Super User

  • Sinala que esta compañía “engloba toda a cadea de valor da propia fabricación pero tamén da innovación e a comercialización”
  • Pon valor o labor de Xesgalicia, brazo investidor do Igape, “co que imos acompañando ás empresas para facelas medrar”
  • Lembra que para este 2025 Xesgalicia conta con 140 millóns de euros dispoñibles para investimentos “dos que prevemos utilizar máis de 20 millóns”, di

O Porriño (Pontevedra), 11 de marzo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o papel da Xunta como canle alternativa de financiamento para apoiar fortalecemento das empresas galegas.

Lorenzana visitou esta mañá as instalacións do grupo Zendal con máis de 30 anos de traxectoria e que, segundo dixo “pon enriba da mesa o valor que a industria da biotecnoloxía en Galicia”. Ademais, tal e como explicou, “engloba toda a cadea de valor da propia fabricación pero tamén da innovación e o desenvolvemento previo e a comercialización”.

Durante a visita, a conselleira puxo en valor o labor de Xesgalicia, “o brazo investidor do Igape” e sinalou que “precisamente esta empresa é un exemplo de como a colaboración e a participación de Xesgalicia foi capaz de acompañar a esta compañía ata converterse no grupo empresarial que é na actualidade”.

Neste sentido, a titular de Economía e Industria, subliñou que a día de hoxe, Xesgalicia conta cun volume  de investimento de preto de 500 millóns de euros en 520 operacións aprobadas (entre participacións en capital e préstamos participativos) en máis de 300 empresas. “Imos acompañando a estas empresas para facelas medrar e para converternos desde o primeiro momento en socios e colaboradores, e nunha alternativa ao financiamento privado”, subliñou.

Finalmente, explicou que no 2025 Xesgalicia conta con 140 millóns de euros dispoñibles para investimentos “dos que prevemos utilizar máis de 20 millóns”, dixo, ao que hai que engadir tamén que, para este ano, os apoios do Igape ás empresas en materia de financiamento superan os 150 millóns de euros, cun incremento do 45%, o orzamento máis alto dos últimos cinco anos.

O Grupo Zendal

Zendal é a marca corporativa do grupo biotecnolóxico enfocado na investigación, o desenvolvemento, a fabricación e a comercialización de vacinas e outros produtos farmacéuticos de alto valor engadido para a saúde. Neste momento conta con tres centros de I+D e diversas plantas de produción farmacéutica nos seus laboratorios do Porriño, León, Barcelona, e Paredes de Coura en Portugal.

Nos últimos cinco anos, Zendal investiu máis de 100 millóns de euros para fortalecer o seu liderado no sector da saúde. Este esforzo materializouse nun importante investimento en I+D para o desenvolvemento de vacinas para a saúde humana e animal, a construción de novas instalacións biofarmacéuticas con capacidade produtiva a grande escala, así como tamén na adquisición de dúas compañías do sector.

Grazas a isto, a capacidade produtiva en viais de vacinas medrou un 1.480 % consolidando o compromiso de Zendal coa saúde global e a produción farmacéutica de vacinas.

  • Na Coruña, Compostela e Vigo, con visitas a espazos tecnolóxicos clave, xuntanzas e actividades de networking con empresas socias
  • Supón unha excelente oportunidade para amosar o potencial tecnolóxico galego e establecer pontes de colaboración para posicionarse a nivel global

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2025.- O Clúster TIC Galicia organiza, dende o 11 ata o 13 de marzo, unha misión comercial inversa na que participan quince empresas de carácter innovador, organismos de transformación dixital e entidades financeiras procedentes de Latinoamérica e Estados Unidos.

A xornada de traballo comeza hoxe cunha visita a Abanca e a inauguración oficial no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC a cargo do presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral. O responsable amosará aos visitantes o propio centro e, posteriormente, os socios da entidade terán a oportunidade de reunirse con carácter individual cos diferentes convidados.

A axenda continuará mañá en Santiago de Compostela e o xoves en Vigo, con visitas a espazos tecnolóxicos clave, como o CESGA, Gradiant ou o CTAG, encontros e actividades de networking con empresas socias do Clúster TIC Galicia. O obxectivo é estreitar lazos comerciais coas organizacións, ademais de amosarlles os avances tecnolóxicos máis destacados da nosa rexión.

Entre os organismos convidados figuran Totalplay (México), empresa de telecomunicacións que ofrece servizos de televisión por cable, internet de fibra óptica e telefonía fixa en México e Colombia; EMCALI (Colombia), que tamén opera en áreas clave como as telecomunicacións, en cuxa representación estará Kevin Estivens, responsable de tecnoloxía, que desempeña un papel clave na infraestrutura tecnolóxica da entidade; ou Grupo Energía de Bogotá (Colombia), que subministra enerxía eléctrica e gas natural en Colombia, Perú, Brasil e Guatemala, co seu asesor de Datos de Analítica, Gustavo Alberto Angulo.

Así mesmo, estarán Ximena Duque, presidenta executiva da Federación Colombiana de Software e Tecnoloxías (Fedesoft), con máis de 500 afiliados e 30 anos de traxectoria; e o viceministro de Innovación e Tecnoloxía do Ministerio de Innovación da República Dominicana, Armando José Manzueta Pena.

No ámbito da transformación dixital, o Clúster TIC Galicia contará coa presenza de Edgar Ariel Rodríguez, director de Modernización e Desenvolvemento Institucional do Órgano Xudicial de Panamá, encargado da administración de xustiza no país; Adolfo José Fábrega, Administrador Xeral da Autoridade Nacional para a Innovación Gobernamental (AIG) de Panamá, cuxa función principal é impulsar a transformación dixital do sector público no país; e Marva Roxana Dalby, xerente de Sistemas Funcionais da Autoridade do Canal de Panamá, responsable da operación, administración, mantemento e modernización do propio Canal.

En canto ás entidades financeiras, participarán Juan Ramón Anria, xerente de Seguridade Dixital e Ciberseguridade da Caixa de Aforros de Panamá; diferentes representantes do Banco Interamericano de Desenvolvemento-BID (EE. UU.), que ofrece apoio financeiro e técnico a gobernos nacionais e subnacionais, así como outras entidades de América Latina e o Caribe; e Mónica María Gómez, vicepresidenta de ASOBANCARIA (Colombia), gremio que agrupa ao sector financeiro colombiano, promovendo o seu desenvolvemento, eficiencia, modernización e seguridade.

Esta acción, que conta coa colaboración do Igape, supón unha excelente oportunidade para amosar o potencial tecnolóxico galego, a través de solucións innovadoras en áreas como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a dixitalización industrial ou o IoT. Ademais, permitirá establecer posibles pontes de colaboración que contribúan ao fortalecemento da competitividade e a innovación tecnolóxica a nivel global.

Sobre o Clúster TIC Galicia

O Clúster TIC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por 145 socios, entre grandes empresas (15), pequenas empresas (125) e centros tecnolóxicos, colexios e asociacións profesionais (5), que supoñen unha facturación conxunta de 1,17 millóns de euros e arredor de 19.000 traballadores.

O seu obxectivo, dende a súa fundación en 2008, é impulsar a colaboración e sinerxias entre empresas, administracións e institucións para incrementar a competitividade, a transformación tecnolóxica, saída a novos mercados e favorecer o cambio de modelo produtivo cara a unha economía baseada na innovación, capaz de crear riqueza e emprego de calidade.

A Xunta de Galicia en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e co Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A. (Tecnópole) lanzan a cuarta convocatoria do Programa de Aceleración para a Internacionalización de pemes galegas GALICIA AVANZA.

GALICIA AVANZA é un programa de aceleración especializado na comercialización internacional da innovación que persegue que solucións innovadoras galegas alcancen a presenza e/ou o fortalecemento no mercado exterior no menor tempo posible.

A convocatoria está aberta ata o 25 de marzo. Ver convocatoria.

 

Empresas Beneficiarias:

Ata 30 pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica pertenecentes a calquera sector que conten cun produto ou servizo innovador con potencial de desenvolvemento a nivel internacional.

 

O que podes conseguir:

Coa participación en GALICIA AVANZA, poderás:

  • Validar a viabilidade da saída ao mercado internacional das túas solucións innovadoras.
  • Impulsar a comercialización destas solucións no mercado exterior reducindo os tempos da súa dispoñibilidade en condicións axeitadas.
  • Reforzar a consolidación destas solucións no mercado internacional, e cunha visión de crecemento escalable e sostible a medio prazo.
  • Fortalecer a túa estratexia de internacionalización, e incrementar de xeito xeral a túa capacidade de adaptación aos novos mercados.
  • Incrementar a atracción de financiamento externo, maximizando a captación de fondos públicos ou privados.

Metodoloxía:

 8 meses, 4 áreas de traballo acompañados de titores expertos:

  1. Definición e implementación de itinerarios de aceleración: GALICIA AVANZA identificará e contratará aos provedores de servizos profesionais que cubran as túas necesidades.
  2. Mentorización: acceso a asesores experimentados en diferentes áreas de internacionalización.
  3. Formación e capacitación transversal.
  4. Visibilización continua da túa empresa e evento networking final

Acceso ao formulario de solicitude

A Xunta ven a ofrecer actualizacións da situación económica en distintos mercados mundiais a través do Ciclo Webinario País coas Antenas Empresariais do Igape.

O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus productos, neste caso, a China. Un mercado moi regulado e que require o coñecemento de numerosas certificacións.

A Antena Empresarial do Igape en China, o martes 25 de marzo, informará sobre a situación actual no mercado chinés. Con este Webinario acercámoslles as últimas novidades sobre China, oportunidades de negocio en sectores clave e principais feiras e eventos de interese.

Se está interesado, tamén terá a posibilidade de programar unha reunión individual co responsable da Antena Empresarial do Igape en China, durante os días 26 e 27 de marzo.

 

Solicite a reunión ao realizar a súa inscripción.

Día: Martes, 25 de marzo de 2025

Hora: 09:30-11:15 horas ESP/ 15:30-17:15 horas CHINA

Inscripcións

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) reafirma o seu compromiso co ecosistema emprendedor de Galicia, apoiando un ano máis os Premios EmprendeXXI, unha iniciativa impulsada por CaixaBank a través de DayOne, e cootorgados con Enisa.

Na súa 18ª edición, estes premios consolídanse como un referente no apoio a startups con potencial infinito, que buscan crecer e xerar un impacto real na sociedade. O Igape recoñece a importancia de impulsar o talento e a capacidade de innovación como motores de transformación da nosa contorna económica e social.

Premios que impulsan o potencial infinito

Os Premios EmprendeXXI ofrecen moito máis que un simple recoñecemento. As startups gañadoras teñen a oportunidade de acceder a premios en metálico, visibilidade, conexións de valor e formación internacional en hubs de innovación de referencia mundial, como o MIT en Boston. Ademais, poden colaborar co Grupo CaixaBank en iniciativas que achegan o ecosistema emprendedor ás distintas áreas de negocio da entidade.

Este ano, ademais do premio á mellor empresa de cada territorio, os Premios EmprendeXXI celebran o 18º aniversario con premios especiais para aquelas empresas que están a cambiar o mundo a través do seu impacto social, a súa aposta pola sostibilidade, a súa innovación disruptiva, a súa escalabilidade, o seu impulso ao sector agro ou as súas solucións fintech.

Coñece as entidades finalistas en Galicia

DIVERSA Technologies: Con sede en Santiago de Compostela, esta innovadora empresa biotecnolóxica está especializada no desenvolvemento de solucións avanzadas para a liberación de fármacos. Ofrecen unha tecnoloxía versátil e fiable, lista para ser utilizada tanto en investigación como na industria farmacéutica.

FlowReserve Labs: Esta innovadora startup aplica técnicas de intelixencia artificial para reconstruír estruturas biolóxicas a partir de probas médicas non invasivas. A súa tecnoloxía permite obter modelos 3D a partir de imaxes médicas de tomografía computarizada (TC) e simular o comportamento de fluídos de interese biolóxico, como o sangue en arterias e veas.

Kreios Space: Pioneira no sector aeroespacial galego, Kreios Space é a primeira startup española especializada en sistemas de propulsión eléctrica para satélites de órbita baixa. A súa tecnoloxía innovadora permite manter os satélites de forma indefinida en órbitas moi baixas, mellorando a resolución das imaxes e reducindo os custos operativos.

Vanetta Food: Esta empresa reimaxina a tradición culinaria galega cun enfoque 100% vexetal. Ofrecen unha ampla gama de produtos plant-based que reinventan pratos típicos galegos, desde seitán con sabor a lombo adobado ata soia estilo zorza, pasando por cachopo asturiano vegano.

YowUp!: Esta innovadora empresa galega especialízase na elaboración de produtos lácteos funcionais para mascotas, sen lactosa e sen graxa, deseñados para mellorar a saúde e o benestar de cans e gatos.

Con iniciativas coma esta, o Igape reafirma o seu compromiso co emprendemento innovador e co desenvolvemento económico sostible en Galicia. Estas cinco startups son un exemplo do dinamismo e a diversidade do ecosistema emprendedor galego, abarcando sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a enerxía, o aeroespacial, a alimentación sostible e a tecnoloxía dixital. O seu éxito non só contribúe ao crecemento económico da rexión, senón que tamén posiciona a Galicia como un referente en innovación a nivel nacional e internacional.

Podes consultar máis información sobre os Premios EmprendeXXI en www.emprendedorxxi.es.

A Escola de Organización Industrial (EOI), ICEX España Exportación e Inversións e a Asociación Española da Economía Dixital (ADIGITAL) lanzan a nova edición do programa formativo "DigitalXBorder". Un ambicioso proxecto que busca acelerar a dixitalización e a expansión internacional das pequenas e medianas empresas españolas, ofrecéndolles unha inmersión intensiva no mundo dixital con especial énfase na intelixencia artificial (IA) e nas estratexias de crecemento global.

Características do programa

O DigitalXBorder ofrece unha formación intensiva de 56 horas distribuídas ao longo de 7 xornadas. Durante estas sesións, os participantes afondarán en temas cruciais para o desenvolvemento empresarial no ámbito dixital, incluíndo a transformación dixital, a innovación, as estratexias de crecemento, a intelixencia artificial e a dixitalización responsable. Cunha orientación eminentemente práctica, o programa está deseñado para que os CEOs poidan aplicar directamente os coñecementos adquiridos, culminando coa elaboración dun plan de acción personalizado para impulsar a dixitalización e a expansión internacional das súas empresas.

Cales son os obxectivos?

A iniciativa DigitalXBorder busca mellorar a competitividade das pemes españolas nun contorno dixital en continua transformación. Entre os seus obxectivos destacan:

  • Afianzar o tecido produtivo mediante a diversificación e modernización organizativa e tecnolóxica
  • Proporcionar ferramentas para a toma de decisións no ámbito dixital
  • Impulsar o crecemento a través das oportunidades de negocio que ofrece o ecosistema dixital

Participación

O programa recorrerá 24 cidades españolas entre 2025 e 2027. No 2025, visitará 10 cidades, entre as que se atopa A Coruña, que acollerá o programa entre o 29 de abril e o 10 de xuño. Cada sesión brindará aos participantes a oportunidade de aprender de expertos en tecnoloxía e negocios, establecer contactos estratéxicos e desenvolver un plan de acción para a dixitalización e expansión internacional das súas empresas.

Este programa está cofinanciado polo Ministerio de Industria e Turismo e o Fondo Social Europeo Plus, sendo gratuíto para os participantes seleccionados.

As empresas interesadas poden atopar máis información e inscribirse na web oficial da iniciativa: https://www.digitalxborder.com/

  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dun novidoso programa que conta cun orzamento de cinco millóns de euros e permitirá subvencionar os xuros de préstamos concedidos con fondos Next Generation EU e Xesgalicia
  • A medida busca favorecer a viabilidade económica das empresas beneficiarias e incentivar a utilización destas liñas de préstamos a longo prazo máis adaptadas ás necesidades de financiamento dos proxectos
  • As solicitudes poderán presentarse a partir do 14 de marzo e ata o 1 de decembro de 2025

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dunha nova liña de axudas destinada a apoiar a autónomos e empresas galegas a través da subvención dos xuros dos seus préstamos. Cun orzamento de 5 millóns de euros, este programa permitirá aliviar a carga financeira das empresas e favorecer o crecemento e consolidación do tecido produtivo en Galicia.

A medida, impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, está dirixida ás empresas de calquera tamaño, tanto persoas físicas como xurídicas, que conten con préstamos concedidos con fondos públicos desde o ano 2020 para desenvolver proxectos empresariais en Galicia, e que desenvolvan unha actividade económica empresarial en Galicia.

Así, a liña de axudas cobre os xuros xerados entre o 1 de xaneiro de 2025 e o 31 de outubro de 2026 dos préstamos formalizados con distintas entidades, entre as que se inclúen Xesgalicia, o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e o Banco Europeo de Investimentos (BEI). O obxectivo é facer máis accesible o financiamento a longo prazo, garantindo que as empresas poidan afrontar os seus investimentos e plans de crecemento en condicións máis vantaxosas.

A subvención concederase en réxime de concorrencia non competitiva, o que significa que todas as solicitudes que cumpran os requisitos serán atendidas ata esgotar o orzamento dispoñible. O importe máximo a recibir dependerá do volume de xuros xerados e das limitacións establecidas pola propia regulación europea.

Prazos de solicitude 

O prazo para presentar as solicitudes abrirase o 14 de marzo ás 9.00 horas e pecharase o 1 de decembro de 2025 ás 14.00 horas. Unha vez concedida a axuda, os beneficiarios poderán solicitar o seu cobro en dúas fases.

Unha primeira, que abrangue do 1 ao 15 de novembro de 2025 para os xuros xerados entre xaneiro e outubro de 2025; e unha segunda, do 1 ao 15 de novembro de 2026, para os xuros xerados entre novembro de 2025 e outubro de 2026.

Con esta medida, a Xunta reforza o seu compromiso co crecemento empresarial e a dinamización económica de Galicia, apostando por ferramentas financeiras que faciliten o acceso ao crédito e impulsen o desenvolvemento de proxectos con impacto positivo na Comunidade.

  • Este programa do Igape ten por obxecto estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial para dinamizar a actividade económica na Comunidade
  • Está dirixido a pequenas e medianas empresas para apoiar tanto proxectos de investimento empresarial xerais como en equipamento produtivo

As Pontes (A Coruña), 6 de marzo de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, ratificou esta mañá o apoio do Goberno galego ás pemes a través da nova convocatoria de axudas a proxectos de investimento empresarial do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) dotada de 10 M€. A responsable autonómica informou destes apoios durante a visita efectuada esta mañá á empresa Steelrent, das Pontes, beneficiaria dunha axuda de 111.750 euros no marco deste programa cofinanciado con fondos Feder.

Durante a visita na que estivo acompañada do alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, Aneiros lembrou que o obxectivo das axudas é o de estimular a posta en marcha de proxectos de investimento empresarial en Galicia coa fin de dinamizar a actividade económica na Comunidade, a través da innovación e da creación e posta en marcha de novas iniciativas de negocio.

Esta convocatoria, dotada de 10 M€ ata 2028, está dirixida a pequenas e medianas empresas para apoiar tanto proxectos de investimento empresarial xerais, caso no que o importe do investimento subvencionables deberá ser igual ou superior a 50.000 euros;  como proxectos de investimento en equipamento produtivo -o importe subvencionable deberá ser igual ou superior a 25.000 euros-. En ámbolos dous casos o investimento non poderá superar os 800.000 euros e deberá destinarse á creación dun novo establecemento ou á ampliación da capacidade dos xa existentes.

A delegada territorial valorou o proxecto posto en marcha por Steelrent dedicado á prestación de servizos de alugueiro de maquinaria a terceiros. Concretamente, grazas á achega da Xunta dotáronse dun centro de corte e trade de chapas, dunha liña de pintura automática e dunha máquina de corte por plasma con biselado automático que alugan a terceiros na nave que teñen no polígono de Penapurreira. 

Destacou ademais a aposta da empresa por Ferrolterra, unha iniciativa aliñada coas políticas do Goberno galego e o seu compromiso cos proxectos estratéxicos previstos para a zona como os de Reganosa-EDP Renovables e Ence, nas Pontes, ou o de Forestal del Atlántico, en Mugardos.

Este programa de axudas do Igape, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro, enmárcase no Plan estratéxico de Galicia 2022-2030 que entre outros obxectivos pretende impulsar a creación de novas empresas, a consolidación e o crecemento das existentes, a súa internacionalización e o fomento do espírito emprendedor na Comunidade autónoma.

  • Trátase das axudas de acceso ao crédito para pequenas empresas, microempresas e autónomos, que convoca o Igape en colaboración coas Sociedades de Garantía Recíproca e as entidades financeiras
  • Ofrece préstamos de entre 3.000 e 1 M€ para investimentos, necesidades de liquidez a longo prazo ou para a reestruturación de débedas; así como avais fronte a terceiros en operacións como contratos comerciais, licitacións internacionais ou avais técnicos
  • Apunta que a convocatoria deste ano conta cun orzamento de 19 M€ e permanecerá aberta ata o 30 de setembro

A Coruña, 1 de marzo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que a liña de acceso ao crédito para pequenas empresas, microempresas e autónomos, que convoca o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en colaboración coas Sociedades de Garantía Recíproca e as entidades financeiras, beneficiou nos últimos catro anos a máis de 1.500 autónomos.

Lorenzana visitou esta mañá o restaurante coruñés Mexican Vlend, beneficiario deste programa que ofrece préstamos de entre 3.000 e 1 M€ (a entre 3 e 15 anos) para investimentos, para cubrir necesidades de liquidez a longo prazo ou para a reestruturación de débedas; así como avais fronte a terceiros en operacións como contratos comerciais, licitacións internacionais ou avais técnicos.

En concreto, apuntou que desde 2020, 4.926 empresas se levan beneficiado destes préstamos, cun orzamento total de 30,6M€. Por sectores, a maior parte das empresas e autónomos pertencen ao comercio (44,4 %), seguido da industria (30,2 %) e a hostalería-turismo (25,4 %).

A conselleira lembrou que a convocatoria deste ano, que saíu publicada no DOG o pasado 13 de xaneiro e abriu o 21 dese mesmo mes, conta cun orzamento de 19 M€ e permanecerá dispoñible ata o 30 de setembro.

  • Este programa cobre tanto proxectos individuais como colectivos relacionados coa conectividade dixital, a automatización, o tratamento de datos, a ciberseguridade ou o control virtual dos sistemas loxísticos
  • Nas nove convocatorias anteriores, desde 2018, rexistráronse 1.304 solicitudes con axudas que suman 26,8 M€ e un investimento mobilizado de 65,1 M€

Ames (A Coruña), 1 de marzo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apuntou hoxe que, ata o vindeiro venres 7 de marzo, aínda se poden solicitar as axudas que a Xunta de Galicia pon á disposición de pemes e autónomos para que poidan dotarse de mellores sistemas de conectividade dixital, automatización ou tratamento de datos, entre outros.

Lorenzana visitou hoxe as instalacións do centro deportivo Squash Santiago, beneficiario deste programa que ten aberta neste momento a súa décima edición, por un importe de 3 M€ e que cobre ata o 35 % dos investimentos para os autónomos e as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, mentres que para os gastos de consultaría a intensidade de subvención acada o 50 %

Esta liña de axudas abrangue tanto proxectos individuais como colectivos en ámbitos como o desenvolvemento de interfaces dixitais, a automatización ou o control virtual dos sistemas loxísticos, a ciberseguridade, a xeolocalización e sensorización, a aplicación do big data, etc.

Nas nove convocatorias anteriores, desde 2018, rexistráronse 1.304 solicitudes de autónomos e pemes, con axudas que suman 26,8 M€ e un investimento mobilizado de 65,1 M€.

Segundo dixo, a prioridade é axudar a que as pequenas e medianas empresas e ás persoas autónomas se beneficien das vantaxes que ofrecen as tecnoloxías dixitais a nivel de operatividade, eficiencia e produtividade.