Super User
Novo curso IGAPE Fórmate Internacional: 12 pasos para unha Internacionalización efectiva
No marco do PROGRAMA FÓRMATE INTERNACIONAL, a Xunta, a través do IGAPE, organiza un novo curso para impulsar a internacionalización das empresas galegas: 12 pasos para unha internacionalización efectiva.
A través de Fórmate Internacional queremos proporcionar coñecemento específico e de calidade en materia de internacionalización empresarial ao sistema produtivo galego.
Tra-lo éxito acadado polos ultimos cursos celebrados, esta nova proposta ten por fin dar a coñecer as bases e áreas fundamentais que todo profesional do comercio exterior debería coñecer.
Unha estratexia de competitividade internacional pasa pola formación do capital humano da empresa.
O novo curso, titulado 12 PASOS PARA UNHA INTERNACIONALIZACIÓN EFECTIVA, é unha formación organizada en 12 sesións de 90 minutos de duración realizadas con frecuencia semanal. Tocará todos os campos principais do comercio internacional, ofrecendo unha guía básica para a internacionalización efectiva da empresa.
A inscrición é de balde.
Conde pon Fenestra como exemplo de PEME que inviste en equipamento e enerxías renovables para adaptarse ao contexto actual
- Conde di que esta empresa, beneficiaria do programa Galicia Inviste, contribúe a que Monforte e toda a súa comarca fale máis en clave industrial.
- Galicia Inviste leva apoiado a mobilización de 130 millóns de euros a través de 360 axudas concedidas -o 10 por cento corresponden á provincia de Lugo- desde a súa posta en marcha en 2018.
- Adianta que a Xunta de Galicia xa está avanzando na tramitación das autorizacións e informes que van permitir que nas vindeiras semanas o proxecto do Grupo Indukern na comarca, cun investimento de máis de 30 millóns de euros, sexa unha realidade e poida comezar as obras de construción.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, puxo hoxe a empresa luguesa Fenestra como exemplo de peme que inviste en equipamento e enerxías renovables para adaptarse ao contexto actual e gañar en competitividade.
Nunha visita ás instalacións da firma asentada en Monforte de Lemos e especializada na fabricación de fiestras de pvc, Conde destacou o esforzo que Fenestra está a facer para optimizar os seus procesos de produción e para ser máis eficiente e reducir o custo enerxético. Un obxectivo común ao tecido empresarial galego que a Xunta de Galicia está apoiando a través do programa Galicia Inviste.
Segundo explicou, mediante esta orde apoios do Igape, a Administración autonómica pon á disposición das pemes galegas financiamento para proxectos de diversificación, mellora de procesos e produtos, maquinaria e equipamento, e tamén para o sector do aloxamento. Ademais, por primeira vez desde o ano pasado, pódense solicitar conxuntamente axudas e préstamos.
Desde que en 2018 se puxo marcha o programa Galicia Inviste, a través do Igape, leva mobilizado nestes catro anos 130 millóns de euros en 360 proxectos cun investimento público de 33 millóns de euros. Concretamente, na provincia de Lugo, a partir dun orzamento de 2,8 millóns de euros, mobilizáronse 10,8 millóns de euros para 37 iniciativas.
Fenestra é unha das empresas que se viu beneficiada por estas axudas, cunha mobilización de investimentos por máis de 260.000 euros para implantar unha soldadura de pvc que mellora a calidade e o acabado do produto. Ademais, no seu compromiso pola eficiencia enerxética, tamén instalou placas fotovoltaicas cunha axuda da Xunta de Galicia, a través do Inega, de case 8000 euros para un mobilizado de 20.000 euros.
Conde referiuse a Fenestra como “un exemplo claro de competitividade que está afrontado os retos actuais, xerando emprego e crecendo no rural, e permitindo que Monforte e toda a súa comarca fale máis en clave industrial”. Ao respecto, concluíu avanzando que a Xunta de Galicia xa está avanzando na tramitación das autorizacións e informes que van permitir que nas vindeiras semanas o proxecto do Grupo Indukern na comarca, cun investimento de máis de 30 millóns de euros, sexa unha realidade e poida comezar as obras de construción.
A Xunta impulsa este ano preto de 100 misións comerciais de empresas galegas en máis de 30 países
- A acción enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia veña de lograr un novo récord histórico en vendas ao exterior: case 30.000 millóns ao peche de 2022, un 18,3% máis que en 2021.
Consulta o calendario de accións
O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, acompañado dos representantes das cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, da Coruña e de Santiago, presentou hoxe a nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que destina 2,3 millóns de euros a accións de internacionalización do tecido produtivo galego na procura de impulsar, durante este ano, preto de 100 misións en máis de 30 países.
O programa, que desenvolve a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras galegas, contempla dúas liñas, unha centrada nas pequenas e medianas empresas e que suma máis do 80% do orzamento, e outra habilitada para as grandes empresas, na procura de que estas acheguen ás misións a súa experiencia e volume como efecto tractor.
Neste sentido, detallou Guldrís, aspírase a chegar a 500 participacións de pemes -cada empresa participa en máis dunha actuación- nas accións de promoción, favorecendo a súa imaxe nos mercados exteriores. “Este ano, por citar algúns exemplos, temos, entre outras, a participación do sector agro alimentario na Feira Fancy Food nos Estados Unidos; a visita do sector naval á feira Norhsipping en Noruega; a asistencia do sector da Biotecnoloxia á Bio International Convention en Estados Unidos e á Expo BioJapan 2023, ou a participación do sector da pedra natural na Feira Marmomac en Italia”, afondou.
O director do Igape salientou que todas as actuacións están dirixidas a aumentar a base de empresas exportadoras, a fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais, e a conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.
O programa prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.
As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios que alcanzan o 90% no caso das pequenas e medianas empresas, porcentaxe que pode acadar ata o 70% para as grandes empresas.
“Desde o ano 2014 levamos destinado máis de 12 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes”, destacou Guldrís.
Récord histórico de exportacións
O director do Igape detallou que Plan de Misións comerciais enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que está a contribuír a que Galicia veña de lograr o seu récord histórico en exportacións: case 30.000 millóns ao peche de 2022, en concreto 29.886 millóns, o que supón un 18,3% máis que no anterior exercicio.
Unha cifra, lembrou, que permite a Galicia contar cun saldo favorable de 2.800 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas ao longo do último ano, mentres que en España o saldo segue a ser deficitario.
“E todo isto sen esquecer a resiliencia das empresas exportadoras galegas: en 2022, un total de 8.496 compañías realizaron vendas no exterior; e o que é máis importante, as empresas galegas exportadoras regulares -aquelas que exportaron nos últimos 4 anos-, acadaron as 2.653, récord histórico tamén que supón un incremento anual do 3,5%”, concluíu Guldrís.
A Xunta advirte da necesidade de financiamento europeo para que a automoción poida seguir medrando canda Galicia
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na inauguración do XXXII Salón do automóbil e a motocicleta de Vigo.
- Desde a Administración autonómica espérase que a nova convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado traia as respostas que precisa a industria galega.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou esta tarde na inauguración do XXXII Salón do automóbil e a motocicleta de Vigo que Stellantis está chamada a seguir medrando con Galicia, e que para iso precisa respostas para os seus plans de futuro. Gran parte delas, segundo subliñou, dependen do compromiso de fondos europeos, que a día de hoxe seguen a depender da vontade política do Goberno de España.
O salón do automóbil de Vigo reúne este ano a 35 marcas de vehículos e 25 de motos, que farán desta cita un dos eventos fundamentais do sector da distribución de vehículos en Galicia. Os automóbiles electrificados son os grandes protagonistas da edición, na que os organizadores estiman que recibirán arredor de 48.000 visitantes.
Conde, que lembrou que preto do 14 % do emprego industrial galego traballa no sector e que este supón máis do 32 % das exportacións galegas, apuntou que desde a Administración autonómica se espera que a nova convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado traia consigo as respostas que precisa a industria galega. Do mesmo xeito, incidiu en que as comunidades autónomas deben poder acceder en igualdade de condicións aos fondos europeos.
O responsable de Economía, Industria e Innovación subliñou que Galicia está a cumprir a súa parte, e así, desde 2009 a Xunta destinou máis de 210 millóns de euros para apoiar a evolución do sector.
Rueda salienta a capacidade de Galicia para captar investimentos, grazas á estabilidade institucional, á boa marcha da economía e á posición xeográfica estratéxica
- O presidente da Xunta presentou en Madrid a sociedade público-privada Impulsa Galicia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que a estabilidade institucional, a boa marcha da economía e a posición xeográfica estratéxica son os piares que fan de Galicia unha terra atractiva para o investimento. “Por Galicia paga a pena apostar”, proclamou o xefe do Executivo autonómico. Fíxoo durante a presentación da sociedade público-privada Impulsa Galicia en Madrid, encargada de identificar as oportunidades do escenario económico actual e poñelas ao servizo do progreso da nosa comunidade.
Ofrecer certezas respecto dos fondos europeos
Alfonso Rueda insistiu en que estes proxectos transformadores corren risco de non chegar a bo porto se o Goberno central non axiliza as axudas europeas que precisan facendo xa un reparto xusto, proporcionado e transparente dos Next Generation. Recordou, que no que respecta aos fondos que xestiona o Goberno galego, practicamente están mobilizados ao cen por cen, pero non así os que corresponden aos Perte. Dos 41.000 millóns asignados, hai máis de 28.600 que aínda non se convocaron e outros 7.000 que aínda non teñen un destinatario asignado. Polo tanto, apenas un de cada dez euros destas axudas chegaron ao tecido produtivo.
O presidente da Xunta asegurou que a Comunidade galega conta con todos os ingredientes para liderar ese cambio económico e social, gracias á seguridade xurídica, as figuras para axilizar e facilitar a implantación de novas empresas e á creación de emprego e de riqueza. Galicia ten xa máis postos de traballo a tempo completo que antes da pandemia, bateu o récord histórico de exportacións con 30.000 millóns de euros e está apostando polo seu capital humano, moi especialmente a través da Formación Profesional.
Fixo mención específica ao gran potencial enerxético de Galicia e exemplificouno coas plantas de hidróxeno verde que se están a proxectar para as zonas de transición de As Pontes e Meirama, a interconexión coa rede de gasodutos que acadou un fito a pasada semana coa alianza entre Reganosa e Enagás e a aposta por un desenvolvemento racional da enerxía eólica.
A carón das iniciativas emprendedoras
O mandatario galego confrontou o modelo da Xunta co de outras Administracións que cuestionan ao empresariado. Fronte a esa política, Alfonso Rueda quixo dar a benvida a todas as iniciativas emprendedoras que aposten por Galicia para implantarse no seu territorio e medrar da man da súa sociedade, xa que advertiu que un país non prospera sen empresarios. Neste senso, salientou as políticas ambiciosas da Xunta de solo empresarial e de darlle prioridade aos proxectos estratéxico, ademais de reivindicar infraestruturas claves para o progreso económico como o Corredor Atlántico Noroeste.
Rueda concluíu poñendo en valor as liñas de traballo do Goberno galego na aposta polo i+D+i, na captación de inversións produtivas e -a través da sociedade Impulsa- no pulo a proxectos con vocación transformadora co obxecto de situar no centro do mundo conectado a Galicia, da que defendeu as súas incalculables oportunidades.
A Xunta espera que o novo Perte do vehículo eléctrico ofreza certezas a un sector que supón preto do 14 % do emprego industrial de Galicia
- O director do Igape, Fernando Guldrís, participa na reunión da Alianza do Perte Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), convocada polo Ministerio de Industria, onde salienta a necesidade de que os principais fabricantes de España, incluíndo Stellantis, atopen nas futuras convocatorias unha resposta aos seus plans de futuro.
- Lembra que na primeira convocatoria do Perte VEC quedaron sen adxudicar ao redor de 2.200 millóns de euros, e que, en paralelo, de modo unilateral, se asignaron fondos para proxectos na Comunidade Valenciana e en Cataluña para financiar actuacións neste eido.
- Defende que se ofrezan respostas a outros proxectos relacionados coa automoción, como é o caso de Resonac, que proxecta unha planta para a fabricación de grafito destinada a baterías eléctricas.
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na reunión da Alianza do Perte Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), convocada por vía telemática polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, un encontro no que salientou a importancia de que o novo Perte “ofreza certezas” a un sector que, en Galicia, supón preto do 14 % do emprego industrial.
Neste sentido, Guldrís sinalou que, de cara a futuras convocatorias, os principais fabricantes de España, incluíndo Stellantis, deben atopar unha resposta aos seus plans de futuro. “Está en xogo a competitividade da planta de Stellantis en Vigo, e abaratar os custos de fabricación de vehículos. É un compromiso vital para a automoción galega, ao igual que a necesidade de comprometer os apoios precisos para que Stellantis Vigo poida contar coa nova plataforma para a fabricación dos futuros modelos eléctricos”, afondou.
Sobre esta base, o director do Igape lembrou que na última convocatoria se deixaron sen adxudicar ao redor de 2.200 millóns de euros no Perte VEC. Así mesmo, en paralelo e de modo unilateral, asignáronse 90 millóns de euros para a Comunidade Valenciana como apoio para o desenvolvemento dunha fábrica de baterías, e preto de 30 millóns de euros a Cataluña para financiar actuacións que faciliten o desenvolvemento do ecosistema eléctrico e conectado.
Guldrís aproveitou o encontro tamén para defender que se ofrezan respostas a outros proxectos relacionados coa automoción, como é o caso de Resonac, que podería impulsar unha planta para a fabricación de grafito destinada a baterías eléctricas.
“As comunidades autónomas debemos poder optar aos fondos en igualdade de condicións”, afondou o director do Igape, quen, de cara á próxima convocatoria do Perte do Vehículo Eléctrico, defendeu a importancia dun reparto “descentralizado e áxil dos fondos” que permita “recoñecer na súa xusta medida todo o esforzo que Galicia e o seu sector da automoción veñen facendo desde hai moito tempo para consolidarse como un referente nacional e internacional”.
A Xunta incide en que Galicia ten a oportunidade de despregar a eólica mariña desde o diálogo e a compatibilidade coa actividade pesqueira
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, clausurou hoxe en Ferrol o encontro Galician Offshore Internacional Hub, onde subliñou que a Comunidade pode posicionarse como un referente non só a nivel tecnolóxico e industrial, senón tamén en termos de xeración.
- Pon en valor a colaboración de máis de sete anos que ten Iberdrola con Navantia e Windar; os plans de expansión de Nervión Naval Offshore ou as futuras instalacións de Cobra e Saitec no porto exterior da Coruña.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, incidiu hoxe en Ferrol, na clausura do encontro Galician Offshore International Hub (GOInterHUB) en que Galicia ten a oportunidade de despregar as enerxías renovables, e a eólica mariña en particular, desde o diálogo e a compatibilidade coa actividade pesqueira.
O vicepresidente primeiro apuntou que Galicia pode posicionarse neste contexto como un referente non só a nivel de desenvolvemento tecnolóxico e industrial, senón tamén en termos de xeración. Conde fixo fincapé en que ese obxectivo non pode darse a calquera prezo, xa que por enriba de todo está a preservación dos ecosistemas mariños e a defensa do sector da pesca.
Na súa intervención, o vicepresidente primeiro reivindicou a experiencia de Galicia no eido industrial, poñendo como exemplo a colaboración de máis de sete anos que ten Iberdrola con Navantia e Windar, que suma contratos de eólica mariña por valor de preto de 1.300 millóns de euros; os plans de expansión de Nervión Naval Offshore no porto exterior de Ferrol e agora tamén na antiga planta de Siemens Gamesa; ou as futuras instalacións de Cobra e Saitec no porto exterior da Coruña.
Tal e como lembrou o responsable de Economía, Industria e Innovación, Galicia creou o Observatorio de eólica mariña como punto de encontro de todos os axentes implicados para identificar oportunidades e acordar os pasos a dar. Tamén se buscou sinerxías con outras comunidades, a través do Clúster da eólica offshore, xunto con Cantabria e Asturias, para desenvolver unha estratexia compartida que posicione o norte de España como un referente internacional neste eido.
Conde apelou ao diálogo e a que o Executivo central conte coas Comunidades Autónomas, sinalando que aínda está pendente a aprobación da normativa que regule o desenvolvemento dos parques de eólica mariña, así como as poxas para adxudicar a lámina de auga. Neste sentido, Galicia xa propuxo que, para evitar afeccións ao territorio, se adopte un modelo centralizado no que os promotores compartan as infraestruturas de evacuación.
A Xunta avalía co Observatorio da eólica mariña o Plan de Ordenación aprobado polo Goberno central
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela na reunión do Observatorio da eólica mariña. No encontro, no que participaron representantes de diferentes departamentos da Administración autonómica, do sector pesqueiro e da industria vinculada a este sector de actividade, avaliouse o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) aprobado esta mesma semana polo Goberno.
Na xuntanza reiterouse a necesidade de que o Executivo central se reúna co Observatorio da eólica mariña para encontrar puntos de encontro, sempre baixo a premisa de garantir a compatibilidade entre as actividades tradicionais e o desenvolvemento da eólica mariña.
Rueda salienta que o proxecto do gran centro de datos de Galicia avanza na súa materialización coa selección do seu socio industrial
- O presidente da Xunta mantivo unha reunión coa Sociedade Impulsa Galicia e a empresa Ingenostrum.
- Anuncia o acordo entre a Sociedade Impulsa Galicia e a compañía Ingenostrum para analizar esta iniciativa que busca o liderado da Comunidade na dixitalización.
-
Subliña que o proxecto encaixa nos obxectivos do Plan Nacional de Recuperación, polo que agarda o compromiso do Goberno central para dotalo de financiamento europeo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta que o proxecto do gran centro de datos de Galicia avanza na súa materialización coa selección do seu socio industrial. O titular do Goberno galego participou hoxe nunha reunión coa Sociedade Impulsa Galicia e a compañía Ingenostrum para explorar vías para a posta en marcha desta iniciativa que busca o liderado de Galicia na súa dixitalización.
Como xa avanzara o presidente do Executivo galego, Galicia quere impulsar un gran centro de datos con participación pública a través da Sociedade Impulsa que daría servizo a grandes empresas, pemes e institucións públicas. No encontro de hoxe, no que Alfonso Rueda participou acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, sentáronse as bases para avanzar na viabilidade desta iniciativa estratéxica para a dixitalización do tecido empresarial galego.
A Sociedade Impulsa Galicia traballa para ofrecer unha solución de primeiro nivel que garanta o almacenamento de datos cada vez máis inxentes e que precisan dunha xestión eficiente para garantir o seu almacenamento e unha conectividade de alta velocidade poñendo a disposición das empresas servizos aos que lles resultaría difícil optar no mercado. O obxectivo é dotar ao tecido empresarial galego dunha ferramenta con capacidade suficiente para procesar toda a súa información, con niveis de seguridade elevados. O investimento estimado sería de 400 millóns de euros e permitiría crear un centenar de postos de traballo entre directos e indirectos.
O titular do Goberno galego indicou que o acordo coa compañía Ingenostrum supón un paso máis na materialización deste proxecto e, polo tanto, un avance para dotar a Galicia de soberanía no control da súa información. “Queremos contar en Galicia cun dos centros de datos máis grandes e máis importantes da Península Ibérica que ademais daría servizo case ao cen por cen das empresas galegas”, indicou.
Financiamento a través dos fondos europeos
Con todo, Alfonso Rueda recordou que para que proxectos como este sexan unha realidade é necesario que o Goberno central dea unha viraxe de 180 grados na xestión dos fondos europeos. Tendo en conta que se trata dunha iniciativa que encadra nos obxectivos do Plan Nacional de Recuperación, faise preciso axilidade, certezas e xustiza no seu reparto.
Impulsa Galicia suma con este catro proxectos maduros que avanzan cara á transformación da sociedade e do seu tecido económico. Ademais do gran centro de datos, a Sociedade está a desenvolver outras iniciativas pioneiras como a fábrica de fibras téxtiles, a produción de biogás e o centro de xeración de hidróxeno renovable.
A Xunta salienta a importancia da Estratexia de Internacionalización que suma outros 20 M€ este ano para consolidar o mellor ciclo exportador da historia de Galicia
- O director do Igape, Fernando Guldrís, destaca no Parlamento o papel da Estratrexia como “folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes galegas, concentrando os esforzos, un ano máis, no impulso da dixitalización e a diversificación de mercados”.
O director do Igape, Fernando Guldrís, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, onde puxo en valor tanto a boa marcha das exportacións galegas, que están a acadar “rexistros históricos”, como o traballo que vén impulsando a Xunta en materia de internacionalización. Un esforzo que, como explicou, se traduce na Estratexia de Internacionalización, que suma este ano outros 20 millóns de euros na procura de seguir contribuíndo “ao mellor ciclo exportador da historia de Galicia”.
“As exportacións galegas aumentaron nun 18,3 % no conxunto do 2022 ata rozar os 30.000 millóns, o que permite a Galicia contar cunha balanza comercial de 2.802 millóns de euros, mentres que en España o saldo continúa a ser deficitario”, afondou Guldrís, quen expuxo que, de cara a seguir contribuíndo a estas “cifras récord”, o Goberno galego está a reforzar a súa colaboración co tecido empresarial.
Unha aposta, proseguiu, que se enmarca na Estratexia de Internacionalización “como folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes galegas, concentrando os esforzos, un ano máis, no impulso da dixitalización e a diversificación de mercados”.
Neste senso, durante os próximos meses, detallou o director do Igape, activarase unha nova convocatoria das liñas do Galicia Exporta cun orzamento conxunto de máis de 10 M€. Así, darase cobertura ás empresas galegas que queren desenvolver un plan para crear e adaptar os seus catálogos online e para posicionarse en canles de venda e marketing online –Exporta Dixital-, e incentivarase á realización de accións de promoción exterior -Exporta Empresas e Organismos Intermedios-.
Un traballo que complementa á nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais que destina 2,3 millóns a accións de internacionalización do tecido produtivo da Comunidade na procura de impulsar, durante este exercicio, preto de 200 misións en máis de 30 países.
Así mesmo, porase en marcha outra edición do programa de xestores de internacionalización que, dotado con 1,5 M€, facilita a adquisición de competencias profesionais e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior; ou impulsarase unha segunda edición da Aceleradora Galicia Avanza, que dará continuidade a unha primeira edición na que participaron 30 empresas -vinculadas sobre todo a sectores como o tecnolóxico, o biotech, así como servizos, sanitario e automoción- que tiveron a oportunidade de acceder a itinerarios, formación e asesoramento.
Ademais, continuou Guldrís, a Xunta seguirá acompañando ás empresas galegas a través das Antenas Igape, situadas en Casabranca, Miami, Cidade de México e Shanghái, estando previsto tamén expandir o labor comercial a novos mercados co inicio da actividade das antenas comerciais de Tokio e de Dubai. Ademais, manterase o servizo de licitacións internacionais, que facilita ás compañías galegas unha plataforma con información de contratación pública internacional.
Balance internacional
“Os empresarios galegos demostran estar á altura e merecen o maior apoio e recoñecemento para un labor que comprende unha gran capacidade de perseveranza e de saber afrontar novos retos, o que se traduce ao final no éxito da empresa internacionalizada”, salientou o director.
Un éxito que, como expuxo, está a acompañar o Goberno galego a través desta Estratexia de Internacionalización, “un documento vivo” que, como lembrou, contaba xa cun plan de acción inicial para o trienio 21-23 “no que nos atopamos inmersos”, dando continuidade ao labor xa feito nos últimos anos.
Neste sentido, proseguiu Guldrís, o compromiso da Xunta coa internacionalización ten permitido ás distintas Antenas do Igape prestar, no seu conxunto, máis de 1400 servizos ás empresas galegas. Así mesmo, desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, apoiáronse preto de 1.000 plans de promoción internacional, con accións de difusión, asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, e cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda total de 20,7 M€.
No tocante ao programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, impulsáronse preto de 150 iniciativas que se traducen en máis de 750 accións agrupadas -nas que participan varias empresas acompañadas por un organismo intermedio- entre as que destacan as misións directas ou visitas a feiras no estranxeiro (46,7 %), e as participacións como expositores en feiras internacionais (24,5 %), a máis de 50 países, cun importe de axuda de 8 M€.
E na aposta pola dixitalización, o Galicia Exporta Dixital facilitou ata o de agora máis de 400 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, mobilizando un investimento de máis de 17 M€.
Ademais, durante estes anos destináronse máis de 12 millóns á organización de misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes; achegáronse, desde ano 2016, máis de 3,3 M€ para a contratación de 189 xestores de internacionalización; e dotouse ao programa ReAcciona de novas posibilidades, con dúas novas liñas de análise de mercados internacionais e elaboración de plans estratéxicos adaptados ao novo escenario.
“Á vista desas metas acadadas, a Estratexia de Internacionalización é hoxe un dos mellores exemplos da cooperación co noso tecido empresarial”, subliñou o director do Igape. Unha colaboración, lembrou, que “ten permitido a Galicia rexistrar un novo récord histórico nas exportacións” cun crecemento constante en todas as provincias, “fito que nos fala da fortaleza do noso tecido produtivo”, e un incremento do 3,5 % no número das empresas galegas exportadoras regulares -aquelas que exportaron nos últimos catro anos-, que son xa 2.653.
“A fortaleza das vendas ao exterior alcanza, pois, a toda a Comunidade, e se prolonga no tempo: se no ano 2020 as exportacións representaban o 35,5 % do PIB, hoxe as vendas ao exterior representa o 43,4 %”, concluíu Guldrís.