Super User
Novo WEBINARIO PAÍS dende a ANTENA IGAPE en CHINA Oportunidades en China 2025
A Xunta ven a ofrecer actualizacións da situación económica en distintos mercados mundiais a través do Ciclo Webinario País coas Antenas Empresariais do Igape.
O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus productos, neste caso, a China. Un mercado moi regulado e que require o coñecemento de numerosas certificacións.
A Antena Empresarial do Igape en China, o martes 25 de marzo, informará sobre a situación actual no mercado chinés. Con este Webinario acercámoslles as últimas novidades sobre China, oportunidades de negocio en sectores clave e principais feiras e eventos de interese.
Se está interesado, tamén terá a posibilidade de programar unha reunión individual co responsable da Antena Empresarial do Igape en China, durante os días 26 e 27 de marzo.
Solicite a reunión ao realizar a súa inscripción.
Día: Martes, 25 de marzo de 2025
Hora: 09:30-11:15 horas ESP/ 15:30-17:15 horas CHINA
O Igape apoia o talento emprendedor galego nos Premios EmprendeXXI
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) reafirma o seu compromiso co ecosistema emprendedor de Galicia, apoiando un ano máis os Premios EmprendeXXI, unha iniciativa impulsada por CaixaBank a través de DayOne, e cootorgados con Enisa.
Na súa 18ª edición, estes premios consolídanse como un referente no apoio a startups con potencial infinito, que buscan crecer e xerar un impacto real na sociedade. O Igape recoñece a importancia de impulsar o talento e a capacidade de innovación como motores de transformación da nosa contorna económica e social.
Premios que impulsan o potencial infinito
Os Premios EmprendeXXI ofrecen moito máis que un simple recoñecemento. As startups gañadoras teñen a oportunidade de acceder a premios en metálico, visibilidade, conexións de valor e formación internacional en hubs de innovación de referencia mundial, como o MIT en Boston. Ademais, poden colaborar co Grupo CaixaBank en iniciativas que achegan o ecosistema emprendedor ás distintas áreas de negocio da entidade.
Este ano, ademais do premio á mellor empresa de cada territorio, os Premios EmprendeXXI celebran o 18º aniversario con premios especiais para aquelas empresas que están a cambiar o mundo a través do seu impacto social, a súa aposta pola sostibilidade, a súa innovación disruptiva, a súa escalabilidade, o seu impulso ao sector agro ou as súas solucións fintech.
Coñece as entidades finalistas en Galicia
DIVERSA Technologies: Con sede en Santiago de Compostela, esta innovadora empresa biotecnolóxica está especializada no desenvolvemento de solucións avanzadas para a liberación de fármacos. Ofrecen unha tecnoloxía versátil e fiable, lista para ser utilizada tanto en investigación como na industria farmacéutica.
FlowReserve Labs: Esta innovadora startup aplica técnicas de intelixencia artificial para reconstruír estruturas biolóxicas a partir de probas médicas non invasivas. A súa tecnoloxía permite obter modelos 3D a partir de imaxes médicas de tomografía computarizada (TC) e simular o comportamento de fluídos de interese biolóxico, como o sangue en arterias e veas.
Kreios Space: Pioneira no sector aeroespacial galego, Kreios Space é a primeira startup española especializada en sistemas de propulsión eléctrica para satélites de órbita baixa. A súa tecnoloxía innovadora permite manter os satélites de forma indefinida en órbitas moi baixas, mellorando a resolución das imaxes e reducindo os custos operativos.
Vanetta Food: Esta empresa reimaxina a tradición culinaria galega cun enfoque 100% vexetal. Ofrecen unha ampla gama de produtos plant-based que reinventan pratos típicos galegos, desde seitán con sabor a lombo adobado ata soia estilo zorza, pasando por cachopo asturiano vegano.
YowUp!: Esta innovadora empresa galega especialízase na elaboración de produtos lácteos funcionais para mascotas, sen lactosa e sen graxa, deseñados para mellorar a saúde e o benestar de cans e gatos.
Con iniciativas coma esta, o Igape reafirma o seu compromiso co emprendemento innovador e co desenvolvemento económico sostible en Galicia. Estas cinco startups son un exemplo do dinamismo e a diversidade do ecosistema emprendedor galego, abarcando sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a enerxía, o aeroespacial, a alimentación sostible e a tecnoloxía dixital. O seu éxito non só contribúe ao crecemento económico da rexión, senón que tamén posiciona a Galicia como un referente en innovación a nivel nacional e internacional.
Podes consultar máis información sobre os Premios EmprendeXXI en www.emprendedorxxi.es.
DigitalXBorder, unha iniciativa para o impulso da transformación dixital e a internacionalización das pemes
A Escola de Organización Industrial (EOI), ICEX España Exportación e Inversións e a Asociación Española da Economía Dixital (ADIGITAL) lanzan a nova edición do programa formativo "DigitalXBorder". Un ambicioso proxecto que busca acelerar a dixitalización e a expansión internacional das pequenas e medianas empresas españolas, ofrecéndolles unha inmersión intensiva no mundo dixital con especial énfase na intelixencia artificial (IA) e nas estratexias de crecemento global.
Características do programa
O DigitalXBorder ofrece unha formación intensiva de 56 horas distribuídas ao longo de 7 xornadas. Durante estas sesións, os participantes afondarán en temas cruciais para o desenvolvemento empresarial no ámbito dixital, incluíndo a transformación dixital, a innovación, as estratexias de crecemento, a intelixencia artificial e a dixitalización responsable. Cunha orientación eminentemente práctica, o programa está deseñado para que os CEOs poidan aplicar directamente os coñecementos adquiridos, culminando coa elaboración dun plan de acción personalizado para impulsar a dixitalización e a expansión internacional das súas empresas.
Cales son os obxectivos?
A iniciativa DigitalXBorder busca mellorar a competitividade das pemes españolas nun contorno dixital en continua transformación. Entre os seus obxectivos destacan:
- Afianzar o tecido produtivo mediante a diversificación e modernización organizativa e tecnolóxica
- Proporcionar ferramentas para a toma de decisións no ámbito dixital
- Impulsar o crecemento a través das oportunidades de negocio que ofrece o ecosistema dixital
Participación
O programa recorrerá 24 cidades españolas entre 2025 e 2027. No 2025, visitará 10 cidades, entre as que se atopa A Coruña, que acollerá o programa entre o 29 de abril e o 10 de xuño. Cada sesión brindará aos participantes a oportunidade de aprender de expertos en tecnoloxía e negocios, establecer contactos estratéxicos e desenvolver un plan de acción para a dixitalización e expansión internacional das súas empresas.
Este programa está cofinanciado polo Ministerio de Industria e Turismo e o Fondo Social Europeo Plus, sendo gratuíto para os participantes seleccionados.
As empresas interesadas poden atopar máis información e inscribirse na web oficial da iniciativa: https://www.digitalxborder.com/
A Xunta mellora as condicións dos préstamos concedidos con fondos públicos para apoiar a actividade económica do tecido empresarial galego
- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dun novidoso programa que conta cun orzamento de cinco millóns de euros e permitirá subvencionar os xuros de préstamos concedidos con fondos Next Generation EU e Xesgalicia
- A medida busca favorecer a viabilidade económica das empresas beneficiarias e incentivar a utilización destas liñas de préstamos a longo prazo máis adaptadas ás necesidades de financiamento dos proxectos
- As solicitudes poderán presentarse a partir do 14 de marzo e ata o 1 de decembro de 2025
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dunha nova liña de axudas destinada a apoiar a autónomos e empresas galegas a través da subvención dos xuros dos seus préstamos. Cun orzamento de 5 millóns de euros, este programa permitirá aliviar a carga financeira das empresas e favorecer o crecemento e consolidación do tecido produtivo en Galicia.
A medida, impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, está dirixida ás empresas de calquera tamaño, tanto persoas físicas como xurídicas, que conten con préstamos concedidos con fondos públicos desde o ano 2020 para desenvolver proxectos empresariais en Galicia, e que desenvolvan unha actividade económica empresarial en Galicia.
Así, a liña de axudas cobre os xuros xerados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de outubro de 2026 dos préstamos formalizados con distintas entidades, entre as que se inclúen Xesgalicia, o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e o Banco Europeo de Investimentos (BEI). O obxectivo é facer máis accesible o financiamento a longo prazo, garantindo que as empresas poidan afrontar os seus investimentos e plans de crecemento en condicións máis vantaxosas.
A subvención concederase en réxime de concorrencia non competitiva, o que significa que todas as solicitudes que cumpran os requisitos serán atendidas ata esgotar o orzamento dispoñible. O importe máximo a recibir dependerá do volume de xuros xerados e das limitacións establecidas pola propia regulación europea.
Prazos de solicitude
O prazo para presentar as solicitudes abrirase o 14 de marzo ás 9.00 horas e pecharase o 1 de decembro de 2025 ás 14.00 horas. Unha vez concedida a axuda, os beneficiarios poderán solicitar o seu cobro en dúas fases.
Unha primeira, que abrangue do 1 ao 15 de novembro de 2025 para os xuros xerados entre xaneiro e outubro de 2025; e unha segunda, do 1 ao 15 de novembro de 2026, para os xuros xerados entre novembro de 2025 e outubro de 2026.
Con esta medida, a Xunta reforza o seu compromiso co crecemento empresarial e a dinamización económica de Galicia, apostando por ferramentas financeiras que faciliten o acceso ao crédito e impulsen o desenvolvemento de proxectos con impacto positivo na Comunidade.
Martina Aneiros ratifica o apoio da Xunta as pemes a través das axudas a proxectos de investimento empresarial dotadas de 10 M€
- Este programa do Igape ten por obxecto estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial para dinamizar a actividade económica na Comunidade
- Está dirixido a pequenas e medianas empresas para apoiar tanto proxectos de investimento empresarial xerais como en equipamento produtivo
As Pontes (A Coruña), 6 de marzo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, ratificou esta mañá o apoio do Goberno galego ás pemes a través da nova convocatoria de axudas a proxectos de investimento empresarial do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) dotada de 10 M€. A responsable autonómica informou destes apoios durante a visita efectuada esta mañá á empresa Steelrent, das Pontes, beneficiaria dunha axuda de 111.750 euros no marco deste programa cofinanciado con fondos Feder.
Durante a visita na que estivo acompañada do alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, Aneiros lembrou que o obxectivo das axudas é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia coa fin de dinamizar a actividade económica na Comunidade, a través da innovación e da creación e posta en marcha de novas iniciativas de negocio.
Esta convocatoria, dotada de 10 M€ ata 2028, está dirixida a pequenas e medianas empresas para apoiar tanto proxectos de investimento empresarial xerais, caso no que o importe do investimento subvencionables deberá ser igual ou superior a 50.000 euros; como proxectos de investimento en equipamento produtivo -o importe subvencionable deberá ser igual ou superior a 25.000 euros-. En ámbolos dous casos o investimento non poderá superar os 800.000 euros e deberá destinarse á creación dun novo establecemento ou á ampliación da capacidade dos xa existentes.
A delegada territorial valorou o proxecto posto en marcha por Steelrent dedicado á prestación de servizos de alugueiro de maquinaria a terceiros. Concretamente, grazas á achega da Xunta dotáronse dun centro de corte e trade de chapas, dunha liña de pintura automática e dunha máquina de corte por plasma con biselado automático que alugan a terceiros na nave que teñen no polígono de Penapurreira.
Destacou ademais a aposta da empresa por Ferrolterra, unha iniciativa aliñada coas políticas do Goberno galego e o seu compromiso cos proxectos estratéxicos previstos para a zona como os de Reganosa-EDP Renovables e Ence, nas Pontes, ou o de Forestal del Atlántico, en Mugardos.
Este programa de axudas do Igape, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro, enmárcase no Plan estratéxico de Galicia 2022-2030 que entre outros obxectivos pretende impulsar a creación de novas empresas, a consolidación e o crecemento das existentes, a súa internacionalización e o fomento do espírito emprendedor na Comunidade autónoma.
Máis de 1.500 autonómos lévanse beneficiado da liña de préstamos da Xunta nos últimos catro anos
- Trátase das axudas de acceso ao crédito para pequenas empresas, microempresas e autónomos, que convoca o Igape en colaboración coas Sociedades de Garantía Recíproca e as entidades financeiras
- Ofrece préstamos de entre 3.000 e 1 M€ para investimentos, necesidades de liquidez a longo prazo ou para a reestruturación de débedas; así como avais fronte a terceiros en operacións como contratos comerciais, licitacións internacionais ou avais técnicos
- Apunta que a convocatoria deste ano conta cun orzamento de 19 M€ e permanecerá aberta ata o 30 de setembro
A Coruña, 1 de marzo de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que a liña de acceso ao crédito para pequenas empresas, microempresas e autónomos, que convoca o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en colaboración coas Sociedades de Garantía Recíproca e as entidades financeiras, beneficiou nos últimos catro anos a máis de 1.500 autónomos.
Lorenzana visitou esta mañá o restaurante coruñés Mexican Vlend, beneficiario deste programa que ofrece préstamos de entre 3.000 e 1 M€ (a entre 3 e 15 anos) para investimentos, para cubrir necesidades de liquidez a longo prazo ou para a reestruturación de débedas; así como avais fronte a terceiros en operacións como contratos comerciais, licitacións internacionais ou avais técnicos.
En concreto, apuntou que desde 2020, 4.926 empresas se levan beneficiado destes préstamos, cun orzamento total de 30,6M€. Por sectores, a maior parte das empresas e autónomos pertencen ao comercio (44,4 %), seguido da industria (30,2 %) e a hostalería-turismo (25,4 %).
A conselleira lembrou que a convocatoria deste ano, que saíu publicada no DOG o pasado 13 de xaneiro e abriu o 21 dese mesmo mes, conta cun orzamento de 19 M€ e permanecerá dispoñible ata o 30 de setembro.
Lorenzana lembra que ata o vindeiro venres aínda se poden solicitar as axudas de dixitalización para pemes e autónomos por importe de 3 M€
- Este programa cobre tanto proxectos individuais como colectivos relacionados coa conectividade dixital, a automatización, o tratamento de datos, a ciberseguridade ou o control virtual dos sistemas loxísticos
- Nas nove convocatorias anteriores, desde 2018, rexistráronse 1.304 solicitudes con axudas que suman 26,8 M€ e un investimento mobilizado de 65,1 M€
Ames (A Coruña), 1 de marzo de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apuntou hoxe que, ata o vindeiro venres 7 de marzo, aínda se poden solicitar as axudas que a Xunta de Galicia pon á disposición de pemes e autónomos para que poidan dotarse de mellores sistemas de conectividade dixital, automatización ou tratamento de datos, entre outros.
Lorenzana visitou hoxe as instalacións do centro deportivo Squash Santiago, beneficiario deste programa que ten aberta neste momento a súa décima edición, por un importe de 3 M€ e que cobre ata o 35 % dos investimentos para os autónomos e as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, mentres que para os gastos de consultaría a intensidade de subvención acada o 50 %
Esta liña de axudas abrangue tanto proxectos individuais como colectivos en ámbitos como o desenvolvemento de interfaces dixitais, a automatización ou o control virtual dos sistemas loxísticos, a ciberseguridade, a xeolocalización e sensorización, a aplicación do big data, etc.
Nas nove convocatorias anteriores, desde 2018, rexistráronse 1.304 solicitudes de autónomos e pemes, con axudas que suman 26,8 M€ e un investimento mobilizado de 65,1 M€.
Segundo dixo, a prioridade é axudar a que as pequenas e medianas empresas e ás persoas autónomas se beneficien das vantaxes que ofrecen as tecnoloxías dixitais a nivel de operatividade, eficiencia e produtividade.
A Xunta reafirma o seu compromiso coa innovación e a transformación dixital das empresas galegas para garantir a súa competitividade
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na clausura do IV Encontro Nacional de EDIHs - European Digital Innovation Hubs Network onde pon en valor a importancia da colaboración entre entidades, hubs de innovación e administracións públicas para impulsar o crecemento do tecido empresarial
- Salienta que Galicia conta con dous hubs de innovación dixital estratéxicos, recoñecidos pola súa capacidade: Dihgigal, especializado na industria manufacturera e na modernización dos procesos produtivos, e DataLife, centrado na biotecnoloxía e nas ciencias da vida
- Lembra que o Igape ten activo un amplo abano de programas entre os que destacan, en innovación, o Ticket Innova, para axudar ás empresas a certificarse, mellorar o seu deseño industrial e integrar novas tecnoloxías; o Igape Innova para desenvolver produtos e servizos sostibles; e a liña IA360, para impulsar a intelixencia artificial no tecido empresarial galego
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no IV Encontro Nacional de Hubs de Innovación Dixital, celebrado na Cidade da Cultura, onde reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia coa innovación e a dixitalización empresarial. Durante a súa intervención, destacou a aposta do Goberno galego pola modernización do tecido produtivo e a colaboración cos Digital Innovation Hubs (DIH) para garantir a competitividade das empresas galegas nun mercado globalizado.
Toca Carús puxo en valor o papel fundamental que xogan os hubs de innovación dixital na transformación do tecido produtivo, permitindo ás empresas galegas acceder a ferramentas avanzadas en ámbitos como a intelixencia artificial, a ciberseguridade ou a sustentabilidade industrial. “A dixitalización e o desenvolvemento tecnolóxico xa non son unha opción, senón unha necesidade para garantir a competitividade das nosas empresas”, afirmou
Neste marco, a directora do Igape subliñou que Galicia conta con dous hubs de innovación dixital estratéxicos, recoñecidos polo Goberno galego pola súa capacidade para impulsar a transformación tecnolóxica das empresas galegas: Dihgigal, especializado na industria manufactureira e na modernización dos procesos produtivos, e DataLife, centrado na biotecnoloxía e nas ciencias da vida.
No eido da innovación, incidiu, o Igape ten activo un amplo abano de programas, como a liña Ticket Innova, deseñada para axudar ás empresas a certificarse, mellorar o seu deseño industrial e integrar novas tecnoloxías; o programa Igape Innova, destinado o desenvolvemento de produtos e servizos sustentables e dixitais; ou a iniciativa IA360, para o impulso da intelixencia artificial no tecido empresarial galego.
Para concluír, a directora fixo un chamamento á colaboración entre empresas, administracións e hubs de innovación. “O camiño cara á dixitalización é unha viaxe conxunta. Contamos coa tecnoloxía, cos recursos e co talento necesario para seguir avanzando. Traballemos xuntos para facer de Galicia unha referencia en innovación e competitividade”, incidiu.
A Xunta aposta pola innovación e a desburocratización como claves para mellorar a competitividade e facilitar novas oportunidades de negocio ao tecido empresarial galego
Madrid, 25 de febreiro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no XIX Encontro de direccións xerais do Foro ADR, organización que reúne ás Axencias de Desenvolvemento Rexional españolas, onde puxo en valor a aposta da Xunta de Galicia tanto pola innovación e a transformación dixital como pola proximidade e simplificación dos trámites administrativos na procura de seguir a mellorar a competitividade do tecido empresarial galego abrindo novas oportunidades de negocio.
Así mesmo, a directora referiuse tamén á posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para promover a desburocratización, facilitando a entrada das empresas á administración. Un Oficina que está a impulsar unha nova forma de conectar co tecido empresarial galego, achegando un asesoramento personalizado e un plan individual de apoios ás empresas, ao tempo que se simplifica o camiño e se axilizan os trámites para a posta en marcha de proxectos empresariais en Galicia.
Business Factory Aero lanza a súa 6ª edición para impulsar o sector aeronáutico e aeroespacial en Galicia
Business Factory Aero (BFAero), a incubadora e aceleradora de empresas promovida pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e XesGalicia, anunciou o lanzamento da súa 6ª edición. O programa busca impulsar solucións e tecnoloxías innovadoras nos sectores aeronáutico, aeroespacial e de vehículos non tripulados, fortalecendo o tecido empresarial galego e atraendo investimentos á rexión.
BFAero, xestionada pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo (FCEL), ofrece aos proxectos seleccionados acceso a financiamento, espazo de traballo, networking, titorización especializada e visibilidade, entre outros recursos. Ademais, os participantes teñen a oportunidade de colaborar con empresas líderes do sector e acceder a infraestruturas clave como o aeródromo de Rozas e o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR).
O programa conta con 3 modalidades, adaptadas ao grao de madurez de cada proxecto:
- Incubación: Para proxectos en fase temperá, sen unha proposta de valor validada. Duración de ata 12 meses.
- Aceleración: Para proxectos cun Produto Mínimo Viable (PMV) desenvolvido e que están realizando as súas primeiras vendas. Duración de ata 8 meses.
- Consolidación: Para empresas cun produto ou servizo definido e vendas reais, que buscan escalar o seu negocio. Duración de ata 6 meses.
BFAero non só está dirixida a iniciativas promovidas por emprendedores individuais, senón tamén a ideas innovadoras que se desenvolvan dentro de empresas existentes ou con orixe en centros de coñecemento, incluindo startups, spin-outs e spin-offs.
As empresas interesadas en participar deberán inscribirse a través da páxina web bfaero.com antes do 20 de marzo de 2025.