Super User

  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reuniuse en Santiago de Compostela co presidente do Grupo, Qin Long, para avaliar o avance da tramitación desta iniciativa, un dos catro proxectos industrias estratéxicos declarados polo Goberno galego.
  • Ofrece o apoio da Administración autonómica para acompañalos na súa implantación na Comunidade co obxectivo de que inicie a súa construción este mesmo ano.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela co presidente do Grupo Sentury, Qin Long. Rueda puxo en valor o compromiso con Galicia demostrado por Sentury a través da implantación dunha planta de pneumáticos no concello das Pontes.

No encontro avaliouse o estado de tramitación desta iniciativa que, ademais, é un dos catro proxectos industriais estratéxicos declarados polo Goberno galego. Entre outras vantaxes, esta figura supón carácter prioritario de tramitación, así como a redución á metade dos prazos establecidos no procedemento.

Rueda trasladou todo o apoio ao alcance das competencias da Administración autonómica -que está facendo un gran esforzo no eido da axilización e a simplificación para a captación de investimentos- para acompañar a Sentury en todo o proceso de instalación en Galicia co obxectivo de que poida iniciar este ano a súa construción.

O proxecto de Sentury nas Pontes consiste na construción dunha planta de pneumáticos de alto rendemento co obxectivo de alcanzar unha produción anual de 12 millóns de pneumáticos. Prevé un investimento de 531 M€, así como a creación de 750 empregos directos.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión co representante da multinacional estadounidense, que abrirá proximamente unha oficina e un laboratorio na Sionlla Biotech.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión de traballo co representante en Galicia da multinacional estadounidense Zinpro, Arturo Gómez, para avaliar os plans de futuro desta compañía na Comunidade.

Zinpro vénse de unir ao proxecto da Sionlla Biotech -en Santiago de Compostela- a través da próxima apertura dunha oficina e un laboratorio que se destinará á fermentación artificial para obter novos produtos para rumiantes.
 

O Goberno galego valorou a oportunidade que supón a implantación desta multinacional en Galicia, xa que sería interesante sumar a súa experiencia ao ecosistema galego de I+D contando, ademais, con que a Comunidade é un referente tanto no sector gandeiro como no que a industria alimentaria se refire posibilitando, deste xeito, posibles sinerxías.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Santiago de Compostela as novas instalacións.
  • Cunha axuda autonómica de 4,2M€ para un investimento de oito millóns, converterase nun centro neurálxico para o ecosistema galego de I+D+i vinculado ás ciencias da vida.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Santiago de Compostela as instalacións do novo centro de investigación empresarial de Mestrelab, do que destacou que sitúa a Marca Galicia como referente internacional en biotecnoloxía.

Na súa intervención, Conde explicou que se trata dun centro pioneiro xa que, xunto co impulsado por Borgwarner, será dos primeiros que se poñerán en marcha no marco do programa das Unidades Mixtas de Investigación do Goberno galego. En concreto, agárdase que actúe como centro neurálxico para o ecosistema galego de I+D+i vinculado ás ciencias da vida con achegas á investigación farmacéutica, química e biotecnolóxica.

O programa conta cunha axuda da Axencia Galega de Innovación de 4,2M€ para un investimento total de 8M€ e prevese que dea traballo a máis dunha trintena de profesionais e que conte con 15 empresas entre usuarias e colaboradoras nos proxectos de investigación que se poñerán en marcha.

Mestrelab desenvolve solucións de software que, actualmente, están a ser utilizadas por preto de 500 clientes da industria farmacéutica, biotecnolóxica e química e por máis de 2000 universidades de todo o mundo. Grazas á súa tecnoloxía, por exemplo, as vacinas contra a covid desenvolvéronse en tempo récord. Conde rematou subliñando que este novo centro permitirá incrementar a carteira de solucións e produtos do sector biotecnolóxico galego e redobrar a excelencia do Campus Vida, ademais de complementar a actividade do Polo biotecnolóxico da Sionlla.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinala que esta figura permite a redución de prazos, incluíndo a concesión da licenza de obra.
  • Resalta que os resultados positivos das probas piloto tamén contribúen a que o proxecto se poida poñer en marcha canto antes.
  • Apela a seguir traballando desde as diferentes administracións para que poida acceder a fondos europeos un proxecto “absolutamente referente” no eido da economía circular.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou que a Xunta vai avaliar a solicitude que Ence ten previsto presentar nas próximas semanas para tramitar a planta das Pontes como proxecto industrial estratéxico. Tal e como subliñou Conde, esta figura permitiría a redución de prazos administrativos, incluíndo a concesión da licenza de obra no propio expediente. Do mesmo xeito, sinalou que tamén é boa sinal o resultado positivo das probas piloto, que xa marcan “unha clara orientación para que se poida poñer en marcha canto antes”.

Segundo Conde, esta iniciativa pon en valor o compromiso que Ence ten con Galicia, que pasa pola planta de Lourizán e que agora vai pechar o ciclo cun novo proxecto de economía circular e cun compoñente de innovación e tecnolóxico “que vai permitir que Galicia sexa tamén un referente neste tipo de proxectos”.

O responsable de Economía, Industria e Innovación apuntou que a planta de Ence se suma a diferentes iniciativas que tamén se están tramitando, como a planta de pneumáticos de Sentury Tire nas Pontes, o proxecto de Biomasa Forestal (Triskelion) para producir metanol verde en Mugardos ou a planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables. Conde, que tamén fixo referencia a iniciativas vinculadas a Nervión Naval Offshore e IFFE Biotech, sinalou que no actual contexto de transformación do tecido produtivo se pode converter unha situación de dificultade como o peche da central térmica nunha oportunidade.

O vicepresidente económico remarcou que o de Ence é un proxecto disruptivo e innovador que dá resposta aos elementos que está pedindo a Comisión Europea, e nese sentido fixo fincapé en que “imos seguir colaborando entre as distintas administracións e neste caso apoiando para que Ence poida acceder aos fondos europeos”. 

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participa, no marco do XXIII Foro de Axencias de Desenvolvemento Rexional, nun panel sobre as posibilidades que ofrecen as ADR como instrumentos na cooperación iberoamericana.
  • Destaca o traballo realizado polas Antenas do Igape, que acompañan ás pemes galegas nos seus procesos de internacionalización sumando máis de 1400 servizos nos últimos tres anos.
  • Lembra que está en marcha una nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que desde a súa posta en marcha no 2014 permite impulsar misións empresariais directas e a participación das pemes galegas en feiras e eventos internacionais, con actuacións en ata 70 países.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá nunha mesa de traballo no XXIII Foro de Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) na que se afondou nas posibilidades que ofrecen estes organismos como instrumentos estratéxicos na cooperación iberoamericana. Un marco no que salientou a importancia da cooperación público-privada para fortalecer a Marca Galicia e consolidar a internacionalización do tecido produtivo galego. 

“O bo facer e o prestixio das nosas marcas líderes internacionais fortalece a Marca Galicia, do mesmo xeito que o prestixio da nosa terra potencia o posicionamento competitivo das empresas galegas nos mercados internacionais”, indicou Guldrís, quen salientou que “ao longo destes anos fomos creando comunidades moi sólidas en todo o mundo, tamén en Iberoamérica”. 

Un traballo conxunto que, como explicou o director do Igape, se materializa en boas prácticas capaces de consolidar “lazos comerciais”. Neste sentido, resaltou, entre outros, os distintos acordos asinados co Estado de México, co Estado de Antioquia (Colombia), ou coa provincia de Tungurahua (Ecuador), que facilitan o diálogo e supoñen vantaxes directas para as empresas galegas promovendo os investimentos e o comercio bilateral coas rexións.  

Así mesmo, Guldrís fixo fincapé no papel que están a desempeñar as Antenas do Igape, que acompañan ás pemes galegas nos seus procesos de internacionalización sumando máis de 1400 servizos nos últimos tres anos.  

Neste mesmo marco de aposta pola internacionalización, lembrou Guldrís, activouse hai uns meses unha nova convocatoria da liña de bolseiros de internacionalización, que permite aos participantes adquirir competencias profesionais en mercados exteriores. A iniciativa suma, desde a súa posta en marcha, 400 novos titulados galegos especializados en comercio exterior, que colaboran coa internacionalización das empresas en mercados como Estados Unidos, Filipinas, Dubai, Arxentina, Xapón, Canadá, Tailandia, Brasil, Corea do Sur, México ou Emiratos Árabes. 

Así mesmo, o director do Igape indicou que está en marcha unha nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que desde a súa posta en marcha no 2014 permite impulsar accións directas e a participación das pemes galegas en feiras e eventos internacionais, con presenza en ata 70 países.

“Todas estas prácticas e actuacións representan moi ben a Galicia na que estamos a traballar: unha Galicia moderna e de futuro, innovadora e aberta ao mundo. Unha Galicia que, como saben, alcanzou novos fitos en exportacións: falamos dun récord histórico con case 30.000M€ en exportacións e dun total de 8.496 compañías que realizaron vendas no exterior durante o ano pasado”, concluíu Guldrís.

  • O presidente da Xunta participou na clausura da asemblea do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga).
  • Reclama que Stellantis Vigo poida acceder á nova convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado, tras quedarse sen asignar máis de 2.000 M€ de fondos europeos na primeira edición.
  • Solicita do Goberno central un trato xusto con Galicia, tendo en conta que a industria da automoción contribúe a que España sexa o segundo país produtor de Europa.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca o bo comportamento do sector galego da automoción, que pechou o 2022 coa cifra de negocios no seu nivel máis alto e con récord de exportacións. Na clausura da asemblea do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), o titular do Goberno autonómico solicitou do Goberno central un trato xusto con Galicia no reparto dos fondos europeos, tendo en conta que o este sector contribúe a que España sexa o segundo país produtor de Europa. 

Alfonso Rueda, que asistiu acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, puxo en valor os bos resultados do sector nun ano difícil para a automoción galega polos problemas de aprovisionamento, a suba de prezos das materias primas, a crise enerxética e a inflación. Malia todo, resistiu e pechou o último exercicio contable coa cifra de negocios no seu nivel máis alto e con récord de exportacións. Destacou, ademais, que Galicia lidera o ránking nacional e que o sector galego da automoción representa o 13,8 % do emprego industrial na Comunidade. Galicia, co grupo Stellantis á cabeza e con toda a súa industria auxiliar, fabricou o 19 % dos vehículos producidos en España. 

O presidente da Xunta pediu que, atendendo a estes datos, se actúe en consecuencia e que o Goberno central teña en conta o peso da automoción galega no reparto dos fondos Next Generation, “a maior oportunidade que ten ante si o sector”, subliñou. Nese sentido, aplaudiu que se anunciara unha segunda convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado, coa posibilidade de emendar os erros da primeira, pero pediu “resultados”. Alfonso Rueda, de feito, solicitou o apoio do sector para esixir ao Goberno que os máis de 2.000 millóns de euros que quedaron sen asignar no primeiro Perte Vec se repartan tendo en conta as necesidades e as oportunidades da automoción galega; especialmente, de Stellantis Vigo. 

Rueda confiou en que se manteñan os prazos e que a convocatoria non se retrase máis alá do mes de maio para que a factoría de Balaídos poida planificar novos investimentos na Comunidade. “Galicia, como principal produtora, quere ser parte da solución”, indicou.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela na xornada organizada por APD e Unirisco ‘Investir en ciencia si é rendible’.
  • O Goberno galego tramita un decreto para garantir a estabilidade de máis de 500 investigadores e técnicos de investigación de centros públicos.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na xornada Investir en ciencia si é rendible, organizada por APD e Unirisco, na que explicou que a Xunta de Galicia impulsa a Axenda de startups co obxectivo de promover o seu crecemento e fomentar a captación de investimentos e novos socios.

Así, no eido do financiamento do emprendemento innovador, Galicia conta con este instrumento -cun orzamento de 14,7M€-, ademais da Axenda Financeira para 2023 na que se reservan 140M€ e que contempla apoios específicos para investimento en innovación. Así, a través de XesGalicia, destínanse por exemplo 10M€ a este ámbito a través dos fondos Galicia InnovaTech e Galicia Iniciativas Emprendedoras.

Conde defendeu que é rendible investir en ciencia tanto polo impacto na saúde e benestar, no medio ambiente, na medicina e na industria; como polo retorno que xera en termos de coñecemento, talento, competitividade e progreso social e económico.

Explicou que Galicia está investindo en ciencia, poñendo en marcha infraestruturas como o Polo biotecnolóxico da Sionlla ou o primeiro centro en Galicia para o desenvolvemento de terapias avanzadas contra o cancro; apoiando o emprendemento innovador a través das business factory (BioIncubaTech, BFAuto, BFFood ou BFMedicines); con iniciativas que contribuirán ao desenvolvemento das capacidades empresariais como os Hubs de Innovación Dixital. Pero tamén a través dun decreto para que a carreira investigadora se poida desenvolver en Galicia coas mellores condicións laborais, garantindo a súa estabilización e do que se poderían beneficiar máis de 500 profesionais entre investigadores e técnicos de investigación.

O vicepresidente económico destacou que Galicia, a través das empresas biotech e os centros de coñecemento, está xerando produtos e servizos innovadores que contribúen a captar e reter talento. É o caso de compañías apoiadas pola Xunta como Celtarys, Libera Bio ou BFlow; ou empresas tractoras que apostan pola Comunidade como Janssen y Lilly, Lonza ou Indukern. Neste sentido incidiu na necesidade de que a ciencia sexa respaldada con apoio tanto público como privado.

  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde do municipio ourensán, Manuel Prado.
  • Na xuntanza abordáronse diferentes medidas para potenciar o solo empresarial e atraer novas iniciativas cara á localidade.
  • Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Beariz, Manuel Prado, no que avaliaron novas vías de colaboración para impulsar a actividade empresarial no municipio.

Na xuntanza abordáronse, entre outras cuestións, a adecuación dos accesos ao Parque Empresarial de Lebozán desde a OU-212, unha actuación que rematará nos próximos meses e á que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou 450.000 euros. Ademais, o Concello solicitou unha axuda da Secretaría Xeral de Industria, que está nestes momentos en fase de estudo e valoración, para obras de pavimentación dun viario.

Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa impulsada en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a través de diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a dinamización económica.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nas primeiras accións do programa Misións Comerciais 2023, unha actividade que levamos adiante coa colaboración das Cámaras de Comercio.

Estas son as próximas citas: 

Misión Comercial a Japón (centrada en sector saúde)

Datas: 8-15 outubro

Fin da inscrición: 04/09/2023

Inscrición AQUÍ

 

Misión Comercial a Portugal

Datas: 22-27 outubro

Fin da inscrición: 05/09/2023

Inscrición AQUÍ

 

Misión Comercial a República Checa e Hungría

Datas: 22-28 outubro

Fin da inscrición: 08/09/2023

Inscrición AQUÍ

 

Misión Comercial a Rumania, Bulgaria e Moldavia

Datas: 15-21 outubro

Fin da inscrición: 08/09/2023

Inscrición AQUÍ


Misión Comercial a Croacia, Serbia, Bosnia e Eslovenia

Datas: 22-28 outubro

Fin da inscrición: 12/09/2023

Inscrición AQUÍ


Misión Comercial a Azerbaiyán e Georgia

Datas: 15-21 outubro

Fin da inscrición: 12/09/2023

Inscrición AQUÍ


Visita Feira MOTEK, FAKUMA, AIRTEC

Datas: 9-28 outubro

Fin da inscrición: 15/09/2023

Inscrición AQUÍ


Visita Feira Kormarine, Bexco, Busan - Corea do Sur

Datas: 22-30 outubro

Fin da inscrición: 15/09/2023

Inscrición AQUÍ


Misión Comercial a Países Baixos e Bélxica

Datas: 15-21 outubro

Fin da inscrición: 15/09/2023

Inscrición AQUÍ


Misión Comercial a Polonia

Datas: 1-14 outubro

Fin da inscrición: 15/09/2023

Inscrición AQUÍ


Visita Feira China Fisheries & Seafood Expo

Datas: 23-29 outubro

Fin da inscrición: 21/09/2023

Inscrición AQUÍ


Misión Comercial a Reino Unido

Datas: 22-28 outubro

Fin da inscrición: 02/10/2023

Inscrición AQUÍ








  • O presidente da Xunta visitou a nova planta da empresa na comunidade.
  • Destacou a “gran oportunidade” que supón este proxecto para xerar valor engadido ao leite galego a través da súa transformación sen saír de Galicia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que a nova planta de desenvolvemento de proteínas lácteas de Inleit en Curtis vai situar Galicia á vangarda da industria láctea e contribúe a impulsar a transformación do leite galego na propia comunidade. “Este é un gran proxecto e unha gran oportunidade. Temos unha materia prima de primeira calidade e o noso interese e que estas materias primas poidan transformarse aquí, con todo o valor engadido que isto supón”, indicou o presidente durante unha visita as novas instalacións.

Nesta liña, o presidente lembrou que Galicia xa é unha potencia na produción de leite –“é a principal produtora de España e está entre as dez primeiras de Europa”, indicou-, pero que o obxectivo da Xunta é facer de Galicia un referente en todas as fases vencelladas ao sector lácteo: desde a recollida ata a transformación do leite e a comercialización final dos produtos.

Para iso, Rueda resaltou a importancia de aumentar a porcentaxe de leite recollida en Galicia que se transforma tamén na comunidade -na actualidade xa se supera o 63% e o obxectivo é chegar ao 75 % no 2025- e de apostar pola innovación e a modernización do sector para situarse á vangarda da industria láctea.

O novo centro de fabricación avanzada de Inleit para desenvolver ingredientes lácteos de alto valor engadido en Curtis vai nesa dirección. Nesta planta vanse poder levar a cabo proxectos de I+D no eido lácteo desde a comunidade que, ata agora, había que encargar a empresas no estranxeiro, o que permitirá que Galicia se consolide coma un dos epicentros da innovación no sector.

Ademais, Rueda resaltou a importancia de que os promotores comprometéronse a seguir mercando gran parte do leite a gandeiros galegos -só no 2022 adquiriron máis de 200 millóns de litros a 278 explotacións galegas- e a contar tamén cos centros tecnolóxicos galegos para os seus proxectos de I+D.

Rueda lembrou que a Xunta outorgou 14 millóns en axudas para a ampliación e mellora das instalacións de Inleit desde que iniciou a súa actividade en Galicia. Ademais o Goberno galego leva anos traballando para impulsar a modernización e mellorar a competitividade do sector lácteo a través de medidas como a Estratexia de dinamización deste eido; a Lei de recuperación da terra agraria, axudas para impulsar centros de fabricación avanzada ou apoiando unha candidatura forte de Galicia aos fondos europeos a través do Perte agroalimentario. “Agardamos que non se repitan as malas experiencias noutros Perte”, indicou.

Bo momento do sector lácteo galego

Durante a súa intervención, Rueda subliñou ademais o bo momento que está a vivir o sector lácteo galego e que consolida a Galicia como unha potencia europea neste eido. O prezo que se lles paga aos gandeiros por litro incrementouse de forma constante nos últimos 19 meses -o que fai que a facturación por venda de leite alcanzase récords históricos con máis de 1.300 millóns de euros no 2022- e nos últimos oito anos, a produción media por explotación aumentou case un 74 %.