Super User
Rueda anuncia que a primeira estratexia galega de Aeroespazo, Seguridade e Defensa mobilizará 900 M€ e permitirá o impulso e a creación de máis dun cento de novas empresas do sector
- O Consello da Xunta deu visto e prace á nova folla de ruta do Goberno galego para o sector aeroespacial, que segundo o presidente supón unha oportunidade “para que industrias xa consolidadas en Galicia poidan diversificar a súa actividade e intensificala”
- Impulsar o crecemento empresarial, materializar investimentos industriais en Galicia, fortalecer as capacidades produtivas galegas e liderar as novas políticas industriais neste eido en España son algúns dos obxectivos da futura estratexia
- A Iniciativa, que contará cun orzamento de 183 M€, apoiarase no desenvolvemento de tres grandes programas de investimento e 21 actuacións específicas para desenvolver nos próximos 5 anos aproveitando a enorme capacidade que amosa Galicia para fabricar o 75 % das tipoloxías de compoñentes e servizos que precisa o sector
- A nova ferramenta compromete un apoio decidido e a longo prazo do Goberno galego para que o tecido produtivo poida desenvolver tecnoloxía, fabricar e comercializar produtos e servizos de alto valor aproveitando a súa destacada posición actual
Lugo, 12 de maio de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a primeira estratexia galega no aeroespazo, a seguridade e a defensa, aprobada hoxe no Consello da Xunta, mobilizará de aquí ao ano 2030 “en torno aos 900 millóns de euros”, procedentes da colaboración público-privada, e permitirá “a nova creación ou a transformación substancial” dun cento de empresas.
Tal e como lembrou o responsable do Executivo autonómico, nos vindeiros anos “vanse incrementar as necesidades en materia de seguridade e defensa” polo que “o sector aeroespacial pode ser unha vía para que industrias xa consolidadas en Galicia: naval, automoción, loxística e metal, poidan diversificar a súa actividade e diversificala”.
A Iniciativa Estratéxica aprobada hoxe apoiarase no desenvolvemento de tres grandes programas de investimento e de 21 actuacións específicas, cunha dotación por parte da Xunta de “183 millóns de euros”.
Así o acordou o Goberno galego na súa reunión semanal, en que se abordou a proposta da Consellería de Economía e Industria para ampliar o alcance da súa política de apoio á industria aeroespacial co lanzamento dunha nova e transformadora iniciativa estratéxica para o período 2025-2030. Unha ambiciosa folla de ruta centrada no crecemento empresarial, na atracción de novos investimentos industriais e na creación de emprego de alta cualificación neste sector en Galicia.
A estratexia permitirá a transformación dun sector como o aeroespacial que a Xunta vén impulsando desde 2015 tras a posta en marcha da Civil UAV, e permitirá aproveitar, segundo sinalou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, “unha extraordinaria oportunidade para xerar nova actividade económica e tamén xerar emprego de calidade”.
Deste xeito, a Xunta dá un paso adiante e compromete un apoio decidido, estable e a longo prazo para que o tecido produtivo desta industria, e doutros sectores que estean interesados en ampliar ou reorientar a súa actividade, poidan desenvolver tecnoloxía, fabricar e comercializar produtos e servizos de alto valor en Galicia aproveitando as capacidades que a comunidade atesoura para poder asumir a fabricación do 75 % das tipoloxías de compoñentes e servizos que require o sector.
Así mesmo, esta nova iniciativa está aliñada coas políticas e plans da Unión Europea e permite incorporar Galicia ás crecentes oportunidades que ofrecen os sectores da defensa e a seguridade no marco do actual contexto sociopolítico, ao tempo que se reforza a posición da rexión no escenario nacional e internacional.
5 obxectivos e 3 programas de investimento
A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os próximos cinco anos. O primeiro deles é impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das que xa existen no ámbito do aeroespazo, da seguridade e da defensa. Na actualidade a Comunidade galega suma 115 centros de traballo xa dedicados ao sector, pero nos vindeiros anos esta cifra podería incrementarse, xa que unhas 150 empresas contan con potencial para incorporarse a este ámbito industrial.
O segundo dos obxectivos busca que as industrias que operan neste ámbito diversifiquen a súa produción, fomentando a transición entre sectores; ao cal se suma, en terceiro lugar, a materialización de novos investimentos industriais que se concreten en centros de produción en Galicia.
O cuarto dos obxectivos marcados na nova folla de ruta galega é o fortalecemento das capacidades produtivas territoriais da Comunidade galega, a través de acceso a capital, infraestruturas e traballadores cualificados. E, por último, liderar as novas políticas industriais a nivel nacional, consolidando o posicionamento da Xunta de Galicia como goberno emprendedor e exemplo no impulso da colaboración público-privada, ferramenta fundamental para o crecemento económico e a creación de emprego de calidade.
Do mesmo xeito, establécense tres programas de investimento: o Programa ecosistema, o de incorporación e consolidación e un terceiro programa para investimentos duais.
O Programa Ecosistema busca tecer alianzas con socios estratéxicos e tecnolóxicos a través dos denominados “Acordos de asociación” co propósito de fomentar o crecemento conxunto de empresas tanto do ámbito da defensa como alleos, ao redor da súa cadea de valor. Unha figura creada hai unha década, no marco da anterior iniciativa estratéxica (actualmente están en execución os das empresas Telespazio, Avincis, Airbus e da UTE Aertec-Tecnobit), para o impulso da colaboración público-privada co sector aeroespacial en Galicia.
No marco da nova Iniciativa Estratéxica preténdense acadar catro novos contratos da Xunta con socios estratéxicos e tecnolóxicos con capacidade de tracción e cadeas de valor atractivas para o ecosistema galego, que realicen unha clara aposta pola creación de tecnoloxía e polo investimento industrial.
Outra das medidas deste programa está dirixida á creación de consorcios (aspírase a impulsar cinco) para a participación en proxectos de grande envergadura, para o que se desenvolverá un apoio específico, ben a través da Oficina Económica do Igape, ben mediante a concesión de axudas. Este primeiro programa está dotado con 84 millóns de euros.
O segundo piar da iniciativa busca aproveitar as oportunidades dos sectores do aeroespazo, a seguridade e a defensa, apoiando novas empresas e consolidando ás xa existentes, ou incorporando a compañías doutros sectores. Este programa, dotado con 34 millóns de euros, ofrecerá apoio económico para financiar a innovación, a obtención de certificacións e aqueloutras actividades necesarias para avanzar na transformación. E tamén apoiará con asesoramento especializado a través dunha unidade de nova creación na Oficina Económica do Igape.
Por último, e dotado con 65 millóns de euros, o programa para investimentos duais en aeroespazo, seguridade e defensa ten na creación dun fondo de investimento en tecnoloxías duais para empresas con centros de traballo en Galicia a súa principal actuación. Cun investimento de 40 millóns de euros (que aspira a mobilizar cifras similares de entidades financeiras, fondos de investimento e outros grandes investidores) centrarase en apoiar o crecemento das empresas galegas evitando os riscos de deslocalización empresarial ou a súa venda ou das súas tecnoloxías en fases temperás, así como a adquisición de solucións innovadoras que dean resposta a retos de seguridade, eficiencia e eficacia nos servizos da Xunta. Este terceiro programa complétase con outras actuacións destacadas como a atracción de investimentos, a oferta de solo industrial de Galicia, as axudas á innovación e outros instrumentos de apoio.
A Xunta de Galicia abrirá proximamente un diálogo estratéxico coa industria de aeroespazo, da seguridade e da defensa para coñecer as súas necesidades e os seus plans de investimento a curto, medio e longo prazo, e que será o punto de partida da execución da nova Iniciativa.
Lorenzana destaca que este ano a Xunta incrementa ata os 19 M€ a liña de acceso ao crédito para pemes e autónomos
- Este programa ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 M€ para investimentos produtivos, circulante e, tamén, para pagamento ou reestruturación de débedas
- Entre 2020 e 2024, mobilizou 389 M€ e resultaron beneficiadas 4.926 pemes e autónomos, especialmente, do sector do comercio, seguido da industria, a hostalería e o turismo
Sanxenxo (Pontevedra), 10 de maio de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que a liña de préstamos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para favorecer o acceso ao crédito das pemes ascende este ano ata os 19 millóns de euros e permanece aberta ata o vindeiro 30 de setembro.
Lorenzana visitou hoxe en Sanxenxo as instalacións do ximnasio Growgym, beneficiario deste programa de apoios no que colaboran as sociedades de garantía recíproca e entidades financeiras, e que ofrece préstamos avalados de entre 3.000 e 1 millón de euros para investimentos produtivos, circulante e, tamén, para pagamento ou reestruturación de débedas.
Segundo dixo, a principal novidade deste ano é que se aumenta a dotación orzamentaria, que pasa dos 17,5 millóns de euros do pasado ano aos 19 millóns de euros desta convocatoria para poder conceder operacións de financiamento por importe superior aos 150 millóns. De feito, ata o momento, hai xa 874 solicitudes rexistradas que están en proceso de resolución e un importe solicitado que suma 146,7 millóns de euros, o cal demostra a boa acollida que esta liña de apoios ten sempre entre as pequenas e medianas empresas, sinalou.
Entre 2020 e 2024, precisou a modo de balance, o importe mobilizado foi de 389 millóns de euros; o orzamento que destinou o Igape acadou os 30,6 millóns de euros; e resultaron beneficiadas 4.926 pemes e autónomos, especialmente, do sector do comercio, seguido da industria, a hostalería e o turismo. Por provincias Pontevedra foi a segunda desde onde se recibiron máis solicitudes (34,9 por cento); A Coruña, a primeira (46,78 por cento); seguidas de Lugo (10,26 por cento) e Ourense (7,99 por cento).
É, en termos xerais, concluíu, unha liña de apoios moi competitiva, especialmente, se temos en conta o contexto de tipos de xuro tan elevados que dos últimos meses.
A Xunta reforza o apoio ás empresas galegas para acceder ao mercado dos Emiratos Árabes Unidos
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na xornada “Emiratos Árabes Unidos: Economía e oportunidades de negocio en Oriente Medio para as empresas galegas”, onde pon en valor o papel da Antena do Igape en Dubai para “abrir portas nun mercado clave para a innovación e a diversificación industrial”
- Esta oficina xa ten xestionado arredor de 25 solicitudes de servizo en sectores como a alimentación, a saúde, as TIC, a industria ou a defensa, ademais de manter contacto directo con clústers como o da Saúde, Naval, da Pedra, TIC ou Conxemar
- Máis de 100 empresas galegas exportaron a Emiratos Árabes Unidos no 2024 por un valor de 74,6 millóns de euros
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025
A Xunta de Galicia reafirma a súa aposta pola internacionalización como motor de crecemento para o tecido empresarial galego a través dun impulso renovado á súa presenza no Golfo Pérsico coa Antena Empresarial do Igape en Emiratos Árabes Unidos. A oficina, situada en Dubái e operativa desde febreiro de 2024, ofrece servizos gratuítos e personalizados ás empresas galegas que desexan acceder a esta rexión estratéxica.
Durante a xornada “Emiratos Árabes Unidos: Economía e oportunidades de negocio en Oriente Medio para as empresas galegas”, celebrada este martes en Santiago, a directora do Igape, Covadonga Toca, destacou a importancia desta iniciativa. “A Antena do Igape en Dubái permite abrir portas nun mercado clave para a innovación, a diversificación industrial e a sustentabilidade, posicionando a Galicia como socio fiable nun contexto económico emerxente”, subliñou.
Neste sentido, a antena xa ten xestionado arredor de 25 solicitudes de servizo en sectores clave como a alimentación, a saúde, as TIC, a industria ou a defensa, ademais de manter contacto directo con clústers como o da Saúde, Naval, da Pedra, TIC ou Conxemar.
A rede de Antenas do Igape constitúe unha ferramenta fundamental da política de internacionalización da Xunta, que vai máis alá das liñas de axuda económicas. Estas oficinas funcionan como delegacións avanzadas do Goberno galego no exterior, ofrecendo acompañamento inicial, asesoramento sectorial, elaboración de axendas comerciais, seguimento de contactos e apoio á implantación de empresas galegas en mercados clave.
A día de hoxe, a rede está presente en destinos estratéxicos como Estados Unidos, México, China, Xapón, Marrocos e Emiratos Árabes Unidos, cubrindo un mercado potencial de máis de 2.000 millóns de consumidores. Esta presenza permite ao Igape dispoñer de información en tempo real sobre a evolución dos mercados e adaptar a súa estratexia ás particularidades de cada país, facilitando así a toma de decisións por parte das empresas galegas.
No caso concreto da oficina en Dubái, o obxectivo é identificar oportunidades de negocio, resolver dúbidas, facilitar contactos e apoiar a implantación de empresas galegas nun mercado que medra a un ritmo superior ao 5% anual. Emiratos Árabes Unidos estase a consolidar como un polo económico en áreas como a innovación, a diversificación industrial, as infraestruturas, o turismo e a sustentabilidade.
A antena actúa tamén como ponte de acceso ao conxunto da rexión do Golfo, con actuación en países como Arabia Saudita, Irán, Baréin, Kuwait, Omán ou Qatar. Trátase dun mercado conxunto de máis de 147 millóns de habitantes e unha capacidade de importación superior aos 100.000 millóns de euros. Só no 2024, Galicia exportou a Emiratos Árabes Unidos por un valor de 74,6 millóns de euros, por riba dos 68,8 millóns do ano anterior.
Nova XORNADA PAÍS dende a ANTENA DA XUNTA DE GALICIA en EMIRATOS ÁRABES UNIDOS | Market Update & Oportunidades de Negocio 2025
A Xunta ven a ofrecer actualizacións da situación económica en distintos mercados mundiais a través de Xornadas País coas Antenas da Xunta de Galicia.
O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus produtos, neste caso, a Emiratos Árabes Unidos.
A Antena en EAU, o día 6 de maio, informará sobre a situación actual no mercado en EAU, a economía e oportunidades de negocio en Oriente Medio para as empresas galegas.
Se está interesado, tamén terá a posibilidade de programar unha reunión individual co responsable da Antena en EAU, durante os días 6, 7 e 8 de maio.
Solicite a reunión ao realizar a súa inscrición.
Día: 6 de maio de 2025
Hora: 09:30-11:00
Edificio Fontán, Cidade da Cultura. Santiago de Compostela
✍️ Inscricións
A Xunta convoca axudas de case 4 M€ para promover as exportacións e o posicionamento das empresas galegas no mercado internacional
- Trátase dos programas Foexga (2,4 M€) e Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,5 M€), para impulsar misións comerciais ao estranxeiro así como a participación en feiras ou noutros eventos expositivos
- Desde o ano 2014 destináronse máis de 28 M€ a estas dúas liñas, con máis de 500 misións empresariais no marco do programa Foexga e máis de 1.200 empresas participantes nas accións agrupadas ao amparo da liña Galicia Exporta Organismos Intermedios
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2025
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria dos programas Foexga (2,4 M€) e Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,5 M€), con axudas para promover as exportacións e o posicionamento das empresas galegas no mercado internacional.
Xestionados polo Instituto Económico de Galicia (Igape), o primeiro destes programas, o Foexga, realízase en colaboración coas cámaras de comercio e contempla a organización de máis de cen misións empresariais ao estranxeiro nas que se prevé que participen arredor de 400 pemes galegas.
Nesta convocatoria, son máis de 90 os mercados prioritarios, entre os que se atopan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Dinamarca, Marrocos, Brasil, México, Costa Rica, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.
As accións previstas inclúen misións empresariais directas ao estranxeiro, así como participación en feiras e outros eventos expositivos. Estas iniciativas recibirán apoios do 70 por cento dos gastos directos do proxecto, con ata un 7 por cento adicional para cubrir custos indirectos, en réxime de concorrencia non competitiva.
Galicia Exporta Organismos Intermedios
Con respecto á liña Galicia Exporta Organismos Intermedios, búscase fomentar a cooperación empresarial a través de accións conxuntas de promoción no exterior, coordinadas por agrupacións empresariais. Este apoio permitirá impulsar ata 200 accións de internacionalización en máis de 40 países, nas que se espera a participación de ata 180 pemes.
A través desta liña específica para proxectos colectivos, promoveranse actividades de difusión, participación en eventos internacionais e accións de prospección de mercados. A axuda máxima por solicitude e beneficiario poderá alcanzar os 400.000 euros.
Desde 2014, o Goberno galego destinou máis de 28 millóns de euros a estas dúas liñas de apoio, o que permitiu organizar máis de 500 misións empresariais a través do programa Foexga e facilitar a participación de máis de 1.200 empresas en accións conxuntas da liña Galicia Exporta Organismos Intermedios. Ambas as dúas forman parte da Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que contribuíu a que Galicia alcanzase un récord histórico en exportacións: máis de 31.000 millóns de euros ao peche de 2024.
A Xunta impulsa a descarbonización no sector galego da automoción con 14 M€ en axudas
- O Goberno galego subvenciona iniciativas que impulsen e reforcen a transición á cadea de valor do vehículo eléctrico e á descarbonización do sector de automoción en Galicia
- As axudas poden solicitarse ata o vindeiro 30 de abril para levar a cabo proxectos de innovación, de investimento produtivo ou de desenvolvemento de enerxías renovables
- As empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia poden beneficiarse destas subvencións, de ata 1 M€ de contía máxima
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2025
A Xunta de Galicia sigue avanzando na transición cara a unha economía sustentable e respectuosa co medio ambiente, neste caso, impulsando proxectos que reforcen a cadea de valor do vehículo eléctrico e a propia descarbonización no sector da automoción. Este é o obxectivo da convocatoria de axudas do Goberno galego, cunha dotación total de 14 millóns de euros, que poden solicitarse ata o vindeiro 30 de abril.
Estes apoios, cofinanciados pola UE no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027 e con fondos propios da Comunidade Autónoma, destínanse para actuacións que se dividen en tres liñas: proxectos de desenvolvemento experimental e de innovación en materia de organización e procesos, iniciativas de investimento produtivo e proxectos relacionados coa enerxía procedente de fontes renovables.
Deste xeito, as empresas do sector de automoción cun centro de traballo en Galicia poden beneficiarse destas subvencións, que poden chegar ata 1.000.000 de euros como contía máxima. Entre outras moitas iniciativas, esta convocatoria axuda a pemes e grandes empresas a avanzar na xeración de enerxía renovable para autoconsumo, na súa innovación e na creación de novos establecementos ou na ampliación da capacidade dun xa existente.
Estas axudas, xestionadas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), enmárcanse no Plan de apoio á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico do sector automoción de Galicia 2025-2027, un amplo programa de apoio dotado con 50 millóns de euros co que o Goberno galego busca reforzar a cooperación co sector no seu tránsito cara á modernización e a sustentabilidade.
O sector da automoción é un dos nove sectores declarados estratéxicos pola Xunta de Galicia e que, en consecuencia, conta xa cun plan director aprobado recentemente que recolle un investimento total nesta industria de 230 M€ de cara ao 2027.
A Xunta porá en marcha unha nova liña de préstamos de ata 1 M€ para mitigar o impacto dos aranceis nas empresas galegas
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, xunto cos titulares de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; do Medio Rural, María José Gómez; e do Mar, Alfonso Villares, reuniuse hoxe cos responsables de máis dunha vintena de clústeres, asociacións sectoriais e cos consellos reguladores para abordar os efectos da nova política arancelaria de EE.UU
- Precisa que serán préstamos de ata 1 M€ e catro anos de carencia -o dobre do habitual-, que poden ser ampliables
- A nova liña entra dentro dos 50 M€ que agora mesmo o Igape destina a préstamos para empresas, pero cunhas condicións específicas para dar cobertura a esta problemática
- Anuncia que outra das medidas que se van adoptar será a creación dunha oficina con servizos especializados dependente da Oficina Económica de Galicia e en contacto coa antena que ten o Igape en Miami
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia vai poñer en marcha unha nova liña de préstamos de circulante de ata 1 millón de euros, ampliable, e con catro anos de carencia –o dobre que o habitual–, para mitigar o impacto que poidan ter os aranceis nas empresa galegas.
Xunto cos titulares de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; do Medio Rural, María José Gómez; e do Mar, Alfonso Villares, Lorenzana mantivo un encontro cos responsables de máis dunha vintena de clústeres, asociacións sectoriais e con consellos reguladores do viño para abordar os efectos da nova política arancelaria de EE.UU.
Segundo avanzou, a nova liña para circulante entra dentro dos 50 millóns de euros que agora mesmo o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destina a préstamos para empresas pero cunhas condicións específicas para dar cobertura a esta problemática, dixo. Xunto con isto, tamén anunciou que outra das medidas que se van adoptar será a creación dunha oficina con servizos especializados dependente da Oficina Económica de Galicia e en contacto coa antena que ten o Igape en Miami.
Ademais, a partir de Semana Santa, adiantou, vanse organizar seminarios concretos por cada un dos sectores e empresas máis afectados pola nova política arancelaria para comezar a traballar nas oportunidades que ofrece o Real Decreto Lei aprobado polo Consello de Ministros a semana pasada, que pon á disposición das empresas 14.000 millóns de euros en avais, axudas non reembolsables e tamén o fondo de internacionalización, apuntou.
Indicou, tamén, que se vai traballar co tecido produtivo na diversificación de mercados e nas medidas posibles en canto á rebaixa ou recualificación de produtos para reducir o impacto dos aranceis. E, na mesma liña, considerou importante relanzar a marca Galicia e tamén campañas que potencien a calidade e a excepcionalidade que teñen os produtos galegos.
A conselleira de Economía e Industria, que cualificou a xuntanza de produtiva e necesaria, avogou por “traballar man a man cos sectores” para que trasladen “empresa a empresa” cales son as súas necesidades. Quixo, así mesmo, lanzar unha mensaxe de “prudencia”.
“Temos que ir traballando cada día coas noticias que se van plantexando”, dixo, e sinalou: “Debemos sempre tentar negociar e reducir a guerra comercial, non dar por perdida a situación, senón tentar que estes aranceis se vaian desescalando e normalizar as relacións comerciais cos EE.UU”.
Lorenzana destaca que o programa de atracción de investimentos da Xunta vai permitir a implantación en Galicia dunha trintena de proxectos empresariais
- Neste momento está aberta ata o 30 de setembro a segunda convocatoria desta liña de apoios cun orzamento de 12 M€
- Recoñece que o balance da primeira edición é moi positivo porque dá apoio a investimentos empresariais que chegan incluso aos 10 M€, como é o caso da planta de procesamento de proteínas vexetais prevista en Curtis (Inproteins)
- Harpazul está ampliando as súas instalacións para reconverterse nun hotel de catro estrelas superior con 21 espazos máis de aloxamento que, ademais, contará coa primeira praia interior de Galicia
Catoira (Pontevedra), 12 de abril de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a primeira convocatoria do programa de axudas da Xunta para a atracción de investimentos vai permitir a implantación en Galicia dunha trintena de proxectos empresariais que mobilizan preto de 95 millóns de euros.
Lorenzana visitou hoxe en Catoira (Pontevedra) as obras de ampliación do hotel Harpazul, beneficiario desta liña de apoios, que está ampliando as súas instalacións para reconverterse nun hotel de catro estrelas superior con 21 espazos máis de aloxamento e que, ademais, contará coa primeira praia interior de Galicia. As obras supoñen un investimento de 2,2 millóns de euros aos que a Xunta achega case 790.000 euros.
A conselleira indicou esta liña de apoios, que ten aberta ata o 30 de setembro a súa segunda convocatoria cun orzamento de 12 millóns de euros, busca mobilizar investimentos en Galicia, tanto a nivel industrial como no ámbito hoteleiro -como é o caso- ou loxístico.
As axudas contemplan dous campos de actuación: por un lado, atenden aqueles proxectos que conten cun investimento entre 800.000 euros e 10 millóns de euros e, doutro lado, apóianse as iniciativas empresarias atendendo á creación neta de emprego cando se xeren máis de 25 postos de traballo en Galicia. Os apoios poden alcanzar ata o 35 por cento deses investimentos ou dos custos salariais no caso das pequenas empresas, e ata o 25 por cento no caso das medianas, en función da tipoloxía do proxecto.
Lorenzana recoñeceu que o balance da primeira edición é moi positivo porque dá apoio a investimentos empresariais que chegan incluso aos 10 millóns de euros, como é o caso da planta de procesamento de proteínas vexetais prevista en Curtis (A Coruña) (Inproteins).
Impulsamos o crecemento empresarial e a internacionalización das empresas galegas a través do programa Xeración Dixital Pemes
Convidámoste á próxima convocatoria do Programa Xeración Dixital Pemes: Empresas Exportadoras e Internacionalización Dixital, impartido por Galicia Business School.
Este programa, gratuíto para os directivos, profesionais e autónomos participantes, está deseñado para que cada alumno desenvolva o Plan de Internacionalización Dixital da súa propia empresa, acompañado de titorías individuais con expertos da escola.
Impartido por directivos e profesionais en activo, abordaránse temas como a xestión do cambio, a dixitalización dos procesos, o marketing dixital e novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, o blockchain e a nube, sempre cun enfoque práctico para as pemes exportadoras (ou que queiran exportar no futuro).
As clases combinan sesións presenciais, que fomentan o intercambio de experiencias entre profesionais de toda Galicia, con sesións online que achegan flexibilidade e facilitan a conciliación coa axenda dun profesional actual. O programa inclúe casos de uso e obradoiros específicos para o crecemento do teu negocio no exterior.
Poderán participar ata dúas persoas, directivos ou profesionais de empresas galegas de 1 a 249 traballadores, a selección farase por estricta orde de inscrición ata acadar o máximo de 50 prazas.
Este programa nace da colaboración de Galicia Business School coa Xunta de Galicia, a través do IGAPE e a súa iniciativa Fórmate Internacional: Campus Online.
>>SOLICITUDE DE INFORMACIÓN<<
A Xunta impulsa o emprendemento innovador no sector agroalimentario coa VII edición da Business Factory Food
- A nova convocatoria desta aceleradora busca captar proxectos transformadores para un sector estratéxico que, con máis de 4.000 millóns de euros en exportacións anuais, sitúase como a terceira industria máis relevante tras a automoción e o téxtil
- A directora do Igape, Covadonga Toca, destaca o papel da rede de Business Factories que, grazas ao seu enfoque vertical, teñen contribuído á creación de máis de 1.400 empregos cualificados promovendo máis de 830 proxectos innovadores
- Subliña a aposta do Goberno galego en campos como a agricultura de precisión, a dixitalización da cadea alimentaria ou a produción de alimentos intelixentes, reforzando a competitividade do sector
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca Carús, participou hoxe no InfoDay que marca o inicio da VII edición da Business Factory Food (BFFood), unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que se ten consolidado como un referente na promoción do emprendemento e da innovación no sector agroalimentario.
Durante a súa intervención no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, a directora do Igape destacou que a BFFood “non é só unha aceleradora de proxectos, senón un auténtico ecosistema de colaboración onde o talento emprendedor atopa respaldo, mentorización e acceso a redes estratéxicas para avanzar cara ao éxito”.
A nova edición da BFFood abre unha convocatoria dirixida a captar proxectos innovadores que dean resposta a retos reais do sector agroalimentario galego. O programa ofrece acompañamento integral desde a fase inicial de lanzamento ata a consolidación empresarial, con recursos, formación, asesoramento técnico e o apoio de grandes empresas tractoras do sector.
A directora do Igape puxo en valor que a aceleradora “forma parte dunha estratexia máis ampla da Xunta para fortalecer o tecido produtivo galego a través da innovación”, enmarcada nunha rede de aceleradoras sectoriais que inclúe tamén a BFAuto (automoción), BFAero (aeronáutica) ou a BF ClimaTech (economía circular).
O sector agroalimentario
Na súa intervención, a directora tamén subliñou a relevancia estratéxica do sector agroalimentario para a economía galega, con máis de 4.000 millóns de euros en exportacións anuais, sendo o terceiro sector máis relevante tras a automoción e o téxtil.
“Este sector non só é un motor económico, senón que tamén está en constante evolución. Galicia logrou posicionarse como unha referencia en sustentabilidade, tanto na pesca como na agricultura e a acuicultura, aproveitando os nosos recursos naturais de maneira responsable e respectuosa co medio ambiente”, engadiu.
Por último, a directora agradeceu o labor de coordinación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o compromiso das empresas colaboradoras e, especialmente, o esforzo dos emprendedores e emprendedoras que “co seu traballo, creatividade e visión están a situar Galicia á vangarda da innovación agroalimentaria”.