Super User

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde do municipio ourensán, Manuel Prado.
  • Na xuntanza abordáronse diferentes medidas para potenciar o solo empresarial e atraer novas iniciativas cara á localidade.
  • Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Beariz, Manuel Prado, no que avaliaron novas vías de colaboración para impulsar a actividade empresarial no municipio.

Na xuntanza abordáronse, entre outras cuestións, a adecuación dos accesos ao Parque Empresarial de Lebozán desde a OU-212, unha actuación que rematará nos próximos meses e á que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou 450.000 euros. Ademais, o Concello solicitou unha axuda da Secretaría Xeral de Industria, que está nestes momentos en fase de estudo e valoración, para obras de pavimentación dun viario.

Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa impulsada en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a través de diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a dinamización económica.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nas primeiras accións do programa Misións Comerciais 2023, unha actividade que levamos adiante coa colaboración das Cámaras de Comercio.

Estas son as próximas citas: 

Misión Comercial a Japón (centrada en sector saúde)

Datas: 8-15 outubro

Fin da inscrición: 04/09/2023

Inscrición AQUÍ

 

Misión Comercial a Portugal

Datas: 22-27 outubro

Fin da inscrición: 05/09/2023

Inscrición AQUÍ

 

Misión Comercial a República Checa e Hungría

Datas: 22-28 outubro

Fin da inscrición: 08/09/2023

Inscrición AQUÍ

 

Misión Comercial a Rumania, Bulgaria e Moldavia

Datas: 15-21 outubro

Fin da inscrición: 08/09/2023

Inscrición AQUÍ


Misión Comercial a Croacia, Serbia, Bosnia e Eslovenia

Datas: 22-28 outubro

Fin da inscrición: 12/09/2023

Inscrición AQUÍ


Misión Comercial a Azerbaiyán e Georgia

Datas: 15-21 outubro

Fin da inscrición: 12/09/2023

Inscrición AQUÍ


Visita Feira MOTEK, FAKUMA, AIRTEC

Datas: 9-28 outubro

Fin da inscrición: 15/09/2023

Inscrición AQUÍ


Visita Feira Kormarine, Bexco, Busan - Corea do Sur

Datas: 22-30 outubro

Fin da inscrición: 15/09/2023

Inscrición AQUÍ


Misión Comercial a Países Baixos e Bélxica

Datas: 15-21 outubro

Fin da inscrición: 15/09/2023

Inscrición AQUÍ


Misión Comercial a Polonia

Datas: 1-14 outubro

Fin da inscrición: 15/09/2023

Inscrición AQUÍ


Visita Feira China Fisheries & Seafood Expo

Datas: 23-29 outubro

Fin da inscrición: 21/09/2023

Inscrición AQUÍ


Misión Comercial a Reino Unido

Datas: 22-28 outubro

Fin da inscrición: 02/10/2023

Inscrición AQUÍ








  • O presidente da Xunta visitou a nova planta da empresa na comunidade.
  • Destacou a “gran oportunidade” que supón este proxecto para xerar valor engadido ao leite galego a través da súa transformación sen saír de Galicia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que a nova planta de desenvolvemento de proteínas lácteas de Inleit en Curtis vai situar Galicia á vangarda da industria láctea e contribúe a impulsar a transformación do leite galego na propia comunidade. “Este é un gran proxecto e unha gran oportunidade. Temos unha materia prima de primeira calidade e o noso interese e que estas materias primas poidan transformarse aquí, con todo o valor engadido que isto supón”, indicou o presidente durante unha visita as novas instalacións.

Nesta liña, o presidente lembrou que Galicia xa é unha potencia na produción de leite –“é a principal produtora de España e está entre as dez primeiras de Europa”, indicou-, pero que o obxectivo da Xunta é facer de Galicia un referente en todas as fases vencelladas ao sector lácteo: desde a recollida ata a transformación do leite e a comercialización final dos produtos.

Para iso, Rueda resaltou a importancia de aumentar a porcentaxe de leite recollida en Galicia que se transforma tamén na comunidade -na actualidade xa se supera o 63% e o obxectivo é chegar ao 75 % no 2025- e de apostar pola innovación e a modernización do sector para situarse á vangarda da industria láctea.

O novo centro de fabricación avanzada de Inleit para desenvolver ingredientes lácteos de alto valor engadido en Curtis vai nesa dirección. Nesta planta vanse poder levar a cabo proxectos de I+D no eido lácteo desde a comunidade que, ata agora, había que encargar a empresas no estranxeiro, o que permitirá que Galicia se consolide coma un dos epicentros da innovación no sector.

Ademais, Rueda resaltou a importancia de que os promotores comprometéronse a seguir mercando gran parte do leite a gandeiros galegos -só no 2022 adquiriron máis de 200 millóns de litros a 278 explotacións galegas- e a contar tamén cos centros tecnolóxicos galegos para os seus proxectos de I+D.

Rueda lembrou que a Xunta outorgou 14 millóns en axudas para a ampliación e mellora das instalacións de Inleit desde que iniciou a súa actividade en Galicia. Ademais o Goberno galego leva anos traballando para impulsar a modernización e mellorar a competitividade do sector lácteo a través de medidas como a Estratexia de dinamización deste eido; a Lei de recuperación da terra agraria, axudas para impulsar centros de fabricación avanzada ou apoiando unha candidatura forte de Galicia aos fondos europeos a través do Perte agroalimentario. “Agardamos que non se repitan as malas experiencias noutros Perte”, indicou.

Bo momento do sector lácteo galego

Durante a súa intervención, Rueda subliñou ademais o bo momento que está a vivir o sector lácteo galego e que consolida a Galicia como unha potencia europea neste eido. O prezo que se lles paga aos gandeiros por litro incrementouse de forma constante nos últimos 19 meses -o que fai que a facturación por venda de leite alcanzase récords históricos con máis de 1.300 millóns de euros no 2022- e nos últimos oito anos, a produción media por explotación aumentou case un 74 %.

  • Esta iniciativa ten como obxectivo achegar ás empresas luguesas información e asesoramento sobre o mapa de axudas da Xunta de Galicia, así como a organización de xornadas de divulgación e foros sectoriais.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou que a posta en marcha do programa Conecta Lugo, que a Xunta de Galicia desenvolve en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), está favorecendo que sexan máis as empresas da provincia que se presentan ás convocatorias de axudas da Administración autonómica.

Conde visitou en Chantada un obradoiro sobre innovación para pemes que se celebrou no marco desta iniciativa que ten como obxectivo achegar ás empresas luguesas información e asesoramento sobre o mapa de axudas da Xunta de Galicia, así como a organización de xornadas de divulgación e foros sectoriais. Para iso, lembrou que a Confederación de Empresarios de Lugo abriu dúas oficinas de información en Ribadeo e Monforte de Lemos para poder ter presenza física en varios puntos da provincia e facer efectivos os servizos do Conecta Lugo.

Como balance do primeiro ano deste programa, precisou que a provincia de Lugo acapara un 24,3 % do total das solicitudes recibidas na Administración autonómica (xestionadas pola Axencia Galega de Innovación e polo Igape) de empresas de toda Galicia; case dez puntos máis con respecto a 2021 e das que resultaron aprobadas ata case un 18 % máis.

En base a estes bos datos, o vicepresidente económico explicou que a Xunta de Galicia vén de renovar o convenio coa Confederación de Empresarios de Lugo para darlle continuidade a este programa cun orzamento de 160.000 euros. As novidades, ademais de que se manteñen as oficinas de Ribadeo e Monforte de Lemos, están, fundamentalmente, na axenda de actividades que se van realizar este ano, que fan máis fincapé no sector da innovación.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, clausura o IV Congreso Nacional Interim Management onde pon en valor a raíz innovadora e sustentable que está a potenciar o Goberno galego para mellorar a competitividade do tecido empresarial, con liñas como a de economía circular que promove novos modelos de negocio mediante a optimización de recursos.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na clausura do IV Congreso Nacional Interim Management, celebrado no Pazo de Congresos de Santiago, onde resaltou a importancia da innovación e a internacionalización do tecido produtivo galego de cara a seguir construíndo unha Galicia chea de certezas. Guldrís apuntou que a economía está a potenciar unha “economía de oportunidades” capaz de situarse “á vangarda das innovacións para asegurar un futuro próspero”.

“As compañías están obrigadas a dispoñer de recursos que, quizais, eran impensables hai un tempo, e as administracións públicas temos a obriga de acompañar ao tecido empresarial, ofrecendo servizos e recursos para que logren solucións específicas e adaptadas á contorna”, afondou indicando que este é, precisamente, un dos fortes do Interim Management.

Neste contexto, o director do Igape puxo en valor a “raíz innovadora e sustentable” que está a potenciar o Goberno galego para mellorar a competitividade do tecido empresarial, con liñas como a de economía circular que promove novos modelos de negocio mediante a optimización de recursos.

Así mesmo, Guldrís sinalou que para lograr que as empresas compitan en mellores condicións, as administracións deben “poñer o foco na profesionalización e no desenvolvemento estratéxico dos negocios”, impulsando a dixitalización e a innovación do tecido produtivo. Sobre estes obxectivos, afondou, estase a ultimar a axenda industrial, “un ambicioso documento” co que se seguirá potenciando o binomio industria-sustentabilidade e a descarbonización das actividades económicas, ao tempo que se fortalece a I+D+i como vector da transformación da industria galega.
 
E na procura de promover tamén a competitividade das pemes, Guldrís avanzou que neste 2023 se lanzará unha nova convocatoria do ReAcciona, un programa que, como lembrou, pon a disposición das empresas galegas diferentes servizos para que analicen a súa posición actual e definan os pasos de mellora que deben seguir.
 
Ademais, Guldrís afondou na importancia do apoio para alcanzar novos mercados, o que está a permitir acadar “rexistros históricos nas exportacións galegas”. Neste marco, lembrou que acaba de lanzarse unha nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais que, co apoio das cámaras de comercio, impulsará este ano un cento de actuacións comerciais en 30 países.
 
Por último, o director do Igape agradeceu á Asociación Interim Management a súa aposta por Galicia, “onde comezou a súa andaina hai agora dez años, e onde celebra este Congreso que amosa un trazo común entre peregrinos e empresarios: o esforzo e compromiso de ambos por acadar a meta desexada”.
 
No encontro participou tamén a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, quen interveu nunha mesa redonda sobre oportunidades e retos na participación de proxectos europeos. Na súa intervención Argerey sinalou que o posicionamento en Europa das capacidades galegas de investigación e innovación é un dos obxectivos centrais da política de I+D+i do Goberno galego.
 
Neste sentido, sinalou que atraer investimento público e privado e incrementar a participación galega en programas nacionais, europeos e internacionais son algúns dos desafíos que propón a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), apuntando que os datos de retorno obtido polas entidades galegas nos programas marco de I+D+i europeos son un indicador destacado das capacidades e do nivel de excelencia global do ecosistema galego de innovación. Argerey lembrou que a Xunta presta apoio á participación galega en convocatorias europeas e internacionais a través de actuacións en distintos ámbitos: informativo, formativo, asesoramento e apoio económico.  
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Carballo as instalacións desta empresa familiar que está sabendo interpretar as necesidades que existen no mercado para darlle resposta.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Carballo as instalacións da empresa familiar Metalúrgica BB da que destacou a súa capacidade de diversificación, que lle está permitindo interpretar as necesidades do mercado para darlles resposta.

Metalúrgica BB, que leva 26 anos en activo, conta con máis de 40 traballadores e está especializada na reparación e mantemento de maquinaria de grandes compoñente. Actualmente, traballa para os sectores madeireiro, alimentario, enerxético e mineiro.

Tal e como explicou Conde, a empresa é unha das beneficiarias do programa Galicia Inviste, grazas ao que puido mobilizar 1,2 M€ a partir dunha axuda pública de 360.000 euros coa que acometeu investimentos en maquinaria -dous novos tornos e unha fresadora-.

Desde a súa posta en marcha en 2018, este programa xa destinou 33 M€ para apoiar 360 proxectos cunha mobilización de 144 M€ en toda Galicia. No caso da comarca de Bergantiños foron oito iniciativas cunha axuda de 1,2 M€ e unha mobilización de 6 M€.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Santiago nun encontro sobre o valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresarial.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que participou hoxe nun Networking Galicia Empresa sobre O valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresarial, apuntou queomapa de axudas que a Xunta de Galicia ten a disposición do tecido empresarial en materia de I+D+i suma 38 instrumentos de apoio cos que se prevé mobilizar 400 millóns de euros.

Este documento, que é resultado do traballo da Comisión Interdepartamental de I+D+i que agrupa a todas as consellerías do Goberno galego, estase dando a coñecer nun ciclo de encontros como o que hoxe se celebrou, para informar polo miúdo destas liñas de apoio que por primeira vez se presentan de forma conxunta. Tal e como subliñou o vicepresidente primeiro, este mapa está estruturado en base ás prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e cobre todas as etapas da I+D+i, desde a innovación empresarial ata a contratación de persoal, pasando pola proxección exterior e a internacionalización e abordando tamén a colaboración entre os axentes do ecosistema galego de I+D+i e o fortalecemento dos centros tecnolóxicos e de coñecemento.

No encontro, no que achegaron as súas experiencias representantes das empresas Idero Tech, do grupo Dimensiona; Errecé Láser; Intacta Gestión Ambiental e Syspro, o vicepresidente primeiro lembrou que entre as convocatorias abertas actualmente está o programa de Bonos de innovación, que busca mobilizar un millón de euros axudando a pemes e micropemes nos seus primeiros pasos de posta en marcha dun proxecto innovador.

A mellora da función loxística motiva unha gran parte do esforzo que o tecido empresarial está facendo pola dixitalización e a automatización de procesos pola innovación. Un dos asuntos que pon en primeiro plano a función loxística na xestión empresarial é o crecemento continuado do comercio electrónico, e aí é onde entran en xogo as TIC, asegurándose a optimización de custos e a eficiencia, a anticipación e sobre todo unha resposta áxil cara ao cliente.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse con representantes de Resonac e Ignis para afondar no plan industrial que propoñen.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta tarde unha reunión con representes de Resonac e Ignis para coñecer o plan industrial que están a propoñer nos terreos de Alu Ibérica na Coruña.

Na xuntanza, o Goberno galego ofreceu a súa colaboración para darlle unha segunda vida a Alu Ibérica na Coruña e unha nova oportunidade ao capital humano que depende destas instalacións. Así, acolle esta iniciativa con optimismo pero tamén con prudencia, pois hai un procedemento por diante e a decisión definitiva está en mans do administrador concursal.

O proxecto suporía adquirir o 100% da superficie dispoñible para, no caso de Resonac, ampliar as instalacións e construír unha nova factoría orientada á produción de grafito para baterías e, no caso de Ignis, construír unha planta de hidróxeno verde.

“Estamos ante unha oferta realista que pode permitir a creación de postos de traballo, crecer desde o punto de vista industrial e un posicionamento enerxético”, dixo Conde. Unha proposta, engadiu, “acorde cos da Xunta de Galicia neste proceso de transformación económica e da transición enerxética. A partir de aí —subliñou— o que esperamos é que esta segunda oportunidade desde o punto de vista industrial tamén poida ser unha segunda oportunidade desde o punto de vista laboral”, concluíu.

  • Considera o desenvolvemento da eólica mariña unha “grande oportunidade” que vai xerar riqueza e empregos, polo que insta a “non deixala pasar”.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o “enorme potencial e posibilidades” de Galicia como centro industrial e loxístico para un sector emerxente como o da eólica mariña. Así o enxalzou durante a presentación dun novo proxecto no eido de compoñentes eólicos da empresa Nervión Naval Offshore, unha iniciativa que o mandatario galego considerou exemplo das novas oportunidades de negocio que a eólica mariña traerá a Galicia, xa que creará 400 postos de traballo entre As Somozas e o porto exterior de Ferrol.

Rueda destacou que, no momento actual, se está ante unha nova revolución industrial da man das enerxías renovables. “É unha oportunidade que non hai que deixar pasar”, advertiu, ao tempo que salientou a creación de riqueza e postos de traballo cualificados directos e indirectos vencellados ao seu desenvolvemento.

Por iso, apelou á industria e tamén ás administracións a “ser capaces de subirse a este tren” tanto á hora de xerar esta enerxía renovable, como de aproveitar a oportunidade que estas novas enerxías ofrecen a outros sectores, como a industria de compoñentes.

Rueda remarcou a postura da Xunta de defender un desenvolvemento de eólica mariña garantista coa coexistencia da actividade pesqueira e coa protección do ecosistema. “Imos ser absolutamente exixentes na compatibilidade co resto de actividades”, comprometeuse ao tempo que defendeu, en todo caso, “non pecharse” ante as novas oportunidades que vai supor esta enerxía renovable, entre as que tamén citou a creación de novos empregos que darán pulo á Formación Profesional Dual.

Medidas da Xunta para atraer investimentos

Rueda enmarcou este proxecto de Nervión Naval Offshore dentro das iniciativas potentes que Galicia está a atraer e que atribuíu á estabilidade, certeza e facilidades que impulsa o Goberno galego a través de medidas, como as bonificacións por localizarse en parques empresariais autonómicos ou figuras legais, como a iniciativa empresarial prioritaria, que permiten acurtar prazos.

“Acompañaremos os que creen riqueza”, garantiu Rueda ao final da súa intervención, con respecto a proxectos en Galicia que aposten polo desenvolvemento desta enerxía renovable, aos que lle adiantou o apoio da Xunta .
  • Comeza o prazo para que as cámaras de comercio soliciten a aprobación das accións a realizar dentro deste programa, ao que se destinan 2,3 millóns.

Consulta o calendario de accións

A Xunta ten activo o novo Plan de misións comerciais, a través do cal se destinan 2,3 millóns de euros a accións de internacionalización do tecido produtivo galego na procura de impulsar, durante este ano, preto de 100 misións en máis de 30 países.

O programa, que desenvolve a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras galegas, contempla dúas liñas, unha centrada nas pequenas e medianas empresas e que suma máis do 80% do orzamento, e outra habilitada para as grandes empresas, na procura de que estas acheguen ás misións a súa experiencia e volume como efecto tractor.
 
Mañá comeza o prazo para que as cámaras de comercio, entidades colaboradoras adheridas ao convenio, soliciten a aprobación das accións a realizar no calendario do plan de misións comerciais. O prazo estará aberto ata o 14 de abril.
 
Unha vez solicitadas as accións, cada cámara poderá convocar e abrir a inscrición para que as empresas interesadas poidan participar nas mesmas. As empresas poderán inscribirse para cada acción coa entidade coloaboradora correspondente no momento en estas abran as distintas convocatorias ao longo da vixencia do calendario.
 
O obxectivo é chegar a 500 participacións de pemes -cada empresa participa en máis dunha actuación- nas accións de promoción, favorecendo a súa imaxe nos mercados exteriores. Todas as actuacións están dirixidas a aumentar a base de empresas exportadoras, a fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, e a conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.
 
O programa prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.
 
As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios que alcanzan o 90 % no caso das pequenas e medianas empresas, porcentaxe que pode acadar ata o 70 % para as grandes empresas.
 
Desde o ano 2014 lévanse destinado máis de 12 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.
 
O Plan de Misións comerciais enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia acadase o seu récord histórico en exportacións: case 30.000 millóns ao peche de 2022, en concreto 29.886 millóns, o que supón un 18,3% máis que no anterior exercicio.