Super User
A Xunta subliña o elevado interese das pemes polas axudas á transformación dixital do Igape con preto de 400 solicitudes rexistradas
- A convocatoria pechou o prazo de presentación cunha elevada participación, confirmando a aposta das empresas galegas pola dixitalización como panca de competitividade
- O programa apoia proxectos de automatización de procesos, sistemas de xestión, ciberseguridade, loxística, solucións ASG e canles dixitais de relación con terceiros
- Desde 2018, a iniciativa permitiu apoiar 1.421 proxectos, con 28,55 millóns de euros en axudas que mobilizaron máis de 70 millóns en investimentos
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2026.
A Xunta de Galicia vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de axudas á transformación dixital das pemes, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, cunha elevada resposta do tecido empresarial galego: rexistráronse 399 solicitudes, un 196 % máis que na edición anterior que houbo 203 peticións. O interese amosado confirma, un ano máis, a aposta das empresas pola transformación dixital como un factor clave para mellorar a súa competitividade, produtividade e capacidade de adaptación aos novos retos do mercado. Agora haberá que agardar á resolución para coñecer cantas resultan finalmente concedidas.
A convocatoria, dotada con tres millóns de euros, permite apoiar proxectos orientados á implantación e posta en produción de solucións dixitais que melloren os procesos internos das empresas, as súas relacións comerciais e operativas con terceiros e a súa interconexión dixital na cadea de valor. Deste xeito, a Xunta continúa acompañando ao tecido produtivo galego na incorporación de tecnoloxías que favorecen a modernización e o crecemento empresarial.
Entre as actuacións subvencionables inclúense proxectos de dixitalización e automatización de procesos, implantación de sistemas integrais de xestión, desenvolvemento de interfaces e canles dixitais de relación con clientes e provedores, mellora da función loxística, actuacións de ciberseguridade e solucións tecnolóxicas orientadas á medición e seguimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG). A convocatoria incorporou, ademais, actuacións específicas vinculadas ás solucións en nube e en modalidade SaaS, adaptándose así aos novos retos tecnolóxicos das pemes galegas.
A elevada demanda rexistrada pon de manifesto que esta liña responde ás necesidades reais das empresas e consolídase como un dos principais instrumentos da Xunta para acelerar a transformación dixital e a modernización do tecido produtivo galego. A través desta iniciativa, a Consellería de Economía e Industria reforza o apoio a proxectos con implantación efectiva e resultados verificables, orientados a incrementar a eficiencia, a innovación e a competitividade das pemes.
O programa conta cunha ampla traxectoria desde a súa posta en marcha en 2018. Neste período apoiáronse 1.421 proxectos promovidos por autónomos e pemes galegas, cun volume de 28,55 millóns de euros en axudas que permitiu mobilizar máis de 70 millóns de euros en investimentos, consolidándose como unha ferramenta de referencia para impulsar a dixitalización empresarial en Galicia.
Con esta convocatoria, a Xunta continúa avanzando na súa estratexia de reforzar a competitividade do tecido empresarial galego mediante a innovación e a transformación dixital, contribuíndo a que as pemes incorporen tecnoloxías avanzadas que lles permitan afrontar con maiores garantías os desafíos da economía actual e aproveitar novas oportunidades de crecemento.
A Xunta destaca o papel da iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo para impulsar as capacidades industriais de Galicia neste sector
A Coruña, 10 de agosto de 2026
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou hoxe na Coruña o papel da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) como instrumento para impulsar as capacidades de Galicia neste sector. Durante unha visita ao Instituto Tecnolóxico de Galicia, Ardao sinalou que a Xunta vai destinar 183 millóns de euros en cinco anos e que aspira a mobilizar máis de 900 millóns público-privados.
Neste marco, a directora xeral explicou as dúas grandes convocatorias xa en marcha dentro da Iesda. Por un lado, lembrou que as empresas galegas aínda teñen ata o 30 de setembro para participar nos acordos de asociación para desenvolver grandes proxectos industriais de tecnoloxías duais que se fabriquen en Galicia, unha medida para a que o Goberno galego destinará 40 millóns de euros mediante a fórmula da Compra Publica Precomercial. E por outro, puxo en valor a primeira convocatoria de axudas cun orzamento de 1,5 millóns de euros para facilitar que as empresas galegas obteñan certificacións como subministradoras para o sector da seguridade e a defensa.
Lorenzana lembra que as empresas aínda poden sumarse aos acordos de asociación para impulsar grandes proxectos industriais en seguridade, a defensa e o aeroespazo en Galicia
- O prazo para presentar solicitudes está aberto ata o vindeiro 30 de setembro
- A Xunta destinará 40 M€ a estes acordos, unha das principais medidas da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda)
- A conselleira salienta que compañías como Centum demostran que en Galicia se pode facer tecnoloxía de primeiro nivel que compite en mercados internacionais
Vigo, 7 de agosto de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, lembrou hoxe en Vigo que as empresas galegas aínda teñen ata o 30 de setembro para participar nos acordos de asociación para desenvolver grandes proxectos industriais de tecnoloxías duais que se fabriquen en Galicia.
Nunha visita ás instalacións da empresa Centum, Lorenzana explicou que estes acordos de asociación constitúen unha das principais medidas que o Goberno galego está a desenvolver no marco da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (iesda) á que a Xunta destinará 40 millóns de euros mediante a fórmula da Compra Publica Precomercial, que permitirá impulsar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras nos ámbitos da seguridade, defensa e o aeroespazo.
A través desta actuación, pioneira en España, a Xunta busca atraer grandes proxectos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico; e como novidade, que “estas solucións tecnolóxicas se fabriquen en Galicia” destacou Lorenzana, que recordou que a previsión é chegar a conformar entre dous e 15 consorcios empresariais e aprobar a adxudicación no primeiro semestre de 2027.
Por outra banda, a conselleira referiuse tamén á primeira convocatoria de axudas cun orzamento de 1,5 millóns de euros posta en marcha polo Executivo autonómico para facilitar que as empresas galegas obteñan certificacións como subministradoras para o sector da seguridade e a defensa.
Neste marco, apuntou que se trata de empresas de ámbitos tan diversos como o naval, o metalmecánico, o aeroespacial, o tecnolóxico, o transporte, o mantemento industrial, a automoción, a electricidade e a electrónica, a consultaría, a construción, a enxeñaría ou a fabricación aditiva. Isto, engadiu, demostra o interese da industria galega por diversificarse cara a este mercado.
Durante a visita a Centum, a titular de Economía e Industria puxo en valor a súa traxectoria como exemplo de empresa galega “que ten demostrado que en Galicia se pode facer tecnoloxía de primeiro nivel que compite no mercado internacional,” sinalou. Isto posiciona á Comunidade como referente no sector aeroespacial que “é o obxectivo de fondo da nosa estratexia”, concluíu.
Lorenzana aborda con Metaldeza as oportunidades que ofrece o sector da seguridade e a defensa
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou, nunha reunión con responsables de Metaldeza, o potencial da empresa para diversificar a súa actividade e incorporarse aos sectores da seguridade e da defensa. Así, sinalou que a compañía, con sede en Lalín (Pontevedra), pode converterse nun referente grazas á súa aposta pola innovación e a internacionalización, dous piares fundamentais para competir en mercados de alto valor engadido.
Lorenzana mantivo en San Caetano un encontro de traballo con Ramón Cuiña, presidente desta empresa familiar, a quen agradeceu a súa disposición para impulsar novas capacidades industriais e atraer grandes proxectos que leven asociada a fabricación en Galicia, dous dos obxectivos da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) coa que a Xunta de Galicia ten previsto mobilizar 900 millóns de euros ata 2030 e favorecer a creación dun cento de empresas no sector.
Metaldeza foi, precisamente, unha das 52 beneficiarias da primeira liña de axudas por importe de 1,5 millóns de euros convocadas pola Xunta no marco da Iesda e destinada a facilitar a obtención de certificacións como subministradoras para os sectores da seguridade e da defensa.
A Xunta destina 15 millóns de euros a impulsar a innovación e a competitividade de máis de medio milleiro de empresas galegas
- As resolucións das convocatorias IA360, Igape Innova e Ticket Innova reforzan un modelo integral de apoio á innovación, desde os primeiros proxectos ata a aplicación da intelixencia artificial nas empresas
- As tres liñas abranguen todas as fases do proceso innovador: Ticket Innova facilita o acceso a servizos especializados, Igape Innova impulsa novos produtos, procesos e servizos, e IA360 acelera o desenvolvemento e a implantación da intelixencia artificial nas empresas
- A elevada execución orzamentaria confirma o crecente compromiso das empresas galegas coa innovación como ferramenta para mellorar a produtividade, incrementar o valor engadido e reforzar a súa competitividade
- Estas convocatorias enmárcanse nos principais eixos da nova Estratexia Galega de Innovación 2026-2028 coa que a Xunta reforzará o apoio público á innovación empresarial
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2026
A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, vén de resolver as convocatorias dos programas IA360, Igape Innova e Ticket Innova, que permitirán conceder preto de 15 millóns de euros (14,79M€) en axudas directas á innovación empresarial a máis de 500 empresas da comunidade (539).
No seu conxunto, estas tres liñas configuran unha oferta integral de apoio á innovación das empresas galegas, acompañándoas desde as primeiras fases de definición dos proxectos ata o desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos e a incorporación de tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial.
As convocatorias enmárcanse na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028, que reforzará a innovación como un dos piares da política industrial da Xunta para impulsar a produtividade, a competitividade e o crecemento económico. A elevada execución do orzamento confirma, ademais, o crecente compromiso das empresas galegas coa innovación e a transformación tecnolóxica.
Un apoio adaptado a todas as fases da innovación
Os tres programas responden a necesidades diferentes das empresas e conforman un itinerario completo de apoio á innovación.
Ticket Innova facilita ás pemes o acceso a servizos especializados de innovación, como estudos de viabilidade tecnolóxica, vixilancia tecnolóxica, deseño industrial, protección da propiedade industrial, transformación dixital, intelixencia artificial ou ciberseguridade, entre outros. Nesta convocatoria concedéronse 66 axudas, por importe de 1 millón de euros.
Igape Innova apoia proxectos orientados ao desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos, á incorporación de novas tecnoloxías e á mellora da competitividade empresarial. Nesta convocatoria concedéronse axudas por importe de 3,97 millóns de euros, que beneficiarán a 40 proxectos.
Pola súa banda, IA360 impulsa a incorporación da intelixencia artificial nas empresas, tanto mediante o desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas como a través da implantación de ferramentas xa dispoñibles no mercado. Nesta convocatoria apoiaranse 97 proxectos, cun investimento público de 10 millóns de euros, distribuídos entre 43 proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e 54 de implantación de solucións de IA. A redistribución do crédito permitiu incrementar o número de proxectos financiados na modalidade de desenvolvemento tecnolóxico.
Innovación para gañar competitividade
Con estas convocatorias, o Igape consolida unha oferta de instrumentos que acompaña ás empresas ao longo de todo o proceso innovador, desde a definición das súas estratexias ata o desenvolvemento tecnolóxico e a implantación de solucións avanzadas.
Esta aposta está enmarcada na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028, que reforzará a coordinación das políticas públicas de innovación e a colaboración entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos para consolidar un tecido empresarial máis innovador, competitivo e xerador de valor.
Lorenzana salienta o papel das confederacións empresariais galegas na defensa dos intereses de pemes e autónomos
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión de traballo cos responsables das catro confederacións empresariais galegas para analizar as súas principais necesidades e preocupacións. Ao remate do encontro, Lorenzana salientou o labor que desenvolven estas organizacións na representación e defensa dos intereses das pemes e das persoas autónomas de Galicia, destacando o seu papel como interlocutores do tecido empresarial galego nun contexto marcado polos retos da competitividade e a transformación dixital nun mundo cada vez máis cambiante e globalizado.
Á reunión asistiron os presidentes das Confederacións de Empresarios da Coruña, Ourense e Pontevedra, Antonio Fontenla, David Martínez e Jorge Cebreiros, respectivamente, mentres que pola Confederación de Empresarios de Lugo participou o seu secretario xeral, Jaime Luis López.
Hoxe abre o prazo para solicitar as axudas extraordinarias aprobadas pola Xunta para o sector da automoción, cun orzamento de 45 M€
- Buscan apoiar investimentos en electrificación, descarbonización de procesos produtivos e impulsar a transición cara ao vehículo eléctrico
- Este programa estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha
- As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co clúster, poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026
Desde hoxe, as empresas do sector galego da automoción xa poden solicitar o terceiro paquete de axudas extraordinarias aprobadas pola Xunta de Galicia para apoiar investimentos en electrificación, descarbonización dos procesos produtivos e transición cara ao vehículo eléctrico, cun investimento público de 45 millóns de euros.
O programa, convocado o pasado 21 de xullo no Diario Oficial de Galicia, estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha. A primeira, para proxectos de desenvolvemento experimental e de innovación en organización e procesos; a segunda, para actuacións en materia de protección do ambiente e descarbonización; e, a terceira, dirixida ás pemes para facilitar a súa adaptación á mobilidade verde, descarbonizada e conectada.
As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co Clúster da Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas. Todos os proxectos deberán contar cun investimento subvencionable mínimo de 100.000 euros. Ademais, para facilitar a execución das actuacións, prevese un pagamento anticipado do 80 por cento da subvención, que se tramitará de oficio e sen necesidade de constituír garantías.
Poderán alcanzar o 50 por cento nos proxectos de desenvolvemento e innovación e o 32,5 por cento nos investimentos de protección ambiental e descarbonización, en función do tamaño da empresa. No caso das pemes, subvencionarase ata o 50 por cento dos gastos de consultaría asociados aos proxectos de transformación e modernización produtiva.
Esta nova convocatoria enmárcase na estratexia que a Xunta vén desenvolvendo para consolidar Galicia como un dos principais polos da automoción en Europa e acompañar este sector industrial nun momento decisivo marcado pola electrificación e a descarbonización.
Neste contexto, a previsión é chegar a mobilizar máis de 230 millóns de euros a través do Plan director da automoción de Galicia 2025-2027, dotado con 134,1 millóns de euros, e do Programa extraordinario de apoio á descarbonización e á transición ao vehículo eléctrico iniciado en 2024.
A Xunta avanza co sector na posta en marcha da Business Factory Energy para impulsar a innovación empresarial en enerxía
- A Business Factory Energy busca acelerar startups e proxectos innovadores, facilitando a súa conexión co mercado e coas necesidades reais do sector enerxético
- No marco dun encontro de traballo coas empresas tractoras, avanzouse na validación dos primeiros retos da BF Energy e no reforzo da colaboración entre a Administración, as empresas e as entidades sectoriais
- A nova aceleradora amplía a Rede Business Factory da Xunta, que suma xa máis de 375 proxectos impulsados, unha taxa de supervivencia do 95 % e máis de 1.400 empregos cualificados xerados
- ASIME e Cluergal presentaron as liñas estratéxicas da iniciativa e os retos que orientarán a súa primeira convocatoria, definidos en colaboración coas empresas tractoras
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, e o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vila, mantiveron un encontro de traballo con empresas tractoras do sector enerxético no marco da posta en marcha da Business Factory Energy (BF Energy), a nova aceleradora especializada impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración con ASIME e Cluergal.
Na súa intervención, Covadonga Toca puxo en valor o excelente momento que vive o ecosistema galego de innovación e destacou a aposta da Xunta por reforzar a conexión entre coñecemento, empresa e industria. Neste sentido, lembrou que Galicia está a culminar a súa nova Estratexia de Innovación Empresarial 2026-2028 e subliñou que a Rede Business Factory constitúe un dos mellores exemplos dun modelo de aceleración especializada que, ao longo da última década, permitiu impulsar centos de startups e proxectos innovadores e consolidar un ecosistema empresarial cada vez máis competitivo.
Pola súa banda, Pablo Fernández Vila destacou o papel estratéxico da transición enerxética como unha das grandes oportunidades de desenvolvemento industrial para Galicia. Así, sinalou que a Business Factory Energy nace co obxectivo de identificar e acelerar proxectos innovadores capaces de dar resposta aos desafíos do sector, favorecendo a colaboración entre startups, empresas tractoras, centros tecnolóxicos e o conxunto da cadea de valor da enerxía.
No marco do encontro, Enrique Mallón, secretario xeral de ASIME, e Oriol Sarmiento, xerente de Cluergal, presentaron as liñas estratéxicas da Business Factory Energy, os principais retos identificados para a súa primeira convocatoria e o modelo de colaboración coas empresas tractoras. Estas desempeñarán un papel clave na identificación das necesidades do sector, na orientación dos proxectos e na validación das solucións desenvolvidas polas futuras startups participantes.
A sesión completouse cun coloquio de traballo no que representantes das empresas tractoras achegaron propostas e reflexións para contribuír á definición dos retos tecnolóxicos e empresariais que orientarán a primeira edición da BF Energy.
A Business Factory Energy forma parte da nova xeración de aceleradoras especializadas impulsadas pola Xunta de Galicia para apoiar o desenvolvemento de proxectos innovadores en sectores estratéxicos, favorecer a creación de novas empresas de base tecnolóxica e reforzar a competitividade do tecido industrial galego.
Rueda destaca o Grupo Cándido Hermida como un referente do prestixio internacional de Galicia no sector contract
- Agradece a visión emprendedora e a aposta da firma pola innovación, o talento e a formación, destacando a súa colaboración pioneira coa FP Dual na comarca
- Reafirmou o compromiso da Xunta co tecido empresarial e coa industria forestal-madeira a través de medidas como o Plan Director, dotado con 114 M€, e as axudas específicas para o fomento da construción en madeira
Narón (A Coruña), 22 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as instalacións do Grupo Cándido Hermida no polígono naronés do Río do Pozo, onde puxo en valor a traxectoria de máis de catro décadas desta compañía e a súa contribución á modernización e ao prestixio internacional da industria da madeira e o sector contract de Galicia. “Ser agora mesmo provedor de empresas e proxectos moi esixentes de todo o mundo é algo que fala moitísimo da Galicia Calidade”, asegurou.
Acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, Rueda agradeceu a visión empresarial, o inconformismo e a vocación emprendedora do fundador desta compañía, que hoxe dá emprego a máis de 600 persoas e está presente en máis de 80 países.
Así mesmo, o titular do Executivo autonómico subliñou o compromiso da empresa coa formación das novas xeracións, ao ser unha das firmas pioneiras da comarca en colaborar coa FP Dual, axudando a transmitir a mensaxe de que os oficios teñen un gran futuro e proxección profesional. “Precisamos que empresas deste tamaño e deste prestixio sexan as nosas aliadas”, destacou.
Alfonso Rueda garantiu que o Goberno galego continuará a ser un aliado directo das empresas que arriscan, crean riqueza e xeran postos de traballo, polo que enfatizou a necesidade de que as administracións públicas faciliten a actividade económica, eliminen trabas burocráticas e acompañen ás compañías no seu crecemento. De forma especial, destacou a importancia de respaldar a empresas familiares coma esta, que representan o 94 % do tecido produtivo galego e constitúen a columna vertebral da economía da comunidade.
Apoio decidido ao sector forestal-madeira
O titular da Xunta reafirmou o compromiso do Executivo autonómico coa cadea de valor da madeira e a sostibilidade. Nesta liña, lembrou a recente aprobación do Plan director da industria forestal-madeira 2026-2028, dotado con 114 millóns de euros e 88 medidas orientadas a consolidar a Galicia como un referente nacional e internacional nesta materia.
Así mesmo, fixo referencia á posta en marcha da nova convocatoria de axudas do programa XERA-Madeira, cun orzamento de 5 millóns de euros para fomentar o uso deste material en obras novas, rehabilitacións e reformas de naves, establecementos e vivendas, unha iniciativa pioneira en España. “A xente ten que ver que a madeira, cos tratamentos e técnicas actuais e con empresas como esta, ten enormes posibilidades sen nada que envexarlle a ningunha outra técnica construtiva nin a ningún outro material”, asegurou Rueda. Ademais, reiterou o compromiso da Administración autonómica de “dar exemplo” e incorporar madeira na estrutura de ata o 20% das súas edificacións públicas.
Lorenzana anuncia que a partir do 29 de xullo xa se poderán solicitar as axudas por valor de 45 M€ para empresas do sector da automoción
- O programa estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha
- As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co clúster, poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas
- Lorenzana asegura que a industria galega está nun momento moi bo, pero “precisa do acompañamento e da colaboración da Administración”
Tui (Pontevedra), 21 de xullo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou esta mañá que a partir do vindeiro 29 de xullo abre o prazo para solicitar o terceiro paquete de axudas extraordinarias aprobado pola Xunta para o sector da automoción cun orzamento de 45 millóns de euros, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.
Así o anunciou nunha visita ás instalacións de Valver -no polígono industrial de Areas, en Tui- que considerou unha empresa “punteira” que forma parte da “extraordinaria cadea de valor” do sector da automoción en Galicia, dixo, con máis de 40 anos de antigüidade e que destaca polo seu grado de innovación e internacionalización.
“Continuamos nesa aposta por un sector clave dentro da industria galega, e con esa estratexia de industrialización coa que pretendemos ir aumentando, pouco a pouco, a achega que fai a industria á economía galega, que está nun momento moi bo, pero que precisa de acompañamento e da colaboración da Administración coas empresas”, indicou Lorenzana.
O programa estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha. A primeira, para proxectos de desenvolvemento experimental e de innovación en organización e procesos; a segunda, para actuacións en materia de protección do ambiente e descarbonización; e, a terceira, dirixida ás pemes para facilitar a súa adaptación á mobilidade verde, descarbonizada e conectada.
As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co Clúster da Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas. Todos os proxectos deberán contar cun investimento subvencionable mínimo de 100.000 euros. Ademais, para facilitar a execución das actuacións, prevese un pagamento anticipado do 80 por cento da subvención, que se tramitará de oficio e sen necesidade de constituír garantías.
Poderán alcanzar o 50 por cento nos proxectos de desenvolvemento e innovación e o 32,5 por cento nos investimentos de protección ambiental e descarbonización, en función do tamaño da empresa. No caso das pemes, subvencionarase ata o 50 por cento dos gastos de consultaría asociados aos proxectos de transformación e modernización produtiva.
Esta nova convocatoria enmárcase na estratexia que a Xunta vén desenvolvendo para consolidar Galicia como un dos principais polos da automoción en Europa e acompañar este sector industrial nun momento decisivo marcado pola electrificación e a descarbonización.
Neste contexto, a previsión é chegar a mobilizar máis de 230 millóns de euros a través do Plan director da automoción de Galicia 2025-2027, dotado con 134,1 millóns de euros, e do Programa extraordinario de apoio á descarbonización e á transición ao vehículo eléctrico iniciado en 2024.