorías da quinta edición da Business Factory do sector aeronáutico (BFAero) tras visitar as instalacións da empresa 3eData, cualificada pola Xunta como iniciativa de emprego de base tecnolóxica
- Destaca os proxectos que está a impulsar o Goberno galego grazas á rede de aceleradoras que inclúe, ademais da BFAero, as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto) e farmacéutica (BFMedicines)
- Subliña que, ata o de agora, a BFAero suma 42 proxectos en cinco edicións, a metade deles en fase de aceleración e outros seis na de consolidación, na procura de “alentar o talento innovador galego cara a súa chegada ao mercado”
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe nun encontro de traballo cos 12 promotores dos proxectos da 5ª edición da Business Factory Aero- BFAero, un marco no que puxo en valor a importancia do talento e a innovación como eixos vertebradores da competitividade empresarial.
Neste sentido, a xornada de traballo permitiu destacar a necesidade da cooperación na procura de configurar o mellor ecosistema empresarial posible sobre a base da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade, atraendo talento e capital internacional. “Impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”, subliñou Toca Carús.
A directora do Igape destacou que, ata o de agora, a BFAero suma 42 proxectos en cinco edicións, a metade deles en fase de aceleración e outros 6 na de consolidación, “alentando todo ese talento innovador galego” no ámbito da aeronáutica na procura de facilitar “a súa chegada ao mercado”.
Este campo compleméntase, expuxo, co resto de business factories que se veñen impulsado en alimentación (BFFood), automoción (BFAuto) ou farmacia (BFMedicines), e que medrará este ano coa nova business factory ambiental (Clima – Tech), que atenderá a sustentabilidade ambiental como forma de garantir un crecemento sustentable a longo prazo.
Visita ás instalacións da empresa 3eData
Antes desta xornada, Toca Carús tivo a ocasión de visitar as instalacións da empresa 3eData, cualificada pola Xunta como iniciativa de emprego de base tecnolóxica e que posúe o selo de PEME Innovadora do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Esta é una spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, que se constituíu en 2016 co apoio da Fundación CEL e co programa Galicia Emprende do Igape. Centrada na xestión de proxectos do sector agroforestal e ambiental, ten participado en varios proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia, contando co apoio do Igape tamén a través doutros programa como o ReAcciona.
Toca Carús puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas nese “camiño tan importante a percorrer desde a innovación ata o mercado, do que 3eData é un bo exemplo”.
A Xunta pon o Polo da Sionlla como exemplo do compromiso de Galicia co sector biotecnolóxico nun “espazo único” para a atracción do talento
-
A directora do Igape, Covadonga Toca, visita as instalacións do Biopolo resaltando a súa importancia para industrializar un sector en auxe, facilitar a investigación tecnolóxica e o asentamento de empresas, e dar resposta ás necesidades das compañías biotech
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións do Biopolo Sionlla– Polo Biotecnolóxico de Galicia, un proxecto ao que puxo como exemplo do compromiso de Galicia con esta industria e coa habilitación de “espazos únicos” tanto para a atracción de talento como para o crecemento e a consolidación empresarial.
Neste sentido, Toca Carús subliñou a importancia dun Polo que está a permitir industrializar un sector en auxe, facilitar a investigación tecnolóxica e o asentamento de empresas, e dar resposta ás necesidades das compañías biotech que xa están a traballar desde o mesmo: SunRock Biopharma, que desenvolve anticorpos oncolóxicos, e a multinacional Zinpro, centrada na investigación gandeira.
A directora do Igape subliñou que a Xunta busca aproveitar o potencial biotecnolóxico galego con actuacións como este Polo da Sionlla de Santiago, cidade que pode considerarse un dos principais nodos de coñecemento biotecnolóxico de Galicia.
O biopolo da Sionlla tense impulsado, lembrou Toca Carús, grazas á colaboración público-privada no marco do programa de axudas aos Centros de Fabricación Avanzada. A directora do Igape incidiu na importancia deste espazo para facilitar “o día a día” das empresas biotecnolóxicas, que contan na Sionlla cun lugar no que garantir a implantación dun proxecto integral, facilitando as súas sinerxías, e que está situado estratexicamente, ao carón do coñecido como enlace orbital que conecta coa AP9 e a autovía que conecta co aeroporto.
Lorenzana salienta o nivel de sustentabilidade, innovación e internacionalización que xa acada a industria galega
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a planta de madeira do Grupo Malasa
- Pon o Grupo Malasa como exemplo de que “desde Galicia se pode facer unha industria moderna, unha industria 4.0 e unha industria que xera economía e coñecemento”
- Remarca os datos de produción industrial na Comunidade porque “por primeira vez” Galicia “despunta” da media nacional
Cerceda (A Coruña), 14 de febreiro de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a planta de madeira do Grupo Malasa onde puxo de relevo o nivel de sustentabilidade, innovación e internacionalización que xa acada a industria galega.
Na visita, Lorenzana enxalzou as empresas que apostan por crecer en Galicia e por crear emprego e benestar para os galegos e galegas. Demostran, dixo, que “desde Galicia se pode facer unha industria moderna, unha industria 4.0 e unha industria que xera economía e coñecemento”.
A conselleira puxo de relevo os datos de produción industrial na Comunidade porque “por primeira vez” Galicia “despunta” da media nacional, abondou, ao crecer 2 puntos en 2023 mentres que no conxunto do Estado se rexistrou un descenso do 0,8%. Do mesmo xeito, tamén se referiu ao emprego industrial, que supera en dous puntos ao promedio estatal, lembrou.
Sobre o Grupo Malasa, eloxiou a aposta que está a facer para ser practicamente autosuficiente a partir da fotovoltaica e a biomasa. Tamén a súa diversificación de mercados e visión internacional, dixo, porque desde Galicia comercializa os seus produtos en Europa, Asia e, máis recentemente, no mercado americano coa súa filial en México. É unha empresa da que remarcou que, dos 1.000 postos de traballo que xera, 800 están en Galicia.
A Xunta convoca unha nova liña de axudas que apoia conxuntamente proxectos de I+D+i e investimento produtivo
- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora do Igape, Covadonga Toca, informaron hoxe da convocatoria conxunta Misións RIS3, que busca mobilizar capacidades empresariais, de coñecemento e tecnolóxicas de diferentes ámbitos e sectores
- O obxectivo é dar resposta aos retos identificados na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 21-27
- Os proxectos de I+D, innovación e investimento produtivo deben contribuír ás Misións, metas concretas e acadables, identificadas a través dun proceso participativo no que se recibiron máis de 500 achegas
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2024
A Axencia Galega de Innovación acolleu esta mañá unha xornada de presentación da nova liña de axudas Misións RIS3, coincidindo coa publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). Na xornada informativa, na que interviñeron a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora do Igape, Covadonga Toca, presentáronse as características desta nova liña de apoios conxunta de Gain e Igape, resolvéronse as dúbidas, expuxéronse dous casos de éxito de innovación en colaboración e puxéronse a disposición dos asistentes varios espazos para favorecer o networking.
A directora da Axencia Galega de Innovación destacou que, a través desta convocatoria dotada con 15 millóns de euros, perséguese apoiar por primeira vez proxectos que xuntan I+D, innovación e investimento produtivo transformadores e de impacto que contribúan ás misións de especialización intelixente. Estas misións, que constitúen un elemento novidoso da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 21-27 (RIS3), son metas concretas e alcanzables nun prazo de tempo determinado. Para identificar as misións que se persegue acadar a través destes grandes proxectos realizouse un proceso participativo no que se recibiron máis de 500 achegas. Financiarase, polo menos, un proxecto por misión.
Pola súa banda, Covadonga Toca apuntou que desde o Igape se financiará o investimento produtivo destas misións, completando un “círculo virtuoso” que permitirá chegar da innovación ao mercado. Neste contexto, refórzase a política de fomento do financiamento da innovación pondo en relación o acceso aos recursos financeiros para innovar e a dimensión da empresa; facilitando o financiamento da innovación empresarial para as empresas galegas; e recollendo unhas medidas cuxa posta en marcha garante o éxito dos proxectos, consolidando as fortalezas do financiamento como elemento impulsor da innovación en Galicia.
Características dos proxectos
Os proxectos que se apoiarán teñen que ser en cooperación a través de consorcios formados por polo menos 3 empresas (1 tractora e 2 pemes) e calquera outro tipo de beneficiarios: centros tecnolóxicos e de apoio á innovación; universidades, organismos e centros públicos de investigación; institucións sanitarias que desenvolvan actividades de I+D+i; entidades sen ánimo de lucro relacionadas coa I+D+i e agrupacións ou asociacións empresariais que realicen actuacións de I+D+i.
O orzamento mínimo dos proxectos debe ser de 600.000 euros e o máximo de 5 millóns de euros, cunha intensidade da axuda que pode acadar o 60% en función do tamaño da empresa e do tipo de actividades a desenvolver (investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación ou investimento produtivo). A duración dos proxectos debe ser de entre 2 e 3 anos e medio.
As tres misións identificadas, ás que deben responder estes proxectos, son: contribuír á mitigación e adaptación ao cambio climático do sector primario en Galicia a partir da redución da súa pegada nun 10% en 2030 mediante a circularidade e a simbiose entre actuacións, así como a rexeneración dos ecosistemas; contribuír á redución do 57% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto a 1990 para 2030 incrementando a reutilización das materias primas, produtos e materiais xa presentes no ciclo produtivo; e contribuír a incrementar os anos de vida saudable de 84 a 88 para 2030 mediante a redución de enfermidades ou problemas de enfermidades non transmisibles e a mellora da calidade de vida.